O ORZAMENTO DO PEIM ROLDA OS 90.000 EUROS
Sábado 12 de febreiro do 2011
O Concello de Carballo está executando nestes momentos varios traballos de mellora de pistas e camiños no medio rural do municipio, segundo informa o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas. En concreto, está en marcha, coa colaboración da Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, a mellora da pista forestal de Guitoi á Contía, na parroquia de Sofán; e está a piques de comezar, tan pronto as condicións meteorolóxicas o permitan, a mellora do camiño de Castrillón a Agramaior (pista das Fragas), na parroquia de Lema. A empresa encargada da realización destes traballos é Construcciones Alejandro Martínez e Hijos SL e o prazo de execución establecido é de tres meses dende a sinatura da acta de replantexamento. Estes proxectos están incluídos no PEIM 2009/2010 (Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural) para o Concello de Carballo, que ten un importe total de 89.552,39 euros e que tamén supuxo a execución da mellora do camiño de Picoto a Ponte de Quintela na parroquia de Artes (na imaxe) e a mellora do camiño de O Aseñado a Fonte do Cobo na parroquia de Berdillo, cun total de catro actuacións no PEIM. Estes camiños presentaban un firme en condicións deficientes para o tránsito debido ao deterioro da capa de rodadura, co conseguinte prexuicio para os usuarios e usuarias. O obxectivo é incrementar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas.
ATENDÉRONSE 323 EMERXENCIAS E HOUBO 151 DELICTOS
Venres 11 de febreiro do 2011
Os índices de seguridade cidadá do ano 2010 indican que a evolución continúa a ser favorable e que, aínda que "todo se pode mellorar", segundo subliña o Alcalde, Evencio Ferrero, e "hai que seguir traballando", os datos de delincuencia manteñen unha tendencia estable e incluso á baixa nalgún casos. O mesmo ocorre no referente á seguridade viaria e accidentes de tráfico, que segundo tamén explica o propio Alcalde presentan "cifras moi razoables" tendo en conta a poboación e o nivel de circulación de Carballo. O Concelleiro de Seguridade e Tráfico, Benedito Viña, realiza un balance positivo, no só polas cifras senón especialmente porque a grande maioría dos roubos e furtos denunciados foron esclarecidos e remataron coa posta a disposición xudicial dos culpables. Así se plasmou na presentación do balance de seguridade do pasado ano, no que se achegaron datos como que o Grupo Municipal de Intervención Rápida atendeu 323 emerxencias e realizou 2.459 intervencións en 2010, e que, segundo o informe da Policía Local, rexistráronse 151 incidencias relacionadas con delictos, furtos e danos e 193 accidentes de tráfico, ningún con vítimas mortais. No que respecta ao servizo de Salvamento e Socorrismo de Carballo, nas 8 zonas de baño habilitadas en Razo, Pedra do Sal e As Saíñas, os tres areais con Bandeira Azul, rexistráronse sete salvamentos na tempada de praias, así como 583 atencións nos cinco Botiquíns habilitados.
VENRES 11 DE FEBREIRO ÁS 21.00 HORAS
Mércores 9 de febreiro do 2011
Esta fin de semana o programa dos Venres Culturais céntranse exclusivamente no teatro, neste caso da man da compañía compostelana EME2, Emoción&Arte. Presentan o traballo "Sexo? Por que non?", no que a actriz Mercedes Castro cobra todo o protagonismo, subindo soa ao escenario para interpretar os preto de vinte personaxes que desenvolven esta historia, baseada nunha obra de enorme éxito en Italia, escrita por Darío Fo, Franca Rame e Jacopo Fo. Por que case nunca falamos de sexo? Por que, se o facemos, sempre o tomamos desde os complexos e os estereotipos? Fuxindo do bombardeo pornográfico, do tópico e do chiste fácil, "Sexo? Por que non?" é unha comedia trepidante e reflexiva na que desde Adán e Eva ata os nosos días se mostran situacións cotiás arredor do encontro carnal. Unha cita humorística para rachar os tópicos e os tabús. A cita é o venres 11 de febreiro a partires das 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. O espectáculo está dirixido por Álvaro Lavín, fundador de Teatro Meridional, e a adaptación está realizada por Sandra Romarís, Emilio Cao, Xocas López e Julio Salvatierra. O espectáculo dura 60 minutos e o prezo da entrada de 3,5 euros, 2,5 con desconto.
UNHA VEZ FEITAS AS BEIRARRÚAS, ACONDICIONARASE O FIRME DA VÍA
Martes 8 de febreiro do 2011
O Concello informa de que veñen de comezar esta semana os traballos para mellorar a seguridade vial e crear beirarrúas en Taboada, parroquia de Entrecruces, unha actuación incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal e da rede viaria local do ano 2010 (POS 2010). A empresa Construcciones Alejandro Martínez e Hijos é a encargada de levar a cabo este proxecto, que ten un prazo de execución de tres meses. Porén, o Concelleiro de Obras, Luís Lamas, explica que está previsto que os traballos poidan estar rematados antes. O orzamento de adxudicación é de 36.620,44 euros, cunha baixa de preto de catro mil euros sobre o orzamento de licitación, de 40.376,57 euros. Estes traballos dan resposta a unha demanda dos veciños e veciñas de Entecruces, que solicitan que se reduza a perigosidade na marxe dereita da ponte, onde se teñen rexistrado accidentes de circulación debido á curva que se forma. Así mesmo, o Concello informa de que xa hai un acordo coa Deputación da Coruña para que, unha vez creadas as beirarrúas e rematadas as obras, se proceda ao acondicionamento do firme da vía. Por último, o Concello pide a colaboración dos veciños e veciñas e dos usuarios e usuarias da estrada mentres duren os traballos e pide desculpas, así mesmo, polas posibles molestias e retencións ocasionadas.
A CITA É O XOVES 10 DE FEBREIRO
Martes 8 de febreiro do 2011
Os días 8, 9, 10 e 11 de febreiro un grupo de xornalistas especializados en viaxes e gastronomía de distintos medios de comunicación asistirán ao FamPress organizado por APTCM en colaboración coa Deputación da Coruña e a Revista Hostalería Galega e Turismo. Os FamPres son xuntanzas nas que se ofrece a un grupo de xornalistas unha combinación de actividades de lecer e profesionais para que coñezan de primeira man as actividades ou produtos dunha empresa, un novo destino turístico ou unha nova infraestrutura. Neste caso, os invitados e invitadas terán a posibilidade de coñecer algúns dos principais recursos turísticos do noso territorio como o Castro de Borneiro, o Forno do Forte, o Castelo de Vimianzo, o Santuario da Virxe da Barca ou o Faro de Fisterra. Pero ademais, tamén poderán comprobar o altísimo nivel da nosa gastronomía e calidade dos establecementos hostaleiros. No caso de Carballo, o día da visita é o xoves 10 de febreiro, xornada na que poderán desfrutar da gastronomía local ceando nun dos principais establecementos hostaleiros da capital municipal. Haberá xornalistas chegados dende Madrid, País Vasco, Canarias ou Portugal, que poderán observar de primeira man o mellor da vila e das súas propostas culinarias.
REXÍSTRASE UN DESCENSO DUN 33 POR CENTO RESPECTO DE 2010
Luns 7 de febreiro do 2011
O ano 2011 ten comezado cun total de 124 demandas de arranxos e melloras de veciños e veciñas que teñen sido atendidas pola Brigada de Obras, que xestiona este tipo de avisos. Esta cifra, rexistrada en xaneiro, supón un descenso dun 33 por cento respecto do mesmo mes de 2010, en que se rexistraron 186 peticións. En 2009 tíñanse rexistrado 141 e en 2008, 128, polo que se rompe neste principio de ano a tendencia á suba dos últimos tres períodos. Como vén sendo habitual, xa que o Concello de Carballo conta en todo o territorio municipal con más de 8.000 puntos de luz, a maioría dos avisos refírense ao alumeado público, con 91 peticións. Os veciños e veciñas poden denunciar as deficiencias ou demandar os arranxos que consideren oportunos en materias como o programa Carballo Limpo -recollida selectiva de lixo, punto limpo, recollida de cartón, etc.-, a limpeza de espazos públicos, a reparación de mobiliario urbano, o mantemento de edificios e instalacións deportivas, problemas cos servizos de auga, luz, recollida de lixo ou saneamentos ou a reparación e substitución de sinais de tráfico e indicadores ou arranxo de baches. Calquera cidadán pode formalizar as súas peticións a través do número de teléfono 981 704 700 ou ben no correo electrónico <infocarballo@carballo.org>.
A EXPOSICIÓN: NO PAZO DA CULTURA ATÉ O 28 DE FEBREIRO
Venres 4 de febreiro do 2011
Carballo vén de acoller a entrega de premios e a inauguración da exposición da IX Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, un certame que premia a catro obras dunha selección de 30 realizadas por artistas galegos e do Norte de Portugal que forman unha exposición itinerante. Carballo é a primeira das vilas do Eixo que acolle esta mostra até o 28 de febreiro, pero percorrerá todas as cidades que forman parte da institución entre 2011 e 2012, pasando por lugares como Porto, Braga, Santiago de Compostela, Ourense ou Barcelos. O Pazo da Cultura acolleu a creadores e autoridades de Galicia e do Norte de Portugal nun acto no que o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, subliñou a necesidade de traballar "todos xuntos, man con man", promovendo "a cultura e os elementos novidosos e emerxentes" para que "a nosa Eurorrexión sobreviva e teña ferramentas para saír da crise". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recolleu o testemuño de Vázquez Mao, subliñando os puntos en común "históricos, culturais, económicos, sociais e lingüísticos" entre Galicia e o Norte de Portugal que deben ser compartidos para "darlle pulo" a todas as cidades que conforman o Eixo Atlántico.
VENRES 4 ÁS 21.00 HORAS E DOMINGO 6 ÁS 18.00 HORAS
Xoves 3 de febreiro do 2011
O mes de febreiro estréase con novas actividades dos Venres Culturais, neste caso con música chegada dende as Illas Británicas e con orixinais monicreques galegos. O venres 4 de febreiro ás 21.00 horas é a quenda das notas do irlandés Duncan Maitland, que presenta o seu último disco "Lullabies for the 21st century" ("Cantos de berce para o século XXI"). Duncan Maitland é un músico irlandés de extensa traxectoria que liderou grupos como The Flood ou Picture House nos anos oitenta e noventa. Nestes momentos está presentando en España o seu primeiro traballo en solitario, "Lullabies For the 21st Century", cheo de sons psicodélicos que lembran tanto aos Beatles desa época, como a XTC, banda coa que ten colaborado. O domingo 6 de febreiro ás 18.00 horas tócalle á compañía O retrete de Dorian Gray que presentará "Rúa Aire" no ciclo En Familia. Este espectáculo é a primeira peza do mundo feita con marionetas de globos. Un puñado de globos emperrados en vivir que se ven envoltos en aventuras intrépidas con malvadas tesoiras de ideas fixas, bombíns con patas e o vento que chama á porta. Un espectáculo para todos os públicos. As dúas citas son no auditorio do Pazo da Cultura. O prezo para Duncan Maitland é de 3 €, 2 € con desconto; e para os lugueses "O retrato de Dorian Gray" é de 2,5 €, 2€ con desconto.
XOVES 3 DE FEBREIRO ÁS 19.00 HORAS
Mércores 2 de febreiro do 2011
Carballo, que dende xaneiro de 2008 forma parte do Eixo Atlántico, acolle por primeira vez o acto de inauguración e entrega de premios da IX Bienal de Pintura 2011-2012, Premio Eixo Atlántico, que ten lugar o xoves 3 de febreiro ás 19.00 horas no Pazo da Cultura. Ao acto asisten representantes do Instituto Portugués de Juventude e da Fundaçao da Juventude, a Subdiretora da Direción Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, o Presidente do Xurado, Xosé Luís Otero, o Secretario do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, así como os gañadores desta edición, aos que se fará entrega dos premios. Este certame de pintura ten como obxectivo estimular e impulsar a creación artística, ao tempo que fai posible o intercambio cultural e a descuberta de artistas galegos e portugueses, dende hai nove edicións. A mostra consta de 30 obras selecionadas polos membros do xurado, entre as que se atopan os premiados: 1º premio á Mellor obra do certame, "Camiño", de Montserrat Frieiro Dantas; 2º premio á Mellor obra galega, "Chevy. Momento de reflexión" de Joseba Muruzábal Pérez; 2º premio á Mellor obra portuguesa, "20 Cabeças" de Miguel Vasconcelos; 1º premio Novos talentos luso-galaicos, "Manadas paseando nun centro comercial" de Raquel Iglesias Gándara.
O CONCELLO PIDE QUE SE RESTABLEZA O SERVIZO DE AMBULANCIAS
Martes 1 de febreiro do 2011
A corporación vén de aprobar por unanimidade na sesión plenaria ordinaria do mes de xaneiro que a rotonda que está situada no cruce entre a rúa Perú e a Avenida Ponte da Pedra, e que contén a escultura "Peixe", cedida polo artista carballés Manuel Facal, pase a denominarse "Glorieta dos Bombeiros Voluntarios". Todos os concelleiros apoiaron esta proposta, presentada polo PP, co obxecto de realizar un recoñecemento público do labor e do servizo prestado por todas aquelas persoas que teñen formado parte do corpo de bombeiros voluntarios de Carballo. Tamén por unanimidade saíu adiante a actualización ao IPC das taxas fiscais 10 e 17 referentes á prestación do servizo da rede de sumidoiros e depuración de augas residuais e á taxa polo subministro de auga potable. Esta operación realízase a principio de cada ano e, a pesares de que o ano pasado supuxo unha baixa porque o IPC foi negativo, este ano o IPC é positivo, e así se reflectirá nas taxas en 2011.
EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN PARA O SUBMINISTRO DE GASÓLEO
Luns 31 de xaneiro do 2011
A Xunta de Goberno Local en sesión ordinaria vén de aprobar a adhesión a un "Convenio de Colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para o desenvolvemento da administración electrónica nas entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia". Este acordo inclúe o compromiso entre as partes asinantes para impulsar, entre outros obxectivos, o deseño de plataformas de administración electrónica para a súa implantación; promover a utilización desas plataformas; fomentar a creación dun marco galego de interoperabilidade; impulsar as políticas de seguridade da información no seo das administracións públicas de Galicia; impulsar o uso e desenvolvemento da sinatura electrónica; contribuír ao despregamento das redes administrativas de comunicacións electrónicas entre as administracións públicas de Galicia; fomentar a participación electrónica da cidadanía; ou realizar actividades de formación, información, publicidade e comunicación en materia de administración electrónica. Así mesmo, saíu adiante a adhesión a un "Convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a realización de programas de protección e promoción de saúde".
APROBADO O PLAN ESPECIAL DE DOTACIÓNS PARA O COLEXIO ARTAI
Luns 31 de xaneiro do 2011
A corporación municipal vén de aprobar por unanimidade a concesión dunha bonificación no ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras) a tres empresas con proxectos para desenvolver no Parque Empresarial de Carballo. As solicitantes da bonificación son Productos Químicos Bergantiños (Proquiber), a construtora Revestimientos Rama SL e a compañía de adaptación de vehículos para discapacitados Transformaciones Bergantiños SL, que contan con proxectos que teñen un custo de investimento total que supera os 200.000, 300.000 e 400.000 euros, dependendo do caso. Para poder acadar unha redución dun 95 por cento no ICIO deben acreditar a empregabilidade dunha persoa de Carballo por un período de alomenos dous anos. Este trámite prodúcese unha vez cubertos por parte de Xestur Coruña, entidade responsable do desenvolvemento do parque carballés, os trámites para sacar adiante o proxecto sectorial e escriturar as parcelas. Así, Concello e empresarios están agora xestionando os proxectos das naves que serán sede das novas iniciativas empresariais. Hai que lembrar que durante o ano 2011 rexistráronse seis solicitudes de licenzas de obra para a construción de outras tantas naves na ampliación do Parque Empresarial de Bértoa. Destas seis peticións, unha delas xa foi concedida a unha empresa construtora na primeira sesión da Xunta de Goberno Local celebrada en 2012.