Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Os orzamentos do Estado destinan 500.000 euros para mellorar a contorna do mercado municipal

O GOBERNO CENTRAL TEN PROXECTOS EN CARBALLO POR 3,8 MILLÓNS

Os orzamentos do Estado destinan 500.000 euros para mellorar a contorna do mercado municipal

Sábado 6 de novembro do 2010

Os orzamentos do Estado para o próximo ano 2011 inclúen unha partida de 500.000 euros para o Concello de Carballo, segundo informa a administración local. Trátase dunha cantidade que se destinará ao "Acondicionamento e mellora da accesibilidade na contorna do mercado municipal" e que xurdiu dun acordo tomado no debate da comisión de orzamentos do Congreso. O Concello comezará o antes posible o proceso para elaborar o proxecto da actuación, que esperan que sirva para urbanizar o exterior da praza de abastos, especialmente no entorno da rúa Gran Vía. O Goberno local amosou a súa satisfacción pola concesión desta cantidade, e hai que subliñar que nestes momentos o Concello de Carballo xa conta cun investimento estatal de 1.800.000 euros para a reforma integral do mercado municipal, aos que se suma agora este medio millón para a posta en valor dos seus arredores. Así mesmo, a Administración central ten concedido 1.500.000 euros para a construción da futura Biblioteca comarcal, co que se teñen acadado preto de catro millóns de euros do Estado en investimentos para Carballo nos últimos meses, investimentos que se traducirán en novos equipamentos que estarán rematados entre 2011 e 2012.

Oza estrea o seu novo centro social, un espazo "singular" que se une aos de Berdillo, Sofán e Imende

CONSTRUÍDO CON 245.000 EUROS DO PLAN E

Oza estrea o seu novo centro social, un espazo "singular" que se une aos de Berdillo, Sofán e Imende

Sábado 6 de novembro do 2010

Os veciños e veciñas de Oza veñen de inaugurar oficialmente o seu novo centro social, un edificio "singular" en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, construído con fondos estatais cun orzamento de 245.000 euros e que pasa a engrosar unha rede de edificios de lecer na que xa están incluídos os centros de Berdillo, Sofán e Imende e na que pronto estarán os de Cances e A Brea. Un total de seis locais auto xestionados polos veciños e veciñas das parroquias que pretenden facer de Carballo "un bo lugar para vivir". O novo local está edificado nos terreos da antiga escola unitaria, realizado maioritariamente con elementos como a madeira e o cristal, e está dotado de sala de informática, oficinas e salas multiusos, un grande salón de actos e un amplo patio. No acto de inauguración estiveron presentes, ademais do Alcalde, o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña; a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro; numerosos membros da corporación municipal e un nutrido grupo de veciños e veciñas, ademais do Subdelegado do Goberno, José Manuel Pose Mesura, que desexou que o centro social se converta "nun lugar de encontro onde a xente poda falar, os nenos xogar e que incluso serva como espazo de formación".

O Concello amplía o cupo de participantes e os prazos de inscrición do I Festival de Curtas rodadas con móbil

ATÉ O XOVES 11 DE NOVEMBRO

O Concello amplía o cupo de participantes e os prazos de inscrición do I Festival de Curtas rodadas con móbil

Venres 5 de novembro do 2010

O Concello de Carballo abre un novo obradoiro formativo, ampliando así o cupo de participantes para o I Festival de Curtas rodadas con móbil. O novo obradoiro audiovisual terá lugar os mércores e xoves en horario de 17.00 a 20.30 horas, dando comezo o vindeiro mércores 10 de novembro. Como no obradoiro xa anunciado para os sábados, en horario de 10.00 a 13.30 e de 16.00 a 19.00 horas, os participantes no Festival poderán desenvolver de primeira man cada unha das fases do proceso creativo dunha curta, pasando pola elaboración do guión, a rodaxe e a posprodución. As dúas quendas de traballo dan mais flexibilidade de horario aos e ás participantes pero ambos os dous horarios manteranse sempre e cando exista un mínimo de participantes para as dúas quendas. O comezo dos obradoiros formativos será: o mércores 10 de novembro, ás 17.00 horas, e o sábado 13 de novembro, ás 10.00 horas. Por este motivo, vólvese a ampliar o prazo de inscrición ata o mércores 10 ás 14.00 horas, para o novo obradoiro, e para o xoves 11 ás 20.00 horas para o obradoiro dos sábados. Ambos os dous obradoiros terán lugar no Telecentro de Comunicación do Pazo da Cultura de Carballo, onde os e as interesados se poden informar e anotar para esta actividade. Máis información no teléfono 981 704 300 ou no propio Telecentro.

A exposición "Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!!" ofrece unha novidosa visión da poetisa

ATÉ O 14 DE NOVEMBRO NO PAZO DA CULTURA

A exposición "Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!!" ofrece unha novidosa visión da poetisa

Venres 5 de novembro do 2010

A sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura acolle até o domingo 14 de novembro a exposición "Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!!", que organizan a Fundación Manuel María e a Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Carballo. A mostra, que conmemora o cento vinte e cinco aniversario do falecemento da escritora Rosalía de Castro está conformada por 20 paneis montados en 5 estruturas compostos de elementos gráficos e textos que repasan os elementos máis relevantes da vida e obra da escritora, ofrecendo una novidosa visión e subliñando "aspectos moi pouco coñecidos" da poetisa, segundo explica Alberte Ansede, da Fundación Manuel María. O comisario responsable da exposición é Diego Pardo, un especialista na figura da autora que ten entre os seus obxectivos "desmontar tópicos inxustos" acerca da escritora máis célebre da literatura galega e a súa vontade é a de conformar unha mostra divulgativa pero sen renunciar ao rigor documental. Na presentación da mostra, que poderá visitarse en horario de 16.00 a 21.00 horas, estiveron presentes, ademais de Ansede, a Presidenta da Fundación Manuel María e viúva do autor, Saleta Goy; Xoán Sande, Deputado provincial; e a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro.

O Club Golpe Pitch&Putt organiza un maratón de golf de 12 horas no maior burato do mundo

DOMINGO 7 DE NOVEMBRO DE 9.00 A 21.00 HORAS

O Club Golpe Pitch&Putt organiza un maratón de golf de 12 horas no maior burato do mundo

Venres 5 de novembro do 2010

O Club Golpe Pitch&Putt organiza o domingo 7 de novembro o VII Maratón de Golf Horbesa 2010 no entorno do espazo natural de Razo-Baldaio que se converte no maior burato de golf do mundo. Está previsto que a cita se desenvolva entre as 9.00 e as 21.00 horas e que participen nela arredor dun centenar de persoas, tanto homes como mulleres. Dende a organización, José Luis Martínez Souto, subliña o feito de que o próximo ano tentarán que o Récord Guinness declare o entorno no que se desenvolve a proba, de máis de catro quilómetros de lonxitude, como o maior burato do mundo, ou, de non cumprirse os requisitos, que se recoñeza como o bunker de golf máis longo. Os participantes do maratón irán golpeando as bolas dende a saída, na zona do Bar O Cordobés, ata enbocar nun burato de catro metros de diámetro situado máis aló da ría de Baldaio. Os xogadores irán saíndo cada cinco minutos. Unha vez cheguen todos os participantes, os xogadores tamén realizaran un percorrido de nove buratos no Club Golpe. Ás 14.30 horas está previsto facer un descanso cun xantar no club. Os interesados/as en inscribirse aínda poden facelo no 981 739 699 ou no 670 406 421.

Once concertos a cargo de 32 agrupacións conforman o programa de actividades do Novembro con musica 2010

ENTRE O 6 DE NOVEMBRO E O 3 DE DECEMBRO

Once concertos a cargo de 32 agrupacións conforman o programa de actividades do Novembro con musica 2010

Venres 5 de novembro do 2010

Cando o Pazo da Cultura aínda se está recuperando do éxito de público do FIOT o outono cambia de traxe e pasa do teatro aos pentagramas co inicio do programa Novembro con música (NCM) 2010. Un total de once concertos gratuítos protagonizados por 32 agrupacións musicais, a grande maioría do municipio, conforman un programa no que tamén están incluídas 3 exposicións, un obradoiro e un espectáculo de contacontos. A Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, subliña a variedade de estilos presentes no programa, con música clásica, folk, rock e tradicional, tentando cumprir, ademais, un dos obxectivos principais do Novembro con música, que é o de dar a coñecer o traballo das agrupacións musicais de Carballo. As actividades desenvólvense entre o sábado 6 de novembro e o venres 3 de decembro e os concertos son con entrada libre ata completar o aforo no Pazo da Cultura, excepto nun en que será preciso reservar convite. O programa inclúe citas xa consolidadas, como o 'Live in Cances', o concerto 'Sons de aquí', o concerto do Conservatorio Profesional de Música, o concerto de Santa Cecilia, o Festival de Corais, o Concerto da Banda Municipal ou o ciclo 'En Familia'.

Pentación Espectáculos, Premio do Público 2009, pecha o FIOT cos 'perdedores' do seu "Karaoke"

LUNS 1 DE NOVEMBRO ÁS 21.00 HORAS

Pentación Espectáculos, Premio do Público 2009, pecha o FIOT cos 'perdedores' do seu "Karaoke"

Sábado 30 de outubro do 2010

O Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT 2010, pecha as súas portas o luns 1 de novembro coa presenza da compañía que gañou o premio do público en 2009: Pentación Espectáculos. Naquel entón, as "Seis clases de baile en seis semanas" de Lola Herrera e Juanjo Artero conquistaron ao público, acadando unha puntuación de 4,81 sobre 5. Juanjo Artero repite este ano coa nova proposta de Pentación, "Karaoke", na que está acompañado por espléndidos actores e actrices como son Neus Asensi, Elisa Matilla e Ángel Pardo. "Karaoke" é unha comedia de personaxes infelices, repleta de humor, ironía e esperanza. De catro perdedores que viven por inercia, xa que nada parece mover os seus adormecidos corazóns. Só a canción que cada un interpreta no karaoke de barrio ao que acoden lles fai recordar e revivir os momentos felices das súas vidas. O karaoke é unha táboa de salvación á que se aferran antes de deixarse afogar polo paso do tempo. Unha comedia aceda, chea de trazos cómicos, música, bromas divertidas, situacións absurdas e sentimentos que conseguirá emocionarnos. Está previsto que a compañía recolla o Premio do Público momentos antes da representación, prevista para as 21.00 horas. As entradas para a función están esgotadas dende os primeiros momentos da súa posta á venda.

Atalaya Teatro trae ao FIOT a Shakespeare, o clásico entre os clásicos, coa célebre obra "Ricardo III"

CAFÉ CON...: DOMINGO 31 ÁS 19.00 HORAS

Atalaya Teatro trae ao FIOT a Shakespeare, o clásico entre os clásicos, coa célebre obra "Ricardo III"

Venres 29 de outubro do 2010

A penúltima función do Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT 2010, vén o domingo 31 de outubro da man duns vellos coñecidos do escenario carballés, Atalaya Teatro. Estiveron en 2005 co seu éxito "Medea", que naquel entón tiña atrapado aos espectadores coa súa plasticidade, a súa emoción e a súa revisión da historia de Eurípides dunha muller sumida nunha desesperación tal que a empuxa a matar aos seus propios fillos. Agora volven con "Ricardo III", outra traxedia non menos cruenta, neste caso doutro xenio da dramaturxia, William Shakespeare. A loita de Ricardo III polo poder absoluto do goberno de Inglaterra é a historia escalofriante dun criminal, un tirano e un psicópata corrompido pola súa ambición desmedida que non dubida en recorrer a enganos, traizóns e asasinatos. Partindo dunha adaptación impecable dunha das obras máis representadas de Shakespeare, Atalaya realiza un creativo e soberbio traballo de enorme envergadura, cunha suxerinte posta en escena, beleza plástica e gran forza dramática que nos achega aos abismos do ser humano. A cita é ás 21.00 horas. As entradas están esgotadas.

Os arxentinos Teatro Timbre4 presentan "Tercer cuerpo" do coñecido autor e director Claudio Tolcachir

SÁBADO 30 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

Os arxentinos Teatro Timbre4 presentan "Tercer cuerpo" do coñecido autor e director Claudio Tolcachir

Xoves 28 de outubro do 2010

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, FIOT 2010, faise máis internacional esta fin de semana coa presenza da compañía arxentina Teatro Timbre4 e "Tercer cuerpo", unha proposta do autor, director e dramaturgo arxentino Claudio Tolcachir. "Tercer cuerpo" chega ao FIOT despois dun grande éxito tanto en Arxentina como en España. É un novo espectáculo que amosa o oficio e o carácter de artesán teatral de Tolcachir, revelándose como un dos directores máis lúcidos do panorama escénico actual. A obra conta a historia de cinco vidas encerradas nunha oficina anacrónica, a casa dunha parella, un bar e un consultorio médico. Sandra, Manuel, Héctor, Sofía e Moni deciden modificar os destinos unidos pola soidade, o abandono e a gran necesidade de amar e de ser amados. Mentres tanto, vívese, trabállase, inténtase. Vidas cruzadas que tecen a trama ininterrompidamente, sen descanso e cun ritmo trepidante, nas que a clave é "querer vivir cada día, a pesar de todo". A cita é o sábado 30 ás 21.00 horas e a duración do espectáculo é de 90 minutos. As entradas están esgotadas.

O Feirón de Outono conxuga o III Concurso de Produtos do Agro e as Xornadas Gastronómicas da Faba

SÁBADO 30 E DOMINGO 31 DE OUTUBRO

O Feirón de Outono conxuga o III Concurso de Produtos do Agro e as Xornadas Gastronómicas da Faba

Xoves 28 de outubro do 2010

A última fin de semana de outubro acolle a celebración do Feirón de Outono, que desta volta acolle a terceira edición do Concurso de Produtos do Agro e unhas Xornadas Gastronómicas da Faba co obxecto de potenciar as feiras do quinto domingo de mes e favorecer o consumo de produtos da terra. No caso do Concurso, que vai xa pola súa terceira edición, hai que lembrar que o sábado 30 de outubro ás 14.00 horas remata o prazo para inscribirse. Poderán participar os agricultores e produtores locais que presenten os seus produtos elaborados ou producidos no termo municipal de Carballo. As categorías nas que inscribirse son: 'Produto máis chamativo', 'Mellor cesta de produtos hortofrutícolas' e 'Mellor cesta de produtos elaborados', entre as que se repartirán un total de 300 euros entre os premiados. As bases e a solicitude de participación pode aínda recollerse na Oficina de Información Turística, situada no Museo de Bergantiños. Esta iniciativa forma parte do Feirón de Outono 2010, no cal se insire o programa "Merca-do bo" a través do que se potencian os hábitos de vida saudable, favorecendo así o consumo de produtos frescos e da terra, relacionando o mercado tradicional e a dieta atlántica para acadar unha alimentación sa.

Mr. Kubik Producciones abre a última fin de semana do FIOT con "Los cazadores de Thé" e "M3-Metro cúbico"

ESGOTADAS AS ENTRADAS PARA TODAS AS FUNCIÓNS

Mr. Kubik Producciones abre a última fin de semana do FIOT con "Los cazadores de Thé" e "M3-Metro cúbico"

Mércores 27 de outubro do 2010

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, FIOT 2010, principia a súa última fin de semana colgando o cartel de "todo vendido" para todas as funcións e ofrecendo o venres 29 de outubro unha dobre sesión a cargo dos madrileños Mr. Kubik Producciones. Ás 21.00 horas comezan cunha estrea en Galicia, "Los cazadores de Thé", e continúan ás 23.00 horas con "M3-Metro Cúbico" dentro do ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), que pecha así as súas portas. Na primeira das funcións, protagonizada por Hernán Gené e Fernando Sánchez-Cabezudo, ambientan a historia a principios do século XX, cando o Polo Sur era o único sitio inexplorado do planeta. A loita por ser o primeiro en chegar converteuse nunha carreira trepidante entre nacións e os exploradores afanábanse na procura de fama e gloria. O explorador inglés Robert Scott e o noruegués Roald Amundsen viaxan ao longo desta historia sobre a vitoria e o fracaso por un mundo onírico e cómico onde intentarán descubrirse a si mesmos.

O pleno maniféstase unanimemente contra a violencia de xénero coa Declaración Institucional do 25 de novembro

PRÓRROGA PARA AS AUTORIZACIÓNS DA VENDA AMBULANTE

O pleno maniféstase unanimemente contra a violencia de xénero coa Declaración Institucional do 25 de novembro

Martes 26 de outubro do 2010

A sesión plenaria ordinaria do mes de outubro, celebrada o luns 25, contaba con tan só catro puntos de relevancia na orde do día. Entre eles destaca a aprobación, xusto un mes antes, da Declaración Institucional contra a violencia de xénero con motivo do 25 de novembro (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres), subscrita por unanimidade por todos os grupos da corporación. Con este documento o Concello comprométese a manifestar unha "enérxica repulsa" á violencia que se exerce contra as mulleres; a expresar solidariedade coas vítimas da violencia de xénero e as súas familias; a comprometerse co resto das Institucións e axentes sociais a seguir traballando pola erradicación da violencia de xénero, procurando a unidade de todos os partidos políticos para combater esta lacra descartando calquera uso partidista; a impulsar unha política municipal activa, integral e coordinada a favor de igualdade; adefender unha sociedade xusta e igualitaria; e a traballar na prevención a través da educación e na sensibilización social tratando de implicar a todos os sectores e a toda a poboación e na difusión dos recursos existentes no Concello.

Compartir: