DO XOVES 8 AO DOMINGO 11 DE ABRIL
Mércores 7 de abril do 2010
Este xoves 8 de abril comeza na carpa localizada para tal fin no aparcamento do Parque do San Martiño a I Festa Multicultural da Cervexa de Carballo, que pecha a programa do festival Panxea, desenvolvido entre o xoves 1 e o domingo 11 de abril. O obxectivo desta festa é o de vivir unha verdadeira Oktoberfest en Carballo e supón unha achega á gastronomía típica de países como Alemaña e Bélxica. A Festa Multicultural da Cervexa trae ata o domingo 11 concertos, xogos, sorteos, diversión e moita gastronomía. Os menús correspondentes á tradición belga que estarán dispoñibles na carpa son mexillóns ao vapor con patacas fritas e ovos ao forno con touciño, xunto coa cervexa Affligem; mentres que para a gastronomía alemana proponse codillo de porco ao forno e variedade de salchichas alemanas, xunto coa cervexa Paulaner. O acto de inauguración: o xoves a partires das 19.00 horas.
EN HORARIO DE 9.15 A 14.00 HORAS
Luns 5 de abril do 2010
O Concello de Carballo, en colaboración coa Axencia Provincial da Enerxía (FAEPAC) e o Instituto Enerxético Galego (Inega) informa de que está prevista a celebración de varios Cursos de Condución Eficiente no municipio o luns 19 e o martes 20 de abril pola mañá, entre as 9.15 e as 14.00 horas. As actividades consisten na celebración de unidades didácticas orientadas a condutores habituais, non profesionais. Estes cursos diríxense tanto a colectivos de profesionais, policías, bombeiros ou parques móbiles, como a particulares. Constan dunha parte teórica, na que se imparten as técnicas de condución eficiente, e as súas implicacións; e unha parte práctica na que os alumnos desenvolven as técnicas adquiridas nun vehículo. O obxectivo desta iniciativa é que os alumnos coñezan diferentes mecanismos que lles permitirán aforrar nos consumos do coche. A inscrición, gratuíta, pode formalizarse na Alcaldía do Concello de Carballo de 9.00 a 14.00 horas. Máis información no 981 704 100 e no 981 102 111.
ATÉ O XOVES 6 DE MAIO
Luns 5 de abril do 2010
A Comisión de Festas de San Xoán de Carballo vén de aprobar as Bases da Convocatoria do Concurso do Cartel Anunciador das Festas de San Xoán 2010, que se celebrarán entre o 22 e o 27 de xuño. O martes 6 de abril comeza o prazo de entrega de obras do certame. Os autores poden utilizar calquera técnica e o gañador recibirá un premio de 450 euros patrocinado por Óptica Enríquez. O prazo de presentación esténdese até o xoves 6 de maio e debe entregarse a proposta nas oficinas do primeiro andar do Pazo da Cultura. A Comisión de Festas faralle chegar as bases ás asociacións culturais de Carballo, Institutos de Educación Secundaria de Carballo e da comarca e outras institucións culturais relacionadas co deseño, a pintura e a fotografía de Galicia. Na edición anterior presentáronse ao redor de 40 concursantes de concellos de toda Galicia.
ADSCRICIÓN DO CIRCUÍTO DE MOTOR DE BÉRTOA AO INVENTARIO
Martes 30 de marzo do 2010
A corporación, reunida en sesión plenaria ordinaria o luns 29 de marzo, vén de sacar adiante a nova Normativa de uso das instalacións deportivas e das escolas deportivas municipais por parte das entidades e clubs deportivos e a modificación da Ordenanza número 22 dos prezos públicos destas mesmas instalacións, que mantén o prezo dos abonos actuais, pero aumenta o custo do ticket individual (especialmente para a nova piscina Vila de Noia -na imaxe- que ofrece moitos máis servizos) e engade posibilidades como o aluguer dos campos de fútbol municipais. Así mesmo, o pleno aprobou a adscrición do Circuíto de Motocross de Bértoa ao Padroado Deportivo, pasando a formar parte do Inventario Municipal cunha superficie de 57.000 metros cadrados útiles. Por último, no apartado de deportes, sacouse adiante a regulación laboral do Padroado, coa aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT).
ADXUDICACIÓN PROVISIONAL DO SERVIZO DE LIMPEZA DE PRAIAS
Luns 29 de marzo do 2010
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria o luns 29 de abril, vén de adxudicar a dous arquitectos técnicos o contrato administrativo de servizos para a 'Dirección da execución e coordinación de seguridade e saúde da obra de Remodelación do Mercado Municipal do Concello de Carballo'. O prezo de adxudicación ofertado é de 46.480 euros mentres que o prazo de execución é o previsto para a realización dos traballos de reforma, estimado en 10 meses. Nestes momentos xa están practicamente superados todos os trámites administrativos -incluídos os relativos ao traslado dos postos dos concesionarios- previos ao inicio das obras do mercado municipal que principiarán, con toda probabilidade, despois de Semana Santa e que correrán a cargo da empresa carballesa Decoraciones J. Bello por un importe de 1.881.446,32 euros.
DO 1 AO 11 DE ABRIL
Venres 26 de marzo do 2010
Unha carpa situada no Parque do San Martiño da capital municipal, así como o Pazo da Cultura de Carballo serán os emprazamentos onde terá lugar entre o xoves 1 e o domingo 11 de abril a cuarta edición do festival Panxea. Segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, esta cita ten evolucionado en dúas direccións dende os seus comezos. Xurdiu como un festival musical e gastronómico e nos últimos tempos tense convertido nunha cita máis relacionada coa multiculturalidade, mantendo o seu espírito gastronómico e estendendo a súa duración no tempo transcendendo a época da Semana Santa, á que estivo circunscrita nun principio. As claves do Panxea 2010 son, ademais da presenza da xa tradicional Feira Multicultural, do pan de Carballo e dunha chocolatada popular, un ciclo de cine -neste caso africano- e a Festa Multicultural da Cervexa, entre o xoves 8 e o domingo 11 de abril.
ADSCRICIÓN DO CIRCUÍTO DE MOTOR DE BÉRTOA AO PADROADO
Venres 26 de marzo do 2010
A sesión plenaria ordinaria do mes de marzo, que ten lugar o luns 29 a partires das 20.30 horas, estará centrada na súa maior parte en asuntos relacionados co Padroado Deportivo Municipal, que na última xuntanza do seu Consello Reitor ten acordado varias medidas. Entre elas, destaca a nova Normativa de uso das instalacións deportivas e das escolas deportivas municipais por parte das entidades e clubs deportivos ou a modificación da Ordenanza número 22 dos prezos públicos das instalacións deportivas. Tamén hai que subliñar a adscrición ao Inventario Municipal do Circuíto de Motocross de Bértoa, que pasará a formar parte dos bens do Padroado Deportivo Municipal. Cunha superficie de 57.000 metros cadrados útiles, dende a súa recuperación está sendo amplamente empregado polos afeccionados e afeccionadas do motor do municipio e da comarca. No apartado deportivo, hai que mencionar, así mesmo, a aprobación da Relación de Postos de Traballo do Padroado.
ENTRE O 11 DE ABRIL E O 13 DE XUÑO
Venres 26 de marzo do 2010
A Asociación Senda Nova organiza, co patrocinio do Concello de Carballo e a colaboración do grupo municipal de Protección Civil, o programa 'Primavera en ruta por Bergantiños', unha actividade que xorde coa vontade de por en valor o patrimonio ambiental, paisaxístico, histórico e cultural de Carballo e doutros puntos da comarca. Segundo José Manuel Menéndez, de Senda Nova, estas rutas levan detrás un traballo en prol da recuperación de corredoiras, monumentos megalíticos e espazos naturais que pretende descubrilas ao público "nunha época na que xa apetece saír a camiñar". As rutas transcorren por un total de 7 concellos e arredor de 20 parroquias e desenvólvense nas fins de semana entre o 11 de abril o 13 de xuño. A inscrición ten un prezo simbólico de 3 euros e as saídas de cada ruta serán dende o Pazo da Cultura ás 9.30 horas.
VENRES 26 E DOMINGO 28 DE MARZO
Xoves 25 de marzo do 2010
Esta próxima fin de semana continúa o programa dos Venres Culturais 2010 con teatro e monicreques nunha oferta tanto para público adulto como infantil. O venres 26 de marzo a compañía ourensá Sarabela Teatro presenta 'A Esmorga', baseada na novela escrita por Eduardo Blanco Amor, publicada hai cincuenta anos e considerada unha obra cume da narrativa galega. A cita é a partires das 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. O domingo 28 de marzo segue, en cambio, a programación 'En Familia' coa compañía Títeres Trompicallo e o seu espectáculo 'Violeta Coletas contra as salchichas gulp!', que está dirixido ao público familiar. Neste caso, a cita é ás 18.00 horas, tamén no auditorio. O prezo da entrada para a función de Sarabela Teatro é de 5 euros e 3,5 o prezo reducido. O prezo das entradas para os monicreques é de 2,50 euros, co prezo ordinario, e de 2 euros co prezo con desconto.
CAMPAÑA MUNDIAL 'A HORA DO PLANETA'
Martes 23 de marzo do 2010
O Concello de Carballo vén de adherirse á campaña 'A hora do planeta', promovida por WWF/Adena, unha entidade creada en 1968 que traballa a prol da conservación da natureza. Esta iniciativa xorde como unha das maiores chamadas á acción cidadá organizada até o momento, e ten o obxectivo de demostrar que a actuación conxunta dos cidadáns de todo o mundo pode server para ofrecer alternativas ao cambio climático. 'A hora do planeta' de WWF pretende implicar a máis de mil millóns de persoas e movilizar a 6.000 cidades en todo o mundo. A cita é o sábado 27 de marzo entre as 20.30 e as 21.30 horas, cando se apagarán as luces de monumentos, rúas, empresas e fogares por todo o planeta para tratar de concienciar sobre a conservación do medio ambiente. No caso de Carballo, está previsto apagar o alumeado público do entorno da Praza do Concello e anímase aos veciños e veciñas a que colaboren dende as súas vivendas.
A DEPUTACIÓN COLABORARÁ COA CREACIÓN DO NOVO CENTRO DE DÍA
Luns 22 de marzo do 2010
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou a intención do Concello de manter novos contactos coa Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta para tentar axilizar a aprobación dunha modificación puntual do PXOM que cambia a cualificación do chan no entorno das instalacións de Aspaber (Asociación Comarcal de Pais de Diminuídos Psíquicos de Bergantiños) para permitir a súa ampliación, coa creación dunha nova residencia e centro de día. Así transcendeu na xuntanza celebrada hoxe no centro da Brea, na que tamén estiveron o Presidente de Aspaber, Francisco Costa; a directora da entidade, Dolores Fernández; a Concelleira de Benestar, Dores Silveira; e o Deputado provincial, Xan Sande. Este último manifestou, á súa vez, a vontade do organismo provincial de contribuír ao financiamento das novas instalacións cunha achega cuxo importe haberá que concretar no futuro.
O DOMINGO 21 DE MARZO ÁS 12.00 HORAS
Xoves 18 de marzo do 2010
A Asociación Ambiental Senda Nova, en colaboración co Concello de Carballo, a Asociación de Veciños Fontesalgueira de Vilela (Entrecruces) e a Anpa 'A Granxa' do CEIP Bergantiños, propón a súa particular homenaxe á arbore o domingo 21 de marzo, declarado Día Mundial Forestal. Está previsto un acto que terá lugar o día de entrada da primavera, ás 12.00 horas nun entorno tan emblemático e privilexiado como o da Férveda de Entrecruces. Alí, coa colaboración dos alumnos do CEIP Bergantiños, plantaranse acivros cedidos pola Asociación Fontesalgueira, así como carballos e loureiros adquiridos coa colaboración da Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Carballo, creándose un conxunto dun total de 15 árbores. Darase lectura a un manifesto en defensa dos nosos árbores e rematará a actividade cunha visita interpretativa a todo o entorno da Férveda.