DE 18.00 A 21.00 HORAS ATÉ O 23 DE XANEIRO
Venres 23 de decembro do 2011
A sala da baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura acolle até o 23 de xaneiro a mostra "Caleidoscopio", na cal os alumnos e alumnas do Ciclo de Escultura da Escola de Artes Mestre Mateo propoñen miradas variadas ao material escultórico, sexa a pedra, a madeira, o metal, o barro, o xeso, ou o poliespan. O resultado desta mirada caleidoscópica é unha variedade de obras que, aínda que partindo dos mesmos materiais e coas mesmas orientacións docentes, ofrécennos interpretacións volumétricas totalmente distintas entre si. A artista carballesa Chiña Costa Valiña é unha das autoras desta exposición colectiva, na que traballaron tamén Beatriz Suárez Saá, Dai dos Santos, Francisco Porto Paredes, Hadrián Rei García, Jesús Pérez Paz, Manuel López Vázquez e Óscar Bonigno Santa Cruz. Segundo Chiña, a mostra é froito do traballo realizado en común por este colectivo durante dou anos, tendo como nexo común "a realidade visible e invisible á que pertencemos". Durante a inauguración da exposición, os propios artistas levaron a cabo unha performance poético musical da que desfrutaron os asistentes. Tamén estiveron na cita o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, e outros membros da corporación.
DEBATE SOBRE NOVAS MODIFICACIÓNS PARA A TRAVESÍA DE MALPICA
Venres 23 de decembro do 2011
A corporación carballesa celebra o luns 26 de decembro ás 20.30 horas unha sesión plenaria -a número 15 do ano 2011- na que está previsto que compareza o Concelleiro delegado de Obras e Servizos, Luís Lamas, para presentar o informe trimestral sobre os traballos contratados ou en execución neste período. Nesta relación hai que subliñar que o pasado 15 de decembro asinouse o contrato para a construción dunha praza pública en Sofán, polo que está previsto que os traballos comecen a primeiros de 2012. Este proxecto está incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS) de 2011 e é unha actuación que xorde a raíz dunha iniciativa veciñal presentada ao abeiro do Regulamento de Participación Cidadá pola Asociación de Veciños San Salvador de Sofán. O prezo de adxudicación é de 160.219,37 euros. Tamén hai que dar conta do remate da Escola Infantil Municipal de "A Braña", situada na contorna da estrada de Razo e que está previsto que entre en funcionamento no primeiro trimestre de 2012. Tan só resta nestes momentos o equipamento de parte do mobiliario das aulas que corre a cargo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
LUNS 26 DE DECEMBRO ÁS 17.30 E 18.30 HORAS
Venres 23 de decembro do 2011
O xa consolidado programa de actuacións Nadal Pequespectacular que ten lugar no Pazo da Cultura, reúne propostas de diversos formatos e estilos e para todos os públicos. Este ano comeza logo da fin de semana de Noiteboa e o Nadal, atendendo especialmente aos cativos e cativas como protagonistas, e culminando coa tradicional Chocolatada o día 30 a partir das 19.30 horas, na Ludoteca Municipal (con convite previo), nunha maneira divertida de despedir o ano cos máis novos. Pero o programa de actuacións comeza o luns 26 cunha proposta de Caramuxo Teatro titulada "Zapatos". Trátase dun espectáculo destinado ao público máis novo, de 1 a 4 anos, e narra as historias que levan dentro os zapatos que xa non teñen dono, de todos os tamaños e cores. Así, unha moza é a encargada de coidalos e darlles a benvida ao lugar onde vivirán para sempre, un lugar onde compartir emocións con esa bela bailarina, Pequecho e os seus irmáns, cos namorados, co Sol e coa Nube, e con centos de compañeiros. Este espectáculo ten dúas funcións, unha ás 17.30 e outra ás 18.30 horas, cun aforo limitado de 80 persoas por cada función. O prezo é de 2,5 € (2 € con desconto).
INTERESADOS/AS: CONTACTAR CON TELEFÓNICA-MOVISTAR
Xoves 22 de decembro do 2011
Os núcleos de poboación da Vespilleira (parroquia de Noicela), Borrazás (Noicela), Carballedo (Rebordelos), O Outeiro (Lema), O Seixo (Lema), Santa Mariña (Razo) e Pardiñas (situado entre as parroquias de Lema e Razo), xa contan co servizo dunha nova infraestrutura de telefonía e banda ampla móbil 3G. Esta actuación foi realizada por Telefónica-Movistar dentro do Plan de Banda Ampla 2010-2013 da Xunta de Galicia e ofrece acceso inmediato a un amplo conxunto de servizos en liña que permiten navegar por Internet e efectuar accións como solicitar cita médica, executar trámites administrativos, ou mercar a través do comercio electrónico, así como poñer en marcha novas formas de comunicación e novas alternativas de lecer e entretemento. Así mesmo, o servizo tamén poderá servir para acometer a modernización empresarial dos negocios da zona e mellorar as súas plataformas tecnolóxicas. Os interesados e interesadas en contratar o servizo, poden facelo en calquera punto de venda de Telefónica_Movistar de Carballo onde poderán obter información polo miúdo sobre a conexión e resolver calquera dúbida que poidan ter.
VOLVEN REXER AS NORMAS URBANÍSTICAS SUBSIDIARIAS DOS ANOS 80
Martes 20 de decembro do 2011
Acaba de facerse público que o Tribunal Supremo desestima o recurso de casación presentado polo Concello de Carballo contra a sentenza emitida en 2007 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) referente ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado en 2003. Así, naquel momento o TSXG resolvera a anulación do planeamento, unha anulación que ratifica agora o Supremo mantendo como principal argumento que, aínda que a por entón Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda (CPTOPV) emitira un informe denominado como "favorable" para o PXOM de 2003, "as observacións contidas en dito informe son de tal amplitude e relevancia que non parecen corresponderse cun informe favorable", subsistindo no PXOM "severos defectos que deberían impedir a súa aprobación". Como consecuencia deste argumento, o Tribunal Supremo resolve que a sentenza do TSXG "non incorre en incongruencia algunha e está debidamente motivada", polo tanto determina que "existe un defecto procedimental que acarrea a nulidade do Plan Xeral de Ordenación Urbana". Coa ratificación da anulación volverán rexer no municipio carballés as normas subsidiarias aprobadas nos anos 80, aplicándose no casco urbano as de 1980 e no resto do termo municipal as de 1984.
LUZ VERDE PARA A ORDENANZA FISCAL DE RECOLLIDA DE LIXO
Martes 20 de decembro do 2011
O pleno vén de dar luz verde por unanimidade de todos os membros da corporación ao contrato administrativo especial para a 'Concesión dos postos situados no Mercado Municipal de Carballo'. Mediante a celebración dun concurso aberto establecerase a adxudicación do dominio e uso público municipal para a explotación de: once postos destinados á venda ao público de produtos de consumo propio; seis almacéns con cámaras de frío; e cinco almacéns para outros postos, todos eles situados no mercado municipal. Aos almacéns poderán optar tanto os postos exteriores como os interiores. O prazo da concesión será de vinte anos para os once postos destinados á venda ao público e no caso dos almacéns o prazo será o mesmo que o estipulado na concesión do posto de venda ao que sexa vinculado. Non hai posibilidade de prórroga en ningún dos casos. A valoración da adxudicación inclúe, ademais do criterio económico, que supón 90 puntos, a valoración do proxecto de actividade económica que se presente, que supón 10.
ADXUDICADAS AS BOLSAS DE ESTUDO E TRANSPORTE DO CURSO 2011-2012
Luns 19 de decembro do 2011
A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o expediente do contrato de servizos para a "Coordinación, xestión e seguimento do 'Proxecto Anllóns-Bardoso. Posta en valor dos ríos'". Os criterios de valoración das proposicións son a maior capacidade do equipo técnico e a oferta económica. O prezo do contrato é de 58.996,13 euros. Con este trámite dase un paso máis de cara á posta en marcha desta iniciativa que conta cun orzamento global de 4.145.796,5 euros e que recibirá financiamento europeo a través dos fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) cunha achega de 2.902.057,59 euros. As axudas europeas estipulan que os traballos deben comezar no ano 2012. O obxectivo do proxecto é a ampliación e mellora do subministro de auga potable de Carballo repartindo a presión da auga entre os ríos Anllóns e Bardoso, facendo a captación dende dúas canles. Está prevista a creación dunha nova ETAP (estación de tratamento de auga potable) no río Bardoso e a construción dun depósito regulador intermedio entre o actual depósito do Paraíso (en Berdillo) e da rúa Vila de Corcubión da capital municipal. O proxecto mellorará o subministro e a calidade das augas na capital carballesa, ademais do caudal ecolóxico e a protección do Anllóns en situacións de seca.
ÚNICO OUTORGADO EN GALICIA NO SEU ÁMBITO
Sábado 17 de decembro do 2011
O Ministerio de Educación vén de conceder unha axuda ao IES Isidro Parga Pondal de Carballo para a realización dunha agrupación ARCE (Agrupación en Rede de Centros Educativos), según consta no BOE (Boletín Oficial do Estado) publicado o luns 28 de novembro de 2011. Este proxecto leva o título "Redes para convivir en positivo" e foi o único concedido en toda Galicia na temática de Convivencia nos Centros Educativos. Esta agrupación implica traballar en colaboración con centros doutras comunidade autónomas, o que suporá que durante os cursos 2011-2012 e 2012-2013 o IES Parga Pondal colaborará con centros de ensino de Tordesillas (Valladolid), Huete (Cuenca), Hornachos (Badajoz), Puçol (Valencia), Jandía (Fuerteventura) para desenvolver aspectos relacionados coa convivencia. Uns 20 alumnos/as exercerán de mediadores/as e visitarán nestes dous anos, acompañados de profesorado, cada un dos centros incluídos no proxecto, e, asemade, en Carballo acollerase a nenos e nenas dos outros centros da Agrupación. Estas mobilidades son posibilidades de enriquecemento cultural e persoal, ademais dunha oportunidade para o centro, para o profesorado e para o alumnado de coñecer realidades educativas distintas ás súas.
LUNS 19 DE DECEMBRO ÁS 16.45 HORAS
Venres 16 de decembro do 2011
A xira 2011 do espectáculo "Contos coas mans abertas", promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dentro das súas actividades de sensibilización, chega ao IES Monte Neme de Carballo o luns 19 de decembro. A representación, organizada polo Concello en calidade de membro da entidade, ten lugar ás 16.45 horas. Tras a excelente acollida colleitada en 2010, a proposta músico teatral creada pola compañía compostelá A Tropa de Trapo para a asociación de Concellos e Deputacións percorre este ano un total de 42 administracións socias. O espectáculo "Contos coas mans abertas" dirixido a público adolescente e adulto, baséase en pezas narradas a dúas voces onde a música en directo cobra especial relevancia. Instrumentos como a guitarra española ou o laúde árabe mergullan aos espectadores en historias reais, recollidas case todas en primeira persoa, contos sinceros e achegados que falan do fondo humano que nos une a todos. Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, "Contos coas mans abertas" é un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de pequenas loitas e de grandes soños. Son unha serie de contos para mellorar e entender o mundo.
ATÉ O 23 DE DECEMBRO E DO 9 AO 20 DE XANEIRO
Venres 16 de decembro do 2011
O mercado de Carballo participa na campaña "Este inverno presume de praceiro/a. Escolle o teu preferido/a túa preferida", posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia co obxectivo de impulsar o mercado tradicional e os produtos da terra de calidade, favorecendo o consumo nas prazas de abastos e potenciando a figura dos praceiros. Até o 23 de decembro de 2011 e do 9 ao 20 de xaneiro de 2012, os clientes do mercado municipal recibirán un cupón por cada acto de compra. Os interesados/as deben enchelos co seu nome, apelidos e teléfono de contacto, indicando o número de posto do seu praceiro favorito e depositar o cupón nunha urna instalada no propio mercado. Os días 23 de decembro de 2011 e 20 de xaneiro de 2012 procédese á elección ao azar de tres cupóns, que se corresponderán con tres clientes agraciados con cheques de compra desa quincena, por valor de 75, 50 e 25 euros. Só poden ser recompensados os clientes que estean presentes no sorteo. Ademais, só serán válidos os votos nos que figure o número do posto votado. Os cheques serán cambiables unicamente no propio mercado en forma de desconto nas próximas compras. A validez dos cupóns remata o 28 de febreiro de 2012.
A RÚA FÁBRICA CONTARÁ CON PRAZAS DE ESTACIONAMENTO EN BATERÍA
Venres 16 de decembro do 2011
A corporación de Carballo celebra o luns 19 de decembro unha sesión plenaria extraordinaria na que un dos principais asuntos da orde do día é a aprobación do contrato administrativo especial para a 'Concesión dos postos situados no Mercado Municipal de Carballo'. Trátase dun asunto abordado na sesión ordinaria de novembro, pero que quedara sobre da mesa á espera de establecer a conveniencia de modificar os criterios de valoración da adxudicación. Finalmente, nunha xuntanza entre todos os voceiros municipais, acordouse realizar unha nova proposta. Así, ademais do criterio económico, que supón 90 puntos, inclúese a valoración do proxecto de actividade económica que se presente, que supón 10. Neste último apartado inclúense aspectos como o desenvolvemento de promocións, a inclusión do comercio electrónico, a posibilidade de pago con tarxeta ou o servizo a domicilio, entre outras melloras. Así mesmo, unicamente no caso dos postos de produtos perecedoiros, terase en conta a experiencia anterior do ofertante nunha actividade similar ou o feito de que teña formación regrada nese ámbito. A concesión establecerase por concurso público para a explotación de once postos destinados á venda ao público de produtos de consumo propio; seis almacéns con cámaras de frío; e cinco almacéns para outros postos.
ENTRE O 17 DE DECEMBRO E O 7 DE XANEIRO
Venres 16 de decembro do 2011
Carballo entra no Nadal co acendido do alumeado festivo e preparando un programa de actividades dirixido a todos os públicos pero, como cada ano, con especial atención aos cativos e cativas. Coa colaboración do Concello, de entidades culturais do municipio e dos centros educativos, o Nadal Cultural está centrado na Cabalgata de Reis e nos espectáculos do Nadal Pequespectacular, pero tamén inclúe cantos de nadal e de berce, a presentación dun libro, unha exposición, cine, obradoiros ou o tradicional Concurso de carteis. O programa do Nadal Pequespectacular desenvólvese entre o luns 26 e o venres 30 de decembro e as entradas poden reservarse a partires do martes 20 de decembro nas oficinas do Pazo da Cultura ou no 981 704 300 de 11.00 a 14.00 horas. Pero as actividades principian o sábado 17 coa entrega de premios do Concurso de Carteis, que irá acompañado de Cantos de Nadal a cargo do Coro de Voces Brancas da Coral de Bergantiños, do Coro O Candil e das Cantareiras e cantareiros de Arume. A cita é a partires das 19.00 horas e está patrocinada por Todo Lar. O domingo 18 é a quenda do Festival de Nadal para a Terceira Idade, no Pazo da Cultura ás 18.00 horas.