Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Cances asiste á inauguración do seu novo centro social, unha "casa amiga" para os veciños e veciñas

O EDIFICIO FOI FINANCIADO POLA DEPUTACIÓN E O CONCELLO

Cances asiste á inauguración do seu novo centro social, unha "casa amiga" para os veciños e veciñas

Sábado 11 de decembro do 2010

Arredor de 200 veciños e veciñas de Cances veñen de inaugurar o seu novo Centro Social, un edificio de 536 metros cadrados que conta cun amplo salón de actos, unha aula para obradoiros, sala de informática, biblioteca e salón social, ademais de oficinas e aseos. O recinto foi financiado nun 80 por cento pola Deputación provincial da Coruña e nun 20 por cento polo Concello, cun orzamento de máis de 300.000 euros. Precisamente para a súa estrea oficial estiveron presentes o Presidente do organismo provincial, Salvador Fernández Moreda, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, e os deputados Xoán Sande e José Manuel López Varela, ademais da maioría dos concelleiros da corporación e membros das asociacións que asumirán a xestión do novo servizo. Francisco Méndez Torreira, presidente da Asociación Cultural San Campio, abriu o acto falando en representación das entidades, describindo o centro como "unha casa amiga" e "lugar de encontro" que encherán con "esforzo, dedicación, proxextos e actividades que dignifiquen a obra e a fagan útil". Así mesmo, Fernández Moreda e Ferrero subliñaron o dinamismo da parroquia e desexaron que os veciños aproveiten e desfruten as instalacións.

Aprobado o expediente de contratación para instalar tres puntos dixitais de información pública

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado o expediente de contratación para instalar tres puntos dixitais de información pública

Martes 7 de decembro do 2010

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente para o contrato administrativo especial de 'Concesión de bens de uso público municipal para a colocación de tres puntos dixitais de información pública en Carballo'. Trátase dun contrato para instalar pantallas de comunicación visual exterior e pantallas táctiles que estarán situadas na Praza do Concello, no Museo de Bergantiños e no Centro de Promoción Económica do polígono de Bértoa (CPEC). No primeiro caso, ofrecerase información xeral sobre o Concello; no segundo caso o punto informativo estará orientado a ofrecer información turística e de ocio, incluíndo a maqueta sobre a Costa da Morte (na imaxe) situada no Museo de Bergantiños; e no terceiro caso o punto informativo centrarase na información económica e no parque empresarial de Bértoa. O adxudicatario abonará ao Concello un canon en forma de tempo de emisión nas pantallas de comunicación panorámicas, sendo a porcentaxe mínima dun 20 por cento. A duración do contrato outórgase por un prazo de catro anos sen posibilidade de prórroga.

As augas das praias de Carballo acadan unha cualificación "excelente" segundo as análises da nova directiva sanitaria

EN RAZO, BALDAIO, PEDRA DO SAL E AS SAÍÑAS

As augas das praias de Carballo acadan unha cualificación "excelente" segundo as análises da nova directiva sanitaria

Venres 3 de decembro do 2010

As augas destinadas ao baño dos areais de Carballo, Razo, Baldaio, Pedra do Sal e As Saíñas teñen acadado unha cualificación sanitaria "excelente" en todos os casos, menos no de Razo, en que é "boa", segundo a nova directiva que debe ter en conta por primeira vez cálculos microbiolóxicos para obter os datos. Así, segundo a Directiva 76/100/CEE, aplicada até o de agora, a cualificación é de 2 (apta para o baño de calidade moi boa) en todas as praias, excepto en Razo que é 1 (apta para o baño de calidade boa). Os datos segundo a Directiva 2006/7/CE, que será obrigatoria a partires de 2011 e que xa se ten aplicado en Carballo, son moito máis exhaustivos, téñense realizado cun balance dos controis de 2008, 2009 e 2010 con 25 mostras e indican que, das catro cualificacións que se recollen: "excelente", "boa", "suficiente" e "insuficiente", a maioría dos areais teñen unha auga "excelente", e Razo "boa". O obxectivo é que de aquí a 2015 todos os estados membros da Unión Europea cheguen á cualidade de augas para o baño "suficiente". Carballo supera xa amplamente os parámetros esixidos, confirmando así a limpeza dos seus areais.

As III Xornadas Carballo PortaAberta abordan o uso das novas tecnoloxías no sector audiovisual

VENRES 17 DE DECEMBRO NO TELECENTRO DO PAZO DA CULTURA

As III Xornadas Carballo PortaAberta abordan o uso das novas tecnoloxías no sector audiovisual

Venres 3 de decembro do 2010

O Telecentro situado no primeiro andar do Pazo da Cultura de Carballo acolle o venres 17 de decembro a terceira edición das Xornadas Carballo PortaAberta, destinadas a fomentar o uso das novas tecnoloxías entre os veciños e veciñas. Despois de abordar temas como a administración electrónica e a implantación da TDT, este ano a cita céntrase no sector audiovisual coa celebración de tres ponencias: "Non saímos do lixo. Exemplos de producións low cost"; "Novas tecnoloxías vs. tratamento de contidos"; "Os pros e os contras das novas tecnoloxías para a democratización da información". Ao remate haberá unha mesa redonda formada polos conferenciantes e na que poden intervir os asistentes. Así mesmo, hai que lembrar que as Xornadas Carballo PortaAberta xorden aparelladas coas III Olimpíadas Tecnolóxicas, neste caso baseadas nun obradoiro que tivo lugar no mes de novembro para realizar microcurtas no marco do I Festival de Curtas Rodadas con Móbil. Finalmente verán a luz catro microcurtas, duns dous minutos de duración, que serán proxectadas entre o 13 e o 16 de decembro no Telecentro, coa entrega de premios do Festival prevista para o día 17, a continuación das Xornadas.

Adxudicación provisional dos traballos para a creación dunha segunda escola infantil para Carballo

XUNTANZA DA MESA DE CONTRATACIÓN

Adxudicación provisional dos traballos para a creación dunha segunda escola infantil para Carballo

Xoves 2 de decembro do 2010

A mesa de contratación vén de proceder hoxe á adxudicación provisional dos traballos para a construción dunha segunda escola infantil no casco urbano de Carballo, un servizo que estará situado nunha parcela de 2.500 metros cadrados no entorno da urbanización de Riotorto na estrada de Razo. Así, a adxudicación recaeu nunha UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Decoraciones J. Bello e Paraxe SL por un importe de 684.716 euros, o que supón unha baixa sobre o prezo de licitación -que era de 845.228,40 euros- de 160.512,40 euros. Así mesmo, a UTE ofertou unha mellora sobre do prazo de execución, comprometéndose a rematar os traballos en nove meses e medio fronte aos 12 meses previstos nun comezo. Hai que lembrar que a nova escola infantil estará financiada a través dun convenio coa Deputación da Coruña asinado o pasado mes de xullo polo que o organismo provincial achega 550.000 euros, mentres que o resto do importe sería asumido polo Concello. O sistema de adxudicación realizouse con criterios de valoración como son a proposta económica, a redución de prazos ou o plan de execución da obra.

O Concello instala dous Minipuntolimpos para recollida selectiva en dúas rúas do centro carballés

NA RÚA FOMENTO E NA PRAZA DO CONCELLO

O Concello instala dous Minipuntolimpos para recollida selectiva en dúas rúas do centro carballés

Mércores 1 de decembro do 2010

O Concello de Carballo, a través dun convenio coa empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo municipal, vén de instalar dous Minipuntolimpos para a recollida selectiva na Praza do Concello e na Rúa Fomento da capital municipal. Estas instalacións permiten a recollida de sete produtos en depósitos independentes con espazos para pilas usadas, teléfonos móbiles, CDs e DVDs, para lámpadas convencionais e alóxenas e incluso un depósito para cartuchos de impresora. O mantemento técnico, a limpeza semanal, o transporte para a reciclaxe no Punto Limpo Municipal, a clasificación dos produtos e os gastos derivados destes Minipuntolimpos corre a cargo da empresa encargada da súa instalación. A vixencia do acordo para a xestión é de catro anos, aínda que pode rescindirse co mutuo acordo de ambas partes. O obxectivo destas instalacións é seguir avanzando no programa Carballo Limpo e facilitar a reciclaxe de pequenos residuos sólidos de tipo doméstico, achegando a recollida selectiva ao cidadán.

O pleno saca adiante o POS 2011 e a modificación da Ordenanza reguladora das  taxas do mercado

UNANIMIDADE PARA SOLICITAR A MELLORA DA ESTRADA DE SANTIAGO

O pleno saca adiante o POS 2011 e a modificación da Ordenanza reguladora das taxas do mercado

Martes 30 de novembro do 2010

O pleno da corporación vén de aprobar en sesión plenaria ordinaria o Plan de cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal da Deputación, POS 2011, por un importe de 657.317,07 euros e que suporá o acondicionamento dunha praza pública en Sofán así como a mellora de vías en Ardaña, Goiáns e Berdillo. Ademais de aos investimentos mencionados, o 26 por cento do POS irá destinado a gastos correntes para mantemento dos accesos aos núcleos de poboación e das instalacións deportivas e á pavimentación de vías. Así mesmo, o importe previsto para o Plan Complementario, que se leva a cabo en caso de que existan baixas nas adxudicacións do POS, é de 150.253,15 euros. A sesión tamén supuxo o visto bo para a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora das taxas pola prestación de servizos no Mercado Municipal. Trátase dun paso máis dentro do proceso de transformación que está sufrindo a Praza de Abastos, que conleva a realización de trámites administrativos ao tempo que avanzan as obras. Entre os asuntos da orde do día tamén hai que subliñar a unanimidade para aprobar unha moción que insta á Deputación a mellorar a seguridade na estrada de Santiago, CP-1914, especialmente á altura de Taboada.

Arredor de 600 escolares participan o mércores 1 de decembro na Carreira Campo a Través

NO CIRCUÍTO DO POLÍGONO DE BÉRTOA

Arredor de 600 escolares participan o mércores 1 de decembro na Carreira Campo a Través

Martes 30 de novembro do 2010

Un total de 602 rapaces de Primaria e Secundaria dos centros escolares de Carballo participan o mércores 1 de decembro na Carreira Campo a Través que organizan o Concello, a Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Atletismo. A cita, que conta coa colaboración de Coca-Cola/Begano e Gadisa, celébrase no Circuíto de Cross do Parque Empresarial de Bértoa a partires das 10.00 horas e as categorías da proba, puntuable para participar no Campionato provincial, son benxamín, infantil, alevín e cadete masculino e feminino. A carreira celébrase novamente no municipio despois de dous anos nos que a metereoloxía impediu que se levase a cabo, en 2009 incluso a causa da suspensión das clases a causa dun temporal. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, subliñou o "fantástico" percorrido do circuíto e incluso avanzou que o Concello está en conversacións para que Carballo poida acoller unha grande proba de campo a través para todas as idades na primavera, cando as condicións climatolóxicas faciliten a súa celebración, xa que a carreira escolar está marcada en decembro polo calendario de probas.

'Contos coas mans abertas' sensibiliza aos escolares carballeses do IES Alfredo Brañas sobre a solidariedade internacional

O FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN PROMOVE ESTA XIRA

'Contos coas mans abertas' sensibiliza aos escolares carballeses do IES Alfredo Brañas sobre a solidariedade internacional

Venres 26 de novembro do 2010

A xira 'Contos coas mans abertas' promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dentro das súas actividades de sensibilización recalou hoxe en Carballo. A representación, organizada polo Concello en calidade de membro do Fondo, tivo lugar no IES Alfredo Brañas e contou coa presenza de arredor de 80 alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato e do Ciclo Medio de Comercio. O espectáculo músico teatral 'Contos coas mans abertas', creado expresamente para esta campaña pola compañía compostelá A Tropa de Trapo, percorrerá ata finais de ano un total de vinte concellos asociados ao Fondo Galego de Cooperación, como son Xove, Ramirás, Arteixo, Porto do Son, Ferrol, Sada, Cambre, A Estrada, Salceda de Caselas, Culleredo, Ames, Mos, Nigrán, Verín, Cangas, Burela, Abegondo, O Valadouro e Poio ademais de Carballo. A proposta, enfocada para público adolescente e adulto, baséase en contos narrados a dúas voces onde a música en directo cobra especial relevancia. Instrumentos como a guitarra, a kalimba, o goni ou o laúde árabe mergullan aos espectadores en historias reais, recollidas case todas en primeira persoa, contos sinceros e achegados que falan do fondo humano que nos une a todos.

O Plan de Obras e Servizos (POS) para 2011 supón un investimento de 657.317 euros

APROBACIÓN DA MODIFICACIÓN DA ORDENANZA FISCAL DO MERCADO

O Plan de Obras e Servizos (POS) para 2011 supón un investimento de 657.317 euros

Venres 26 de novembro do 2010

A sesión plenaria ordinaria do mes de novembro que se celebra o luns 29 inclúe na orde do día a aprobación do Plan de cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal, POS 2011, que supón unha achega de 624.451,22 euros do Estado e da Deputación Provincial e que suma un total de 657.317,07 euros. Desta cantidade, un 74 por cento, 485.112,21 euros, destinarase á realización de varios proxectos no municipio, entre os que hai que subliñar a creación dunha Praza pública en Sofán, cun orzamento total de 184.160,20 euros; a 'Mellora de capa de rodadura no lugar de O Añón, na parroquia de Berdillo', por 136.509,81 euros; a 'Mellora de capa de rodadura no lugar de Xoane, na parroquia de Goiáns' por 113.059,93 euros; e o proxecto técnico para a creación dunha 'Rede de saneamento e rede de abastecemento de auga en San Lois, na parroquia de Ardaña', cun investimento de 51.382,27 euros. O 26 por cento restante do POS, que ascende a 172.204,86 euros, destinarase a gastos correntes, centrados no mantemento dos accesos aos núcleos de poboación e das instalacións deportivas e na pavimentación de vías.

O Concello conmemora o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

CONCELLARÍA DE IGUALDADE E BENESTAR

O Concello conmemora o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Xoves 25 de novembro do 2010

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Igualdade e Benestar que dirixe Dores Silveira, conmemora o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Exposicións, encontros con escolares, contacontos, obradoiros ou a xa tradicional Feira das Asociacións, que ten lugar o domingo 28 de novembro son algunhas das citas previstas. Así mesmo, o Pazo da Cultura acolle a exposición "Feminismo Galego. Cambios sociais e dereitos das mulleres". Con motivo desta mostra, que está en Carballo até o martes 30 de novembro, a sala de exposicións do terceiro andar do Pazo da Cultura de Carballo acolle hoxe ás 19.30 horas un acto público no que participarán Xabier Macías, Director da Fundación Galiza Sempre e Nanina Santos Castroviejo, asesora da exposición. Durante o acto, falarán sobre esta mostra, a motivación para elaborala e o seu contido. Ademais, hai que lembrar que o pleno da corporación subscribiu por unanimidade o pasado mes de outubro unha Declaración institucional con motivo do 25 de novembro, que fai especial fincapé na prevención da violencia e na colaboración para axudar ás vítimas.

Rock, música coral na honra de Santa Cecilia e música clásica no programa do Novembro con música

FIN DE SEMANA: VENRES 26, SÁBADO 27 E DOMINGO 28

Rock, música coral na honra de Santa Cecilia e música clásica no programa do Novembro con música

Xoves 25 de novembro do 2010

O programa do Novembro con música 2010 achégase pouco a pouco á fin das súas actividades cunha fin de semana intensa, que mestura estilos ben diferentes. Así, o venres 26 de novembro é a quenda dunha Noite de Rock con tres grupos carballeses como son Falso Jocker, Interludio e The Cerne. A cita é de balde no Pazo da Cultura a partires das 21.00 horas. O sábado continúa a música, neste caso co tradicional concerto na honra de Santa Cecilia organizado pola Coral Polifónica de Bergantiños, que desta volta invitou a compartir escenario á Coral Polifónica Alentía, de Meirás, Valdoviño, e á Coral Polifónica Virxe do Mar de Cedeira. O concerto é tamén no auditorio do Pazo da Cultura a partires das 21.00 horas. E o domingo 28 péchase o ciclo En Familia no Novembro con música co Quinteto de Vento Pentafonía (na imaxe) e a música e monicreques do seu "Hansel e Gretel", e que tamén conta coa presenza de Títeres Viravolta. Este espectáculo, realizado coa colaboración da Deputación da Coruña, é a partires das 18.00 horas no Pazo da Cultura. Todos os espectáculos da fin de semana son de balde, con entrada libre ata completar o aforo.

Compartir: