Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O FIOT 2010 colga o cartel de "todo vendido" en todas as funcións excepto "Los cazadores de Thé"

PAULA CARBALLEIRA DEDICA AO PÚBLICO O XOGRAR DE OUTONO

O FIOT 2010 colga o cartel de "todo vendido" en todas as funcións excepto "Los cazadores de Thé"

Luns 25 de outubro do 2010

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, FIOT 2010, colga xa o cartel de "non hai billetes" para todas as funcións de teatro de sala e o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), excepto para "Los cazadores de Thé" de Mr. Kubik Producciones, unha estrea en Galicia o venres 29 de outubro ás 21.00 horas para a que quedan unhas poucas entradas. O éxito en canto á afluencia de público nesta XIX edición do FIOT xa tiña sido patente nas primeiras funcións, nas que días antes das representacións xa se tiña colgado o todo vendido para a primeira coprodución do FIOT, "Un cranio furado", e para o "Volpone" de Talía Teatro, ademais de que "La función por hacer" tamén roldou o cheo. Porén, dende a organización subliñan que é a primeira vez que a estas alturas do festival está practicamente todo vendido. Así, están esgotados os bonos, o Minibono A -que era para os días 16, 22, e 23 de outubro- e o Minibono B -para 29, 30, 31 de outubro e 1 de novembro-, ademais das entradas para todos os espectáculos menos un, tendo en conta que para algúns espectáculos xa se tiñan vendido todas as entradas ao pouco de poñerse á venda.

Adxudicación provisional dos contratos para a construción de beirarrúas en Rus, Ardaña e Entrecruces

INVESTIMENTO DE 432.585 EUROS

Adxudicación provisional dos contratos para a construción de beirarrúas en Rus, Ardaña e Entrecruces

Luns 25 de outubro do 2010

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar de xeito provisional os contratos de obra para o desenvolvemento das catro actuacións incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS) 2010 da Deputación da Coruña por un importe total de 432.585 euros. Nesta Xunta de Goberno incluíronse todas as actuacións do POS 2010, xa que se sacaron adiante as adxudicacións relativas ao acondicionamento da estrada Carballo-Santiago, a CP 1914, ao seu paso polas parroquias de Ardaña (na imaxe un dos treitos onde xa se teñen acondicionabo beirarrúas), Rus e Entrecruces. No primeiro caso continuarase coa dotación de beirarrúas; na Canosa-Rus tamén se crearán beirarrúas; e por último, na ponte de Entrecruces cubrirase a demanda de acondicionamento da zona por parte dos veciños. Así mesmo, incluíuse o contrato de obra para o acondicionamento de viais nas parroquias de Goiáns, Bértoa, Cances e Carballo. Hai que lembrar que o importe total do POS 2010 da Deputación do Concello de Carballo é de 693.758,08 euros, dos que o organismo provincial achegará 656.003,34.

"Los corderos" conxuga na segunda sesión do OTNI o teatro arxentino e o granadino con Daniel Veronese e Histrión

DOMINGO 24: FINAL DO CERTAME DE TEATRO LIDO XOSÉ MANUEL EIRÍS

"Los corderos" conxuga na segunda sesión do OTNI o teatro arxentino e o granadino con Daniel Veronese e Histrión

Sábado 23 de outubro do 2010

O ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), chega o domingo 24 de outubro á súa segunda sesión no Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT 2010) coas entradas esgotadas e cunha proposta moi interesante e orixinal que xuntou á compañía granadina Histrión Teatro e ao director e autor arxentino Daniel Veronese, un dos directores más importantes e de maior proxección internacional do momento, considerado como un verdadeiro mestre. Froito desta colaboración nace "Los Corderos", unha proposta brillante e unha das apostas teatrais máis interesantes do ano. Veronese, experimentador e xerador de novas tendencias escénicas, escolleu o primeiro dos seus textos para crear con Histrión un universo cheo de inquedanzas, violento e degradado. A cita, de 70 minutos de duración, é a partires das 21.00 horas. Ademais, os integrantes da compañía Histrión Teatro manterán, ao remate da representación, unha nova cita de Café con..., para falar co público e desvelar algúns detalles da súa proposta. En canto ao espazo da obra, mentres que "Adúlteros desorientados" ocupou a sala da baixocuberta do terceiro andar do Pazo da Cultura, está previsto que "Los Corderos" se represente no salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura.

Talía Teatro trae ao FIOT a obra "Volpone" colgando o cartel de "non hai billetes"

PAULA CARBALLEIRA RECIBE O XOGRAR DE OUTONO 2010

Talía Teatro trae ao FIOT a obra "Volpone" colgando o cartel de "non hai billetes"

Venres 22 de outubro do 2010

A compañía de Cee Talía Teatro representa o sábado 23 de outubro no FIOT 2010 a obra "Volpone", un clásico de principios do século XVII (1605) do aclamado dramaturgo Ben Jonson, contemporáneo de Shakespeare e rival nas táboas do xenio de Stratford Upon Avon. Con esta divertida comedia, Talía Teatro fai un retrato satírico de personaxes, nobres e non tan nobres señores, movidos pola avaricia que se comportan como bestas e non dubidan en calumniar, trampear ou incluso enganar á súa propia familia. A compañía ceense regresa ao Festival cunha recén estreada comedia, que xa ten tido un grande éxito de público nas súas primeiras representacións e que agora logrou colgar o cartel de "non hai billetes" no Pazo da Cultura. Trátase dun texto fresco e dinámico, arroupado por unha escenografía e un vestiario fiel ao orixinal e moi visual, no que un elenco de nove actores nos trasladará ás rúas de Venecia. Excelentes ingredientes para arrincarnos gargalladas cos nosos peores defectos. O argumento deste clásico conta cómo, coa axuda do astuto Mosca, o señor Volpone finxe estar no seu leito de morte coa fin de enganar aos que desexan herdar a súa fortuna. A representación, no Auditorio do Pazo da Cultura ás 21.00 horas.

O pleno aborda a prórroga dun ano para as autorizacións dos postos das feiras e mercados periódicos

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O pleno aborda a prórroga dun ano para as autorizacións dos postos das feiras e mercados periódicos

Venres 22 de outubro do 2010

A sesión plenaria ordinaria do mes de outubro, que se celebra o luns 25 a partir das 20.30 horas, conta entre os puntos da orde do día coa prórroga das autorizacións da Ordenanza municipal reguladora das feiras e mercados periódicos e da venda ambulante no termo municipal de Carballo. O motivo é a posta en marcha dunha nova Directiva Europea de Servizos que establece novos criterios para as concesións dos postos, como a obriga de libre concorrencia sen garantir reservas de espazos para outorgar as autorizacións nas áreas de venda ambulante. Nestes momentos, case ningún concello ten adaptada a súa normativa a esta nova directiva, que, a xuízo do goberno local, non ten en conta as circunstancias e características especiais do mercado tradicional como o que se desenvolve semanalmente nas feiras de Carballo. Por ese motivo, lévase ao pleno a prórroga da concesión dos espazos por un ano máis, durante todo o 2011, para manter inalterada durante outros doce meses a situación e mantela como viña regulándose até o de agora. Deste xeito, espérase para poder observar o desenvolvemento futuro e a aplicación da nova directiva.

Os madrileños Kamikaze Producciones abren a segunda semana do FIOT con "La función por hacer"

VENRES 22 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

Os madrileños Kamikaze Producciones abren a segunda semana do FIOT con "La función por hacer"

Xoves 21 de outubro do 2010

A segunda semana do teatro de sala do Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT 2010, ofrece propostas variadas que van do teatro máis vangardista, pasando polos clásicos nas mans dunha compañía da zona, como é Talía, e rematando con "Los corderos", dende Granada. Despois de que no principio da súa andaina xa se colgara o cartel de "non hai billetes" grazas ás risas e humor negro de "Un cranio furado", e dun monólogo en clave humorística chegado dende Portugal, o FIOT ábrese agora o venres 22 á escena madrileña con Kamikaze Producciones e "La función por hacer". A montaxe de Miguel del Arco e Aitor Tejada é unha versión libre de "Seis personaxes en busca de autor", a obra máis emblemática de Pirandello. Considerada unha das máis importantes revelacións da actual temporada a nivel nacional, a xoven compañía madrileña realiza unha escenificación moi especial, cunha posta en escena hiperrealista e situando ao público en primeiro plano. A cita é o venres 22 de outubro a partir das 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. A duración do espectáculo é de 80 minutos e a entrada custa 5 euros.

O IV Encontro de política lingüística desde as administracións locais persegue accións conxuntas a prol da lingua galega

O DEPUTADO XOÁN SANDE E EVENCIO FERRERO ABRIRON A XORNADA

O IV Encontro de política lingüística desde as administracións locais persegue accións conxuntas a prol da lingua galega

Mércores 20 de outubro do 2010

"Está nas mans de todos estender o galego a toda a sociedade e facer que sexa unha lingua máis viva e máis útil". É un dos obxectivos mencionados no V Encontro de política lingüística desde as administracións locais que arrincou hoxe no Pazo da Cultura carballés. Así o expresou o deputado responsable da Comisión de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Xoán Manuel Sande, que estivo acompañado na apertura deste encontro polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e polo presidente da CTNL (Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua). É a primeira ocasión en que estas xornadas abandonan o Pazo de Mariñán para emprender un percorrido polas distintas comarcas da provincia, comezando pola de Bergantiños, para "achegar máis a cita aos distintos concellos que participan", explica Sande, como un xeito de "propiciar un auténtico traballo en rede". Á cita asistiron representantes duns 40 concellos da provincia da Coruña, coa especial colaboración dos concellos da comarca que contan con servizo de normalización lingüística, que son Cabana, Carballo, Malpica, Ponteceso e Zas.

Representantes de 40 concellos da Coruña reúnense en Carballo para promocionar o galego

MÉRCORES 20 DE OUTUBRO NO PAZO DA CULTURA

Representantes de 40 concellos da Coruña reúnense en Carballo para promocionar o galego

Martes 19 de outubro do 2010

Arredor de 60 persoas, entre alcaldes e alcaldesas, concelleiros/as e técnicos/as de normalización lingüística, en representación duns 40 concellos da provincia da Coruña, reúnense o mércores 20 de outubro no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo para participar no IV Encontro de política lingüística desde as administracións locais, unha xuntanza que está promovida pola Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e organizada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). As tres edicións anteriores deste encontro celebráronse no Pazo de Mariñán, mais a partir deste ano irá tendo lugar cada edición nunha comarca distinta da provincia. Así, esta cuarta edición ten lugar en Bergantiños-Soneira, e por iso colaboran coa Deputación e coa CTNL todos os concellos da comarca que contan con servizo de normalización lingüística, que son Cabana de Bergantiños, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas. Tamén colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta. A inauguración terá lugar ás 10.00 horas e nela participará o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o deputado responsábel da Comisión de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Xoán Manuel Sande e o presidente da CTNL, Nel Vidal.

Carballo acolle por primeira vez a mesa redonda de APEM para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental

XOVES 21 DE OUTUBRO AS 19.30 HORAS NO PAZO DA CULTURA

Carballo acolle por primeira vez a mesa redonda de APEM para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental

Luns 18 de outubro do 2010

O Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acolle o xoves 21 de outubro unha mesa redonda programada por APEM (Asociación Pro Enfermos Mentais) Coruña para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental. É a primeira ocasión en que esta actividade, que afecta a toda a área sanitaria da Coruña e á que están convocados pacientes e familiares de enfermos mentais severos dos centros de APEM na provincia -en Betanzos, Cambre, Culleredo, Cee, A Coruña e Carballo- sae da capital provincial. O obxectivo, segundo o coordinador da xornada, o psiquiatra do CHUAC (Complexo Hospitalario Universitario A Coruña) Juan Carlos Díaz del Valle, é que os afectados por doenzas como a esquizofrenia, a depresión con brotes psicóticos ou por trastornos bipolares teñan a oportunidade de rehabilitarse "e levar unha vida normal, cun emprego e cunha familia", ademais de facilitar axuda aos familiares e contribuír a eliminar "o estigma" que acompaña en moitas ocasións ás doenzas mentais. A cita, que principia ás 19.30 horas, conta con dúas mesas redondas, unha titulada "Saúde mental", e outra "Recursos públicos para a saúde mental". O peche do acto corre a cargo de Luis Muruzabal, Presidente de APEM, e a organización anima ao público en xeral a que asista para coñecer esta problemática.

A actriz, autora, directora e contacontos Paula Carballeira resulta elixida Xograresa de Outono do FIOT 2010

A actriz, autora, directora e contacontos Paula Carballeira resulta elixida Xograresa de Outono do FIOT 2010

Sábado 16 de outubro do 2010

O Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT 2010, decidiu outorgar o galardón do Xograr de Outono 2010 á actriz, autora, directora e contacontos Paula Carballeira. A decisión da concesión deste galardón foi adoptada pola organización do Festival nunha xuntanza celebrada cos anteriores Xograres de Outono, Celso Parada, Artur Trillo, Vítor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena e Cándido Pazó. Paula Carballeira incorpórase a esta ilustre listaxe de ‘teatreiros’ pola súa traxectoria, xa que a pesares da súa xuventude, xa ten realizado incursións na literatura coa escrita de libros e obras de teatro, especialmente para público infantil e xuvenil; ten sido directora de producións teatrais; é a alma mater da compañía de teatro Berrobambán; ten realizado traballos de actriz na televisión como na serie ‘Libro de familia’ e tamén se dedica á narración oral. Ten desenvolvido un traballo especialmente importante no teatro infantil, loitando por dignificar este xénero e por innovar nos seus plantexamentos. Ademais, ao longo das 19 edicións do FIOT ten participado na Rúa dos Contos e en funcións de teatro de sala. Así mesmo, ten visitado Carballo con Berrobambán con moitas das producións da compañía, a última vez con "Bicharada" en decembro de 2009 dentro do Nadal Cultural e o seu Nadal Pequespectacular. A entrega do premio terá lugar o sábado 23 de outubro no Auditorio do Pazo da Cultura.

A terceira edición do Feirón de Outono acolle unhas Xornadas Gastronómicas da Faba

OS DÍAS 30 E 31 DE OUTUBRO

A terceira edición do Feirón de Outono acolle unhas Xornadas Gastronómicas da Faba

Venres 15 de outubro do 2010

O Concello de Carballo, desde a Concellaría de Promoción Económica e Turismo que dirixe Xosé Manuel García Guillín, informa de que o próximo 31 de outubro celébrase o Feirón de Outono, unha cita que xa chega á súa terceira edición e que nesta ocasión centrarase na celebración dunhas Xornadas Gastronómicas da Faba, que terán lugar o sábado 30 e o domingo 31 de outubro. Trátanse de dous días nos que se poderán degustar, nos diferentes locais participantes, tapas nas que o produto base é a faba e que serán servidas gratuitamente con cada consumición ao mediodía e pola noite. Ámbolos dous días, este evento estará acompañado por actividades de animación musical nos locais e tamén na praza do Concello o día do Feirón. Para todos os interesados e interesadas en participar nesta iniciativa, é necesario asistir á xuntanza convocada para o mércores 20 de outubro ás 18.00 horas no Museo de Bergantiños. O prazo de inscrición nas Xornadas Gastronómicas da Faba remata ese mesmo mércores 20 ás 20.00 horas. Para obter máis información, pódese acudir á Oficina de Información Turística do Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, nº 8) ou chamar ao 981 702 077.

Aprobado o expediente para a contratación dos traballos da futura escola infantil municipal

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado o expediente para a contratación dos traballos da futura escola infantil municipal

Luns 11 de outubro do 2010

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o expediente de contratación para os traballos da 'Escola infantil, situación: parcela nº 17, polígono nº 19 do PXOM, de Carballo'. Está previsto que o edificio estea situado no entorno da urbanización de Riotorto na estrada de Razo (na imaxe) e que as obras principien antes de que remate 2010. O presuposto de execución por contrata ascende a 845.328,40 euros en base a un proxecto do arquitecto José Villacé. A Deputación da Coruña financiará o orzamento das obras cunha achega máxima de 550.000 euros, segundo consta nun convenio asinado entre o Presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concello achegará 295.328,40 euros. Está previsto que os traballos estean rematados alomenos tres meses antes do vencemento do período de vixencia do convenio que remata o día 10 de novembro e 2011. O sistema de adxudicación é o procedemento aberto e urxente con criterios de valoración como son a proposta económica, a redución de prazos e o plan de execución da obra.

Compartir: