INFORMACIÓN E SOLICITUDES EN "AS LANDRAS"
Martes 13 de decembro do 2011
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución da apertura por parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar do prazo de preinscrición e matrícula para a nova Escola Infantil municipal de Carballo. Dende o día 12 e ata o vindeiro 27 de decembro poden presentarse as solicitudes de inscrición en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas na Escola Infantil "As Landras", situada na estrada de Razo. Rematado o prazo de inscrición, as listaxes provisionais de admitidos/as e de agarda publicaranse o 16 de xaneiro e abrirase un prazo de reclamacións de dez días hábiles. As listas definitivas faranse públicas o día 3 de febreiro e o prazo de matrícula será do 3 ao 16 do mesmo mes. Hai que lembrar que a finais de novembro varios técnicos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (na imaxe) inspeccionaron as instalacións da nova Escola Infantil Municipal para avanzar na súa posta en funcionamento. O edificio está xa totalmente equipado e tan só resta que por parte do Consorcio se achegue o mobiliario correspondente ás aulas e salas de profesores, así como o material didáctico necesario para abrir as instalacións. Así mesmo, tamén é o organismo responsable de realizar a selección de persoal. Os interesados en obter máis información poden chamar á escola "As Landras" no 981 75 59 12 e no 619 602 308, ou premer aquí.
MARTES 13 DE DECEMBRO A PARTIRES DAS 9.30 HORAS
Luns 12 de decembro do 2011
A Concellaría de Cultura que dirixe Mar Eirís informa de que o martes 13 de decembro ten lugar o proceso para elixir aos representantes de entre a dirección e o alumnado dos centros de ensino, así como de entre as asociacións do Concello de Carballo, para participar no Consello Escolar Municipal (CEMC). O CEMC configúrase como un organismo de asesoramento, consulta, proposta, información e participación sobre o ensino non universitario no ámbito territorial do Concello e constituíuse por primeira vez o 8 de maio de 2008. Dende entón ven funcionando con normalidade, pero o seu regulamento -aprobado no pleno do 30 de maio de 2005- esixe que se constitúa de novo despois dos comicios municipais celebrados en maio de 2011. O proceso para a presentación de candidaturas e a convocatoria das eleccións do CEMC vénse desenvolvendo dende o verán, pero é finalmente o martes 13 cando alumnos, directores e asociacións elixen aos seus representantes. Hai que mencionar que o CEMC conta con outro tipo de representación, como por exemplo os membros das ANPAs ou dos sindicatos, pero neses casos o regulamento establece un proceso de designación diferente. Unha vez estean elixidos todos os membros con representación, convocarase a constitución do novo CEMC. As primeiras eleccións do Consello Escolar Municipal de Carballo foron en abril de 2007.
MÁIS DE 1.300 NENOS E NENAS PARTICIPARON NO CONCURSO DE NADAL
Luns 5 de decembro do 2011
O Concello de Carballo, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, organiza un Obradoiro de nanas dirixido a nais e pais, presentes ou futuros, que queiran aprender ou practicar o aproveitamento do poder emocional das nanas e cantos de berce para arrolar os seus bebés. Este obradoiro terá catro horas de duración, e desenvolverase o martes 20 e o mércores 21 de decembro, en horario de 17.00 a 19.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo. Nel poden participar un máximo de 25 persoas, ben soas, ben acompañadas do seu bebé. A inscrición é gratuíta e pode facerse no Servizo de Normalización Lingüística (no Pazo da Cultura) ou no teléfono 981 704 304, en días laborables en horario de mañá. Do obradoiro encargaranse Rosa Bugallo, licenciada en Filosofía e letrista, e Ugia Pedreira, unha das voces máis recoñecidas da canción galega actual, membro do grupo Nordestin@s e de Marful, a banda de referencia da nova música pop galega. No obradoiro, as nais e pais participantes achegaranse a dez nanas galegas cantadas por Ugia Pedreira, con explicación sociolóxica e práctica en grupo.
INCLÚE OS EXPEDIENTES DOS DOCUMENTOS DE INICIO DE 2007 E 2010
Luns 5 de decembro do 2011
A Concelleira de Planificación e Planeamento Urbano, Milagros Lantes, informa de que o Concello de Carballo vén de remitir hoxe á Xunta toda a documentación requirida por parte da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en relación ao proceso de aprobación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Así, despois de que o documento ao completo fora remitido o pasado 28 de outubro para que se emitise o informe previo por parte da Xunta, a administración autonómica solicitou, ademais, que se lle enviase o expediente administrativo completo do documento de inicio de xullo de 2007 e do documento de inicio de outubro de 2010 (anexos I e II). Así mesmo, requiriuse documentación técnica do planeamento como a Memoria de sustentabilidade económica (anexo III) e a memoria xeral (anexo IV), na que se inclúen: a memoria xustificativa en materia de habitabilidade; a memoria xustificativa en materia de accesibilidade; e a memoria xustificativa de coherencia coas Directrices de Ordenación do Territorio. Hoxe vén de remitirse esta documentación á Xunta co obxectivo de facilitar a elaboración do informe previo do novo planeamento, para o cal a administración autonómica ten un prazo máximo de dous meses.
APROBADAS AS BASES DO PROXECTO "CARBALLO EN MOVEMENTO"
Luns 5 de decembro do 2011
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, fóra da orde do día, unha addenda ao Convenio de colaboración subscrito en 2009 entre o Concello de Carballo e a antiga Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte para o acondicionamento e mellora da seguridade viaria na estrada AC-416, travesía de Malpica (na imaxe) entre os puntos quilométricos 0+000 e 1+360. Por este acordo, a Xunta de Galicia comprométese a financiar o importe íntegro acordado segundo o proxecto, xa rematado, nun máximo de 907.291,85 euros. En 2009 foron abonados 61.791,76 euros; en 2010, 316.610,18; e non se percibiu nada en 2011. Mediante esta addenda está previsto que o Concello reciba 278.890 euros en 2012 e 250.000 en 2013, sendo a vixencia do convenio até o 31 de decembro de 2013. Dentro do apartado de convenios, a orde do día tamén supuxo a aprobación das Bases para a selección dos beneficiarios/as do proxecto "Carballo en movemento: fomento da mobilidade no proceso de formación da xuventude local", polo que se ofrecen prácticas profesionais no estranxeiro durante o ano 2012 a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos, con titulación en FP ou universitaria, con priorización daqueles que están en situación de desemprego e sen experiencia previa.
GAÑARON NAS CATEGORÍAS Q2 E -1600
Venres 2 de decembro do 2011
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, vén de recibir na Alcaldía aos recentemente proclamados campións galegos de Quadcross e Autocross das escudarías Ecoquad Galicia e Bergantiños Motor. Así, Daniel Remuiñán resultou vencedor na categoría Q2, e non é a primeira vez que sube ao primeiro caixón do podio xa que no ano 2006 foi Campión de España da súa categoría. Pola súa banda, Alfonso Álvarez Rives acadou o primeiro lugar no Campionato Galego de Autocross na categoría de menos de 1.600 centímetros cúbicos, sendo o piloto que conseguiu a maior puntuación despois das oito probas celebradas, sacándolle tan só cinco puntos ao segundo clasificado, do club PA Arteixo. É a primeira ocasión en que Alfonso Álvarez se proclama gañador nunha proba deste tipo. Hai que subliñar así mesmo, que na clasificación final por escudarías, Bergantiños Motor conseguiu o segundo posto. O Alcalde e o Concelleiro de Deporte quixeron felicitar aos campións, e, xunto con outros membros das escudarías, falaron da próxima tempada de motor e da celebración de futuras citas deportivas, así como do Circuíto de Motor de Bértoa.
REXISTRADOS 380 AVISOS VECIÑAIS NOS TRES ÚLTIMOS MESES
Xoves 1 de decembro do 2011
A Brigada de Obras Municipal realiza estes días melloras no rebacheo, así como arranxos nas principais beirarrúas de todo o territorio municipal. Así, os operarios xa están traballando na substitución e mellora das lousas das beirarrúas nas parroquias de Sofán, Berdillo, Entrecuces e Oza, ademais de na capital municipal na Praza do Concello, nas Labradas, en Ponte Rosende (A Brea), na Avenida de Razo e na Praza da Cruz Vermella. No que respecta á rede viaria, estase realizando o rebacheo cubrindo as fochas con aglomerado, realizando un percorrido dende as parroquias ata a capital municipal. Así mesmo, estase procedendo á colocación do alumeado de Nadal para acendelo ao longo do mes de decembro. No que respecta á Brigada de Medio Ambiente, os operarios están realizando dende primeiros desta semana a revisión e limpeza das marquesiñas do municipio (na imaxe), así como dos paneis de libre expresión e dos sinais verticais de lugares. Os traballos consisten na retirada de maleza, lixos e sucidade que poida dificultar a súa visibilidade. Comezouse en Ardaña e Rus, seguindo por Entrecruces e Artes, estando case rematados tamén os traballos en Sofán. Continuarase ata cubrir todo o territorio municipal. Por último, veñen de limparse as follas de monte forestal situadas na estrada de Ramil a Barbalde, na parroquia de Rus, para redundar na seguridade da vía.
O OBXECTIVO É FACILITAR A INSERCIÓN NO MERCADO LABORAL
Mércores 30 de novembro do 2011
O Centro de Formación de Carballo está realizando estes días (martes 29 e mércores 30 de novembro) o proceso de homologación profesional de 26 alumnos do Curso de soldadura co obxectivo de facilitar a súa inserción laboral cando rematen o obradoiro o vindeiro mes de decembro. O propio Centro é o encargado de contratar os servizos dunha empresa, neste caso Servicontrol, que nas instalacións da Cristina avalía a capacidade dos alumnos, de entre 17 e 33 anos. O director do Centro de Formación, Juan Lorenzo, explica que os alumnos deben amosar os seus coñecementos como soldadores e que a empresa comproba, efectuando unha radiografía do elemento soldado, se existen poros ou fallos que poidan derivar en fugas ou filtracións. Así, a cualificación é especialmente relevante no traballo realizado en oleoductos ou gasoductos, xa que calquera nimia brecha pode supoñer unha fuga. Tamén é especialmente importante na construción de grandes estruturas metálicas, que soportan grandes tensións. Nestes dous días lévanse a cabo un total de 77 homologacións en tres especialidades distintas. En anos anteriores o proceso supuxo un cen por cen de alumnos aptos.
MÁIS DE 750 RAPACES E RAPAZAS
Mércores 30 de novembro do 2011
Os rapaces e rapazas dos centros de ensino IES Parga Pondal e CEIP A Cristina coparon os primeiros postos da Carreira da fase local de campo a través que vén de celebrarse no circuíto situado no Parque Empresarial de Bértoa, con oito e sete podios respectivamente. O Colexio Artai e o CEIP Bergantiños colocaron a catro e tres dos seus corredores entre os tres primeiros postos, mentres que o CEIP Fogar e o Xesús San Luís Romero acadaron un podio cada centro. En total contabilizáronse 752 participantes, un 25 por cento mais dos 602 que correron na proba na edición de 2010. Os atletas son alumnos e alumnas de oito centros de ensino carballeses: os CEIP A Cristina (con 89 corredores), Bergantiños (con 133), Fogar (con 72), Gándara-Sofán (con 47), Nétoma-Razo (con 39) e Xesús San Luis Romero (con 32 corredores); o IES Parga Pondal (con 185) e o Centro Artai (con 133 corredores). A proba foi organizada polo Padroado Deportivo Municipal do Concello de Carballo dentro do programa DXT na Escola, coa colaboración co Servizo Provincial de Deportes e da Federación Galega de Atletismo. Contribuíron á celebración da cita a Deputación da Coruña e as empresas Begano e CCB Haley.
QUEDA SOBRE DA MESA O CONTRATO DOS POSTOS DO MERCADO
Martes 29 de novembro do 2011
A sesión plenaria ordinaria do mes de novembro supuxo a aprobación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2012, que ten un importe de 672.191,75 euros. As bases deste plan da Deputación permiten que o 60 por cento da achega se destine a gasto corrente e precisamente a este último apartado destinaranse 392.456 euros do total, reservándose 279.735,75 a investimentos. Os proxectos incluídos no POS 2012 refírense á dotación de saneamentos e a melloras viarias. Así, os proxectos incluídos son: rede de saneamento na parroquia de Rus por 96.590,27 euros; rede de saneamento na parroquia de Artes por 68.312,67 euros; e o rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Carballo (rúa Nardos), Goiáns, Oza, Lema, Rebordelos, Sofán, Berdillo, Rúa e Entrecruces por 114.832,81 euros. O acordo inclúe tamén a aprobación do Plan Complementario, que se realizaría coas posibles baixas derivadas da adxudicación dos traballos do POS. Neste caso, destinaríase a unha Rede de saneamento en Pedra Furada por 38.527,37 euros. A maioría da corporación tamén acordou na sesión plenaria o visto e prace definitivo para a modificación da Ordenanza fiscal número 11 reguladora das taxas pola prestación de servizos no mercado municipal de abastos, despois de terse cumprido o período de alegacións.
MÉRCORES 30 DE NOVEMBRO A PARTIRES DAS 10.00 HORAS
Luns 28 de novembro do 2011
O mércores 30 de novembro a partires das 10.00 horas o Padroado Deportivo Municipal do Concello de Carballo, dentro do programa DXT na Escola e en colaboración co Servizo Provincial de Deportes da Coruña, e da Federación Galega de Atletismo organizan unha proba da fase local de Campo a través no circuíto situado no Parque Empresarial de Bértoa. Está previsto que tomen parte un total de oito centros de ensino do Concello de Carballo: os CEIP A Cristina (con 89 corredores), Bergantiños (con 133), Fogar (con 72), Gándara-Sofán (con 47), Nétoma-Razo (con 39) e Xesús San Luis Romero (con 32 corredores); o IES Parga Pondal (con 185) e o Centro Artai (con 133 corredores), que fan un total de 752 participantes, un 25 por cento mais dos 602 que correron na proba na edición de 2010, o que é unha boa mostra do éxito desta actividade. Está previsto que participen atletas das seguintes categorías, masculina e feminina: Benxamín, nados nos anos 2004-2003; Alevín, nados nos anos 2002-2001; Infantil, nados nos anos 2000-1999; e Cadetes, nados nos anos 1998-1997. Esta cita tamén conta coa colaboración da Deputación da Coruña, ademais das empresas Begano e CC Bergantiños Haley.
A EXPOSICIÓN "CARBALLO 1836-2011": NO MUSEO DE BERGANTIÑOS
Sábado 26 de novembro do 2011
O Concello de Carballo acolle o domingo 30 de outubro a celebración do Feirón de Outono, unha cita enmarcada dentro do programa de Feiróns de Tempada que se puxo en marcha no verán de 2008 co obxectivo de impulsar o comercio local e consolidar e dinamizar as feiras e mercados tradicionais. Desta volta, o atractivo principal da cita é a celebración do IV Concurso de Produtos do Agro, que terá lugar nunha carpa situada na Praza do Concello en horario de 9.30 a 14.00 horas. Como en edicións anteriores, o obxectivo é dar a coñecer e poñer en valor os produtos de tempada, así como apostar polo seu consumo e pola súa produción e elaboración tradicional. O concurso inclúe tres categorías de premios: ao produto máis chamativo, á mellor cesta de produtos hortofrutícolas e á mellor cesta de produtos elaborados. Cada unha delas está premiada coa adquisición de produtos por valor de 100 euros que posteriormente se doarán a comedores de entidades benéficas locais. Así mesmo, no programa dos Feiróns de Tempada sempre está presente a oferta de 'Merca-do bo', unha iniciativa na que se potencian os hábitos de vida saudable co consumo de produtos frescos e da terra, relacionando o mercado tradicional e a dieta atlántica.