Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Un centenar de veciños e veciñas e membros da corporación arroupan a reapertura do renovado Centro Social da Brea

AS PARROQUIAS XA CONTAN CUNHA REDE DE SEIS LOCAIS SOCIAIS

Un centenar de veciños e veciñas e membros da corporación arroupan a reapertura do renovado Centro Social da Brea

Venres 25 de febreiro do 2011

Os veciños e veciñas da Brea xa poden desfrutar dun lugar "onde reunirse, desfrutar e aprender", coa tarefa, a partires de agora de "construír día a día un espazo común". Así o expresou a presidenta da Asociación Mestra Carmen Cancela durante o acto de reapertura do novo Centro Social da Brea. Esta entidade será unha das encargadas de darlle vida a este local remodelado con achegas de fondos estatais a través do Ministerio de Política Territorial. As novas instalacións xorden tralo acondicionamento dunha antiga escola unitaria e co traballo da empresa Generoso Angeriz sobre un orzamento duns 37.000 euros, nun proxecto de Jesús Mallo, no que se ampliaron algunhas estancias coa retirada de tabiques, no que se acondicionou a cociña, instaláronse novas portas, fiestras e persianas así como un novo chan e servizos hixiénicos, ademais de realizarse o pintado e mellora da faciana do edificio. Así mesmo, substituíuse a instalación eléctrica e de fontanería e calefacción e limpouse o entorno do novo centro social. Con este edificio complétase unha rede de seis centros e locais sociais en Berdillo, Sofán, Imende, Oza e Cances, ademais da Brea, postos en marcha nos últimos tres anos grazas ás achegas e á colaboración do Concello con outras administracións.

O Concello pecha o ano 2010 cunha tesourería de máis de cinco millóns de euros e un remanente de 2,7 millóns

A CONTA DE RECADACIÓN DE 2010 É DE 7,6 MILLÓNS DE EUROS

O Concello pecha o ano 2010 cunha tesourería de máis de cinco millóns de euros e un remanente de 2,7 millóns

Venres 25 de febreiro do 2011

O Concello de Carballo dá conta na sesión plenaria ordinaria do mes de febreiro da liquidación do orzamento do ano 2010, na que se recollen parámetros económicos sobre a xestión financeira do pasado exercicio. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, "Carballo pechou o ano, a 31 de decembro de 2010, cunha tesourería de 5.132.735,38 céntimos". O resultado orzamentario dese período é de 2.199.465 euros en positivo; o remanente de tesourería, de 2.733.610,71 euros; e o remanente de tesourería para gastos xerais, de 51.178,81 euros. Por último, a débeda municipal, ao peche de 2010, é dun 27,52 por cento, tendo sido en períodos anteriores, como hai dez anos, ao remate de 2001, dun 46,29 por cento. O rexedor e o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, tamén fixeron a comparación con 2009, cando o resultado orzamentario foi de 800.269 euros; o remanente de tesourería de 442.000; o remanente de tesourería para gastos xerais de 54.500 euros; e a tesourería en todas as contas do Concello de 2.611.953,01 euros, rexistrándose un incremento de 2.520.782,31 euros en 2010. O Alcalde quere subliñar a boa saúde económica de Carballo, "que para si a quixeran moitos concellos e incluso administracións autonómicas".

O Concurso e desfile de disfraces, o Enterro da Sardiña, obradoiros, bailes e charangas, protagonistas do Antroido 2011

REPARTIRANSE PRETO DE 7.000 EUROS EN PREMIOS E SUBVENCIÓNS

O Concurso e desfile de disfraces, o Enterro da Sardiña, obradoiros, bailes e charangas, protagonistas do Antroido 2011

Mércores 23 de febreiro do 2011

As tradicionais festas de Antroido disfrazan Carballo un ano máis con comparsas, bailes, desfiles, obradoiros e charangas co obxectivo de que os veciños e veciñas participen nas actividades e desfruten o máximo posible destas datas. A Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, subliña que se trata dun programa "variado e divertido", que se desenvolve entre o venres 4 e o domingo 13 de marzo. O día 4 a apertura do programa realízase coa celebración de Obradoiros de Antroido na Ludoteca Municipal e a actuación da charanga Os Chinchorros polas principais rúas de Carballo. O peche oficial é o martes 8 co tradicional Enterro da Sardiña, aínda que a fin de semana do 12 e 13 de marzo as asociacións do Concello manteñen bailes e actividades antes de liquidar definitivamente a Don Carnal. No entretanto, bailes infantís, bailes de disfraces, percorridos e desfiles de Antroido, sen esquecer o Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas o domingo 6, un ano máis a cita central do Antroido, para a que nestes momentos xa están inscritas 5 carrozas, 6 comparsas e 6 comparsas infantís. Entre o concurso e o enterro da Sardiña repartiranse preto de 7.000 euros entre premios e subvencións para os participantes.

O Concello presenta ante a Dirección Xeral de Sostibilidade as propostas de ordenación do litoral para o PXOM

XUNTANZA EN SANTIAGO CON MANUEL BOROBIO

O Concello presenta ante a Dirección Xeral de Sostibilidade as propostas de ordenación do litoral para o PXOM

Martes 22 de febreiro do 2011

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Tenente de Alcalde e Concelleiro de Urbanismo, José Antonio Viña; o arquitecto municipal, Afredo Garrote; e o responsable do equipo redator da revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), Álvaro Fernández Carballada, veñen de manter unha longa xuntanza de traballo en Santiago co Director Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio. Durante unha reunión de máis de hora e media, expuxéronse as propostas de ordenación costeira nas que está traballando o equipo redator do PXOM e as dúbidas existentes respecto ás interpretacións do Plan de Ordenación do Litoral da Xunta. Segundo sinala José Antonio Viña, Borobio "non descarta" as propostas recollidas ata o momento, aínda que propón que se elaboren aínda con máis detalle para estudalas e colaborar na súa formulación definitiva. O Concelleiro de Urbanismo explica que despois desta xuntanza de traballo, os equipos técnicos e políticos deben estudar a mellor forma de ultimar a ordenación do litoral, que, en todo caso, deberá respectar as Directrices de Ordenación do Territorio -a súa aprobación definitiva vén publicada por decreto no DOG de hoxe-, a normativa do Plan de Ordenación do Litoral (POL), que está previsto que se publique esta semana, e a LOUGA (Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia).

Cinco carballeses maiores de 55 anos participan no pograma "A Solaina" da TVG pola súa relación coas novas tecnoloxías

FORON GAÑADORES DO CONCURSO "MAIORES CON INICIATIVA"

Cinco carballeses maiores de 55 anos participan no pograma "A Solaina" da TVG pola súa relación coas novas tecnoloxías

Luns 21 de febreiro do 2011

Cinco veciños e veciñas do Concello de Carballo maiores de 55 anos participan no programa "A Solaina" da TVG o martes 22 de febreiro a partires das 17.00 horas pola súa implicación coas novas tecnoloxías. Así, grazas ao proxecto 'Bergantiños: pasado e presente', coordinado polo Telecentro de Comunicación do Pazo da Cultura, resultaron, hai arredor dun ano, gañadores do 'II Concurso Maiores cON iniciativa' organizado pola fundación Fundetec e que contou co apoio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. A iniciativa consistiu nun blog elaborado por persoas maiores de 55 anos que reflectiron as súas vivencias, recollendo a historia da comarca filtrada pola súa experiencia. O proxecto foi seleccionado no seu momento entre os tres mellores de toda Galicia, polo que os seus representantes acudiron a Madrid para competir na convocatoria a nivel nacional, aínda que nese concurso non resultaron gañadores. No programa "A Solaina" serán entrevistados para que compartan as súas experiencias cos telespectadores. O Concello de Carballo informa de que o Telecentro de Comunicación do Pazo da Cultura permanecerá pechado o martes 22 pola tarde xa que a súa responsable acompañará aos maiores ata as instalacións da Televisión de Galicia para participar no programa.

Un total de 30 stands, con 27 establecementos comerciais de Carballo, conforman a III Feira das Oportunidades

NO SAN MARTIÑO NA FIN DE SEMANA DO 12 E 13 DE MARZO

Un total de 30 stands, con 27 establecementos comerciais de Carballo, conforman a III Feira das Oportunidades

Venres 18 de febreiro do 2011

O Concello de Carballo e o Centro Comercial Aberto (CCA) coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio da Xunta, organizan a Feira das Oportunidades 2011, na que participan un total de 27 establecementos comerciais do municipio que poñen á venda productos excedentes de tempada, moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés. A Feira, que chega este ano á súa terceira edición consecutiva, celebrarase a fin de semana do 12 e 13 de marzo nunha carpa de 1.200 metros cadrados situada no aparcamento do San Martiño e contará con 30 stands: 27 de comercios do CCA, e outros tres destinados á información e como área de descanso. O horario de apertura é de 10.00 a 21.00 horas de forma ininterrompida. A Feira das Oportunidades é unha iniciativa que naceu "como resposta á crise", segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, e que xa é unha referencia na zona. Moda e zapatería infantil, para home e muller, deportes, tallas grandes, regalos ou mobles son algúns dos elementos que conforman este grande "escaparate", segundo o describiu a Xerente do CCA, María del Carmen Freire, cheo de variedade e "prezos moi rebaixados".

Talía Teatro estrea "Pelos na lingua", un espectáculo "para divertir" que fala dos usos e abusos da lingua galega

EN CARBALLO: VENRES 25 DE FEBREIRO ÁS 21.00 HORAS

Talía Teatro estrea "Pelos na lingua", un espectáculo "para divertir" que fala dos usos e abusos da lingua galega

Venres 18 de febreiro do 2011

"Unha obra feita para todos os públicos a base de sketches de pouca duración", que inclúe numerosos xéneros como "o drama costumbrista", o "thriller de Tarantino", as "varietés" ou "a estricta comedia". Así define Avelino González, director de "Pelos na lingua" este espectáculo de Talía Teatro que se estrea en Carballo o venres 25 de febreiro no marco dos Venres Culturais, e que ten como obxectivo divertir e entreter falando dos usos e abusos que sofre a lingua galega. Artur Trillo, Toño Casais e María Ordóñez son os actores que levan á escea a que podería considerarse como segunda parte de "Bicos con lingua" unha das propostas máis exitosas de Talía que supera as 200 representacións dende a súa estrea en 2003. Segundo explica Artur Trillo, director da compañía, tiveron ganas de "recuncar porque deixara moi bo sabor de boca". Manteñen o mesmo equipo que con "Bicos con lingua", coa novidade da incorporación dunha actriz ao dúo masculino inicial. "Pelos na lingua" contará cunha pre estrea para alumnos de 4º de ESO e Bacharelato dos centros de ensino de Carballo o xoves 24 e o venres 25 de febreiro, antes da presentación ao público en xeral o día 25 ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura.

O grupo carballés Franc3s presenta o seu primeiro disco, "Aislamiento", no marco dos Venres Culturais

TEATRO INFANTIL NO CICLO EN FAMILIA O DOMINGO 20

O grupo carballés Franc3s presenta o seu primeiro disco, "Aislamiento", no marco dos Venres Culturais

Xoves 17 de febreiro do 2011

A programación dos Venres Culturais continúa con dúas propostas ben diferenciadas e destinadas a públicos moi diferentes. O venres 18 de febreiro os espectadores poderán ver o concerto do grupo carballés Franc3s que presenta no auditorio do Pazo da Cultura o seu primeiro disco de longa duración, "Aislamiento". Unha gravación con sons sorprendentes, importantes colaboracións de grupos como Los Planetas, Triángulo de Amor Bizarro, Schwarz e Klaus&Kinski e avalada polas boas críticas coas que os medios especializados deleitan os oídos destes tres galegos. A cita é ás 21.00 horas e o prezo da entrada é de 3 euros, e de 2 euros o prezo reducido. O domingo 20 febreiro é a quenda da compañía Elefante Elegante, que presenta o espectáculo "Tristán cara de can", unha comedia visual e xestual dirixida ao público familiar. Elefante Elegante é unha compañía de raíces galego-portuguesas nacida no ano 2007, que crea espectáculos buscando a fusión de diferentes linguaxes: a danza, o teatro físico, as artes plásticas e as artes visuais. Esta función, de 60 minutos de duración, comeza ás 18.00 horas, o prezo da entrada é de 2,5 euros, e o prezo reducido de 2 euros. A cita é no Pazo da Cultura.

A web do Fórum Carballo nace como unha versión virtual do proxecto para a dinamización e participación cidadá

ACTUARÁ COMO CAMPUS ONLINE E PUNTO DE ENCONTRO FORMATIVO

A web do Fórum Carballo nace como unha versión virtual do proxecto para a dinamización e participación cidadá

Xoves 17 de febreiro do 2011

O Fórum Carballo xa conta cunha páxina web que actuará como unha versión virtual do proxecto, "unha ferramenta para coñecer o proxecto físico do Fórum e que sirva tamén para a participación veciñal", segundo explica o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña. Así, www.forumcarballo.org "é unha nova ferramenta para que cidadáns e empresariado rendibilicen o esforzo que está facendo o Concello cos fondos europeos cos que se constrúe o Fórum", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, subliña que o obxectivo é "facilitar unha formación de calidade para acadar un emprego de calidade" a través da "dinamización das empresas e do emprego, da teleformación e da coordinación das asociacións, institucións e organismos do Concello coa sociedade". Para iso, a nova plataforma conta con espazos interactivos, como Fórum 2.0, no que a cidadanía poderá solucionar as súas dúbidas en contacto directo con expertos; Fórum TV, con vídeos relacionados coas actividades que desenvolva o Fórum; ou incluso un campus online no que desenvolver cursos e actividades formativas en estreito contacto co profesorado e con foros para intercambiar opinións e información. Todo para exemplificar, en verbas da Concelleira de Formación, María Manso, que "en Carballo as novas tecnoloxías non son o futuro, en Carballo son o presente".

O Padroado Deportivo Municipal presenta os orzamentos máis altos da historia, superando o millón de euros

O NIVEL DE AUTOFINANCIAMENTO PREVISTO É DO 55 POR CENTO

O Padroado Deportivo Municipal presenta os orzamentos máis altos da historia, superando o millón de euros

Mércores 16 de febreiro do 2011

O Padroado Deportivo Municipal vén de realizar esta semana unha xuntanza do seu consello reitor na que se aprobaron os orzamentos da entidade para o ano 2011 e se presentou a memoria de 2010. Segundo explica o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, as contas superan o millón de euros -con 1.022.246 €- sendo "o orzamento máis alto da historia do Padroado". Ademais, este ano redúcese a contía da achega municipal a 450.00 euros, por debaixo das cifras do ano 2003, sendo o nivel de autofinanciamento previsto para este exercicio do 55 por cento. Outro dos obxectivos previstos para 2011 é o incremento das liñas de subvencións nun 14 por cento, cunha suba de 7.000 euros para as axudas para o deporte escolar e de 1.000 euros para as axudas a desprazamentos, que chegarían a unha contía total de 25.000 euros. No que respecta á liquidación do orzamento de 2010, hai que subliñar que hai un resultado de 56.371,94 euros e un remanente de tesourería positivo de 106.034,62 euros. Estas contías permitirán incrementar "a oferta para os usuarios en número e calidade", segundo explica Marcos Trigo, ademais de destinarse á xa mencionada suba das axudas e á aplicación da RPT (Relación de Postos de Traballo).

O Concello solicita aos veciños e veciñas que cumpran coa normativa que impide que os cans anden ceibes

AS SANCIÓNS PODEN CHEGAR AOS 300 EUROS PARA INFRACCIÓNS LEVES

O Concello solicita aos veciños e veciñas que cumpran coa normativa que impide que os cans anden ceibes

Martes 15 de febreiro do 2011

O Concello de Carballo solicita aos veciños e veciñas que cumpran coa normativa da Ordenanza municipal que regula a protección e tenencia de animais e non permitan que os seus cans anden ceibes polos espazos públicos. Así, segundo a norma, "os animais deberán circular suxeitos con correa ou cadea" e as infraccións poden supoñer sancións económicas que van dende os 150 aos 300 euros. As faltas máis comúns son as leves, que sancionan a non recollida dos excrementos da vía pública ou o feito de levar un can solto, ou un perigoso sen bozal. Hai que lembrar que no caso de cans potencialmente perigosos para a presenza e circulación en espazos públicos é obrigatoria a utilización de correa ou cadea de menos de 2 metros de lonxitude, así como un bozal homologado e axeitado para a súa raza, e en ningún caso poderán ser conducidos por un menor de 16 anos. Por outra banda, a normativa tamén estipula que está prohibido dar de comer aos animais na vía pública, incluíndo gatos ou pombas. Dende o Concello informan de que a Policía Local vixilará especialmente o cumprimento da ordenanza e sancionará as infraccións.

O Concello presenta o proxecto "Carballo en movemento: Fomento da mobilidade no proceso de formación da xuventude local"

PRÓRROGA DE 30 DÍAS PARA ULTIMAR A REMODELACIÓN DO MERCADO

O Concello presenta o proxecto "Carballo en movemento: Fomento da mobilidade no proceso de formación da xuventude local"

Luns 14 de febreiro do 2011

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, fóra da orde do día, que o proxecto "Carballo en movemento: Fomento da mobilidade no proceso de formación da xuventude local" concorra á convocatoria do programa europeo Lifelong Learning: Leonardo da Vinci - Mobilidade PLM. A iniciativa "Carballo en movemento", promovida polo Concello, está deseñada para ofrecer prácticas profesionais no estranxeiro de 12 semanas de duración a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos, con titulación en FP ou universitaria, dispoñibles no mercado laboral carballés, con priorización daqueles que están en situación de desemprego e sen experiencia previa, así como ás mulleres e a persoas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, por ser os colectivos con maior problema de empregabilidade. O obxectivo desta proposta é o de mellorar os perfís e a cualificación profesional dos beneficiarios, capacitándoos para facer fronte aos novos retos laborais e ás necesidades dun mercado de traballo cada vez máis esixente no que a formación e experiencia se refire. Así mesmo, de chegar a poñerse en marcha no marco do programa europeo, a iniciativa beneficiaría ao tecido empresarial local, que disporía tralo regreso dos participantes, de mozos e mozas preparados e formados nun entorno internacional e intercultural.

Compartir: