Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Teatro, exposicións, libros, música e festivais forman o Programa das Letras do mes de maio

TRADICIONAL MARATÓN DE LECTURA O DÍA 17

Teatro, exposicións, libros, música e festivais forman o Programa das Letras do mes de maio

Mércores 4 de maio do 2011

Carballo celebra o Día das Letras do 17 de maio cunha programación desenvolvida ao longo de todo o mes que xira arredor "da promoción do libro, a lingua e a lectura", en verbas da Concelleira de Cultura Belén Lendoiro, pero que ofrece unha grande variedade de propostas con teatro, exposicións, presentacións literarias, concertos ou festivais e que conta coa colaboración das asociacións do municipio e da Deputación da Coruña. Como é habitual, o acto central do mes é o día 17 co maratón de lectura "As letras en voces", un homenaxe ao galego como vehículo de expresión no que os veciños e veciñas que o desexen poden ler un fragmento dun texto dun dos autores que teñen sido homenaxeados o Día das Letras nos últimos anos e tamén en 2011, en que a xornada está dedicada a Lois Pereiro, un dos poetas máis lidos da súa xeración. Os interesados e interesadas en reservar horario poden facelo no teléfono 981 704 300; no fax 981 704 302 e no correo electrónico <cultura@carballo.org>. A cita é de 11.00 a 15.00 horas no Xardín Municipal e está organizada polo Concello coa colaboración de asociacións culturais e centros de ensino do municipio. Está prevista a actuación durante a celebración do maratón da Banda Municipal de Gaitas de Carballo que dirixe Xesús Moreira.

Carballo crea un novo aparcadoiro público para superar as 2.500 prazas libres en solares na capital municipal

NOVO ESPAZO: 45 PRAZAS ENTRE AS RÚAS RÍO E XIRONA

Carballo crea un novo aparcadoiro público para superar as 2.500 prazas libres en solares na capital municipal

Luns 2 de maio do 2011

O Concello de Carballo vén de acondicionar un novo aparcadoiro público nun solar da capital municipal duns 600 metros cadrados. Trátase dun espazo entre as rúas Río e Xirona que, segundo o Concelleiro de Tráfico, Benedito Viña, facilitará arredor de 45 novas prazas de estacionamento libres de limitación de tempo, e nunha zona con moita actividade no centro carballés, preto de servizos como a oficina do INEM ou o Pazo da Cultura, ademais da zona comercial da rúa Fomento e a rúa Barcelona. Con esta nova incorporación, a capital municipal supera as 2.500 prazas de estacionamento libre de vehículos en solares, sumándose este espazo aos que xa están dispoñibles na Horta do Casino, Rego da Balsa, o parque do San Martiño, o Pazo da Cultura, a Vila de Negreira, o entorno do CEIP A Cristina ou a carón do IES Alfredo Brañas. No caso do aparcadoiro da rúa Xirona, o Concello ten chegado a un acordo cos propietarios polo que os terreos son cedidos a cambio de que a administración local acondicione o espazo e o manteña en bo estado. O Concelleiro de Tráfico, Benedito Viña, avanza, así mesmo, que nestes momentos estanse mantendo contactos con outros propietarios de terreos na capital municipal para poder seguir creando novos espazos de estacionamento.

Marcos Abalde Covelo gaña o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

ESTÁ DOTADO CON 1.000 EUROS E A PUBLICACIÓN EN NOVE XORNAIS

Marcos Abalde Covelo gaña o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

Luns 2 de maio do 2011

O xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores vén de reunirse o luns 2 de maio para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 48 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en A Nosa Terra Diario, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Radio Líder, Tempos Novos e Xornal de Galicia, ao artigo titulado «Empoderármonos», de Marcos Abalde Covelo. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese ao «paralelismo entre a situación das mulleres e a da lingua galega, adentrándose na violencia simbólica exercida contra o galego e contra as mulleres». Na acta do xurado sinálase que o artigo «fala sobre a hibridación do galego co castelán, ten interesantes conexións intertextuais e chama a atención individual fronte a esa situación». Ademais, «destaca a súa calidade lingüística, a linguaxe directa e a capacidade de incidencia no público». Marcos Abalde recibira xa o accésit deste premio na edición do pasado ano. O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo «Gas», do autor Diego Giráldez, e recoméndalles aos medios colaboradores a súa publicación.

Aspaber e Apem organizan en Carballo un encontro lúdico deportivo nunha xornada de convivencia

XOVES 5 DE MAIO NO PAVILLÓN VILA DE NOIA

Aspaber e Apem organizan en Carballo un encontro lúdico deportivo nunha xornada de convivencia

Venres 29 de abril do 2011

Aspaber (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños) e Apem (Asociación Pro Enfermos Mentais) organizan, coa colaboración do Concello, unha xornada lúdico deportiva de convivencia o xoves 5 de maio no Pavillón Vila de Noia da capital carballesa. Arredor de 300 persoas encherán o pavillón, tanto membros das entidades, como voluntariado e acompañantes chegados das localidades de Carballo, Cee, Betanzos, A Coruña e Cambre dos centros de Apem e de Aspaber. As disciplinas que poderán practicarse ao longo da xornada son fútbol sala, tute, xogos de mesa como o parchís, xogos adaptados ou futbolín, un dos preferidos dos participantes, entre outras. Ao remate da xornada, sobre as 13.00 horas, está prevista unha entrega de agasallos, incluíndo medallas e trofeos realizados polos propios membros das entidades. Esther Monterroso, directora de Apem, subliñou durante a presentación desta cita a importancia deste tipo de iniciativas para "defender os dereitos das persoas cunha discapacidade", ademais de que "a colaboración entre diferentes institucións é o único xeito de sacar adiante o día a día". Dolores Vázquez, de Aspaber, quixo destacar, "a posta en valor dun traballo que as institucións deste concello podemos facer xuntos", desexando que a xornada "sexa o primeiro punto de unión".

Estanco Varela, gañador do Concurso de Escaparatismo do Plan de Mellora da Imaxe Comercial de Carballo

O BARCO DOS SOÑOS E ADAMELA ACADARON O 2º E 3º PREMIO

Estanco Varela, gañador do Concurso de Escaparatismo do Plan de Mellora da Imaxe Comercial de Carballo

Venres 29 de abril do 2011

O xurado do Concurso de Escaparatismo do Plan de Mellora da Imaxe Comercial de Carballo vén de dar a coñecer os premiados deste certame, celebrado no marco do Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial que se está a desenvolver dentro do proxecto Fórum Carballo. Así, o primeiro premio recaeu en Estanco Varela, que poderá contar coa elaboración especializada de tres escaparates ao longo da tempada, elixindo as épocas máis propicias, como poden ser Rebaixas ou Nadal; o segundo foi para O Barco dos Soños, que obtén dous escaparates; e o terceiro premio recaeu en Adamela, que disporá dun escaparate ao longo da tempada. Así, mesmo, o xurado -que estivo formado por dous representantes do Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo e dous co Concello co asesoramento da consultora I2- decidiu conceder un accésit ou mención especial á Floristería Tropicana. Á hora de conceder os galardóns, tívose en conta non só a vistosidade dos escaparates, senón tamén o aproveitamento do espazo ou a adopción das recomendacións da consultora I2, encargada de asesorar aos establecementos participantes. O Concurso de Escaparatismo forma parte da na segunda fase do Plan de Mellora da Imaxe Comercial de Carballo posto en marcha en xaneiro de 2011. Neste plan os establecementos participantes puideron contar cun informe especializado realizado por I2 a partir do que se elaborou un dossier no que se analizaron a faciana, o escaparate e o interior do local, así como a colocación do produto co obxectivo de mellorar a imaxe comercial de cada tenda.

Carballo celebra a VI Semana do Libro e a Lectura con obradoiros, contacontos, concertos e exposicións

DO LUNS 2 AO VENRES 6 DE MAIO

Carballo celebra a VI Semana do Libro e a Lectura con obradoiros, contacontos, concertos e exposicións

Mércores 27 de abril do 2011

Os distintos espazos do Pazo da Cultura de Carballo acollen entre o luns 2 e o venres 6 de maio a celebración da VI Semana do Libro e a Lectura, unha cita que ten congregado xa a máis de 6.000 alumnos e alumnas dos centros escolares do municipio en anteriores edicións, e que desta volta, despois de ter abordado temáticas como o medo, o amor, o mar ou a cidade, céntrase na mentira, "un deslinde entre a realidade e a irrealidade", segundo explica Xoán Costa, presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), entidade organizadora da cita xunto co Concello. A VI Semana do Libro e a Lectura conta con actividades diversas, dirixidas tamén a públicos ben distintos. Así, de luns a venres (agás o mércores 5) está prevista a celebración de obradoiros para alumnos e alumnas de Infantil e Primaria dos centros de ensino do municipio de 9.30 a 14.00 horas; o profesorado, conta todos os días con actividades de 18.00 a 20.00 horas que inclúen obradoiros e charlas; e, finalmente, o público en xeral, pode desfrutar de luns a venres ás 18.30 horas de contacontos, concertos e incluso una festa de peche o venres 6 no auditorio. Así mesmo, haberá exposicións permanentes de libros e de materiais elaborados polos nenos e nenas que poden visitarse cada día de 18.00 a 20.00 horas no segundo andar do Pazo da Cultura. Un programa que conta co patrocinio de Conservas Calvo e Novacaixagalicia.

O Concello acolle o xoves 12 e o venres 13 de maio a celebración de Cursos de Condución Eficiente

INSCRICIÓNS ATÉ O VENRES 6 DE MAIO

O Concello acolle o xoves 12 e o venres 13 de maio a celebración de Cursos de Condución Eficiente

Mércores 27 de abril do 2011

O Concello de Carballo, en colaboración coa Axencia Provincial da Enerxía (FAEPAC) e o Instituto Enerxético Galego (Inega) e con fondos do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), informa de que está prevista a celebración de varios Cursos de Condución Eficiente no municipio o xoves 12 e o venres 13 de maio en quenda de mañá, con dous cursos de 10.00 a 12.00 e de 12.00 a 14.00 horas cada día. As actividades consisten na celebración de unidades didácticas orientadas a condutores habituais. Estes cursos diríxense tanto a colectivos de profesionais, como policías, bombeiros ou parques móbiles, como a particulares. Constan dunha parte teórica, na que se imparten as técnicas de condución eficiente, e as súas implicacións; e unha parte práctica na que os alumnos desenvolven as técnicas adquiridas nun vehículo. O obxectivo desta iniciativa é que os alumnos e alumnas coñezan diferentes mecanismos que lles permitirán aforrar nos consumos do coche. O resultado do curso é o aforro, pero non só no consumo de combustible, senón tamén no que respecta a outras partes con desgaste, coma os freos. Segundo as experiencias rexistradas, o aforro medio de combustible por alumno sitúase arredor do 15 por cento. A inscrición, gratuíta, pode formalizarse na Alcaldía do Concello de Carballo de 9.00 a 14.00 horas até o venres 6 de maio. Máis información no 981 704 100 e no 981 630 618.

A Aula Municipal de Teatro de Carballo preséntase de novo ante o público con "Amores", dirixida por Artur Trillo

VENRES 29 E SÁBADO 30 DE ABRIL ÁS 21.00 HORAS

A Aula Municipal de Teatro de Carballo preséntase de novo ante o público con "Amores", dirixida por Artur Trillo

Martes 26 de abril do 2011

A Aula Municipal de Teatro afeccionado de Carballo preséntase por segunda vez ante o público con "Amores", un mosaico de dez pequenas e divertidas historias que descobren dez tensos e conflitivos fragmentos extraídos do día a día. Os diálogos están baseados en textos de varios autores adaptados por Artur Trillo, que por segundo ano consecutivo tamén dirixe a aposta da Aula Municipal. Un total de 16 actores e actrices enriba do escenario para compoñer un cruce heteroxéneo de persoas e personaxes, pensamentos, soños, amores e paixóns traizoadas, nunha proposta na que o elemento unificador é o humor, un humor que necesitamos para poder soster esa mirada no espello, para enfrontarnos á aventura cotiá do vivir. Ao igual que en 2010, está prevista unha dobre función: o venres 29 e o sábado 30 de abril ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. As entradas son de balde, e aínda poden reservarse no teléfono 981 704 300 ou nas oficinas da Concellaría de Cultura do Pazo da Cultura de 11.00 a 14.00 horas. Poderán recollerse os días das representacións no despacho de billetes do Pazo de 19.00 a 20.30 horas. Como máximo, poden reservarse 4 entradas por persoa e día. A duración prevista do espectáculo é de 70 minutos.

Carballo delega na Deputación da Coruña as competencias para a instrución dos expedientes sancionadores de tráfico

REALIZADO O SORTEO PARA A SELECCIÓN DAS MESAS ELECTORAIS

Carballo delega na Deputación da Coruña as competencias para a instrución dos expedientes sancionadores de tráfico

Martes 26 de abril do 2011

A corporación carballesa vén de celebrar o último pleno deste mandato, antes da súa disolución e a celebración das eleccións municipais do domingo 22 de maio. O goberno sacou adiante cos seus votos a delegación na Deputación provincial da Coruña das competencias para a instrución dos expecientes sancionadores de tráfico e a xestión, inspección e recadación da taxa pola utilización privativa, ou aproveitamento especial pola ocupación da vía pública polas empresas prestadoras de servizos como o subministro eléctrico, por exemplo. Respecto das multas, o Concello de Carballo xera ao ano máis de 2.000 expedientes sancionadores que, en opinión do goberno, supoñen un importante esforzo económico e tamén persoal por parte dos empregados municipais. Xa hai un tempo que os representantes municipais veñen mantendo conversacións co organismo provincial, negociacións que por fin chegaron a un acordo que se someteu a votación o luns 25 de abril na sesión plenaria. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, explica que esta delegación de competencias está moi estendida entre numerosos concellos da provincia, ademais de que a medida redundará nun importante aforro e tiña sido demandada tanto pola Policía Local, como polos departamentos de Intervención, Tesourería e Secretaría municipais.

Aprobación definitiva en Xunta de Goberno do proxecto de reparcelación do Parque Empresarial de Bértoa

CONVENIO DE COLABORACIÓN COA ASOCIACIÓN A BRAÑA

Aprobación definitiva en Xunta de Goberno do proxecto de reparcelación do Parque Empresarial de Bértoa

Luns 25 de abril do 2011

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar de xeito definitivo o proxecto de reparcelación do proxecto sectorial do Parque Empresarial de Bértoa, o que significa que en breve poderán concederse as primeiras licenzas para a creación de novas naves no polígono industrial carballés. Con este trámite, e despois de que Xestur resolvera a única alegación presentada ao proxecto de reparcelación, remata a vía administrativa e o acordo será publicado no BOP (Boletín Oficial da Provincia). Esta aprobación supón a transmisión ao Concello, en pleno dominio e libre de cargas, de todos os terreos de cesión obrigatoria que pasan a ser de titularidade municipal e son os seguintes: dúas parcelas destinadas a equipamento público de 13.917 e 1.350 metros cadrados; tres parcelas destinadas a zona verde de 23.013, 45.840 e 34.623 metros cadrados; unha parcela de servizos técnicos de 2.645 metros cadrados; seis parcelas de aparcadoiro público de 6.857, 2.033, 2.361, 4.250, 4.336 e 4.336 metros cadrados; e unha superficie de rede viaria de 114.302 metros cadrados. Nestes momentos xa hai tres proxectos pendentes da concesión da licenza correspondente para instalarse no parque empresarial.

Carballo celebra os 50 anos de "Memorias dun neno labrego" cunha charla con Neira Vilas

MARTES 26 DE ABRIL ÁS 11.00 E ÁS 16.00 HORAS

Carballo celebra os 50 anos de "Memorias dun neno labrego" cunha charla con Neira Vilas

Luns 25 de abril do 2011

O martes 26 de abril, o Pazo da Cultura de Carballo acolle unha conversa de Xosé Neira Vilas con rapaces e as rapazas dos centros de ensino, con motivo do 50 aniversario da publicación do seu libro "Memorias dun neno labrego", a obra máis lida da literatura galega. A cita ten lugar ás 11.00 horas no auditorio do pazo carballés. Ademais, ás 16.00 horas, o escritor conectará desde Carballo por videoconferencia cun colexio de Bos Aires. Está previsto que participen na conversa co autor galego rapaces e rapazas do IES Monte Neme, IES Parga Pondal, CPR Artai, IES Bergantiños e CPI Xosé Pichel. Este acto, organizado polo Concello de Carballo, será presentado por Mercedes Queixas. "Memorias dun neno labrego" publicouse en 1961, hai agora 50 anos, en Bos Aires, Arxentina e, desde aquela, vendéronse máis de 600.000 exemplares desta obra capital, o libro máis lido da literatura galega, e que foi traducido a linguas coma o chinés, o francés, o español, o búlgaro, o inglés, o alemán, o ruso, o checo ou incluso o esperanto ou o sistema braille.

Marful e Berrobambán Teatro, protagonistas xunto con Yolanda Castaño e Xurxo Borrazás da IV Festa da Lingua

SÁBADO 7 DE MAIO ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

Marful e Berrobambán Teatro, protagonistas xunto con Yolanda Castaño e Xurxo Borrazás da IV Festa da Lingua

Luns 25 de abril do 2011

A Deputación da Coruña, desde a Área de Normalización Lingüística que dirixe Xoán Sande, organiza en Bergantiños a IV Festa da Lingua, unha actividade que cada ano ten lugar nunha comarca da provincia e que nesta ocasión celébrase o sábado 7 de maio ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. A cita conta coa colaboración dos concellos de Cabana, Malpica, Ponteceso, Zas e Carballo, como anfitrión. As edicións anteriores tiveron lugar na Coruña e Ames. A Festa da Lingua ten o galego como principal protagonista, especialmente no mes dedicado ás Letras coa celebración do 17 de maio. Neste caso, elixiuse a primeira fin de semana de maio como data para non interferir coa campaña das eleccións municipais do día 22. Está prevista a actuación no Pazo da Cultura do grupo musical Marful, encabezado por Ugia Pedreira, e o teatral Berrobambán, con Paula Carballeira -distinguida o ano 2010 co galardón Xograr de Outono do FIOT- e Chiqui Pereira. A gala será presentada pola poetisa e comunicadora Yolanda Castaño e tamén inclúe a lectura dun manifesto titulado "A lingua preferida", do escritor carballés Xurxo Borrazás. No transcurso da IV Festa da Lingua será entregado, ademais, o II Premio Rosalía de Castro a iniciativas normalizadoras, organizado pola Deputación; e o VII Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores, organizado polo Concello de Carballo.

Compartir: