O FESTIVAL DE ROCK LIVE IN CANCES ABRE AS ACTIVIDADES O VENRES 11
Xoves 10 de novembro do 2011
"A cultura é unha roda interminable que ano tras ano mantén unhas determinadas citas co público", segundo afirma o Alcalde carballés, Evencio Ferrero. E na nova volta desa roda chega a quenda do Novembro con Música 2011, que ofrece nove concertos -seis organizados polo Concello e tres por diferentes entidades culturais do municipio- coa participación dun total de 31 agrupacións aglutinando unha ampla variedade de estilos que van dende a música clásica, folk, rock, coral ou de autor e que se completa don dúas exposicións. As actividades desenvólvense entre o venres 11 de novembro e o sábado 3 de decembro e os concertos son de entrada libre ata completar o aforo no Pazo da Cultura. Neste mes da música que honra a Santa Cecilia, o programa inclúe citas xa consolidadas como o 'Live in Cances' -festival rock que abre o programa o venres 11- , o concerto 'Sons de aquí', o concerto do Conservatorio Profesional de Música, o concerto de Santa Cecilia, o Festival de Corais, o Concerto da Banda Municipal ou o ciclo 'En Familia', dirixido aos máis cativos e cativas. Hai que subliñar, así mesmo, o Concerto de Luis Pastor e Miro Casabella, coa colaboración de Uxía que serve para conmemorar os 35 anos da Asociación Lumieira e que tamén supón unha lembranza para Xosé Manuel Eirís. A cita conta coa colaboración da Deputación.
XA ESTÁN INSCRITAS ARREDOR DE 60 PERSOAS
Mércores 9 de novembro do 2011
O Club Ciclista Carballo, en colaboración co Concello de Carballo e contando coa aprobación da Federación Galega de Ciclismo organiza a I Marcha Cicloturista BTT (Bicicleta Todo Terreo) Ruta das Férvedas. O obxectivo desta actividade, segundo subliñan dende o club, é o de potenciar os recursos naturais e paisaxísticos do Concello e fomentar o ciclismo como forma de ocio. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, cre que a iniciativa axuda a "poñer énfase nun aspecto moi singular do Concello, como son as férvedas de Rus e Entrecruces". A cita é o domingo 13 de novembro coa saída prevista no Pavillón Vila de Noia da capital municipal ás 9.00 horas e coa entrega de dorsais entre as 7.30 e as 8.30 horas. A organización espera que a chegada se produza entre as 14.30 e 15.00 horas no mesmo pavillón. O percorrido, en parte por estrada (treito inicial) e en parte pola ruta de sendeirismo homologada, conta con 50 quilómetros de lonxitude, aínda que están habilitados e sinalizados dous atallos (un de 44 e outro de 38 quilómetros) para quen queira facer unha ruta máis curta. Haberá dous avituallamentos: un líquido no quilómetro 10, e outro sólido-líquido no 25. A organización informa de que xa están inscritas 60 persoas, e anima aos veciños e veciñas de Carballo e concellos veciños a que participen. A inscrición remata o xoves 10.
ESTUDANTES DE MEDICINA APRENDEN AS CLAVES DESTA TERAPIA
Martes 8 de novembro do 2011
O Balneario de Carballo convértese durante a xornada do martes 8 de novembro nun importante punto neurálxico da hidroloxía médica galega coa celebración dunhas xornadas dirixidas case en exclusiva a estudantes de Medicina nas que se reflexiona sobre as claves desta disciplina que, segundo José Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia -organizadora da cita coa colaboración co Balneario- "conta cunha tradición de máis de 2.000 anos de historia". O obxectivo desta sesión monográfica, que se prolonga durante todo o día e que inclúe sesións teóricas e prácticas, é o de "abrir os balnearios aos estudantes" para que teñan contacto con eles e poidan experimentar a súa eficacia. Carro Otero subliñou durante a sesión inaugural que "a balneoterapia volve rexurdir" e que centros termais como o de Carballo "curan, pero tamén son puntos de dinamización socioeconómica nas súas zonas respectivas". O Alcalde, Evencio Ferrero, que participou no acto de apertura, afirmou que "a puxanza que ten a vila de Carballo non sería posible sen a aparición e optimización deste balneario", que deu pulo ao centro carballés. Ferrero agradeceu "a confianza depositada en Carballo" para celebrar esta cita a nivel galego e desexou aos asistentes que desfruten das instalacións e que volvan no futuro.
COMEZARASE COS TRABALLOS DE RECATALOGACIÓN ARQUEOLÓXICA
Martes 8 de novembro do 2011
A Comisión de Urbanismo e Medio Ambiente de Carballo decidiu por consenso de todos os grupos politicos da corporación -nunha xuntaza celebrada o luns 7 de novembro- non traballar en ningunha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) enviado á Xunta hai preto de dúas semanas. Nestes momentos, a administración autonómica debe emitir antes de dous meses un informe no que poden achegarse observacións ou sinalarse defectos que haxa que subsanar no documento. No momento de enviarse o PXOM, propúxose a posibilidade de adiantarse a estas posibles modificacións e avanzar na Comisión de Urbanismo de cara á aprobación inicial do planeamento. Así, as principais discrepancias entre o documento enviado e os criterios da Xunta refírense especialmente ao chan residencial ou ao desenvolvemento urbanístico en áreas afectadas polo POL (Plan de Ordenación do Litoral). Porén, na xuntanza celebrada o luns os representantes do BNG, PP, TEGA e PSOE decidiron que ata que non chegue o informe previo da administración autonómica coas súas directrices non se realizará ningunha revisión do planeamento. En todo caso, si pode avanzarse na realización doutros trámites como a recatalogación arqueolóxica, que implica o estudo exhaustivo do patrimonio municipal.
A PUNTUACIÓN GLOBAL DOS ESPECTADORES É DE 4,10 SOBRE 5
Luns 7 de novembro do 2011
O espectáculo "Plecs" (na imaxe) da compañía catalana Enfila't foi o mellor valorado polos espectadores do FIOT que tiveron a oportunidade de velo cunha puntuación de 4,56 puntos sobre 5, a máis alta das emitidas durante o festival, o que fai que esta función sexa a merecedora do Premio do Público do Festival Internacional Outono de Teatro 2011. Ademais do recoñecemento, este premio supón que esta compañía será invitada a participar nunha vindeira edición do festival, unha vez que estree nova obra. "Plecs" é un espectáculo de teatro, circo, música e papel que a compañía de nova creación Enfila't estreou en maio de 2010 e que presentaba por primeira vez en Galicia no marco do FIOT. O espectáculo viña avalado polo seu éxito en diversos festivais celebrados en España ademais de distincións como o Premio ao mellor espectáculo de Circo de Cataluña no ano 2010. A moi curta distancia de "Plecs" situáronse os espectáculos "O florido pénsil" de Eme2/Tantakka Teatroa e "TIME al tiempo" de Ron Lalá, con 4,54 e 4,53 puntos respectivamente, sendo este último espectáculo o que foi puntuado máis alto entre quen compran un bono para todo o festival, e que seguen un sistema de puntuación independente.
O SERVIZO DA ANTENA LOCAL DA CÁMARA DE COMERCIO: ATA 2012
Luns 7 de novembro do 2011
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o contrato de subvención para sacar a diante o proxecto "Carballo en movemento: fomento da mobilidade no proceso de formación da xuventude local" incluído no programa europeo Leonardo da Vinci de aprendizaxe permanente. A concesión desta axuda, financiada polo Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos (Agencia Nacional) foi confirmada o pasado mes outubro e, cumprido este trámite na Xunta de Goberno, está previsto que a convocatoria se formalice nas próximas semanas. O obxectivo desta iniciativa é o de ofrecer prácticas profesionais no estranxeiro de 12 semanas de duración durante o ano 2012 a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos, con titulación en FP ou universitaria, dispoñibles no mercado laboral carballés, con priorización daqueles que están en situación de desemprego e sen experiencia previa, así como ás mulleres e a persoas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, por ser os colectivos con maior problema de empregabilidade. O obxectivo desta proposta é o de mellorar os perfís e a cualificación profesional dos beneficiarios, capacitándoos para facer fronte aos novos retos laborais e ás necesidades dun mercado de traballo cada vez máis esixente no que a formación e experiencia se refire.
AS INSTALACIÓNS TEÑEN CAPACIDADE PARA 102 NENOS E NENAS
Venres 4 de novembro do 2011
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar a acta de recepción das obras para a construción dunha segunda Escola Infantil Municipal na contorna da urbanización de Riotorto na estrada de Razo, nunha parcela de 2.500 metros cadrados. A nova escola infantil foi financiada a través dun convenio coa Deputación da Coruña polo que o organismo provincial realizou unha achega de 550.000 euros, mentres que o resto do importe foi asumido polo Concello. Os traballos foron realizados por unha UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Decoraciones J. Bello e Paraxe SL por un importe de 684.716 euros, o que supuxo no seu momento unha baixa sobre o prezo de licitación de 160.512,40 euros. O proxecto foi elaborado polo arquitecto José Villacé e seleccionado a través dun concurso de ideas. Esta nova escola intantil terá capacidade para 102 prazas e contará con dúas unidades para aulas de nenos e nenas de 1 a 2 anos e tres unidades para nenos e nenas de 2 a 3 anos. Con este servizo complétase o ofrecido por As Landras, a escola infantil municipal que xa está en servizo e que conta con 61 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos.
INCLÚE A MUSEALIZACION DO RELOXO DO ANTIGO CONCELLO
Venres 4 de novembro do 2011
O Museo de Bergantiños e Centro de Interpretación Turística da Costa da Morte acolle dende hoxe e até o 31 de xaneiro de 2012 a exposición "Carballo. 1836-2011". Trátase dunha mostra que presenta unha comparativa dos cambios da paisaxe e da demografía que ten vivido o Concello carballés dende a súa fundación no ano do seu 175 aniversario. Esta exposición inclúe a musealización do reloxo do antigo edificio da casa consistorial, que ao remate do período da exposición pasará a formar parte da oferta permanente do Museo de Bergantiños. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Promoción Económica e Xestión Municipal, Xose Regueira, fixeron un percorrido pola mostra, formada fundamentalmente, ademais de pola maquinaria do reloxo do Concello e por unha das súas antigas campás, por fotografías e documentación relacionadas coa evolución do municipio dende o seu nacemento. O material está repartido en dúas salas. Unha, dedicada a imaxes de construcións xa desaparecidas, como a antiga casa consistorial e a antiga igrexa, e que tamén conta con utensilios rescatados do antigo concello, ademais do reloxo. Outra, recolle fotografías e mapas relacionados coa evolución demográfica e urbanística da vila e do municipio.
MON LENDOIRO PRESENTA "ANÓNIMAS"
Xoves 3 de novembro do 2011
Con motivo da conmemoración do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, desde a Concellaría de Igualdade e Benestar organízanse unha serie de actividades que se desenvolverán ao longo de todo o mes. A primeira das citas, organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo, transcorre dende o día 4 e até o 30 de novembro na sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura, onde estará aberta ao público a exposición "Anónimas" cuxo autor é o coñecido artista carballés Mon Lendoiro. Esta colección de retratos é unha serie pictórica que o autor comezou hai uns dous anos, coma un pequeno homenaxe ás mulleres que son e forman parte da súa vida e polas cales sinte unha grande e fonda admiración. Nun principio, este proxecto xurdiu coma unha diversión, pois elas pedíanlle que as retratase caracterizándoas como as vía, sempre con esa mirada infantil que posúe o artista á hora de crear pezas, pero dándolle estilos e técnicas pictóricas diferentes para crear a personalidade propia de cada unha delas. Así, hai mulleres independentes, fortes, valentes, inocentes, divertidas, coquetas, vulnerables ou enxeñosas e, ante todo, moi humanas. A presentación da mostra ten lugar o venres 4 de novembro ás 20.30 horas, e estará aberta até o 30 do mesmo mes en horario de 18.00 a 21.00 horas.
ESPÉRASE QUE DANIEL PÉREZ TOME POSESIÓN NO PRÓXIMO PLENO
Venres 28 de outubro do 2011
Os concelleiros da corporación Milagros Lantes e Xose Regueira asumen as competencias delegadas de Goberno que deixa o xa ex concelleiro do Concello de Carballo, Xosé Manuel García Guillín, despois da súa renuncia, formalizada no pleno celebrado o 26 de outubro. Así, e a través dun Decreto da Alcaldía con data de 27 de outubro, establécese que a Tenente de Alcalde leve as áreas de Planificación e Desenvolvemento Urbano ás que engade as de Contratación e Feiras e Mercados; mentres que Xosé Regueira suma ás areas de Xestión Municipal (Persoal, Réxime Interior, Policía, Tráfico, Seguridade e Protección Civil) e Normalización Lingüística as áreas relativas a Promoción Económica (Industria, Comercio e Turismo). Así mesmo, vese modificada a composición da Xunta de Goberno Local, que agora contará con Evencio Ferrero Rodríguez como Presidente, e con Milagros Lantes, Luis Lamas Álvarez, Belén Lendoiro, Xosé Regueira, María Mar Eirís e Marcos Trigo (en substitución de García Guillín) como vogais. O goberno espera que Daniel Pérez, número 11 nas listas do BNG, poida tomar posesión no próximo pleno da corporación, sempre que a Xunta Electoral remita as súas credenciais a tempo. Nesa sesión tamén se dará conta da nova distribución de competencias.
DOMINGO 30 E LUNS 31 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS
Venres 28 de outubro do 2011
O domingo 30 e o luns 31 de outubro o FIOT ofrece as últimas funcións da súa XX edición, caracterizada polo cheo case absoluto de público na programación de sala e por unha moi boa acollida das tres propostas do OTNI, Obxecto Teatral Non Identificado. A xenial interpretación de "Torvaldo furioso", as escolas de "O Florido Pénsil", as gargalladas de Yllana, as marionetas de Porto, ou o humor negro irlandés teñen engaiolado ao público, que esta fin de semana despide o festival entre as risas de Ron Lalá e a traxedia shakespeariana de Nuria Espert. Os primeiros xa visitaron o FIOT coa súa produción "Mundo y final", na que emprendían unha carreira contra reloxo para evitar a destrución do mundo. Agora propoñen en "TIME al tiempo" unha viaxe pola relatividade e fugacidade do tempo, desde a súa orixe ata chegar ao mesmísimo tempo, ese farsante que nos tima todos os días. Como contraste, a inmensa actriz Nuria Espert presenta unha das súas máis arriscadas propostas teatrais, representando un poema narrativo de William Shakespeare: "La violación de Lucrecia". Un fermoso e desgarrador poema que narra a escalofriante, violenta e emocionante historia dun crime que terminou cos reis en Roma. As entradas están esgotadas para as dúas citas: no auditorio do Pazo da Cultura ás 21.00 horas.
A CORPORACIÓN REXEITA O INCREMENTO DO IVTM
Xoves 27 de outubro do 2011
A sesión plenaria do mes de outubro, adiantada ao xoves 26 para que non fose o día 31, véspera de festivo, saldouse coa aprobación do incremento de catro taxas municipais. Así, recibiu luz verde a adaptación da taxa de lixo a un pago de 61,37 euros ao ano para as vivendas do casco urbano e de 49,10 no rural, sen modificar as cotas do comercio local. O incremento suporá uns 130.000 euros máis na recadación, unha cifra que, aínda que non permitirá cubrir os gastos derivados do servizo (deficitario nuns 400.000 euros anuais), mellorará as contas. Esta proposta xurdiu tras un acordo adoptado por todos os grupos políticos de Bergantiños nunha xuntanza entre os sete alcaldes da comarca, ao igual que o acordo para a suba do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) ata equiparalo coa taxa de Coristanco. Porén, neste último caso a oposición rexeitou a suba do IVMT, polo que o municipio carballés segue a manter a taxa máis baixa de todo Bergantiños. Así mesmo, recibiu o apoio por unanimidade da corporación a proposta para actualizar ao IPC as taxas de depuración e abastecemento de augas e dos prezos públicos pola utilización das instalacións deportivas municipais. No primeiro e segundo caso, sería un incremento dun 2,9 por cento, mentres que no terceiro, o axuste ao IPC sería dun 4,7 por cento, calculado entre xaneiro de 2010 e xullo de 2011.