OS DOMINGOS ENTRE O 25 DE MARZO E O 10 DE XUÑO
Mércores 21 de marzo do 2012
A Asociación Ambiental Senda Nova, coa colaboración do Concello de Carballo, organiza unha nova edición, por terceiro ano consecutivo, de "Primavera en ruta", unha iniciativa que propón un total de oito percorridos por seis concellos da comarca e limítrofes co obxectivo de fomentar a práctica deportiva e o espírito de convivencia no marco da contorna natural. Segundo explica o presidente da entidade, Xose M. Menéndez, os roteiros tamén pretenden "o coñecemento e posta en valor do patrimonio ambiental, artístico e histórico". Os percorridos están dirixidos a todas as idades e son de xornada completa, aínda que a duración varía lixeiramente dependendo do volume de xente, das características de deseño da ruta, etc. Senda Nova quere facilitar as inscricións, polo que os interesados/as en participar poden anotarse: na base de Protección Civil de Carballo (edificio do antigo ambulatorio) de luns a venres de 9.30 a 13.30 horas; no Pazo da Cultura, mércores, xoves e venres de 18.00 a 20.00 horas; e no Edificio de Servizos Múltiples de Coristanco os venres de 18.00 a 20.00 horas. O prezo, que inclúe un bocadillo para comer no medio da ruta, é de 6 euros para os maiores de idade e de 3 euros para menores e socios. Máis información na web de Senda Nova.
ARREDOR DE 200 PERSOAS ACUDIRON Á CITA NO POLÍGONO DE BÉRTOA
Martes 20 de marzo do 2012
A ampliación do Parque Empresarial de Bértoa acolleu a pasada fin de semana un acto organizado pola Asociación Ambiental Senda Nova en colaboración co Concello de Carballo para conmemorar o Día da Árbore e Día Forestal Mundial que se celebra o mércores 21 de marzo. A pesares do vento, das baixas temperaturas e da saraiba, arredor de 200 persoas acudiron para apadriñar máis de 120 árbores, fundamentalmente carballos, pero tamén acivros e salgueiros. Cada unha destas árbores recibirá a partir de agora un seguimento por parte de cada padriño ou madriña que, despois de bautizar o seu exemplar, serán o encargados de darlle os coidados necesarios para que medre. Especialmente elevada foi a asistencia de cativos e cativas, que acadaron o seu diploma de apadriñamento e unha ficha colocada a carón de cara árbore como certificación do compromiso de coidala para sempre. O lema da cita foi "100 árbores, 100 persoas, 100.000 vidas" e a Asociación Ambiental Senda Nova quere agradecer, ademais da colaboración do Concello de Carballo, a de Protección Civil, Cebeygar, Riego Betanzos e Protección Verde. En breves a páxina web de Senda Nova incluirá un plano do lugar de prantación cos números e nome de cada árbore e de cada padriño e madriña.
EN VIRTUDE DUN CONVENIO COA UNIVERSIDADE DA CORUÑA
Luns 19 de marzo do 2012
O Reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Luís Armesto, vén de visitar por primeira vez o Concello carballés dende o seu nomeamento con motivo dun Convenio de colaboración educativa coa UDC para a realización de prácticas dirixidas aos estudantes de terceiro curso da asignatura Proxectos e Urbanismo da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA). En virtude deste acordo, os arredor de 250 alumnos e alumnas de Proxectos III realizarán traballos de carácter práctico en emprazamentos urbanos de Carballo para poder obter un coñecemento máis amplo das realidades construtivas e arquitectónicas dos concellos e das técnicas e metodoloxías que se desenvolven nas administracións públicas, o que lles permitirá unha mellor inserción no mercado laboral. En concreto, e segundo avanzou Felipe Peña, profesor da ETSA que acompañou ao Reitor xunto con outro docente, Cristóbal Crespo, as propostas estarán listas despois de Semana Santa e concrétanse en dous proxectos que xiran arredor do paso do río Anllóns polo casco urbano, cunha actuación para crear un pequeno parque; e nun terceiro centrado na contorna do barrio da Milagrosa. Así mesmo, traballarase sobre o edificio da Ludoteca Municipal e sobre a creación dunha pequena vivenda unifamiliar na zona costeira.
AS SANCIÓNS PODEN CHEGAR AOS 300 EUROS
Sábado 17 de marzo do 2012
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Servizos que dirixe Luís Lamas, ten detectado nos últimos días varias infraccións polo reparto incorrecto de publicidade nas rúas da capital municipal, xa que esta actividade está regulada pola Ordenanza de Limpeza. Por ese motivo, quere lembrar aos veciños e veciñas a normativa vixente que establece que queda prohibido repartir ou lanzar carteis, folletos ou follas soltas, ensuciando os espazos públicos, así como deixar papeis de propaganda na vía pública ou nas fachadas, ademais de no mobiliario urbano, a non ser nos lugares destinados explicitamente para tal fin, ou colocar publicidade nos parabrisas dos vehículos estacionados ou detidos na vía pública. Precisamente nos últimos días tense obervado a presenza de publicidade nos turismos, así como folletos tirados fóra dos espazos destinados a tal fin nos portais da capital municipal. Tanto os servizos de inspección do Concello como a Policía Local ou a veciñanza poden denunciar este tipo de infraccións, que acarrean unha multa de 300 euros, xa que estes feitos están tipificados como "graves" na Ordenanza municipal.
A SUBVENCIÓN SUPERA OS 130.000 EUROS
Venres 16 de marzo do 2012
O Centro Social San Xoán Bautista de Carballo vén de mellorar e rehabilitar as súas instalacións para crear un centro de día e un albergue para transeúntes tendo como obxectivo favorecer a inclusión social. O Centro Social forma parte dende o ano 2008 da Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños do Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) e no ano 2010 presentouse unha solicitude á Consellería de Traballo e Benestar para a creación dun centro de día e un albergue. En setembro dese ano apróbase o proxecto básico para a elaboración das obras, que conta un orzamento de 215.221,57 euros e que pretende favorecer o benestar e a inclusión de varios grupos de poboación da comarca. Finalmente, a actuación inclúese, a través do Agader, no Programa Leader 2007-2013 e concédese unha subvención de 133.809,79 euros que supón o 62 por cento do total do investimento. Durante o ano 2011 executouse a reforma dos locais e ao longo de 2012 está previsto rematar a construción do albergue para transeúntes que contará con seis prazas dispoñibles e que ten un custo de 95.505,45 euros.
OS 8.400 EUROS QUE RESTAN PAGARANSE A PRÓXIMA SEMANA
Xoves 15 de marzo do 2012
O Concello de Carballo ten pendentes de pago do ano 2011 un total de 17 facturas por un importe de 8.492,99 euros, unha cantidade que será abonada a próxima semana e antes da data límite do 30 de marzo estipulada polo Goberno, segundo explican o Alcalde, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro. Unha vez cumprido este trámite, e despois de terse aprobado o 8 de marzo nunha sesion extraordinaria un recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe de 311.637,36 euros polo resto das facturas non abonadas a 31 de decembro de 2011, na actualidade o Concello "non ten débedas nin con proveedores nin con terceiros", en verbas de Ferrero, polo que non necesitará ningún plan de axuste para cumprir co Real Decreto de financiamento de pago a proveedores estipulado polo Goberno central para as administracións públicas. O Alcalde explica que os servizos económicos teñen realizado "un cribado exhaustivo de todo o que estaba pendente" para poder cumprir cos prazos establecidos e aclara que estes resultados, "ao igual que os da liquidación do orzamento de 2011", foron ofrecidos polos servizos económicos municipais "sen ningún tipo de inxerencia" e en base ao traballo realizado polos técnicos.
CONTINÚA ABERTO O PRAZO DE MATRÍCULA PARA O CURSO 2012-2013
Mércores 14 de marzo do 2012
A nova Escola Infantil Municipal "A Braña", situada na rúa Xoana de Vega na contorna da estrada de Razo da capital municipal entra en funcionamento a próxima semana, segundo informan responsables da xestión do novo servizo. Así, hoxe comezaron as entrevistas persoais coas nais e pais dos cativos, e prolongaranse até o venres 16; o luns 19 hai unha nova xuntanza cos proxenitores; o martes 20 realízase unha xornada de portas abertas para que os usuarios e usuarias poidan coñecer as instalacións; e, finalmente, o mércores 21 principia o período de adaptación dos nenos e nenas que se irán incorporando ao servizo de xeito progresivo. Hai que lembrar que a nova Escola Infantil Municipal ten capacidade para 102 prazas, aínda que para a primeira quenda do curso 2011-2012 foron admitidos 87 nenos e nenas, cunha listaxe de agarda de 61. Así mesmo, hai que informar de que está aberto até o 31 de marzo o período para solicitar praza para o curso 2012-2013 nas dúas Escolas Infantís do Concello de Carballo: As Landras e A Braña. As listaxes provisionais de admitidos/as publicaranse o día 11 de maio e as definitivas, o día 11 de xuño. O prazo para formalizar a matrícula será dende o 12 até o 30 de xuño.
DOMINGO 18 DE MARZO ÁS 11.30 HORAS
Martes 13 de marzo do 2012
O Concello de Carballo colabora coa Asociación Ambiental Senda Nova na conmemoración do Día da Árbore e Día Forestal Mundial que se celebra o mércores 21 de marzo. Así, e co obxectivo de sensibilizar á poboación, especialmente á máis nova, organízase unha plantación conxunta e apadriñamento de 100 árbores autóctonas, acordes co noso clima e coa nosa xeografía. Os interesados e interesadas en colaborar só teñen que achegarse á ampliación do polígono de Bértoa o domingo 18 de Marzo a partires das 11.30 horas e apadriñarán unha árbore por persoa. Ademais, esta actuación requerirá un posterior seguimento da planta autóctona apadriñada, regándoa e véndoa medrar no futuro. O lema da cita -que ademais de coa colaboración do Concello conta coa axuda de Protección Civil de Carballo, Riego Betanzos, Cebeygar e Protección Verde- é "100 árbores, 100 persoas, 100.000 vidas". Tanto a Asociación Ambiental Senda nova como o Concello de Carballo queren animar a todos os veciños e veciñas a que se despracen ao parque empresarial para contribuír deste xeito a protexer as superficies arboradas e a vexetación autóctona do municipio. Os interesados e interesadas poden descargar o cartel anunciador da iniciativa nun documento en pdf nesta mesma nova.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 12 de marzo do 2012
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a solicitude dun total de nove subvencións á Deputación da Coruña para poder desenvolver actividades e manter servizos no Concello relacionados coa promoción económica, a cultura, o deporte e os servizos sociais. Así, dentro da orde do día inclúese unha petición para actividades e investimentos de promoción económica por un importe de 65.000 euros que se destinarían á promoción e divulgación de Carballo como destino turístico, así como á posta en marcha da Oficina de Promoción Económica. Tamén saíu a diante unha solicitude para unha subvención destinada a programas de servizos sociais relacionados coa Atención Primaria por un importe de 45.000 euros. Así mesmo, aprobouse a petición dunha achega de 40.000 euros para o fomento das políticas de igualdade entre mulleres e homes durante o ano 2012 no marco do programa Concilia. Fóra da orde do día recibiron luz verde outras seis peticións de subvencións: unha para desenvolver o programa de Ximnasia para Maiores; outra para o programa de técnicos deportivos; outra para o desenvolvemento de programas culturais; unha para infraestruturas culturais; outra para o Conservatorio Profesional de Música de Carballo; e, por último, unha para un animador cultural.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Domingo 11 de marzo do 2012
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar un convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Escola Universitaria de Turismo do Centro Español de Nuevas Profesiones adscrita á UDC (Universidade da Coruña) para a realización de prácticas de estudo. Durante as prácticas, o alumnado da Escola realizará tarefas de promoción territorial, de xestión de programas turísticos, de coñecemento de produto e información turística, de atención ao cliente/visitante e de recepción, así como traballos administrativos non prioritarios. A duración das prácticas é de catro meses e a titora será a Técnica de Información Turística do Concello de Carballo. No apartado de convenios, tamén saíu adiante un acordo entre a Deputación da Coruña e o Concello para o financiamento e posta en marcha de novos proxectos de servizos sociais, en concreto para a contratación das tarefas de definición e presentación dos proxectos "Carballo en movemento: fomento da mobilidade no proceso de formación da xuventude local" e "Voluntariado europeo para maiores" dentro dos programas "Lifelong learning: Leonardo da Vinci" e "Programa PAP:Grundtving", respectivamente. A achega ascende a 13.000 euros e a vixencia do convenio é até o 31 de outubro de 2013.
TAMÉN ESTÁ ACUSADO DUN SUPOSTO ATENTADO A UN AXENTE
Venres 9 de marzo do 2012
A Policía Local informa de que a última hora do xoves 8 de marzo efectuouse a detención dunha persoa pola comisión dun presunto delicto de roubo con violencia en grado de tentativa, dun suposto delicto de atentado a un axente e por outro de resistencia grave a axentes. Os feitos producíronse cando dende a Central de Policía dous axentes reciben un aviso de que varios mozos encapuchados están tentando roubar varios vehículos situados no aparcadoiro público da Horta do Casino. Os representantes das forzas de seguridade diríxense ao lugar accedendo ao aparcadoiro polas rúas Lugo e Ponte e observan que seis persoas están arredor un turismo alí estacionado, mentres que tres delas están rodeando a un home tirado no chan que está sendo agredido. Despois de dar o alto, a metade dos encapuchados sairon correndo, mentres que os axentes comezaron a perseguir aos outros tres asaltantes, cos que se producen varios enfrontamentos físicos, levando un deles un arma blanca. Finalmente, os axentes logran apresar e reducir a M.B.R., ao que identifican como o que estaba agarrando directamente á persoa tirada no chan, ademais de poder identificar durante a loita sen ningún xénero de dúbida a D.N.C. e R.I.A.G.. Despois de formalizar a detención, M.B.R. foi posto a disposición da Garda Civil, á que tamén se dou parte do sucedido.
CESIÓN DE USO DA ESCOLA INFANTIL AO CONSORCIO GALEGO
Venres 9 de marzo do 2012
A corporación carballesa vén de celebrar unha sesión plenaria extraordinaria na que un dos principais puntos da orde do día foi a aprobación da Suspensión cautelar de licenzas en diversos ámbitos das normas subsidiarias municipais do Concello de Carballo, un asunto que saíu adiante cos votos a favor do Goberno e do grupo socialista. Segundo este acordo, durante o prazo dun ano non se concederan licenzas urbanísticas naqueles ámbitos onde as normas subsidiarias dos anos 80 -en aplicación trala suspensión do PXOM de 2003- comprometan o futuro ordenamento urbanístico, especialmente en puntos onde existe contradicción na cualificación do solo. Tamén se aprobou durante a sesión o recoñecemento extraxudicial de crédito do exercicio 2012 do Concello, que ten un importe de 311.637,36 euros. Esta figura recoñece o pago daquelas facturas que con data de 31 de decembro de 2011 non foron abonadas, ben porque chegaron fóra de data, ben porque non contaron con partida específica a final de ano. O Goberno local espera que con este recoñecemento se paguen todas as facturas pendentes antes do 15 de marzo, data límite estipulada por un decreto para xustificar as débedas non abonadas polas administracións locais.