Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello instala preto de 140 novas anclaxes para os colectores de lixo na zona costeira do municipio

ESTÁ CUBERTO O 85 POR CENTO DO TERRITORIO MUNICIPAL

O Concello instala preto de 140 novas anclaxes para os colectores de lixo na zona costeira do municipio

Venres 3 de febreiro do 2012

A Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas informa de que nos últimos días estanse realizando os traballos para a colocación de 139 novas anclaxes para colectores de lixo na zona nordés do Concello. Os labores principiaron na zona de Baldaio e Vilela, así como noutras parroquias costeiras, e estase avanzando cara á capital municipal, de tal xeito que está previsto que os traballos estean rematados no prazo aproximado dun mes. Cando se remate co subministro destas novas anclaxes, contarán con este tipo de dotación arredor do 85 por cento dos colectores de lixo do territorio municipal, xa que se están incorporando dende hai catro anos co obxectivo final de cubrir todo o Concello. Esta medida permite mellorar a limpeza dos colectores, así como a hixiene da súa contorna, ademais de facilitar o emprego do servizo para os usuarios/as. Así mesmo, mellorase a seguridade para evitar que os colectores se despracen co vento e poidan provocar algún accidente. Este contrato de servizos adxudicouse na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado 13 de febreiro por un prezo de 30.798 euros cunha rebaixa de máis de mil euros sobre o orzamento base de licitación, de 31.893,9 euros.

The Cerne, Falso Joker e Tínperis inauguran no RockCarballo as actuacións musicais dos Venres Culturais

VENRES 3 DE FEBREIRO ÁS 21.00 HORAS

The Cerne, Falso Joker e Tínperis inauguran no RockCarballo as actuacións musicais dos Venres Culturais

Xoves 2 de febreiro do 2012

O auditorio do Pazo da Cultura acolle o venres 3 de febreiro o primeiro dos dous concertos previstos no programa dos Venres Culturais baixo o epígrafe RockCarballo. A Concellaría de Cultura organiza esta cita coa colaboración dos grupos de música electrónica, pop, rock ou heavy que están a ensaiar nos locais do Pazo da Cultura, nun concerto co obxectivo de promocionar a estes artistas do municipio, integrándoos na programación xeral desta Concellaría e que asinaron o Convenio Musical co Concello. Nesta primeira quenda do RockCarballo está previsto que suban ao escenario os grupos The Cerne, Falso Jocker e Tinperís. Hai que desculpar a ausencia de Versión Imposible, que non poden participar por motivos persoais. Tínperis é un grupo de recente creación, pois fundouse no ano 2010 da man de Martín García e Pedro "Peris" Tasende. Ambos músicos uníronse coa ilusión de formar unha banda onde expresar as súas propias melodías e letras. Esta agrupación presentáse no Pazo da Cultura por primeira vez coa ilusión de achegar a súa música ao público carballés. Xunto cos experimentados The Cerne e o metal de Falso Jocker conforman as claves un concerto que ten lugar a partires das 21.00 horas. A entrada é de balde, ata completar o aforo.

O pleno da corporación saca adiante o orzamento municipal para 2012 por un importe de 19,9 millóns de euros

LUZ VERDE PARA OS NOVOS CRITERIOS URBANÍSTICOS

O pleno da corporación saca adiante o orzamento municipal para 2012 por un importe de 19,9 millóns de euros

Xoves 2 de febreiro do 2012

Arredor de 3 horas durou a sesión plenaria ordinaria celebrada o xoves 1 de marzo na que o principal asunto da orde do día foi o visto e prace para os presupostos xerais da corporación para o exercicio de 2012. Incluíronse dúas enmendas presentadas polo grupo municipal do PSOE para equiparar o nivel de ingresos e gastos, pasándose dos 20.453.917,27 euros propostos nun principio para os ingresos a 19.993.917,27 euros e mánténdose o apartado de gastos en 19.978.038,40 euros. O goberno califica as contas de "prudentes", xa que foron elaboradas tendo en conta o contexto económico actual. O principal investimento incluído no orzamento é a execución do Proxecto Anllóns-Bardoso de mellora do subministro de auga potable, por un importe de 2.213.393,68 euros e que estará financiado nun 70 por cento cunha achega de fondos europeos FEDER. Outros investimentos que hai que subliñar son o Plan de Obras e Servizos da Deputación con 279.735,75 euros; 180.000 para a urbanización de terreos para melloras urbanas; ou 160.000 para actuacións na Escola Infantil. O debate relativo aos orzamentos acaparou a maior parte da sesión plenaria, con dúas horas e media de intervencións, despois das cales as contas saíron adiante cos votos a favor do goberno e do grupo socialista. Para coñecer a proposta orzamentaria máis polo miúdo, premer aquí.

Relevo na xestión da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) que da servizo a Ardaña, Rus, Entrecruces e Erbecedo

EVENCIO FERRERO E ANTONIO PENSADO VISITARON AS INSTALACIÓNS

Relevo na xestión da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) que da servizo a Ardaña, Rus, Entrecruces e Erbecedo

Mércores 1 de febreiro do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Alcalde de Coristanco, Antonio Pensado, veñen de visitar a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) situada en Noví (Ardaña) e que outorga servizo ás parroquias de Ardaña, Rus e Entrecruces no Concello carballés, e á de Erbecedo no Concello de Coristanco. O motivo é que vén de producirse o relevo na xestión das instalacións, que até o de agora recaía na empresa responsable dos traballos -CRC Obras e Servizos- e que despois dun ano de proba pasará a asumir Aquagest. Así mesmo, Ferrero e Pensado aproveitaron para falar do futuro acordo ao que deberán chegar os dous concellos e os mecanismos que se empregarán para financiar o mantemento das instalacións, que recaerá nas dúas administracións. O Alcalde carballés estivo acompañado durante o percorrido, no que tamén estiveron técnicos de CRC e de Aquagest, polo Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo e polo Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas. O proxecto para a creación de colectores xerais e EDAR de Ardaña foi executado por Augas de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente por 2,1 millóns de euros.

A directiva de Axober visitou, acompañada de membros do Goberno local, as instalacións do recinto Fórum Carballo

O NOVO ESPAZO SERÁ UN PUNTO DE ENCONTRO PARA EMPRESARIOS

A directiva de Axober visitou, acompañada de membros do Goberno local, as instalacións do recinto Fórum Carballo

Martes 31 de xaneiro do 2012

A nova directiva de Axober (Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños) co seu presidente, Isidro Varela Bardanca, vén de realizar un longo percorrido polas instalacións do recinto Fórum Carballo acompañada polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; polo Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo; e polo Concelleiro de Xestión Municipal, Xosé Regueira; ademais de polo director do Centro de Formación, Juan Lorenzo. O obxectivo desta visita é dar a coñecer o novo espazo, xa que unha das finalidades do Fórum Carballo é a de crear un punto de encontro de empresarios, emprendedores e autónomos, integrando desta forma ao tecido empresarial nas actividades do centro. Así mesmo, crearase unha normativa municipal para regular o uso das instalacións de Fórum Carballo por entidades, colectivos e empresas que o soliciten para a celebración de xornadas, conferencias ou outro tipo de actividades. Precisamente a directiva prestou especial atención á nave 1 do complexo, que conta cun auditorio con capacidade para máis de cen persoas, así como con dúas salas de usos múltiples especialmente pensadas para o desenvolvemento deste tipo de iniciativas formativas e de divulgación.

A aprobación das condicións que rexerán a concesión do servizo de recollida de lixo debaterase no pleno de febreiro

O PREGO INCIDE NA REDUCIÓN E NA RECICLAXE DOS RESIDUOS

A aprobación das condicións que rexerán a concesión do servizo de recollida de lixo debaterase no pleno de febreiro

Martes 31 de xaneiro do 2012

O debate para a aprobación do prego de condicións e da documentación que rexerá o Concurso para a Concesión do servizo de recollida de lixo do Concello de Carballo terá lugar na sesión plenaria do mes de febreiro, previo ditame e xuntanza da Comisión Informativa de Facenda, Especial de Contas, Réxime Interior e Contratación (CIFECRIC). Así, nunha segunda reunión de traballo -a primeira tivo lugar o 19 de xaneiro- celebrada hoxe entre todos os voceiros dos grupos políticos da corporación rematouse o exame previo de toda a documentación necesaria, que está dividida en catro epígrafes (Regulamento de Servizos, Estudo Económico-financeiro, Prego de cláusulas técnicas e Prego de cláusulas administrativas particulares) e conta cun total de 231 páxinas. Os detalles foron analizados de novo coa axuda do asesor José Antonio González Ferreira e de varios técnicos municipais ante a presenza do Alcalde, Evencio Ferrero; a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes; o voceiro do PP, Alberto Sueiro; o de TEGA, Manuel Andrade; e o do PSOE, José Antonio Viña. Houbo que desculpar a presenza do voceiro do grupo do BNG e Concelleiro de Xestión Municipal, Xosé Regueira, por ter que asistir na Coruña a un pleno da Deputación.

Adxudicado o contrato para a "Organización e vixilancia do espazo público onde se desenvolve o mercado de ambulantes da Milagrosa"

SOLICITADA UNHA SUBVENCIÓN A PROL DA IGUALDADE DE XÉNERO

Adxudicado o contrato para a "Organización e vixilancia do espazo público onde se desenvolve o mercado de ambulantes da Milagrosa"

Luns 30 de xaneiro do 2012

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar nunha sesión ordinaria a adxudicación do contrato administrativo de servizos para a "Organización e vixilancia do espazo público onde se desenvolve o mercado de ambulantes da Milagrosa" por un prezo de 58.339,20 euros. A proposta inclúe como obrigas a organización dos postos do mercado na contorna da praza onde se celebra (na contorna do Fórum Carballo, na imaxe), a comprobación das autorizacións e dos pagos dos concesionarios dos postos e a limpeza do ámbito do espazo público onde se desenvolven as feiras e mercados. O adxudicatario ofrece unha mellora, valorada en 5.200 euros, que inclúe o marcado e pintado dos postos da feira da Milagrosa unha vez ao ano. O prazo máximo de execución do contrato é de catro anos, prorrogables por dous anos máis até un máximo de seis. No apartado de contratación, a Xunta de Goberno tamén supuxo a aprobación do expediente do contrato administrativo de servizos de "Limpeza e mantemento da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) do Concello de Carballo". Os criterios de adxudicación basearanse na oferta económica e nas melloras en canto ao aumento de zonas de limpeza ou o mantemento da prestación. O presuposto anual estimado do contrato é de 7.000 euros por un período de catro anos.

As mellores paisaxes, actividades e oficios de Bergantiños: en imaxes até o 26 de febreiro no Pazo da Cultura

ANDAR -1 EN HORARIO DE 18.00 A 21.00 HORAS

As mellores paisaxes, actividades e oficios de Bergantiños: en imaxes até o 26 de febreiro no Pazo da Cultura

Venres 27 de xaneiro do 2012

O andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo acolle até o domingo 26 de febreiro unha exposición que recolle unha escolma das fotografías presentadas á primeira edición do Concurso Fotográfico Comarca Natural de Bergantiños organizado pola Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños (GDR), unha iniciativa que pretende poñer en valor a riqueza natural e etnográfica da bisbarra. A selección inclúe as nove obras premiadas nas dúas categorías do certame, unha de fotografía paisaxística e outra dedicada ás actividades ou oficios característicos do territorio. O xurado estivo formado por profesionais do ámbito cultural de recoñecido prestixio tales como: Xoan Villarmea, fotógrafo profesional e Premio "Mellor fotógrafo profesional de España 2011"; Xesús Búa e Pablo Verdes, profesionais nominados a "Mellor fotógrafo nacional na modalidade de retrato"; Marcos Rodríguez, fotógrafo profesional e gañador en 2010 do certame fotográfico Xosé Manuel Eirís de Carballo; e Luz Díaz, profesora de pintura. Tamén formou parte do xurado Xosé Mª Varela, membro da Xunta Directiva do GDR Bergantiños. A mostra poderá visitarse na sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura no horario habitual, de 18.00 a 21.00 horas.

O pleno aborda a concesión dunha bonificación no ICIO para tres empresas que proxectan instalarse no polígono de Bértoa

EMPREGARÁN ALOMENOS A UNHA PERSOA DURANTE DOUS ANOS

O pleno aborda a concesión dunha bonificación no ICIO para tres empresas que proxectan instalarse no polígono de Bértoa

Venres 27 de xaneiro do 2012

A sesión plenaria ordinaria do mes de xaneiro inclúe na orde do día o visto e prace para a concesión dunha bonificación no ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras) a tres empresas con proxectos no Parque Empresarial de Carballo. Unha vez cubertos por parte de Xestur Coruña, entidade responsable do desenvolvemento do parque, os trámites para sacar adiante o proxecto sectorial e escriturar as parcelas, Concello e empresarios están xestionando agora os proxectos das naves que serán sede das novas iniciativas empresariais. As solicitantes da bonificación son Productos Químicos Bergantiños (Proquiber), a construtora Revestimientos Rama SL e a compañía de adaptación de vehículos para discapacitados Transformaciones Bergantiños SL, que contan con proxectos que teñen un custo de investimento total que supera os 200.000, 300.000 e 400.000 euros, dependendo do caso. Para poder acadar unha redución dun 95 por cento no ICIO deben acreditar a empregabilidade dunha persoa de Carballo por un período de alomenos dous anos. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña a importancia de que saian adiante iniciativas empresariais para que o polígono industrial chegue a ser un elemento normalizador da situación económica na conxuntura actual.

O Feirón de Inverno ofrece un Obradoiro de Alimentación Saudable para público infantil centrado na dieta atlántica

DOMINGO 29 DE XANEIRO ENTRE AS 10.00 E AS 13.00 HORAS

O Feirón de Inverno ofrece un Obradoiro de Alimentación Saudable para público infantil centrado na dieta atlántica

Mércores 25 de xaneiro do 2012

Carballo acolle o domingo 29 de xaneiro unha nova cita dos Feiróns de Tempada, neste caso coa celebración do Feirón de Inverno. Desta volta, o obxectivo é seguir afondando no programa Merca-do-Bo, que reflexiona sobre os beneficios que reporta para a saúde o manter unha dieta equilibrada na que estean presentes produtos frescos da horta, sempre presentes nas feiras carballesas. Para subliñar esta idea está previsto celebrar no Mercado Municipal un Obradoiro de Alimentación Saudable entre as 10.00 e as 13.00 horas. Durante esta iniciativa traballarase cos rapaces e rapazas ao redor dos produtos que compoñen a dieta atlántica, baseada en produtos autóctonos, entre os que podemos atopar tanto verduras como hortalizas, froitas de temporada, peixe e carnes do país, todos eles produtos que se poden atopar tanto no Mercado Municipal coma no Feirón. Os Feiróns de Tempada puxéronse en marcha por vez primeira no verán de 2008 co obxectivo de impulsar o comercio local e consolidar e dinamizar as feiras e mercados tradicionais. Apostouse polos catro feiróns que se celebran no ano, coincidindo cos quintos domingos de mes.

O Concello elaborará un convenio para facilitar o traslado das oficinas do Servizo Galego de Colocación e de Medio Rural ao Fórum

A CESIÓN, GRATUÍTA, SERÍA POR UN PRAZO DE 20 ANOS

O Concello elaborará un convenio para facilitar o traslado das oficinas do Servizo Galego de Colocación e de Medio Rural ao Fórum

Mércores 25 de xaneiro do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero vén de manter unha xuntanza coa Delegada da Xunta na Coruña Belén do Campo, na que estivo acompañado polo Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo e polo director do Centro de Formación, Juan Lorenzo. Durante a reunión, os representantes carballeses manifestaron a necesidade de axilizar o traslado das oficinas do Centro de Formación ao recinto do Fórum Carballo para poder iniciar canto antes a actividade na Milagrosa e centralizar os labores formativos e administrativos do organismo nas novas instalacións. Para iso, a Xunta debe dar unha resposta á oferta de cesión gratuíta por parte do Concello dun espazo nas instalacións do Fórum para acoller as oficinas do Servizo Galego de Colocación e da Consellería de Medio Rural e Sanidade Animal, unha proposta que leva varios anos enriba da mesa. Do Campo comprometeuse a estudar a oferta e a coordinar unha solución cos departamentos implicados. "Solicitaranse os informes oportunos para analizar a viabilidade da proposta e adoptar a mellor decisión", manifestou. Á súa vez, o Concello carballés comprometeuse a elaborar canto antes unha proposta de convenio na que se plasmen as condicións do acordo.

A Conselleira de Traballo e Benestar inaugura o centro de día carballés, que xa conta con 14 usuarios e usuarias

A XUNTA LICITA O EQUIPAMENTO PARA A NOVA ESCOLA INFANTIL

A Conselleira de Traballo e Benestar inaugura o centro de día carballés, que xa conta con 14 usuarios e usuarias

Martes 24 de xaneiro do 2012

A Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, vén de presidir acompañada do Alcalde, Evencio Ferrero, a inauguración oficial do novo Centro de Día de Carballo, situado na Praza de Vigo da capital municipal e que entrou en funcionamento o pasado 2 de xaneiro. As instalacións contan nestes momentos cun total de 14 usuarios e usuarias, aínda que está previsto que a próxima semana se formalicen catro novas incorporacións, manténdose un incremento paulatino de prazas ata cubrir as 45 para as que está deseñado o servizo. O edificio do Centro de Día de Carballo comezou a construírse no mes de setembro de 2008 nunha parcela cedida polo Concello, e levaba máis de dous anos rematado, á espera de que a Administración Autonómica formalizara os trámites necesarios para a súa posta en marcha. O proxecto construtivo do Centro de Día de Carballo custou 763.000 euros e foi executado pola empresa Mouzo&Souto. O servizo estará xestionado polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e cofinanciado polo organismo autonómico e a administración local, que achegará arredor de 96.000 euros ao ano para contribuír ao seu mantemento.

Compartir: