IV ENCONTRO DE POLÍTIVA LINGÜÍSTICA: 20 DE OUTUBRO
Venres 17 de setembro do 2010
Alcaldes e alcaldesas, concelleiros/as e técnicos/as de normalización lingüística dos concellos da provincia da Coruña, reuniranse o mércores 20 de outubro no Pazo da Cultura de Carballo para participar no IV Encontro de política lingüística desde as administracións locais, unha xuntanza promovida pola Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e organizada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). O Encontro foi presentado no propio Pazo da Cultura polo deputado responsábel da Área de Normalización na Deputación da Coruña, Xoán Manuel Sande, e polo presidente da CTNL, Nel Vidal, que salientou que "un dato que chama poderosamente a atención é que máis do 75 por cen dos servizos de normalización lingüística (SNL) que existen en concellos do país están na provincia da Coruña", o que, segundo o voceiro da CTNL, "non é casualidade, pois é o froito da colaboración que ofrece a Área de Normalización da Deputación". Dentro dese traballo está tamén este Encontro, co que se procura a posta en contacto entre os distintos concellos, a coordinación e o deseño de liñas de acción conxunta.
PRODUCÍRONSE PRETO DE 600 INTERVENCIÓNS DE BOTIQUÍN
Venres 17 de setembro do 2010
A Unidade de Salvamento Acuático de Protección Civil de Carballo, que este ano contou con 32 socorristas que vixiaron os areais de Razo, As Saíñas e Pedra do Sal entre o 11 de xuño e o 10 de setembro, realizou sete salvamentos ao longo da tempada de verán. Catro deles producíronse na praia das Saíñas -un en xuño e tres en agosto- e outros tres na praia de Razo no mes de agosto. O primeiro deles tivo lugar o xoves 24 de xuño na zona das Pontes; en agosto foron: o martes 3 en que se rescatou a un rapaz de 17 anos veciño da Silva na zona de Intermedia; o xoves 5 houbo un salvamento múltiple de 4 rapaces por un golpe de mar na zona Intermedia e outro salvamento dunha persoa de 44 anos na zona da Cabreira; en Baldaio tivo que efectuarse un salvamento o venres 20 de S.O., un carballés de 32 anos na zona libre e houbo outro salvamento ese mesmo día de dúas persoas J.F.V -45 anos- e D.F.A -8 anos- de Coristanco na zona das Pontes. Na Pedra do Sal non foi necesario realizar ningún salvamento en todo o verán.
REGRESAN A ITALIA O SÁBADO 18 DE SETEMBRO
Xoves 16 de setembro do 2010
Os integrantes do proxecto europeo 'Participando: os concello e a mocidade' -que reúne a 24 mozos e mozas do Concello de Carballo e dos concellos italianos de Turín e Tortona- seguen co seu intenso programa de traballo que se estende desde a súa chegada o martes 14, ata a súa partida o sábado 18 de setembro. Ao longo da mañá do xoves, os participantes no proxecto traballaron nun obradoiro de deseño de espazos de participación local por medio dun traballo en grupos, logo da intensa xornada de onte onde se valoraron as boas prácticas recollidas durante o proxecto e se reflexionou sobre as diferentes formas de participación, desde as máis formais, como os consellos consultivos da mocidade, ata sistemas de democracia directa, ademais de manterse un encontro co Alcalde, Evencio Ferrero. Logo da visita á Oficina de Información Xuvenil do Concello da Coruña, está previsto tamén para a tarde do xoves un encontro con representantes do Consello da Xuventude de Galicia en Santiago para intercambiar impresións.
PERMANECEN ATA O SÁBADO EN CARBALLO
Mércores 15 de setembro do 2010
Un grupo dos 24 mozos e mozas incluídos na iniciativa europea 'Participando: os concellos e a mocidade' veñen de intercambiar experiencias, impresións e opinións sobre a comunidade local, a Unión Europa ou a participación da xuventude na vida política co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e co Concelleiro de Xuventude, Marcos Trigo. O proxecto reúne a un conxunto de mozos e mozas de Carballo e de Turín e Tortona (Piamonte-Italia) de entre 18 e 30 anos para reflexionar sobre a importancia da participación a nivel local como unha ferramenta para o fortalecemento da democracia europea. Despois dunha recepción na Alcaldía, na que se intercambiaron agasallos, como unha placa conmemorativa de Turín, libros ou incluso doces típicos, mantívose unha xuntanza no salón de plenos e ambas partes amosaron a súa vontade de seguir mantendo contactos na procura de novas oportunidades de manter relacións e crear proxectos en común no futuro.
VENCERON AO MARISTAS E AO VALLADOLID
Martes 14 de setembro do 2010
A fin de semana do 11 e 12 de setembro os pavillóns Carballo Calero e Vila de Noia da capital municipal acolleron o VII Torneo Internacional Concello de Carballo. Os gañadores foron o Vipecón Xiria en categoría cadete e o ABC Braga en xuvenil. Os carballeses do Vipecón fixeron valer os prognósticos, posto que xa derrotaran ao Maristas de Algemesí na mañá do domingo na 3ª xornada da fase de grupos por 39-32. Na final, disputada o domingo ás catro da tarde, os do Vipecón Xiria volvían vencer aos valencianos do Maristas por un claro 31-24, nun encontro que estivo dominado en todo momento polos rapaces de Pablo Filgueira e Fernando Vázquez. A final da categoría xuvenil disputárona o ABC de Braga e o BM Valladolid, nun encontro moi igualado que finalmente levaron os portugueses por tan só un gol de vantaxe. O torneo contou cun total de 140 participantes e catro equipos: o BM Valladolid, o ABC de Braga (Portugal), o CB Maristas de Algemesí (Valencia) e as Escolas de Balonmán Xiria.
EN COLABORACIÓN COA COMPAÑÍA MOFA E BEFA
Luns 13 de setembro do 2010
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) chega este ano 2010 á edición número XIX. Superada a maioría de idade, segue a dar pasos que o fan medrar cada vez. Nesta ocasión o festival conta cunha importante novidade, a súa primeira coprodución teatral en colaboración coa compañía Mofa e Befa. O seu director Kiko Cadaval, xunto con Víctor Mosquera (os dous distinguidos co galardón Xograr de Outono) e Evaristo Calvo, embárcanse nesta aventura titulada 'Un cranio furado'. Iniciaron a andaina do novo proxecto no FIOT de 2009 e a estrea está prevista para o venres 15 de outubro, cun novo pase ao día seguinte. Ademais, os últimos ensaios e preparativos terán lugar no Pazo da Cultura. Desgránase así unha das propostas do Outono de Teatro, que ultima os detalles dun cartel no que, de novo, visitarán o Pazo da Cultura as principais compañías españolas, galegas e mesmo internacionais da man do Concello e a Asociación Cultural Telón e Aparte.
SUPÓN UN INCREMENTO DUN 80 POR CENTO RESPECTO DE HAI UN ANO
Venres 10 de setembro do 2010
O Padroado Deportivo Municipal acadou este mes a cifra de 3.059 abonados, unha cifra importante, xa que supera a barreira dos 3.000, e que supón un incremento próximo ao 80 por cento en relación aos 1.727 abonados de hai un ano por estas datas. Isto revela a boa acollida que teñen as instalacións deportivas municipais e a práctica deportiva entre a poboación carballesa. Así mesmo, este ano ampliouse o número de prazas nos cursos de natación xa existentes, acadándose en total as 1.550 prazas ofertadas en todas as actividades (970 nos cursos de natación). Ademais, a oferta amplíase con novas actividades acuáticas cos cursos de 'Natación para Bebés', de 'Natación para Embarazadas' e de 'Aquagym'. O prazo de inscrición dos novos cursos é desde o luns 13 até o xoves 30 de setembro nas oficinas do Padroado Deportivo Municipal situadas na rúa Vila de Corcubión. Máis información no 981 702 109.
VENRES 17 E SÁBADO 18 DE SETEMBRO DE 2010
Xoves 9 de setembro do 2010
O Festival Xiria Pop chega á súa edición número trece sen nada que demostrar despois dunha ampla traxectoria, pero coa súa mesma busca da calidade. Desta volta o cartel está conformado por oito grupos que o venres 17 e o sábado 18 de setembro encherán de boa música a sala da Cervexaría Dublín. O venres é a quenda de Wolrus, The Mittens, The Riffbackers e The See See, mentres que o sábado tocan The Allnight Workers, The Shake, Los Chicos e Micky y los colosos del ritmo. A presenza de Micky é un dos grandes atractivos do festival, no que presenta, na súa única actuación programada este ano en Galicia, un novo disco de rock'n'roll. Dende a organización, Xavier Graña explica que "este ano non hai estrelas rutilantes estranxeiras porque non se puxeron a tiro", pero que The See See, chegados dende Londres, son dunha grandísima calidade, ao igual que os grupos españois e galegos. A entrada custa 10€ cada día aínda que pode adquirirse un bono de 15€ para os dous días. As portas ábrense o venres e o sábado a partires das 22.00 horas.
OS EMPRESARIOS CONTAN CON 128 NOVAS PARCELAS DE USO INDUSTRIAL
Martes 7 de setembro do 2010
O Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, veñen de certificar a posta en marcha da ampliación do polígono industrial de Bértoa, cunha superficie de 718.000 metros cadrados e con máis de 45 hectáreas de chan industrial distribuído nun total de 128 parcelas. A previsión é que as empresas que se instalen no parque empresarial creen ata 3.000 postos de traballo nos próximos anos. O investimento total para a creación desta ampliación, coa que o polígono conta xa con 1,2 millóns de metros cadrados de superficie, é de 25.736.341 euros, dos que case a metade destináronse á adquisición de terreos e a achega restante aos traballos de urbanización. Núñez Feijóo anunciou a intención da Xunta de "adoptar medidas para flexibilizar a compra de chan", como ampliar o prazo para efectuar os pagos, incrementar o período para solicitar a licenza, ou reducir as fianzas co obxectivo de "crear máis chan empresarial e chan máis accesible".
SÁBADO 11 E DOMINGO 12 DE SETEMBRO
Venres 3 de setembro do 2010
A capital municipal acolle o sábado 11 e o domingo 12 de setembro o VII Torneo Internacional de Balonmán Concello de Carballo, organizado polo Concello, o Padroado Deportivo Municipal e as Escolas Balonmán Xiria. A cita conta cun total de 140 participantes e catro equipos: o BM Valladolid, o ABC de Braga (Portugal), o CB Maristas de Algemesí (Valencia) e as Escolas de Balonmán Xiria. O torneo disputarase en dous grupos de catro equipos en formato de competición de todos contra todos. Os partidos da categoría cadete masculina disputaranse no pavillón Carballo Calero e os da categoría xuvenil masculina no pavillón Vila de Noia. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que presentou a iniciativa xunto co Presidente das Escolas de Balonmán Xiria, Álex Cousillas e o Técnico responsable da realización e coordinación do torneo, Fernando Vázquez, ademais doutros membros de Xiria, resaltou o compromiso co deporte de base e o traballo das escolas de Xiria e subliñou o feito de que estes xogadores cadetes e xuvenís "pronto estarán competindo en categoría absoluta".
O PROGRAMA CONCILIA COLABOROU POR PRIMEIRA VEZ COA INICIATIVA
Martes 31 de agosto do 2010
Un total de 225 rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos participaron ao longo dos meses de xullo e agosto nas Escolas Deportivas e Culturais de Balonmán Xiria. Durante o verán puideron desfrutar de excursións e saídas; de actividades deportivas, coa axuda de dez monitores; e de actividades culturais con seis monitores que desenvolveron unha oferta lúdica con clases de inglés, informática ou traballos manuais, e coa novidade este ano da creación dun grupo de teatro. Ademais, por primeira vez estas Escolas contaron coa posibilidade de que os seus participantes puideran empregar o servizo do programa Concilia, de tal xeito que o horario ampliouse para atender aos nenos e nenas a partires das 7.30 horas, coa opción de incluír o almorzo. Con ese novo horario moitos dos rapaces e rapazas tiveron a posibilidade de estar nas Escolas de 7.30 a 14.00 horas.
APROBACIÓN DO PROXECTO DE REPARCELACIÓN DO POLÍGONO 32
Luns 30 de agosto do 2010
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación provisional do contrato administrativo especial para o arrendamento de catro despachos no Centro de Promoción Económica de Carballo (CPEC) situado no polígono de Bértoa. Así, mentres que se ten declarado deserta a adxudicación de dous dos catro espazos dispoñibles, un de 14,6 metros cadrados e outro de 9,72 metros (lotes 2 e 3), acordouse a adxudicación do lote número 1, para un despacho de 9,77 metros cadrados, á Comunidade de Propietarios do Polígono Industrial de Bértoa, cunha renda anual de 65,5 euros por metro cadrado, cun importe de 2.559,74 euros polos catro anos de duración inicial do contrato. O lote número 4, para un despacho de 9,57 metros cadrados, adxudicouse provisionalmente á Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) pola mesma renda anual por metro cadrado -65,5 euros- e un importe de 2.510 euros por catro anos.