LUZ VERDE PARA A DESAFECTACIÓN DA ESCOLA DA PRAZA DE SOFÁN
Martes 27 de setembro do 2011
O pleno de Carballo vén de aprobar unha moción, presentada polo PP, pola que se establece que o Concello "acometerá, directamente ou mediante empresa pública, ou someterá a licitación, á maior brevedade dentro deste mandato, a construción e explotación dun aparcamento soterrado na Praza do Concello. Simultaneamente, e para manter un tratamento urbanístico homoxéneo na zona, executaranse as obras de mellora das rúas Cervantes e Colón". O texto da proposta do PP subliña a perda de prazas de estacionamento que se producirán cando se execute o proxecto para mellorar a contorna do mercado municipal -financiado polo Ministerio de Fomento con 500.000 euros e que supón o acondicionamento da Rúa Desiderio Varela e da Gran Vía dende o cruce coa Rúa Sol ata a rúa Cervantes- e os problemas de aparcamento existentes no centro urbano. O Goberno afirma que nos últimos anos se teñen creado máis de 1.500 estacionamentos de balde na contorna do centro carballés e que o proxecto non é viable debido ao seu custo, de aproximadamente 10 millóns de euros. Finalmente, a moción saíu adiante co apoio dos concelleiros do PP, TEGA e PSOE, mentres que o BNG votou en contra.
O FESTIVAL REMATA O LUNS 31 DE OUTUBRO
Luns 26 de setembro do 2011
A actriz e directora Nuria Espert presentará na XX edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) unha das súas máis arriscadas propostas teatrais, a representación dun poema narrativo de William Shakespeare: "La violación de Lucrecia". Trátase dun desgarrador poema que narra unha extraordinaria e emocionante historia dun crime que terminou cos reis en Roma e que, polo tanto, supuxo a instauración da república. O reto de creación e de interpretación de Nuria Espert para dar vida a todos os personaxes presentes no texto, fan do traballo interpretativo desta actriz catalana un dos mellores na súa importante e prestixiosa traxectoria profesional no teatro. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo está rematando a organización da edición de 2011 do festival no que se conmemora o seu XX aniversario. Está previsto que a programación de sala comece o 14 de outubro e remate o luns 31 de outubro. Ata o momento, ademais da presenza da grande dama do teatro español, tamén está confirmada a compañía portuguesa Teatro de Marionetas do Porto, coa sua versión de "As aventuras de Alicia no país das marabillas". Así mesmo, a produtora galega Eme2 encherá o escenario do Pazo da Cultura coa súa versión de "O florido pénsil".
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 26 de setembro do 2011
O Concello de Carballo vén de aprobar na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local un Convenio de colaboración educativa coa Universidade da Coruña (UDC) para a realización de prácticas dirixidas aos estudantes da asignatura Proxectos e Urbanismo da Escola Técnica Superior de Arquitectura (na imaxe). O acordo ten por obxecto que os alumnos e alumnas de terceiro curso que estudan esta asignatura realicen traballos de carácter práctico en emprazamentos urbanos de Carballo para poder obter un coñecemento máis amplo das realidades construtivas e arquitectónicas dos concellos e das técnicas e metodoloxías que se desenvolven nas administracións públicas, o que lles permitirá unha mellor inserción no mercado laboral. Este programa vai dirixido a aqueles estudantes que teñan superado o 50 por cento da titulación. O Concello deberá asignar un titor que coa colaboración do profesorado da UDC velará pola formación dos alumnos e alumnas. O Concello comprométese, así mesmo a poñer a disposición dos estudantes a información urbanística e arquitectónica necesaria para realizar o seu labor. A duración do convenio é dun ano natural.
A SESIÓN INCLÚE A DEPURACIÓN DE VARIAS PARCELAS DO POLÍGONO
Venres 23 de setembro do 2011
A sesión plenaria ordinaria do mes de setembro conta entre os asuntos da orde do día cunha moción presentada polo PP na que se propón que a corporación acorde que o Concello acometa, "directamente ou mediante empresa pública, ou someta a licitación, á maior brevedade dentro deste mandato, a construción e explotación dun aparcamento soterrado na Praza do Concello". A moción inclúe que "simultaneamente, e para manter un tratamento urbanístico homoxéneo na zona, executaranse as obras de mellora das rúas Cervantes e Colón", situadas no ámbito do futuro parking. Así mesmo, e tamén no apartado de mocións, o PP solicitará durante a sesión un acordo para que o Goberno traslade "ao pleno da corporación con caracter trimestral a relación de obras e servizos contratados ou en execución durante ese período, expresando as datas, os importes, os emprazamentos, as empresas contratadas, a delegación responsable do gasto e o custo previsto". Na comisión informativa celebrada esta semana esta última proposta recibiu o apoio unánime dos grupos da corporación. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña a vontade de "transparencia" do Goberno ao subscribir esta iniciativa.
SOCORRISTAS E PROTECCIÓN CIVIL ATENDERON 428 CASOS DE BOTIQUÍN
Xoves 22 de setembro do 2011
A Unidade de Salvamento Acuático do Concello de Carballo tivo que participar en seis salvamentos nos areais de Razo e As Saíñas (tres en cada praia) durante a tempada de verán, que abrangue os meses de xullo e agosto e a maioría dos meses de xuño e setembro. Porén, o responsable de Protección Civil de Carballo, Francisco Javier Souto Facal, subliña que estas actuacións non revestiron "riscos" ou "perigo", xa que consistiron fundamentalmente en pequenas axudas para saír de correntes ou para sacar a algún bañista de zonas de fondo irregular. Ademais, a agrupación de Protección Civil e os 32 socorristas que vixiaron os areais de Razo, As Saíñas e Pedra do Sal rexistraron durante o período estival un total de 428 atencións de botiquín, o que supón unha diminución dun 30 por cento respecto de 2010. Este descenso pode ser atribuído á inestabilidade meteorolóxica presente durante todo o verán, con tan só 24 días despexados. Tanto Souto Facal, como o Alcalde, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Réxime Interior e Seguridade, Xosé Regueira, quixeron agradecer o labor da Unidade de Salvamento, "que fan que as incidencias graves nos areais carballeses teñan practicamente desaparecido", en verbas de Regueira.
A PARTIRES DO VENRES 23 DE SETEMBRO
Mércores 21 de setembro do 2011
A Oficina Técnica da TDT (Televisión Dixital Terrestre) da Xunta de Galicia vén de informar de que a partires do venres 23 de setembro entrarán en funcionamento os novos múltiplex de TDT no centro emisor de televisión de Val do Dubra, o que permitirá achegar a oferta completa da Televisión Dixital Terrestre a preto de 9.000 persoas dos concellos de Carballo, Mazaricos, Santa Comba ou Val do Dubra na provincia de A Coruña, así como a outras en concellos limítrofes. Os núcleos de poboación de Carballo que se verán beneficiados por esta ampliación no sinal son, na parroquia de Aldemunde, Aldemunde de Arriba; na de Entrecruces, O Cotaro, O Pereiro Vello e Vilachán; e, en Rus, Alborín e Alborís. Os veciños e veciñas beneficiados poderán disfrutar das novas canles da TDT distribuídas do seguinte xeito:
- Canle 46: Cuatro, Canal+Dos, LaSexta2, LaSexta3, LaSextaHD
- Canle 38: Boing, TelecincoHD, MTV, La 10
- Canle 28: Nitro, Antena3HD, MarcaTV, 13TV
PRESIDENCIA ESTUDARÁ A PROPOSTA DO ALCALDE
Mércores 21 de setembro do 2011
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mantivo o martes 20 de setembro unha xuntanza co Conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na que lle reiterou ao organismo autonómico a súa oferta para trasladar as oficinas que as Consellerías de Traballo e Medio Rural manteñen na capital municipal ás instalacións do proxecto Fórum Carballo no barrio da Milagrosa. Deste xeito, servizos como a cámara agraria ou o de colocación ocuparían un andar na nave 2 do complexo, aproveitando arredor de 500 metros cadrados. A Xunta non debería pagar ningún aluguer por este traslado, ao contrario que está facendo nestes momentos en dous locais do centro da vila, e contaría cun espazo completamente novo perfectamente equipado, con máis capacidade operativa e cunha ampla zona de estacionamento de vehículos. Así mesmo, servizos como os de Formación ocupacional e Emprego estarían completamente centralizados no Fórum. A cambio de ocupar as instalacións do Fórum, a administración autonómica tería que facerse cargo dos gastos de mantemento e de realizar a distribución das oficinas. Alfonso Rueda manifestou a súa vontade de falar cos secretarios da Consellería de Traballo e Benestar e da de Medio Rural, respectivamente, para que estuden esta oferta.
TÉÑENSE COMPUTADO PRETO DE 900 AVISOS NO QUE VAI DE 2011
Martes 20 de setembro do 2011
Os meses de verán de xullo e agosto teñen rexistrado un total de 195 demandas de arranxos e melloras por parte dos veciños de veciñas do municipio, unhas incidencias que teñen sido atendidas e solucionadas pola Brigada de Obras, que xestiona este tipo de avisos. A cifra de agosto practicamente duplica as peticións computadas en xullo, en que só se atenderon 68. Porén, en ámbolos dous casos a maioría dos avisos refírense ao alumeado público, xa que o Concello de Carballo conta en todo o territorio municipal con más de 8.000 puntos de luz. Así, entre xullo e agosto rexistráronse 120 peticións sobre o alumeado (94 no mes pasado). Hai que subliñar, así mesmo, que no que vai de 2011, as peticións veciñais suman un total de 860. Os cidadáns poden denunciar as deficiencias ou demandar os arranxos que consideren oportunos en materias como o programa Carballo Limpo, a limpeza de espazos públicos, a reparación de mobiliario urbano, o mantemento de edificios e instalacións deportivas, problemas cos servizos de auga, luz ou saneamentos ou a reparación e substitución de sinais de tráfico e indicadores ou arranxo de baches. Calquera veciño ou veciña pode formalizar as súas peticións a través do 981 704 700 ou ben no correo <infocarballo@carballo.org>.
VENRES 21 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS
Luns 19 de setembro do 2011
A organización do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) continúa traballando na próxima edición deta cita na que se conmemora o seu vinte aniversario. A programación de sala, como xa se avanzou, comeza o 14 de outubro e remata o día 31, e sempre se quere asegurar a presenza de compañías importantes tanto galegas, como do resto do territorio español sen esquecer, por suposto, ás compañías estranxeiras. Este é o caso da compañía Teatro de Marionetas do Porto que estará presente no festival co espectáculo "Wonderland", unha nova versión do clásico da literatura universal "As aventuras de Alicia no país das marabillas" de Lewis Carroll. Esta nova visión do clásico é sinxelamente espectacular, nunha Alicia para adultos chea de alucinacións e simbolismos e que destila sensualidade, sensibilidade e que incluso provoca medo. Esta compañía que nos visita por primeira vez é unha das máis importantes do mundo no seu campo, de aí a innumerable cantidade de premios e recoñecementos que posúen desde a súa creación de 1988. A cita está prevista para o venres 21 de outubro ás 21.00 horas.
O NOVO PLAN REDUCE A CAPACIDADE RESIDENCIAL DO MUNICIPIO
Venres 16 de setembro do 2011
A Comisión de Urbanismo e Medio Rural vén de manter unha xuntanza pola que todos os implicados na elaboración e aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM) acordaron axilizar os trámites para acadar o antes posible a aprobación inicial do documento. Así, tanto o técnico como o asesor responsables da elaboración dos informes relativos ao PXOM manifestaron a súa vontade de outorgarlle prioridade a este labor. Unha vez estes informes estean listos, convocarase unha nova xuntanza da Comisión de Urbanismo para poder acelerar a remisión do documento á Xunta, que en última instancia é a responsable de darlle o visto e prace. Durante a xuntanza, o equipo redator tamén deu conta dos cambios que se teñen realizado no PXOM dende a súa adaptación á nova Lei do Solo, ao Plan de Ordenación do Litoral (POL) e ao informe emitido pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta. Entre estas modificacións hai que subliñar que, respecto ao PXOM de 2003 e aos primeiros traballos de revisión rematados en 2009, redúcese notablemente o número de viviendas e a capacidade residencial do municipio seguindo as directrices do informe autonómico.
A SAÍDA É NO CONCELLO DE CAMARIÑAS
Xoves 15 de setembro do 2011
A Volta Ciclista a Galicia pasa por Carballo o sábado 17 de setembro. Así, a capital municipal converterase no punto de chegada da segunta etapa, cando o pelotón parte do Concello de Camariñas percorrendo os núcleos de Vimianzo, Cabana de Bergantiños, Laxe, Ponteceso e Malpica e co final en Carballo. Así, nesta edición a Volta discorrerá polos concellos de Ferrolterra e Bergantiños, na provincia da Coruña, e Umia, en Pontevedra O Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e a Federación Galega de Ciclismo así o anunciaron durante a presentación esta semana da X edición da Volta a Galicia 2011 que contará con 15 equipos participantes, 5 deles galegos. No deseño da Volta fíxose especial fincapé na busca dun percorrido que combinase a beleza das paisaxes co aliciente de ofrecer un gran espectáculo deportivo, polo que a ampla visita de máis de 400 quilómetros discorrerá por algunhas das paraxes naturais máis emblemáticas de Galicia. Agárdase, ademais, para os concellos que reciban a visita da Volta a Galicia, un importante retorno publicitario. No sector hostaleiro espérase un aumento da actividade xa que a Volta require a mobilización de máis de 200 persoas con necesidades de aloxamento e manutención. Máis información sobre o itinerario da segunda etapa, premendo aquí.
REUNIÓN CELEBRADA O MÉRCORES 14 DE SETEMBRO
Mércores 14 de setembro do 2011
Representantes do Concello carballés, da Subdelegación do Goberno, da Xunta e das forzas de seguridade provinciais e locais veñen de manter unha reunión da Xunta Local de Seguridade de Carballo onde, segundo o Concelleiro de Réxime Interior, Policía e Seguridade, Xosé Regueira, tiráronse conclusións moi similares ás acadadas na Comisión Especial de Seguridade Cidadá celebrada a principios de mes. Así, despois de realizar unha análise dos informes presentados pola Policía Local, Protección Civil a Garda Civil e a Garda Civil de Tráfico, unha das principais preocupacións dos últimos tempos é a proliferación de lumes forestais que se teñen producido este verán na contorna da capital municipal. A maioría destes incendios son provocados especialmente por menores e as consecuencias son preocupantes, non só polos danos rexistrados nos montes, senón tamén porque os incendios prodúcense na contorna de grupos de vivendas e núcleos. Outra das preocupacións e o lixeiro incremento dos pequenos furtos, e tamén se abordaron as pelexas rexistradas nalguna festa popular. A principal conclusión é a de seguir unindo esforzos para mellorar a seguridade cidadá e contribuír a diminuír as incidencias.