Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Arredor de 140 corredores e corredoras tomarán parte en Carballo nos Campionatos Galegos de Ciclismo en Estrada 2010

O SÁBADO 17 DE XULLO CON SAÍDA E CHEGADA NO PAZO DA CULTURA

Arredor de 140 corredores e corredoras tomarán parte en Carballo nos Campionatos Galegos de Ciclismo en Estrada 2010

Xoves 8 de xullo do 2010

O sábado 17 de xullo pola tarde Carballo converterase nunha festa do ciclismo coa celebración dos Campionatos Galegos de Fondo en Estrada 2010, que contarán coa participación duns 140 corredores e corredoras de categorías cadete, feminina e júnior. O Club Ciclista Carballo-Placasa e a Federación Galega de Ciclismo, coa colaboracion do Concello e de Conservas Calvo, organizan esta cita da que xurdirán até cinco campións galegos. As probas para as distintas categorías divídense en dúas carreiras nun circuíto de preto de 20 quilómetros que esixirá 3 voltas para os cadetes masculinos e as cadetes e júnior femininas para un total de 57,3 quilómetros; e cinco voltas para percorrer 95,5 quilómetros no caso das categorías elite feminina e júnior masculina. Dende a organización fan un chamamento aos veciños e veciñas para que se acheguen a desfrutar do espectáculo do ciclismo nun percorrido "aberto ás sorpresas" e "seguro que con moita batalla", en verbas do Presidente da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo.

O Verán Cultural comeza cun concerto infantil da man do grupo Mamá Cabra e o seu disco 'Patatín patatán'

VENRES 9 DE XULLO ÁS 22.00 HORAS

O Verán Cultural comeza cun concerto infantil da man do grupo Mamá Cabra e o seu disco 'Patatín patatán'

Mércores 7 de xullo do 2010

O programa do Verán Cultural 2010 arrinca en Carballo cun espectáculo dedicado por completo ao público infantil. Así, un dos grupos galegos de máis éxito entre os dedicados a compoñer para os máis cativos e cativas propón un divertido e participativo concerto destinado ao público familiar no que presentan o seu quinto disco, 'Patatín patatán'. É un concerto para escoitar e tamén para cantar, moverse e bailar con cancións populares que moitos adultos tamén escoitaron seguramente de pequerrechos. Pero tamén é unha oportunidade para vivir cantos que chegan a nós dende o mundo da televisión ou da Internet. Todo, mesturado cos xogos poéticos e as pezas do folclore que tamén caracterizan a este grupo que xa conta con dez anos de vida. A cita é o venres 9 de xullo a partires das 22.00 horas na Praza do Concello e a entrada é de balde. Colabora neste espectáculo a Deputación provincial da Coruña.

O distintivo da Bandeira Azul xa ondea nos areais das Saíñas, Pedra do Sal e Razo

CARBALLO: ÚNICO CONCELLO DA COSTA DA MORTE CON TRES ENSEÑAS

O distintivo da Bandeira Azul xa ondea nos areais das Saíñas, Pedra do Sal e Razo

Luns 5 de xullo do 2010

A Bandeira Azul, un distintivo que concede a ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), xa ondea nos areais das Saíñas, Pedra do Sal e Razo. Nos últimos anos viñan sendo as dúas últimas praias as que contaban coa bandeira, pero finalmente agora uniuse por primeira vez a das Saíñas (na imaxe), co que en tres dos areais do termo municipal ondeará o distintivo este verán, sendo o único municipio da Costa da Morte que conta con tres bandeiras azuis. Este símbolo recoñece a calidade dos areais, así como a súa limpeza e os servizos que ten dispoñibles, como o de socorrismo. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recolleu as bandeiras o sábado 3 de xullo en Sanxenxo a primeira hora da mañá, nun acto no que se repartiron as enseñas de toda Galicia. Hoxe, acompañado do Concelleiro de Praias, Benedito Viña, e de socorristas e membros de Protección Civil, procedeuse ao seu izado nun percorrido polos tres areais que comezou nas Saíñas e rematou en Razo.

A música, a maxia, os libros e o teatro son os protagonistas do Verán Cultural, que conta coa actuación estelar de Berrogüetto

DO 9 DE XULLO AO 28 DE AGOSTO

A música, a maxia, os libros e o teatro son os protagonistas do Verán Cultural, que conta coa actuación estelar de Berrogüetto

Xoves 1 de xullo do 2010

O programa do Verán Cultural 2010 continúa un ano máis, e xa van doce edicións, coa arela de converterse nunha proposta para o tempo de lecer do estío non só para os veciños e veciñas, senón para os visitantes da vila. Segundo a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, "preséntase unha oferta diversa, de calidade, con caracter gratuíto e co obxectivo de fomentar a participación da xente". A grande maioría das propostas están plantexadas para desenvolverse ao aire libre, especialmente na Praza do Concello, e céntranse na variedade musical con sons tradicionais e tamén orixinais como a cumbia, o blues, o chill out, ou o pop e indie do Festival Sereas e Piratas. Pero tamén nas esperadas citas de maxia e de teatro, cunha programación para os máis cativos e cativas e coa xa tradicional cita en agosto da Praza dos Libros. Así mesmo, continúa o ciclo Noites de cine, e celebrarase a VI edición do Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña. Un programa completo entre o 9 de xullo e o 28 de agosto.

Máis de cen pilotos participan a fin de semana do 2, 3 e 4 de xullo no Campionato de España de Autocross

A CITA É NO CIRCUÍTO DE MOTOR DE BÉRTOA

Máis de cen pilotos participan a fin de semana do 2, 3 e 4 de xullo no Campionato de España de Autocross

Mércores 30 de xuño do 2010

A fin de semana do 2, 3 e 4 de xullo o Circuíto de Motor de Bértoa acolle a celebración dunha proba do Campionato de España de Autocross, a segunda deste tipo que se celebra en Carballo despois de que o circuíto tamén fora o escenario dunha proba desta competición o ano pasado. Están xa inscritos un total de 104 pilotos, o que supera a participación da edición anterior, cunha ampla presenza de competidores de Carballo e da Costa da Morte, que supoñen aproximadamente un 20 por cento dos pilotos que tomarán a saída na proba. Así mesmo, cóntase coa presenza das escudarías Bergantiños Motor, Autocross Arteixo e Vidal Racing de Vimianzo, ademais da organizadora da proba, Escudaría Coruña, a través das cales se canaliza a participación local. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo subliñar a importancia de que o Circuíto de Bértoa acolla unha proba deste tipo por segundo ano consecutivo, o que demostra a versatilidade do circuíto e a variedade de carreiras que pode acoller.

O Concello ten atendido máis de 700 avisos veciñais nos primeiros seis meses de 2010

XANEIRO FOI O PERÍODO CON MÁIS DEMANDAS

O Concello ten atendido máis de 700 avisos veciñais nos primeiros seis meses de 2010

Martes 29 de xuño do 2010

Ao longo do primeiro semestre de 2010 o Concello ten recibido un total de 724 avisos acerca de demandas cidadáns dos veciños e veciñas. O mes que ten rexistrado un maior número de peticións é o de xaneiro, con 186 avisos, seguido de marzo, con 141. Os interesados e interesadas poden denunciar as deficiencias ou demandar os arranxos que consideren oportunos en materias como os sinais informativos ou de tráfico; os servizos básicos de augas, electricidade ou recollida de lixo; os asuntos relacionados con Carballo Limpo; os equipamentos dos edificios municipais, o mobiliario urbano ou as instalacións deportivas; a limpeza de espazos públicos; a mellora da rede viaria ou o alumeado público. Precisamente os arranxos ou as substitucións das lámpadas dos farois situados por todo o municipio son as peticións máis demandadas polos cidadáns, con 386 no primeiro semestre. A Brigada de Obras é a encargada de xestionar estas peticións, que calquera carballés ou carballesa pode realizar a través do número de teléfono 981 704 700 ou ben no correo electrónico <infocarballo@carballo.org>.

O Atlético de Madrid resulta gañador do VI Torneo de Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo

VENCERON NA FINAL AO BARCELONA

O Atlético de Madrid resulta gañador do VI Torneo de Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo

Luns 28 de xuño do 2010

O Atlético de Madrid proclamouse campión do VI Torneo de Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo, II Memorial José Luis Vara Olveira, que se disputou durante toda a fin de semana no complexo deportivo das Eiroas. Os madrileños impuxéronse na final, celebrada o domingo 27 de xuño, aos favoritos que viñan de gañar o torneo de Brunete, o FC Barcelona, cun tanteo de 3-1. O Atlético de Madrid pecha a competición sen ter coñecido a derrota, nunha participación impecable con tan só un empate na liguilla inicial contra o Barça ao que acabaría derrotando na final. Os culés leváronse a distinción de contar co mellor xogador do torneo, Carles Aleña, un centrocampista que leva xa cinco anos nas escolas do conxunto catalán e que tamén fixo valer a súa condición de promesa na última edición do torneo de Brunete, no que resultou, así mesmo, elixido como mellor xogador. Hai que subliñar a meritoria actuación das Escolas Luís Calvo, que remataron o campionato na cuarta praza.

Tamara, o 'Baile de Ardebullo' e a Festa do Bosque centran as actividades da Semana Grande do San Xoán

DO 23 AO 27 DE XUÑO

Tamara, o 'Baile de Ardebullo' e a Festa do Bosque centran as actividades da Semana Grande do San Xoán

Mércores 23 de xuño do 2010

A coñecida cantante Tamara, as Cantareiras de Ardebullo co seu baile e a Festa do Bosque son os actos centrais dunha Semana Grande do San Xoán na que non faltan o tradicional Concurso de Cachelas -con 13 participantes- e o Descenso do Anllóns ou citas deportivas como o Torneo Internacional de Fútbol 7 ou a Carreira Ciclista, entre outras. Despois das verbenas e cachelas dos días 23 e 24, o venres 25 é a actuación de Tamara, que presenta o seu último traballo 'Amores', con 12 cancións compostas polos mellores autores de España e Latinoamérica. É o oitavo disco desta artista sevillana que comezou nun popular concurso de televisión presentado por Bertín Osborne. Dende entón a súa traxectoria non ten parado de medrar, pasando de ser coñecida en Latinoamérica como "a nena prodixio do bolero" a consolidar a súa carreira con temas como "Si nos dejan" ou versionando artistas da calidade de Roberto Carlos con cancións como "El gato que está triste y azul". Na súa única data até o momento en Galicia, a cantante dará o mellor de sí: na Praza do Concello a partires das 00.00 horas.

O Barcelona, o Deportivo, o Celta, o Atlético de Madrid ou o Hoffenfeim alemán danse cita no VI Torneo Fútbol 7 Concello de Carballo

VENRES 25, SÁBADO 26 E DOMINGO 27 DE XUÑO

O Barcelona, o Deportivo, o Celta, o Atlético de Madrid ou o Hoffenfeim alemán danse cita no VI Torneo Fútbol 7 Concello de Carballo

Mércores 23 de xuño do 2010

O VI Torneo Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo, en homenaxe por segundo ano consecutivo a José Luis Vara Olveira, acolle aos mellores conxuntos do panorama nacional e internacional, coa presenza das categorías de fútbol base de equipos como o Fútbol Club Barcelona, o Real Club Deportivo da Coruña, o Real Club Celta de Vigo, o Atlético de Madrid o Groningem holandés ou o Hoffenheim alemán, xuntando entre 140 e 150 rapaces. Todos eles mediranse ao equipo que venciu a fase previa, o Montañeros, e ás Escolas de Fútbol Luís Calvo, na fase final que se desenvolve o venres 25, o sábado 26 e o domingo 27 de xuño, cando se disputa a gran final no Complexo das Eiroas. Este ano, a cita conta ademais co xogador do Real Club Deportivo Iván Pérez como padriño, non só pola súa relación persoal con José Luis Vara, senón porque tamén comezou como alevín defendendo a camiseta do Compostela no Torneo de Brunete. Na presentación, Pérez subliñou a "alegría e motivación" que debe supoñer para os equipos da comarca ter un torneo desta importancia a nivel nacional e internacional.

Aprobada a ocupación de terreos para prolongar a rúa Bos Aires da capital municipal

ADXUDICACIÓN PROVISIONAL DO SUBMINISTRO DE ENERXÍA ELÉCTRICA

Aprobada a ocupación de terreos para prolongar a rúa Bos Aires da capital municipal

Martes 22 de xuño do 2010

A Xunta de Goberno vén de aprobar na sesión ordinaria celebrada o luns 21 de xuño ás 13.00 horas a ocupación directa dos terreos necesarios para a apertura da prolongación da rúa Bos Aires (na imaxe), para conectar esta vía coa avenida de Ponte da Pedra. A resolución afecta a unha superficie de 21,5 metros cadrados situados no polígono 28 da capital municipal. O obxectivo desta actuación é crear unha vía paralela á rúa Perú para permitir alixeirar o tráfico rodado nesa vía. Así mesmo, deste xeito compleméntanse os traballos de urbanización dos polígonos 26 e 27. Os primeiros xa están rematados e os segundos aínda se están desenvolvendo e supoñen a urbanización dun importante tramo da rúa Perú así como a dotación de servizos para as rúas Chile, Bos Aires e Pontevedra. Coa apertura da rúa Bos Aires crearase unha vía que conectará a rúa Poñente da travesía de Malpica coa avenida de Ponte da Pedra.

O balance mensual da Policía Local indica que en maio teñen descendido os feridos en accidentes de circulación

NO 2010 TÉÑENSE REXISTRADO 82 ACCIDENTES, 16 CON FERIDOS

O balance mensual da Policía Local indica que en maio teñen descendido os feridos en accidentes de circulación

Martes 22 de xuño do 2010

O informe mensual da Policía Local carballesa indica que ao longo do mes de maio téñense reducido notablemente os feridos en accidentes de circulación, pasándose de 12 en abril a 4 na pasada mensualidade, sendo un deles un peón. A media de feridos dende que comezou 2010 nas vías carballesas é de 6 por mes, mentres que o número global de accidentes de tráfico rexistrados é de 82. Respecto dos delictos contra a seguridade do tráfico, en maio producíronse 6 alcolemias positivas, cun total de 25 nos primeiros cinco meses do ano. Así mesmo, no que vai de 2010 téñense rexistrado 65 delictos relacionados con furtos, danos e outros, sendo as incidencias no mes de maio un total de 13. Desta cantidade, seis refírense a roubos con forza e un trátase dun furto, mentres que tamén se rexistrou un tirón. Así mesmo, o informe de maio de Protección Civil apunta que teñen realizado un total de 147 intervencións no municipio, con 26 emerxencias.

O Concello invita aos mozos e mozas a inscribirse na iniciativa 'Participando: os concellos e a mocidade'

DESTINADA A PERSOAS ENTRE 18 E 30 ANOS

O Concello invita aos mozos e mozas a inscribirse na iniciativa 'Participando: os concellos e a mocidade'

Martes 22 de xuño do 2010

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Xuventude que dirixe Marcos Trigo, forma parte do proxecto europeo 'Participando: os concellos e a mocidade', unha iniciativa cofinanciada polo programa Mocidade en acción que ten como obxectivo fomentar a participación activa dos mozos e mozas na vida da súa comunidade local, favorecendo a creación dun espírito de corresponsabilidade e a colaboración entre a xente nova e os responsables políticos. O proxecto reunirá a 24 mozos e mozas de Carballo e de Turín e Tortona (Piamonte-Italia) de entre 18 e 30 anos para reflexionar en conxunto sobre a importancia da participación a nivel local como unha ferramenta para o fortalecemento da democracia europea. Os participantes desenvolverán diversas actividades, entre as que destaca a celebración dun obradoiro en Carballo que incluirá encontros cos órganos municipais e entrevistas con políticos e asociacións locais. Os interesados e interesadas en anotarse poden obter máis información na Concellaría de Xuventude no teléfono 981 704 700 ou no correo <xuventude@carballo.org>.

Compartir: