Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello de Carballo remite o Plan Xeral de Ordenación Municipal á Xunta para que emita o informe previo

A CORPORACIÓN COMPROMÉTESE A AXILIZAR A APROBACIÓN INICIAL

O Concello de Carballo remite o Plan Xeral de Ordenación Municipal á Xunta para que emita o informe previo

Xoves 27 de outubro do 2011

O Concello de Carballo remitirá á Xunta "mañá mesmo", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para que a administración autonómica emita o seu informe previo e avancen os trámites para a aprobación inicial do novo planeamento. Así se deu a coñecer nunha xuntanza celebrada hoxe na casa consistorial entre todos os voceiros dos grupos políticos municipais co Alcalde, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; ademais de co arquitecto e o asesor xurídico municipal. Nestes momentos o Concello está inmerso nun proceso para aprobar un novo PXOM, xa que o documento en vigor, aprobado en 2003, foi anulado por unha sentenza de 2007 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sentenza que está agora recorrida. Precisamente a semana pasada foi a vista do recurso de casación ante o Tribunal Supremo e está previsto que en breve se emita a sentenza definitiva, que podería ratificar a anulación. Por ese motivo, Ferrero e Lantes mantiveron o luns 24 de outubro unha xuntanza en Santiago coa Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. O Alcalde e a Concelleira transmitíronlles hoxe aos voceiros o contido desa reunión, ademais de notificarlles que os técnicos municipais veñen de rematar o informe sobre o documento e que está todo listo para remitir o PXOM á Xunta.

O FIOT entra na súa recta final coa performance de Macarena Recuerda Sheperd e a estrea en Galicia de Enfila't

VENRES 28 E SÁBADO 29 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

O FIOT entra na súa recta final coa performance de Macarena Recuerda Sheperd e a estrea en Galicia de Enfila't

Mércores 26 de outubro do 2011

A última fin de semana do FIOT comeza con dúas propostas arriscadas e ben diferentes. O venres 28 ás 21.00 horas o ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) pecha as súas portas cunha performance de Macarena Recuerda Sheperd. "That’s the story of my life" é unha sorprendente peza, unha autobiografía narrrada e executada de forma artesanal e utilizando materiais sinxelos, narrada coa técnica audiovisual stop motion de animación de obxectos. Unha performance, unha película, un precioso espectáculo eminentemente visual e conmovedor, construído en directo como flashes da memoria que fan posible concibir o tempo de maneira discontinua. Arquivos abertos polo pasado, por onde desfilan os acertos e desatinos dunha vida que o espectador ten que unir e ordenar para reconstruír. O sábado 29, tamén ás 21.00 horas, o auditorio do Pazo da Cultura transformarase nun auténtico circo, sendo a terceira actuación deste xénero que ve o FIOT no seu 20 aniversario. Catro personaxes encóntranse e desencóntranse. Acróbatas e músicos tras un pano xigante de papel. Cordas, tubos, tesoiras, precipítanse no camiño dos protagonistas, e de súpeto, un artefacto cae no escenario, desafiante. Enriba del comezan a bailar, xirar, dobrarse, perder o equilibrio e recuperalo, ata que comeza a chover... papel.

Formalizada a recepción das obras da Estación Depuradora de Augas Residuais de Baldaio e dos seus colectores e bombeos

A EXPLOTACIÓN DA EDAR COMEZA A PRINCIPIOS DE NOVEMBRO

Formalizada a recepción das obras da Estación Depuradora de Augas Residuais de Baldaio e dos seus colectores e bombeos

Mércores 26 de outubro do 2011

O Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, e o de Medio Ambiente, Marcos Trigo, veñen de asinar a recepción dos traballos para a construción dunha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) en Baldaio, así como os colectores e bombeos correspondentes para dar servizo a unha poboación de 2.000 habitantes. Trátase dunha recepción parcial, xa que queda excluída a explotación da EDAR, que recae na empresa adxudicataria durante catro anos, sendo un deles de garantía e axuste da instalación. Porén, o Concello pasa a encargarse do mantemento dos máis de 5.200 metros de novos colectores xerais con tubarías de PVC incluídos no proxecto; das tres impulsións con tubaría de fundición; e dos seis bombeos, situados nas áreas de Castrillón, Lema I e Lema II, Laguna, Pedra do Sal e Praia de Baldaio. Segundo informa Unión Temporal de Empresas (UTE) encargada dos traballos -formada por Espina y Delfín y Obras y Conducciones Hidráulicas (OCH)- a explotación comezará a principios de novembro. Os concelleiros Luís Lamas e Marcos Trigo estiveron supervisando as instalacións acompañados dos técnicos da Consellería de Medio Ambiente responsables do proxecto e de representantes da empresa adxudicataria. A achega para a realización do proxecto foi de dous millóns de euros.

Marcelino de Santiago, Kukas, recolle o Xograr de Outono pedindo accións para evitar o esmorecemento da cultura

O FIOT XA CONTA CO SEU PRIMEIRO PREMIO MARÍA CASARES

Marcelino de Santiago, Kukas, recolle o Xograr de Outono pedindo accións para evitar o esmorecemento da cultura

Luns 24 de outubro do 2011

Marcelino de Santiago, Kukas, é o "xograr sen límites", xa que, cos seus monicreques e marionetas é quen de "contar calquera historia". Así define Paula Carballeira, Xograresa de Outono 2010, ao premiado desta XX edición do FIOT. Leu as súas verbas durante a cerimonia de entrega o director teatral Quico Cadaval, xa que Carballeira non puido estar o sábado 22 no Pazo da Cultura por motivos profesionais. "Os xograres soemos pensar que non temos límites, pero iso só é verdade no caso de Kukas, poque onde nós non chegamos, chegan as súas marionetas", asegura a xograresa. Kukas recolleu o premio Xograr de Outono 2011 de mans de Diego Calvo, presidente da Deputación provincial, entre os aplausos do auditorio, cheo para a representación posterior de "Oeste solitario". Tivo palabras para os seus compañeiros do teatro, tanto da súa compañía, coma de todos aqueles que ao longo da súa carreira profesional estiveron ao seu lado traballando e mostrándolle o seu apoio. E, despois de dedicarlle ao público uns versos do Himno Galego, tamén fixo un chamamento a prol da cultura. "Din que hai crise no teatro. Eu non o creo, este auditorio está cheo", afirmou Kukas. Por iso, dirixíndoxe ás autoridades, reclamou: "Non fagamos que a cultura esmoreza aquí".

Aprobado en Xunta de Goberno o II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo do Plan de Dinamización Empresarial

MELLORA DA CAPA DE RODADURA EN GOIÁNS E BERDILLO

Aprobado en Xunta de Goberno o II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo do Plan de Dinamización Empresarial

Luns 24 de outubro do 2011

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar as bases do II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo, incluído no Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial que se está a desenvolver dentro do proxecto Fórum Carballo. Trátase da segunda fase desta iniciativa que se desenvolveu con éxito a primeiros de ano e que abrirá proximamente unha nova convocatoria. O obxecto deste plan é que os comercios da vila que así o soliciten teñan a oportunidade de recibir un informe personalizado sobre o seu establecemento para analizar o escaparate, a faciana ou o interior dos seus negocios e poder mellorar logo a súa imaxe comercial. Atenderanse detalles como a cor, a iluminación ou a distribución do mobiliario, así como a colocación do produto. Así mesmo, os participantes terán a opción de concorrer a un Concurso de Escaparatismo que posibilitará aos premiados a montaxe dos seus escaparates por profesionais especializados, e que na primeira edición gañou Estanco Varela (na imaxe). Poderán participar nesta iniciativa os titulares de establecementos comerciais no termo municipal de Carballo. O prazo de inscrición concretarase nos próximos días, cando os impresos tamén estarán a disposición dos interesados e interesadas no Rexistro Xeral do Concello, onde tamén deberán entregarse as solicitudes.

O pleno debate o axuste de varias ordenanzas fiscais a un acordo cos grupos políticos de Bergantiños e á suba do IPC

ADXUDICACIÓN DEFINITIVA DOS POSTOS DO MERCADO MUNICIPAL

O pleno debate o axuste de varias ordenanzas fiscais a un acordo cos grupos políticos de Bergantiños e á suba do IPC

Sábado 22 de outubro do 2011

A sesión plenaria ordinaria do mes de outubro, que se celebra o mércores 26 ás 20.30 horas, conta entre os principais asuntos da orde do día coa modificación de varias ordenanzas fiscais para axustar as súas respectivas taxas e prezos públicos. Así, como resultado dun acordo adoptado entre os representantes dos alcaldes dos tres partidos políticos que gobernan nos concellos de Bergantiños (Coristanco, A Laracha, Cabana, Malpica, Laxe e Ponteceso, ademais de Carballo), BNG, PSOE e PP, o goberno carballés propón a modificación do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) así como da taxa de recollida de lixo. Segundo explica a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, tendo en conta a situación de crise, o obxectivo non é só a reducción do gasto, senón tamén a busca da eficiencia nos ingresos. "Carballo é unha das vilas coa presión fiscal máis baixa de Bergantiños", subliña Lendoiro, e "as diferencias á hora de tributar nas diferentes vilas da comarca", fixeron necesario chegar a un acordo fiscal entre os sete concellos para igualar os tributos dos municipios. Por ese motivo, proponse a aprobación no pleno de outubro da suba do IVTM ata equiparalo coa taxa de Coristanco (a máis elevada da zona), nun incremento que, no caso de Carballo, sería dun 9 por cento. Así mesmo, lévase ao pleno a suba da taxa de recollida de lixo, manténdose os mesmos prezos en Carballo, A Laracha e Coristanco, o que implica un pago de 61,37 euros ao ano para as vivendas do casco urbano e de 49,10 no rural.

Unhas marionetas para "Alicia no país das marabillas" e o "Oeste Solitario" irlandés: na segunda fin de semana do FIOT

ENTREGA DO XOGRAR DE OUTONO

Unhas marionetas para "Alicia no país das marabillas" e o "Oeste Solitario" irlandés: na segunda fin de semana do FIOT

Venres 21 de outubro do 2011

O inglés Lewis Carroll e o irlandés Martin McDonagh únense na programación de sala da segunda fin de semana do FIOT grazas ás reinterpretacións das súas obras por parte dos portugueses Teatro de Marionetas do Porto e os galegos PT Excéntricas. No primeiro caso a proposta leva por título "Wonderland" (na imaxe), nunha nova versión do clásico da literatura universal "As aventuras de Alicia no país das marabillas". A versión que trae ao FIOT a compañía portuguesa é sinxelamente espectacular, nunha Alicia para adultos chea de simbolismos e que destila, por cada poro desta proposta escénica, sensualidade, sensibilidade e incluso medo. PT Excéntricas revisita as obras de Martin McDonagh despois do éxito da co producción do FIOT "Un cranio furado", que chegou a acadar 5 premios na pasada edición dos María Casares. Nunha casa afastada, preto dunha lagoa de augas escuras, nas terras esquecidas do oeste de Irlanda, a carón da ría de Lennane, viven os irmáns Connor. Despois de enterrar ao pai cociñan lentamente o rancor, a intolerancia e o odio. As funcións son o venres 21 ("Wonderland") e o sábado 22 de outubro ("Oeste solitario") ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. Para "Wonderland" aínda quedan entradas; para "Oeste solitario" están todas vendidas.

O Alcalde de Carballo asina en Xestur a acta de recepción das obras de urbanización do Parque empresarial de Bértoa

QUEDA PENDENTE A INSTALACIÓN DO CABLEADO E ALUMEADO PÚBLICO

O Alcalde de Carballo asina en Xestur a acta de recepción das obras de urbanización do Parque empresarial de Bértoa

Xoves 20 de outubro do 2011

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar na sede de Xestur A Coruña a acta de recepción das obras de urbanización do proxecto sectorial do Parque empresarial de Bértoa, correspondentes á primeira ampliación do polígono industrial. Porén, a acta recolle dúas observacións. Así, está pendente de realización o rebaixe do muro do tanque de tormentas, uns traballos que se compromete a realizar a contratista no prazo dun mes. Así mesmo, e dados os roubos de cable de cobre rexistrados nos últimos tempos, o tendido do cableado e o alumeado público queda pendente de instalación e as empresas integrantes da UTE responsable dos traballos, CRC Obras y Servicios e Lubasa SAU, comprométense a asumir os custos do subministro e instalación do cableado cando o Concello de Carballo así o solicite e no prazo dun mes dende que se realice esta petición. Unha vez formalizada a recepción das obras, a área obxecto da urbanización poderá ser destinada aos usos e servizos públicos correspondentes, facéndose cargo o Concello da súa vixilancia e conservación. Na sinatura da acta estiveron presentes, ademais do Alcalde, María Doporto, Xerente de Xestur A Coruña; e Manuel Fernández, Xerente da UTE CRC Obras y Servicios e Lubasa, ademais dun director facultativo.

Desastronauts presenta "Losing grip", un espectáculo que reflicte a arriscada relación de dúas persoas enriba dun trapecio

ESTREA EN ESPAÑA: DOMINGO 23 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

Desastronauts presenta "Losing grip", un espectáculo que reflicte a arriscada relación de dúas persoas enriba dun trapecio

Xoves 20 de outubro do 2011

O ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) é o espazo do FIOT que aposta pola vangarda e a innovación no que teñen cabida proxectos que empregan novas dramaturxias e linguaxes teatrais menos convencionais. Dentro deste marco, a organización do festival quixo centrarse este ano no Novo Circo, unha corrente emerxente en Galicia que pouco a pouco vai enchendo os escenarios con apostas arriscadas e orixinais e que copa dúas das tres propostas do OTNI. Unha delas é "Losing grip" da compañía galega, pero tamén internacional, Desastronauts. Formada por Raquel Veganzones (de Valladolid) e Girisho Gordon (Reino Unido), propón unha viaxe enriba do trapecio "despois de moitos anos de investigación", segundo subliña Gordon. A roupa é outro dos elementos fundamentais do espectáculo, pensado tamén para interactuar cos elementos arquitectónicos dos edificios e, neste caso, coa baixocuberta do salón de actos do Pazo da Cultura, que de seguro contribuirá á espectacularidade dos movementos, ás veces incluso de danza aérea, que inclúe o espectáculo. Todo nunha viaxe pensada para reflectir "a relación entre dúas persoas" a través "do risco entre a vida e a morte" que supón o trapecio, segundo Raquel Veganzones. A cita é o domingo 23 ás 21.00 horas e as entradas, aínda dispoñibles, custan 3 euros.

O Xograr de Outono desta 20 edición do FIOT recae na figura do polifacético artista Marcelino de Santiago, Kukas

ENTREGA DO GALARDÓN: SÁBADO 22 ÁS 21.00 HORAS

O Xograr de Outono desta 20 edición do FIOT recae na figura do polifacético artista Marcelino de Santiago, Kukas

Mércores 19 de outubro do 2011

O Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo (FIOT) premia a traxectoria do polifacético artista Kukas (Marcelino de Santiago Viqueira) co recoñecemento 'Xograr de Outono' desta edición. A entrega deste galardónestá prevista para o sábado 22 de outubro ás 21.00 horas. A actividade de Kukas abrangue dende a pintura ou a fotografía ata a literatura, artes escénicas ou a música. Graduado en Fotografía Artística, na súa traxectoria profesional abondan os recoñecementos e premios entre os que destacan o Premio Compostela á mellor escenografía pola obra "Saxo Tenor" de Roberto Vidal Bolaño (1993); a mención de Honra polo seu labor no Teatro de Bonecos do Centro Municipal das Artes dos Títeres de Bilbao (1997); a homenaxe do festival TitiriCuenca polos 30 anos dedicado ao mundo dos monicreques (2009); e o Premio María Casares á mellor escenografía pola obra "Un cranio furado" dirixida por Quico Cadaval (2011). O premio 'Xograr de Outono' é un nomeamento honorífico entregado pola organización do festival a unha persoa ou entidade que destaque pola súa promoción do teatro en Galicia. En anteriores edicións do FIOT foron merecedores deste premio Roberto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó e Paula Carballeira.

Asinado un convenio de colaboración coa Deputación para o sostemento do Grupo Municipal de Intervención Rápida de Carballo

A ACHEGA MÁXIMA PREVISTA NO ACORDO É DE 45.000 EUROS

Asinado un convenio de colaboración coa Deputación para o sostemento do Grupo Municipal de Intervención Rápida de Carballo

Martes 18 de outubro do 2011

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar na Deputación da Coruña co presidente do organismo provincial, Diego Calvo, un convenio de colaboración para o sostemento do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir). O obxecto do acordo é establecer as bases de colaboración para manter un Grumir que teña capacidade para ter inmediata resposta a situacións de emerxencia en incendios forestais e urbanos, accidentes de tráfico, inundacións, primeiros auxilios, asistencias domiciliarias, apoio en materia de seguridade vial, actividades medioambientais, cooperación en axudas humanitarias e cantas outras supoñan dar resposta a emerxencias no municipio. O Grumir do Concello de Carballo está composto por: un responsable encargado da coordinación técnica; una xefe de grupo encargado da coordinación dos operativos do grupo; dous capataces, coordinadores das distintas quendas -podendo exercer un dos capataces de xefe de grupo; e dez peóns. O persoal organízase en quendas de mañá e noite, de tal xeito que poidan estar localizables as 24 horas do día para actuar en calquera emerxencia nas áreas da súa contorna. A Deputación participa mediante unha subvención polos gastos de mantemento do Grupo por unha achega máxima de 45.000 euros.

Yllana recolle o Premio do Público entre aplausos e gargalladas nunha fin de semana de cheo absoluto no FIOT

O XOVES 20 ARRINCA O CICLO OTNI

Yllana recolle o Premio do Público entre aplausos e gargalladas nunha fin de semana de cheo absoluto no FIOT

Luns 17 de outubro do 2011

Yllana celebrou enriba do escenario do FIOT os seus 20 anos de vida entre aplausos e gargalladas, e, coma sempre, sen dicir unha palabra. Dous dos voluntarios que colaboran na organización entregáronlles o Premio do Público de 2008 por "Brokers" mentres o auditorio, sen ganas de renunciar ao seu humor, aplaudía ao son da música reclamando aínda máis da compañía preferida polos espectadores ao longo da historia do festival. A súa parodia do mundo taurino, "Muu! 2", trunfou coas súas bromas xestuais, a complicidade do público e unha música pegadiza. Foi o remate para unha primeira fin de semana de festival na que o público encheu ata a bandeira o auditorio do Pazo da Cultura os tres días, e na que a traxicomedia e o humor mais descarado foron protagonistas. O venres 14 o FIOT abriu con "Torvaldo furioso", un drama ás veces disfrazado de comedia que estendeu a súa atmosfera polas bancadas. Julio Cortázar e Inma Nieto foron dando forma pouco a pouco a uns personaxes que, ao igual que as cebolas, desprendéronse ao final de todas as súas capas. E o sábado 15, de novo cun cheo absoluto, o auditorio non deixou de rir lembrando a educación franquista grazas a "O florido pénsil", unha obra que, detrás dos sorrisos, esconde unha realidade moito máis próxima no tempo do que pode parecer.

Compartir: