Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Praza dos Libros mantén altos niveis de participación, con 1.500 persoas, e aumenta as vendas en galego

OS INGRESOS POR VENDAS CHEGARON AOS 17.000 EUROS

A Praza dos Libros mantén altos niveis de participación, con 1.500 persoas, e aumenta as vendas en galego

Martes 30 de agosto do 2011

O Concello de Carballo, desde a Concellaría de Cultura, fai unha valoración positiva da Praza dos Libros, que tivo lugar entre o xoves 25 e o domingo 28 de agosto no Xardín Municipal da capital bergantiñá, e na que se mantiveron tanto os niveis de venda como os niveis de participación das edicións de 2009 e 2010 que, pola súa vez, incrementaran o volume de vendas con respecto á edición de 2008. Ao longo dos catro días de feira pasaron pola Praza dos Libros miles de persoas e unhas 1.500 participaron nas case 20 actividades programadas, entre presentacións de libros, actos de sinatura por parte dos/as autores/as, actividades de animación, concertos, monicreques, etc. Con respecto ao nivel de vendas, houbo uns ingresos por adquisición de libros de 17.000 euros. Esta cifra é similar ás das edicións de 2009 e 2010, e supera os 15.000 euros de ingresos da edición de 2008. Deste xeito, a media de ingresos de cada unha das sete librarías participantes foi de case 2.500 euros.

A proba de Quadcross de Carballo incluída no Campionato Galego rexistra a inscrición máis alta de toda España

A CITA É O SÁBADO 3 DE SETEMBRO NO CIRCUÍTO DE BÉRTOA

A proba de Quadcross de Carballo incluída no Campionato Galego rexistra a inscrición máis alta de toda España

Martes 30 de agosto do 2011

O Circuíto de Bértoa acolle o sábado 3 de setembro a penúltima proba do Campionato Galego de Quadcross e a cuarta proba desta modalidade que se celebra en Carballo. Dende a organización, encabezada por EcoQuad Galicia, informan de que xa hai 28 pilotos que teñen confirmado a súa asistencia, polo que se rexistra como a proba destas características con máis participación de toda España e consolida o Circuíto carballés como un referente nas probas de motor. EcoQuad Galicia confirma a asistencia de Daniel Remuiñán, un piloto local que ten moitas posibilidades de proclamarse campión galego; pero a cita tamén contará coa presenza de Álex Barca e de Adrián Fariña; así mesmo, dende Burgos estará Kike Pardo. A organización quere subliñar que esta proba é unha das mellores de Galicia e agradece a colaboración dos patrocinadores, así como do Concello de Carballo e o Padroado Deportivo Municipal, para facer posible a cita e sacarlle partido "a unhas instalacións que son das mellores de España". No que respecta aos horarios, as verificacións comezan dende primeira hora, mentres que a partires das 12.15 son os adestramentos libres. A partires das 16.00 horas principia a disputa das mangas coa entrega de premios prevista para as 19.00 horas.

Avanzan as actuacións para rematar o equipamento e os subministros das naves do complexo Fórum Carballo

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Avanzan as actuacións para rematar o equipamento e os subministros das naves do complexo Fórum Carballo

Luns 29 de agosto do 2011

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar en sesión ordinaria o contrato administrativo para a dotación dunha rede Ethernet (rede de área local) do edificio Fórum Carballo a Esycsa cun prezo de adxudicación de 23.126 euros. A empresa oferta unha ampliación no prazo de mantemento de 24 a 36 meses e o contrato de subministro está cofinanciado nun 70 por cento mediante fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). Así mesmo, durante a sesión recibiu luz verde o expediente de contratación para o "Subministro e instalación de cabina de lacado e vernizado na nave número 4 do edificio Fórum Carballo". Así, ábrese o procedemento para a adxudicación con tramitación urxente cun orzamento base de licitación de 32.314 euros. Deste xeito continúan os trámites para rematar o equipamento e os subministros do complexo do proxecto Fórum Carballo, situado no barrio da Milagrosa e que está formado por cinco edificios, cohesionados entre si e distribuídos nunha área de 11.000 metros cadrados, cunha superficie edificada de 6.600 metros. Fórum Carballo é un proxecto que busca o fomento do emprego e o desenvolvemento sostible no marco do tecido produtivo de Carballo e a comarca de Bergantiños.

O Parque de Rego da Balsa acolle o 27 e 28 de agosto unha nova edición de Berocasión, a feira de vehículos de ocasión de Carballo

EN HORARIO DE 10.00 A 22.00 HORAS

O Parque de Rego da Balsa acolle o 27 e 28 de agosto unha nova edición de Berocasión, a feira de vehículos de ocasión de Carballo

Martes 23 de agosto do 2011

Un ano máis un grupo de profesionais do automóbil de Carballo únense para organizar a feira de vehículos de ocasión da capital de Bergantiños. Dende o ano 2006 déronse os pasos para reeditar esta cita que cada ano supera as expectativas en canto a número de visitantes e vendas realizadas. Esta nova edición celébrase o sábado 27 e o domingo 28 de agosto en horario de 10.00 a 22.00 horas no Parque de Rego da Balsa do centro carballés nas rúas Ánxel Fole, Enrique Sánchez e Avilés de Taramancos. Vehículos seleccionados de todas as marcas nacionais e de importación terán cabida en Berocasión, que prevé que sexan expostos arredor de 300 coches, entre kilómetro 0, seminovos, furgonetas, turismos, todoterreos e outros, con prezos de entre 3.000 e 50.000 euros. Ademais, este ano os clientes poderán beneficiarse de grandes descontos, como demostra a continua subida na compra de vehículos de ocasións nos últimos tempos, especialmente no ano 2011. Os participantes nesta sexta edición da feira son: Automóviles Dimolk, Gonzacar, Automóviles Vilas Rama, Motor Canedo, Motor Carballo e Talleres J. Lema.

Turismo estudará que a Ruta das Férvedas forme parte dunha rede de centros de bicicleta BTT de Galicia

O CONCELLO PIDE O REMATE DO ROTEIRO CICLOTURÍSTICO CARBALLO-RAZO

Turismo estudará que a Ruta das Férvedas forme parte dunha rede de centros de bicicleta BTT de Galicia

Sábado 20 de agosto do 2011

A Xunta estudará a posibilidade de que de que a Ruta das Férvedas (homologada como PR-G 142 e que inclúe as fervenzas de Rus e Entrecruces) forme parte dunha rede de centros BTT (Bicicleta Todo Terreo) de Galicia. Así transcendeu nunha xuntanza celebrada o venres 19 de agosto entre a Secretaria Xeral de Turismo, Carmen Pardo; o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín. O obxectivo desta reunión era o de por en coñecemento da Xunta de Galicia os proxectos e iniciativas do Concello de Carballo en materia de turismo, procurando a colaboración institucional entre as dúas administracións. Entre os asuntos que se abordaron están, ademais da dinamización da Ruta das Férvedas, a creación dun Plan de dinamización turística do espazo natural de Razo-Baldaio; dunha ruta de sendeirismo entre as praias de Razo e Caión; e o remate do último treito do roteiro ciclo-turístico Carballo-Razo. Así mesmo, abordouse a necesidade de mellorar a sinalización turística no municipio, especialmente no que respecta a recursos e espazos de interese turístico, o balneario, os puntos de información, etc. A Xunta está traballando xa neste tema coa elaboración de varios proxectos ou manuais de sinaléctica.

Xogadores de toda Galicia ou incluso de Brasil participan no IV Torneo de Volei Praia Concello de Carballo

DOMINGO 21 DE AGOSTO A PARTIRES DAS 11.00 HORAS

Xogadores de toda Galicia ou incluso de Brasil participan no IV Torneo de Volei Praia Concello de Carballo

Venres 19 de agosto do 2011

A praia de Razo acolle o domingo 21 de agosto a partires das 11.00 horas o IV Torneo de Volei Praia Concello de Carballo, no que está prevista a participación de xogadores e equipos chegados de todas partes de Galicia ou incluso doutros países como Brasil. Está previsto montar seis campos de volei praia e un para súper mini, sendo as categorías Súper 80 (masculina e feminina), Sénior (masculina e mixta), Xuvenil (masculina e mixta, ata 17 anos), Infantil (mixta) e Súper mini (4x4). Os premios serán trofeos para os dous primeiros de cada categoría e medallas para o súper mini, ademais de que se repartirán 500 augas e refrescos. Conxuntamente co torneo para todo o que se acerque haberá xogos alternativos ao longo de toda a xornada como Tiro da Corda, Lanzamento de Pedra, Frisby Gol. Así mesmo, coa colaboración da tenda de roupa Teiron, regalaranse prendas de roupa, e coa axuda de Artsurfcamp ofreceranse descontos nos cursiños de surf e outros gratis para todos os participantes. Está cita está organizada pola Asociación Deportiva Cultural de Voleipraia Costa da Morte conxuntamente co Concello de Carballo e os patrocinios de Calvo e Alquileres Reneymar. Tamén colaboran Agrobotica, 20 Twenty, John Pub Ross, American Dreams, Cocacola, Restaurante Bergantiños, Pizza Tutto, Puentega Carpinteiros, Estación De Servicio Mingacho e Café Baños Viejos.

A Praza dos Libros ofrece catro intensos días de feira e animación para todos os públicos no Xardín de Carballo

DO XOVES 25 AO DOMINGO 28 DE AGOSTO

A Praza dos Libros ofrece catro intensos días de feira e animación para todos os públicos no Xardín de Carballo

Xoves 18 de agosto do 2011

O Concello de Carballo, desde a Concellaría de Cultura, organiza un ano máis a Praza dos Libros, que terá lugar desde o xoves 25 ao domingo 28 de agosto no Xardín Municipal da capital bergantiñá. O punto de partida está previsto para o xoves 25 ás 11.00 horas, coa inauguración ás 13.00 horas coa intervención da Concelleira de Cultura, Mar Eirís, do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e co pregón da moza escritora carballesa Rosalía Fernández Rial, autora dos poemarios "En clave de sol" e "Átonos". Ao longo dos catro días de feira haberá un intenso programa de actividades de difusión do libro e da lectura para todos os públicos, e serán presentadas dez novidades editoriais e un disco. Na Praza dos Libros haberá oito stands. Un do Concello de Carballo e sete librarías: Brañas e Trasgo (de Carballo), Como unha novela (da Laracha), A Tenda dos Libros (de Ponteceso), Roget (de Vimianzo), Couceiro (da Coruña) e Pedreira (de Santiago de Compostela). O horario de apertura das casetas é de 11.00 a 14.00 horas polas mañás e de 17.30 a 21.30 horas polas tardes. A Praza dos Libros, que se desenvolve a última fin de semana de agosto desde o ano 2006, está organizada polo Concello de Carballo, coa colaboración de Conservas Calvo.

O Polígono de Bértoa acolle o sábado 20 de agosto o III Circuíto BTT 12 horas de Carballo

DE 10.00 A 22.00 HORAS

O Polígono de Bértoa acolle o sábado 20 de agosto o III Circuíto BTT 12 horas de Carballo

Mércores 17 de agosto do 2011

O Polígono de Bértoa de Carballo acolle o sábado 20 de agosto a celebración do III Circuíto BTT 12 horas de Carballo. A proba disputarase de 10.00 a 22.00 horas por relevos sobre un circuíto duns 10 quilómetros, con saída e chegada no parque empresarial, estimando un tempo medio por volta de 30 minutos e cumprindo as condicións de calquera proba cicloturista. A participación na proba realizarase de forma individual ou por equipos, que poderán estar formados por un, dous, tres ou catro corredores. Está permitido o emprego de equipos de radio ou GPS entre os compoñentes dos equipos, sempre e cando estean homologados. Cada equipo só poderá contar cun corredor dentro do circuíto. A finalidade é a de acumular pases por meta; en caso de empate no número de voltas, gañará o equipo que investise menos tempo. Cada equipo estará identificado cunha pulseira e será portador dela o corredor que estea no circuíto. A organización sinalizará un único lugar onde realizar o cambio de pulseira. A proba contará, así mesmo, cun circuíto de mini-BTT e cunha jimcana para os cativos e cativas, así como unha exhibición de BMX. A cita está organizada polo Club Ciclista Carballo e a Peña Ciclista Media Ducia coa colaboración do Concello de Carballo, ademais da Policía Local, Protección Civil a Brigada de Obras de Carballo, Biclicletas Arán e Union Bike Shop. Os interesados e interesadas en obter máis información sobre a proba, poden consultar o regulamento ao completo na páxina web do Club Ciclista Carballo, premendo aquí.

A maxia de Dani García e os sons galegos de Roi Casal, protagonistas do programa do Verán Cultural

VENRES 19 DE AGOSTO ÁS 20.00 E ÁS 22.30 HORAS

A maxia de Dani García e os sons galegos de Roi Casal, protagonistas do programa do Verán Cultural

Martes 16 de agosto do 2011

O venres 19 de agosto o Xardín Municipal e a Praza do Concello de Carballo transformaranse en dous espazos ben diferentes. Así, a partires das 20.00 horas o Mago Martín Camiña fará que os máis cativos e cativas soñen con xeados, doces e co seu carriño, do que irán xurdindo as máis inesperadas sorpresas. Comedia máxica onde a risa tamén é a protagonista. E ás 22.30 horas a música do artista galego Roi Casal encherá a Praza do Concello. Nacido en 1980, Casal é un músico, compositor e cantante galego de gran virtuosismo, xa que dende os 14 anos toca a arpa céltica, a zanfona, o piano e o bouzoki. Formado na arpa céltica co reputado Mestre Rodrigo Romaní e no Conservatorio Superior de Música de Madrid, entrou a formar parte de Milladoiro, o grupo máis internacional da música galega, no ano 2000. Tras case unha década de carreira co grupo, co que grava seis discos, no ano 2008 inicia a súa carreira en solitario coa publicación de "Lendas Douradas", un dos traballos máis vendidos durante o ano 2009 en Galicia. Agora presenta a súa última proposta, "Maxicamente vello", na que amosa a madurez dun artista sen complexos e coa ambición que o caracterizou dende os seus orixes, fusionando a música tradicional e a modernidade dunha forma natural e harmónica.

Os meses de xuño e xullo rexistran máis de 150 avisos e demandas veciñais atendidos pola Brigada de Obras

BAIXAN UN 12 POR CENTO RESPECTO DE 2010

Os meses de xuño e xullo rexistran máis de 150 avisos e demandas veciñais atendidos pola Brigada de Obras

Mércores 3 de agosto do 2011

O Concello de Carballo ten rexistrado un total de 168 avisos acerca de demandas cidadás de veciños e veciñas ao longo dos meses de xuño e xullo. Nesta ocasión, a maioría das peticións refírense a Carballo Limpo, cun total de 62, nun servizo que comprende diversas accións destinadas a conservar o medio ambiente e inclúe, por exemplo, os labores de desratización ou os de mantemento dos colectores de recollida de lixo e de recollida selectiva ou do Punto Limpo. A segunda liña de demandas refírense aos arranxos no alumeado público, debido a focos fundidos ou en mal funcionamento, cun total de 47 avisos. En todo caso, o número total de demandas rexistradas nestes dous meses ten baixado un 12 por cento respecto ao mesmo período de 2010, e incluso nun 14 por cento respecto de 2009. Os interesados e interesadas poden denunciar as deficiencias ou demandar os arranxos que consideren oportunos, ademais de no alumeado e Carballo Limpo, en materias como os sinais informativos ou de tráfico; os servizos básicos de augas e electricidade; os equipamentos dos edificios municipais, o mobiliario urbano ou as instalacións deportivas; a limpeza de espazos públicos; ou a mellora da rede viaria. A Brigada de Obras é a encargada de xestionar estas peticións, que calquera carballés ou carballesa pode realizar a través do número de teléfono 981 704 700 ou ben no correo electrónico <infocarballo@carballo.org>.

O Mago Martín Camiña trae á Praza do Concello de Carballo o seu "Feitizo" no marco do Verán Cultural

VENRES 5 DE AGOSTO ÁS 22.30 HORAS

O Mago Martín Camiña trae á Praza do Concello de Carballo o seu "Feitizo" no marco do Verán Cultural

Martes 2 de agosto do 2011

O programa do Verán Cultural estrea o mes de agosto con maxia na forma da actuación, o venres 5, do Mago Martín Camiña. Presenta o seu espectáculo "Feitizo", unha fonte máxica da que lle sairán continuamente as cartas, no que as ataduras diarias dos nosos problemas reflectiranse no escape da camisa de forza, e no que a folla da guillotina descenderá para separar o real da ilusión. Todo isto e máis con humor, panos, cordas, xornais, billetes, espadas e a participación do público serán os ingredientes deste feitizo que trasladará a pequenos e grandes ao mundo máxico da emoción. A cita é de balde na Praza do Concello a partires das 22.30 horas e conta coa colaboración da Deputación da Coruña. Ademais, o Mago Martín Camiña, no seu afán de promocionar o seu espectáculo, estará o xoves 4 de agosto na feira de Carballo, a partir das 12.45 horas, entre os posto de venda alimentos; e na Praza de Abastos sorprendendo a compradores e vendedores. Ese mesmo día, pero algo máis cedo, estará cos rapaces e rapazas dos campamentos urbanos que se están realizando en Carballo: no colexio Artai, ás 11.00 horas; na Escola Lubiáns no Pavillón Bergantiños ás 11.30 horas e no Colexio Fogar co campamento de Xiria de balonmano ás 12.00 horas.

A empresa Ogmios inicia os traballos da Biblioteca co valado perimetral e a comprobación do replanteo

ESTIVERON PRESENTES MILAGROS LANTES E EVENCIO FERRERO

A empresa Ogmios inicia os traballos da Biblioteca co valado perimetral e a comprobación do replanteo

Luns 1 de agosto do 2011

Os técnicos da empresa coruñesa Ogmios Proxectos SL, acompañados do arquitecto encargado da elaboración do proxecto básico, Óscar Pedrós, comezaron hoxe os traballos previos para a construción da Biblioteca de Carballo coa realización do valado perimetral, a comprobación do replanteo e a colocación da caseta de obra. Tamén estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes que falaron sobre algúns detalles da obra cos responsables de Ogmios, como os prazos de execución ou o abasto de materiais. O novo servizo estará situado nunha parcela de 1.500 metros cadrados situada na contorna das rúas Bos Aires e Pontevedra e terá soto, planta baixa e un andar. Os traballos foron adxudicados na Xunta de Goberno Local do 6 de xuño. Un total de 42 compañías optaron á execución do proxecto, que finalmente levará a cabo Ogmios cun orzamento de adxudicación de 1.199.588 euros. A empresa adquiriu o compromiso de acometer as melloras sen custo adicional que recolle o prego de condicións e que están valoradas en aproximadamente 150.000 euros. O financiamento necesario será achegado na súa totalidade polo Ministerio de Cultura e prazo de execución marcado para rematar o proxecto finaliza o 31 de decembro de 2012.

Compartir: