PINTADO DAS NOVAS ÁREAS DE ESTACIONAMENTO LIMITADO
Xoves 22 de xullo do 2010
Carballo amplía a zona azul de estacionamento limitado do casco urbano coa colocación da sinalización vertical e horizontal pertinente en catro novos puntos da capital municipal. Esta medida correspóndese coa cuarta fase de implantación de zona azul e afecta á rúa Rosalía de Castro, con 44 prazas de estacionamento; a parte da rúa Sol, dende a glorieta até a ponte, con 14 prazas máis; á praza da Milagrosa, con 20 prazas de aparcamento; e ao primeiro tramo da rúa Miño, con 14 novas prazas de zona azul. Trátase dun total de 92 novos espazos para eliminar os vehículos ventosa do centro urbano carballés limitando o tempo de estacionamento a un máximo de 90 minutos para favorecer a mobilidade dos turismos. O casco urbano conta a partir de agora con preto de 500 prazas de aparcamento regulado por zona azul, uns espazos que foron creados pouco a pouco dende o ano 2002, en que se acondicionaron as primeiras prazas no entorno da Praza do Concello.
FINS DE SEMANA DE 13.00 A 15.00 E DE 20.00 A 22.00 HORAS
Mércores 21 de xullo do 2010
O Concello de Carballo, a través da Concellería de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín, convoca aos locais hostaleiros a participar na II Ruta do Pincho de Verán, co obxecto de promocionar os establecementos do núcleo urbano, así como os produtos típicos da zona. Poderán participar todos aqueles establecementos, restaurantes e bares situados na capital municipal carballesa. A ruta terá lugar os sábados e domingos, entre os días 7 e 29 de agosto, en horario de sábados e domingos de 13.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 22.00 horas. Os establecementos interesados deberán presentar a súa solicitude na Oficina de Información Turística situada no Museo de Bergantiños antes das 20.00 horas do día 28 de xullo de 2010. Os establecementos servirán as tapas de xeito gratuíto con cada consumición.
SÁBADO 24 DE XULLO ÁS 22.00 HORAS
Mércores 21 de xullo do 2010
A Praia de Razo acolle o sábado 24 de xullo a partir das 22.00 horas o V Festival Sereas e Piratas, unha cita xa consolidada para os amantes da música pop, indie e bizarra que este ano, segundo a organización, da un xiro cara os aires electrónicos que ultimamente pegan forte no panorama musical. Entre as novidades hai que subliñar que os concertos terán lugar no Campo de Fútbol situado a carón da explanada co obxectivo "de ofrecer máis seguridade e control sobre a xente", segundo explica José Antonio Deus, presidente da Asociación Cultural Rebeldía, responsable da cita, a pesares de que a entrada segue a ser de balde. Así mesmo, publícase por primeira vez a revista do festival, na que, ademais de recollerse as principais características dos grupos do Sereas e Piratas, tamén hai outros contidos como un artigo de Rober Bodegas ou unha reportaxe sobre moda: un paso máis de cara ao crecemento da cita. Respecto do programa, Rebeldía lamenta informar de que o grupo Olimpic cáese do cartel por unha pneumonía do batería, polo que están buscando substitutos, aínda que permanecen The Requesters ademais de Noise Project, Colectivo Oruga, Bëlop e Lowcos.
VISITARÁN CONSERVAS CALVO, SANTIAGO E AS RÍAS BAIXAS
Martes 20 de xullo do 2010
Os lazos entre a vila francesa de L'Isle Jourdain e Carballo apértanse esta semana coa visita dunha delegación de 50 veciños e veciñas chegados dende a cidade irmá. Recibidos o luns 19 de xullo no Concello polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña; e a presidenta do Comité de Irmanamento, Carmen Rives, permanecen na capital de Bergantiños até o venres 23 de xullo, a maioría acollidos nos fogares dos carballeses e carballesas do Comité e un pequeno grupo nun hotel. Despois dunha longa viaxe en autobús dende o distrito de Gers, na Gascuña tolosana, e representados por Marie Delpeyraux, presidenta da agrupación de 'jumelage' francesa, e por Jaques Andreetta, encargado das relacións co municipio italiano de Motta de Livenza, asistiron a un acto entrañable na Casa no Concello na que se realizou un intercambio de agasallos (na imaxe) entre os representantes das dúas vilas, así como emotivos discursos de benvida nun salón de plenos cheo.
DOMINGO 22 DE AGOSTO: RAZO E POLÍGONO DE BÉRTOA
Martes 20 de xullo do 2010
Durante a próxima fin de semana teñen lugar en Carballo dúas probas deportivas no medio natural que están a consolidarse na oferta deportiva local. Deste xeito, o domingo celébrase na explanada do areal de Razo o III Torneo de Volei-Praia Concello de Carballo, no que compiten preto de 200 deportistas de toda Galicia. A cita comeza ás 11.00 horas e remata arredor das oito da tarde. O mesmo domingo tamén se celebra a segunda edición das 12 horas BTT, unha proba única en Galicia, organizada polo Club Ciclista Carballo e a Peña Ciclista Media Ducia coa colaboración do Concello. Trátase dunha carreira de velocidade libre onde os participantes percorren un circuíto de 14 quilómetros en modalidade individual ou por equipos, con saída e chegada no polígono de Bértoa. Arredor de 120 ciclistas de toda Galicia e mesmo de Asturias e País Vasco participan este ano no evento, que comeza ás 8.00 e remata ás 20.00 horas.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 19 de xullo do 2010
A reunión ordinaria da Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adhesión do Concello de Carballo a un Convenio de colaboración subscrito entre distintas consellerías da Xunta e a Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) para a actuación en emerxencias e tarefas de Protección Civil e a prevención e extinción de incendios forestais para 2010. Os integrantes do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) deben recibir un curso teórico práctico de formación da Dirección Xeral de Montes sobre a prevención e extinción de lumes. Así, durante o período da campaña de incendios forestais, que comprende alomenos os meses de xullo, agosto e setembro, o Grumir encargado da prevención de lumes organízase de tal xeito que cobre dúas quendas de vixiancia de oito horas ao día. Cada quenda está cuberta como mínimo por un grupo de cinco persoas, así como cun vehículo pesado de extinción e un todo terreo. O acordo ten vixencia até decembro de 2010.
VENRES 16 DE XULLO ÁS 22.30 HORAS
Venres 16 de xullo do 2010
O Verán Cultural 2010 continúa o venres 16 de xullo ás 22.30 horas na Praza do Concello con Omar Percussion Group. Esta banda presenta 'VIDA', un espectáculo musical con máis de 70 instrumentos e xogos de luces co que os espectadores poderán encherse de enerxía e moito ritmo. Auga, vento, lume e terra, os catro elementos fundamentais, exprésanse a través de estilos como a música chill out, que representa o vento, a música española, que recorda a auga, melodías xaponesas transmítennos a terra e a música africana que nos achega ao lume. Este grupo, un dos máis significativos da percusión contemporánea, está integrado por tres músicos profesionais que en 2004 se xuntaron para explorar novas posibilidades creativas mesturando composicións propias coas obras de grandes compositores creando unha calidade de son única e persoal, con especial interese na música étnica e multicultural. Este espectáculo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
A DEPUTACIÓN TEN INVESTIDO 10 MILLÓNS NO MUNICIPIO NESTE MANDATO
Xoves 15 de xullo do 2010
As obras para a construción dunha nova escola infantil para a capital municipal carballesa, que se edificará no entorno da urbanización de Riotorto na estrada de Razo (na imaxe), comezarán antes de que remate 2010. Así o anunciou o Vicepresidente da Deputación, o nacionalista Pablo Villamar, nunha visita institucional ao Concello de Carballo. O organismo provincial achegará 550.000 euros para sacar adiante a actuación. Así mesmo, e tamén antes de finais de 2010, está previsto que principien os traballos da primeira fase de urbanización da travesía de Sísamo, unhas obras que xa están adxudicadas á empresa OVIGA SL e que contan un orzamento próximo aos 600.000 euros. Villamar asegurou que tamén se axilizará a adxudicación dos traballos da segunda fase de mellora, que afectaría ao treito que transcorre entre o punto quilométrico 0,730 e a escola unitaria de Sísamo, de tal xeito "que podería chegar a traballarse nas dúas fases ao mesmo tempo". Villamar estivo acompañado polo deputado Xoán Sande e foi recibido no Concello polo Alcalde, Evencio Ferrero; o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña; e o Concelleiro de Obras, Luís Lamas.
UN TOTAL DE 70 PERSOAS REFLEXIONAN SOBRE CREATIVIDADE E LINGUA
Mércores 14 de xullo do 2010
O Pazo da Cultura acolle até o venres 16 de xullo o VI Curso de verán sobre Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña (UDC), que este ano aborda "a importancia da lingua nos espazos de lecer", en verbas do responsable de Normalización Lingüística da Deputación, Xoán Sande Muñiz, así como "a relación das políticas lingüísticas e culturais", segundo Goretti Sanmartín, directora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC. Ambos os dous estiveron no acto de apertura deste curso que pretende debater e sacar conclusións acerca da creatividade para a lingua coa axuda dunhas 70 persoas, entre participantes e relatores. Así, "a cultura é un espazo axeitado e singular para incluír prácticas e medidas a prol da lingua galega", subliña Sanmartín. No acto de apertura do VI Curso de verán sobre dinamización lingüística tamén estiveron presentes Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
MÉRCORES 14 E XOVES 15 DE XULLO
Martes 13 de xullo do 2010
A programación do Verán Cultural continúa esta fin de semana despois de principiar o 9 de xullo cun concerto infantil no que os cativos e cativas se achegaron á Praza do Concello. Agora a oferta ábrese aos adultos con propostas nas que hai teatro de rúa, cine e música. Así, o mércores 14 de xullo ten lugar o espectáculo 'Romería a Santiago' de Masca Teatro-Aula Unam de México, que presentan unha proposta de teatro popular itinerante que percorre a historia das peregrinacións a Santiago. Actores, cabezudos, máscaras, monicreques ou zancudos transportarannos ao sentir do peregrino e ao espírito de festa e devoción desta tradición desde a perspectiva da cultura mexicana. A cita é a partires das 20.30 horas nas rúas peonís e na Praza do Concello e conta coa colaboración da Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais e Xacobeo 2010. O xoves 15 é a quenda para a música galega de Sés, unha descarga de ritmos e sons que conta coa voz da carballesa María Xosé Silvar. A cita é de balde, no Pazo da Cultura, a partires das 22.00 horas.
ENTRE O MÉRCORES 14 E O VENRES 16 DE XULLO
Martes 13 de xullo do 2010
A Universidade da Coruña (udc), en colaboración co Concello de Carballo, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e a Deputación da Coruña, organizan a sexta edición do curso de verán sobre dinamización lingüística, que ten lugar no Pazo da Cultura de Carballo os días 14, 15 e 16 de xullo e que se centra na análise e debate da promoción social da lingua nos espazos de lecer e nas accións culturais. No curso participan 70 persoas do ámbito da normalización lingüística, tanto de entidades públicas como do ensino ou de entidades privadas. Os obxectivos desta edición da acción formativa que desde o ano 2008 se desenvolve en Carballo son reflexionar sobre a vinculación entre política lingüística e política cultural, analizar os elementos de política lingüística que se teñen en conta nas accións culturais, avaliar as accións relacionadas coa cultura que se utilizan nas políticas lingüísticas e presentar accións para a normalización e a dinamización lingüísticas que teñan como obxectivo intervir nas actividades e nos espazos de lecer. Para isto, combinaranse sesións teóricas e prácticas, formativas, de análise e de traballo conxuntos con relatorios, grupos de traballo, presentacións de experiencias, obradoiros e mesas de debate.
TAMÉN ESTIVO EN PONTE LUBIÁNS E VILARDEFRANCOS
Luns 12 de xullo do 2010
O Director Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Xosé Manuel Rey Pichel, vén de visitar Carballo para coñecer e examinar de primeira man algúns dos puntos máis emblemáticos do municipio, como son a Ponte Lubiás, o carballo e o Pazo de Vilardefrancos e o Dolmen de Pedra Moura, que formará parte do Parque do Megalistismo. O carballés Rey Pichel falou especialmente do dolmen de Aldemunde, "porque hai que poñelo en valor e protexelo coas medidas axeitadas", desde "un profundo sentido cultural e con respecto", realizando un "tratamento especialmente delicado". No proxecto está recollida unha rehabilitación en dúas fases: unha primeira de recuperación, delimitación e acondicionamento, que inclúe a expropiación de terreos para poder actuar na zona e a creación dunha área de aparcamento e de lecer; e unha segunda de escavación, máis centrada no estudo e recuperación do patrimonio megalítico.