Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O FIOT 2010 aposta pola calidade escénica, os proxectos comprometidos e o teatro pouco convencional

30 EVENTOS TEATRAIS ENTRE O 8 DE OUTUBRO E O 1 DE NOVEMBRO

O FIOT 2010 aposta pola calidade escénica, os proxectos comprometidos e o teatro pouco convencional

Sábado 2 de outubro do 2010

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) inicia o 8 de outubro a súa edición número XIX apostando pola calidade escénica, con proxectos comprometidos -incluída a coprodución dun dos espectáculos 'Un cranio furado'- e apartándose do teatro máis convencional coa incursión do OTNI, Obxecto Teatral Non Identificado, destinado ás propostas máis orixinais e arriscadas. A organización recoñece a dificultade engadida de compatibilizar o festival coa crise nesta edición, aínda que subliñan que non ten reflectido na programación, que grazas ao esforzo de todos permite que o festival siga consolidándose entre os máis importantes da escena galega. Até o 1 de novembro Carballo será un centro de dinamización cultural no que se desenvolverán 30 eventos relacionados co teatro entre funcións de sala, a Rúa dos Contos, exposicións, obradoiros, OTNI ou o Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís. O presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, subliñou que os espectadores do FIOT teñen a "oportunidade de asistir a espectáculos de primeira liña internacional" a prezos máis que alcanzables; o Alcalde, Evencio Ferrero, espera un mes para "desfrutar de ser afeccionados ao teatro e de ser carballeses".

Carballo convoca o 'I Festival de Curtas rodadas con móbil' no marco das III Olimpíadas Tecnolóxicas

III XORNADAS CARBALLO PORTAABERTA: SOBRE O AUDIOVISUAL

Carballo convoca o 'I Festival de Curtas rodadas con móbil' no marco das III Olimpíadas Tecnolóxicas

Venres 1 de outubro do 2010

O Concello de Carballo prepara a celebración das III Olimpíadas Tecnolóxicas que este ano estarán dedicadas ao sector audiovisual e as novas tecnoloxías. Para iso, o Telecentro do Pazo da Cultura, que está previsto que abra de novo as súas portas ao longo deste mes, acollerá o I Festival de Curtas rodadas con móbil, unha cita na que os participantes realizarán a súa propia curtametraxe, dun máximo de 2 minutos de duración, tan só co seu teléfono móbil. Para axudarlles na tarefa, está previsto que asistan a un total de catro obradoiros audiovisuais que se celebrarán os sábados 6, 13, 20 e 27 de novembro no Telecentro, en horario de 10.00 a 13.30 e de 16.00 a 19.00 horas. Os participantes no Festival poderán desenvolver de primeira man cada unha das fases do proceso creativo dunha curta, pasando pola elaboración do guión, a rodaxe e a posprodución. Poderán participar un máximo de 5 equipos de entre 4 e 6 persoas que serán admitidos por rigoroso orde de inscrición. As anotacións poden formalizarse entre o luns 4 de outubro e o venres 5 de novembro na Alcaldía da Casa do Concello e no Telecentro tan pronto reabra as súas portas.

Asinado un convenio de colaboración entre Carballo e Coristanco para a limpeza e mantemento de Ponte Lubiáns

PATRIMONIO ASUMIRÁ OS TRABALLOS

Asinado un convenio de colaboración entre Carballo e Coristanco para a limpeza e mantemento de Ponte Lubiáns

Venres 1 de outubro do 2010

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Alcalde de Coristanco, Antonio Pensado, veñen de asinar un convenio de colaboración para que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, asuma os traballos de limpeza e mantemento de Ponte Lubiáns, monumento situado entre os dous concellos, cuxa construción está atribuída aos romanos no século I e que conta con máis de 40 metros de lonxitude. O obxectivo non é so acadar a limpeza da vexetación, senón tamén a consolidación deste espazo emblemático. Así mesmo, os traballos non afectarán unicamente á zona de tránsito, senón a todo o entorno da ponte. A través deste acordo, que foi asinado hoxe ás 10.30 horas, Carballo e Coristanco deixan de asumir os labores de limpeza e mantemento, que a partir de agora encadraranse no programa de 'Protección e promoción do patrimonio histórico, artístico e cultural' da Dirección Xeral de Patrimonio. Así mesmo e segundo consta no convenio, a ponte está incluída no Plan de conservación de pontes históricas que recolle monumentos con necesidades urxentes de intervención.

O FIOT 2010 estrea o ciclo OTNI destinado a acoller propostas alternativas e pouco convencionais

AGRUPA TRES ACTUACIÓNS NO PAZO DA CULTURA

O FIOT 2010 estrea o ciclo OTNI destinado a acoller propostas alternativas e pouco convencionais

Mércores 29 de setembro do 2010

A edición XIX do Festival Internacional Outono de Teatro chega cunha nova proposta: OTNI, Obxecto Teatral Non Identificado. Trátase dun novo ciclo que asume riscos, apostando por proxectos máis innovadores que se apartan do convencional e introducen outras linguaxes escénicas. Baixo o epígrafe de OTNI agrúpase un espazo flexible para acoller outras propostas alternativas, pensadas para un público máis minoritario, noutros espazos e con outros códigos. Os espectáculos enmárcanse dentro da oferta contemporánea, adquirindo unha dimensión máis experimental. Porén, haberá cabida así mesmo para incluír neste contedor espectáculos de pequeno formato. A organización cre que este tipo de creacións, cada vez máis numerosas nos escenarios, deben estar no festival pola súa capacidade de innovación e crítica, a súa relevancia artística e o interese para aqueles espectadores que queiran ampliar a súa mirada a "outras escenas". Este ciclo terá lugar no Pazo da Cultura, aínda que non no auditorio, senón aproveitando outros espazos.

A edición XIX do FIOT faise internacional coa presenza da compañía arxentina Timbre4

CONTINÚA ABERTA A INSCRICIÓN PARA O CONCURSO DE TEATRO LIDO

A edición XIX do FIOT faise internacional coa presenza da compañía arxentina Timbre4

Martes 28 de setembro do 2010

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que comeza o 8 de outubro, terá como representación internacional aos arxentinos Timbre4 co espectáculo 'Tercer Cuerpo', baixo a dirección dun dos directores máis importantes na actualidade Claudio Tolcachir. Despois dun grande éxito tanto en Arxentina como en España, este director presenta un novo espectáculo que amosa o seu oficio e o seu carácter de artesán teatral, revelándose como un dos mellores creadores de teatro de actor, con diálogos moi vivos e moito sentido do humor. 'Tercer cuerpo son cinco vidas'. Unha oficina anacrónica, a casa dunha parella, un bar e un consultorio médico. Sandra, Manuel, Héctor, Sofía e Moni deciden modificar os destinos unidos pola soidade, o abandono e a gran necesidade de amar e de ser amados. Unha magnífica ocasión para poder desfrutar de un texto excelente e de actores de gran calidade artística. Así mesmo, no marco do FIOT, continúa aberto o prazo para anotarse no Concurso de Teatro Lido 'Xosé Manuel Eirís'.

O pleno saca adiante a aprobación definitiva da Ordenanza xeral municipal sobre tráfico

CUARTO TRASLADO PROVISIONAL DOS POSTOS DO MERCADO

O pleno saca adiante a aprobación definitiva da Ordenanza xeral municipal sobre tráfico

Martes 28 de setembro do 2010

A sesión plenaria ordinaria do mes de setembro supuxo a aprobación definitiva da Ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, un dos principais puntos da orde do día. O obxectivo desta normativa é o de "regular e compatibilizar os distintos usos da vía pública no casco urbano carballés para darlle máis fluidez á circulación e mellorar a seguridade", en verbas do Concelleiro de Tráfico, Benedito Viña. A ordenanza consta de 80 artigos e un anexo onde se recolle o cadro de sancións, que coincide punto por punto co cadro da Lei de Seguridade Vial. A norma inclúe directrices de comportamento para os peóns, as bicicletas e ciclomotores, ademais doutros vehículos a motor, establecendo normas xerais como a velocidade máxima para circular no núcleo urbano ou o tempo de carga e descarga, entre outras moitas regulacións. O texto definitivo sae adiante despois da achega de varias propostas e do estudo das alegacións presentadas.

Aprobación inicial do proxecto de reparcelación do Parque Empresarial de Bértoa

SUPÓN A INCORPORACIÓN DE 128 NOVAS PARCELAS DE USO INDUSTRIAL

Aprobación inicial do proxecto de reparcelación do Parque Empresarial de Bértoa

Luns 27 de setembro do 2010

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar inicialmente o proxecto de reparcelación do parque empresarial de Bértoa. Despois de 15 días desde a entrega da documentación por parte de Xestur Coruña -responsable do desenvolvemento do polígono- e logo do exame e comprobacións oportunas por parte dos técnicos municipais, con esta aprobación o Concello de Carballo finaliza o trámite necesario para a exposición pública do proxecto e, unha vez finalizado o prazo de alegacións, a posterior aprobación definitiva. A intención do Goberno é a de axilizar ao máximo os trámites municipais necesarios para que Xestur Coruña proceda ao rexistro das parcelas e as poña a disposición das empresas o antes posible; un fito que, sen dúbida, suporá un factor importante para confrontar a actual crise económica e o inicio dun importante pulo para a dinamización empresarial e a creación de emprego en Carballo.

A imaxe do FIOT 2010 reflicte os enganos e mentiras que serven como fío argumental da XIX edición

XUNTANZA PARA CAPTAR VOLUNTARIADO: LUNS 4 OUTUBRO ÁS 20.30

A imaxe do FIOT 2010 reflicte os enganos e mentiras que serven como fío argumental da XIX edición

Luns 27 de setembro do 2010

Xa está preparada a imaxe da XIX edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Esta imaxe que identifica e promove o festival de teatro publicarase nos carteis que anuncian o festival, na publicidade estática que se colocará nas rúas de Carballo, nos anuncios de prensa, na páxina web do festival e no programa de man. Esta imaxe pretende transmitir tanto a calidade e o coidado que todos os anos se busca co programa, como a novidade, diversidade e modernidade que se lle pretende conferir a este evento. Unha vez máis é o deseñador carballés Alberto Gende o encargado de realizar o cartel. Na proposta deste ano subxace o tema dos enganos, da mentiras, da ocultación, ben do traizoado ben do traidor, derivadas da accións dos "inimigos íntimos", así como unha visión impactante, innovadora e moderna e non carente de risco que pretende estar presente no FIOT 2010. Os interesados e interesadas poden descargar o cartel ao completo en pdf nesta mesma nova.

A Biblioteca Comarcal de Carballo será un espazo aberto, para todas as idades e "para que a xente se quede a ler"

DE 1.500 METROS CADRADOS, ESTARÁ NA RÚA PONTEVEDRA

A Biblioteca Comarcal de Carballo será un espazo aberto, para todas as idades e "para que a xente se quede a ler"

Venres 24 de setembro do 2010

A nova Biblioteca Comarcal de Carballo será un espazo público "pensado para un Concello de 30.000 habitantes", deseñado para "achegar a xente aos libros", con mediateca de audio e vídeo e unha zona pensada para os máis cativos e cativas, no que se busca "a continuidade e liberdade do usuario", segundo explica o arquitecto encargado da elaboración do proxecto básico, Óscar Pedrós. Terá soto, pranta baixa e un andar "permitindo a circulación libre dos usuarios e a fácil orientación na busca de elementos". O soto estará destinado a arquivo, e os outros dous andares albergarán a zona de uso para os veciños e veciñas. Así mesmo, haberá un espazo que permitirá desenvolver actividades para os nenos e nenas ao aire libre. O acceso principal realizarase pola rúa Pontevedra e contará cun total de 1.500 metros cadrados construídos. O orzamento para a súa edificación é de 1,5 millóns de euros que serán achegados na súa totalidade polo Ministerio de Cultura. O prazo de execución marcado para rematar o proxecto finaliza o 31 de decembro de 2012.

O pleno aborda a cuarta fase do traslado provisional dos postos do mercado durante as obras

APROBACIÓN DA CONTA XERAL DO CONCELLO DE DO PADROADO

O pleno aborda a cuarta fase do traslado provisional dos postos do mercado durante as obras

Venres 24 de setembro do 2010

A sesión plenaria ordinaria do mes de setembro, que se celebra o luns 27 a partires das 20.30 horas, estará en boa parte centrada en asuntos de Facenda e Promoción Económica. Así, un dos principais asuntos da orde do día é a cuarta fase do traslado provisional dos postos do mercado municipal de abastos. Nesta ocasión a muda afecta aos postos de alimentación, que volverán ao primeiro andar. En fases anteriores tíñanse cambiado os postos exteriores ao segundo andar durante o seu acondicionamento, para volver logo ao exterior unha vez rematada a súa reforma. Agora regresan ao primeiro andar os 25 establecementos de alimentación que desenvolveron provisionalmente a súa actividade no soto do mercado. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, subliñan que a obra vai a un ritmo "moi bo" e que, se non hai imprevistos, cumpriranse os prazos de execución previstos, que marcan que a obra deberá estar lista en abril de 2011.

Pentación Espectáculos regresa ao FIOT en 2010 co 'Karaoke' de Neus Asensi e Juanjo Artero

A CITA É NO PAZO DA CULTURA O 1 DE NOVEMBRO

Pentación Espectáculos regresa ao FIOT en 2010 co 'Karaoke' de Neus Asensi e Juanjo Artero

Luns 20 de setembro do 2010

A XIX edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo encherá o escenario do Pazo da Cultura entre o 8 de outubro e o 1 de novembro. A Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, como organizadores da máis relevante cita cultural do ano en Bergantiños, están estes días pechando as últimas contratacións das máis importantes compañías de teatro de toda España. Como ven sendo habitual, e seguindo coa liña de traballo de anteriores edicións, inténtase, por un lado, asegurar a presenza das compañías máis notables do actual panorama escénico español e, por outro, manter outras que xa visitaron o Festival e acadaron grande éxito entre o público. Este é o caso de Pentación Espectáculos que regresa ao FIOT a recoller o Premio do público 2009, que acadou unha puntuación de 4,8 sobre 5 na anterior edición con 'Seis clases de baile en seis semanas', protagonizada por Lola Herrera e Juanjo Arteto. Nesta ocasión, representarán a peza teatral 'Karaoke' o luns 1 de novembro, unha comedia de personaxes infelices, repleta de humor, ironía e esperanza.

'Participando': á procura dunha voz para a mocidade na comunidade local

OS MOZOS E MOZAS CHEGADOS DE TURÍN E TORTONA REGRESAN A ITALIA

'Participando': á procura dunha voz para a mocidade na comunidade local

Sábado 18 de setembro do 2010

Os 24 mozos e mozas participantes no proxecto 'Participando: os concellos e a mocidade' pecharon unha intensa semana de actividades dedicadas a reflexionar sobre os espazos para a participación da mocidade no ámbito local. Como última actividade antes das reflexións finais e suxestións para o futuro, os participantes, divididos en grupos formados por mozos e mozas dos tres concellos participantes traballaron no deseño e defensa dun espazo para a participación da mocidade. Ademais dos 12 mozos e mozas de Carballo e dos representantes locais de Igualdade e Xuventude, participaron desde Italia responsables técnicos de políticas xuvenís da Oficina de Intercambios Internacionais do Concello de Turín e da Circunscrición 4 desa cidade, responsables do Centro Xuvenil OFF do Concello de Tortona, ademais de 6 mozos e mozas de cada concello, entre eles dúas representantes do Consello da Xuventude de Tortona e outros que realizan o servicio nacional civil.

Compartir: