Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Quico Cadaval define 'Un cranio furado', primeira coprodución do FIOT, como "unha novela policíaca de aldea"

ESTREA DE PT EXCÉNTRICAS O VENRES 15 ÁS 21.00 HORAS

Quico Cadaval define 'Un cranio furado', primeira coprodución do FIOT, como "unha novela policíaca de aldea"

Luns 11 de outubro do 2010

Quico Cadaval, director de 'Un cranio furado' e Dorotea Bárcena e Santi Romay, dous dos actores da obra, veñen de presentar a primeira coprodución teatral do Festival Internacional Outono de Teatro en colaboración con Producións Teatrais Excéntricas, unha comedia de "humor negro" que Cadaval define como "unha novela policíaca de aldea", que mestura risas e violencia e que "ten méritos infrecuentes no teatro actual, como o feito de que os personaxes son de verdade". Martin McDonagh é o irlandés autor deste texto titulado orixinalmente 'A skull in Connemara' e que se ten adaptado para o entorno carballés porque a historia "podía pasar en Irlanda, como en Bergantiños ou no Courel", aclara Cadaval, aínda que tamén subliña, non sen humor, que "calquera parecido coa realidade de aquí é pura coincidencia". O director de 'Un cranio furado' quere tamén resaltar que o FIOT teña chegado xa á súa XIX edición, grazas a que "soubo encontrar os mecanismos para seguir poñendo en contacto o público e o teatro". A obra estréase o venres 15 de outubro ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura carballés e repite función o sábado 16 á mesma hora. O prezo da entrada é de 5 euros e pode comprarse ou reservase no Pazo da Cultura, ou no 981 704 300.

A XII Rúa dos Contos remata con regueifas, "xograres", unha apocalipse e monólogos de calidade

Á VENDA AS ENTRADAS E OS MINIBONOS PARA O FIOT 2010

A XII Rúa dos Contos remata con regueifas, "xograres", unha apocalipse e monólogos de calidade

Sábado 9 de outubro do 2010

Despois dos oito espectáculos do venres e o sábado, a Rúa do Contos, unha das citas con máis seguidores do FIOT, entra o domingo 10 e o luns 11 na súa recta final con máis risas e máis espectáculos. O domingo son os encargados de iniciar a penúltima andaina polas cafeterías, bares e pubs de Carballo Os Regueiferios de Xornes no Bodegón o Pescador. O mellor da nosa tradición oral será protagonista grazas a dous dos máis recoñecidos regueifeiros da comarca de Bergantiños: a partir das 21.00 horas. Recolle o testemuño ás 22.30 horas no pub A Reserva Carlos Santiago, que coa súa "Leira magnética" analiza o Ano Santo Xacobeo a través dunha síntese de monólogos con moita sátira, sobre os enigmas máis irresolubles da actualidade máis candente. Continúa Matías Tárraga na Cafetería Colón ás 0.00 horas con "Juglar por Juglar". Un dos monologuistas máis importantes na actualidade a nivel nacional presenta elementos tradicionais dos xograres de Idade Media que se utilizarán para narrar lendas populares cheas de humor e poesía. Pecha a noite o Pub Silfo á 1.00 coa presenza de Suso Cortegoso e o "Apocalipsis: un monólogo musical". O terror e o fantástico mesturados coa música crearán un monólogo que se rirá da sociedade, da política e deste mundo apocalíptico. Todas as actuacións do domingo son de balde.

O Concello participa no programa 'Bule con Alcer' para promover a actividade física e social en enfermos crónicos

EN COLABORACIÓN COA DEPUTACIÓN E ALCER CORUÑA

O Concello participa no programa 'Bule con Alcer' para promover a actividade física e social en enfermos crónicos

Venres 8 de outubro do 2010

A Deputación da Coruña, dende a Comisión de Benestar Social, e a asociación Alcer Coruña (Asociación de Loita Contra as Enfermidades de Ril) en colaboración co Padroado Deportivo Municipal e o Concello de Carballo poñen en marcha o programa 'Bule con Alcer', unha iniciativa que ten como finalidade promover a actividade física e social desenvolvendo un programa que proporciona beneficios físicos, psicolóxicos e sociais á poboación da provincia con enfermidades crónicas. O obxectivo é proporcionar hábitos de vida saudables, ademais de facilitar as ferramentas necesarias para a realización da práctica regular do exercicio físico con autonomía. Outro dos aspectos novidosos é a posibilidade da inclusión dos familiares das persoas enfermas, producindo un beneficio que impacta no círculo próximo relacional do/a participante. O programa desenvolverase os luns e xoves de 10.00 a 11.00 horas na sala de actividades do Complexo Deportivo Vila de Noia e os venres de 10.00 a 11.00 horas na Piscina Carballo Calero. A inscrición pode realizarse a partir do luns 11 de outubro nas oficinas de Carballo Deporte ou no teléfono 981 702 109. A data de comezo da actividade será no momento que se inscriban o número mínimo de participantes para realizala.

Máis de douscentos xogadores participan no VI Torneo de Baloncesto Festa do Pilar

MARTES 12 DE OUTUBRO NO PAVILLÓN BERGANTIÑOS

Máis de douscentos xogadores participan no VI Torneo de Baloncesto Festa do Pilar

Venres 8 de outubro do 2010

Máis de 200 rapaces e rapazas participan o martes 12 de outubro no VI Torneo de Baloncesto Festa do Pilar, unha cita na que participan as dúas principais escolas de baloncesto de Carballo, o Club de Baloncesto Artai e a Escola de Básket Xiria e na que a organización espera que o Pavillón Bergantiños, onde se disputarán os encontros pola mañá e pola tarde, se quede pequeno para acoller ao público. Segundo explica Joaquín Moreira, coordinador dos equipos do Artai, a cita está pensada como unha festa para os rapaces e rapazas das escolas de baloncesto e para as súas familias, aínda que hai un terceiro convidado, o Club Baloncesto Culleredo, unha entidade creada en 2003 que mantén unha estrutura moi parecida á das escolas carballesas e que contribuirá ao espectáculo. Especialmente concorrida será a xornada de mañá, onde arredor de 140 nenos e nenas das categorías prebenxamín, infantil e alevín disputarán seis encontros a partires das 10.00 horas. Pola tarde espérase a presenza duns 70 rapaces e rapazas das categorías infantil e cadete.

Terra de Homes achega a Carballo unha exposición que denuncia o tráfico de nenos e nenas en todo o mundo

ESTARÁ ATÉ O 31 DE OUTUBRO NO PAZO DA CULTURA

Terra de Homes achega a Carballo unha exposición que denuncia o tráfico de nenos e nenas en todo o mundo

Venres 8 de outubro do 2010

O Pazo da Cultura de Carballo acolle até o próximo 31 de outubro a exposición da ONG Terra de Homes 'Stop ao tráfico de nenos' centrada en denunciar as situacións que viven moitos cativos e cativas en África, Asia e a Europa Oriental. As instantáneas están tomadas por voluntarios da organización en contacto directo coas redes de mafias situadas en países como Benin, Togo, Romanía ou Albania. Son un total de 24 fotos que mostran as facianas dos rapaces e rapazas nos seus lugares de traballo e explotación, apartados das súas familias. Terra de Homes consegue, non sen esforzo, especialmente a causa da presión da mafias, sacar aos nenos e nenas desta situación e levalos ao que denominan "centros oasis" para tentar reinserilos a través da escolarización, a formación e o contacto coas súas familias. Terra de Homes pide axuda para loitar contra esa lacra na que se produce explotación laboral, sexual, militar ou incluso de tráfico de órganos. Os interesados e interesadas en ver a mostra poden facelo a diario no horario de apertura do Pazo da Cultura de 10.00 a 21.00 horas, a carón da cafetería no andar 0.

O Concello eliminará este mes un total de 10 puntos de vertedoiros incontrolados no municipio

AS SANCIÓNS POR DEPOSITAR VOLUMINOSOS PODEN CHEGAR A 500 EUROS

O Concello eliminará este mes un total de 10 puntos de vertedoiros incontrolados no municipio

Xoves 7 de outubro do 2010

O Concello de Carballo, a través das concellarías de Obras e de Medio Ambiente, informa de que ao longo deste mes os operarios municipais eliminarán un total de dez puntos de vertedoiros incontrolados que teñen sido atopados no municipio. O obxectivo é continuar coa loita contra este tipo de accións e hai que lembrar que o depósito de lixo como mobles, colchóns, electrodomésticos ou outro tipo de voluminosos na rúa ou nun dos colectores para recollida domiciliaria -de orgánicos, vidro, de envases ou papel, non destinados a este fin- pode implicar unha sanción de ata 500 euros, segundo se recolle na Ordenanza de Limpeza Municipal. Os cidadáns que queiran desfacerse deste tipo de residuos deben facelo unicamente no Punto Limpo ou a través do Punto Limpo Móbil. Este último, funciona o primeiro martes de cada mes, polo que estará dispoñible o próximo 2 de novembro e debe solicitarse con alomenos 24 horas de antelación no teléfono 981 701 642.

O XXI Festival Internacional de Música de Pulso e púa 'Cidade de Cristal' trae a Carballo o Trío Colombita

XOVES 7 DE OUTUBRO ÁS 20.30 HORAS

O XXI Festival Internacional de Música de Pulso e púa 'Cidade de Cristal' trae a Carballo o Trío Colombita

Xoves 7 de outubro do 2010

Xa hai 21 anos que a Agrupación Musical Albéniz da Coruña organiza con máis dunha ducia de concellos o Festival Internacional de Música de Pulso e Púa 'Cidade de Cristal', no que tamén se incluíu Carballo hai 14 anos. Desde entón, outras tantas agrupacións musicais procedentes de distintos paises visitaron a nosa vila para ofrecernos unha mostra da música tradicional dos seus respectivos países. Este ano, Carballo cunha interesante proposta, o Trío Colombita de Bogotá (Colombia). Trátase dunha agrupación musical que ensambña os sons da badola, o tiple, a percusión e a guitarra, nun conxunto de música de cámara que conxuga a variedade e colorido de ritmos colombianos e latinoamericanos tradicionais, coa expresión creativa contemporánea. As súas integrantes, Dora Corita Rojas, Deborah Miranda e Sofía Elena Sánchez posúen una sólida formación académica e teñen desenvolvido unha intensa actividade profesional, que porán ao servizo do público carballés. A cita é o xoves 7 de outubro ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. A entrada é de balde.

Carballo actualiza o Xeoportal para facilitar aos cidadáns a solicitude e xestión de servizos a través da páxina web

CRÉASE UNHA IDE LOCAL, SISTEMA PIONEIRO NOS CONCELLOS GALEGOS

Carballo actualiza o Xeoportal para facilitar aos cidadáns a solicitude e xestión de servizos a través da páxina web

Xoves 7 de outubro do 2010

O Concello de Carballo vén de rematar o proceso técnico para ampliar a información e os servizos proporcionados polo Xeoportal -guía municipal do territorio con información útil reflectida no mapa do concello- co obxecto de dar un paso máis e facilitar aos cidadáns o acceso aos servizos a través da páxina web. Así, o novo Sistema de Información Xeográfico, valorado en máis de 180.000 euros e financiado na súa maior parte polo Plan Avanza -do Ministerio de Industria- permite que os veciños e veciñas poidan solicitar a través de Internet e localizando a petición no mapa do municipio, o arranxo de focos de luz, a colocación ou limpeza dun colector de lixo, a colocación de semáforos e pasos de peóns ou a consulta do rueiro. Así mesmo, os traballadores municipais terán acceso a esta ferramenta para coñecer en tempo real datos urbanísticos, de vaos, ocupación da vía pública etc. e tramitar as peticións veciñais con maior celeridade. Con esta nova ferramenta, implantada pola empresa T-Systems, facilitarase a redución dos gastos á hora de tramitar os servizos, mellorarase a velocidade de resposta das actuacións e terase control de datos como as licenzas de terrazas, o número de focos ou de sinais verticais de tráfico ou o estado dos colectores.

A XII Rúa dos Contos levanta o pano do FIOT con 15 actuacións en 14 locais hostaleiros do centro carballés

ENTRE O VENRES 8 E O LUNS 11 DE OUTUBRO

A XII Rúa dos Contos levanta o pano do FIOT con 15 actuacións en 14 locais hostaleiros do centro carballés

Xoves 7 de outubro do 2010

Despois dunha ducia de anos, a Rúa dos Contos é unha das ofertas máis queridas polo público e todo un referente do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), converténdose en case un festival en si mesmo. Unha excelente canle de comunicación con espectadores moi diversos que leva o teatro a todo Carballo entrando en catorce espazos non teatrais e que inaugura o festival por todo o alto. Pubs, cafeterías, bares e tascas acollerán entre o venres 8 e o luns 11 de outubro contos, monólogos, algo de cabaré, música ou variedades teatrais, espectáculos de pequeno formato que configuran unha ampla oferta na que non faltarán os artistas máis habituais nestas lides, pero aos que se incorporan novas voces. Serán un total de 15 actuacións en 14 espazos do centro carballés, 13 delas de balde -agás os monólogos de Carlos Blanco e Isi, con entrada de 3 euros- repartidas en catro noites que presentan unha das mellores ofertas cómicas de Galicia no ámbito dos contadores de historias. Cada días ás 21.00 horas comezan as risas, que rematan a altas horas da madrugada con ata catro espectáculos cada día da Rúa, con nomes tan coñecidos como o de Carlos Blanco ou Cándido Pazó, ademais de novas facianas. O FIOT 2010 levanta o pano con humor.

A exposición "Un mundo de títeres" da compañía Viravolta, no Pazo da Cultura ata o 23 de outubro

RECOLLE PEZAS DE LUGARES COMO TAILANDIA OU A REPÚBLICA CHECA

A exposición "Un mundo de títeres" da compañía Viravolta, no Pazo da Cultura ata o 23 de outubro

Mércores 6 de outubro do 2010

O andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo acolle ata o sábado 23 de outubro a exposición "Un mundo de títeres", de Viravolta Títeres, na que se recollen pezas dos 29 anos de andaina desta compañía e dos diferentes personaxes das súas producións, así como das recompiladas nas súas distintas viaxes. A mostra recolle varios tipos de marionetas, dende as máis tradicionais, ata chegadas doutras partes do mundo, como a India, Tailandia, Vietnam, República Checa ou Xava. Esta variedade de figuras reflicte así mesmo unha enorme variedade de formas de representar nos distintos países, dende os teatros tradicionais de Asia con espectáculos relacionados cos cultos relixiosos e agrarios, ata os títeres case industrializados do mundo occidental. Ademais, aparecen as distintas técnicas de manipulacións dos títeres, dende os de luva ata os de vara ou de fío. Xaime López, de Viravolta, explica que en Lalín a compañía puido crear un Museo do Títere, e que unha pequena parte deste museo chega agora a Carballo. Os interesados e interesadas en visitar a mostra poden facelo en horario de 18.00 a 21.00 horas no Pazo da Cultura.

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o IX Motocross Concello de Carballo, puntuable para o Campionato Galego

DOMINGO 10 DE OUTUBRO

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o IX Motocross Concello de Carballo, puntuable para o Campionato Galego

Mércores 6 de outubro do 2010

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o domingo 10 de outubro o IX Motocross Concello de Carballo, proba puntuable para o Campionato Galego e II Memorial Manuel Rega Morales. Organizada por Motor Bergantiños coa colaboración do Concello, a cita ten un especial atractivo xa que conta con pilotos de primeira liña como Jonathan Barragán, gañador de tres probas do Campionato do Mundo. Así mesmo, entre os 80 pilotos inscritos ata o momento hai varios campións de España, como Ángel Suárez, ou o campión en categoría alevín, ademais do subcampión nacional, na listaxe máis completa de Galicia nesta tempada. Dende Motor Bergantiños subliñan que o nivel dos pilotos incluso fai que se modifiquen os saltos para ofrecer máis dificultade e espectacularidade na proba, na que se disputarán os adestramentos entre as 11.00 e as 13.30 horas, e as carreiras a partires das 16.00 horas. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, manifestaron a súa satisfacción pola celebración da proba, xa que "seguimos apostando por este circuíto e esperemos que incluso se cheguen a acoller probas do Campionato de España" nesta disciplina, subliñou o Alcalde.

Comeza a venda de bonos para o FIOT 2010: 37 euros para os sete espectáculos de sala

A PARTIRES DO MARTES 5 DE OUTUBRO

Comeza a venda de bonos para o FIOT 2010: 37 euros para os sete espectáculos de sala

Luns 4 de outubro do 2010

A Concellaría de Cultura informa da saída á venda dos bonos que garanten a asistencia aos sete espectáculos de sala do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) 2010, agás a do sábado 16 de outubro (segunda representación de ‘Un cranio furado’). Estarán dispoñibles un máximo de 160 bonos nas oficinas do Pazo da Cultura a partires do martes 5 de outubro -a excepción dos días 9, 10 e 12 de outubro-. O seu prezo é de 37 euros, excepto nos descontos aplicables para maiores de 65 anos, pensionistas e estudantes que acrediten a súa condición, ademais de para o alumnado dos IES de Carballo que adquiran o bono no seu instituto, en que o prezo é de 32 euros. Hai que subliñar que os bonos non se poden reservar por teléfono. Ademais, estarán dispoñibles mini bonos para o público, como cada ano, que estarán á venda a partires do 8 de outubro tamén nas oficinas do Pazo da Cultura e así mesmo sen posibilidade de reserva telefónica.

Compartir: