CONVOCARASE UNHA NOVA XUNTANZA DA COMISIÓN DE URBANISMO
Martes 24 de xaneiro do 2012
A Tenente de Alcalde e Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, vén de manter en Santiago de Compostela unha xuntanza coa Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, así como con outros técnicos tanto da Xunta como do Concello co obxecto de contrastar impresións para pechar o informe no que se basearán os criterios urbanísticos xerais no ámbito municipal trala anulación do PXOM. Segundo informa Lantes, o Arquitecto Municipal e o Asesor Xurídico do Concello expuxeron as súas previsións, que coinciden plenamente coas valoracións tanto da Secretaria Xeral como da Xefa de servizo. Con esta última consulta rematan os trámites emprendidos dende a anulación do PXOM de 2003 o pasado mes de decembro para a elaboración dun informe que defina os criterios xerais para a aplicación das normas subsidiarias no ámbito municipal e poder así regular a concesión de licenzas, as zonas de suspensión de licenzas, etc. tanto no medio urbano, como rural ou costeiro.
VENRES 27 DE XANEIRO ÁS 21.00 HORAS
Luns 23 de xaneiro do 2012
Despois de principiar cunha proposta para os máis cativos e cativas, os Venres Culturais 2012 estrean a programación de teatro de sala con Abracadabra Creacións e Cándido Pazó e as súas "Memorias das memorias dun neno labrego". Hai 50 anos publicouse o libro máis editado, lido e traducido da literatura galega, "Memorias dun neno labrego". Un libro capital para as letras, o que todo o mundo leu, do que todos gardamos algunha vivencia propia ou herdada. Partindo do libro de Xosé Neira Vilas, Cándido Pazó crea un espectáculo froito do seu percorrido como autor, actor, director, contador de historias ou monologuista, incorporando a videocreación e unha sonoridade propia, e creando un espectáculo emotivo e divertido no que se mistura a historia de Balbino coa tradición oral e a memoria colectiva. Hai que subliñar que o espectáculo conta coa colaboración do carballés Alberto Gente, encargado do deseño gráfico. A cita ten unha duración prevista de 90 minutos. O prezo da entrada é de 2,5 € (2 € co desconto especial para estudantes con carné de estudante, maiores de 65 anos e menores de 12 anos). Esta produción está incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A VALIDEZ DOS CUPÓNS REMATA O 28 DE FEBREIRO
Venres 20 de xaneiro do 2012
O Mercado Municipal vén de acoller o segundo e útimo dos sorteos incluídos dentro da campaña "Este inverno presume de praceiro/a. Escolle o teu preferido/a túa preferida", posta en marcha entre o 12 de decembro de 2011 e o 20 de xaneiro de 2012 pola Consellería de Economía e Industria en preto dun centenar de prazas de abastos de toda Galicia. Participaron na rifa aqueles clientes e clientas que mercaron nos últimos días nos postos da praza e depositaron as papeletas acadadas coas súas compras nunhas furnas destinadas a tal fin incluíndo, ademais dos seus datos persoais, o posto do seu praceiro/a favorito no mercado. No sorteo estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a Concelleira de Feiras e Mercados, Milagros Lantes; o Xefe Territorial da Consellería de Economía e Industria na Coruña; e Nuria Zaché, de Panadería Nuria, encargada de ser a "man inocente" que seleccionou as papeletas premiadas. Finalmente, resultaron elixidos 3 gañadores: 1º Premio, vale de 75 euros: María del Mar Felípez Lafuente; 2º Premio, vale de 50 euros: Sr. Pena; 3º Premio, vale de 25 euros: Nieves España Rodríguez.
PRÓXIMA XUNTANZA: O MARTES 31 DE XANEIRO
Xoves 19 de xaneiro do 2012
A Casa do Concello vén de acoller unha xuntanza entre os voceiros dos grupos políticos municipais na que se valoraron e estudaron os documentos que rexerán o Concurso para a Concesión do servizo de recollida de lixo do Concello de Carballo. A documentación está dividida en catro epígrafes (Regulamento de Servizos, Estudo Económico-financeiro, Prego de cláusulas técnicas e Prego de cláusulas administrativas particulares) e conta cun total de 231 páxinas que foron analizadas coa axuda do asesor José Antonio González Ferreira e de varios técnicos municipais ante a presenza do Alcalde, Evencio Ferrero; a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes; o voceiro do grupo do BNG e Concelleiro de Xestión Municipal, Xosé Regueira; o voceiro do PP, Alberto Sueiro; o de TEGA, Manuel Andrade; e o do PSOE, José Antonio Viña. Segundo explica a Concelleira de Contratación foi unha xuntanza de traballo na que se expuxeron as principais claves do prego de condicións. Porén, será preciso celebrar unha nova reunión -marcada para o martes 31 de xaneiro- polo que finalmente a aprobación do prego non se incluirá nos asuntos da sesión plenaria ordinaria de xaneiro.
DOMINGO 22 DE XANEIRO ÁS 18.00 HORAS
Mércores 18 de xaneiro do 2012
O programa dos Venres Culturais 2012 principia o domingo 22 de xaneiro cunha aposta do ciclo En Familia, dirixida especialmente aos máis cativos e cativas. Trátase de "Pío", de Caramuxo Teatro, unha historia chea de humor e tenrura sobre un pequeno paxaro que nace só, na fraga, sen ninguén a quen seguir. O cativo Pío coñecerá na súa aventura a unha morea de animais que viven no bosque e descubrirá que non é un peixe, nin un coelliño, nin tampouco unha toupa. Caramuxo é unha compañía de teatro infantil que naceu na Coruña no ano 2003. Desta volta presenta un espectáculo para toda a familia (especialmente para nenos e nenas maiores de tres anos) que mistura o teatro de actor e de monicreques cunha coidada estética e uns bonecos deseñados polo Premio Nacional de Ilustración, Óscar Villán, que farán as delicias do público e nos que está presente o carácter poético que pretenden plasmar nas súas producións. O auditorio do Pazo da Cultura acolle este espectáculo -incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios- ás 18.00 horas. A duración prevista é de 45 minutos e o prezo da entrada para os espectadores que non conten co Bono En Familia, é de 2,5 € (2 € con desconto).
O CONCURSO CELEBRARASE DURANTE A TEMPADA DE PRIMAVERA
Martes 17 de xaneiro do 2012
Un total de once establecementos carballeses -os once que se presentaron á convocatoria- participan no II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo, incluído no Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial que se está a desenvolver dentro do proxecto Fórum Carballo. Súmanse aos 25 que aproveitaron a primeira fase deste plan desenvolvida en 2011 e que ten o obxectivo final de mellorar a imaxe comercial destes establecementos. Así, cada un dos locais participantes poderá contar cun informe especializado realizado por unha consultora a partir do que se elaborará un dossier no que se analizarán a faciana, o escaparate e o interior da tenda, así como a colocación do produto. Os representantes dos negocios que forman parte desta segunda fase mantiveron o pasado 12 de xaneiro unha xuntanza cos responsables da consultora encargada de realizar os estudos, que nestes momentos xa está traballando na análise de situación, a diagnose e as visitas personalizadas a cada local. Unha vez rematados os estudos, os 36 establecementos (os da primeira fase e a segunda) participarán nun Concurso de Escaparatismo que se desenvolverá para potenciar a tempada de primavera, a partir de marzo.
LUZ VERDE PARA A PROGRAMACIÓN DOS VENRES CULTURAIS
Luns 16 de xaneiro do 2012
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar en sesión ordinaria o expediente de contratación para a "Redacción do proxecto de mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)", cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). O procedemento empregado é o de negociado con publicidade cun número mínimo de cinco candidatos aos que se invitará a presentar unha oferta. O prezo do contrato de servizos ascende a 94.362,24 euros e teranse en conta aspectos como a oferta económica ou a redución do prazo. O "Proxecto Anllóns-Bardoso. Posta en valor dos ríos" ten un orzamento global de 4.145.796,5 euros, dos cales 2.902.057,59 euros serán achegados por fondos Feder. Supón o desenvolvemento de actuacións para repartir a presión da auga entre os ríos Anllóns e Bardoso, facendo a captación dende dúas canles. Estaría prevista a creación dunha nova ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) no río Bardoso e a construción dun depósito regulador intermedio entre o actual depósito do Paraíso (en Berdillo) e o situado na rúa Vila de Corcubión da capital municipal. Esta iniciativa mellorará considerablemente o subministro e a calidade das augas na capital carballesa, ademais da protección do Anllóns en situacións de seca.
ENTRE O 22 DE XANEIRO E O 30 DE ABRIL
Venres 13 de xaneiro do 2012
Música, arte, fotografía, documentais ou teatro son algúns dos contidos das preto de 20 actividades que conforman o programa dos Venres Culturais 2012, que se distribúen entre o 22 de xaneiro e o 30 de abril. Como é habitual, boa parte dos espectáculos están dedicados aos máis cativos e cativas co ciclo En Familia que conta con catro citas nas que os monicreques, o teatro e a sempre demandada maxia son protagonistas. As funcións principian o 22 de xaneiro ás 18.00 horas con Caramuxo Teatro e "Pío", unha historia chea de humor e de tenrura sobre un pequeno paxaro que nace só na fraga, sen ninguén a quen seguir. En Familia continúa o domingo 12 de febreiro coa "Nana para un soldado" de Ghazafelhos Teatro, tamén ás 18.00 horas. Na obra, dous soldados inimigos coinciden na fronte e deberán deixar de lado as súas diferenzas para facerse cargo do nacemento dun neno. A maxia é a protagonista o domingo 4 de marzo co Mago Xacobe e os seus "13 anos de maxia". E o 25 de marzo En Familia pecha con Baobab Teatro e os seus "Fíos", monicreques para viaxar, soñar e namorarse. Para este ciclo está dispoñible un bono de 8 € (6 € con prezo reducido). Máis información no 981 704 300 ou nas oficinas do 1º andar do Pazo da Cultura.
O XEFE TERRITORIAL TEN PREVISTO VISITAR O CEIP BERGANTIÑOS
Xoves 12 de xaneiro do 2012
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Educación, Mar Eirís, veñen de manter unha xuntanza co novo Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana Leira -a primeira dende que tomou posesión do cargo- e coa Inspectora de zona de Educación Primaria, Berta Estrada, para transmitirlles os problemas de escolarización previstos nos centros escolares do casco urbano carballés para o curso 2012-2013 nas aulas de 3 anos. Así, no ano 2009 rexistráronse un total de 280 nacementos no municipio, dos cales 216 producíronse no casco urbano, o que implica que haberá que escolarizar o próximo curso arredor dese número de nenos e nenas nos centros escolares da capital municipal. Aínda que a cifra de nacementos baixa con respecto ao ano 2008, en que se rexistraron 315, tamén é inferior con respecto aos computados en 2010, con 287 nacementos -206 no casco urbano-. A Inspectora manifestou a súa vontade de manter unha xuntanza a próxima semana coas direccións dos centros educativos para estudar as posibles solucións para esta situación. A cita tamén serviu para trasladar as necesidades máis urxentes dos centros escolares, especialmente no que se refire aos peches dos CEIP Nétoma-Razo, Gándara-Sofán e Fogar, cuxo deterioro pode incluso revestir perigosidade.
EN 2011 A OFICINA TÉCNICA LEVANTOU UN TOTAL DE 76
Mércores 11 de xaneiro do 2012
O Concello de Carballo ten rexistrado nos últimos 23 anos (dende o ano 1989) un total de 1.495 actas de inspección urbanística, das cales 76 levantáronse ao longo do ano 2011. A acta de inspección é un documento de campo, do que se lle entrega copia ao denunciado e ao técnico xurídico encargado de instruír os expedientes. Non todas as actas de inspección teñen porque xerar un informe técnico do arquitecto municipal. Do mesmo xeito, non todas as actas e/ou informes implican a apertura dun expediente de reposición e/ou infracción. Dende o ano 1989, o exercicio no que se elaboraron máis actas foi 1997, con 142; e o segundo foi 1992, con 96. O ano 2011 é o sexto en que se rexistraron máis actas de inspección. No outro lado da táboa está o ano 1991, cun total de 34 actas, seguido de 2007, con 40. O incremento no número de actas de 2011 con respecto do ano anterior é de 17, xa que en 2010 houbo 59. O servizo de inspección urbanística do Concello sufriu un proceso de optimización no ano 2008 no que colaboraron tanto os responsables de urbanismo como a Policía Local. Entre as principais modificacións, estableceuse un sistema de inspección diario e fíxose fincapé na prevención, ademais de incorporarse a colaboración da Policía Local na loita contra as infraccións.
RETIRADOS CATRO NOVOS VERTEDOIROS INCONTROLADOS
Martes 10 de xaneiro do 2012
A Brigada de Medio Ambiente de Carballo recolleu, a través do Punto Limpo Móbil, un total de 40 residuos voluminosos no servizo do primeiro martes de xaneiro. Tan só 13 destas limpezas se corresponden con peticións xestionadas a través do aviso telefónico durante o mes de decembro, mentres que os 27 residuos restantes foron detectados e retirados pola Brigada nos seus percorridos habituais. O Concello de Carballo, a través das Concellarías de Obras e Servizos e Medio Ambiente, quere solicitar a colaboración dos veciños e veciñas para que avisen cando queiran depositar residuos voluminosos ou cando detecten a presenza deste tipo de lixo para facilitar o labor da Brigada e contribuír a mellorar o servizo de limpeza. Así, o Punto Limpo Móbil, que funciona cada primeiro martes de mes, permite que os carballeses e carballesas que o desexen soliciten a recollida a domicilio -tanto no medio urbano coma no rural- de residuos voluminosos solicitándoo con alomenos 24 horas de antelación no teléfono 981 701 642. Considéranse "voluminosos" aqueles restos que polas súas dimensións non poden ser xestionados como o resto de residuos urbanos. Habitualmente son electrodomésticos ou mobles. Estes restos tamén poden levarse voluntariamente ata o Punto Limpo do polígono de Bértoa, aberto os martes, xoves e sábados de 10.00 a 13.00 horas.
SEIS DELAS CORRESPÓNDENSE COS TERREOS DA SEGUNDA FASE
Luns 9 de xaneiro do 2012
O Concello de Carballo a través da Oficina Técnica Municipal ten rexistrado un total de sete solicitudes de licenzas de obra para a construción de naves no Parque Empresarial de Bértoa ao longo do ano 2011. Destas peticións, unha correspóndese coa primeira fase e seis refírense a terreos situados na recente ampliación (segunda fase). Destas seis, unha delas xa foi concedida a unha empresa construtora para a edificación dunha nave industrial "sen uso específico" na primeira Xunta de Goberno Local celebrada en 2012. O ano 2011 rexistra o número de solicitudes máis elevado dende o ano 2007, en que se rexistraron un total de 15 peticións. Nos últimos nove anos (no período entre 2003 e 2011) o exercicio no que se rexistraron máis solicitudes de licenzas de obra para naves industriais foi o ano 2006, con 23. O ano de menos actividade foi o 2010, con tan só unha petición de licenza, seguido do 2009 con catro. Dende 2003 a Oficina Técnica ten tramitado un total de 95 solicitudes de licenzas para o parque empresarial, a ampla maioría para a primeira fase do polígono. Hai que lembrar que a recente anulación do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) de 2003 non afecta ao desenvolvemento do Parque Empresarial, onde se poden seguir solicitando licenzas con normalidade.