O ORZAMENTO SUPERA OS 160.000 EUROS
Martes 22 de marzo do 2011
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Obras que dirixe Luís Lamas, informa de que xa están en marcha os traballos do proxecto para a creación de máis de medio quilómetro de beirarrúas na parroquia de Ardaña entre Ponte Rosende e a capela dos Remedios de Vivente (na imaxe), xa que o mércores 23 de marzo está previsto que a empresa adxudicataria, Exoga (Excavaciones y Obras Públicas Galicia, SL) comece cos primeiros pasos para a sinatura da acta de replantexamento. Esta actuación está incluída no Plan de Obras e Servizos (POS) 2010 da Deputación da Coruña, e conta cun orzamento de 164.020 euros, cunha baixa sobre o orzamento de licitación de 17.350,51 euros, e un prazo de execución de cinco meses. Hai que lembrar que o POS 2010 inclúe tres investimentos para mellorar a seguridade viaria na estrada Carballo-Santiago, a CP-1914, ao seu paso polo municipio. Así, ademais das beirarrúas en Ardaña, crearanse beirarrúas na Canosa-Rus e están en marcha os traballos para mellorar a seguridade viaria e crear beirarrúas en Taboada-Entrecruces, unhas melloras que principiaron en febreiro deste ano. Así mesmo, o inicio destas obras supón unha nova fase de creación de beirarrúas en Ardaña, onde xa se teñen acondicionado outros treitos en melloras sucesivas.
DO 1 AO 9 DE ABRIL NO AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA
Luns 21 de marzo do 2011
Un total de cinco compañías, dúas galegas, unha madrileña, unha catalana e unha valenciana, presentan os seus espectáculos no marco do programa Primavera enDanza 2011. A cita -no auditorio do Pazo da Cultura entre o venres 1 e o sábado 9 de abril- conta cunha estrea en España e cunha en Galicia, ademais de ser unha "oportunidade para ver danza contemporánea para todos os públicos", segundo explica a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro. Primavera enDanza chega á súa novena edición converténdose nunha cita "anual e estable", a única destas características na comarca e sendo un referente en toda Galicia pola escaseza deste tipo de propostas. Tránsit Dansa, Sólodosneodans, La Macana, Aracaladanza e Otra Danza son as compañías encargadas de encher Carballo de "espectáculos que para nada deben considerarse para minorías", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, que engade que Primavera enDanza é unha ocasión para "desfrutar de compañías de vangarda", nun programa que cada ano colleita más espectadores. Hai propostas de recente creación, como as galegas de Sólodosneodans e La Macana, e compañías de prestixio internacional como Aracaladanza, que xa estivo en tres ocasións no Pazo da Cultura acadando un cheo absoluto. Os bonos e entradas para os espectáculos, están á venda dende o xoves 24 de marzo no Pazo da Cultura ou no 981 704 300.
VENRES 18 E DOMINGO 20 DE MARZO ÁS 21.00 E 18.00 HORAS
Venres 18 de marzo do 2011
O programa dos Venres Culturais continúa esta fin de semana con dúas propostas, unha para o público adulto e outra para os cativos e cativas, unha centrada na comedia e outra nos monicreques. As compañías Teatro de Ningures e Artello Teatro son as encargadas de levar á escea estas dúas propostas no auditorio do Pazo da Cultura carballés. As actuacións principian o venres 18 de marzo ás 21.00 horas con "Atra Bile". Teatro de Ningures recunca despois de presentar a pasada fin de semana "0,7% Molotov", e neste caso cun espectáculo ben diferente. Trátase dunha estraña comedia na que tamén afloran a vinganza, a xenreira, o amor ou o odio que foi escrita por unha destacada dramaturga española contemporánea, Laila Ripoll, e foi finalista do Premio Nacional de Literatura Dramática e tamén dos premios Max. O prezo ordinario da entrada é de 3,5 euros e de 2,5 € o prezo reducido; a duración do espectáculo é de 75 minutos. O domingo 20 chega a quenda para o ciclo En Familia e a "Cinderella Mix" de Artello Teatro alla Scala 1:5. A partires das 18.00 horas desenvolverase unha divertida proposta infantil na que os títeres serán os protagonistas e onde esta versión do conto clásico está construída fusionando tres olladas diferentes sobre o argumento. O prezo da entrada é de 2,5 euros e o prezo reducido de 2 € no auditorio do Pazo da Cultura. A duración do espectáculo é de 50 minutos.
REMITÍRONSE 310 SINATURAS Á DEPUTACIÓN PROVINCIAL
Venres 18 de marzo do 2011
Un total de 310 veciños e veciñas de Bértoa veñen de remitir as súas sinaturas á Deputación provincial da Coruña para solicitar que se tomen medidas para mellorar a seguridade na estrada CP-1909 Carballo-Caión, que transcorre polos lugares de Requeixo, Reboredo, Queo de Arriba e O Campo. Así, expoñen no seu escrito que os accidentes son "constantes", o que provoca "nerviosismo e intranquilidade" nos habitantes das zonas afectadas "pola evidente inseguridade e perigo de atropelo para os veciños". En concreto, mencionan un accidente que tivo lugar 17 de febreiro de 2011, no que, subliñan, se viron implicados "cinco mozos de curta idade", e achegan un dossier no que se recolle unha relación do elevado número de sinistros producidos na zona nos últimos tempos. Por ese motivo, solicitan a instalación de pasos de peóns elevados, ou outras medidas de seguridade que sirvan para evitar o exceso de velocidade, o que consideran que é a "causa principal da maioría dos accidentes" producidos nesta zona, superando os vehículos o límite de 50 quilómetros por hora estipulado en toda o treito. Apoiando esta reivindicación veciñal, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, incorpora un escrito no que recolle a solicitude das melloras que presentan os afectados e afectadas para o treito da CP 1909 que transcorre entre os puntos quilométrico 0 e 1,3 desta vía.
ENTRE O 19 DE MARZO E O 3 DE ABRIL NA FEIRA DOS 5 CONTINENTES
Venres 18 de marzo do 2011
O festival Panxea 2011 de Carballo, a cita anual do Concello coa multiculturalidade e coa diversidade, ten como protagonista este ano a réplica do tesouro da tumba do famoso faraón exipcio Tutankamon, que visita por primeira vez Galicia chegada directamente dende o país do Nilo. Trátase da maior atracción da Feira Internacional dos 5 continentes (FIC) de Panxea, que nos permitirá coñecer a diversidade e as distintas realidades culturais do mundo a través dos seus costumes, gastronomía e artesanía, ou incluso a través da súa propia idiosincrasia. A feira poderase visitar de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 22.00 horas na Praza do Concello de Carballo dende o sábado 19 de marzo e até o domingo 3 de abril, e estará composta por un total de 26 stands dedicados a distintos países, rexións e lugares tan distintos como Arxentina, Exipto, India, Marrocos, Rusia, Mallorca, Berlín, Nepal, Cuba, Holanda, Francia, Luarca e Tailandia. Pero sen dúbida, a carpa dedicada a Exipto é unha das principais atraccións desta feira, especialmente pola tumba de Tutankamon. O conxunto compleméntase coa presenza dun bailarín de danza tradicional exipcia e de dous ourives que amosarán o seu traballo co ouro e a prata en vivo diante dos espectadores que se queiran achegar ao stand. A entrada á carpa dedicada a Exipto ten un prezo de 2 euros.
EXPOSICIÓN ATÉ O 17 DE ABRIL NO 3º ANDAR DO PAZO DA CULTURA
Xoves 17 de marzo do 2011
O Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís chega á súa edición número trece (ou 12+1, como subliña o Alcalde carballés, Evencio Ferrero) sen deixar de medrar e acadando un "alto nivel", tamén en verbas do Alcalde, tendo sido premiadas até o de agora 47 imaxes sumando todas as convocatorias dende os comezos. Neste 2011, un total de 94 fotógrafos presentaron 242 fotografías, das que estarán expostas 98 até o 17 de abril na sala da baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura. Ademais, Belén Lendoiro, Concelleira de Cultura, lembra que os participantes non son só galegos, senón de toda España, de lugares como Valencia, Andalucía, Madrid, Aragón ou Cataluña. Porén, a gañadora deste ano é da Costa da Morte, sendo a muxiana Teresa Búa coa súa proposta "Bolsas 1". Precisamente, as tres "bolsas" que aparecen na imaxe quixeron acompañar á galardoada no acto de entrega de premios, no que recibiu o diploma que acredita o primeiro premio, dotado con 700 euros, de mans do Alcalde. Ferrero tivo palabras para Xosé Manuel Eirís, "persoa que sempre tivo unha especial sensibilidade coa arte" e desexou que "estes premios sexan tamén a antesala de carreiras artísticas prometedoras". Por último, invitou aos carballeses e carballesas a desfrutar "do ollo especial dos fotógrafos" e "sempre da compañía de Xosé Manuel Eirís".
DENDE O MARTES 15 DE MARZO MERCANDO NO COMERCIO LOCAL
Mércores 16 de marzo do 2011
O comercio carballés acolle ao longo do mes de marzo, entre os días 15 e o 26 deste mes, unha campaña de dinamización titulada "As compras na túa vila teñen premio". A través da iniciativa premiarase con 3.000 euros a fidelidade dos compradores habituais do pequeno comercio. Así, sortearanse dúas tarxetas regalo de 300 euros e 24 tarxetas regalo de 100 euros entre aqueles clientes que merquen nos establecementos da vila e presenten os seus tickets de compra nunha carpa situada no Xardín Municipal, ou ben que os entreguen ás promotoras da campaña que estarán percorrendo as rúas carballesas. Coa entrega do ticket obterán un boleto para depositar nunha furna e entrar no sorteo que ten lugar o domingo 26 de marzo ás 19.00 horas na Praza do Concello, no marco dunha grande festa que se desenvolverá ao longo de toda a xornada, a partires das 11.30 horas, nunha carpa de 150 metros cadrados e nas rúas do centro carballés. Os posuidores dos boletos deberán estar presentes na rifa para converterse en gañadores. Ademais, os clientes que acheguen o xustificante de ter mercado coas tarxetas Mastercard do Comercio Galego ou Comercio de Novacaixagalicia, duplicarán a súa participación, obtendo dous boletos por cada ticket presentado.
LUNS 21 DE MARZO ÁS 17.30 HORAS NO PAZO DA CULTURA
Mércores 16 de marzo do 2011
A Deputación da Coruña promove un ciclo de charlas sobre a situación actual da muller traballadora en Galicia no marco da conmemoración do 8 de marzo ‘Día das mulleres traballadoras’, data importante que nos lembra a loita de moitas mulleres e o que aínda queda por facer para acadar a igualdade real entre homes e mulleres. Carballo, Narón e Arteixo son as tres vilas que colaboran neste programa, sendo a cita carballesa o luns 21 de marzo a partires das 17.30 horas no Pazo da Cultura. Baixo o título "A reforma laboral hoxe", está prevista a presenza na actividade da marisqueira Teresa Ramiro; de Dolores Martínez, da CIG da Coruña; e da coach Estela Sánchez. O obxectivo é falar de experiencias de vida, de mulleres que loitan por abrirse paso nun mundo, cada vez menos eso si, de homes. Tamén se falará de reformas laborais que tentan equilibrar a desigualdade existente entre homes e mulleres ou de medidas para introducirse no mercado laboral e na vida. No caso de Narón, a cita é o 22 de marzo ás 17.30 horas para abordar o tema "Experiencias da vida"; e no Concello de Arteixo é o 23 de marzo ás 18.30 horas para falar de "A inserción da muller no mundo laboral". As interesadas en participar nestas actividades, que contan cun servizo de atención para os cativos e cativas durante o transcorrer da charla, poden formalizar a súa inscrición premendo aquí. Máis información en <www.diadamuller2011.net>.
VISITA AO COLEXIO DE XOÁN SANDE E DE COGAMI
Mércores 16 de marzo do 2011
O CEIP Fogar de Carballo vén de eliminar as súas barreiras arquitectónicas grazas a un proxecto realizado a través dunha achega da Deputación provincial que contou cun orzamento de 184.278,63 euros e que foi realizado pola empresa Construcciones Mouzo y Souto SL. O deputado responsable da área de Benestar, Xoán Sande, visitou hoxe o centro para observar de primeira man os resultados deste proxecto, e estivo acompañado do Vicepresidente de Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), Ramón Sestayo; polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Obras, Luís Lamas; e a Concelleira de Educación, Mar Eirís. O CEIP Fogar conta con máis de 40 anos de vida e nestes momentos están matriculados 750 alumnos e alumnas, sendo o segundo máis grande de Galicia. Os traballos supuxeron a eliminación de moitas eivas, como os escalóns existentes en todos os pasillos do centro, as escaleiras dos patios ou dos accesos exteriores, ou desniveis interiores que houbo que salvar con ascensores. En total, construíronse 9 ramplas interiores e 5 exteriores, ademais de 2 elevadores no interior do edificio para comunicar as áreas de Infantil e de Primaria. O proxecto incluíu, así mesmo, a mellora da instalación eléctrica e do alumeado dos pasillos.
DIRECCIÓN DE SEGURIDADE DAS OBRAS DA ESCOLA INFANTIL
Luns 14 de marzo do 2011
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar o expediente para a contratación da obra "Biblioteca de Carballo. Rúa de Pontevedra, s/n", que suporá a construción dun novo espazo público cunha superficie duns 1.500 metros cadrados. O orzamento para a súa edificación é de 1,5 millóns de euros que serán achegados na súa totalidade polo Ministerio de Cultura, e o prazo de execución marcado para rematar a actuación queda estipulado en 18 meses. Así mesmo, o expediente de contratación recolle que a adxudicación se realizará con procedemento aberto con varios criterios de valoración, como son a proposta económica, a redución de prazos ou o plan de execución da obra. No que respecta ao proxecto básico do edificio, elaborado polo arquitecto Óscar Pedrós, terá soto, pranta baixa e un andar permitindo a circulación libre dos usuarios e a fácil orientación. O soto estará destinado a arquivo, e os outros dous andares albergarán a zona de uso para os veciños e veciñas. Así mesmo, haberá un espazo que permitirá desenvolver actividades para os nenos e nenas ao aire libre. Ademais do espazo aberto de consulta e lectura, crearase unha sala multiusos con bancadas para poder realizar recitais e para as actividades dun club de lectura. O edificio estará equipado coas últimas tecnoloxías, incluíndo detalles como a posibilidade de que os nenos e nenas poidan ter acceso a videoxogos.
A PARTIR DO LUNS 14 DENTRO DO PROGRAMA CARBALLO LIMPO
Sábado 12 de marzo do 2011
O Concello de Carballo informa de que a partires do luns 14 de marzo comeza unha campaña, dentro do programa Carballo Limpo, para concienciar aos veciños e veciñas sobre a reciclaxe, así como sobre a separación do lixo ou os horarios para depositar os residuos. Está previsto que os operarios de Aspaber-UTE, que realizan os labores de limpeza viaria, repartan esta bolsa informativa, na que, ademais dun folleto detallado con información sobre os colectores e iglús de diferentes cores (iglú verde para vidro, amarelo para envases lixeiros, azul para papel, e colector verde para orgánicos) están incluídas dúas bolsas para depositar residuos orgánicos, dúas para os residuos do colector amarelo (envases, latas, plásticos e bricks) e un adhesivo imantado no que se recollen os horarios para depositar o cartón pregado, para a materia orgánica e o horario do Punto Limpo situado no polígono de Bértoa. O reparto realizarase no casco urbano entre os cidadáns que circulen pola rúa hasta que se rematen as existencias, que chegan ás 2.300 bolsas. O obxectivo desta campaña é sensibilizar á poboación sobre a importancia da recollida selectiva de residuos, ademais de que nos últimos tempos tense detectado un incremento dos verquidos fóra dos colectores ou do depósito de lixo fóra de horario.
DO 19 DE MARZO AO 3 DE ABRIL
Venres 11 de marzo do 2011
O festival Panxea, a cita do Concello de Carballo coa multiculturalidade e coa diversidade, centra a súa quinta edición nunha Feira Internacional dos 5 Continentes que comeza o sábado 19 de marzo. Esta primeira edición da Feira dos 5 Continentes estará composta por 24 stands e realizará un percorrido pola identidade cultural de distintos países coma Rusia, Cuba, Marrocos e a India, entre outros. Permitiranos coñecer a diversidade e as distintas realidades culturais do mundo a través dos seus costumes, gastronomía ou artesanía. A feira poderase visitar de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 22.00 horas na Praza do Concello até o domingo 3 de abril. Tamén durante a celebración da Feira Internacional dos 5 Continentes terá lugar unha exposición sobre Exipto, na que se poderá facer un percorrido pola réplica do tesouro da tumba de Tutankamon, así como asistir a actuacións de danza tradicional e demostracións en vivo da artesanía tradicional e da orfebrería de dous artesáns exipcios. No programa de Panxea 2011 tampouco podía faltar un achegamento ás músicas do mundo. O sábado 19 tocará o grupo Mariachis Toluca e o domingo 27 tócalle ao grupo de música Brasil Pandeiro, ambos na Praza do Concello en horario de 12.30 e 17.30 horas.