HABILITADA UNHA NOVA ZONA DE ESTACIONAMENTO EN PEDRA DO SAL
Xoves 3 de xuño do 2010
O areal carballés das Saíñas conta este ano e por primeira vez co distintivo de Bandeira Azul que concede a ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). Nos últimos anos viñan sendo as praias de Razo e de Pedra do Sal as que contaban coa bandeira, pero finalmente agora uniuse a das Saíñas, co que en tres dos areais do termo municipal ondeará o distintivo este verán, sendo o único municipio da Costa da Morte que conte con tres bandeiras azuis. Esta bandeira recoñece non só a calidade das augas, senón tamén a calidade dos servizos, da xestión ambiental, da seguridade e en xeral das instalacións das que dispoñen estes espazos naturais, atendendo a accesibilidade, o feito de que exista recollida selectiva, o servizo de salvamento e socorrismo, etc. Para conseguir a Bandeira Azul é preciso realizar numerosos controis, entre os que destacan as análises periódicas das augas dos areais. Hoxe en día a campaña da Bandeira Azul desenvólvese anualmente en máis de 40 estados de cinco continentes, incluíndo a práctica totalidade dos estados da Unión Europea.
XOVES 3 DE XUÑO ÁS 21.00 HORAS
Mércores 2 de xuño do 2010
O xoves día 3 de xuño, ás 21.00 horas, o Pazo da Cultura de Carballo acolle o acto 'Canto de permanencia', homenaxe a Uxío Novoneyra, organizado pola Asociación Cultural Lumieira en colaboración co Concello de Carballo, a Fundación Manuel María de Estudos Galegos e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). A entrada é libre e gratuíta. O programa desta homenaxe articúlase en tres partes que se complementan e que son, no seu conxunto, un convite a ler a obra do poeta. Na primeira parte é o propio Uxío o único protagonista, coa súa voz e os seus textos gravados. Na segunda, Uxía Senlle pon música e voz aos poemas de Novoneyra e na terceira a interpretación desa poesía faise desde un audiovisual creativo. Con este evento, a Asociación Cultural Lumieira e o Concello de Carballo queren contribuír ao recoñecemento dun gran poeta e á difusión da súa obra, un canto que merece pervivir e ser gozado polas xeracións futuras.
NA SALA DA BAIXOCUBERTA CON CITA PREVIA
Mércores 2 de xuño do 2010
A sala da baixocuberta do Pazo da Cultura acolle dende hoxe, 2 de xuño, e até o luns 14 deste mes a iniciativa 'Planetario Viaxeiro', unha cúpula itinerante destinada á aprendizaxe e divulgación da astronomía e que permanece en Carballo da man da Obra Social Fundación La Caixa. Esta actividade, que desvela algúns dos segredos das estrelas e do orbe celeste, está gratuitamente a disposición dos centros educativos da vila polas mañás, pero tamén aberta de balde para o público en xeral polas tardes. Na xornada da súa estrea, o 'Planetario Viaxeiro' ten acollido tres sesións para o alumnado de Primaria do CEIP A Cristina, aínda que seguirán asistindo por quendas máis nenos e nenas dos centros educativos municipais. Todas as visitas deben realizarse solicitando unha cita previa, xa que a actividade inclúe a presenza dun monitor/a para facilitar as explicacións e poñer en marcha o aparello. Pode pedirse cita polas mañás no 981 704 300. Máis información no Pazo da Cultura.
APROBADA A 2ª FASE DO TRASLADO DE POSTOS DO MERCADO
Martes 1 de xuño do 2010
O pleno carballés vén de aprobar, a través dunha proposta da Concelleira de Facenda, María Jesús Vázquez, a redución dos salarios dos concelleiros do Goberno con dedicación exclusiva. Esta rebaixa nas retribucións realízase con cargo ao acordo da FEMP e da FEGAMP (Federacións Española e Galega de Municipios e Provincias) establecido por tramos. Así, cun salario total de entre 54.615 e 41.055 euros, a redución aplicable é dun 7%; neste caso, estaría afectado o soldo do Tenente de Alcalde, José Antonio Viña. Cun salario total de entre 41.055 e 27.495 euros, a redución estipulada é dun 6%; neste tramo entrarían os soldos do Alcalde, Evencio Ferrero, do Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, do Concelleiro de Persoal, Réxime Interior, Policía, Tráfico e Praias, Benedito Viña, e da Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro. Por último, recóllese un terceiro tramo para os salarios de entre 27.495 e 13.935 euros, que experimentarían unha redución dun 5%; esta rebaixa aféctalles ao Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e á de Facenda, María Jesús Vázquez.
SÁBADO 12 DE XUÑO ÁS 21.00 HORAS
Luns 31 de maio do 2010
A primeira das actividades das festas de San Xoán 2010 que poderemos desfrutar é o novo espectáculo da productora Bengala Produccións SL, 'Master Class', no que participa a recoñecida actriz galega Mabel Rivera representando a unha das divas da ópera máis celebres. Esta obra de teatro é unha adaptación ao galego do musical de Terrence McNally, que toma como pretexto as famosas clases maxistrais (ou 'master classes') que impartiu María Callas na academia neoiorquina Juilliard. Nestas ensinanzas María Callas fixo un acercamento a algúns dos seus mellores éxitos, como 'Lady Macbeth' ou 'Tosca', a través das interpretacións dos seus alumnos durante unha audición, e nesta proposta tamén se realiza unha incursión na Callas máis íntima, máis lonxe da súa imaxe pública. Este espectáculo terá lugar o sábado 12 de xuño no Pazo da Cultura ás 21.00 horas.
AS ACTIVIDADES TIVERON LUGAR ENTRE OUTUBRO E MAIO
Luns 31 de maio do 2010
Máis de 300 persoas asistiron o pasado sábado 29 de maio no Pavillón Carballo Calero da capital municipal ao peche do Programa de Exercicio Físico para Maiores que se ten desenvolvido no curso 2009-2010 entre os meses de outubro e maio. Un total de 331 persoas asistiron regularmente ás actividades desta iniciativa, que rematou cun acto no que estiveron presentes o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, a Concelleira de Terceira Idade, Carmen Regueira, e os monitores que imparten as sesións. A cita contou cunha exhibición de cada un dos 13 grupos nos que está dividido o programa, así como cuns pinchos saudables. Os grupos están distribuídos en seis no casco urbano e sete nas parroquias de Berdillo, Cances, Entrecruces, Imende, Noicela, Razo e Rus. Os maiores desenvolven neste programa sesións de exercicio físico de intensidade baixa ou moderada para contribuír a mellorar a súa saúde.
DOTADO CON 1.200 € E A PUBLICACIÓN EN ONCE MEDIOS
Venres 28 de maio do 2010
O xurado do VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse o xoves 27 de maio, para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 39 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.200 euros e a publicación do artigo en 'A Nosa Terra', 'A Peneira', 'Diario de Bergantiños', 'El Periódico de Bergantiños-Radio Líder', 'Galicia Hoxe', 'La Opinión de A Coruña', 'La Voz de Galicia', 'Longa Lingua', 'Tempos Novos', 'Vieiros' e 'Xornal de Galicia', ao artigo titulado "A procura do tesouro", de Marica Campo. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á súa capacidade para atraer públicos diversos, con niveis de lectura diferentes; ao seu contido de valor intrínseco, desde as raíces até o futuro; á súa calidade lingüística e literaria, cunha metaforización exacta, nun artigo de estrutura circular e con conexión con modalidades literarias tanto cultas como populares. O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo "Por unha Galiza neofalante", do autor Marcos Abalde Covelo, que xa recibiu tamén un accésit na edición anterior do certame.
O PLENO INCLÚE O PROXECTO DA FASE II DA TRAVESÍA DE SÍSAMO
Venres 28 de maio do 2010
O Pleno da Deputación provincial vén de aprobar a concesión dunha achega de 550.000 euros para permitir o financiamento dunha segunda escola infantil para o Concello de Carballo. Deste xeito, e despois de que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar manifestara a súa imposibilidade de asumir o financiamento comprometido nun convenio asinado en novembro de 2008, a actuación sairá adiante, aínda que con fondos provinciais. O proxecto da segunda escola infantil está redactado dende hai tempo, foi obra do arquitecto José Villacé e o seu importe completo é de 834.000 euros. Segundo o convenio asinado co Consorcio, deste importe, a Xunta tería que ter asumido o 80%, mentres que o Concello achegaría o 20% restante, un total de 170.000 euros que están comprometidos nas partidas dos orzamentos municipais dende 2009. Grazas á achega da Deputación, será posible sacar adiante o proxecto este ano, pero o Concello deberá achegar 300.000 euros, en lugar dos 170.000 iniciais, para asumir o importe completo da actuación.
O DIRECTOR DO INEGA ABRIU AS PONENCIAS
Venres 28 de maio do 2010
Un total de 200 inscritos e inscritas participan, entre o venres 28 e o domingo 30 de maio, nas V Xornadas de Enerxías Renovables e Aforro Enerxético que organiza a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños, Axober, e que contan co patrocinio do Concello carballés. No acto de inauguración o presidente de Axober, José Figueiras, subliñou a importancia das enerxías renovables como un xeito de acadar novos retos e de apostar pola competitividade e pola creación de emprego, ademais de que constitúen un nicho de mercado e un xacemento de emprego en auxe. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, encargado da inauguración oficial da cita, resaltou as enerxías renovables como unha "oportunidade", especialmente en tempos de crise, e desexou que a súa implantación sexa o máis rápida posible. Así mesmo, felicitou a Axober por "apostar novamente pola sustentabilidade". O encargado de ofrecer a primeira ponencia foi Eliseo Diéguez, Director Xeral do Inega, que reflexionou sobre o 'Presente e futuro das enerxías renovables'.
ABERTO O PRAZO PARA ANOTARSE NUNHAS XORNADAS SOBRE O PAN
Xoves 27 de maio do 2010
O Museo de Bergantiños vén de acoller unha xuntanza entre representantes do sector hostaleiro de Carballo e dos panadeiros adscritos á marca 'Pan de Carballo' xunto co Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel García Guillín, para planificar as actividades a desenvolver de forma conxunta para os vindeiros meses. Entre outras cousas, nesta reunión acordouse a continuación da Ruta do Pincho de Verán dentro da programación do Feirón de Verán que terá lugar o vindeiro mes de agosto, para o que xa está aberto o prazo para os locais que queiran participar. Esta iniciativa terá lugar ao longo de varias fins de semana durante as que se ofrecerán pinchos creativos de balde coas consumicións. Os locais hostaleiros de Carballo teñen acollido até o momento dúas Rutas do Pincho, o pasado verán e en inverno, nas que teñen participado 16 locais na primeira edición e 11 na segunda. O obxectivo desta iniciativa é a promoción dos establecementos hostaleiros, pero tamén dos diferentes Feiróns de Tempada e os produtos da terra, xa que é unha actividade ligada ás feiras dos quintos domingos de mes.
'XOGAR NA RÚA' PECHA AS ACTIVIDADES O SÁBADO 29 DE MAIO
Mércores 26 de maio do 2010
A Praza do Concello de Carballo é o escenario, un ano máis, da celebración de Xogar na rúa, a culminación ou "albaroque", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, do programa de Deporte na Escola que se desenvolveu ao longo do curso 2009-2010 e que desta volta contou cun total de 761 participantes. Así mesmo, noutras actividades de deporte escolar como son 'Xogar co Atletismo', a campaña 'Aprende a nadar' e las Ligas Locais de Escolares, o curso que agora remata acumulou a participación de 1.075 rapaces e rapazas. Preto de 2.000 nenos e nenas en total, co que a organización espera, segundo explicou o Xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello, que o sábado participen nesta XIX edición de Xogar na rúa uns 1.200 escolares. Haberá 16 zonas de xogos con actividades como bádminton, balonmán, un búfalo mecánico, voleibol, mini basket ou xadrez, entre outras moitas. Ademais, este ano tense introducido como novidade unha actividade de iniciación á capoeira para os máis cativos e cativas.
OS TRABALLOS ESTARÍAN FINALIZADOS PARA O CURSO 2011-2012
Mércores 26 de maio do 2010
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Educación, Mar Eirís, veñen de entrevistarse coa Xefa Territorial de Educación, María Teresa Villaverde Pais, co obxectivo de falar dos problemas de escolarización que existen no Concello de Carballo. Así, para o curso 2011-2012 está previsto que os problemas se agraven xa que, segundo as previsións do padrón municipal, nese ano deberían escolarizarse uns 311 nenos e nenas -a maioría do casco urbano- en Educación Infantil. Villaverde Pais manifestou o compromiso da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de principiar as obras de ampliación do CEIP Bergantiños, unha demanda reiterada do Goberno local e da comunidade educativa, antes de que remate o presente ano 2010 para tentar paliar estes problemas. Segundo a Xefa Territorial, nestes momentos xa está en marcha a elaboración do proxecto para axilizar a licitación dos traballos, que poderían comezar en novembro de 2010. O obxectivo é que a mellora estea rematada para que os nenos e nenas podan incorporarse para o curso 2011-2012.