O 8 DE MAIO ENTRE AS 9.30 E AS 20.00 HORAS
Mércores 20 de abril do 2011
O Concello de Carballo celebra de novo, e despois de dez anos, a Festa do Pan o domingo 8 de maio. O obxectivo desta cita é, ademais de dar a coñecer a marca Pan de Carballo e apoiar a súa promoción como produto representativo da vila, recuperar esta celebración para, en sucesivas edicións, "ir fortalecendo" a festa para que no futuro sexa "un evento de referencia a nivel provincial e incluso galego". Así o espera o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, que explica que a maioría das actividades terán lugar nunha carpa situada no Parque do San Martiño, en horario de 9.30 a 20.00 horas, aínda que haberá animación musical tamén na Praza do Concello durante a celebración da feira dominical. Nesta carpa estarán os stands de venda directa por parte dos panadeiros, coa confirmación de sete establecementos: Panadería Benigno Andrade Fariña; Panadería Élida Mesejo; Panadería Milagrosa; Panadería Ana Mesejo; Panadería Añón; Panadería Forno Novo; e Panadería O Barrendeiro. Tamén haberá un espazo gastronómico para a venda de comida, con produtos relacionados co pan, como a empanada ou o pan de ovo; e tamén os callos típicos da feira carballesa. Está prevista a presenza unha exposición de utensilios de panadería e un escenario para actuacións. A primeira destas actuacións é o monólogo, ás 12.00 horas, do coñecido humorista Xosé Touriñán (Mucha das Cantareiras de Ardebullo) que fará rir ao público ao redor do pan.
APROBACIÓN DO REGULAMENTO DE SEGUNDA ACTIVIDADE DA POLICÍA
Mércores 20 de abril do 2011
A corporación carballesa celebra o luns 25 de abril a última sesión plenaria ordinaria da corporación actual antes das eleccións municipais do 22 de maio. Neste pleno, que marca o final do mandato, hai seis puntos na orde do día, entre os que destaca a delegación na Deputación provincial da Coruña das competencias para a instrución dos expecientes sancionadores de tráfico e a xestión, inspección e recadación da taxa pola utilización privativa, ou aproveitamento especial. Segundo explica en rolda de prensa o Alcalde, Evencio Ferrero, que estivo acompañado polo Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, o Concello levaba bastante tempo negociando co organismo provincial para que aceptase estas competencias e asumise a instrución dos máis de 2.000 expedientes sancionadores anuais que se xeran en Carballo, co conseguinte esforzo económico e persoal por parte da plantilla do Concello. Despois de longas e farragosas conversacións, a Deputación aceptou "o que redundará tanto en beneficio do Concello como na xestión dos expedientes", segundo o Alcalde, que subliña que se trata dun procedemento moi estendido na provincia e que suporá "un aforro importante", sendo una medida moi demandada tanto pola Policía Local, como polos departamentos de Intervención, Tesourería e Secretaría.
CENTOS DE FIEIS CELEBRARON O DOMINGO DE RAMOS
Luns 18 de abril do 2011
Carballo prepárase para celebrar unha Semana Santa que, como cada ano, ten como principal escenario as rúas do centro da vila e a Igrexa da parroquia de San Xoán Bautista para conmemorar a paixón de Cristo. O seminarista D. Andros Iglesias Martínez marcou o inicio das actividades co pregón que tivo lugar o pasado sábado 16 de abril, e que estivo acompañado dun recital de música sacra a cargo da Coral Polifónica de Bergantiños, do Coro Infantil-xuvenil de Voces Brancas e da Coral Polifónica O Castro, de Miño. E o Domingo de Ramos, o 17 de abril, foi a xa tradicional procesión da Borriquiña ata a Igrexa de San Cristovo, coa misa e a bendición de ramos. Centos de fieis, especialmente cativos e cativas que fixeron a súa Primeira Comuñón ao longo do último ano, sumáronse a esta cita que estivo acompañada polo sol e o bo tempo. O Luns Santo está programada unha oración de todos os membros das confrarías ás 20.30 horas na Igrexa Parroquial, mentres que o Martes Santo á mesma hora é o retiro espiritual preparatorio para a Pascua. O Mércores Santo é a quenda para a celebración comunitaria da penitencia e confesións, ás 20.00 horas. Citas preparatorias para os principais actos de Xoves e Venres Santo, co Lavatorio dos pés, o Vía Crucis e a Procesión.
MARTES 3 E MÉRCORES 4 DE MAIO NO VIVEIRO DE EMPRESAS
Venres 15 de abril do 2011
O Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio no polígono de Bértoa acolle o martes 3 e o mércores 4 de maio a que xa é a cuarta edición das xornadas Carballo Emprende, unha cita que este ano ten como tema principal a innovación empresarial, tanto no que se refire ás novas tecnoloxías como ás estratexias de negocio. Carballo Emprende cumpre catro anos despois duns inicios no que se centrou no fomento da emprendeduría e dunhas últimas edicións nas que, en verbas do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, "pouco a pouco os proxectos empresariais foron conectando coa realidade que lles tocou vivir", abordando a crise actual, e cunha asistencia superior ao centenar de persoas no ano 2010. O programa comeza o martes 3 pola tarde cunha ponencia sobre a sinatura dixital, e cunha posterior mesa redonda titulada "A innovación e as novas tecnoloxías. Solucións desde os FinisTerrae", con expertos como o encargado da promoción online do viño Paco & Lola ou o presidente dunha empresa de distribución de algas. O mércores 4 pola mañá ten lugar a mesa redonda "Cómo innovar a través da Universidade e os Centros Tecnolóxicos" e pola tarde, un dos gurús e expertos en innovación de España e incluso a nivel internacional, Xavier Marcet Gisbert, reflexionará sobre "Innovación e estratexia de negocio". Un programa para unhas xornadas pensadas "para favorecer a implantación empresarial", segundo subliña o Alcalde, Evencio Ferrero.
CATEGORÍAS ALEVÍN, INFANTIL E CADETE: PISCINA CARBALLO CALERO
Xoves 14 de abril do 2011
A piscina Carballo Calero da capital municipal acolle os días sábado 16 e domingo 17 de abril a celebración do Campionato Galego de Salvamento Acuático en Augas Pechadas nas categorías infantil, alevín e cadete. A cita, organizada polo Club Salvamento e Socorrismo Carballo (Sysca) e que conta coa colaboración do Concello carballés, desenvolverase o sábado en xornada de mañá e tarde e o domingo só pola mañá, competindo os alevíns unicamente o sábado e as outras dúas categorías durante toda a fin de semana. Aproximadamente 160 rapaces e rapazas tomarán parte nesta cita, na que participan, ademais do Sysca, como anfitrión, o club Salvamento Acuático Laracha (SAL) -ao que a organización agradece a súa colaboración desinteresada na cita-, o club de Salvamento Acuático de Pontevedra (SAPO), o club Umia, o Cerceda, o Sanxenxo e o club Salvamento de Sada (SASA). Dende o Sysca, Oscar Vázquez subliña que o obxectivo deste campionato para o club carballés é "que os rapaces traballen ben" xa que "canto mellor o fagamos agora, mellores resultados acadaremos no futuro". O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, resaltou que é un orgullo que "unha vez máis unha entidade carballesa organice unha proba deportiva de alto nivel":
SÁBADO 16 DE ABRIL ÁS 20.30 HORAS NO PAZO DA CULTURA
Mércores 13 de abril do 2011
O Auditorio do Pazo da Cultura transformarase o sábado 16 de abril a partires das 20.30 horas nun escenario cheo de "música pop, rock, gospel, coral e sinfónica", nun "espectáculo que unifica todos estes sons" e que ademais conta cunha orixinal montaxe de luz, son, vestiario e proxección audiovisual. Así define a "Gala Americana" o creador desta proposta, o coñecido director Fernando Vázquez Arias, que engade que o público atopará "unha escolma de temas moi coñecidos" cun "programa que chega ao grande público e moi comunicativo" con pezas de películas e obras teatrais tan populares como "West side story", "Hello Dolly" ou "O mago de Oz"; músicos como Cole Porter ou Ennio Morricone; grupos de rock como Pink Floyd ou The Rolling Stones; e versións de temas universais como o "Himno á alegría" de Beethoven na versión de Waldo de los Ríos. Unha proposta musical levada á escea pola Orquestra Sinfónica de Melide, a Coral Polifónica "El Eco" de A Coruña e o grupo de rock carballés The Cerne, que asegura que participar na "Gala Americana" foi unha "oportunidade única e fantástica" nunha "conxunción e simbiose impresionante" da música coral, popular, rock e sinfónica.
O OBXECTIVO DAS ACTIVIDADES É MINIMIZAR A FENDA DIXITAL
Martes 12 de abril do 2011
O Telecentro de Comunicación -situado no primeiro andar do Pazo da Cultura- informa de que a partir do venres 15 de abril celebrarase, en horario de 10.30 a 12.30 horas, un obradoiro que leva o nome de "Iniciación á Internet". Esta actividade aborda o modo de coñecer o mundo de Internet, como facer procuras de información, e incluso un pequeno achegamento á administración electrónica, co exemplo práctico de como solicitar unha cita co noso médico de cabeceira. Ao rematar estas clases dará comezo "Correo electrónico" co gallo de ofrecer indicacións para crear unha conta de correo electrónico e os usuarios e usuarias aprendan a manexalo dun xeito moi sinxelo e útil. Non hai prazo de inscrición para estes obradoiros, posto que a demanda de formación por parte dos veciños e veciñas no propio Telecentro provocou que, pouco a pouco, todos aqueles e aquelas cidadáns interesados/as nesta formación se foran inscribindo na propia aula e a partir de aí realizáronse os grupos para poder desenvolver os cursos. Ademais, o Telecentro de Carballo vén de rematar o primeiro obradoiro de Alfabetización Dixital organizado para este mes de abril. Esta quenda de obradoiros lévase a cabo co fin de minimizar a fenda dixital que acusa a poboación do municipio.
ADHESIÓN A UN CONVENIO DA FEGAMP E A FUNDACIÓN MANUEL MARÍA
Luns 11 de abril do 2011
A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar dous expedientes de contratación relativos á realización de obras de saneamento nas parroquias de Goiáns e Ardaña. No primeiro caso trátase da "Rede de traída de auga e rede de saneamento en Bas", unha actuación incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos (POS) Adicional do ano 2010. A segunda actuación refírese á "Rede de saneamento e abastecemento de auga en San Lois", un proxecto do Plan Provincial de Obras e Servizos (POS) 2011. O orzamento base de licitación dos traballos na parroquia de Goiáns é de 66.951,95 euros e os criterios para a adxudicación do contrato son, con carácter xeral, a oferta económica, o programa de control interno de calidade, o programa de traballo e protección medioambiental e o plan de seguridade e saúde. O orzamento base de licitación para os traballos en San Lois-Ardaña é de 51.382,27 euros e os criterios para a adxudicación son os mesmos que no caso anterior. Así mesmo, e no apartado de expedientes de contratación, a sesión supuxo unha modificación nos prazos do contrato administrativo de servizos "Traballos de revisión técnica do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Carballo"; así como outra modificación no contrato administrativo de servizos "Limpeza de praias do municipio de Carballo".
ATÉ O 27 DE ABRIL ÁS 13.00 HORAS
Venres 8 de abril do 2011
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín, informa de que está aberto o prazo para inscribirse nos Premios Carballo Emprende 2011, enmarcados dentro das Xornadas do mesmo nome que se celebrarán os próximos días 3 e 4 de maio, e que xa chegan á súa cuarta edición. Os galardóns teñen dúas categorías: o concurso de Ideas Empresariais e o de Programas de Fomento da Emprendeduría. No primeiro caso os obxectivos son promover a cultura emprendedora, impulsar a creación de proxectos empresariais e facilitar a creación de postos de traballo, presentando o autoemprego como unha opción viable para a inserción laboral. Por parte do Concello de Carballo concederanse tres premios aos proxectos que obteñan unha maior puntuación segundo o ditame do xurado: un primeiro premio de 1.200 euros, un segundo dotado con 1.000 euros e un terceiro de 800 euros. Por parte da Cámara de Comercio de A Coruña concederanse dous premios consistentes na bonificación da cuota de cesión (gratuíta) dun espazo no seu Viveiro de empresas en Carballo durante un período de 6 meses, e como máximo ata 31 de decembro de 2011, aos dous proxectos que cumpran os requisitos de admisión do Viveiro, non se atopen na actualidade nas instalacións do mesmo e teñan unha maior puntuación. O prazo para presentar a inscrición, que pode entregarse no Rexistro do Concello de Carballo, é até o mércores 27 de abril ás 13.00 horas.
PODERÁN XOGAR EN MAIO A COPA DE ESPAÑA
Venres 8 de abril do 2011
O equipo Vipecón Xiria de Balonmán vén de proclamarse campión galego na categoría cadete baixo a dirección de Fernando Vázquez. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo felicitar en persoa ao adestrador e aos xogadores na Casa do Concello, desexándolles que cheguen "o máis arriba posible", nesta tempada, que aínda non rematou, e nas seguintes. A vitoria decisiva trivo lugar a pasada fin de semana contra o Octavio de Vigo, nun partido que lles fixo acadar o título. A pesares de que durante a primeira parte as diferencias foron mínimas entre os dous conxuntos e os xogadores acusaron os nervos, na segunda parte marcáronse as diferencias, que se reflectiron nun marcador final de 28-38. O Vipecón Xiria completou unha semana moi importante para o club de balonmán carballés, xa que gañou o título unhas horas despois de que os sénior do Calvo Xiria asinasen o seu pase aos play off para loitar polo ascenso á División de Honra de Plata. Os rapaces de Fernando Vázquez fixeron unha campaña espectacular sendo o equipo máis goleador e o menos goleado, cedendo, con unha derrota e un empate, tan só 3 puntos en toda a competición. Dentro de 10 días, cando se retome a competición, o Vipecón Xiria poderá desputar as semifinais de Copa, mentres que os días 6, 7 e 8 de maio xogarán a primeira ronda clasificatoria do Campionato de España. O obxectivo, segundo o adestrador, é "subir un escalón e tentar traer unha fase final para Carballo".
NA BAIXOCUBERTA DO PAZO DA CULTURA DE 18.00 A 21.00 HORAS
Venres 8 de abril do 2011
A sala da baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura acolle do 26 de abril ao 10 de maio a exposición das obras que veñen de participar no "XI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo" organizada pola Deputación da Coruña. Con dito Certame, o organismo provincial pretende render unha sincera homenaxe a Isaac Díaz Pardo, nas súas facianas tanto de artista, como de creador e intelectual. Así mesmo, o obxectivo é promover e impulsar o patrimonio artístico da provincia nun dos seus aspectos fundamentais: o apoio á cultura galega a través dos seus creadores. O concurso ten carácter bianual e xa vai pola súa XI edición, sendo un premio de referencia no seu campo en Galicia, ao cal se destinan 45.000 euros para adquirir as obras seleccionadas polo xurado que pasan a formar parte dos fondos da colección da Deputación da Coruña integrándose dentro do noso patrimonio artístico. Esta exposición de carácter itinerante recolle obras de diverso tipo de manifestacións plásticas: pinturas, esculturas e fotografías. Obras de distintos estilos e temáticas, que integran un ecléctico escaparate das tendencias, vangardas, e estilos da arte actual de artistas tanto galegos coma nacionais e internacionais. A mostra permanecerá aberta ao público no 3º andar do Pazo da Cultura no horario habitual de 18.00 a 21.00 horas.
VENRES 8 E SÁBADO 9 DE ABRIL NO PAZO DA CULTURA
Xoves 7 de abril do 2011
O programa Primavera enDanza pecha esta fin de semana cunha proposta para o público máis familiar chea de fantasía e outra chegada dende Valencia, con dúas funcións de danza contemporánea destinadas tanto a público infantil como ao adulto, a cargo de compañías moi importantes e referentes na danza a nivel nacional e internacional. O venres 8 ás 20.00 horas é a quenda de Aracaladanza que presenta nunha estrea en Galicia o seu novo espectáculo "Nubes" (na imaxe). Fantasía, imaxinación e maxia: estes son os ingredientes esenciais dun traballo que ten como motor artístico o absurdo, e no que obxectos imposibles se converten en protagonistas. Unha maza xigante, zapatos con dedos, chuvia de homes con bombín e, por suposto, nubes, sempre nubes. O sábado 9 ás 21.00 horas a compañía valenciana Otra Danza ofrece "El Gran Banquete", unha festa na que a Marquesa de Revoltosa, o Señor Candelas, os condes de Luz, a señora Soledad e os baróns Gaspar e Bibiana acoden ao encontro de Don Pedro, o mestre de cerimonias, que lles ten preparado un banquete exquisito acorde co glamour dos personaxes. A cita do venres ten 50 minutos de duración e o prezo da entrada é de 5 euros, 3,5 con desconto. A cita do sábado ten unha duración prevista dunha hora e ten o mesmo prezo que a do venres. Ámbalas dúas funcións: no auditorio do Pazo da Cultura.