APROBADA A INICIATIVA VECIÑAL DE SAN SALVADOR DE SOFÁN
Martes 27 de abril do 2010
A sesión plenaria ordinaria celebrada o luns 26 de abril supuxo a aprobación por parte da corporación da cesión de terreos situados na DP-1914 por parte da Deputación Provincial da Coruña para a execución de beirarrúas nas parroquias de Rus, Ardaña (na imaxe, 2ª fase das obras de creación de beirarrúas en Ardaña) e Entrecruces. Segundo o acordo, o Concello obtén os terreos necesarios para a dotación de beirarrúas e a urbanización dos treitos da estrada de Santiago situados en Canosa, Ponte Rosende -na Igrexa de Ardaña- e Taboada. Estas actuacións de mellora están incluídas no POS (Plan de Obras e Servizos da Deputación) 2010 por 181.370,51, 160.850,91 e 40.376,57 euros cada proxecto, respectivamente. Polo acordo plenario, o Concello declara que dispón dos terreos, augas e servidumes necesarios para a execución destas obras. Aínda que a Administración Local pasa a ser titular dos terreos nos que se crearán as beirarrúas, a estrada, que une Carballo con Santiago de Compostela, seguirá sendo nestes treitos de titularidade provincial.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 26 de abril do 2010
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar en sesión plenaria ordinaria o luns 26 de abril o expediente para o contrato administrativo do 'Subministro e instalación de maquinaria por lotes para o proxecto Fórum Carballo'. O obxectivo é a adquisición e equipamento de maquinaria para varios dos edificios do complexo da Casa dos Oficios do barrio da Milagrosa. O primeiro dos lotes refírese á nave número 4, destinada a taller de carpintería de madeira, cun orzamento de licitación de 68.045,60 euros; o segundo, á nave número 5, destinada a taller de cantería, cun orzamento de licitación de 52.515,52 euros; e por último equiparase a nave número 5 coa instalación dunha ponte grúa por un importe de licitación de 25.143 euros. Este contrato está financiado nun 70 por cento por fondos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) e o sistema de adxudicación será o procedemento aberto. Hai que lembrar que o proxecto Fórum Carballo conta con cinco naves que están en fase de construción, nun proceso que está previsto que remate a finais de 2010.
INSCRICIÓNS ATÉ O 10 DE MAIO
Venres 23 de abril do 2010
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín, convoca a terceira edición dos Premios Carballo Emprende, que, neste caso, teñen por obxectivo promover a cultura emprendedora no ámbito educativo e apoiar os programas formativos para o fomento da emprendeduría, así como impulsar a creación de novos proxectos empresariais e a aparición de novas actividades económicas. Estes galardóns divídense en dúas categorías: o III Premio de Programas de Fomento da Emprendeduría, dirixido a centros educativos e entidades sen ánimo de lucro; e o III Premio de Ideas Empresariais, para emprendedores ou empresas de nova creación. As solicitudes para participar poden entregarse no Rexistro do Concello entre o 22 de abril e o 10 de maio ata as 13.00 horas. As bases do premio e o impreso de inscrición poden descargarse nesta mesma nova, ademais de poder solicitarse no propio Rexistro do Concello e no Viveiro de Empresas situado no polígono de Bértoa.
O SÁBADO 1 E O DOMINGO 2 DE MAIO
Venres 23 de abril do 2010
O Circuíto de Motor de Bértoa do Concello de Carballo acolle a fin de semana do sábado 1 e domingo 2 de maio a celebración da I Proba do Campionato de España de Quadcross. É a primeira vez que se organiza esta competición a nivel nacional, e a organización escolleu o circuíto de Bértoa, que tamén acolle a súa primeira carreira neste ano 2010, para abrir o Campionato. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, subliña que está previsto que ao longo da tempada se celebren un total de nove probas no circuíto carballés. A cita, para a que aínda están abertas as inscricións, conta xa cun "bo número de participantes", segundo apunta Iván René Barreiro, de Ecoquad Galicia e membro do comité organizador, que tamén anunciou a presenza de pilotos locais na proba. A cita comeza o sábado 1 cos adestramentos libres a partires das 15.00 horas, e a proba propiamente dita, nas súas diferentes categorías, terá lugar o domingo 2 a partires das 8.30 coas cronos e até as 15.30 horas.
A SESIÓN INCLÚE A INICIATIVA VECIÑAL DE SAN SALVADOR DE SOFÁN
Venres 23 de abril do 2010
O pleno da corporación aborda na sesión ordinaria do luns 26 de maio a aprobación dun Convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Carballo para a xestión do Centro de Día situado na Praza de Vigo da capital municipal. Este centro comezou a construírse a comezos de 2008 e hai tempo que está completamente finalizada. O Concello está á espera de que a Xunta ultime os detalles da xestión. O convenio establece que a Administración Local deberá asumir o 30 por cento dos gastos correntes das instalacións, mentres que o Consorcio asumirá os gastos de persoal así como a dotación de mobiliario e todo o material necesario para que o edificio comece a ofrecer os seus servizos. Polo de agora, a Xunta non ten especificado o número de prazas que estarán dispoñibles no edificio, que está previsto que entre en funcionamento no segundo semestre de 2010.
SÁBADO 24 DE ABRIL ÁS 21.00 HORAS
Xoves 22 de abril do 2010
Despois do espectáculo infantil de Aracaladanza 'Pequeños Paraísos' -o venres 23 de abril ás 20.00 horas- chega ao programa de Primavera enDanza o sábado 24 a compañía galega Pisando ovos, coa súa proposta 'Tres'. Nel prodúcense os encontros e desencontros de tres mulleres condicionadas pola súa sexualidade e experiencias persoais. Un mundo por revelar que se irá abrindo a medida que o proceso avance, rescatando historias persoais e outras comúns. A representación, dunha duración prevista de 70 minutos, é a partires das 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e o prezo da entrada é de 3,5 €, de 2,5 € con desconto. As entradas poden reservarse nas oficinas situadas no primeiro andar do Pazo da Cultura ou mercarse dende dúas horas antes do inicio do espectáculo no despacho de billetes do Pazo. Esta cita forma parte da programación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Máis información no 981 704 300.
INSCRICIÓNS ATÉ O 30 DE ABRIL
Xoves 22 de abril do 2010
A Concelleira de Formación, Emprego e Participación Veciñal, María Manso, informa de que o Concello de Carballo participa, un ano máis, no proxecto Rede Xiana, promovido pola Deputación da Coruña e cofinanciado con cargo ao Fondo Social Europeo. Un total de 90 concellos de toda a provincia forman parte do proxecto co obxectivo de fomentar o emprego, mellorando a formación e a capacitación profesional das persoas desempregadas. A Deputación da Coruña seleccionou a Carballo para impartir o curso de Panadería-Bolería que contará con 18 alumnos/as desempregados/as pertencentes aos sectores con maior taxa de desemprego e que se desenvolverá na parroquia carballesa da Brea no segundo semestre do ano 2010. O prazo para inscribirse neste curso remata o venres 30 de abril. Para máis información, os interesados e interesadas poden acudir ao Centro Municipal de Formación, ao teléfono 981 755 211 ou tamén á páxina web <www.redexiana.org>.
VENRES 23 DE ABRIL ÁS 20.00 HORAS
Martes 20 de abril do 2010
Os máis cativos e cativas tamén teñen espazo no programa de Primavera enDanza 2010. Nesta ocasión trátase da compañía madrileña Aracaladanza, especializada en espectáculos dirixidos ao público infantil e que é un grande referente en toda España. Na súa proposta 'Pequeños paraísos' reducen o mundo a un xardín. Hai cereixas, e bambáns e trapecistas, peixes voadores, e paxarracos, flores e xoias espléndidas pechadas en caixas. Todo aparece e desaparece polo escenario sen aparente orde nin concerto. As bailarinas, inmersas nun ritmo trepidante, son un único organismo que baila e interpreta e no que moven bonecos e monicreques. A representación, dunha duración de 50 minutos, é o venres 23 de abril ás 20.00 horas no Pazo da Cultura e o prezo da entrada é de 3,5 €, de 2,5 € con desconto. As entradas poden reservarse nas oficinas situadas no primeiro andar do Pazo da Cultura ou mercarse dende dúas horas antes do inicio do espectáculo no despacho de billetes do Pazo. Máis información no 981 704 300.
O OBXECTIVO É INDUCIR AOS CONDUTORES A EVITAR O ALCOL
Luns 19 de abril do 2010
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de recibir de mans do Subdelegado do Goberno, José Manuel Pose Mesura, e do Xefe Provincial de Tráfico, Pedro Pastor, un novo vehículo de control de tráfico equipado cun etilómetro que permitirá realizar controis de alcolemia nas estradas da comarca. Este coche substitúe a outro que xa ten cumprido co seu período de servizo, e que viña sendo utilizado até o de agora. O equipo terá a súa base permanente na Xefatura da Policía Local de Carballo, aínda que está previsto establecer colaboracións coas forzas de seguridade doutros concellos de Bergantiños e da Costa da Morte para poder realizar controis en momentos puntuais, como por exemplo nalgunhas festas ou romarías. No acto de entrega do novo vehículo tamén estiveron presentes o Xefe da Policía Local, Constantino Vázquez; o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña; o Concelleiro de Seguridade e Tráfico, Benedito Viña; e a Concelleira de Facenda e Patrimonio, María Jesús Vázquez.
SÁBADO 27 DE ABRIL ÁS 21.00 HORAS
Venres 16 de abril do 2010
A primeira fin de semana de Primavera enDanza complétase, ademais de co espectáculo de Quique Peón, 'Ovay', con 'Assemblage', unha proposta de 'danza teatro' de Uxía P. Vaello. Esta bailarina e coreógrafa galega, xunto con Laura Lizcano (Andalucía) e Rafaela Salvador (Portugal), crea un proxecto no que o tema central é a imaxinación, entendida como a sucesión de imaxes. 'Assemblage' é un lugar e dúas persoas, dúas imaxes físicas, reais. As dúas bailarinas no escenario transitan polo espazo a modo dunha viaxe que as enfronta continuamente a unha terceira presenza, a unha imaxe mental que, a través da palabra, comeza a influír na imaxinación das dúas imaxes reais. O espectáculo, dunha duración prevista de 60 minutos, é o sábado 17 de abril ás 21.00 horas e o prezo da entrada é de 3,5 €, de 2,5 € con desconto. As entradas poden reservarse nas oficinas do Pazo da Cultura ou mercarse dende dúas horas antes do inicio do espectáculo no despacho de billetes do Pazo.
INSCRICIÓNS ATÉ O 5 DE MAIO
Venres 16 de abril do 2010
O Concello informa da realización de catro accións formativas gratuítas incluídas no proxecto Fórum Carballo, o Centro de Dinamización Socioeconómico Sostible do municipio situado no barrio da Milagrosa. Estas actividades están financiadas nun 70 por cento a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e están dirixidas a persoas entre 16 e 65 anos, tanto desempregados como en activo. Os cursos son os seguintes: Soldadura TIG; Carpintaría de madeira; Colocador de prefabricados lixeiros; e Instalador electricista. Está previsto que as prácticas se realicen no propio edificio Fórum Carballo para que os participantes nos cursos colaboren na construción do complexo. Os interesados e interesadas poden inscribirse até o 5 de maio no Centro de Formación de Carballo, situado na Avenida da Cristina, s/n. Máis información no 981 755 211.
O CONCELLO SOLICITA FINACIAMENTO DA XUNTA POR 1.002.552 EUROS
Venres 16 de abril do 2010
O Concello de Carballo vén de entregar o mércores 14 de abril ante a Consellería de Traballo e Benestar a solicitude para poñer en marcha unha nova Escola Obradoiro titulada 'Bosque animado', que ten como obxectivo a recuperación e mellora do entorno dos terreos municipais situados no Bosque do Añón para o aproveitamento de todos os veciños e veciñas, así como a creación dunha nave no polígono de Bértoa para uso da Brigada de Obras. A proposta, elaborada polo Centro de Formación, está dirixida a menores de 25 anos e a candidatura inclúe cinco especialidades formativas: carpinteiro/a metálico e de PVC; canteiro/a; electricista de edificios; instalador/a de elementos de carpintería de madeira; e fábricas de albanelería. Está pensada para acoller a 48 alumnos e alumnas durante un período formativo de 18 meses. A solicitude de financiamento ante a Consellería ascende a 1.002.552 euros, mentres que o importe global do proxecto é de 1.291.284 euros.