Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo presenta un orzamento "prudente" e "pensado para as persoas" por un importe de 20,4 millóns de euros

O PROXECTO ANLLÓNS-BARDOSO SUPÓN UN INVESTIMENTO DE 2,2 MILLÓNS

Carballo presenta un orzamento "prudente" e "pensado para as persoas" por un importe de 20,4 millóns de euros

Sábado 18 de febreiro do 2012

O goberno municipal presenta un orzamento para 2012 que ascende a 20.453.917,27 euros no apartado de ingresos e de 19.978.038,40 euros no de gastos e que, segundo explica a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, foi elaborado dun xeito "prudente" e "pensando nas persoas", ademais de con "responsabilidade, tendo en conta o contexto económico actual". O apartado de gastos experimenta unha diminución dun 2,99 por cento respecto do exercicio anterior, mentres que nos ingresos é dun 0,68 por cento. No que respecta ao capítulo de investimentos reais, a baixa respecto do ano pasado é dun 18,55 por cento, sendo a actuación máis salientable o Proxecto Anllóns-Bardoso de mellora do subministro de auga potable, por un importe de 2.213.393,68 euros e que estará financiado nun 70 por cento cunha achega de fondos europeos FEDER. Porén, a achega municipal para esta actuación será de 696.849,37 euros, que se corresponden con recursos propios do Concello, algo que o Alcalde, Evencio Ferrero, subliña, xa que non se terá que recorrer a un crédito para o financiamento. Outros investimentos que hai que subliñar son o Plan de Obras e Servizos da Deputación con 279.735,75 euros; 180.000 para a urbanización de terreos para melloras urbanas; ou 160.000 para actuacións na Escola Infantil.

Un total de doce carrozas xa están inscritas no Concurso de disfraces, comparsas e carrozas de Antroido 2012

A CITA É O DOMINGO 19 A PARTIRES DAS 18.00 HORAS

Un total de doce carrozas xa están inscritas no Concurso de disfraces, comparsas e carrozas de Antroido 2012

Sábado 18 de febreiro do 2012

O domingo 19 de febreiro ás 18.00 horas ten lugar unha das actividades máis importantes e esperadas do Antroido en Carballo, o tradicional Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas, unha cita que cada ano congrega a numeroso público que segue as evolucións dos participantes na Praza do Concello. Unha vez rematado o primeiro prazo de inscrición o venres 17, o total de anotados para participar na edición deste ano ascende a 12 carrozas, 7 comparsas e 2 grupos na categoría de adultos e a 6 comparsas, 1 grupo e 3 difraces individuais en infantil. Estes datos todavía non son os definitivos, xa que para determinadas modalidades o prazo para anotarse remata o mesmo día do desfile ás 17.00 horas. Hai que subliñar o considerable aumento de inscricións na categoría de carrozas de adultos o que supón un éxito na convocatoria e na calidade do espectáculo. A procedencia dos concursantes é moi variada, desde veciños e veciñas da propia vila ata grupos de Carral, Arteixo, A Coruña ou outros concellos da Costa da Morte. Esta nova edición do concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas será presentado polo actor e humorista José Manuel Rodíguez Puente, Isi.

Arredor do 25 por cento do total da poboación carballesa realiza habitualmente prácticas deportivas nas instalacións municipais

O ORZAMENTO DO PADROADO PARA 2012 ASCENDE A 1.125.000 EUROS

Arredor do 25 por cento do total da poboación carballesa realiza habitualmente prácticas deportivas nas instalacións municipais

Mércores 15 de febreiro do 2012

Aproximadame o 25 por cento da poboación total do Concello de Carballo (8.280 persoas) realiza habitualmente (alomenos dúas veces por semana) prácticas deportivas nas instalacións municipais, segundo o balance de 2011 realizado polo Padroado Deportivo Municipal na xuntanza do Consello Reitor celebrada o luns 13 de febreiro. Segundo o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, o obxectivo para o ano 2012 é o de seguir compatibilizando o fomento do deporte federado e regrado coa práctica deportiva recreativa e relacionada coa saúde, sempre apostando pola mellora na xestión das instalacións. Segundo os indicadores recollidos polo Padroado, a maioría dos usuarios das instalacións son varóns, cun 54 por cento do total, aínda que atendendo ao deporte regrado, a porcentaxe de féminas só chega a un 20 por cento, polo que daranse pasos para mellorar este índice. Dos usuarios/as, un 70 por cento acoden a cotío ás piscinas municipais, aínda que hai que subliñar que un 9 por cento do total son abonados ás salas fitness dispoñibles tanto no Complexo deportivo Carballo Calero, como no Vila de Noia, neste último caso coa súa apertura a finais de 2011, e outro 9 por cento correspóndense cos pavillóns deportivos.

Luz verde en Xunta de Goberno para o convenio de colaboración da nova escola infantil municipal A Braña

O PRAZO DE MATRÍCULA ESTÁ ABERTO ATÉ O 16 DE FEBREIRO

Luz verde en Xunta de Goberno para o convenio de colaboración da nova escola infantil municipal A Braña

Luns 13 de febreiro do 2012

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o Convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar e o Concello de Carballo para a xestión da Escola Infantil A Braña. Segundo este acordo, o Concello de Carballo cede o uso do inmoble dedicado a Escola Infantil e situado na rúa Xoana de Vega (na contorna da estrada de Razo) e contribuirá ao financiamento dos gastos derivados do funcionameno do servizo mediante a achega ao Consorcio dun terzo dos gastos totais da xestión integral da Escola Infantil. Así mesmo, o Concello será o encargado de garantir o mantemento dos sistemas de sinalización e de seguridade viaria e dos servizos que fosen necesarios para situacións de emerxencia. O Consorcio farase cargo dos gastos derivados do funcionamento e equipamento do servizo, ademais de asumir a supervisión, avaliación e control da xestión da Escola Infantil, garantindo a atención asistencial. Ao Consorcio corresponderalle, así mesmo, a elaboración das normas de carácter interno e a coordinación, supervisión e control no ámbito pedagóxico.

As "Pinturas ocultas #" do artista carballés Alberto Gende permanecen no Pazo da Cultura até o 9 de marzo

NA SALA DA BAIXOCUBERTA DO 3º ANDAR: DE 18.00 A 21.00 HORAS

As "Pinturas ocultas #" do artista carballés Alberto Gende permanecen no Pazo da Cultura até o 9 de marzo

Venres 10 de febreiro do 2012

"Pinturas abertas" que supuxeron "un punto de partida que se pode extrapolar non só ao acto creativo, xa que por debaixo da pel das persoas tamén moitas cousas están ocultas". Así resume o pintor e deseñador gráfico carballés Alberto Gende parte do que quere expresar coa exposición "Pinturas ocultas #", un traballo que nace da reflexión do artista sobre o proceso de creación. En vez de amosar as obras tal e como foron concibidas, ocúltaas tras unha capa de pintura blanca. Con esta acción quere poñer de manifesto a importancia que ten para el o traxecto sobre o resultado final da obra, a importancia do que non se chega a ver sobre o evidente. Gende cre que "cun chisquiño de sensibilidade" por parte do espectador "podemos chegar a ver todo iso". O artista retomou a súa faciana pictórica en 2005 e dende entón ten sido seleccionado para participar en diversas exposicións colectivas e ten recibido diferentes premios. É a primeira vez que pode expoñer o seu traballo en solitario no Pazo da Cultura e na mostra, que pode visitarse até o 9 de marzo na sala da baixocuberta do terceiro andar, recóllense as súas creacións máis recentes.

Carballo reparte preto de 7.000 euros entre premios e subvencións durante as Festas de Antroido 2012

ENTRE O 17 E O 25 DE FEBREIRO

Carballo reparte preto de 7.000 euros entre premios e subvencións durante as Festas de Antroido 2012

Venres 10 de febreiro do 2012

O Antroido ocupará entre o 17 e o 25 de febreiro as rúas de Carballo cun programa que ten o obxectivo de fomentar a participación e o ambiente festivo, en verbas da Concelleira de Cultura, Mar Eirís. Repítense as tradicionais citas que contan cun gran poder de convocatoria, como son o Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas do domingo 19 de febreiro; e o tradicional Enterro da Sardiña, o Martes de Antroido, unha actividade que vai gañando seguidores convocatoria tras convocatoria e que na última edición contou cun cortexo fúnebre no que participaron arredor de 200 veciños e veciñas. Entre estas dúas citas, o Concello de Carballo repartirá preto de 7.000 euros entre premios e subvencións, sendo 6.545 euros (dos que 3.900 destínanse a subvencións e 2.645 a premios) para o Concurso de disfraces e 400 euros para subvencionar a dez grupos no Enterro da Sardiña. Nestes momentos xa hai 16 comparsas e carrozas inscritas para o certame do domingo en categorías infantil e de adulto, aínda que o prazo está aberto até o 17 de febreiro para as comparsas e carrozas e para os disfraces de grupos, parellas e individual até o mesmo domingo 19 ás 17.00 horas na Praza do Concello.

A Mesa Local de Comercio concédelle o visto e prace á celebración da IV Feira das Oportunidades

BALANCE MODERADAMENTE POSITIVO DO SECTOR NO ANO 2011

A Mesa Local de Comercio concédelle o visto e prace á celebración da IV Feira das Oportunidades

Xoves 9 de febreiro do 2012

A Mesa Local de Comercio de Carballo vén de manter unha xuntanza na que un dos principais obxectivos foi o de darlle o visto e prace á celebración da IV Feira das Oportunidades, unha cita que terá lugar os días 10 e 11 de marzo nunha carpa no Parque do San Martiño. Esta feira congrega a varios establecementos comerciais do municipio, que poñen á venda produtos excedentes de tempada moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés. A reunión tamén serviu para realizar un balance da actividade do sector durante o ano 2011. Segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, os comerciantes consideran que os resultados non son os mellores xa que a crise está tendo unha grande repercusión nos seus negocios, mais a potencialidade das feiras de Carballo, xunto con outras iniciativas como o Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo -que nestes momentos mantén en marcha a súa segunda fase- , contribúen ao mantemento e á actualización do sector. Así, os comerciantes informan de que a pesares de que é certo que teñen pechado bastantes establecementos, tamén se rexistra un incremento nas aperturas.

Ghazafelhos Teatro volve a Carballo no ciclo En Familia dos Venres Culturais con "Nana para un soldado"

DOMINGO 12 DE FEBREIRO ÁS 18.00 HORAS

Ghazafelhos Teatro volve a Carballo no ciclo En Familia dos Venres Culturais con "Nana para un soldado"

Mércores 8 de febreiro do 2012

Dous soldados inimigos coinciden na fronte. A fronte é a casa de Aurora e os soldados terán que deixar a un lado as súas diferenzas para facerse cargo dun pequeno imprevisto: o nacemento dun neno. A recén estreada obra da compañía ferrolá Ghazafelhos Teatro, "Nana para un soldado", conta a historia dun momento que acontece nunha guerra presentada con grandes doses de humor e lirismo, onde se fará patente o máis duro da guerra, pero tamén o máis fermoso: "A guerra non é un lugar. "A guerra non chega ou se vai pero está aí... habita nos corazóns atrincheirados e nas mentes con metralla". A obra tamén se converte nunha reflexión sobre o absurdo dos conflitos armados e do necesario que é escoitarse e respectarse. Pepablo Patinho é o responsable da dirección e do guión desta proposta, interpretada por Montse Piñón, Jorge Casas e o propio Patinho. Ghazafelhos é unha compañía de teatro nada en Ferrolterra no ano 2006. "Nana para un soldado" represéntase o domingo 12 de febreiro ás 18.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. A duración prevista do espectáculo é de 60 minutos e a entrada custa 2,5 € (2 € con desconto).

Convocado o VIII Premio a Artigos Xornalísticos normalizadores Concello de Carballo: inscricións até o 9 de abril

O MUNICIPIO PARTICIPA NO CLUB DE DEBATE 2012

Convocado o VIII Premio a Artigos Xornalísticos normalizadores Concello de Carballo: inscricións até o 9 de abril

Martes 7 de febreiro do 2012

O Concello de Carballo, a través do Servizo de Normalización Lingüística, participa en tres iniciativas destinadas a procurar o fomento do galego en diferentes ámbitos e de diferentes maneiras. O primeiro é un proxecto xa consolidado, que vai pola súa oitava edición e que desta volta conta coa colaboración de once medios de comunicación dixitais e escritos. Trátase do VIII Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores Concello de Carballo, que concede un premio de mil euros. Así mesmo, Carballo participa na edición de 2012 do Club de Debate para centros de ensino, unha iniciativa que se vén desenvolvendo nos últimos anos nos concellos da Coruña e de Pontevedra, e que este ano se desenvolve entre 13 municipios, na procura da ampliación territorial, a colaboración e coordinación administrativa e a optimización de recursos. Por último, Carballo quere colaborar cun proxecto desenvolvido desde a Mesa pola Normalización Lingüística, a Liña do Galego, coa difusión dun número de teléfono e un enderezo electrónico para atender temas relacionados cos dereitos lingüísticos da cidadanía como consultas, queixas ou parabéns.

O Concello recibe o informe previo do novo PXOM por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

OS TÉCNICOS XA TRABALLAN NA ADAPTACIÓN DO PLANEAMENTO

O Concello recibe o informe previo do novo PXOM por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Martes 7 de febreiro do 2012

O Concello de Carballo vén de recibir esta semana o informe previo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (a través da Secretaría Xeral de Urbanismo) do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), no que se lle solicita a corrección de varias cuestións relativas á capacidade residencial e á clasificación e determinación de distintos solos -especialmente no que refire a chan urbanizable- para proceder á aprobación inicial e continuar coa tramitación do planeamento. Así, a administración autonómica, responsable última da aprobación do PXOM, considera que debe reducirse a capacidade residencial que recolle o documento para os próximos 15 anos. Tanto os expertos da Oficina Técnica Municipal como os responsables do equipo redator xa están traballando na adaptación da documentación do PXOM enviada á Xunta o pasado mes de decembro, e á que se refire este informe. Así mesmo, está previsto remitir unha copia da valoración da Xunta aos voceiros de todos os grupos da corporación. O obxectivo agora é adaptar o planeamento ás novas directrices o antes posible, sempre coa arela de crear un documento "que ofreza a máxima seguridade xurídica", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero.

Teatro do Noroeste plasma a experiencia vital dun home solitario en "Último cowboy" nos Venres Culturais

VENRES 10 DE FEBREIRO ÁS 21.00 HORAS

Teatro do Noroeste plasma a experiencia vital dun home solitario en "Último cowboy" nos Venres Culturais

Luns 6 de febreiro do 2012

Un solitario home maior, deteriorado tras un infarto, vese obrigado polos seus fillos a aceptar na casa a unha muller que o coide. O enfrontamento inicial entrambos deixa paso a unha fermosa amizade e unha sorprendente alianza. Estes son os principais temas que se abordan en "Último cowboy" a proposta de Teatro do Noroeste para os Venres Culturais. Cadansúa historia e a experiencia vital converten a obra nunha aceda comedia na que está presente a realidade máis completa e inmediata, como as relacións familiares, a crise que nos desfonda económicamente, os bancos, a enfermidade ou a soidade do individuo no mundo globalizado onde os valores que nos inculcaron xa non teñen vixencia. Miguel Pernas e Luma Gómez son os protagonistas desta historia que bebe dunha importante referencia norteamericana, co seu universo de celuloide e imperialismo, coa súa intromisión e responsabilidade nesta situación que nos afoga. Pero a xeración que puxo as cousas onde están non cultivou o seu imaxinario nos programas de televisión, cultivouno nas novelas de vaqueiros. A duración aproximada do espectáculo é de 120 minutos. O prezo da entrada é de 3,5 € (2,5 € con desconto). A cita é o venres 10 de febreiro a partires das 21.00 horas no Pazo da Cultura.

O Concello tramitou un total de 589 expedientes para a limpeza de solares urbanos e parcelas rústicas dende o ano 2009

SEGUNDO A ORDENANZA MUNICIPAL E A LEI DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS

O Concello tramitou un total de 589 expedientes para a limpeza de solares urbanos e parcelas rústicas dende o ano 2009

Venres 3 de febreiro do 2012

O Concello de Carballo tramitou entre os anos 2009 e 2012 un total de 589 expedientes de talas para a limpeza de solares urbanos e de parcelas rústicas en cumprimento da Ordenanza municipal de limpeza e da Ordenanza de seguridade, salubridade, hixiene, limpeza e ornato de parcelas, solares e edificacións; así como da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais. Destes expedientes, 89 correspóndense con solares situados no casco urbano, dacordo coa aplicación das ordenanzas municipais; e 503 correspóndense con parcelas rústicas, dacordo coa apliación da Lei. No caso dos solares da capital municipal e segundo recolle a normativa, os propietarios teñen a obriga de manter os seus solares limpos e libres de residuos, evitando o crecemento incontrolado de maleza e outros vexetais que afecten ás parcelas colindantes, e que en ningún caso poderán invadir as vías públicas. A administración local pide a colaboración dos veciños e veciñas para poder evitar a proliferación de terreos baleiros no interior dos núcleos urbanos que poidan parecer pouco adecuados á estética urbana, coidando dun mantemento aceptable que evite o deterioro da imaxe externa e que garanta a seguridade.

Compartir: