Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Padroado Deportivo Municipal ten incrementado nun 44 por cento os seus ingresos entre 2009 e 2010

O NIVEL DE AUTOFINANCIAMENTO DO ORGANISMO É DUN 52 POR CENTO

O Padroado Deportivo Municipal ten incrementado nun 44 por cento os seus ingresos entre 2009 e 2010

Venres 28 de xaneiro do 2011

O Padroado Deportivo Municipal acadou ao longo do ano 2010 un 52 por cento de nivel de autofinanciamento, superando as propias expectativas do organismo nun 10 por cento e deixando contas cun saldo positivo. É unha das conclusións do balance de actividade do pasado ano, presentado polo Alcalde, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; e o Xerente do organismo, Francisco García Bello. No que respecta ás contas, Trigo explica que os obxectivos foron amplamente superados, chegando a incrementarse nun 43,8 por cento os ingresos propios entre 2009 e 2010, pasándose dunha achega a través de taxas, prezos públicos e outros ingresos de 271.448,13 euros en 2009 a 483.778,02 en 2010, co correspondente descenso na achega do Concello. O Concelleiro de Deporte considera que este balance positivo débese á apertura a principios do pasado ano da piscina Vila de Noia, ademais de á posta en marcha da sala de fitness na piscina Carballo Calero, o que unido ao incremento dos servizos e á creación de novas actividades (natación para embarazadas, aquagym, etc.) "contribuíu á evolución no autofinanciamento e á suba no número de abonos", que a día de hoxe son 1.992. Así mesmo, o Alcalde subliña a evolución positiva no apartado de ingresos, xa que "por cada euro que se ingresaba no Padroado no ano 2003 agora ingresamos 16", nun crecemento que define como "espectacular" nos últimos sete anos.

O pleno aborda o nomeamento dunha glorieta dedicada aos bombeiros voluntarios e adapta ao IPC as taxas de augas

A CONCELLEIRA DE FACENDA RENUNCIA Á DEDICACIÓN PARCIAL

O pleno aborda o nomeamento dunha glorieta dedicada aos bombeiros voluntarios e adapta ao IPC as taxas de augas

Venres 28 de xaneiro do 2011

A sesión plenaria ordinaria do mes de xaneiro aborda a actualización ao IPC das taxas finscais 10 e 17 referentes á prestación do servizo da rede de sumidoiros e depuración de augas residuais e á taxa polo subministro de auga potable. Esta operación realízase a principio de cada ano e, a pesares de que o ano pasado supuxo unha baixa porque o IPC foi negativo, este ano o IPC é positivo, e así se reflectirá nas taxas. No apartado de mocións, o pleno abordará o nomeamento dunha glorieta dedicada aos bombeiros voluntarios. O PP propón que se denomine así a rotonda dsituada entre a Avenida Ponte da Pedra e a Rúa Baixa, que contén a escultura "Peixe", cedida por Manuel Facal. Porén, o Goberno considera que existen outras glorietas, máis próximas incluso ao Parque de Bombeiros, que poderían contar con ese nome. En todo caso, está previsto que o pleno aprobe a dedicatoria, independentemente da glorieta que se elixa. A sesión tamén aborda asuntos de persoal, como unha modificación á Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Carballo, coa creación de catro novos códigos relativos á Policía Local; ou un regulamento de recoñecemento e aplicación da situación administrativa de segunda actividade, tamén para o colectivo da Policía Local de Carballo.

O Telecentro xa conta cun PC adaptado para persoas con discapacidade visual, auditiva, cognitiva ou motriz

A INICIATIVA FORMA PARTE DO PROGRAMA TIC TAC ADAPTA

O Telecentro xa conta cun PC adaptado para persoas con discapacidade visual, auditiva, cognitiva ou motriz

Xoves 27 de xaneiro do 2011

O Telecentro de comunicación situado no primeiro andar do Pazo da Cultura de Carballo conta dende esta semana cun PC adaptado para persoas discapacitadas, un equipo instalado preto da entrada da aula aberta -a carón da rampla de acceso para discapacitados- e que pode ser empregado por persoas con problemas na súa capacidade visual -coa colocación dun teclado e un rato de gran tamaño-, auditiva, cognitiva ou motriz -cun rato que pode ser manexado co queixo. A instalación deste PC é unha acción incluída dentro do programa Tic Tac Adapta do Goberno de España, unha iniciativa de referencia en tecnoloxías de apoio para a autonomía persoal, facendo accesibles os sistemas, dispositivos, aplicacións e plataformas web. O obxectivo é facilitar que calquera persoa poida beneficiarse das vantaxes que ofrecen as novas tenoloxías da comunicación e da información para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Hai que lembrar, así mesmo, que o edificio do Pazo da Cultura está adaptado para persoas con discapacidade, xa que conta con ramplas, ascensores, elevador nas escaleiras, etc. Os interesados e interesadas xa poden pasar pola aula aberta do Telecentro para empregar este novo dispositivo, que tenta achegar as novas tecnoloxías ao maior abano de persoas posible. O horario é pola mañá de luns a venres de 10.30 a 14.00 horas e pola tarde de luns a xoves de 16.30 a 20.00 horas.

Teatro do Morcego presenta nos Venres Culturais o seu último espectáculo: "A Nona"

VENRES 28 DE XANEIRO ÁS 21.00 HORAS

Teatro do Morcego presenta nos Venres Culturais o seu último espectáculo: "A Nona"

Mércores 26 de xaneiro do 2011

A programación dos Venres Culturais continúa o venres 28 de xaneiro na súa segunda semana cunha obra teatral para adultos da compañía galega Teatro do Morcego, que regresa ao Auditorio carballés para presentar o seu último espectáculo "A Nona". Conta a historia dunha familia arxentina de orixe italiana, na que a avoa, a Nona, enfróntase a súa propia proxenie xa que din que come sen parar mentres eles camiñan cara á ruína. A procura de diñeiro fácil nun momento de desesperación, fará que a familia busque solucións drásticas para rematar co seu problema, como rematar coa propia avoa, pero todo parece volverse na súa contra. Este é o delirante argumento da exitosa comedia escrita polo gran dramaturgo arxentino Roberto Cossa, que fará que os espectadores se divirtan coas sorprendentes situacións dos personaxes. Teatro do Morcego, a compañía dirixida por Celso Parada, conta con máis de vinte anos de traxectoria e é unha compañía ben coñecida do público carballés, que gozou das súas numerosas producións que abarcan tanto o teatro para adultos como o infantil e numerosos xéneros. Esta función comeza ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. O prezo da entrada é de 3,5 €, de 2,5 € o prezo reducido.

A nova estación depuradora de augas de Baldaio estará operativa a partires do segundo trimestre do ano

O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE VISITOU AS OBRAS

A nova estación depuradora de augas de Baldaio estará operativa a partires do segundo trimestre do ano

Venres 21 de xaneiro do 2011

A nova Estación Depuradora de Augas Residuais de Baldaio (EDAR) situada en Rebordelos e preparada para dar servizo a 2.000 habitantes estará en marcha no segundo trimestre do ano, probablemente no mes de maio. Así quedou constatado nunha visita do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández Fernández de Rojas, que vén de revisar as obras, que contan cun orzamento de máis de 2,8 millóns de euros. Con esta nova EDAR darase servizo aos núcleos de Castro, Igresario, Sambade, Rebordelos, Pedra do Sal, Imende, Casadelas, Noicela e O Rapadoiro. Agustín Hernández quixo subliñar a importancia deste proxecto, que vai conseguir que as verteduras que até o de agora recaían na Lagoa de Baldaio sexan tratadas na EDAR. "Este servizo vai mellorar a depuración nunha lagoa que está incluída na Rede Natura", explicou, engadindo que tamén será necesario colaborar para o "mantemento e conservación" da EDAR no futuro. O Conselleiro estivo acompañado durante a visita, ademais de polos técnicos e operarios de Espina y Delfín, empresa encargada dos traballos, polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; polo Tenente de Alcalde e Concelleiro de Medio Ambiente, José Antonio Viña; e por numerosos membros da corporación.

O teatro abre o programa dos Venres Culturais coa compañía Obras Públicas e "Life is a paripé"

VENRES 21 DE XANEIRO ÁS 21.00 HORAS

O teatro abre o programa dos Venres Culturais coa compañía Obras Públicas e "Life is a paripé"

Mércores 19 de xaneiro do 2011

O teatro da compañía santiaguesa Obras Públicas abre as propostas de sala do programa dos Venres Culturais con "Life is a paripé", unha aposta por 75 minutos de humor, dividida entre once escenas e pico, multiplicada por dous intérpretes masculinos, sumados a unha intérprete feminina que dá como resultado: 33 por cento de música, 33 por cento de teatro e 33 por cento de cachondeo, co resultado de 100 por cento paripé. Obras Públicas é unha compañía nova integrada por intérpretes ben coñecidos nos escenarios galegos, como son César Goldi, Mos e Iolanda Muíños, e dirixida polo gañador de dous premios Max, José Prieto. O espectáculo propón un novo xénero de teatro, o paripé, no que rescatan dos bares a parodia e o humor para traelos de volta aos teatros. Un convite á reflexión sobre o que somos e o que aparentamos ser. A cita é o venres 21 de xaneiro a partires das 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. O prezo é de 3,5 euros, 2,5 con desconto especial para estudantes con carné de estudante, maiores de 65 anos e menores de 12 anos.

O Concello lembra as condicións para instalar terrazas de hostalería con motivo da Lei Antitabaco

HABERÁ INSPECCIÓNS PARA FACER CUMPRIR A ORDENANZA

O Concello lembra as condicións para instalar terrazas de hostalería con motivo da Lei Antitabaco

Luns 17 de xaneiro do 2011

O Concello de Carballo informa aos hostaleiros e hostaleiras da vila que é posible a instalación de terrazas nos locais todo o ano, e non só nos meses de verán. O motivo deste aviso é a recente implantación da Lei Antitabaco, que impide que os veciños e veciñas fumen no interior dos locais hostaleiros, pero que permite aos fumadores e fumadoras facelo nas terrazas dos establecementos, o que pode favorecer a proliferación destes espazos. A Ordenanza Xeral de Ocupacion do Dominio Público Local con Terrazas de Hostalería estipula as condicións necesarias, que inclúen a presentación dunha solicitude previa, así como o número de mesas por metro cadrado, os límites da ocupación, que non debe impedir o tránsito dos peóns polas beirarrúas, etc. O Concello lembra que non é posible colocar una terraza sen ter a autorización correspondente, e informa que está previsto realizar unha inspección para comprobar que se cumplen as condicións recollidas na Ordenanza, adaptando as terrazas á normativa vixente. Os interesados e interesadas en consultar as condicións da ordenanza, poden facelo premendo aquí.

Un total de 15 espectáculos de música e teatro e catro exposicións conforman o programa dos Venres Culturais 2011

ENTRE O 14 DE XANEIRO E O 17 DE ABRIL

Un total de 15 espectáculos de música e teatro e catro exposicións conforman o programa dos Venres Culturais 2011

Venres 14 de xaneiro do 2011

Teatro, música, exposicións e actividades para os máis cativos e cativas conforman o programa dos Venres Culturais 2011, que aglutina un total de 15 espectáculos e catro mostras que terán o seu espazo no Pazo da Cultura carballés. Trátase de propostas seleccionadas pola súa calidade, segundo explica a Concelleira de Cultura Belén Lendoiro, pero tamén mantendo unha aposta por artistas emerxentes e sempre coa colaboración de grupos e artistas carballeses. Durante os Venres Culturais, que se desenvolven entre o 14 de xaneiro e o 17 de abril visitan por primeira vez a vila compañías como Obras Públicas, EME2, O retrete de Dorian Gray ou Ghazafelhos, pero tamén hai espazo para veteranos no Auditorio do Pazo da Cultura como Talía Teatro, Teatro do Atlántico, Elefante Elegante ou Teatro de Ningures. A Concellaría de Cultura pon á venda dende o venres 14 de xaneiro os bonos para os espectáculos, que estarán divididos entre un Bono de Teatro de 15 euros e un Bono En Familia -para os espectáculos infantís- de 8 euros. No primeiro caso a maioría das citas son os venres as 21.00 horas e no segundo os domingos ás 18.00 horas. Máis información sobre a venda de bonos e entradas no teléfono 981 704 300 e aquí.

A exposición "Irmáns Mayo. A Guerra Civil española" pode visitarse no Pazo da Cultura até o domingo 23 de xaneiro

DE 18.00 A 21.00 HORAS NA BAIXOCUBERTA DO PAZO DA CULTURA

A exposición "Irmáns Mayo. A Guerra Civil española" pode visitarse no Pazo da Cultura até o domingo 23 de xaneiro

Venres 14 de xaneiro do 2011

A sala da baixocuberta do terceiro andar do Pazo da Cultura acolle até o domingo 23 de xaneiro a exposición "Irmáns Mayo. A Guerra Civil española", organizada pola Deputación provincial coa colaboración do Concello de Carballo e do Ministerio de Cultura. Trátase de preto de cen fotografías, das que en Carballo pode observarse unha escolma de 50, captadas durante a Guerra Civil (1936-1939) e coas súas cámaras Leika, polos cinco representante do colectivo Irmáns Mayo, que durante máis de sete décadas permaneceron dos arquivos da Biblioteca Nacional e que saen agora á luz por vez primeira. Son imaxes en branco e negro dos combatentes da 43 División, dos presos republicanos no cárcere de Carabanchel, das trincheiras do Ebro, da fronte de Guadalaxara e de Madrid, así como fotografías que reflicten a realidade social dun país en guerra. O comisario da exposición, o fotógrafo Xurxo Lobato, asegura que as fotografías constitúen "imaxes da dignidade". A mostra pode visitarse en horario de 18.00 a 21.00 horas e conta cun catálogo que pode ser consultado polos visitantes no que se relatan máis detalles sobre a exposición.

Aberto o prazo para participar na II Ruta do Pincho de Inverno, que ten lugar entre o 29 de xaneiro e o 6 de marzo

INSCRICIÓNS ANTES DAS 20.00 HORAS DO 18 DE XANEIRO

Aberto o prazo para participar na II Ruta do Pincho de Inverno, que ten lugar entre o 29 de xaneiro e o 6 de marzo

Mércores 5 de xaneiro do 2011

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín, convoca aos locais hostaleiros a participar na II Ruta do Pincho de Inverno, co obxecto de promocionar os establecementos do núcleo urbano, así como os produtos típicos da zona. Poderán participar todos aqueles establecementos, restaurantes e bares situados na capital municipal carballesa. A ruta terá lugar os sábados e domingos, entre os días 29 de xaneiro e 3 de marzo de 2011, en horario de xantar e cea. Os establecementos interesados deberán presentar a súa solicitude na Oficina de Información Turística situada no Museo de Bergantiños antes das 20.00 horas do día 18 de xaneiro de 2011. Os establecementos servirán as tapas de xeito gratuíto con cada consumición e nesta ocasión engádese unha novidade, que é que as fins de semana de marzo os pinchos estarán dedicados á temática do Antroido. Así mesmo, cada establecemento colaborador presentará un pincho distinto cada día de celebración do evento, que deberá anunciarse no local. Os interesados e interesadas en consultar as bases ou en descargar a solicitude, poden facelo en pdf nesta mesma nova.

O Concello ten atendido máis de 4.200 avisos veciñais nos últimos tres anos, a maioría referentes ao alumeado

MÁIS DE 1500 PRODUCÍRONSE NO ANO 2010

O Concello ten atendido máis de 4.200 avisos veciñais nos últimos tres anos, a maioría referentes ao alumeado

Mércores 5 de xaneiro do 2011

O Concello de Carballo ten recibido e atendido nos últimos tres anos, entre 2008 e 2010, un total de 4.241 avisos acerca de demandas cidadáns dos veciños e veciñas para realizar servizos de mantemento e arranxos en todo o territorio municipal. Desta cantidade, un total de 1.545 téñense rexistrado ao longo de 2010, o que supón un incremento dun 8,8 por cento respecto de 2009 -con 137 máis-, cando se rexistraron 1.408. De feito, nos últimos anos as peticións non deixaron de medrar, con 1.303 en 2008, 1.408 en 2009 e 1.545 o ano pasado. A Brigada de Obras é a encargada de xestionar as peticións e solucionar as posibles avarías, que na súa maioría, nun 52,8 por cento nos últimos tres anos, refírense a reparacións e a cambio de focos no alumeado público. Ademais, os veciños e veciñas poden denunciar as deficiencias ou demandar os arranxos que consideren oportunos en materias como o programa Carballo Limpo -recollida selectiva de lixo, punto limpo, recollida de carton, etc.-, a limpeza de espazos públicos, a reparación de mobiliario urbano, o mantemento de edificios e instalacións deportivas, problemas cos servizos de auga, luz, recollida de lixo ou saneamentos ou a reparación e substitución de sinais de tráfico e indicadores ou arranxo de baches. Calquera cidadán pode formalizar as súas peticións a través do número de teléfono 981 704 700 ou ben no correo electrónico <infocarballo@carballo.org>.

Os Reis Magos percorren Carballo na tradicional cabalgata e reciben as peticións dos cativos e cativas

MÉRCORES 5 DE XANEIRO A PARTIRES DAS 17.30 HORAS

Os Reis Magos percorren Carballo na tradicional cabalgata e reciben as peticións dos cativos e cativas

Mércores 5 de xaneiro do 2011

O Concello de Carballo e a Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude organizan a tradicional Cabalgata de Reis do Concello de Carballo, que este ano conta tamén coa colaboración do Centro Comercial Bergantiños-Haley, co reparto de caramelos e agasallos entre os asistentes. O itinerario inclúe a chegada dos Reis Magos ás 17.15 horas ao CCB-Haley, de onde está previsto que as súas Maxestades saian ás 17.30 horas. Despois dun percorrido polas principais rúas do centro da vila, os reis Magos dirixiranse á carpa situada na Praza do Concello, onde recibirán aos cativos e cativas que queiran falar con eles ou entregarlle persoalmente as súas cartas. A chegada á Praza do Concello está prevista para as 19.30 ou 20.00 horas, aproximadamente. Tampouco hai que esquecer que os Reis Magos teñen previsto visitar as parroquias carballesas, xa que o mércores 5 están en Berdillo, Baldaio, Sísamo, Vilela, Oza, Entrecruces e Bértoa, mentres que o xoves 6 visitan Sofán, Razo e Cances. Estas cabalgatas están organizadas polas asociacións de cada parroquia e seguen os itinerarios de anos anteriores.

Compartir: