UN TOTAL DE 1.800 FEDERADOS EN 38 ENTIDADES EN 2010
Mércores 24 de novembro do 2010
O Concello de Carballo vén de editar a Guía Carballo Deporte, da que repartirá un total de 2.500 exemplares entre entidades deportivas, usuarios das instalacións e equipos e entidades de fóra do Concello que visiten a vila co obxectivo de "ofrecer unha guía de recursos que recolla toda a intensa actividade deportiva de Carballo, a nivel tanto de instalacións, como empresarial, de entidades e de servizos", segundo explica o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo. A guía, de máis de 50 páxinas, está dividida en catro bloques ben diferenciados: "Carballo Deporte", con toda a información e actividades do Padroado Deportivo Municipal; "Instalacións", onde se recollen todos os lugares para realizar exercicio físico no municipio, incluíndo información sobre paraxes naturais ou circuítos saudables; "Entidades", sección na que hai cumprida e actualizada información sobre todas as asociacións deportivas do municipio, incluíndo os datos de contacto; e, por último "Centros deportivos privados", coa relación de ximnasios, tendas e empresas de deporte ou servizos deportivos. Este documento editouse grazas á colaboración da Deputación da Coruña.
PRÓXIMO SORTEO O 7 DE DECEMBRO
Luns 22 de novembro do 2010
O mercado de Carballo participa na campaña "Escolle o teu praceiro", posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria co obxectivo de impulsar o mercado tradicional e os produtos da terra de calidade, favorecendo o consumo nas prazas de abastos e potenciando a figura dos praceiros. No marco desta iniciativa vén de celebrarse un sorteo de tres bonos de compra, por un importe de 75, 50 e 25 euros respectivamente, entre os clientes do mercado carballés que entregaron nos últimos días as súas papeletas nos distintos establecementos. Os gañadores do sorteo son os seguintes: Marta Mariño Louzao, co bono de 75 euros; Ana Cotelo Varela co bono de 50 euros; e Ricardo Cambón Díaz co de 25 euros. Está prevista a celebración dun novo sorteo doutros tres vales de compra polas mesmas cantidades o próximo martes 7 de decembro, tamén na propia praza. Os interesados e interesadas en participar tan só teñen que mercar na praza de abastos e entregar as súas papeletas. Así mesmo, os clientes teñen a oportunidade de escoller ao seu praceiro favorito durante a campaña.
ACTIVIDADES ENTRE O 22 DE NOVEMBRO E O 3 DE DECEMBRO
Luns 22 de novembro do 2010
A Concellaría de Igualdade e Benestar que dirixe Dores Silveira, en colaboración co Centro de Información de Muller (CIM) de Carballo, organiza unha serie de actos e actividades para conmemorar o 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Exposicións, encontros con escolares, contacontos, obradoiros ou a xa tradicional Feira das Asociacións son algunhas das citas previstas. O programa comeza o luns 22 de novembro, xa que entre esta data e o 3 de decembro está prevista a celebración nos institutos de Carballo duns encontros dos alumnos/as de cuarto da ESO coa xornalista Belén Puñal. Nas mesmas datas, os alumnos/as de 3º e 5º de Primaria participarán no obradoiro "Un conto en igualdade" e os nenos e nenas de Educación Infantil recibirán unha colección de tres relatos contra o machismo. Estas citas compleméntanse cun acto sobre a exposición "Feminismo Galego. Cambios sociais e dereitos das mulleres", cun contacontos o 26 de novembro na Ludoteca e finalmente coa Feira das Asociacións o domingo 28, unha cita consolidada dende 2004 na que participan numerosas entidades do municipio.
EXPOSICIÓN ATÉ O 6 DE DECEMBRO DE 18.00 A 21.00 HORAS
Venres 19 de novembro do 2010
O Pazo da Cultura de Carballo acolle até o 6 de decembro a exposición "Soños e sentimentos para compartir. Soltando lastre", de Miguel Anxo Calvo, O'Miguelo, carballés de Cances que se define a si mesmo como "aprendiz autodidacta de artesán manchador". O Concello espera, con esta mostra e outras que se desenvolven ao longo do ano "promocionar as obras de artistas noveis" do municipio, segundo explica a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, que agradece a colaboración do artista. O propio Miguel Anxo Calvo ofrece en primeira persoa as claves para poder desfrutar das súas pinturas: "observar a obra, ler os textos que a acompañan, soltar lastre e volver observar, porque seguro que a percepción non será a mesma". No acto de inauguración da exposición estivo o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que subliñou o carácter "diverso" da mostra, que ofrece dende paisaxes a introspeccións. "Soltando lastre" está incluída no programa do Novembro con música, e a súa estrea rematou coa actuación musical ao acordeón de O'Mighelo e Xosé Manuel Varela. As pinturas poden observarse no andar -1 do Pazo da Cultura en horario de 18.00 a 21.00 horas.
VENRES 19 E SÁBADO 20 DE NOVEMBRO
Xoves 18 de novembro do 2010
O Novembro con música 2010 arrincou con grande éxito de público tanto co Live in Cances, festival de pop rock que contou con catro propostas ben diferentes -incluído o debut de Refugio-, como co ciclo En Familia, que esgotou os convites dispoñibles para asistir ao concerto teatral "A nena e o grilo". Agora, o programa, que ten como un dos seus principais obxectivos dar a coñecer o labor das diferentes formacións musicais do municipio, volve con música coral, música de cámara e os sons da Big Band. Así, o venres 19 de novembro a partires as 20.30 horas o Pazo da Cultura acolle un Concerto do Conservatorio Profesional de Música de Carballo, no que intervirán dous solistas de guitarra e piano, a Orquesta Xuvenil de Cámara e a Big Band. As actividades continúan o sábado 20, neste caso co tradicional Festival de Corais no que interveñen as principais agrupacións do municipio: Agrupación Polifónica de Carballo, Coro Aires de Bergantiños e Coral Polifónica de Bergantiños. A cita é a partires das 21.00 horas. Nos dous casos a entrada é de balde ata completar o aforo do auditorio, situado no andar -1 do Pazo da Cultura.
MANIFESTACIÓN O DOMINGO 21 DE NOVEMBRO EN SANTIAGO
Mércores 17 de novembro do 2010
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o Tentente de Alcalde, José Antonio Viña, e o Concelleiro de Sanidade, Marcos Trigo, veñen de recibir no Concello a representantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, unha entidade creada para loitar contra o que consideran o risco de desaparición da Sanidade Pública. A Plataforma está integrada pola Cogave (Confederación de Asociacións Veciñais), UXT, CC.OO., a CIG, ademais de por membros dos hospitais da Coruña e Cee e representantes do PSOE e o BNG. En Carballo estiveron dende a plataforma da Coruña, José Manuel Lado, de CC.OO.; Xosé Camiño, da CIG; Ramón Veras, do BNG; e Hermindo Martínez, da UXT. O obxectivo da xuntanza foi expoñer ante os representantes municipais as medidas que a Xunta está a tomar en materia de sanidade, como é a redución do orzamento sanitario e dar entrada ao capital privado no financiamento e xestión das novas infraestruturas sanitarias, o que consideran un "ataque para o estado de benestar, suprimindo un dos seis piares como é a sanidade", segundo Lado. Para protestar pola situación a Plataforma convoca unha manifestación o domingo 21 de novembro ás 12.00 horas na Alameda de Santiago de Compostela á que convidan a todos os veciños e veciñas de Carballo.
VENRES 12, SÁBADO 13 E DOMINGO 14 DE NOVEMBRO
Xoves 11 de novembro do 2010
Despois de que o pasado fin de semana a Asociación San Martín de Razo abrira o programa do Novembro con música cun magosto e con música tradicional, os pratos fortes arrincan este fin de semana con tres actuacións para todo tipo de públicos o venres 12, o sábado 13 e o domingo 14 de novembro. Comeza o pop-rock do festival Live in Cances, que ten lugar no novo local social da parroquia ás 22.00 horas e que chega xa á súa VI edición. Nesta ocasión estarán Killer Cats, Abbey Road, Versión Imposible e Refugio. Continúa o sábado ás 21.00 horas o festival Sons de aquí, no Pazo da cultura, que organiza e patrocina o Concello de Carballo coa colaboración das agrupacións musicais do municipio e que constitúe xa unha cita habitual na programación musical do mes de novembro. E pecha a fin de semana unha proposta dirixida para o público infantil, dentro do ciclo En Familia. Trátase do espectáculo músico-teatral "A nena e o grilo" unha atractiva e fermosa proposta baseada no traballo do mesmo nome do músico Magín Blanco. A cita é ás 18.00 horas, e, aínda que é gratuíta, como todas as propostas do Novembro con música, para asistir é preciso recoller un convite no Pazo da Cultura.
A FEGAMP E A XUNTA ACORDAN NON SUPRIMIR O SERVIZO
Xoves 11 de novembro do 2010
A Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) e a Xunta de Galicia acordan prorrogar ata o 31 de decembro de 2011 o pacto local sobre os Grumir (Grupos Municipais de Intervención Rápida) o que permitirá que o Concello de Carballo manteña o servizo ata esa data. O anuncio vén despois dunha xuntanza da Fegamp en Santiago celebrada o mércores 10 de novembro na que estivo o Alcalde carballés, Evencio Ferrero, xunto con outros rexedores que se opoñen á desintegración dos seus grupos. No caso de Carballo a decisión da Xunta de suprimir o Grumir baseábase no feito de que o municipio xa é a sede do Parque Comarcal de Bombeiros, polo que o servizo do Grupo de Intervención pasaría a ter sede en Ponteceso. Poren, a administración local oponse a esta decisión, xa que considera que o Parque de Bombeiros non realiza os mesmos servizos que o Grumir, que complementa o labor dos bombeiros e que ademais realiza intervencións noutros municipios da comarca ademais de Carballo. Finalmente, o Concello contará co servizo alomenos un ano máis.
O CONCELLO SOLICITA QUE A EOI FUNCIONE COMO CENTRO INDEPENDENTE
Xoves 11 de novembro do 2010
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Educación, Mar Eirís, veñen de manter unha xuntanza coa Xefa Territorial de Educación, María Teresa Villaverde Pais, para trasladarlle de novo as necesidades educativas do Concello. Durante a reunión falouse do principal proxecto que está neste momento en marcha, como é a ampliación do CEIP Bergantiños da capital municipal, unha actuación destinada a paliar en parte os problemas de escolarización previstos para o curso 2011-12, no que será preciso incluír nas aulas a 313 nenos e nenas nacidos en 2008, "unha cifra moi elevada", en verbas do Alcalde. O compromiso de Educación era que os traballos comezasen en 2010 para poder afrontar o curso 2011-12 coas novas instalacións en marcha. Poren, Villaverde Pais informou de que nestes momentos a actuación aínda está en proceso de presentación de propostas. Dende a adxudicación do proxecto estipúlase un prazo de dous meses para a súa redación e despois principiaríase o expediente de contratación, polo que, aínda apurando os prazos, a contratación non se produciría ata o segundo trimestre de 2011.
O PROXECTO FOI FINANCIADO CON FONDOS FEDER
Mércores 10 de novembro do 2010
Técnicos do Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) veñen de vistar a Ruta das Férvedas do Concello de Carballo, acondicionada con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) xestinados polo Ministerio de Medio Ambiente, o Agader e o Concello de Carballo. A actuación realizouse con cargo ao programa de Proxectos Dinamizadores de Áreas Rurais de Galicia na convocatoria de 2008-09, e consistiu no acondicionamento de 27,6 quilómetros de senda rural, na sinalización do roteiro e na reconstrución dunha ponte sobre o río Rosende para darlle continuidade ao percorrido. A Ruta cruza catro parroquias do Concello, Carballo, Ardaña, Rus e Entrecruces, saíndo da Brea e chegando ata o cruceiro da Capela de San Paio en Entrecruces. O orzamento para a realización da actuación é de 26.326,81 euros, dos que o Agader achega o 44,49 por cento, un total de 11.712,80. Ademais de dous técnicos, estiveron presentes durante a visita o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Obras, Luís Lamas; e o Concelleiro de Deporte, Sanidade e Xuventude, Marcos Trigo.
ATÉ O 30 DE NOVEMBRO NA BAIXOCUBERTA DO PAZO DA CULTURA
Martes 9 de novembro do 2010
O Concello de Carballo prepara varias actividades para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Despois de que a sesión plenaria de outubro ratificara por unanimidade unha Declaración Institucional contra a violencia de xénero, na que, entre outras cousas, maniféstase unha "enérxica repulsa" contra a violencia que se exerce contra as mulleres, agora chega unha exposición organizada pola Fundación Galiza Sempre, coa colaboración do Ministerio de Educación, a Deputación da Coruña e o Concello de Carballo. A mostra, titulada "Feminismo galego. Cambios sociais e dereitos das mulleres", realiza un repaso pola historia do feminismo dende o ano 1800 e recolle diversos materiais que dan testemuño dos obxectivos e reivindicacións do feminismo galego e pretende contribuír -por medio da reprodución de textos, publicacións, noticias e documentación gráfica- á reflexión na sociedade galega sobre os avances e cambios sociais promovidos polo movemento a prol da igualdade de dereitos mulleres. Pode visitarse na sala da baixocuberta do Pazo da Cultura até o 30 de novembro.
CONTRATACIÓN PARA O SUBMINISTRO DE ENERXÍA ELÉCTRICA
Luns 8 de novembro do 2010
A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar as Bases da Convocatoria de Subvencións para a realización do Programa Anual de Actividades do ano 2010. Estas axudas teñen por obxecto colaborar coas asociacións culturais do municipio de Carballo na realización dun programa estable de actividades culturais. O Concello pretende contribuír á promoción da cultura e do tecido asociativo e á potenciación do seu papel no desenvolvemento cultural, así como favorecer o acceso á cultura dos cidadáns promovendo a diversidade das propostas culturais. Poderán concorrer na convocatoria aquelas entidades que, ademais de estar inscritas no rexistro do Concello desenvolvan actividades que non persigan ánimo de lucro, que o ámbito das actuacións sexa o municipio carballés, que a súa sede social estea no Concello e que non teñan pendente de xustificar ningunha subvención ou axuda económica co Concello correspondente a exercicios anteriores. Entre os criterios para a concesión das axudas está o interese cultural do programa, a súa valoración económica, o número de beneficiarios da actividade, o ámbito territorial e social do proxecto ou a cooperación entre entidades. Para a concesión destas axudas destinarase un orzamento de 20.000 euros.