Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O equipo redactor do PXOM espera enviar o documento completo para a emisión do informe previo da Xunta en febreiro

OS TÉCNICOS ESTUDAN O INFORME EMITIDO POR AVALIACIÓN AMBIENTAL

O equipo redactor do PXOM espera enviar o documento completo para a emisión do informe previo da Xunta en febreiro

Xoves 30 de decembro do 2010

O equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo espera enviar o documento urbanístico ao completo para que a Xunta emita o informe previo e avanzar de cara á súa aprobación a finais de febreiro ou principios de marzo de 2011. Así o explicaron o Tenente de Alcalde e Concelleiro de Urbanismo, José Antonio Viña, e o Alcalde, Evencio Ferrero, nunha rolda de prensa na que tamén subliñaron que, nestes momentos, a Oficina Técnica está estudando en profundidade o documento de referencia emitido o pasado 14 de decembro pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Este informe estipula algunhas directrices e recomendacións sobre o documento de inicio do PXOM -un equivalente ao anteproxecto do planeamento- enviado polo Concello o pasado 12 de outubro e que se realizou respectando as directrices da Comisión de Urbanismo encargada do proceso de revisión do Plan e da que forman parte representantes de todos os grupos políticos da corporación. Unha vez os técnicos analicen e avalíen o documento de referencia da Secretaría Xeral, será convocada a Comisión de Urbanismo para que grupos e técnicos sigan avanzando nos trámites da revisión do PXOM.

Carballo pon e marcha un Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo dentro do proxecto Fórum Carballo

PODERÁN PARTICIPAR 25 ESTABLECEMENTOS DA VILA

Carballo pon e marcha un Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo dentro do proxecto Fórum Carballo

Mércores 29 de decembro do 2010

O Concello de Carballo pon en marcha a partires de xaneiro de 2011 un Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo, incluído no Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial que se está a desenvolver dentro do proxecto Fórum Carballo. A iniciativa foi presentada o martes 28 de decembro ás 21.00 horas no salón de plenos da Casa do Concello ante arredor de 20 comerciantes da vila. Consiste en que os establecementos de Carballo que sexan admitidos na proposta poderán contar cun informe especializado realizado por unha consultora, I2, no que cada un dos locais participantes será obxecto dun estudo individual a partir do que se elaborará un dossier no que se analizarán a faciana, o escaparate e o interior do local, así como a colocación do produto co obxectivo de mellorar a imaxe comercial do establecemento. Os interesados/as en participar poderán recoller os impresos de solicitude a partires do día 8 e até o 26 de xaneiro, tanto na Casa do Concello como noutros puntos comerciais estratéxicos e calquera establecemento carballés pode tomar parte na iniciativa. En total, serán admitidos 25 comercios, polo que se seguirá un proceso de selección no que primarán aspectos como a antigüidade do negocio e do titular ou a contratación de persoas con minusvalías. Para consultar as bases, premer aquí.

Monicreques, música, teatro e maxia para os máis cativos e cativas no Nadal Pequespectacular

ENTRE O LUNS 27 E O XOVES 30 DE DECEMBRO

Monicreques, música, teatro e maxia para os máis cativos e cativas no Nadal Pequespectacular

Luns 27 de decembro do 2010

Pasado xa o día de Nadal intensifícanse as actividades organizadas pola Concellaría de Cultura para os máis cativos e cativas dentro do Nadal Cultural 2010. Así, entre o luns 27 e o xoves 30 de decembro chega o programa Nadal Pequespectacular, unha das citas máis esperadas destas datas, neste caso con catro espectáculos centrados nos monicreques, no teatro, na música e na maxia, que pecha o ciclo cun festival no que visitan Carballo algúns dos mellores magos de Galicia. O Nadal Pequespectacular inclué actuacións da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) que principian o luns 27 con Caramuxo Teatro e o famoso espectáculo 'Os Bolechas'; continúan o martes 28 con Teatro do Morcego que presenta os seus 'Saltimbanquis'; seguen o mércores 29 os vascos Teatro Paraíso Sal, cin 'El flautista mágico'; e pecha o ciclo o xoves 30 a gala 'Nadal Máxico 2010', un festival no que ofrecen os seus trucos o Mago Antón, o Mago Richard, o Mago Romarís, o Mago Pablo e Kiko Pastur. Todas as funcións son no auditorio do Pazo da Cultura ás 18.00 horas e os prezos oscilan entre os 2,5 e os 3,5 euros (con descontos para menores de 12 anos e maiores de 65).

O Concello convoca a XIII edición do Certame Fotográfico 'Xosé Manuel Eirís'

O PRAZO DE PRESENTACIÓN REMATA O 7 DE FEBREIRO

O Concello convoca a XIII edición do Certame Fotográfico 'Xosé Manuel Eirís'

Martes 21 de decembro do 2010

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Belén Lendoiro, convoca a XIII edición do Certame Fotográfico 'Xosé Manuel Eirís'. O Concello, atendendo á proposta expresada pola Comisión Organizadora da Homenaxe a Xosé Manuel Eirís, integrada por representantes de trinta asociacións culturais de Carballo, acordou en sesión plenaria do 5 de maio de 1997 a creación deste Certame Fotográfico que tería lugar con carácter anual. A denominación de 'Xosé Manuel Eirís' para este Certame Fotográfico provén do recoñecemento que o Concello e as entidades culturais do municipio queren render a unha persoa vinculada ao mundo cultural e artístico de Carballo e de Galicia, preocupada pola recuperación e promoción do noso patrimonio cultural e pola participación da cidadanía neste proceso de desenvolvemento. Esta iniciativa pretende perpetuar o recordo do que foi animador cultural de Carballo a través dunha das súas afeccións, a fotografía. En cada edición o Concello de Carballo convida a unha asociación do municipio a formar parte do xurado e a colaborar na súa organización. Os interesados e interesadas en participar no concurso deben presentar as súas propostas antes do 7 de febreiro de 2011.

O número de matrículas da Escola Oficial de Idiomas pasa de 89 a 602 dende a súa creación no curso 2004-2005

ENTREVISTA CO DIRECTOR XERAL DE EDUCACIÓN

O número de matrículas da Escola Oficial de Idiomas pasa de 89 a 602 dende a súa creación no curso 2004-2005

Luns 20 de decembro do 2010

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Educación, Mar Eirís, veñen de manter hoxe, luns 20 de decembro, unha xuntanza co Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema, para plantexarlle a necesidade de que a Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Carballo funcione como un centro independente, xa que este curso 2010-2011 conta cun total de 602 alumnos e alumnas, un volume altísimo que fai que cada ano sexa máis difícil desenvolver as clases con normalidade nas instalacións do Pazo da Cultura. Dende a posta en marcha da EOI, que na actualidade está integrada na EOI da Coruña, pasouse de 89 matriculados para o curso 2004-2005 até os 602 da actualidade, cun crecemento dun 85 por cento. Así mesmo, dun único idioma, o inglés, que se ofertaba nos comezos, agora os alumnos e alumnas poden cursar inglés, francés e alemán, pasándose dun só profesor/a nos inicios aos nove que hai na actualidade. O Director Xeral de Educación escoitou as demandas do Alcalde e da Concelleira de Educación, pero explicou que a escisión da EOI da da Coruña depende dunha reordenación máis ampla, a máis longo prazo e que afecte a todos os centros galegos.

Un alumno do IES Isidro Parga Pondal gaña o Campionato Galego da Formación Profesional, GaliciaSkills

NA CATEGORÍA DE ADMINISTRACIÓN DE SISTEMAS INFORMÁTICOS

Un alumno do IES Isidro Parga Pondal gaña o Campionato Galego da Formación Profesional, GaliciaSkills

Venres 17 de decembro do 2010

O alumno do IES Isidro Parga Pondal, Ismael Castiñeira González, vén de gañar o Campionato Galego da Formación Profesional, GaliciaSkills 2010, na categoría de Administración de Sistemas Informáticos, polo que representará a Galicia nas XXXIII Olimpíadas da Formación Profesional SpainSkills 2011, que se celebran en Madrid o próximo mes de abril. Xunto con Ismael Castiñeira, no podio tamén estivo outro alumno do Parga Pondal, Michel Vila Gomes, que resultou o terceiro clasificado na mesma categoría, os dous baixo a titoría do profesor Juan Francisco Puentes Calvo. A cita celebrouse no IES San Clemente de Santiago, onde competiron con 34 centros das principais cidades e vilas de toda Galicia. En total, GaliciaSkills supuxo a entrega de 20 premios en categorías de Formación Profesional que van dende o deseño web á ebanistería ou coidados de beleza. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Educación, Mar Eirís, recibiron no Concello aos gañadores, que estiveron acompañados por profesorado do IES Parga Pondal. Ferrero felicitou aos alumnos por vencer nunha disciplina que eles mesmos recoñeceron que se fixo complicada e desexoulle a Ismael sorte para a cita do Campionato de España.

"Misterio na panadería" e "Inxustizas" Mellor Curta e Premio do Público no I Festival de Curtas Rodadas con Móbil

PECHE DAS III XORNADAS CARBALLO PORTAABERTA

"Misterio na panadería" e "Inxustizas" Mellor Curta e Premio do Público no I Festival de Curtas Rodadas con Móbil

Venres 17 de decembro do 2010

O Telecentro de Comunicación do Pazo da Cultura vén de acoller as III Xornadas Carballo PortaAberta, que abordaron "As novas tecnoloxías e o sector audiovisual" a través de tres conferencias e unha mesa redonda e que tiveron como peche a entrega de premios das III Olimpíadas Tecnolóxicas a través do I Festival de Curtas rodadas con Móbil. Un total de catro microcurtas duns dous minutos de duración, rodadas en obradoiros realizados durante o mes de novembro, repartíronse os galardóns, que consistiron nunha reproducción do logo das Xornadas PortaAberta realizado en Cerámica de Buño por Eloy Mancebo Lema, de <feituras.com>. Os galardóns foron entregados polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e polo Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín. O premio á Mellor Idea Orixinal recaeu en "Entre dos aguas" de Juan Carlos Gómez Mancebo, así como o de Mellor Guión. O premio á Mellor Posprodución foi para VADEM Productions por "2 formas de facer as cousas". O premio á Mellor Interpretación Feminina foi para Soraya Suárez Míguez por "Inxustizas", microcurta que tamén levou o Premio do Público. E por último, "Misterio na Panadería" levou o premio á Mellor Interpretación Masculina, para Adrián González Sánchez, que tamén recolleu o premio á Mellor Curta polo seu traballo. Os interesados e interesadas que queiran ver as curtas aínda poden facelo en youtube a través de <alinternamaxica>.

Os Servizos de Normalización Lingüística de Carballo, Cabana, Malpica, Ponteceso e Zas promoven coa Deputación unha campaña de Nadal

CATÁLOGO DE AGASALLOS E CARTA AOS REIS MAGOS

Os Servizos de Normalización Lingüística de Carballo, Cabana, Malpica, Ponteceso e Zas promoven coa Deputación unha campaña de Nadal

Xoves 16 de decembro do 2010

A Deputación da Coruña e os Servizos de Normalización Lingüística (SNL) dos concellos de Carballo, Cabana, Malpica, Ponteceso e Zas veñen de unirse para favorecer unha campaña de Nadal que facilite que os cativos e cativas poidan escribir en galego a súa Carta aos Reis Magos, ademais de favorecer a compra de agasallos "en galego" nestas datas. Para iso, a Deputación vén de editar unha guía, titulada "Agasallo. Propostas de regalos en galego", que conta cunha tirada de 45.000 exemplares que serán distribuídos en toda a provincia e que ofrece arredor de 250 propostas de regalos para todas as idades, incluíndo narrativa infantil e para adultos, xoguetes, música ou incluso camisolas. A oferta vai dende produtos culturais ata aparellos tecnolóxicos, DVD, móbiles, colonias, etc. Trátase de agasallos etiquetados, promocionados ou realizados en galego e o obxectivo é que se distribúan nos edificios oficiais do municipio, como a Casa do Concello ou o Pazo da Cultura, e tamén nos centros escolares para que os cativos e cativas poidan escribir a súa carta e pedir os seus agasallos de Nadal "en galego".

O mercado municipal de Carballo abre ao público os novos postos de alimentación do primeiro andar

CREACIÓN DUNHA ZONA PROVISIONAL DE CARGA E DESCARGA

O mercado municipal de Carballo abre ao público os novos postos de alimentación do primeiro andar

Xoves 16 de decembro do 2010

O primeiro andar do novo mercado municipal de Carballo vén de abrir hoxe, xoves 16 de decembro, as súas portas ao público despois de que teña rematado o último traslado provisional dos postos de alimentación con motivo das obras. A apertura coincidiu coa feira na Praza do Concello, polo que a afluencia foi moi elevada dende primeiras horas da mañá. Os concesionarios estrearon os seus locais cunha superficie igual ou superior aos antigos, pero con novo mobiliario e cámaras frigoríficas. O acceso ao primeiro andar, con moita luz e rodeado de cristaleiras, pode realizarse a través de escaleiras dende a Praza do Concello e tamén a nivel do chan dende a rúa Gran Vía. Os postos de alimentación están organizados por produtos, cunha sección azul para o peixe, unha vermella para a carne, unha verde para os postos de froitas e verduras e unha amarela para lácteos e pan. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, realizaron un percorrido polas novas instalacións, e explicaron que a apertura a mediados de decembro nun día de feira realizouse para favorecer as compras de Nadal, incrementar a afluencia e darlle pulo ás novas instalacións.

O Nadal Pequespectacular, Papá Noel e os Reis Magos centran un Nadal Cultural para o público familiar

ENTRE O 17 DE DECEMBRO E O 8 DE XANEIRO

O Nadal Pequespectacular, Papá Noel e os Reis Magos centran un Nadal Cultural para o público familiar

Mércores 15 de decembro do 2010

O programa do Nadal Cultural 2010 ten como obxectivo "enriquecer o tempo de vacacións e as festas", segundo explica a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro. Está conformado por actividades organizadas polo Concello, as asociacións do municipio ou os centros educativos e que conta con diferentes escenarios, como o Pazo da Cultura, a Ludoteca ou as escolas unitarias, entre outros. Trátase dun programa orientado ao público familiar que tamén pretende que a xente se anime a visitar Carballo e a mercar na vila. Entre as actividades do Nadal Cultural destaca, un ano máis, o Nadal Pequespectacular, que nesta edición está centrado en catro actuacións no auditorio do Pazo da Cultura entre o luns 27 e o xoves 30 de decembro con prezos que oscilan entre os 3,5 e 2,5 euros. Estarán os famosos Bolechas, ademais de contar con actuacións de teatro, música, monicreques e maxia. Contacontos, as visitas de Papá Noel, a Cabalgata de Reis ou unha exposición do artista carballés Jacobo Veiga son outras das citas do Nadal en Carballo, ademais da pista de patinaxe. Variedade e diversión para toda a familia entre o 17 de decembro e o 8 de xaneiro.

Comezan as proxeccións no Telecentro para votar no I Festival de Curtas rodadas con Móbil

EN DÚAS PASES ATÉ O 16 DE DECEMBRO

Comezan as proxeccións no Telecentro para votar no I Festival de Curtas rodadas con Móbil

Luns 13 de decembro do 2010

Comeza a rolda de proxeccións das catro microcurtas que participan no I Festival de Curtas rodadas con Móbil que organiza o Concello de Carballo con motivo das III Olimpíadas Tecnolóxicas e no marco das III Xornadas Carballo PortaAberta. Son catro traballos realizados polos catro equipos participantes -podían facelo un máximo de cinco-, de arredor de dous minutos de duración, realizados tan só coa axuda do seu teléfono móbil. Os títulos son "2 formas de facer as cousas", "Entre dos aguas", "Inxustizas" e "Misterio na panadería". Para elixir o Premio do Público do festival, os interesados e interesadas poden votar asistindo ás proxeccións que se desenvolven no Telecentro de Carballo en dúas pases ás 11.30 horas pola mañá e ás 18.30 horas pola tarde entre o luns 13 (este día só pola tarde) e o xoves 16 de decembro. Así, despois das proxeccións poderán depositar o seu voto no Telecentro. Os traballos tamén poden verse máis abaixo nesta mesma nova, e en Youtube no canal <alinternamaxica>, aínda que os votos emitidos por Internet non contabilizan para a concesión do Premio do Público.

O Concello de Carballo recibiu unha mención especial nos premios anuais da Federación Galega de Balonmán

GALA O VENRES 10 DE DECEMBRO ÁS 20.00 HORAS

O Concello de Carballo recibiu unha mención especial nos premios anuais da Federación Galega de Balonmán

Sábado 11 de decembro do 2010

O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, acompañado do director-xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello, recolleu o venres 10 de decembro no Centro Social Caixanova de Vigo unha mención especial ao Concello de Carballo como recoñecemento polo traballo desinteresado a prol do balonmán galego, unha distinción que concede a Federación Galega de Balonmán dentro da súa homenaxe aos mellores da disciplina do ano 2010. A gala, que tivo lugar a partires das 20.00 horas foi dirixida polo xornalista deportivo Terio Carrera, e, segundo explicou a propia Federación, tivo momentos emotivos, nos que se recordou a xente importante do balonmán galego que nos deixou nos últimos meses, pero tamén momentos para as risas e sobre todo para a celebración e o aplauso para todos os premiados, no que foi o recoñecemento ao seu traballo en favor do balonmán. Entre os galardoados, destacou a presenza dos internacionais Pablo Cacheda (xuvenil) e Estela Doiro (júnior) ou dos adestradores "Jota" e Roi Sánchez. O Concello de Carballo recibiu una mención especial xunto dos concellos de Camariñas e Mos, e xunto coa Deputación de Pontevedra. A insignia de ouro recaeu en Jorge Valcárcel, polo seu labor tanto como xogador, técnico e federativo durante case cincuenta anos. Na imaxe pode observarse un momento da cerimonia.

Compartir: