Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Música, circo, maxia, teatro, libros e cine conforman o programa do Verán Cultural 2011

PRIMEIRA CITA: VENRES 8 DE XULLO ÁS 22.30 HORAS

Música, circo, maxia, teatro, libros e cine conforman o programa do Verán Cultural 2011

Mércores 6 de xullo do 2011

Un ano máis o programa de actividades do Verán Cultural nace coa vocación de ofrecer espectáculos para todos os públicos. Hai música, a través de concertos, festivais e folclore da man de artistas como Susana Seivane ou Sondeseu; maxia, xa tradicional nos veráns carballeses; teatro, dende o clásico "El caballero de Olmedo" até o contemporáneo de "Pelos na lingua"; baile e etnografía da man de Arume; unha feira literaria que toma forma na Praza dos Libros; e as tamén tradicionais Noites de cine que viaxan polas parroquias do municipio en 19 sesións. A nova Concelleira de Cultura, Mar Eirís, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentaron o programa no que a rúa tamén é protagonista, sendo a Praza do Concello o espazo reservado para moitas das citas. As propostas comezan o venres 8 de xullo con Pistactiva: Gala de circo, unha montaxe circense a pé de rúa na que o público infantil e adulto poderá gozar dunha gala de novo circo do maior nivel, na qu no faltarán as acrobacias, os malabares, os pallasos ou os espectaculares números aéreos, todo isto presentado pola clown Isabel Risco e co acompañamento musical dun ritmo frenético e balcánico dos Chiquilicuatres, que engaden, ademais, moito humor. un espectáculo de gran calidade, de balde a partires das 22.30 horas na Praza do Concello. Se as previsións indican choiva, a cita trasladarase ao Pazo da Cultura. Un comezo inmellorable para un programa no que o Concello quere agradecer a colaboración de Ifecgás Pereira e Conservas Calvo.

Carballo celebra a III Ruta do Pincho de Verán entre o sábado 9 e o domingo 31 de xullo

SORTEARASE UNHA ESTANCIA PARA DÚAS PERSOAS EN MAR DE QUEO

Carballo celebra a III Ruta do Pincho de Verán entre o sábado 9 e o domingo 31 de xullo

Martes 5 de xullo do 2011

Entre o sábado 9 e o domingo 31 de xullo terá lugar a III Ruta do Pincho de Verán, na que participan un total de 5 locais de hostalería de Carballo: O Xabarín, Os Mareantes, Restaurante Bergantiños, Café-Vinoteca Ánfora e Cafetería El Juzgado. Esta iniciativa que terá lugar os sábados e domingos de 13.00 a 15.00 horas e de 20.30 a 22.30 ofrece pinchos de balde coas consumicións. Os pinchos serán creativos e únicos, e necesariamente de elaboración propia. Ademais da degustación gratuíta dunha tapa, participar na Ruta do Pincho de Verán tamén trae premios, xa que para os que consigan completar o cartón cos cuños de todos e cada un dos locais participantes, poderán participar no sorteo dunha estancia para dúas persoas no Hotel Rural Talaso Mar De Queo, con almorzo e con sesión privada de talasoterapia (premio patrocinado por Mar De Queo). O sorteo do premio terá lugar na Praza do Concello o domingo 31 de xullo ás 14.00 horas, coincidindo co último día da ruta. Ademais, esta edición conta coa novidade de que o domingo 10 de xullo o pincho sairá á rúa e os hostaleiros participantes distribuirán pinchos gratuítos de 12.00 a 13.30 horas na Praza do Concello, coincidindo coa celebración da feira. A organización tamén espera recoller as impresións dos veciños e veciñas que o desexen nun blog en Internet na seguinte dirección: <www.blogoteca.com/depinchosporcarballo>.

O nacionalista Evencio Ferrero resulta reelixido Alcalde de Carballo co apoio dos concelleiros do BNG e do PSOE

A CORPORACIÓN CONTA CON 8 CARAS NOVAS

O nacionalista Evencio Ferrero resulta reelixido Alcalde de Carballo co apoio dos concelleiros do BNG e do PSOE

Venres 1 de xullo do 2011

O líder do BNG e Alcalde de Carballo durante os últimos 8 anos, Evencio Ferrero, resultou hoxe reelixido no seu cargo na sesión plenaria de constitución celebrada ás 12.00 horas na Casa do Concello. A rolda de votacións saldouse co apoio para Evencio Ferrero dos 10 concelleiros do BNG e do único representante do PSOE, José Antonio Viña, que optou por apoiar durante o pleno á lista máis votada. Así mesmo, Alberto Sueiro contou cos votos a favor dos 8 concelleiros do PP, mentres que Manuel Andrade contou cos apoios dos 2 concelleiros de TEGA. Así, a maioría absoluta acadada grazas ao apoio do PSOE proclamou Alcalde de novo a Evencio Ferrero, que continuará no cargo outros catro anos máis. A mesa de idade da sesión foi constituída polos concelleiros electos de maior e menor idade, neste caso os dous representantes de TEGA, Manuel Andrade e Estefanía Canosa -estreándose na corporación-, actuando o primeiro como o presidente de mesa, sendo o encargado de tomar xuramento ou promesa aos concelleiros electos e de presidir a elección do Alcalde. Hai que subliñar que hai oito novas caras na recén constituída corporación, a maioría delas por parte do PP, que incorpora 4 membros, e do BNG, con 3 novos membros neste mandato, aínda que Milagros Lantes e Xosé Regueira sexan veteranos na política local. O recén elixido Alcalde tamén deu a coñecer despois da sesión as delegacións de Alcaldía, así como o nomeamento dun único Tenente de Alcalde, cargo que recae en Milagros Lantes Seara, que ademais xestionará as áreas de Planificación e Desenvolvemento Urbano.

The Cerne e a tradicional Mostra de Habaneras poñen o peche definitivo ao programa de San Xoán

VENRES 1 E SÁBADO 2 DE XULLO ÁS 21.00 HORAS

The Cerne e a tradicional Mostra de Habaneras poñen o peche definitivo ao programa de San Xoán

Xoves 30 de xuño do 2011

O programa de San Xoán 2011 pecha as súas actividades a primeira fin de semana de xullo coa presenza de dúas actuación musicais ben distintas. A primeira é o venres 1 de xullo ás 21.00 horas e corre a cargo de The Cerne. A segunda, a XV Mostra de Habaneras, celébrase o sábado 2 de xullo á mesma hora. No caso de The Cerne, a banda carballesa presenta o disco que leva o seu mesmo nome coa participación das Cantareiras de Berdillo, Javier Ferreiro e antigos compoñentes do grupo, como José Manuel e Consuelo. Guillermo Mato, guitarrista da banda, asegura que, sendo todos os compoñentes do grupo de Carballo, é "unha honra" para eles participar no evento festivo máis importante do ano, como é o San Xoán. No apartado musical, subliña que os seis temas do disco que presentan son de produción propia e realizan unha revisión dos anos 80 cun aire moi xuvenil. Esperan, ademais, poder contar coa colaboración a Orquestra Sinfónica de Melide, coa que recentemente teñen unido esforzos para ofrecer a Gala Americana no Pazo da Cultura carballés, no Teatro Jofre de Ferrol ou no Teatro Colón coruñés, cunha selección de grandes éxitos da música popular como "Over the rainvow" ou "New York, New York". Nesta ocasión retornan ao seu espírito máis pop e rockeiro para conseguir para o público, segundo Mato "unha noite divertida con temas agradables e frescos".

Carballo participa cun equipo de baloncesto nos IX Xogos do Eixo Atlántico 2011

A CITA É NA CIDADE PORTUGUESA DE MATOSINHOS

Carballo participa cun equipo de baloncesto nos IX Xogos do Eixo Atlántico 2011

Mércores 29 de xuño do 2011

O Concello de Carballo participará nos IX Xogos do Eixo Atlántico 2011, que se disputarán na cidade portuguesa de Matosinhos. O encargado de representar ao Concello será un equipo cadete masculino de baloncesto. Dez xogadores do municipio, acompañados do seu adestrador, Joaquín Moreira, o delegado Diego Brandón e o representante municipal, Francisco García Bello, partirán cara terras lusas o domingo día 3 de xullo. A expedición partirá da Praza do Concello ás 08.30 horas. Os xogadores convocados son: bases, Jorge Guillamet e Fernando Mariño; escoltas, Carlos Villarín, Manu Pereira e Fidi; aleiros, Sergio Cebral, Xabi González e Javi García; e pivotes, Carlos Fuentes e Lolo. Os Xogos, que pretenden a unión entre as cidades do norte de Portugal e de Galicia, chegan a súa novena edición, citando a máis de 1.500 deportistas, quen competirán dende o día 4 até o día 8 de xullo. Antes, o día 3, celebrarase a cerimonia de inauguración, acto que terá lugar o domingo ás 17.30 horas. Na primeira fase, os carballeses quedaron situados no grupo D, cos seguintes equipos: Vila Nova de Gaia, Penafiel e A Coruña. O calendario desta primeira fase é o seguinte: día 4 de xullo: Vila Nova de Gaia-Carballo ás 15.00 horas; día 5 de xullo: A Coruña-Carballo ás 10.00 horas; día 5 de xullo: Carballo-Penafiel ás 18.00 horas. Están convocados a participar nestes IX Xogos rapaces e rapazas de 25 municipios de Galicia e do Norte de Portugal.

As praias carballesas de Pedra do Sal e As Saíñas xa contan co distintivo da Bandeira Azul

ADEAC É O ORGANISMO QUE CONCEDE ESTAS ENSEÑAS

As praias carballesas de Pedra do Sal e As Saíñas xa contan co distintivo da Bandeira Azul

Martes 28 de xuño do 2011

A Bandeira Azul, un distintivo que concede a ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), ondea desde esta mañá nos areais de Pedra do Sal e As Saíñas do municipio de Carballo. Este símbolo recoñece a calidade das praias, así como das súas augas, ademais dos servizos que ten dispoñibles, como o de duchas, áreas de estacionamento, limpeza ou socorrismo. Acompañado do Concelleiro de Praias en funcións, Benedito Viña, e de socorristas e membros de Protección Civil, o Alcalde de Carballo en funcións, Evencio Ferrero, procedeu ao izado das bandeiras nun percorrido que comezou en Pedra do Sal e rematou nas Saíñas e que estivo acompañado polo vento e as baixas temperaturas. O símbolo da Bandeira Azul recoñece non só a calidade das augas, senón tamén a calidade dos servizos, da xestión ambiental, da seguridade e en xeral das instalacións das que dispoñen as praias, atendendo á accesibilidade, ao feito de que exista recollida selectiva, ao servizo de salvamento e socorrismo, etc. Para conseguir a Bandeira Azul é preciso realizar numerosos controis, entre os que destacan as análises periódicas das augas dos areais. Hoxe en día a campaña da Bandeira Azul desenvólvese anualmente en máis de 40 estados de cinco continentes, incluíndo a práctica totalidade dos estados da Unión Europea.

Máis de 80 pilotos participan na cuarta proba do Campionato de España de Autocross que se celebra no Circuíto carballés

ENTRE O 1 E O 3 DE XULLO

Máis de 80 pilotos participan na cuarta proba do Campionato de España de Autocross que se celebra no Circuíto carballés

Luns 27 de xuño do 2011

Un total de 85 pilotos teñen formalizada ata o momento a súa participación no III Autocross Carballo, a cuarta proba do Campionato de España desta disciplina que se celebra o venres 1, sábado 2 e domingo 3 de xulo no Circuíto Municipal de Motor de Bértoa. Trátase do terceiro ano consecutivo que a vila acolle unha proba deste tipo, que chega a mobilizar a arredor de 500 persoas -entre pilotos, técnicos, escuderías e membros da organización- que durante tres días residen en Carballo. A cita comeza o venres ás 18.00 horas oas verificacións técnicas na Praza do Concello, esperándose unha grande afluencia de público e pilotos ata as 20.30 horas. Xa pola noite, celébrase no Circuíto de Motor unha churrascada a partires das 21.30 horas. Continúan as verificacións, no mesmo lugar, pero ás 9.00 horas do sábado 2 coa descarga de vehículos, mentres que a partires das 12.00 horas a actividade trasládase ao circuíto cos primeiros adestramentos libres e os cronometrados. Por último, o domingo a partires das 9.00 horas teñen lugar as segundas tandas de adestramentos, as repescas e as finais, coa finalización da proba prevista para as 15.00 horas. A cita está organizada pola Escudería Coruña e a Federación Española de Automobilismo coa colaboración do Concello de Carballo, ademais da Eco Quad Galicia, Remontes 4x4 e Escudería Bergantiños Motor.

En marcha os traballos para dotar de equipamento o auditorio do complexo Fórum Carballo

ESTÁ SITUADO NA NAVE UN DO RECINTO DA MILAGROSA

En marcha os traballos para dotar de equipamento o auditorio do complexo Fórum Carballo

Luns 27 de xuño do 2011

O acondicionamento do complexo Fórum Carballo continúa a bo ritmo. Ademais de no exterior, os traballos céntranse estes días na Nave 1 do complexo do barrio da Milagrosa. Nun extremo deste edificio atópase o auditorio, con máis de cen prazas e pensado para actos que pola súa dimensión e necesidades atopen neste aforo un escenario idóneo para o seu desenvolvemento. O Concello de Carballo sempre defendeu o uso libre e aberto das instalacións de Fórum. O seu aproveitamento como un espazo multipropósito para beneficio do tecido productivo de Bergantiños é un dos obxectivos destas instalacións, para reunir nun mesmo punto a actividade empresarial coa municipal, non esquecéndose tampouco do tecido asociativo. As entidades locais poderán contribuír tamén a dar vida ás instalacións traendo ata A Milagrosa aquelas actividades que non teñan cabida nos seus propios locais. No caso concreto de pemes e autónomos, quéreselles ofrecer un servizo máis para impartir no complexo os seus cursos de formación ou reunións con motivo da celebración dun evento profesional, para o que contarán co equipamento técnico e as comodidades necesarias. O auditorio de Fórum Carballo conta cun total de 105 prazas, entre as que se inclúen dúas para persoas con mobilidade reducida.

As cachelas, Chenoa, as verbenas, o descenso do Anllóns e a Festa do Bosque: protagonistas na Semana Grande de San Xoán

DO 23 AO 26 DE XUÑO

As cachelas, Chenoa, as verbenas, o descenso do Anllóns e a Festa do Bosque: protagonistas na Semana Grande de San Xoán

Xoves 23 de xuño do 2011

Chenoa volve a Carballo despois de case unha década no concerto central das Festas de San Xoán. Unhas festas nas que as verbenas, a música, as procesións, as cachelas e o descenso do Anllóns son, unha vez máis, protagonistas no programa de actividades ademais das citas deportivas, como a Carreira Ciclista Trofeo de San Xoán ou o Torneo de fútbol de peñas. O punto de partida marcouno o pregón do día 22, no que o músico e cantante de Berrogüetto, Xabier Díaz, mesturou música e canción, palabras e aturuxos, defendendo no seu discurso o folclore local e as asociacións que o preservan e difunden, ademais de falar dunha praza de "domingos de feira", do "maneo" de Carballo e dunha festa "que sempre chega, mesmo en tempos de dificultade". O día 23 é a noite meiga co tradicional Concurso de Cachelas que chega este ano a súa XXIV edición, e no que están inscritas 16 cachelas repartidas por diferentes puntos do casco urbano. O xurado comezará o percorrido a partir das 19.00 horas para valorar o traballo dos participantes e poder outorgar os 1.650 euros que hai asignados entre premios e subvencións. Logo a Orquestra Pontevedra tocará nunha verbena na Praza do Concello, a partires das 23.30 horas, caracterizada polo lume das cachelas e o olor a sardiñas. O venres 24, día de San Xoán, a procesión, o concerto da Banda Municipal e a verbena coas Orquestras Aché e Combo Dominicano, centran o programa.

O Concello acondiciona as marxes do Paseo do Anllóns e limpa a ribeira do río ao seu paso pola capital carballesa

OPERARIOS DE ASPABER REALIZAN OS TRABALLOS

O Concello acondiciona as marxes do Paseo do Anllóns e limpa a ribeira do río ao seu paso pola capital carballesa

Martes 21 de xuño do 2011

Unha cuadrilla de operarios do centro especial Aspaber de Carballo está traballando estes días na limpeza do Paseo do Anllóns en todo o seu percorrido pola capital municipal. Os labores consisten na retirada de herbas e vexetación dos bordes do carreiro do paseo de xeito manual, de forma que se evita o emprego de herbicidas prexudiciais. Os traballos, que durante esta semana transcorren no Bosque do Añón, realizaranse nas dúas marxes do río, aínda que comezaron na marxe esquerda río arriba. Ademais da limpeza, está previsto mellorar o firme para facilitar o tránsito pola zona. Dende a Concellaría de Obras e Servizos piden desculpas polas posibles molestias ocasionadas aos veciños e veciñas. Así mesmo, informan de que, co obxecto de non cortar a zona de paso, está previsto que os traballos se realicen aproveitando os treitos entre as pontes, para facilitar desvíos que permitan o paseo. Ademais, o Concello informa de que veñen de rematar os traballos de desbroce da ribeira do Anllóns entre o Cemiterio de Bértoa e o Muíño do Quinto, co obxectivo de acondicionar e limpar a canle do río. Esta actuación está incluída dentro do programa de mantemento de espazos públicos do Concello de Carballo.

Un veterán resulta vencedor na I Carreira Popular Concello de Carballo, que congregou a un millar de corredores

O PADROADO DEPORTIVO MUNICIPAL ENTRA EN FACEBOOK

Un veterán resulta vencedor na I Carreira Popular Concello de Carballo, que congregou a un millar de corredores

Martes 21 de xuño do 2011

O corredor veterán Manuel López, de Oleiros, resultou o gañador absoluto da I Carreira Popular Concello de Carballo que se celebrou o domingo 19 de xuño, cun tempo de 33 minutos e 39 segundos. Na categoría de mulleres, a gañadora foi a sénior Rocío Alvite, de Mazaricos, cun tempo de 42 minutos e 43 segundos. No caso dos corredores de Carballo, o que acadou o mellor posto foi Andrés Eirís, que conseguiu o posto 12 na clasificación xeral; e en féminas foi María Belén Garrido, no posto 10. A competición contou coa participación de arredor dun millar de corredores que encheron as principais rúas da capital municipal carballesa, que foron o escenario para esta gran cita deportiva homologada pola Federación Galega de Atletismo na que correron participantes de alevín, infantil, cadete e xuvenil (con máis de 330 corredores); e de categoría sénior e veteráns (con máis de 660 anotados). Ademais dun éxito de participación, a proba contou cun grande éxito de público, que encheu as rúas do centro para animar aos corredores. Os interesados e interesadas poden consultar a clasificación ao completo en sendos documentos en formato pdf descargables nesta mesma nova.

O VII Curso sobre Normalización Lingüística da UDC propón un espazo de debate real sobre a lingua

NO PAZO DA CULTURA ENTRE O 20 E O 22 DE XULLO

O VII Curso sobre Normalización Lingüística da UDC propón un espazo de debate real sobre a lingua

Luns 20 de xuño do 2011

Carballo acolle un ano máis o Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña (UDC), que chega á súa sétima edición centrándose na análise dos discursos para a promoción da lingua galega. O Alcalde de Carballo en funcións, Evencio Ferrero, e o Reitor da UDC José María Barja, veñen de asinar o convenio que permitirá o desenvolvemento desta actividade, que, segundo a directora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Goretti Sanmartín, supón un "espazo de debate e de encontro real" para os seus participantes, que conforman grupos de traballo que tiran conclusións de utilidade sobre a política lingüística e a lingua. O curso está organizado pola UDC coa colaboración do Concello, da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e a Deputación da Coruña e ten lugar os días 20, 21 e 22 de xullo no Pazo da Cultura. O número máximo de persoas que poden acudir a esta iniciativa é de 60, e o prazo de inscrición está aberto até o 8 de xullo. Nestes momentos xa están cubertas a metade das prazas xa que, segundo Sanmartín, "existe un público fiel" que fai que cada ano se cubra o cupo. A matrícula -que custa 50 euros para público en xeral e 30 euros para persoas desempregadas, estudantes ou socias da CTNL-, pode facerse a través do sitio web da Universidade da Coruña (www.udc.es/occ).

Compartir: