DO 20 AO 22 DE XULLO NO PAZO DA CULTURA DE CARBALLO
Martes 19 de xullo do 2011
A Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e a Deputación da Coruña, organizan a sétima edición do Curso de verán sobre Dinamización Lingüística, que ten lugar no Pazo da Cultura de Carballo os días 20, 21 e 22 de xullo e que se centra na análise dos discursos para o fomento da lingua galega. Na inauguración, que ten lugar o mércores 20 ás 10.15 horas, participan o presidente da CTNL, Nel Vidal; a directora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Goretti Sanmartín; o secretario xeral da Universidade da Coruña, Carlos Amoedo, e o concelleiro de Normalización Lingüística de Carballo, Xosé Regueira. Os obxectivos deste curso son reflexionar sobre a incidencia do discurso ou discursos na situación social da lingua, analizar os argumentos a respecto da diversidade lingüística, revisar termos e conceptos sociolingüísticos en transformación e avaliar as ideas forza e os conceptos chave do discurso normalizador sobre o galego, así como a súa actualidade ou necesidade de reformulación. O curso comeza cun relatorio de José María Sánchez Carrión, "Txepetx", sociolingüista vasco, no que presentará propostas de discursos e argumentos integradores para a normalización lingüística.
SUBMINISTRO PARA A NAVE 4 DO FÓRUM CARBALLO
Luns 18 de xullo do 2011
A Xunta de Goberno Local, reunida na súa primeira sesión ordinaria logo da constitución da nova corporación, vén de aprobar tres expedientes de contratación para a mellora de vías e para o equipamento da nave 4 do complexo Fórum Carballo. Así, saíu adiante o relativo á "Mellora de capa de rodadura no lugar de Xoane na parroquia de Goiáns" e o relativo á "Mellora de capa de rodadura no lugar do Añón na parroquia de Berdillo". Ámbalas dúas actuacións están incluídas no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos (POS) de 2011. No primeiro caso o orzamento de contrata é de 113.059,93 euros, mentres que no segundo o prezo base de licitación é de 136.509,81euros. Así mesmo, recibiu luz verde o expediente para o contrato administrativo de "Subministro e instalación de cabina de lacado e barnizado na nave nº 4 do edificio Fórum-Carballo". Neste caso, os criterios de adxudicación son o prezo, a ampliación do prazo de garantía e a ampliación do prazo de mantemento, cun orzamento de execución por contrata de 32.314,30 euros. A sesión supuxo tamén a adxudicación do contrato administrativo de servizos para a "Dirección de obra da Biblioteca de Carballo", cun prezo de 48.380 euros.
O ORZAMENTO DE LICITACIÓN É DE 1,2 MILLÓNS DE EUROS
Venres 15 de xullo do 2011
Representantes da empresa Ogmios Proyectos SL e o Alcalde, Evencio Ferrero -acompañados do Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas- veñen de asinar o contrato de obra para a construción da nova Biblioteca de Carballo, que estará situada nunha parcela de 1.500 metros cadrados na contorna da Rúa Pontevedra. Ambas partes amosaron o seu interese porque os traballos comecen o antes posible, ademais de comentar algúns detalles técnicos do proxecto, como o movemento de terras. Un total de 42 empresas optaron á execución desta actuación, aínda que a adxudicación recaeu finalmente en Ogmios por un orzamento de licitación de 1.199.588 euros. Os criterios que se seguiron durante o proceso de contratación foron: a valoración do plan de execución de obra, a redución de prazos (que a adxudicataria baixa en 45 días) e a proposta económica. Esta última supuxo unha diminución de máis de 300.000 euros sobre o orzamento de licitación, de 1,5 millóns de euros, mentres que o prazo de execución é de 15,5 meses. O importe necesario para a execución da actuación será achegado na súa totalidade polo Ministerio de Cultura, que ten como prazo límite para o remate do proxecto o 31 de decembro de 2012. A adxudicación deste contrato formalizouse nunha Xunta de Goberno Local de principios do mes de xuño, na que tamén recibiu luz verde o expediente para o contrato de servizos de "Coordinación de seguridade e saúde da obra Biblioteca", que está a piques de ser adxudicado.
O 6 E 21 DE AGOSTO CELÉBRANSE OS TORNEOS DO CONCELLO
Xoves 14 de xullo do 2011
O Concello de Carballo ofrece un ano máis no areal de Razo as Escolas de Véran de Volei Praia. Esta actividade, totalmente gratuíta, desenvólvese na explanada entre o 1 de xullo e o 31 de agosto de 16.00 a 20.00 horas de luns a domingo, sempre e cando o tempo o permita. Para participar, tan só hai que inscribirse nas pistas de volei praia situadas na explanada e seguir as indicacións do persoal responsable. Ademais, este ano, como novidade, cada día desenvólvense as Pequescolas, de 17.00 a 18.30 horas, destinadas a nenos e nenas de ata 9 anos, que deberán contar coa supervisión dalgún adulto. O obxectivo é inicialos na práctica do volei ademais de fomentar a educación medioambiental co coidado da praia, e os xogos con materiais diversos (como paracaídas, indiaca, frisbi, etc.), xogos de pistas, cancións, carreiras de relevos, xogos populares, futbolei ou palas. As actividades teñen lugar nun recinto menor que o dos maiores, especialmente adaptado para esas idades. Ademais, e dentro das iniciativas destinadas a fomentar o Volei Praia, os areais de Baldaio e Razo acollen os días 6 e 21 de agosto, respectivamente, os Torneos do Concello de Carballo. Námbolos dous torneos está previsto que os finalistas reciban como premio trofeos e material deportivo. Para obter máis información ou formalizar as inscricións, os interesados e interesadas poden facelo no teléfono 606 400 858 ou todos os días de 16.00 a 20.00 horas na explanada de Razo. Os sistema de competición pecharase depois da acreditación e segundo o número de inscritos.
REDÚCESE O GASTO NUN 27 POR CENTO RESPECTO DE 2007
Martes 12 de xullo do 2011
A sesión plenaria extraordinaria organizativa celebrada o luns 11 de xullo en Carballo supuxo o visto e prace para a proposta do BNG respecto dos cargos da corporación en réxime de dedicacións exclusivas e retribucións, un acordo que implica unha redución dun 27,05 por cento en salarios por dedicacións respecto ao estipulado no ano 2007. O acordo contou co apoio dos dez concelleiros do BNG e do representante do PSOE, José Antonio Viña, que considera que a proposta é razoable. Así, e á espera de que Xosé Regueira, Concelleiro Delegado de Xestión Municipal, tome unha decisión respecto á súa renuncia á retribución do Concello en favor dunha retribución como Deputado provincial, o Goberno contaría finalmente con cinco dedicacións exclusivas cun gasto bruto anual de 184.405,52 euros, fronte aos 252.785,10 euros de hai catro anos. Estarían distribuídas do seguinte xeito: o Alcalde e a Tenente de Alcalde e Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, percibirían un salario bruto anual de 38.952,76 euros cada un; o Concelleiro de Obras, Servizos e Medio Rural, Luís Lamas; o Concelleiro de Xestión Municipal e Normalización Lingüística, Xosé Regueira; e o Concelleiro de Deporte, Medio Ambiente, Promoción e Emprego, Marcos Trigo, percibirían cada un, un salario bruto anual de 35.500 euros. Se Regueira rexeitase a súa retribución por parte do Concello, non sería substituído, quedando o total de dedicacións en catro. O persoal eventual de confianza reduciríase á contratación dun único secretario persoal da Alcaldía, fronte aos dous cargos acordados en 2007.
O CONCURSO CONGREGOU A 64 COLEXIOS DE TODA GALICIA
Martes 12 de xullo do 2011
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Educación e Cultura, Mar Eirís, veñen de recibir na Casa do Concello aos alumnos e alumnas que conforman o equipo gañador da primeira edición do programa "Xiz", de V Televisión, disputado entre escolares de entre 9 e 12 anos de 64 centros de ensino de toda Galicia. Pablo Carballo Pacoret e Irene Varela Santiago, titulares do equipo, ademais de Leticia García Varela e Juan José Antúnes Marín, os suplentes, estiveron acompañados polos seus familiares, ademais de por parte do equipo directivo do CEIP Fogar. Recibiron un lote de libros, contaron parte da súa experiencia e asinaron, con bastante timidez, no Libro de Honra, onde quixeron expresar os seus agradecementos por todo o apoio recibido, subliñar a grande experiencia que viviron ou agradecer non só aos compañeiros do centro e ao equipo do programa, senón tamén ás cociñeiras do colexio que lles daban chocolate. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo transmitirlles os seus parabéns polo "brillantísimo" papel realizado durante o concurso, ademais de desexarlles "moitísimos éxitos" para o futuro. Para proclamarse vencedores de "Xiz", os concursantes do CEIP Fogar tiveron que derrotar na final, e despois de sete programas, ao CEIP Bandeira de Silleda, a quen gañaron batendo o récord do programa con 465 puntos.
O PROXECTO ESTÁ SENDO AVALIADO POR TÉCNICOS DE EDUCACIÓN
Luns 11 de xullo do 2011
A Xefa Territorial de Educación, María Teresa Villaverde Pais, informa de que o proxecto de ampliación do CEIP Bergantiños da capital municipal estará listo para o curso 2012-2013. Así transcendeu nunha entrevista mantida co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e a Concelleira de Educación e Cultura, Mar Eirís, que durante aproximadamente unha hora falaron coa Xefa Territorial sobre esta actuación, especialmente necesaria e urxente polos problemas de escolarización dos centros de ensino do casco urbano previstos para os próximos cursos. Así, xa para o curso 2011-2012 será preciso incluír nas aulas a arredor de 300 nenos e nenas nacidos en 2008, unha cifra moi elevada. Nestes momentos, o proxecto está entregado e en proceso de revisión, polo que, tan pronto remate o exame por parte dos técnicos, os traballos estarán en disposición de ser licitados. Nunha anterior xuntanza con Villaverde Pais en novembro de 2010, Educación adiantaba que a contratación se produciría no segundo trimestre deste ano, aínda que finalmente haberá un lixeiro atraso. Outro dos asuntos abordados durante a xuntanza refírese á zonificación dos centros escolares do municipio. Educación comprométese a revisar a comezos deste curso a adscrición de cada centro dentro do rueiro do municipio. Así mesmo, Villaverde Pais confirmou o peche da Escola Unitaria de Entrecruces.
A COMPAÑÍA REPRESENTARÁ O SEU ESPECTÁCULO "MUU!"
Luns 11 de xullo do 2011
A vindeira edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, que terá lugar o próximo mes de outubro, celebrará o vinte aniversario dun dos eventos culturais máis relevantes de Bergantiños e a Costa da Morte e dun dos festivais de artes escénicas máis importantes de Galicia. A Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, organizadores da cita, están preparando un programa especial de aniversario no que xa está confirmada a participación dunha das compañías máis exitosas na traxectoria do Festival e máis queridas polo seu público, os madrileños de Yllana, que tamén celebran este ano o seu vinte aniversario. Para esta celebración, Yllana retoma o seu primeiro espectáculo, "¡Muu!", unha das poucas propostas da compañía que non se puideron disfrutar en Carballo no seu momento. "¡Muu! 2", que a compañía madrileña estrea este mes, conserva aproximadamente o 20 por cento do espectáculo orixinal, incorporando numerosos elementos de actualidade pero conservando a súa esencia: unha intensa sátira ao mundo da tauromaquia cun estilo directo, espírito transgresor, actitudes moi gamberras e moita comedia. A organización do FIOT segue traballando na configuración da XX edición do festival na que espera ofrecer máis sorpresas.
SERÍAN CINCO DEDICACIÓNS PARA O ALCALDE E CATRO CONCELLEIROS
Venres 8 de xullo do 2011
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado do Concelleiro de Xestión Municipal, Xosé Regueira, vén de facer pública a proposta do Goberno -que se debaterá na sesión plenaria organizativa do luns 11 de xullo- respecto dos cargos da corporación en réxime de dedicacións exclusivas e retribucións. Así, o Alcalde e a Tenente de Alcalde e Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, percibirían un salario bruto anual de 38.952,76 euros cada un. Así mesmo, o Concelleiro de Obras, Servizos e Medio Rural, Luís Lamas; o Concelleiro de Xestión Municipal e Normalización Lingüística, Xosé Regueira; e o Concelleiro de Deporte, Medio Ambiente, Promoción e Emprego, Marcos Trigo, percibirían cada un, un salario bruto anual de 35.500 euros. Esto suporía cinco dedicacións exclusivas por un total ao ano de 184.405,52 euros, o que implicaría unha redución dun 27,05 por cento en retribucións por dedicacións respecto ao acordado hai catro anos, que ascendía a 252.785,10 euros. O persoal eventual de confianza reduciríase á contratación dun único secretario persoal da Alcaldía, fronte aos dous cargos acordados en 2007. O seu salario vén estipulado pola súa categoría como funcionario do Grupo C. En todo caso, o Alcalde quixo subliñar que, de saír adiante a proposta no pleno, logo cada concelleiro debe aceptar de forma expresa a retribución, algo que non é seguro no caso de Xosé Regueira, que está á espera de coñecer a súa función como deputado provincial. Se Regueira rexeitase a retribución por dedicación exclusiva do Concello, non sería substituído, quedando o total de dedicacións en catro.
A CITA CELEBROUSE NA CIDADE PORTUGUESA DE MATOSINHOS
Venres 8 de xullo do 2011
O equipo de Baloncesto de Carballo que representaba ao noso Concello nos IX Xogos do Eixo Atlántico conseguiu unha meritoria quinta praza, ao gañar á selección da Coruña por un 48-34. O Concello de Carballo e o Padroado Deportivo Municipal queren felicitar a todos e cada un dos rapaces que representaron ao municipio nestes Xogos celebrados na localidade de Matoshinos (Portugal) e en especial ao seu seleccionador, Joaquín Moreira, polo bo traballo realizado. Os Xogos comezaron o pasado domingo 3 de xullo e remataron o venres 8, cando a expedición carballesa emprendeu pola tarde o regreso á vila. Hai que mencionar que o equipo de baloncesto conseguiu quedar primeiro de grupo na primeira fase de encontros, chegando a gañar aos rivais por 37 puntos de diferencia, aínda que encaixou unha derrota. Esta clasificación doulles a posibilidade de loitar polos postos do 1º ao 8º, sendo o seu primeiro enfrontamento desta fase contra o equipo local de Matosinhos. Porén, non puideron finalmente desputar as semifinais, a pesares de acadar ao remate un meritorio quinto lugar. Os compoñentes do equipo carballés son: bases, Jorge Guillamet e Fernando Mariño; escoltas, Carlos Villarín, Manu Pereira e Fidi; aleiros, Sergio Cebral, Xabi González e Javi García; e pivotes, Carlos Fuentes e Lolo. OS IX Xogos do Eixo Atlántico, que pretenden a unión entre as cidades do norte de Portugal e de Galicia, chegaron a citar a máis de 1.500 deportistas dun total de 25 municipios.
MARTES 22 DE XUÑO A PARTIRES DAS 15.30 HORAS
Xoves 7 de xullo do 2011
A Federación Galega de Surf organiza o martes 22 de xuño na praia de Razo o proxecto Surf na Escola en Carballo, unha xornada de portas abertas gratuíta "para un curso de bautismo de surf" dirixido a rapaces e rapazas do municipio que poderán desfrutar de clases de balde durante toda a tarde. Ademais, non é necesario levar o equipo, xa que as escolas que colaboran na cita achegan as táboas e todo o necesario para practicar este deporte. Así, os interesados tan só teñen que levar a toalla, o protector solar e a roupa de baño. Esta cita conta coa colaboración do Concello, así como de Teiron, a Silfo Surf Camps & Escuela e Artsurfcamp e está aberta a participantes de entre 8 e 14 anos. O único que teñen que facer para poder asistir é inscribirse antes do 17 de xuño no Padroado Deportivo Municipal. A organización repartirá nos centros escolares da vila os folletos nos que se pode formalizar a inscrición, que tamén estarán dispoñibles nas escolas colaboradoras e no Padroado. Tan só é necesario facilitar o nome, o DNI, a data de nacemento e un correo electrónico de contacto. O Concello de Carballo colabora proporcionando un autobús gratuíto para trasladar aos participantes ás 15.30 horas dende a Praza do Concello de Carballo ata Razo.
"PROXECTO ANLLÓNS-BARDOSO. POSTA EN VALOR DOS RÍOS"
Xoves 7 de xullo do 2011
O Concello de Carballo vén de obter unha axuda dun total de 2.902.057,59 euros con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) para o "Proxecto Anllóns-Bardoso. Posta en valor dos ríos" que conta cun orzamento global de 4.145.796,5 euros. O obxectivo da iniciativa é a ampliación e mellora do subministro de auga potable de Carballo. O proxecto, elaborado por Valora Consultaría e Innovación, suporía repartir a presión da auga entre o río Anllóns e o Bardoso, facendo a captación dende dúas canles. Estaría prevista a creación dunha nova ETAP (estación de tratamento de auga potable) no río Bardoso e a construción dun depósito regulador intermedio entre o actual depósito do Paraíso (en Berdillo) e o situado na rúa Vila de Corcubión da capital municipal. A actuación recolle as indicacións do 'Estudo director para a mellora do abastecemento no termo municipal de Carballo', no que se efectúa unha análise da situación dos recursos hídricos no municipio. O proxecto mellorará considerablemente o subministro e a calidade das augas na capital carballesa, ademais do caudal ecolóxico e a protección do Anllóns en situacións de seca, e achegará aos veciños e veciñas información dos sistemas fluviais e educación ambiental en materia do ciclo da auga. Esta resolución aparece recollida no Boletín Oficial do Estado (BOE) do venres 1 de xullo.