Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Os touros de Yllana e os colexios de posguerra de EME2 pechan co cartel de "non hai billetes" a primeira fin de semana do FIOT

PRINCIPIA O CICLO "CAFE CON..." O SÁBADO 15 ÁS 19.30 HORAS

Os touros de Yllana e os colexios de posguerra de EME2 pechan co cartel de "non hai billetes" a primeira fin de semana do FIOT

Venres 14 de outubro do 2011

Despois da representación o venres do "Torvaldo furioso" de El Óbolo Producciones, a primeira fin de semana do FIOT péchase con dúas propostas ben distintas pero que reflicten o fío conductor do 20 aniversario do Festival, o paso do tempo. A compañía galega EME2 realiza o sábado 15 unha viaxe pola época da posguerra con "O Florido Pénsil", a través da mirada dun grupo de rapaces sometidos á absurda e ilóxica brutalidade do sistema educativo da España franquista, cunha especial mirada sobre a escola, centro principal de operacións para a propaganda do ideario fascista. O domingo 16, Yllana volve ao pasado dun xeito ben distinto, xa que recupera o seu primeiro espectáculo, "¡Muu!" (na imaxe), facendo unha revisión 20 anos despois do nacemento desta compañía que ten gañado ata en 4 ocasións o premio do público do FIOT e que precisamente recolle este ano o de 2008, cando o conseguiron con "Brokers". En "¡Muu! 2" catro toureiros e un touro prepáranse para atoparse na praza. Sangue, suor e area. Soa o desfile e comeza a faena, a "festa nacional". Ámbalas dúas citas, para as que as entradas xa están esgotadas, son ás 21.00 horas. A duración dos espectáculos é de 100 e 60 minutos respectivamente.

Carballo celebra a segunda edición da Oktoberfest con cervexa, concertos, concursos e comida típica

XOVES 20, VENRES 21 E SÁBADO 22 DE OUTUBRO

Carballo celebra a segunda edición da Oktoberfest con cervexa, concertos, concursos e comida típica

Venres 14 de outubro do 2011

Carballo acolle un ano máis unha Oktoberfest, unha Festa da cervexa que tivo a súa primeira edición en 2010 no marco do Festival Panxea e que agora adquire entidade propia nesta segunda andaina. A cita ten lugar o xoves 20, venres 21 e sábado 22 de outubro nunha carpa climatizada situada detrás da antiga estación de autobuses. O recinto estará aberto cada día a partires das 18.00 horas e contará con grifos de cervexa rubia, tostada e trigo, principalmente da marca Paulaner, e cunha variedade de comida típica alemana, como salchichas, costelas ou lomedro. Ademais, a Oktoberfest estará animada por actuacións musicais e concursos. Neste último caso, haberá lanzamento de barrís, tiro da corda e un concurso para amosar a habilidade dos participantes para comer salchichas. Así mesmo, está prevista a celebración de actuacións musicais mentres dure a cita: o venres 21 co concerto dos grupos carballeses Versión imposible e The Cerne; e o sábado 22 cos santiagueses Black Mammy. Tamén está previsto que dende o xoves ata o sábado haxa animación musical con DJs. A cita está organizada por GCM Grupo Corte Musical coa colaboración do Concello de Carballo e o patrocinio de Paulaner.

O FIOT abre a súa programación de sala no Pazo da Cultura coa produción madrileña "Torvaldo Furioso"

VENRES 14 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

O FIOT abre a súa programación de sala no Pazo da Cultura coa produción madrileña "Torvaldo Furioso"

Xoves 13 de outubro do 2011

Despois da exitosa andaina da Rúa dos Contos, que encheu de público os principais pubs, tascas e bares do centro carballés con artistas como Quico Cadaval, Paula Carballeira, Cándido Pazó ou Luís Zahera, o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) prepara xa o comezo da programación de sala no auditorio do Pazo da Cultura. A encargada de abrir o FIOT no seu 20 aniversario é a compañía madrileña El Óbolo Producciones coa súa proposta "Torvaldo furioso". Este drama conta unha hora, só unha hora na vida do matrimonio de Torvaldo e Angélica. Unha hora crítica e determinante na súa relación. Descóbrese un segredo, un segredo aparentemente ben gardado e que revelará Reinaldo -o irmán xemelgo-, desencadeando unha serie de acontecementos que destruirán o ficticio mundo que Torvaldo creara para o seu matrimonio. Unha apaixonada historia de rexistros cómicos e dramáticos sentimentos interpretada por Julio Cortázar e Inma Nieto baixo a dirección de Lino Ferreira e baseada nun texto de Lucía Vilanova. A cita é a partires das 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura, o prezo da entrada é de 6 euros e a duración do espectáculo é de 80 minutos.

A licitación dos traballos de ampliación do CEIP Bergantiños está prevista para primeiros de 2012

O PROXECTO ESTÁ EN FASE DE REVISIÓN

A licitación dos traballos de ampliación do CEIP Bergantiños está prevista para primeiros de 2012

Xoves 13 de outubro do 2011

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria espera que a licitación das obras de ampliación do CEIP Bergantiños da capital municipal carballesa se produza a primeiros de 2012, probablemente no mes de xaneiro. Así o comunicou o responsable da Secretaría Xeral Técnica de Educación, Jesús Oitavén Barcala, nunha xuntanza mantida hoxe en Santiago de Compostela co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e coa Concelleira de Educación e Cultura, Mar Eirís. Segundo Oitavén, o proxecto está rematado e en proceso de revisión, un trámite que se ten prolongado debido a que será necesario realizar algúns cambios para que o equipo redator poida subsanar certas deficiencias atopadas no citado proxecto. A actuación no CEIP Bergantiños é especialmente necesaria e urxente polos problemas de escolarización experimentados nos centros de ensino do casco urbano previstos para os próximos anos. Así, xa para o presente curso foi preciso incluír nas aulas a arredor de 300 nenos e nenas nacidos en 2008, unha cifra moi elevada. Hai que lembrar que estaba previsto que os traballos puideran comezar no segundo trimestre deste ano, aínda que finalmente a revisión atrasará o proceso. O Concello carballés espera que os trámites da Consellería de Educación que permitirán que a ampliación sexa unha realidade se axilicen para poder cubrir esta necesidade o antes posible.

A Rúa dos Contos entra na súa recta final con Carmen Conde, Patricia Vázquez, Isabel Risco e Luís Zahera

NO PATACÓN, BOMBONERA, BAÑOS VELLOS E DUBLÍN

A Rúa dos Contos entra na súa recta final con Carmen Conde, Patricia Vázquez, Isabel Risco e Luís Zahera

Luns 10 de outubro do 2011

A Rúa dos Contos, a cita do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) cos monólogos, os narradores, as historias, o humor e incluso a música, entra na súa recta final despois de ter contado con numeroso público nas actuacións da fin de semana. Artistas destacados como Paula Carballeira, Cándido Pazó ou Quico Cadaval (os tres Xograres de Outono) xa teñen ofrecido os seus espectáculos entre as gargalladas dos espectadores. Porén, esta escolma do "teatro de taberna" está a piques de rematar. O martes 11 e o mércores 12 é o momento de pechar esta actividade paralela do FIOT, que xa se ten convertido nun festival en si mesmo. Carmen Conde (na imaxe) representa "Trinidad" o martes 11 de outubro ás 21.30 horas no pub O Patacón. Este espectáculo da monologuista lucense -que visita o FIOT por primeira vez- é un show bizarro que nos permitirá ver no mesmo escenario a Lady Gaga, Madonna ou Kurt Cobain. Neste caso, a entrada é de balde. A seguinte cita do día é ás 23.30 horas na Bombonera con Patricia Vázquez e a súa habilidade para contar contos. A entrada custa 2,5 euros con consumición.

A Brigada de Medio Ambiente vén de recoller un total de 79 residuos voluminosos a través de avisos do mes de setembro

RETIRÁNROSE CATRO VERTEDOIROS INCONTROLADOS

A Brigada de Medio Ambiente vén de recoller un total de 79 residuos voluminosos a través de avisos do mes de setembro

Venres 7 de outubro do 2011

A Brigada de Medio Ambiente de Carballo recolleu, a través do Punto Limpo Móbil, un total de 79 residuos voluminosos no servizo do primeiro martes do mes de outubro. Así, rexistráronse 30 peticións a través do aviso telefónico durante o mes de setembro, xa que a retirada debe solicitarse con alomenos 24 horas de antelación no teléfono 981 701 642. Ademais, outros 14 avisos foron realizados polos propios condutores do servizo de recollida, que vixían os restos depositados de xeito non regulamentario polos veciños e veciñas a carón dos colectores. Por último, os técnicos municipais tamén limparon un total de 35 puntos de restos de voluminosos atopados sen que se producise aviso algún. Hai que lembrar que o Punto Limpo Móbil permite que os carballeses e carballesas que o desexen soliciten a recollida a domicilio de residuos voluminosos. Considéranse como "voluminosos" aqueles restos que polas súas dimensións non poden ser xestionados como o resto de residuos urbanos e teñen que ser obxecto dunha recollida e tratamento especial. Habitualmente son electrodomésticos, mobles e enseres domésticos. Estes restos tamén poden levarse voluntariamente ata o Punto Limpo do polígono de Bértoa, aberto os martes, xoves e sábados de 10.00 a 13.00 horas.

Arredor de trescentos rapaces e rapazas de seis clubes participan no VII Torneo Festas do Pilar de Baloncesto

MÉRCORES 12 DE OUTUBRO DE 9.00 A 20.00 HORAS

Arredor de trescentos rapaces e rapazas de seis clubes participan no VII Torneo Festas do Pilar de Baloncesto

Venres 7 de outubro do 2011

Carballo celebra un ano máis o VII Torneo Festas do Pilar de baloncesto, unha cita que xa se ten convertido nun clásico. A sétima edición chega con dúas novidades, xa que este ano duplícase o número de clubes participantes e vén un club de fora da Coruña. Así, ademais de contar cos equipos da organización, as Escolas de Básket Xiria e o Club Baloncesto Artai, estarán o Club Baloncesto Culleredo, o Obradoiro de Santiago, o Club Baloncesto Baio -que presenta ao seu equipo feminino- e o Club Baloncesto Vilagarcía, sendo a primeira vez que participa un equipo pontevedrés no torneo. Joaquín Moreira, presidente do Artai, subliña o salto de calidade que supón a participación do Obradoiro, un club que milita na ACB. A celebración do torneo supón a presenza de máis de 29 equipos, a disputa de 31 partidos e a ocupación o día 12 de outubro tanto do Pavillón Carballo Calero como do Vila de Noia durante todo o día -en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Trátase da edición máis numerosa dende os comezos do torneo. Moreira calcula que esta cita supón a mobilización de arredor dun milleiro de persoas, entre xogadores, acompañantes, árbitros, organización e público. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo festexar unha cita que supón unha boa oportunidade "para desfrutar das futuras promesas do baloncesto en Carballo e a provincia".

O FIOT arrinca co "teatro de taberna" da  Rúa dos Contos, que ofrece 14 espectáculos nas cafeterías, pubs e tascas de Carballo

DO XOVES 6 AO MÉRCORES 12 DE OUTUBRO

O FIOT arrinca co "teatro de taberna" da Rúa dos Contos, que ofrece 14 espectáculos nas cafeterías, pubs e tascas de Carballo

Mércores 5 de outubro do 2011

No XX aniversario do FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro), a Rúa dos Contos, que xa se ten convertido nunha cita de referencia e nun festival dentro do propio festival, quere tamén participar desta celebración coa presenza dalgúns dos mellores contadores de historias, especialmente os máis relevantes narradores galegos. N¡n están todos os que son, nin son todos os que están, pero o programa ten a honra de contar con tres dos últimos Xograres de Outono do FIOT, un galardón outorgado pola organización a unha persoa ou entidade que destaque, pola súa traxectoria, na promoción do teatro en Galicia. Neste caso estarán nos bares, pubs, tascas e cafeterías de Carballo os xograres Quico Cadaval, Cándido Pazó e Paula Carballeira. En canto aos xéneros dos espectáculos, hai clown, música, cabaré, teatro xestual ou incluso circo. Pero sobre todo, e por enriba de todo, hai diversión. Son un total de 14 citas repartidas entre o xoves 6 e o mércores 12 de outubro e coa colaboración dos seguintes establecementos: Mesón A Cabaña, Pub O Silfo, Cafetería Valle Inclán, Cafetería Colón, Pub A Reserva, Pub O Patacón, Pub Cósmic, Restaurante La de Bur, Bodegón O Pescador, Cervexería A Bombonera, Cervexería Dublín e Cafetería Baños Vellos.

O FIOT pon á venda os bonos a partires do 5 de outubro e as entradas e minibonos a partires do día 10

O PREZO PARA OS 8 ESPECTÁCULOS DE SALA É DE 50 EUROS

O FIOT pon á venda os bonos a partires do 5 de outubro e as entradas e minibonos a partires do día 10

Martes 4 de outubro do 2011

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo informa de que pon á venda os bonos para asistir aos 8 espectáculos de sala que se representarán no auditorio do Pazo da Cultura entre o 14 e o 31 de outubro. Estarán a disposición do público a partires do mércores 5 de outubro (excepto os días 8, 9 e 12 de outubro) a un prezo de 50 euros. Segundo explica o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, "as entradas son algo máis caras que en anos anteriores". Así, a crise non perdoa en tempos difíciles e "temos moitos menos recursos", subliña Sueiro. Porén, a organización pide o "esforzo" do público, especialmente porque "o cen por cen do que se ingresa no festival vai destinado á propia programación do FIOT". Así mesmo, a organización fai fincapé en que, aínda que os prezos suben lixeiramente, tamén é certo que as entradas seguen sendo baratas respecto ao importe de espectáculos como o de Nuria Espert, xa que ver tan só "La violación de Lucrecia" no Festival de Almagro este ano chegou a custar 24 euros. Por iso, Alberto Sueiro afirma, neste cumpreanos do FIOT que "se 20 anos non son nada, 50 euros tampouco". As entradas soltas e os minibonos poñeranse á venda a partires do luns 10 de outubro.

O FIOT celebra os seus 20 anos de idilio co público con 28 espectáculos e co paso do tempo como leitmotiv

O FESTIVAL PRESENTA UNHA ESTREA EN ESPAÑA E TRES EN GALICIA

O FIOT celebra os seus 20 anos de idilio co público con 28 espectáculos e co paso do tempo como leitmotiv

Venres 30 de setembro do 2011

"20 anos non é nada". Con esta frase comezaba o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, a presentación da XX edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, e mantendo a arela de que queden "outros vinte como mínimo". Para celebrar esta data tan sinalada e seguir co obxectivo de conquistar ao público -que nas últimas tres edicións encheu o auditorio do Pazo da Cultura esgotando as entradas para todas as funcións- o FIOT 2011 presenta 28 espectáculos repartidos entre a Rúa dos Contos -14-, o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) -3-, animación de rúa -3- e as funcións de sala -8-. O obxectivo é honrar o lema do festival de 2011: "20 anos queréndote". Una estrea en España e tres en Galicia conforman un programa en que Yllana, "pola súa relación emotiva con Carballo", en verbas de Sueiro; e Nuria Espert, porque constitúe "o gran premio" para o público do FIOT, son dous dos protagonistas do teatro de sala. Quico Cadaval, Cándido Pazó ou Paula Carballeira (todos Xograres de Outono) son algúns dos protagonistas da Rúa dos Contos. O teatro galego máis experimental e tamén chegado de Cataluña ten o seu espazo no OTNI; e continúa o Concurso de Teatro Lido "a canteira que nutre de público ao festival", segundo Sueiro. Todo para unha cita que conta cun público potencial de 9.000 espectadores e cunha "extraordinaria programación ao alcance de moi poucas cidades", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero.

Principian os traballos para a dotación de redes de saneamento e abastecemento en Ardaña e Goiáns

O IMPORTE DAS MELLORAS ROLDA OS 120.000 EUROS

Principian os traballos para a dotación de redes de saneamento e abastecemento en Ardaña e Goiáns

Xoves 29 de setembro do 2011

O Concello de Carballo informa de que esta semana veñen de principiar os traballos para a construción dunha "Rede de saneamento e rede de abastecemento de auga en San Lois, parroquia de Ardaña" (na imaxe). Os traballos están sendo realizados pola empresa Construcciones en Piedra Sigrás, cun prazo de execución de cinco meses. Esta mellora está incluída no Plan de Obras e Servizos da Deputación de 2011. O prezo de adxudicación é de 51.382,27 euros e o prazo de execución de cinco meses. Así mesmo, neste caso a semana pasada, principiaron as obras da "Rede de traída de auga e rede de saneamento en Bas, parroquia de Goiáns", por un importe de 65.947,67 euros. As obras están sendo levadas a cabo por Construcciones Alejandro Martínez e Hijos, cun prazo de execución acordado de catro meses. Esta actuación está incluída no plan adicional ao Plan de Obras e Servizos (POS) de 2010. Hai que lembrar que dentro do POS de 2011, que ten un importe de 657.317,07 euros, están incluídas outras actuacións, como a creación dunha Praza pública en Sofán, por 184.160,20 euros; a "Mellora de capa de rodadura no lugar de O Añón, na parroquia de Berdillo", por 136.509,81 euros; ou a "Mellora de capa de rodadura no lugar de Xoane, na parroquia de Goiáns" por 113.059,93 euros.

Arredor de 75 pilotos participan o 1 de outubro no X Motocross Concello de Carballo, puntuable para o Campionato Galego

COMPITEN SEIS CORREDORES DO CLUB MOTOR BERGANTIÑOS

Arredor de 75 pilotos participan o 1 de outubro no X Motocross Concello de Carballo, puntuable para o Campionato Galego

Mércores 28 de setembro do 2011

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o sábado 1 de outubro o X Motocross Concello de Carballo - III Memorial Manuel Rega Morales, unha proba incluída no Campionato Galego de Motocross na que está previsto que participen arredor de 75 pilotos. Deles, seis compiten co club Motor Bergantiños, organizador da cita coa colaboración da Federación Galega de Motociclismo e do Concello. Trátase de Beltrán García Pérez, Miguel García Cancela, Óscar Martínez Díaz, Jonathan Vázquez Lema, Pablo Calvo Periscal e Serafín Lema Varela, todos en categoría Promoción. Así mesmo, tamén haberá competición en categorías Alevín, Promesas, Junior, Sénior e Veteranos. De entre os corredores que se darán cita en Bértoa, hai que subliñar a presenza de Jonathan Barragán, Campión de España 2011; de Rubén Fernández García, que a falta dunha carreira para rematar a competición lidera o Campionato de España de Promesas; e Jorge Prado, un piloto galego de tan só 10 anos que xa é Campión de Europa e Campión do Mundo Alevín 2011. A organización quere agradecer aos patrocinadores a súa colaboración para poder celebrar esta proba que ten rexistrado o índice de inscrición máis elevado de todo o Campionato Galego.

Compartir: