Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Conselleiro de Medio Ambiente visitou a depuradora de Razo, que contou cun investimento de 1,5 millóns de euros

AS OBRAS DA AUTOVÍA CARBALLO-BERDOIAS: EN MARCHA EN SETEMBRO

O Conselleiro de Medio Ambiente visitou a depuradora de Razo, que contou cun investimento de 1,5 millóns de euros

Xoves 13 de maio do 2010

O Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, Agustín Hernández Fernández de Rojas, vén de visitar a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Razo, en explotación dende agosto de 2009. O obxectivo destas instalacións, que contaron cun investimento total de 1.520.475,73 euros, é o de depurar os vertidos do núcleo de Razo e facilitar a súa emisión ao medio mariño nas condicións axeitadas. A infraestrutura consta de dúas estacións de bombeo e a estación depuradora ten capacidade para abastecer a uns 4.000 habitantes. Agustín Hernández aproveitou a súa visita para anunciar a próxima adxudicación no verán das obras da autovía Carballo-Berdoias. Nestes momentos a mesa de contratación examina as ofertas presentadas e está previsto que a proposta de adxudicación se produza a finais de xuño para que os traballos principien no mes de setembro. Así mesmo, Hernández lembrou a adxudicación esta semana do contrato de redacción do proxecto da variante de Carballo por 263.000 euros.

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle a segunda proba do Campionato Galego de Motocross o luns 17 de maio

HAI UN TOTAL DE 85 INSCRITOS NA PROBA

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle a segunda proba do Campionato Galego de Motocross o luns 17 de maio

Mércores 12 de maio do 2010

O Circuíto de Motor de Bértoa de Carballo acolle o próximo luns 17 de maio, Día das Letras, a segunda proba do Campionato Galego de Motocross. A organización, encabezada por Motor Bergantiños e a Federación Galega de Motociclismo, coa colaboración do Concello -a través do Padroado Deportivo Municipal-, da Deputación, e da Xunta, explica que se espera a participación dun total de 85 pilotos chegados dende Galicia, pero tamén dende Asturias e León. Catro destes participantes son destacados pilotos nesta disciplina, incluíndo ao gañador da primeira proba do campionato celebrada en abril, Adrián Garrido; a Ricardo Costas, actual campión galego; Aaron Bernárdez, participante habitual no Mundial de Enduro; ou Román Pérez, campión de España e Portugal. A anfitriona, a escudaría Motor Bergantiños, tamén terá representación, achegando un total de cinco pilotos da comarca para a proba.

Unha delegación do Concello de Porriño visita Carballo para examinar as últimas melloras e a xestión do sistema informático

XUNTANZA SOBRE AFORRO ENERXÉTICO NO SALÓN DE PLENOS

Unha delegación do Concello de Porriño visita Carballo para examinar as últimas melloras e a xestión do sistema informático

Martes 11 de maio do 2010

Unha delegación do Concello do Porriño encabezada polo Alcalde, Nelson Santos Argibay, visitou hoxe o Concello de Carballo para examinar o sistema informático municipal e obter claves para poder aplicalas na actualización e mellora do sistema do municipio pontevedrés, que nestes momentos actualiza a súa páxina web. Os representantes do Porriño, ademais de ser recibidos polo Alcalde, Evencio Ferrero, mantiveron unha xuntanza co responsable do sistema informático municipal, Luis Castro, co que intercambiaron impresións e tomaron ideas. Ademais de examinar o funcionamento da páxina web municipal, tamén falaron doutros servizos ofrecidos polo Concello, como Carballo PortAberta. Así mesmo, a delegación puido examinar polo miúdo os sistemas de xestión empregados e avaliar as súas vantaxes. Tamén se mencionou na xuntanza a próxima virtualización e actualización dos servidores informáticos de Carballo, unha actuación incluída nos proxectos do Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local de 2010 por un importe previsto de 17.763,53 euros.

Adxudicación definitiva da obra para a pavimentación dunha pista en Constenla, incluída no POS adicional

ASINADO UN CONVENIO DE COLABORACIÓN CON AXOBER

Adxudicación definitiva da obra para a pavimentación dunha pista en Constenla, incluída no POS adicional

Luns 10 de maio do 2010

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar en sesión ordinaria a adxudicación definitiva do contrato da obra 'Pavimentación de pista en Constenla', unha actuación incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos (POS) adicional da Deputación. A empresa encargada dos traballos será Construcciones Alejandro Martínez e Hijos e o prezo de adxudicación estipulado é de 52.278,64 euros. O prazo de execución previsto para os traballos é de tres meses a contar dende o día seguinte á sinatura da acta de replantexamento. No apartado de contratacións, a sesión tamén supuxo a adxudicación definitiva do contrato administrativo do servizo de 'Mantemento e conservación dos ascensores do Concello de Carballo'. Por último, a Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación para a xestión do 'Servizo de axuda no fogar dos servizos sociais do Concello de Carballo' durante os períodos vacacionais, as baixas por enfermidade e outro tipo de incidencias. No apartado de convenios, a sesión supuxo a aprobación dun acordo de cooperación entre o Concello e o Bergantiños FC.

A Policía Local ten atendido un total de 63 accidentes de circulación entre xaneiro e abril de 2010

O GRUMIR AXUDOU A EXTINGUIR SEIS INCENDIOS FORESTAIS EN ABRIL

A Policía Local ten atendido un total de 63 accidentes de circulación entre xaneiro e abril de 2010

Venres 7 de maio do 2010

O informe mensual da Policía Local carballesa indica que ao longo do mes de abril téñense rexistrado un total de 19 accidentes de tráfico, a cifra máis alta no que vai de 2010, mentres que o número de feridos pasa a ser de 12, tamén a cantidade máis elevada deste ano, con un peón, 3 condutores e 9 ocupantes feridos. No primeiro cuadrimestre de 2010 téñense rexistrado no municipio 26 feridos en 63 accidentes de circulación. No que respecta ao apartado de delictos, furtos, danos e outros, téñense producido en abril un total de 15 incidencias. Delas, un total de sete son roubos con forza, superando en 3 a cifra de marzo e constituíndo a cantidade máis elevada de 2010; catro son furtos e tamén se rexistrou un roubo no interior dun vehículo, entre outros delictos. Hai que subliñar que no mes de abril non se ten rexistrado ningunha denuncia no municipio por roubos polo método do 'tirón', e tampouco se denunciou ningún roubo de vehículos. Por último, o informe de abril do servizo de Protección Civil apunta que se teñen producido dous incendios urbanos e seis forestais durante o pasado mes.

As claves para afrontar a crise económica e o I Encontro de Viveiristas, principais temas de Carballo Emprende 2010

O 19 E 20 DE MAIO NO VIVEIRO DE EMPRESAS DO POLÍGONO

As claves para afrontar a crise económica e o I Encontro de Viveiristas, principais temas de Carballo Emprende 2010

Venres 7 de maio do 2010

O mércores 19 e o xoves 20 de maio o Viveiro de Empresas do Polígono de Bértoa acolle a celebración da terceira edición das xornadas Carballo Emprende, organizadas polo Concello xunto coa Cámara de Comercio da Coruña. Trátase dunha cita "consolidada", que este ano incrementa a súa "especialización" e "calidade", segundo subliña o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín. Nesta nova andaina os temas das xornadas divídense en dúas liñas. Unha destinada a mellorar a capacitación profesional dos empresarios, centrada na crise económica e en ofrecer solucións para as empresas da zona cunha conferencia a cargo de Jesús Ferradás González, presidente de Optimer e consultor formador de ESIC. E outra encamiñada á especialización e á emprendeduría coa celebración do I Encontro de Viveiristas. As xornadas complétanse coa entrega dos III Premios Carballo Emprende, uns galardóns "consolidados e de referencia de cara á dinamización empresarial e ao fomento da emprendeduría", subliña García Guillín. As inscricións están abertas até o luns 10 de maio.

O Concello e 31 agrupacións do municipio subscriben o Convenio Musical 2010 por máis de 20.000 euros

REALIZARÁN ACTUACIÓNS AO LONGO DESTE ANO

O Concello e 31 agrupacións do municipio subscriben o Convenio Musical 2010 por máis de 20.000 euros

Xoves 6 de maio do 2010

Os representantes dun total de 31 agrupacións musicais do municipio, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, veñen de asinar o Convenio de Actuacións a favor de Grupos de Música e Danza Tradicional, Masas Corais, Orquestras, Conxuntos e Bandas de Música para o ano 2010. A maior parte das agrupacións pertencen a asociacións culturais e delas, 5 son grupos de danza tradicional, 4 grupos de gaitas, 5 cantareiras, 9 masas corais e 8 orquestras ou conxuntos. Mediante este convenio, ao longo do ao 2010 estes grupos realizarán actuacións de acordo co Concello no territorio municipal, previa solicitude. O Concello comprométese a aboar ás agrupacións asinantes o importe das actuacións conforme vaian sendo realizadas.

O Programa das Letras arrinca coa presentación dun libro e a inauguración dunha exposición de Manuel Facal

A MOSTRA ESTARÁ NO PAZO ATÉ O 2 DE XUÑO

O Programa das Letras arrinca coa presentación dun libro e a inauguración dunha exposición de Manuel Facal

Mércores 5 de maio do 2010

A sala da baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura acolle até o 2 de xuño a exposición 'Galicia, será a miña xeración quen te salve?', unha homenaxe a Uxío Novoneyra, protagonista do Día das Letras de 2010. A mostra, incluída no Programa das Letras de Carballo, recolle 12 gravados do artista carballés Manuel Facal, acompañados de poemas de autores como Pura Vázquez, Luz Pozo, Manuel María, Salvador García Bolaño, Bernardino Graña e Xosé Luis Méndez Ferrín. Os gravados ocupan unha sala que, segundo explicou o Alcalde, Evencio Ferrero, foi o propio Facal quen suxeriu no seu momento que fora empregada para albergar exposicións, nunha contribución máis do artista para coa súa terra. Segundo o Alcalde, hai que recoñecer estas achegas desinteresadas e coa mostra, complementada coa presentación dun libro sobre Facal, dáse un novo paso para acadar o "desagravio para con un artista que é o único carballés vivo que mantén rúa en Carballo". O horario de visitas da exposición é de 18.00 a 21.00 horas.

A Brigada de Obras de Carballo rexistra durante o mes de abril un total de 90 avisos dos veciños e veciñas

SUPÓN UN INCREMENTO DUN 14 POR CEN RESPECTO A 2009

A Brigada de Obras de Carballo rexistra durante o mes de abril un total de 90 avisos dos veciños e veciñas

Martes 4 de maio do 2010

Ao longo do pasado mes de abril o Concello, a través da Alcaldía, ten recibido un total de 90 avisos de veciños e veciñas para realizar servizos de mantemento e arranxos en todo o territorio municipal. A Brigada de Obras é a encargada de xestionar estas peticións, que calquera cidadán pode realizar a través do no número de teléfono 981 704 700 ou ben no correo electrónico <infocarballo@carballo.org>. Os veciños e veciñas poden denunciar as deficiencias ou demandar os arranxos que consideren oportunos en materias como os sinais informativos ou de tráfico; os servizos básicos de augas, electricidade ou recollida de lixo; os asuntos relacionados con Carballo Limpo; os equipamentos dos edificios municipais, o mobiliario urbano ou as instalacións deportivas; a limpeza de espazos públicos; o alumeado público ou a mellora da rede viaria. Ao longo do pasado mes, os avisos téñense incrementado respecto do mesmo período do ano anterior, en que se rexistraron 77, incrementándose así a cobertura dos servizos no municipio.

Carballo festexa o Día das Letras cun programa dedicado aos libros, a música, a arte e o teatro

ENTRE O 4 DE MAIO E O 3 DE XUÑO

Carballo festexa o Día das Letras cun programa dedicado aos libros, a música, a arte e o teatro

Luns 3 de maio do 2010

Os libros, pero tamén as exposicións, o teatro, a música ou a arte, ademais do xa tradicional maratón de lectura 'As letras en voces' ou a figura de Uxío Novoneyra centran o programa cultural que xira en torno ao Día das Letras, festexado o 17 de maio e que enche Carballo de actividades moi variadas ao longo de todo o mes. A oferta comeza o martes 4 de maio a a partires das 20.00 horas coa presentación do libro 'Manuel Facal', escrito sobre a figura do gravador carballés, e coa apertura, acto seguido, da exposición 'Galicia, será a miña xeración quen te salve?', que supón unha homenaxe a Uxío Novoneyra realizada polo propio Manuel Facal e diversos poetas. Péchase o 3 de xuño cun acto músico-poético, tamén arredor da figura de Novoneyra, no Pazo da Cultura. Son o principio e a fin dun mes cheo de propostas, moitas delas coa colaboración das asociacións culturais e dos centros de ensino do Concello e dirixidas a todos os públicos.

A regueifa, a maxia, o teatro, as ilustracións ou a música centran as actividades da V Semana do Libro e a Lectura

DO DOMINGO 9 AO VENRES 14 DE MAIO NO PAZO DA CULTURA

A regueifa, a maxia, o teatro, as ilustracións ou a música centran as actividades da V Semana do Libro e a Lectura

Venres 30 de abril do 2010

Entre o domingo 9 e o venres 14 de maio o Pazo da Cultura acolle a V Semana do Libro e a Lectura de Carballo, unha cita dirixida especialmente aos alumnos e alumnas dos centros de ensino do municipio e ao seu profesorado, pero tamén ao público en xeral, que ten como obxectivo "espertar o desexo de ler", segundo explica a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro. Esta cita, organizada polo Concello e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) coa colaboración de Caixanova e Conservas Calvo, contará con obradoiros, exposicións, contacontos, teatro e maxia e afondará en disciplinas como a regueifa, a gráfica creativa, a oralidade, a dramatización, a escrita creativa, a música ou a expresión corporal. Nesta semana, pola que xa teñen pasado en anteriores edicións uns 5.000 nenos e nenas, todo está orientado a fomentar o amor pola lectura máis aló do ámbito escolar, porque, segundo subliña Xoán Costa, presidente da AS-PG, "para educar a un neno fai falta toda unha tribu". Nesta edición o tema principal é a cidade.

Primavera enDanza remata co espectáculo 'Flexelf', da compañía catalana CIA Mudances

VENRES 30 DE ABRIL ÁS 21.00 HORAS

Primavera enDanza remata co espectáculo 'Flexelf', da compañía catalana CIA Mudances

Mércores 28 de abril do 2010

O venres 30 de abril finaliza o festival de Primavera enDanza, que se vén celebrando desde o 16 de abril. Neste caso, e despois da actuación dunha compañía madrileña e tres galegas, chega desde Cataluña CIA Mudances que presenta en Carballo, por primeira vez, o espectáculo de danza contemporánea 'Flexelf'. A coreógrafa Àngels Margarit dirixe esta compañía de enorme proxección internacional que é un dos referentes da danza do noso país e unha das compañías máis consolidadas, cun persoalísimo estilo de creación. Este espectáculo, dunha duración prevista de 60 minutos, terá lugar ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura e forma parte da programación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A entrada con prezo ordinario é de 3,5 euros e con prezo reducido é de 2,5. As entradas poden reservarse no 981 704 300 de 10.00 a 14.00 horas ou mercarse no Despacho de billetes do Pazo, de 19.00 a 21.00 horas, o día da función.

Compartir: