A MAIORÍA, 248, REFÍRENSE AO ALUMEADO PÚBLICO
Xoves 15 de abril do 2010
No primeiro trimestre do ano 2010 o Concello, a través da Alcaldía, ten recibido un total de 445 avisos de veciños e veciñas para realizar servizos de mantemento e arranxos en todo o territorio municipal, unha cifra que supón un incremento dun 15 por cento respecto do mesmo período de 2009, e dun 38 por cento respecto de 2008. A Brigada de Obras é a encargada de xestionar estas peticións, que na súa maioría (con 248 chamadas e un 55,7 por cento do total) refírense a substitucións e reparacións no alumeado público. Dende o ano 2008 este servizo non ten deixado de medrar, pasándose de 188 avisos no primeiro trimestre dese ano, a 200 en 2009 e aos 248 de 2010. As demandas veciñais tamén se centran nos sinais de tráfico; nos servizos básicos; en Carballo Limpo; nos equipamentos dos edificios municipais; na limpeza de espazos públicos ou na mellora da rede viaria. Os veciños e veciñas poden realizar as súas peticións ou demandas no teléfono 981 704 700.
AS DOMICILIACIÓNS CÓBRANSE A PARTIRES DO 12 DE MAIO
Mércores 14 de abril do 2010
O Concello de Carballo informa aos contribuíntes de que está aberto o período voluntario de cobro das liquidacións resultantes dos Padróns Fiscais das Taxas de Lixo Vivenda, Lixo Comercial, Reserva espacio estacionamento e vaos, e o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica correspondentes todos eles ó período impositivo de 2010. O prazo de pago abrangue dende o día 12 de abril até o día 14 de xuño de 2010. Durante este período, os contribuíntes poderán facer efectivo o pago das correspondentes débedas nas oficinas da Recadación Municipal, situadas na rúa Camiño Novo nº 7 entreplanta Galerías Comerciais, en horario de luns a venres, de 09:00 a 13.30 horas, e de 16:00 a 18:30 horas. Os recibos domiciliados pasaranse ao cobro a partires do día 12 de maio de 2010.
HOUBO UN TOTAL DE CINCO FERIDOS
Mércores 14 de abril do 2010
O informe mensual da Policía Local carballesa indica que en marzo de 2010 téñense rexistrado un total de 16 accidentes de tráfico -tres máis que en febreiro deste mesmo ano, aínda que un menos que en xaneiro-, mentres que o número de feridos pasa a 5 fronte aos 2 de febreiro e os 7 de xaneiro. Hai que mencionar a presenza dun peón ferido durante o pasado mes, mentres que, dos feridos en vehículos, un é un condutor dun turismo e outros tres, ocupantes. No que respecta ao apartado de delictos, furtos, danos e outros, téñense producido un total de 16 incidencias deste tipo, das que catro son roubos con forza (a mesma cifra que en febreiro); tres son roubos de vehículos e un caso refírese á violencia de xénero, ademais dun roubo no interior dun vehículo, entre outros. Hai que subliñar que no mes de marzo non se ten rexistrado ningunha denuncia no municipio por roubos polo método do 'tirón'.
VENRES 16 DE ABRIL ÁS 21.00 HORAS
Mércores 14 de abril do 2010
O director, bailarín e intérprete Henrique Peón Mosteiro, coñecido como Quique Peón, é o responsable de 'Ovay', o espectáculo que abre o programa de actividades do programa Primavera enDanza, que encherá o Pazo da Cultura de baile as fins de semana do mes de abril. 'Ovay' é a viaxe interior dun bailarín, o percorrido polos estadios da súa evolución persoal, coas preguntas e respostas do que foi, do que é e do que está por ser. Un bailarín enfróntase con valentía para reivindicar unha identidade cultural renovada, para procurar un equilibrio maduro entre o enxebre e o depurado. Esta produción conta co respaldo do Centro Coreográfico Galego e ten unha duración prevista duns 50 minutos. A cita é o venres 16 de abril ás 21.00 horas e o prezo da entrada é de 3,5 €, de 2,5 € con desconto. As entradas poden reservarse nas oficinas do Pazo da Cultura ou mercarse dende dúas horas antes do inicio do espectáculo no despacho de billetes do Pazo.
O PRAZO DE EXECUCIÓN PREVISTO É DE 10 MESES
Martes 13 de abril do 2010
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, así como responsables da empresa carballesa adxudicataria dos traballos, Decoraciones J. Bello, e varios técnicos veñen de asinar hoxe, martes 13 de abril, a acta de replantexamento que marca o inicio das obras do proxecto de 'Execución da remodelación do Mercado Municipal'. A sinatura tivo lugar no propio edificio do mercado, que xa conta co valado de seguridade, coas casetas de obra e co material necesario para emprender a reforma integral. Así mesmo, xa se ten realizado ao completo o traslado provisional dos postos afectados polas melloras nos locais exteriores -as primeiras no plan de obra-, que polo momento exercen a súa actividade no primeiro andar do edificio, aínda que tamén serán os primeiros en ocupar os novos postos. O prazo de execución estipulado para a finalización da reforma é de 10 meses dende o día de hoxe, nunha actuación cun orzamento de 1.881.446,32 euros.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 12 de abril do 2010
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria o luns 12 de abril, vén de aprobar a solicitude á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta, ao abeiro da Orde do 18 de marzo de 2010, do desenvolvemento dunha nova Escola Obradoiro no municipio. Baixo o título de 'Bosque animado', esta proposta, elaborada polo Centro de Formación, está dirixida a menores de 25 anos. A candidatura inclúe cinco especialidades formativas: carpinteiro/a metálico e de PVC; canteiro/a; electricista de edificios; instalador/a de elementos de carpintería de madeira; e fábricas de albanelería. Está pensada para acoller a 48 alumnos e alumnas durante un período formativo de 18 meses. O financiamento previsto ascende a un millón de euros, dividido en tres fases: unha primeira de 283.017,60 euros; unha segunda de 357.002,88 euros; e unha terceira de 362.532,48 euros.
DO 16 AO 30 DE ABRIL DE 2010
Sábado 10 de abril do 2010
O programa Primavera enDanza chega á súa oitava edición, nunha cita especialmente relevante, non só para o público de Carballo, senón tamén para o resto da comarca e incluso de Galicia pola escasa presenza que este tipo de espectáculos teñen na escea galega. Así o expresou a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, durante a presentación desta cita que inclúe un total de cinco actuacións, tres de compañías galegas e otras dúas dunha compañía madrileña e outra catalana. O programa desenvólvese nas fins de semana entre o 16 e o 30 de abril e supón unha incursión na danza contemporánea, pero tamén para quen queira "estar ao tanto das últimas propostas creativas", ou a quen lle gusten as artes escénicas coma o teatro, segundo Lendoiro. O principal obxectivo da proposta é a divulgación da danza en todas as súas formas. A maioría das citas son a partires das 21.00 horas, e todas no Pazo da Cultura.
A DIPUTACIÓN APROBOU A LICITACIÓN EN XUNTA DE GOBERNO
Venres 9 de abril do 2010
A Xunta de Goberno da Deputación da Coruña vén de aprobar na súa sesión do xoves 8 de abril a contratación do proxecto para a primeira fase da urbanización da travesía de Carballo a Sísamo (na imaxe unha vista da parroquia), de titularidade provincial, entre os puntos quilométricos 0 e 0,730. O orzamento previsto para a realización dos traballos é dun total de 597.398,55 euros. O proxecto recolle as melloras necesarias para levar a cabo a urbanización do tramo comprendido entre a intersección da CP-1901 (Avenida das Flores) coa rúa Fábrica da capital municipal. Ademais da execución da mellora do firme e da creación de beirarrúas, está prevista a instalación das canalizacións correspondentes, coa colocación de alumeado público ao longo de todo o tramo, así como da rede de recollida de pluviais e a rede de abastecemento de auga.
O 22 DE MAIO E O 13 DE XUÑO
Venres 9 de abril do 2010
O Concello e o Consorcio para la Promoción de la Música colaboran para traer a Carballo dúas actuacións do coñecido Festival Mozart da Coruña a través do Festival Express, unha iniciativa na que participan nove concellos da provincia, en colaboración coa Deputación, e que no caso de Carballo supón a presenza do Coro de Nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e do Quinteto de Solistas de vento da OSG. Estas dúas actuacións gratuítas terán lugar o sábado 22 de maio e o domingo 13 de xuño no Pazo da Cultura e na Igrexa de San Xoán Bautista, respectivamente. O Xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia, Oriol Ponsa, visitou hoxe Carballo para coñecer de primeira man tanto o auditorio do Pazo como as instalacións do Conservatorio Profesional de Música, así como para estreitar a colaboración co Concello. Invitou a todos os veciños e veciñas a que asistan, non só ás citas en Carballo, senón ás do festival en toda a provincia.
DOMINGO 11 DE ABRIL ÁS 18.00 HORAS
Xoves 8 de abril do 2010
O programa dos Venres Culturais 2010 chega á súa fin cun espectáculo de maxia dirixido aos máis cativos e cativas. O Mago Rafa (Rafael Pereira), un lugués que leva xa dez anos de traxectoria asombrando aos espectadores de toda a península, presenta o espectáculo 'Momentos máxicos'. Nel, o imposible faise realidade a través da ilusión nunha proposta imaxinativa e sorprendente, emotiva e envolvente. Cartomaxia, mentalismo, viaxes imposibles ou escapismo combínanse coa música e humor facendo de 'Momentos máxicos' un potente e sorprendente espectáculo para toda a familia. A cita é o domingo 11 de abril ás 18.00 horas dentro do ciclo 'En familia'. O espectáculo, de 80 minutos de duración, está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios e o prezo é de 2,5 euros, e de 2 coa entrada con desconto. As entradas están dispoñibles nas oficinas do Pazo da Cultura ou na taquilla dende dúas horas antes do inicio da representación.
PREMIO DE 1.200 EUROS
Xoves 8 de abril do 2010
O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración con dez medios de comunicación escrita, convoca por sexto ano consecutivo o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame xa consolidado que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso e prestixio do idioma galego e promover o uso do galego na prensa. Os artigos deberán ter entre 2.000 e 3.500 caracteres con espazos incluídos (entre 350 e 600 palabras, aproximadamente). O prazo de admisión estará aberto até o 3 de maio. Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.200 euros. Os artigos deberán presentarse baixo pseudónimo e por cuadriplicado no Rexistro de Cultura do Pazo carballés (rúa do Pan, s/n).
DO VENRES 9 AO VENRES 30 DE ABRIL
Mércores 7 de abril do 2010
O programa 'Aprender para educar' volve a Carballo abordando, nesta ocasión, os perigos da navegación por Internet para os fillos e fillas, así como a prevención de condutas violentas. Esta iniciativa, organizada polo Concello e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG) e en colaboración coa Deputación provincial está dirixido ás nais e pais das familias carballesas, para ofrecerlles unha ferramenta de axuda ante a súa grande responsabilidade educativa e "nun labor non exento de dificultades", segundo subliña a Concelleira de Educación, Mar Eirís. As actividades desta nova volta do programa, que se desenvolve con periodicidade dende 2005, foron elaboradas coas suxerencias das ANPAs (Asociacións de Nais e Pais) dos centros escolares do municipio, e terán lugar os venres 9, 16, 23 e 30 e abril a partir das 20.00 horas no Pazo da Cultura, centrándose nun seminario e dous obradoiros. A asistencia é de balde