Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo acolle un curso de verán da Universidade da Coruña sobre "A evolución do turismo no marco da sociedade global"

XOVES 16 E VENRES 17 DE XUÑO NO PAZO DA CULTURA

Carballo acolle un curso de verán da Universidade da Coruña sobre "A evolución do turismo no marco da sociedade global"

Venres 3 de xuño do 2011

O Concello de Carballo leva colaborando varios anos coa Universidade da Coruña (UDC) acollendo o curso de verán de Dinamización Lingüística Traballando en lingua, unha cita xa consolidada no calendario formativo da vila. Este ano dase un paso máis coa celebración no Pazo da Cultura dun segundo curso da UDC, neste caso sobre "A evolución do turismo no marco da sociedade global: retos para a súa planificación e xestión", o xoves 16 e o venres 17 de xuño. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, subliña o feito de que se teñan levado a cabo en Carballo nos últimos anos accións relacionadas coa promoción do turismo, como un seminario sobre o deporte accesible en 2007 ou unhas xornadas sobre deporte e turismo sen barreiras en 2009. O obxectivo de acoller agora en 2011 unha nova actividade formativa relacionada co sector é o de converter esta cita nunha colaboración anual, especialmente co protagonismo do Fórum Carballo, un complexo especialmente habilitado para a capacitación profesional e que contará cun centro de hostalería. Neste curso en concreto, analizarase a transformación que está sufrindo o sistema turístico no contexto da globalización e da crise económica actual, así como as tendencias e oportunidades, retos e dificultades ás cales se enfronta o sector. Para obter máis información e formalizar a inscrición, premer aquí.

A praia de Razo acolle o 4 e 5 de xuño o II Open de Kayaksurf, válido para a Copa de España e para a Copa Galega

MÁIS DE 400 INSCRITOS NA I CARREIRA POPULAR DO CONCELLO

A praia de Razo acolle o 4 e 5 de xuño o II Open de Kayaksurf, válido para a Copa de España e para a Copa Galega

Venres 3 de xuño do 2011

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Deporte, informa de que o sábado 4 e o domingo 5 de xuño dispútase en Razo o II Open de Kayaksurf, válido para a Copa de España e para a Copa Galega. A competición, que comeza cada día ás 10.00 horas, está organizada polo club KayaksurfGalicia e conta co apoio das federacións nacional e galega de piragüismo, do Concello de Carballo, do Padroado Deportivo Municipal e co patrocinio, entre outros, de Teirón e Artsurfcamp. Está confirmada a presenza de competidores da elite do kayaksurf de Portugal, País Vasco e Galicia. Pola banda local, participan varios carballeses, coorganizadores da proba: José Piñeiro, Manuel Andrade, Rubén Añon, Luis Veira e Pablo Periscal. As modalidades da proba son kayak curto, kayak longo e waveski. Así mesmo, hai que lembrar que o domingo 19 de xuño dispútase a I Carreira Popular Concello de Carballo organizada polo Padroado Deportivo Municipal, que terá lugar polo casco urbano da vila. A día 2 de xuño xa están inscritos preto de 400 corredores en categoría senior e veteráns. A inscrición segue aberta para estos corredores, que terán acceso ao chip, até o domingo 12 de xuño. Os competidores/as xa inscritos veñen de localidades diversas de toda Galicia e xa hai participantes do norte de Portugal, León e Asturias.

O proxecto Fórum Carballo estrea páxina na popular rede social Facebook

OS VECIÑOS E VECIÑAS XA PODEN UNIRSE CO BOTÓN "ME GUSTA"

O proxecto Fórum Carballo estrea páxina na popular rede social Facebook

Xoves 2 de xuño do 2011

Fórum Carballo vén de estrear páxina na popular rede social Facebook. Deste xeito, o proxecto do Concello de Carballo amplía a súa presenza en Internet, e por extensión a súa imaxe corporativa dixital, a través desta ferramenta de comunicación da que os usuarios poderán facerse fans clicando no botón "Me gusta". Tamén poderán deixar as súas impresións sobre o proxecto no muro ou comentar as entradas feitas polos administradores nun estilo máis próximo e directo co interlocutor, como é habitual no canal. A mediados de febreiro pasado, o Concello de Carballo poñía en marcha a páxina web corporativa do proxecto Fórum Carballo como unha versión virtual do proxecto para fomentar a dinamización e a participación cidadá. Ademais de punto de encontro formativo, o site incorpora entre outras seccións o espazo interactivo Fórum 2.0, no que os veciños e veciñas poden solucionar as súas dúbidas en contacto directo cun grupo de expertos pertencentes a sectores representativos da comarca Bergantiños.

Aberto o prazo para anotarse no Descenso do Anllóns e no Concurso de Cachelas das Festas de San Xoán 2011

ATÉ AS 13.00 HORAS DO 21 DE XUÑO NO MUSEO DE BERGANTIÑOS

Aberto o prazo para anotarse no Descenso do Anllóns e no Concurso de Cachelas das Festas de San Xoán 2011

Mércores 1 de xuño do 2011

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura, informa de que está aberto o prazo para anotarse na XXIV edición do Consurso de Cachelas de San Xoán 2011. Poderán concorrer todos os grupos que o desexen, que deberán inscribirse no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 981 702 077) antes das 13.00 horas do día 21 de xuño de 2011. Así mesmo, está aberto o prazo para inscribirse no XIV Descenso do Anllóns de San Xoán 2011. Poderán concorrer os equipos compostos por 3 ou máis membros que se inscriban no Museo de Bergantiños tamén antes das 13.00 horas do día 21 de xuño. Coa inscrición, cada equipo deberá entregar unha declaración na que farán constar que coñecen o percorrido, que aceptan as bases deste concurso e que eximen de responsabilidades á organización polos accidentes ou danos que puideran ocasionar e/ou sufrir os membros da embarcación. Os menores de idade entregarán tamén unha declaración asinada polo pai, nai, titor/a, autorizándolles a participar. Estes impresos facilítanse coa inscrición. Os interesados e interesadas en consultar as bases ao completo, poden facelo nesta mesma nova en sendos documentos en pdf.

O Pazo da Cultura acolle o VII Curso de verán de Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña

DÍAS 20, 21 E 22 DE XULLO

O Pazo da Cultura acolle o VII Curso de verán de Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña

Mércores 1 de xuño do 2011

A Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e a Deputación da Coruña, organizan a sétima edición do Curso de verán sobre Dinamización Llingüística (na imaxe a sexta edición), que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo os días 20, 21 e 22 de xullo e que se centrará na análise dos discursos para a promoción da lingua galega. O curso, no que poden participar un máximo de 70 persoas, está dirixido a traballadores/as no ámbito da normalización lingüística, tanto en entidades públicas como no ensino ou en entidades privadas. A matrícula do curso pode facerse a través do sitio web da Universidade da Coruña (www.udc.es/occ). Os obxectivos desta iniciativa son reflexionar sobre a incidencia do(s) discurso(s) na situación social da lingua, analizar os argumentos a respecto da diversidade lingüística, revisar termos e conceptos sociolingüísticos en transformación e avaliar as ideas forza e os conceptos chave do discurso normalizador sobre o galego, así como a súa actualidade e/ou necesidade de reformulación. A actividade contará coa presenza de sociolingüistas, profesores de Universidade, psicólogos e incluso coa representación teatral "Pelos na lingua" de Talía Teatro.

Aspaber-UTE emprende o primeiro saneamento xeral anual de colectores no casco urbano

A ENTIDADE CUMPRE 7 ANOS AO FRENTE DA LIMPEZA VIARIA

Aspaber-UTE emprende o primeiro saneamento xeral anual de colectores no casco urbano

Martes 31 de maio do 2011

Os traballadores do Centro Especial de Emprego Aspaber-UTE, concesionario do servizo de limpeza viaria do Concello de Carballo dende hai máis de sete anos (dende o 25 de maio de 2004), están realizando estes días os traballos de saneamento e baldeado de todos os colectores de lixo de recollida de materia orgánica (verdes) da capital municipal. O habitual é que estes labores se realicen en dúas ocasións ao longo do ano, neste caso nunha primeira limpeza antes das festas de San Xoán e máis adiante nunha segunda ocasión ao longo do verán. Porén, dende Aspaber explican que é habitual que nalgunhas zonas, especialmente naquelas cun grande número de locais de hostalería, a limpeza de colectores se leve a cabo máis de dúas veces no ano debido á elevada cantidade de lixo que xeran estes establecementos. Os traballadores de Aspaber contan cun camión especializado 'lavacolectores' que permite a introdución do colector no vehículo, o que facilita en gran medida os traballos de limpeza. Así mesmo, mentres que nun principio os operarios saneaban os contedores 'in situ', agora os transportan e levan a lugares pouco transitados para molestar o menos posible aos veciños e veciñas.

Xogar na Rúa pecha as actividades de Deporte en idade escolar, nas que teñen participado preto de 2.500 nenos e nenas

SÁBADO 4 DE XUÑO ÁS 17.00 HORAS

Xogar na Rúa pecha as actividades de Deporte en idade escolar, nas que teñen participado preto de 2.500 nenos e nenas

Martes 31 de maio do 2011

Xogar na Rúa cumpre 20 anos pechando o sábado 4 de xuño as actividades de Deporte Municipal en idade escolar 2010-2011, unha iniciativa conformada polo programa Deporte na Escola, que fomenta a práctica do deporte entre os rapaces e rapazas dos centros de ensino e na que teñen participado 783 nenos e nenas, incrementándose a cifra do curso anterior. Así mesmo, noutras actividades de deporte escolar como son o campo a través, a natación, o balonmán ou a Liga Escolar Multideporte, o curso que agora remata acumulou a participación de 1.684 rapaces e rapazas. Un total de 2.467 cativos e cativas dos que unha boa parte asistirán a Xogar na Rúa para desfrutar dalgunha das 16 actividades que se ofertan, entre as que destacan un búfalo mecánico, bádminton, balonmán, un rocódromo, a capoeira ou o atletismo, que inclúe algunha proba máis que o ano pasado. A cita é na Praza do Concello a partires das 17.00 horas e conta co patrocinio da Asociación Vieiro, da Deputación da Coruña, de Novacaixagalicia, de Conservas Calvo e do Padroado Deportivo Municipal. O Concello quere agrader a súa colaboración, ademais da de moitas asociacións e entidades que favorecen o desenvolvemento desta actividade na que "o deporte toma a Praza do Concello", en verbas do Alcalde en funcións, Evencio Ferrero.

Máis de 450 persoas participaron no curso 2010-2011 no Programa de Exercicio Físico para Maiores do Concello

A ACTIVIDADE PECHOUSE O SÁBADO 28 CUNHA EXHIBICIÓN

Máis de 450 persoas participaron no curso 2010-2011 no Programa de Exercicio Físico para Maiores do Concello

Luns 30 de maio do 2011

Un total de 460 carballeses e carballesas maiores de 60 anos teñen participado ao longo do curso 2010-2011, entre os meses de outubro e maio, no Programa de Exercicio Físico para Maiores, organizado entre as concellarías de Deporte e de Terceira Idade. A maioría dos participantes neste programa asistiron o sábado 28 de maio ao peche das actividades no Pavillón Carballo Calero da capital municipal. Unha clausura na que, ademais dos concelleiros responsables da iniciativa, Marcos Trigo e Carmen Regueira, e os monitores que imparten as sesións, tamén estivo presente o Alcalde de Carballo en funcións, Evencio Ferrero. A cita contou cunha exhibición de cada un dos grupos nos que está dividido o programa, que recibirón unha camiseta conmemorativa e desfrutaron duns pinchos saudables. Os grupos están distribuídos en sete no Pavillón Vila de Noia da capital municipal e once nas parroquias de Berdillo, Cances, Entrecruces, Imende, Noicela, Oza, Razo, Rus-Outón, Rus-Ramil e Sofán, de xeito que a participación repártese case ao 50 por cento entre maiores do rural e do núcleo urbano. Os participantes desenvolven neste programa sesións de exercicio físico de intensidade baixa ou moderada para contribuír a mellorar a súa saúde.

O Concello e Xestur formalizan a permuta de terreos para a construción dunha subestación eléctrica no polígono de Bértoa

EDIFICARASE NUNHA PARCELA DE 1.900 METROS CADRADOS

O Concello e Xestur formalizan a permuta de terreos para a construción dunha subestación eléctrica no polígono de Bértoa

Venres 27 de maio do 2011

O Alcalde de Carballo en funcións, Evencio Ferrero, e a xerente de Xestur A Coruña, María Doporto, veñen de formalizar hoxe ante notario a permuta de terreos que permitirá a construción dunha subestación eléctrica no Parque empresarial de Bértoa que garantirá que as empresas que se instalen no polígono carballés conten cun subministro enerxético suficiente para cubrir as súas necesidades. Mediante este acordo, o Concello de Carballo cede a Xestur unha parcela de 1.900 metros cadrados situada na contorna do actual circuíto de campo a través do polígono carballés e valorada nuns 109.000 euros. A parcela conta cunha franxa de terreo vinculada ao sistema viario do parque, ademais de dispoñer dunha canalización de saneamento. A cambio destes terreos, Xestión Urbanística A Coruña, Xestur, cede ao Concello unha parcela de 1.200 metros cadrados situada na ampliación do parque empresarial e valorada nuns 110.000 euros. Este acordo de permuta foi aprobado nunha sesión plenaria ordinaria celebrada en febreiro de 2010, polo que, ademais, se modificou a superficie da parcela cedida polo Concello, que pasou dos 1.550 metros cadrados previstos inicialmente a ter os actuais 1.900.

O Concello de Carballo garante a calidade das augas da praia de Razo, perfectamente aptas para o baño

SEN COMUNICACIÓN OFICIAL DE ADEAC SOBRE A BANDEIRA AZUL

O Concello de Carballo garante a calidade das augas da praia de Razo, perfectamente aptas para o baño

Xoves 26 de maio do 2011

O Concello de Carballo informa de que as aguas da praia de Razo son perfectamente aptas para o baño, sendo a súa cualificación de boa a excelente segundo a normativa europea e estatal de calidade das augas. Así, a pesares do feito de que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) non concedese este ano o distintivo de Bandeira Azul para o areal, as 9 análises realizadas pola Consellería de Sanidade indican que, en 7 das mostras, a calidade da auga é excelente, mentres que nas dúas restantes é boa. Porén, para a concesión do distintivo da Bandeira Azul é necesaria a realización dun total de dez análises ao longo do ano, mentres que en 2010 os técnicos tan só examinaron 9 mostras. Por este motivo, o Concello xa se ten posto en contacto coa Consellería para pedir información sobre o feito de que non se levasen a cabo as dez análises. Así mesmo, tamén se ten solicitado a ADEAC un informe co motivo da denegación da concesión da Bandeira Azul. Ademais, e dado que vén de entrar en funcionamento a Estación Depuradora de Augas Residuais de Razo, o Concello pediu un informe á empresa concesionaria do servizo para coñecer se puido haber algún desaxuste na súa posta en funcionamento e vén de encargar a un laboratorio colaborador do Ministerio de Medio Ambiente e acreditado para a inspección e análise de augas continentais e mariñas, novas prospeccións da auga en Razo, á altura da desembocadura do Rego de Pardiñas. Nestes momentos estase á espera dos resultados.

Equipos de toda Galicia danse cita no V Torneo Escola Lubiáns de Hoquei a Patíns Concello de Carballo

DOMINGO 29 DE MAIO NO PAVILLÓN CARBALLO CALERO

Equipos de toda Galicia danse cita no V Torneo Escola Lubiáns de Hoquei a Patíns Concello de Carballo

Xoves 26 de maio do 2011

O Pavillón Carballo Calero acolle o domingo 29 de maio o V Torneo Escola Lubiáns de Hoquei a Patíns Concello de Carballo, unha cita que congrega a 12 clubs e á selección galega en categorías escolas, prebenxamín e benxamín, ademais de contar cun triangular en categoría senior como peche do torneo. Esta competición, organizada por Escola Lubiáns coa colaboración do Concello, da Deputación e da Xunta, está concebida como unha xornada lúdica, na que haberá entrega de medallas, de diplomas e sorteo de agasallos entre os participantes. Nesta ocasión os encontros sucédense de forma ininterrompida ao longo de todo o día, de 10.00 a 14.00 horas aproximadamente pola mañá, coas semifinais; e de 15.30 a 18.30 pola tarde, co encontro polo 3º e 4º posto e a final. Despois da entrega de trofeos, prevista para as 18.30 horas, dispútase o triangular senior cos equipos Escola Lubiáns Calvo, Escola Lubiáns Bombonera e a Selección Galega. O torneo congrega a clubs de toda Galicia nas distintas categorías. Así, en escola de patinaxe están: Escola Lubiáns, HC Liceo, Colexio Obradoiro, Dominicos, Escola Municipal Antonio González, Compañía de María, Santa María del Mar, Oleiros e CH Compostela; en prebenxamín: Escola Lubiáns, HC Liceo, Compañía de María¡ e Colexio Obradoiro; e en benxamín: Escola Lubiáns, Colexio Obradoiro, CH Compostela e HC Borbolla.

O Concello arranxa os danos dos temporais nas praias e mellora os seus accesos de cara ao inicio da tempada de verán

REPOSICIÓN DE DUCHAS, RAMPLAS E PONTES EN RAZO E PEDRA DO SAL

O Concello arranxa os danos dos temporais nas praias e mellora os seus accesos de cara ao inicio da tempada de verán

Sábado 21 de maio do 2011

O Concello de Carballo, a través das Concellarías de Obras e Servizos e de Praias, está ultimando nestes días o arranxo dos danos provocados nos areais do municipio polos temporais, especialmente polo Becky, que asolou o litoral da Costa da Morte o pasado inverno. Así, xa están colocadas as pontes da explanada de Razo, así como as bases das duchas, ás que tan so lles resta a conexión á rede de auga. No caso de Pedra do Sal e da Cabreira, nestes momentos están construíndose as ramplas para poder colocalas nos próximos días, así como as do acceso á praia de Razo que está situado a carón da caseta dos socorristas. No que se refire a moitas delas, trátase de ramplas que se instalarán distribuídas en varios treitos co obxectivo de que poidan ser desmontadas antes do próximo inverno e evitar que futuros temporais as leven e teñan que ser repostas de novo, co conseguinte desembolso económico. Os operarios calculan que os traballos estarán rematados na primeira semana de xuño, para que estea todo listo de cara ao inicio da tempada oficial de baño, prevista para esas datas. Nalgúns casos, como a conexión das duchas ou a colocación dalgunhas das ramplas, e co obxecto de evitar desperfectos provocados por mareas fortes, aínda que os servizos estean listos axustarase a súa posta en marcha ao inicio oficial da tempada, para que todo estea preparado e en bo estado.

Compartir: