Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Aprobadas as bases para a convocatoria das bolsas de estudo e transporte do Concello do curso 2011-2012

ADXUDICADAS AS AXUDAS PARA ACTIVIDADES DE SERVIZOS SOCIAIS

Aprobadas as bases para a convocatoria das bolsas de estudo e transporte do Concello do curso 2011-2012

Luns 1 de agosto do 2011

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar as bases da Convocatoria das bolsas de estudo e transporte para o curso 2011-2012 que teñen o obxectivo, segundo consta nas propias bases, de axudar a aquelas familias cunha situación socioeconómica máis desfavorable para afrontar os gastos derivados da escolarización dos seus fillos e fillas. As bolsas están dirixidas ao alumnado de segundo ciclo de Educación infantil (130 bolsas de 95 €), Bacharelato ou Ciclos Formativos de Grao Medio ou Superior (18 bolsas de 155 €) e Estudos Universitarios de Grao Medio ou Superior (5 bolsas de 620 euros). Non se inclúe na convocatoria o alumnado de Educación Primaria e ESO por ser beneficiarios dos programas de axuda da Xunta de Galicia. Tamén está previsto conceder bolsas de transporte por un importe total de 2.000 euros para distancias superiores a dous quilómetros para as que non exista transporte público gratuíto. O prazo de solicitude comezará ao día seguinte da publicación das bases no taboleiro de anuncios do Concello e na prensa diaria. Concederanse bolsas e axudas por unha cantidade total de 20.240 euros, con cargo ao Orzamento Xeral do Concello.

Rematada a instalación do equipamento da Escola de Hostalería do complexo Fórum Carballo

AS INSTALACIÓNS ESTÁN SITUADAS NA NAVE 4

Rematada a instalación do equipamento da Escola de Hostalería do complexo Fórum Carballo

Sábado 30 de xullo do 2011

O acondicionamento da Escola de Hostalería do complexo do Fórum Carballo, situada na planta baixa da Nave 4 do recinto da Milagrosa, xa está rematado e son poucos os detalles que faltan para a súa posta a punto. Este centro de formación, que é ademais un dos aspectos máis destacados de Fórum Carballo por ser unha vella reivindicación do sector da comarca, conta cun equipamento de carácter industrial e nivel medio-alto esixido para obter a homologación conforme a normativa europea. Esta premisa tamén se cumpre no resto dos talleres do complexo. A infraestructura coa que está dotada a Escola de Hostalería permitirá impartir unha oferta formativa de gran calidade, de acordo coas últimas tendencias no sector, así como ser o escenario para cursos de iniciación, perfeccionamento ou reciclaxe dos profesionais da comarca. De cara a propiciar a mellora continua dos empresarios, o centro pode ser así mesmo un espazo idóneo para promover encontros especializados. Ademais da ampla zona de fogóns (distribuídos en illa) e fornos, a área da cociña divídese en almacén de productos con cámaras frigoríficas de gran tamaño, zona de preparacións, de lavado e un cuarto separado para o módulo de panadaría-repostaría. No exterior, haberá servicio de restaurante e de cafetaría. Esta última conta tamén cunha pequena cociña propia.

O marketing e o salto a outros mercados: algunhas das claves para a expansión e mellora das empresas de Carballo

PRIMEIRAS CONCLUSIÓNS DO PLAN DE DINAMIZACIÓN EMPRESARIAL

O marketing e o salto a outros mercados: algunhas das claves para a expansión e mellora das empresas de Carballo

Venres 29 de xullo do 2011

Os puntos fortes nos que se asentan as empresas carballesas son o seu bo posicionamento, a iniciativa dos seus responsables e a diferenciación dos seus productos. Porén, necesitan mellorar noutros aspectos que as debilitan, como a súa excesiva concentración no mercado local, o baixo investimento realizado en marketing e imaxe de marca e o acomodo no que están inmersas. Son algunhas das conclusións tiradas pola empresa EBC Consulting no marco das liñas de actuación do Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial desenvolvido a través do proxecto Fórum Carballo. Un total de oito empresas teñen participado nesta iniciativa aproveitando a posta en marcha de cinco liñas de actuación dun total de seis: axuda á internacionalización, mellora da situación financieira, planificación estratéxica, mellora na xestión de cobros e morosidade e marketing. As empresas contaron cos servizos gratuítos dunha consultaría especializada para a elaboración dun diagnóstico ou informe personalizado sobre o seu negocio e tamén para obter algunhas das claves para mellorar a súa situación. A presentación das conclusións tivo lugar nunha sesión na que estiveron Eloy Silva e Alberto Payán, de EBC; así como o Alcalde, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín; e representantes de Axober, o CCA e das empresas que participaron no programa.

Teatro infantil e folclore adulto, oferta do Verán Cultural para a última fin de semana de xullo

VENRES 29 DE XULLO ÁS 20.00 E 22.30 HORAS NA PRAZA DO CONCELLO

Teatro infantil e folclore adulto, oferta do Verán Cultural para a última fin de semana de xullo

Xoves 28 de xullo do 2011

A oferta do Verán Cultural para rematar o mes de xullo aglutina espectáculos diversos para público tamén diferente. O venres 29 teñen lugar dúas propostas que van destinadas ao público máis infantil e ao adulto. A primeira das propostas é o espectáculo "Dous pallasos en apuros" a cargo da compañía Sete magníficos + 1, que, inspirados no clown, presentan unha trepidante tolemia de improvisación co público na que procurarán a risa e o divertimento, especialmente dos máis novos. Este espectáculo comeza ás 20.00 horas no Xardín municipal e conta coa colaboración da Deputación da Coruña. A segunda das propostas é o concerto de SondeSeu, a primeira orquestra estable de Europa con repertorio folk. Fundada por Rodrigo Romaní, ex compoñente de Milladoiro, e Anxo Pintos, membro de Berrogüetto, entre outros, esta agrupación integrada por 40 músicos ofrece unha ampla variedade de instrumentos: arpas, zanfonas, gaitas, voces, requintas, percusións, violíns, etc. Os asistentes poderán participar dun concerto cheo de música tradicional e de novas composicións, tendo como filosofía un espírito aberto e un timbre principalmente acústico. A cita é ás 22.30 horas e conta coa colaboración de Xacobeo Galicia, Agadic, Xunta de Galicia e Ano da Música 2011.

O Concello pide a colaboración de Augas de Galicia para axilizar os trámites para a ampliación do abastecemento de auga

"PROXECTO ANLLÓNS-BARDOSO. POSTA EN VALOR DOS RÍOS"

O Concello pide a colaboración de Augas de Galicia para axilizar os trámites para a ampliación do abastecemento de auga

Xoves 28 de xullo do 2011

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, mantiveron o mércores 27 de xullo unha xuntanza en Santiago co Presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez Iglesias, co obxecto de solicitarlle colaboración para a redacción dos informes favorables que permitirán a posta en marcha do "Proxecto Anllóns-Bardoso. Posta en valor dos ríos", que conta cun orzamento global de 4.145.796,5 euros e que recibirá financiamento europeo a través dos fondos FEDER cunha achega de 2.902.057,59 euros. As axudas europeas estipulan que os traballos deben comezar no ano 2012, e para o inicio das obras é preciso contar cos informes sectoriais e as autorizacións preceptivas, algunhas dependentes de Augas de Galicia. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, o obxectivo é "axilizar o procedemento o máis posible". Nestes momentos xa teñen comezado os trámites por parte do Concello, coa redacción do Documento de Inicio sobre consultas ambientais e coa elaboración da documentación necesaria que debe presentarse ante Augas de Galicia para obter a concesión para poder contar cunha nova captación de augas, un dos puntos principais da actuación. Así mesmo, a Administración Local está redactando o proxecto, e á espera da confirmación definitiva da concesión da subvención. A resolución respecto dos Fondos Europeos aparece recollida no Boletín Oficial do Estado (BOE) do 1 de xullo.

Carballo, Protección Civil e o Centro de Transfusión fan un chamamento para que a xente participe na campaña de doazón

LUNS 1 E MARTES 2 DE AGOSTO NA PRAZA DO CONCELLO

Carballo, Protección Civil e o Centro de Transfusión fan un chamamento para que a xente participe na campaña de doazón

Xoves 28 de xullo do 2011

"Facemos un chamamento para que os días 1 e 2 de agosto a xente se achegue ata a Unidade Móbil da Praza do Concello para facer as súas doazóns". Así solicitou a colaboración dos veciños e veciñas de Carballo o Alcalde, Evencio Ferrero, para que "Carballo sexa un Concello solidario" e volva acadar a taxa de doazón recomendada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e que se perdeu en 2010. Así, o ano pasado Carballo sufriu un descenso dun 5 por cento no número de doazóns, rexistrándose un total de 1.125 e 36 doazóns por cada mil habitantes. Tanto o Alcalde, Evencio Ferrero, como o responsable de promoción do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), Antonio Carcedo, cren que a actualización do padrón municipal, que chega en 2011 aos 31.373 habitantes; e as obras do mercado municipal, que provocaron o traslado da situación da Unidade Móbil durante os traballos, teñen contribuído ao descenso de 2010. Porén, subliñan que en 2011 os datos teñen sido máis "alentadores" e esperan que a vila recupere a ratio recomendada pola OMS, de entre 40 e 60 doazóns por cada mil habitantes e ano. Os interesados e interesadas en colaborar só teñen que achegarse á Praza do Concello os luns 1 e o martes 2 de agosto de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.

Máis de 250 nenos e nenas participan nas Escolas Deportivas e Culturais Xiria

CONTAN COA COLABORACIÓN DO PROGRAMA CONCILIA

Máis de 250 nenos e nenas participan nas Escolas Deportivas e Culturais Xiria

Mércores 27 de xullo do 2011

Un total de 253 nenos e nenas participan nas Escolas Deportivas e Culturais Xiria, que ofrecen -durante os meses de xullo e agosto- actividades de lecer para os cativos e cativas do municipio nados entre 1999 e 2007 (inclusive). Deles, arredor de medio centenar tamén desfrutan da ampliación de horario do programa Concilia do Concello, que colabora coa iniciativa, e que permite que os rapaces e rapazas estean atendidos entre as 7.30 e as 14.00 horas. Así, a través do Concilia os nenos e nenas están coidados entre as 7.30 e 10.00 horas, coa posibilidade de incluír o almorzo, que correría a cargo da empresa Xolda. E a partires das 10.00 ou das 11.00 horas e ata as 14.00 horas, segundo o horario elixido, os participantes nas Escolas desenvolven actividades deportivas e culturais no CEIP Fogar da capital municipal e no Pavillón Vila de Noia, nas que tamén se inclúen actividades alternativas como excursións, xogos populares, visitas á praia, ao monte ou ao parque acuático. O Acalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; e a Concelleira de Igualdade e Benestar, Silvana Castro, visitaron hoxe as Escolas e falaron cos responsables da iniciativa, cos monitores e cos nenos e nenas que desfrutan do programa de actividades.

Luz verde no pleno ao convenio para mellorar a contorna do mercado municipal de Carballo

DOTACIÓN DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS CON DESFIBRILADORES

Luz verde no pleno ao convenio para mellorar a contorna do mercado municipal de Carballo

Mércores 27 de xullo do 2011

A sesión plenaria ordinaria celebrada o martes 26 de xullo de 2011 supuxo a aprobación do Convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e o Concello de Carballo para o acondicionamento e mellora da accesibilidade na contorna do mercado municipal. O acordo recibiu o apoio dos once votos do BNG e o PSOE e contou coa abstención de PP e TEGA. Mediante este convenio, que supón unha achega ás arcas municipais de 500.000 euros, procederase ao acondicionamento da Rúa Desiderio Varela (na imaxe) dende o cruce coa Rúa Colón ata a Gran Vía, así como da Gran Vía dende o cruce coa Rúa Sol ata a Cervantes. A mellora non implica a transformación destas áreas en zonas exclusivamente peonís, xa que está previsto respectar os estacionamentos da rúa Desiderio Varela, aínda que se situarán na marxe do Xardín Municipal. Tamén, e na medida do posible dada a normativa de accesibilidade, respectaranse os aparcamentos da rúa Gran Vía. As dúas rúas cotarán con contenerización soterrada, ademais de que se renovarán os servizos, como o abastecemento de auga e saneamentos. Respecto dos acabados, no caso da Gran Vía serán similares aos da rúa San Xosé, mentres que no caso da Desiderio Varela, seguirase coa liña do treito que xa ten sido acondicionado. O convenio recolle un prazo de execución de 13 meses dende a sinatura do acordo, aínda que o Goberno calcula que a execución dos traballos podería durar uns 6 meses.

O pleno aborda a aprobación do convenio para mellorar a contorna do mercado municipal de Carballo

O MINISTERIO DE FOMENTO ACHEGA 500.000 EUROS PARA O PROXECTO

O pleno aborda a aprobación do convenio para mellorar a contorna do mercado municipal de Carballo

Venres 22 de xullo do 2011

O primeiro pleno ordinario que celebra a nova corporación carballesa dende as eleccións municipais do mes de maio conta, como principal asunto da orde do día, coa aprobación do Convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e o Concello de Carballo para o acondicionamento e mellora da accesibilidade na contorna do mercado municipal. Así, en novembro de 2011 deuse a coñecer que o Concello acadara unha partida de 500.000 euros a través do debate da comisión de orzamentos do Congreso para realizar esta mellora. Agora, a administración local xa conta co borrador do convenio, que esixe un acordo plenario para poder sacar adiante a actuación. O proxecto consiste no acondicionamento da Rúa Desiderio Varela dende o cruce coa Rúa Colón ata a Gran Vía, así como da Gran Vía dende o cruce coa Rúa Sol ata a Rúa Cervantes. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que presentou os asuntos do pleno -previsto para o martes 26 de xullo- coa Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, informa de que a mellora non implica a transformación destas áreas en zonas peonís, e subliña que se respectarán os espazos de estacionamento na rúa Desiderio Varela, aínda que se situarán na marxe do Xardín Municipal. Tamén, e na medida do posible dada a normativa de accesibilidade, respectaranse os aparcamentos da rúa Gran Vía. O convenio recolle un prazo de 13 meses para a execución da obra dende a sinatura do acordo, aínda que o Goberno calcula que o prazo de execución dos traballos será duns 6 meses.

O Festival Sereas e Piratas toma Razo o sábado 23 de xullo con surf e música de grupos "punteiros e arriscados"

EL COLUMPIO ASESINO, ME AND THE BEES OU THE COBRAS: NO CARTEL

O Festival Sereas e Piratas toma Razo o sábado 23 de xullo con surf e música de grupos "punteiros e arriscados"

Xoves 21 de xullo do 2011

O Festival Sereas e Piratas chega á súa sexta edición para encher un ano máis a praia de Razo con surf, boa música e moita xente con gañas de pasalo ben. Este ano a organización quere subliñar a vontade de acondicionar mellor o espazo do festival, cunha carpa e espazos especialmente reservados para acampar e incluíndo actividades novas, como unha sesión vermú coa actuación de Me and The Bees e unha churrascada aberta para todos os veciños e veciñas. José Antonio Deus, presidente da Asociación Cultural Rebeldía, organizadora da cita coa colaboración do Concello de Carballo, subliña que, no musical, o festival segue a mesma liña de anos anteriores, con grupos galegos de moita calidade e esta edición con El columpio asesino como cabeza de cartel, unha banda que había tempo que querían traer ao Sereas e Piratas e que "está sendo un dos grupos do ano, presente en todos os festivais importantes". Vanesa Ínsua, tamén de Rebeldía e editora da revista do festival, fixo tamén un chamamento ao civismo, para que os asistentes coiden a praia e faciliten a convivencia. Por último, este ano para asistir ás actuacións da noite, a partires das 21.00 horas, por primeira vez haberá que pagar, neste caso un "donativo simbólico" de 5 euros. A organización subliña que "non é moito para desfrutar dun cartel como este", que aglutina ata seis bandas punteiras do panorama indie galego e nacional. Máis información do programa na páxina web: <www.sereasepiratas.com.>.

O VII Curso de Verán sobre dinamización lingüística defende un discurso eficiente e un papel activo a prol da lingua galega

DO 20 AO 22 DE XULLO NO PAZO DA CULTURA DE CARBALLO

O VII Curso de Verán sobre dinamización lingüística defende un discurso eficiente e un papel activo a prol da lingua galega

Mércores 20 de xullo do 2011

O VII Curso de Verán sobre dinamización lingüística da Universidade da Coruña (UDC), que nesta edición leva como subtítulo "(Re)pensando o discurso", vén de arrincar no Pazo da Cultura co obxecto, segundo Goretti Sanmartín, directora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, de "reforzar os argumentos e obter un panorama dos discursos que existen sobre a lingua". A través de conferencias, obradoiros, e, sobre todo, con espazos de debate, o programa tamén pretende que os participantes "tomen un papel activo" e sigan estendendo o discurso porque "sen iso é ben difícil manter a lingua". No acto de apertura do Curso, Sanmartín estivo acompañada por Nel Vidal, presidente da CTNL (Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua), que redundou na necesidade de "repensar o discurso para facelo máis eficiente e con máis capacidade de convencemento". O secretario xeral da UDC, Carlos Amoedo, definiu Carballo como "concello talismán", na celebración das xornadas, especialmente por tratarse "dun dos concellos de Galicia onde se fala máis o galego a nivel popular". O Concelleiro de Normalización Lingüística de Carballo, Xosé Regueira, desculpou a ausencia do Alcalde na apertura e agradeceu a confianza da UDC por escoller Carballo como sede da cita. Subliñou a importancia de "artellar mecanismos a prol da lingua galega" e inivitou aos participantes no curso a desfrutar de Carballo "que é estes días a vosa vila e o seguirá sendo sempre que queirades achegarvos aquí".

O centro de día de Carballo situado na Praza de Vigo entrará en funcionamento no mes de setembro

O CONSORCIO ASUMIRÁ PARTE DO CUSTO DA ESCOLA INFANTIL

O centro de día de Carballo situado na Praza de Vigo entrará en funcionamento no mes de setembro

Mércores 20 de xullo do 2011

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar espera poder ter en marcha o Centro de Día de Carballo, situado na Praza de Vigo da capital municipal, no próximo mes de setembro. Así trascendeu na entrevista que mantiveron o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Igualdade, Benestar e Mocidade, Silvana Castro, co xerente do Consorcio, Roberto Rodríguez. Hai que lembrar que o edificio do Centro de Día de Carballo comezou a contruírse no mes de setembro de 2008 e leva máis de dous anos rematado, á espera de que a Administración Autonómica culmine os trámites necesarios para a súa entrada en funcionamento. Así, a dotación de equipamento para o edificio foi adxudicada en xullo de 2010 por máis de 99.000 euros, e agora o último paso é a adxudicación da xestión do servizo a unha empresa para que este bote a andar. O proxecto construtivo do Centro de Día de Carballo recollía unha capacidade inicial de 40 prazas, custou 763.000 euros e foi executado pola empresa Mouzo & Souto. Durante a xuntanza tamén se falou da Escola Infantil que nestes momentos se está construíndo no polígono 19 do PXOM carballés, na contorna da estrada de Razo. Os representantes municipais lembraron o compromiso adquirido polo Consorcio nun convenio asinado en 2008 polo que a administración autonómica asumiría o 80 por cento do custe dos traballos e a administración local o 20 por cento restante, aínda que finalmente o Consorcio non asumiu o financiamento e os traballos estanse realizando grazas a un convenio coa Deputación provincial.

Compartir: