Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Oficina Técnica de Carballo ten rexistrado un total de 36 solicitudes de licenzas para a construción de vivendas no ano 2011

O INCREMENTO É DUN 38,8 POR CENTO RESPECTO DE 2010

A Oficina Técnica de Carballo ten rexistrado un total de 36 solicitudes de licenzas para a construción de vivendas no ano 2011

Xoves 5 de xaneiro do 2012

O Concello de Carballo ten rexistrado ao longo do ano 2011 a través dos servizos da Oficina Técnica Municipal un total de 36 solicitudes de licenzas para a construción de vivendas no municipio, todas elas peticións referidas a vivendas unifamiliares. Estes datos recollen as solicitudes que se contabilizan no Rexistro municipal, o que non quere dicir que se concederan todas as licenzas solicitadas nin que se edificaran todas as vivendas que recibiron licenza. Hai que subliñar que no ano 2011 non se recibiu ningunha solicitude para a construción de edificios de vivendas no casco urbano, seguindo a tendencia de 2010 e 2009, anualidades en que tampouco se solicitou ningunha. Respecto da evolución das peticións para a construción de vivendas unifamiliares, en 2009 contabilizáronse 30 peticións fronte ás 22 de 2010 e as 36 de 2011, polo que o incremento do ano pasado respecto do anterior é dun 38,8 por cento e dun 16,6 por cento respecto de 2009, manténdose unha tendencia positiva. O último ano no que se rexistraron solicitudes de licenzas para a construción de edificios de vivendas no casco urbano é 2008, con 662, ás que hai que sumar as 80 para unifamiliares, facendo un total de 742 solicitudes de licenzas para vivendas nese período.

Os Reis Magos percorren Carballo na tradicional cabalgata e reciben as peticións dos cativos e cativas

MÉRCORES 5 DE XANEIRO A PARTIRES DAS 17.30 HORAS

Os Reis Magos percorren Carballo na tradicional cabalgata e reciben as peticións dos cativos e cativas

Mércores 4 de xaneiro do 2012

A Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude organiza, coa colaboración do Concello de Carballo, a tradicional Cabalgata de Reis que percorrerá as principais rúas da capital municipal. O itinerario inclúe a chegada dos Reis Magos ás 17.15 horas ao CCB-Gadis Hiper, de onde está previsto que as súas Maxestades saian ás 17.30 horas. Despois do percorrido, os Reis Magos diríxense á carpa situada na Praza do Concello, onde reciben aos cativos e cativas que queiran falar con eles ou entregarlles persoalmente as súas cartas. A chegada á Praza do Concello está prevista para as 20.00 ou 20.30 horas, aproximadamente. A cita conta co patrocinio do Concello de Carballo e a colaboración do CCB-Gadis Hiper, La Caixa, Gonzacar, Alquileres Reneymar e Ecoquad Galicia. Tampouco hai que esquecer que os Reis Magos teñen previsto visitar as parroquias carballesas, xa que o mércores 5 están en Berdillo, Baldaio, Sísamo, Oza, Entrecruces e Bértoa (a partires das 19.00 horas, aprox.), mentres que o xoves 6 visitan Sofán, Razo, Artes, Rus e Cances (a partires das 10.00 horas aprox.). Estas cabalgatas están organizadas polas asociacións de cada parroquia e seguen os itinerarios de anos anteriores.

As Brigadas de Obras e Medio Ambiente atenderon durante o ano 2011 máis de 1.400 demandas de veciños e veciñas

OS AVISOS PODEN FORMALIZARSE NO 981 704 700

As Brigadas de Obras e Medio Ambiente atenderon durante o ano 2011 máis de 1.400 demandas de veciños e veciñas

Martes 3 de xaneiro do 2012

As Brigadas de Obras e Medio Ambiente do Concello de Carballo teñen atendido e solucionado un total de 1.422 demandas realizadas por veciños e veciñas do municipio referentes a arranxos e melloras do alumeado público, dos sinais informativos e de tráfico, dos servizos de auga, luz ou teléfono, do deterioro de equipamentos e mobiliario urbano municipal e do sistema viario ou referentes á limpeza de espazos públicos e ao programa Carballo Limpo durante o ano 2011. Hai que subliñar que esta cantidade vese incrementada entre un 15 e un 20 por cento por aquelas melloras que as brigadas xestionan directamente, ben pola súa urxencia, ben porque as detectan durante o desenvolvemento do seu labor habitual, e que non pasan polo rexistro de avisos do Concello. Os veciños e veciñas poden denunciar as deficiencias ou demandar os arranxos que consideren oportunos a través do número de teléfono 981 704 700 ou ben no correo electrónico <infocarballo@carballo.org>. No que respecta ao balance do ano 2011, e como vén sendo habitual dado que no municipio carballés hai arredor de 8.000 puntos de luz, a maioría das demandas refírense a arranxos no alumeado público, con 808 peticións.

Entra en funcionamento o Centro de Día situado na Praza de Vigo da capital municipal

TEN CAPACIDADE PARA 45 USUARIOS/AS

Entra en funcionamento o Centro de Día situado na Praza de Vigo da capital municipal

Luns 2 de xaneiro do 2012

O Concello de Carballo informa de que o luns 2 de xaneiro vén de entrar en funcionamento o Centro de Día situado na Praza de Vigo da capital municipal acollendo a un total de dez novos usuarios e usuarias. O servizo estará xestionado polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e cofinanciado polo organismo autonómico e a administración local, que achegará unha cantidade mensual para os gastos de mantemento. O edificio do Centro de Día de Carballo comezou a contruírse no mes de setembro de 2008 nunha parcela cedida polo Concello, e levaba máis de dous anos rematado, á espera de que a Administración Autonómica rematara os trámites necesarios para a súa posta en marcha. Así, a dotación de equipamento para o edificio foi adxudicada en xullo de 2010 por máis de 99.000 euros, mentres que o último paso foi a adxudicación da xestión do servizo en 2011. O proxecto construtivo do Centro de Día de Carballo recolle unha capacidade de 45 prazas, custou 763.000 euros e foi executado pola empresa Mouzo&Souto. Coa apertura do Centro de Día aglutínanse na Praza de Vigo dous servizos destinados especialmente para a terceira idade, uníndose o Centro de Día ao labor realizado polo Centro de Maiores.

Carballo adopta medidas para aforrar preto dun millón e medio de horas de consumo en alumeado ao ano en todo o municipio

TAMÉN ESTÁ PREVISTO ELIMINAR 800 PUNTOS DE LUZ

Carballo adopta medidas para aforrar preto dun millón e medio de horas de consumo en alumeado ao ano en todo o municipio

Luns 2 de xaneiro do 2012

O Concello de Carballo está poñendo en marcha unha serie de medidas para contribuír ao aforro enerxético e a reducir o gasto en consumo eléctrico do alumeado público. Así, nestes momentos están practicamente estabilizados os reloxos astronómicos e os redutores de fluxo que se instalaron hai un tempo e que permiten regular os arredor de 8.000 puntos de luz existentes no municipio. No primeiro caso, os reloxos calculan automaticamente a hora de saída e ocaso do sol para regular o acendido e apagado dos puntos de luz. Pola súa banda, os redutores fan que a determinadas horas en que se incrementa a intensidade de luz natural baixe a intensidade lumínica dos focos. Estas medidas implican un mínimo de media hora menos por foco ao día de consumo eléctrico, o que supón un mínimo de 4.000 horas menos de gasto diario e de 1.460.000 horas menos anuais de consumo global tendo en conta todos os puntos de luz do municipio. Estas medidas compleméntanse, así mesmo, coa retirada de preto de 800 focos que poden resultar redundantes situados en todo o territorio do Concello. En todo caso, a Concellaría de Obas e Servizos que dirixe Luís Lamas aclara que non se retirará ningún punto de luz que ofreza un servizo directo a vivendas.

Carballo celebra o Día do Patín Solidario recollendo alimentos para os máis necesitados

VENRES 30 DE DECEMBRO NO PAVILLÓN BERGANTIÑOS ÁS 18.00 HORAS

Carballo celebra o Día do Patín Solidario recollendo alimentos para os máis necesitados

Xoves 29 de decembro do 2011

O Club Escola Lubiáns de Hoquei sobre Patíns xunto con Cáritas de Bergantiños e coa colaboración do Concello de Carballo organizan a primeira edición do Día do Patín Solidario, unha iniciativa que ten como obxectivo responder á necesidade primaria de alimentos que teñen moitas persoas e familias que sofren graves dificultades económicas, especialmente nestes momentos de crise. A cita consiste na celebración de catro encontros de hoquei no Pavillón Carballo Calero (Zona Bergantiños) da capital municipal o venres 30 de decembro a partires das 18.00 horas. Toda persoa que esté disposta a colaborar pode facelo entregando no propio pavillón alimentos non perecedoiros e de primeira necesidade como arroz, legumes, pastas, azucre, conservas, ademais de poder realizar achegas económicas. Estas achegas pódense facer efectivas directamente no pavillón o día do evento ou, para quen non poidan asistir e queiran colaborar, facendo un ingreso no número de conta: 2091 0019 17 3040021910 de Novagalicia Banco, co concepto "Patín Solidario". A recolleita empregarase integramente na compra de alimentos para completar a contribución do pavillón e entregarase en Cáritas.

A rúa Álvarez de Sotomayor da capital municipal pasará a ser de sentido único a partires do venres 30 de decembro

SUPORÁ ARREDOR DE 25 NOVAS PRAZAS DE ESTACIONAMENTO

A rúa Álvarez de Sotomayor da capital municipal pasará a ser de sentido único a partires do venres 30 de decembro

Xoves 29 de decembro do 2011

O Concello de Carballo informa de que a partires do venres 30 de decembro pola tarde a rúa Álvarez de Sotomayor da capital municipal pasará a contar cun único sentido de circulación, de tal xeito que os vehículos só poderán transitar dende a rúa Vila de Negreira cara a rúa Gran Vía e a Praza do Concello. Con está medida está prevista a creación de arredor de 25 novas prazas de estacionamento en liña na marxe da rúa na que nestes momentos está prohibido aparcar. Esta medida adóptase seguindo as recomendacións dos informes elaborados pola Policía Local, ademais de respondendo á petición dos veciños e veciñas da vía, que viñan solicitando esta reordenación da rúa. Segundo informa o Concelleiro de Xestión Municipal, Xosé Regueira, está previsto que a rúa Álvarez de Sotomayor estea cortada durante toda a mañá do venres 30 de decembro para poder realizar os labores de repintado e a sinalización horizontal das novas prazas de estacionamento e espérase que xa estea aberta á circulación pola tarde. Así mesmo, está previsto que nos próximos días se proceda á mellora da sinalización horizontal en varios puntos do casco urbano completando novas zonas de carga e descarga, pasos de peóns e paradas de autobús.

Nace o libro "Follas de Carballo", unha obra colectiva que compila relatos de autores e autoras da vila

PRESENTACIÓN: XOVES 29 DE DECEMBRO ÁS 20.30 HORAS

Nace o libro "Follas de Carballo", unha obra colectiva que compila relatos de autores e autoras da vila

Mércores 28 de decembro do 2011

O xoves 29 de decembro, ás 20.30 horas, o Pazo da Cultura de Carballo acolle a presentación do libro "Follas de Carballo", unha publicación da AC Lumieira na que participan sete autores carballeses, con cadanseu relato. O libro, co que se conmemora o 35 aniversario da Agrupación Cultural Lumieira, está coordinado por Nel Vidal e ilustrado por Alberto Varela Ferreiro; da introdución encargouse o catedrático de lingua Xosé Ramón Freixeiro Mato e do prólogo o historiador Xan Fraga. Na presentación estarán boa parte dos participantes na obra. "Follas de Carballo" é un libro de autoría múltipla que presenta a vantaxe da súa variedade, que permite confrontarmos estilos e temáticas diferentes, con historias ambientadas en épocas que van desde o período medieval á actualidade, pasando polo século XVIII, nas cales están presentes motivos como o amor, a morte, a saudade, a loita, a música, etc. Na maior parte delas latexa a presenza da Galiza como espazo en que transcorren os feitos narrados, mais tamén a xeografía bergantiñá serve de marco espacial, como non podía ser menos. O libro estará á venda polo prezo de 12 € na presentación e na Libraría Brañas.

Aprobado por unanimidade do pleno o repintado das prazas de estacionamento da rúa Fábrica

MODIFICARASE O CARRIL BICI NA TRAVESÍA DE MALPICA

Aprobado por unanimidade do pleno o repintado das prazas de estacionamento da rúa Fábrica

Martes 27 de decembro do 2011

A sesión plenaria ordinaria do mes de decembro supuxo a aprobación, por unanimidade de todos os membros da corporación, da creación de prazas de estacionamento en batería na Rúa Fábrica -en lugar dos aparcadoiros en liña existentes- naqueles lugares onde non sexa necesaria a realización de obra algunha para suprimir o carril bici. Así, a modificación realizarase a través do repintado da calzada, xa que o desenvolvemento de traballos ulteriores podería prexudicar ás canalizacións existentes. Así mesmo, na avenida de Malpica, no treito que transcorre entre a glorieta de Ponte da Pedra e ata a gasolineira, realizaranse modificacións no carril bici. Neste caso, as prazas de estacionamento pasarán a estar situadas a carón das beirarrúas, mentres que o carril bici pasará a estar emprazado á beira do carril de circulación de vehículos, ao contrario de como está nestes momentos. Refrendouse así un acordo adoptado nunha xuntanza de voceiros dos grupos municipais celebrada o 15 de decembro, un asunto que se presentou no pleno a través dunha moción de TEGA, moción que non chegou a ser votada na súa literalidade e que foi substituída pola proposta xa acordada na reunión. O Concello xa mantivo conversacións coa empresa responsable para que se realicen os cambios tan pronto sexa posible.

O Nadal Pequespectacular remata coa maxia de Cayetano Lledó e a tenra historia de Konrad

XOVES 29 E VENRES 30 DE DECEMBRO ÁS 18.00 HORAS

O Nadal Pequespectacular remata coa maxia de Cayetano Lledó e a tenra historia de Konrad

Martes 27 de decembro do 2011

A compañía galega Sarabela Teatro é a encargada de poñerlle fin ao Nadal Pequespectacular, e case ao ano, o venres 30 de decembro ás 18.00 horas. Presentan "Konrad, o neno que chegou nunha lata de conservas" (na imaxe), unha proposta que pon de manifesto as contradiccións e a hipocrisía da contorna social, nunha fantasía marabillosa que explora se é mellor ou non facer o que se espera de un. Imaxinas vivir cun neno que diga sempre "si" a todo e que ademais non saiba xogar? Que aburrimento! Claro que esa clase de mozos tan só poden ser feitos nunha fábrica ou por un ordenador. Pois iso ocorreulle en certa ocasión a unha pobre muller maior, a quen todo o mundo cría un pouco tola e que aseguraba ter recibido un neno na mesmísima porta da súa casa. Non o podes crer? Pero se ata din que se chama Konrad, un cativo "feito a medida". A cita, no auditorio do Pazo da Cultura, custa 3,5 € (2,5 € con desconto). Pero antes do peche, hai que lembrar que o xoves 29 chega o Mago Cayetano Lledó para deixar abraiados aos cativos e cativas cos seus números de ilusionismo. A cita tamén é ás 18.00 horas e custa 2,5 € (2 con desconto).

Os trogloditas de Tanxarina e o escritor Máximo Toxo de Talía únense na programación do Nadal Pequespectacular

MARTES 27 E MÉRCORES 28 DE DECEMBRO ÁS 18.00 HORAS

Os trogloditas de Tanxarina e o escritor Máximo Toxo de Talía únense na programación do Nadal Pequespectacular

Luns 26 de decembro do 2011

Despois da estrea o luns 26 do Nadal Pequespectacular con "Zapatos", unha cita de Caramuxo Teatro dirixida a cativos e cativas de 1 a 4 anos, a programación continúa o martes 27 e o mércores 28 cos monicreques da compañía Tanxarina e cunha comedia de Talía Teatro, ambas para nenos e nenas maiores de 4 anos. A primeira proposta son os "Trogloditas" da compañía de Redondela Tanxarina Títeres. Durante 50 minutos dous lanzadores de menhires, un levantador de pedras ou un faquir que atravesa o seu corpo cun tronco, fan a delicia do público asistente, divertindo a grandes e pequenos, e mesturando os monicreques coa intervención actoral dos tres personaxes condutores da representación. O auditorio coñece a través do humor e dos monicreques o modo de vida dos homes e mulleres das cavernas, pero cun visión moi particular. O espectáculo está dirixido a un auditorio limitado de 250 espectadores. A cita é a partires das 18.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e o prezo é de 2,5 € (2 € con desconto). Máis información, no 1º andar do Pazo da Cultura de 11.00 a 13.00 horas ou no teléfono 981 704 300.

Tres premiadas con vales de 150 euros no sorteo da campaña "Este inverno presume de praceiro/a"

HABERÁ UNHA NOVA RIFA O 20 DE XANEIRO DE 2012

Tres premiadas con vales de 150 euros no sorteo da campaña "Este inverno presume de praceiro/a"

Venres 23 de decembro do 2011

O Mercado Municipal vén de acoller un dos dous sorteos que se levarán a cabo dentro da campaña "Este inverno presume de praceiro/a. Escolle o teu preferido/a túa preferida", posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria en preto dun centenar de prazas de abastos de toda Galicia. Participaron na rifa aqueles clientes e clientas do mercado municipal que nos últimos días mercaron nos postos da praza e depositaron as súas papeletas nunhas furnas destinadas a tal fin incluíndo, ademais dos seus datos persoais, o posto do mercado do seu praceiro/a favorito. No sorteo estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a Concelleira de Feiras e Mercados, Milagros Lantes; o Xefe Territorial da Consellería de Economía e Industria na Coruña; e Jesús Manuel Costa Cabeza, de Carnicería Costa, elixido como "mellor praceiro" polos clientes do mercado na anterior campaña celebrada en 2010 e encargado de ser a "man inocente" que seleccionou as papeletas premiadas. Finalmente, resultaron elixidas 3 gañadoras: 1º Premio, vale de 75 euros: María Dolores Rodríguez Varela; 2º Premio, vale de 50 euros: Marta Mariño Louzao; 3º Premio, vale de 25 euros: María Pallas López.

Compartir: