Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O III Plan de Igualdade persegue adoptar medidas concretas para acadar unha igualdade real entre homes e mulleres

O ÁMBITO DE ACTUACIÓN PROLÓNGASE ATÉ O ANO 2014

O III Plan de Igualdade persegue adoptar medidas concretas para acadar unha igualdade real entre homes e mulleres

Xoves 8 de marzo do 2012

O Concello de Carballo a través da Concellaría de Igualdade e Benestar que dirixe Silvana Castro vén de conmemorar o 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, coa presentación do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres, un documento que constitúe unha mostra do compromiso do Concello coa eliminación dos roles e estereotipos de xénero e coa erradicación da violencia de xénero como a mostra máis brutal das desigualdades. O plan persegue establecer medidas concretas e coherentes así como dun xeito transversal en todas as áreas do Concello, centrando as actuacións na relación cos veciños e veciñas, coas empresas ou mesmo coas relacións institucionais con organismos oficiais. O documento recolle, así mesmo, un estudo exhaustivo sobre a situación do Concello, tendo en conta datos como que 16.058 habitantes dos 31.373 censados son mulleres, o 51 por cento do total; ou que o 97,7 por cento das persoas do municipio que non saben escribir ou ler son mulleres. O obxectivo do plan é acadar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, pero tamén incrementar a presenza das mulleres na vida do Concello equiparando os xéneros, en verbas de Silvana Castro.

Chévere presenta "Citizen", unha "ópera non cantada feita teatro" sobre o proceso de creación do imperio Zara

SÁBADO 17 DE MARZO ÁS 19.30 HORAS NO PAZO DA CULTURA

Chévere presenta "Citizen", unha "ópera non cantada feita teatro" sobre o proceso de creación do imperio Zara

Xoves 8 de marzo do 2012

Un "reto", unha "ópera non cantada feita teatro" ou "a historia das nosas propias vidas". Así resume o director Xesús Ron, de Grupo Chévere, as claves de "Citizen", unha obra sobre A.O. e Sara que mestura ficción e realidade para contar a vida de Amancio Ortega, que creou un imperio económico dende a periferia a partir da marca Zara. A posta en escena está dividida en tres actos que xurdiron como obras independentes a través dun proceso no que os autores traballaron "sobre a marcha", en verbas de Ron, sacando o texto das improvisacións e do esforzo conxunto de todas as partes nun "proceso de traballo pouco habitual no medio teatral galego" e que finalizou aglutinando as tres partes, "Maiorías silenciosas", "Made in Galiza" e "Wii economía" en "Citizen". Ademais, este proxecto serve para conmemorar os 25 anos de Grupo Chévere, que conta cun estilo e estética propios e cun peculiar estilo do humor, "moi galego". O espectáculo conta con máis de tres horas de duración e dous intermedios, aínda que os seus creadores aseguran que ao público fáiselle curto, e que participa activamente no coloquio co que finaliza a proposta. A cita é o sábado 17 de marzo no Pazo da Cultura a partires das 19.30 horas e o prezo da entrada é de 3,5 euros, 2,5 con desconto.

A exposición do "V Premio de Banda deseñada Castelao" reflexiona sobre a guerra con "A man do diaño"

OS VENRES CULTURAIS PROPOÑEN A MÚSICA DE ROGER DE FLOR

A exposición do "V Premio de Banda deseñada Castelao" reflexiona sobre a guerra con "A man do diaño"

Mércores 7 de marzo do 2012

A sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura acolle a exposición do "VI Premio de Banda Deseñada Castelao" organizado pola Deputación da Coruña. Nesta mostra, que principia a súa itinerancia en Carballo, preséntase a obra gañadora da sexta edición do "Premio da Banda Deseñada Castelao" (fallado no 2011), un certame de carácter anual organizado pola Deputación da Coruña e dotado con 6.500 euros e a publicación da obra. Neste caso, o gañador foi o mozo brionés Brais Rodríguez Vázquez con "A man do diaño". O xurado destaca da obra que "a partir dunha anécdota sinxela elabora un relato ucrónico, un alegato humanista e antibelicista". Segundo o autor, a historieta relata a experiencia de "tres soldados que teñen unha visión bélica propia, pero mentres van cumprindo a súa misión, ven a dimensión humana da guerra". A exposición pode visitarse até o 14 de marzo no Pazo da Cultura no horario habitual, de 18.00 a 21.00 horas. Ao acto de inauguración asistiron o Deputado provincial Perfecto Vázquez Lema, que describiu a mostra como unha boa forma de mergullarse "na 9ª arte"; Evencio Ferrero, Alcalde de Carballo e Mar Eirís, Concelleira de Cultura.

Un pleno extraordinario aborda a suspensión de licenzas en catro ámbitos para evitar obstaculizar o futuro ordenamento urbanístico

NA ORDE DO DÍA: UN RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE 311.000 EUROS

Un pleno extraordinario aborda a suspensión de licenzas en catro ámbitos para evitar obstaculizar o futuro ordenamento urbanístico

Mércores 7 de marzo do 2012

A Casa do Concello acolle o xoves 8 de marzo a celebración dun pleno extraordinario da corporación na que un dos puntos da orde do día é a Suspensión cautelar de licenzas en diversos ámbitos das normas subsidiarias municipais. Segundo explica a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, esta suspensión, que terá unha vixencia dun ano, aplicarase onde as normas que se teñen en conta trala suspensión do PXOM de 2003 comprometan o futuro ordenamento urbanístico. Así, afectará a catro ámbitos: aos núcleos rurais de Ferradal, Mirón, A Rega e parte do Sisto, así como á contorna da glorieta da estrada de Malpica; ás parroquias de Nétoma, Cances e Entrecruces, que no futuro PXOM son consideradas núcleos rurais; ao solo urbano de media densidade, especialmente na contorna das vías de saída da capital municipal; e no casco urbano nos puntos onde está prevista a creación de novas rúas, onde se prevén máis alturas nas normas subsidiarias que no futuro PXOM e na Horta do Casino, casas dos mestres e casas de Ferreiro. Lantes explica que a suspensión afecta "máis á ordenación que á edificabilidade". O Goberno espera que o novo PXOM, que está moi avanzado, reciba a aprobación inicial antes de que expire o ano de aplicación da suspensión, xa que nese momento deixaría de estar vixente.

O alumnado do Master de Arquitectura da Paisaxe da Fundación Xoana de Vega propón deixar de dar as costas ao Anllóns

ACTUACIÓNS: CREAR UN NOVO BALNEARIO OU INCENTIVAR O DEPORTE

O alumnado do Master de Arquitectura da Paisaxe da Fundación Xoana de Vega propón deixar de dar as costas ao Anllóns

Martes 6 de marzo do 2012

Recuperar a vexetación da ribeira da canle, crear sistemas para evitar as inundacións, edificar un novo balneario na zona da Lagoa, conectar con camiños "verdes" o Paseo do Anllóns co casco urbano ou incrementar a oferta deportiva son algunhas das propostas presentadas hoxe por un total de seis alumnos do Máster de Arquitectura da Paisaxe da Fundación Xoana de Vega para recuperar e rexenerar a contorna do río Anllóns no casco urbano carballés. Un convenio entre o Concello de Carballo, a Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) xunto coa Fundación Xoana de Vega permitiu que alumnos e alumnas que cursan o citado master realizasen prácticas en Carballo co obxecto de complementar a súa formación teórica e tamén para facilitar a súa incorporación ao mercado laboral. Os traballos realizados consistiron na análise do ámbito do Anllóns e na formulación dun master plan para este ámbito. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou a importancia de que o alumnado plantexase "propostas totalmente libres", e cun punto de vista diferente do que normalmente teñen as persoas que viven ou traballan na vila. Así mesmo, comprometeuse a que a Oficina Técnica estude algunhas das ideas presentadas como posibles "follas de ruta" do futuro.

Os Venres Culturais volven co teatro de Lagarta, Lagarta e o ilusionismo para cativos do Mago Xacobe

VENRES 2 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS E DOMINGO 4 ÁS 18.00 HORAS

Os Venres Culturais volven co teatro de Lagarta, Lagarta e o ilusionismo para cativos do Mago Xacobe

Martes 28 de febreiro do 2012

O programa dos Venres Culturais reanúdase despois das festas de Antroido con teatro e maxia no Pazo da Cultura o venres 2 e o domingo 4 de marzo. A primeira das propostas vén da man da compañía galega de Teatro Lagarta, Lagarta que presenta "Unha hora na vida de Stefan Zweig". Este espectáculo introdúcenos nun día, nunha hora moi especial no matrimonio Zweig, e contaranos o que aconteceu en realidade na vida do grande escritor austríaco, ou, alomenos, o que puido ter acontecido. O matrimonio Zweig toma unha importante decisión, calculada con meticulosidade, sobre a súa vida. Pero no seu fogar preséntase un estrano e inoportuno visitante que permitirá que afondemos nos distintos posicionamentos deles ante a vida, a morte, os medos, o amor, o poder, a liberdade, a fuxida permanente dun mundo que horroriza. Todo nunha única hora na que poñerán a súa alma ao descuberto. Un drama moi humano e cunha grande dose de emoción, intriga e suspense. A proposta está protagonizada por actores e actrices de renome, como Ernesto Chao, César Cambeiro ou Belén Constenla. A cita é o venres 2 a partires das 21.00 horas e o prezo da entrada de 3,5 euros (2,5 € con desconto).

Adxudicado en Xunta de Goberno Local o servizo de asesoría xurídica do Centro de Informacion á Muller

APRAZADO ATÉ O XOVES 1 DE MARZO O PLENO ORDINARIO DE FEBREIRO

Adxudicado en Xunta de Goberno Local o servizo de asesoría xurídica do Centro de Informacion á Muller

Luns 27 de febreiro do 2012

A xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de acordar a adxudicación do contrato administrativo do servizo de "Asesoría xurídica do Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo" por un prazo de dous anos e por un prezo de 26.000 euros. Este servizo proporciona unha asesoría legal gratuíta para as mulleres que así o precisen en temas relacionados coa igualdade e benestar e tamén coa loita contra a violencia de xénero e constitúe unha máis das accións desenvolvidas polo CIM para contribuír á consecución real e efectiva da equiparación entre os homes e mulleres do municipio. Hai que lembrar que o CIM garante en todo momento o anonimato na identidade das súas usuarias e a privacidade das cuestións que estas poidan plantexarlle ao persoal do Centro. A Xunta de Goberno Local tamén supuxo a autorización de dous vaos permanentes; a aprobación dunha licenza de obra e dun proxecto de execución; o visto e prace para tres licenzas de obra e apertura; e luz verde para catro licenzas de primeira ocupación. Unha destas últimas refírese a unha nave industrial sen uso específico no plan de sectorización SRAU I de Queo de Arriba no Parque Empresarial de Bértoa.

O pleno aborda a aprobación dos criterios urbanísticos xerais de aplicación no municipio trala anulación do PXOM

A DEBATE: OS ORZAMENTOS E O CONTRATO DO SERVIZO DO LIXO

O pleno aborda a aprobación dos criterios urbanísticos xerais de aplicación no municipio trala anulación do PXOM

Venres 24 de febreiro do 2012

A sesión plenaria ordinaria do luns 27 de febreiro conta entre os principais asuntos da orde do día coa aprobación dos criterios de interpretación sobre o réxime transitorio aplicable no solo clasificado polo planeamento municipal de Carballo. A través desta proposta establécense unhas pautas urbanísticas xerais de aplicación no municipio despois da anulación definitiva do PXOM de 2003 e que terán vixencia ata a aprobación dun novo Plan Xeral. Nesta ordenación adóptanse como referencias principais as normas subsidiarias dos anos 80 para a clasificación do solo e a Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUGA) para a aplicación das normas urbanísticas correspondentes en cada caso. A proposta distingue catro apartados (chan urbano, solo apto para urbanizar, chan incluído no ámbito dos núcleos rurais ou solo non urbanizable) nos que se aplica a Disposición Transitoria Primeira da LOUGA en aspectos como a altura e ocupación máximas ou a superficie mínima para as parcelas rurais. No que respecta aos ámbitos onde se aplicará a suspensión de licenzas, o goberno espera que o asunto se debata no pleno de marzo.

O pontevedrés Alberto Pousa Torres gaña o XIV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís con "Paseo no río Lérez"

ENTREGA DE PREMIOS: XOVES 22 DE MARZO

O pontevedrés Alberto Pousa Torres gaña o XIV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís con "Paseo no río Lérez"

Venres 24 de febreiro do 2012

O mércores 22 de febreiro ás 16.30 horas reuníronse no Pazo da Cultura de Carballo os membros do xurado do XIV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís para fallar os premios, que este ano teñen un importe total de 1.850 euros. Nesta última edición participaron 211 fotografías dun total de 91 participantes, e despois das deliberacións resultou que o gañador do 1º Premio (dotado con 700 euros e diploma) é Alberto Pousa Torres, de Pontevedra, coa obra "Paseo no río Lérez". Este ano o xurado estivo composto por Mar Eirís Villar (Concelleira de Cultura), Manuela Rodríguez Castro (en representación da AC San Cristovo), Ángel Cordero Gómez (profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña), César Fernández Jiménez (profesor da Escola de Imaxe e Son de A Coruña), Marcos Rodríguez Cotelo (fotógrafo profesional e gañador do primeiro premio da XII edición), Ánxeles Novas Fernández (arquitecta, galerista e profesora de debuxo), e María del Carmen Castro Pombo (animadora cultural do Concello de Carballo). Está previsto que o xoves 22 de marzo se realice no Pazo da Cultura a entrega de premios, así como a inauguración dunha exposición realizada cunha escolma das obras presentadas ao certame.

Carballo dinamiza o comercio local coa celebración da IV Feira das Oportunidades no Parque do San Martiño

SÁBADO 10 E DOMINGO 11 DE MARZO

Carballo dinamiza o comercio local coa celebración da IV Feira das Oportunidades no Parque do San Martiño

Mércores 22 de febreiro do 2012

O Centro Comercial Aberto (CCA), coa colaboración do Concello de Carballo e a Xunta, organiza a IV Feira das Oportunidades na que participan un total de 28 establecementos comerciais do municipio que poñen á venda excedentes de tempada, moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés. Segundo explica a xerente do CCA, María del Carmen Freire, os descontos poden chegar incluso ata o 80 por cento en produtos moi variados que abranguen sectores como moda, deportes, informática, mobles, iluminación e por primeira vez cun stand dedicado a electrodomésticos. A cita desenvólvese na fin de semana do 10 e 11 de marzo nunha carpa de más de mil metros cadrados situada no aparcamento do Parque do San Martiño e contará con 31 stands que ocuparán uns 530 metros cadrados: 28 de comercios do CCA, e outros tres destinados á información e como área de descanso. O horario de apertura é de 10.00 a 21.00 horas de forma ininterrompida.

O Concello abre ao tráfico a nova rúa Jacinto Amigo Lera, que conecta as vías Desiderio Varela e Martín Herrera

CRÉANSE PRETO DE 40 NOVAS PRAZAS DE ESTACIONAMENTO

O Concello abre ao tráfico a nova rúa Jacinto Amigo Lera, que conecta as vías Desiderio Varela e Martín Herrera

Mércores 22 de febreiro do 2012

A capital municipal carballesa conta dende hoxe cunha nova vía aberta á circulación de vehículos: a rúa Jacinto Amigo Lera, que une as rúas Desiderio Varela e Martín Herrera. O obxectivo desta medida é o de alixeirar a circulación na zona da Praza de Galicia tentando evitar os embotellamentos de tráfico e de peóns que adoitan producirse en momentos de moita afluencia de vehículos á altura das rúas Coruña e Igrexa. Segundo explica o Concelleiro de Tráfico, Xosé Regueira, durante as próximas semanas establécese un período de proba para que a Policía Local elabore un informe sobre a nova reordenación do tráfico. En base a eses datos decidirase sobre cal é a mellor sinalización horizontal e vertical para a zona e sobre posibles novos cambios na ordenación da circulación. Unha das posibilidades máis probables é que a rúa Coruña pase a ser totalmente peonil, permitíndose unicamente a carga e descarga e deixando a Jacinto Amigo para a circulación de vehículos. A apertura da nova vía tamén conleva a creación de preto de 40 novas prazas de estacionamento no centro carballés, que polo de agora non estarán incluídas na zona azul.

Un "Mundo Hindú" e unha "Pandeirada Sideral": gañadores no Concurso de disfraces, comparsas e carrozas de Antroido 2012

MÁIS DE 500 PERSOAS PARTICIPARON NO DESFILE

Un "Mundo Hindú" e unha "Pandeirada Sideral": gañadores no Concurso de disfraces, comparsas e carrozas de Antroido 2012

Luns 20 de febreiro do 2012

Máis de 500 persoas (375 en categoría de adultos e 135 en infantil) participaron no tradicional Concurso e desfile de disfraces e comparsas de Antroido 2012. O humorista Isi, as charangas e as coreografías dos concursantes animaron unha tarde na que numeroso público encheu a Praza do Concello e as rúas adxacentes, nas que abondaban as bailarinas chegadas da India, sheriffs de salón, bombeiros apagalumes, forzudos de circo, soldados, astronautas, marcianos, bufóns ou piratas. O xurado -do que formaban parte a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, ademais de membros de entidades culturais e sociais do Concello- tívoo difícil para determinar aos gañadores nas diferentes categorías, nas que se repartiron máis de 6.000 euros entre premios e subvencións. Comezando polas carrozas (con dez participantes): o 1º premio (450€) foi para "Mundo hindú" (na imaxe), con 84 persoas integrando a comitiva e o 2º premio foi para "Bribes Saloon". O xurado concedeu tres accesits: a "Case 101" (dálmatas) (200€); "Armando guerra" (100€), que levou á mesmísima Marta Sánchez; e a "Os piratas de Carballo" (100€).

Compartir: