VENRES 30 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS
Mércores 28 de marzo do 2012
O programa dos Venres Culturais chega á súa fin da man da compañía Teatro do Atlántico que presenta a súa última produción "E.R. (Algún día traballaremos xuntas)", un espectáculo que vén de estar nominado aos Premios María Casares 2011 á mellor adaptación e mellor dirección e que conta, así mesmo, con dúas nominacións á mellor actriz protagonista. Un espectáculo teatral que os amantes do teatro no deben perder a oportunidade de ver. Teatro do Atlántico escolle a tres veteranas actrices galegas de dilatadas carreiras profesoinais xunto a unha máis nova pero tamén de ampla experiencia (Manuela Varela, María Barcala, Luísa Merelas e Susana Dans), para poñer en escea esta obra dun dos dramaturgos de referencia do teatro catalán contemporáneo Josep María Benet, que foi Premio Nacional de Literatura Dramática en 1994 con este texto. Esta compañía galega acada con este espectáculo a súa produción número vinte e sete, sendo unha das compañías máis consolidadas do panorama teatral galego. A cita é no auditorio do Pazo da Cultura a partires das 21.00 horas. A duración prevista do espectáculo é de 110 minutos e o prezo da entrada de 3,5 € (2,5 € con desconto).
UNANIMIDADE PARA A SALA DE EXPOSICIÓNS ALBERTO GENDE
Martes 27 de marzo do 2012
A terceira sesión plenaria celebrada en Carballo no mes de marzo supuxo a aprobación do Convenio de adhesión do Concello á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). O acordo supón a atribución a esta entidade das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística nos supostos recollidos da LOUGA, Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia. O motivo desta adhesión é o de que o Concello se una a unha plataforma que está a disposición dos municipios para velar polo cumprimento da legalidade. Trátase dun ente público consorcial que propón o desenvolvemento común por parte da Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela de funcións de inspección urbanística. Para poder formar parte da APLU, a administración local debe achegar 5.050 euros ao ano (50 euros por cada núcleo de poboación), ademais do 50 por cento dos ingresos percibidos polas sancións urbanísticas que se deriven da actuación da APLU. O acordo debe recibir agora a aprobación do Consello da Xunta, aínda que, en caso de disconformidade, o Concello pode retirarse deste organismo en calquera momento.
OPTAN A TRES PREMIOS PARA A ELABORACIÓN DE SEIS ESCAPARATES
Luns 26 de marzo do 2012
Un total de 21 establecementos comerciais de Carballo participan no Concurso de Escaparatismo do II Plan de Mellora da Imaxe Comercial do Concello incluído no Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial que se está a desenvolver dentro do proxecto Fórum Carballo. Este concurso, que pechou o seu prazo de inscrición o venres 23 de marzo, ofrécelles a posibilidade aos premiados de que profesionais especializados realicen a montaxe dos seus escaparates en distintos momentos ao longo do ano. Esta iniciativa enmárcase dentro das actuacións do Concello, a través da Concellaría de Promoción Económica, para fomentar actuacións que dinamicen o comercio local. O certame ten como obxectivo complementar o Plan de Mellora da imaxe Comercial, así como premiar o esforzo dos establecementos participantes. Concederanse tres premios para a elaboración de 6 escaparates, incluíndo decoración, panelado e montaxe, e distribuiranse do seguinte xeito aos proxectos que obteñan unha maior puntuación segundo o ditame do xurado: Primeiro premio, elaboración de 3 escaparates; Segundo premio, elaboración de 2 escaparates; Terceiro premio, elaboración de 1 escaparate.
O ALCALDE DE CARBALLO ESTIVO NO ACTO DE INAUGURACIÓN
Luns 26 de marzo do 2012
O CEIP Canosa-Rus xa conta cunha renovada biblioteca nunhas instalacións que foron reformadas no marco do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios (PLAMBE). As axudas serviron para cambiar o chan e o mobiliario, ademais de para repintar a biblioteca, dotala de colorido e actualizala coas novas tecnoloxías. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, así como a Concelleira de Educación e Cultura, Mar Eirís, asistiron ao acto de inauguración no que tamén estivo o Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana Leira, representantes do Concello de Coristanco e a directora do centro, Lucía Galego. Galego quixo agradecer a colaboración tanto dos concellos de Carballo e Coristanco no seu traballo a prol do centro, como da Xunta e das nais e pais que tanto contribúen ao desenvolvemento dos proxectos escolares. Indalecio Cabana tamén quixo subliñar o traballo que realizan os concellos en colaboración coa comunidade educativa, e resaltou a importancia de que existan espazos como o inaugurado hoxe, xa que "se a aula é o corazón do ensino, a biblioteca como mínimo serían os pulmóns".
SOLICÍTASE UNHA AXUDA PARA CONTRATACIÓNS PARA O GRUMIR
Luns 26 de marzo do 2012
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, nunha sesión ordinaria, as bases para a convocatoria de varias subvencións relacionadas coa Concellaría de Cultura e Educación. Así, reciben luz verde as bases para solicitar as axudas para a realización de viaxes escolares en 2012, unhas subvencións que teñen por obxectivo colaborar coas escolas ou colexios de 2º ciclo de Educación Infantil e/ou Primaria e Institutos de Educación Secundaria para a realización de viaxes de carácter cultural. O Concello pretende contribuír á realización de actividades fóra do medio escolar, complementando as actividades académicas e ofrecendo a posibilidade de coñecer novos lugares e recursos. Dependendo do número de alumnos/as as axudas varían de 120 a 660 euros por centro. Recibiu tamén luz verde a convocatoria de subvencións para as ANPAS (Asociacións de Nais e Pais) para a realización do programa de actividades educativas do ano 2012. O obxectivo das axudas é contribuír ao complemento das actividades académicas a través das ANPAS, que realizan un importante labor de dinamización cultural. Segundo o número de alumnos/as do centro ao que perteneza a ANPA, as axudas poden ir de 300 a 700 euros.
A EXPOSICIÓN: NO PAZO DA CULTURA ATÉ O 30 DE ABRIL
Venres 23 de marzo do 2012
A edición número XIV do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís caracterízouse pola elevada presenza de participantes doutras comunidades, como Cataluña, Castela León ou Madrid. A entrega de premios tivo lugar na sala da baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura, onde permanecerá unha mostra coas 85 mellores obras presentadas até o luns 30 de abril. No que vai de vida do certame, teñen sido premiadas xa 52 obras, e á edición de 2012 téñense presentado 211 imaxes de 91 fotógrafos/as. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo felicitar aos gañadores e ao xurado, que "ten un labor cada vez máis difícil". Agradeceu a presenza do segundo premiado, José Luis Morales, chegado dende Madrid, e tamén a do gañador, o pontevedrés Alberto Pousa Torres, que vén de recibir un premio en Nova York. Ferrero tamén tivo verbas para Xosé Manuel Eirís,"persoa cunha grande sensibilidade artística" e que permanece na memoria de todos, e para o artista recentemente desaparecido Alberto Gende. Feliciano Eirís, en representación da familia de Xosé Manuel, quixo agradecer ao Concello, ao xurado e aos participantes a súa contribución e subliñou a afección especial que sempre tivo Eirís pola fotografía. Os interesados/as en visitar a mostra, na que se inclúen as obras premiadas, poden facelo en horario de 18.00 a 21.00 horas.
PROPOSTA: DEDICAR A PRAZA DO FÓRUM AOS BOMBEIROS VOLUNTARIOS
Venres 23 de marzo do 2012
A sesión plenaria ordinaria do luns 26 de marzo conta entre os principais asuntos da orde do día coa aprobación da adhesión do Concello á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), un ente público consorcial que propón o desenvolvemento común por parte da Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela de funcións de inspección urbanística. O motivo desta adhesión é o de que o Concello se una a unha plataforma que está a disposición dos municipios para velar polo cumprimento da legalidade. O acordo debe obter a aprobación previa do pleno da corporación e do Consello da Xunta, aínda que, en caso de disconformidade, o Concello pode retirarse deste organismo en calquera momento. Para poder formar parte del, a administración local debe achegar 5.050 euros ao ano (50 euros por cada núcleo de poboación), ademais do 50 por cento dos ingresos percibidos polas sancións urbanísticas que se deriven da actuación da APLU. O acordo supón a atribución a esta entidade das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística nos supostos da LOUGA, Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia.
O ALCALDE E O ARQUITECTO DO PROXECTO VISITARON O EDIFICIO
Xoves 22 de marzo do 2012
As obras para a construción dunha nova Biblioteca Municipal, que estará situada entre as rúas Pontevedra e Bos Aires da capital carballesa, marchan segundo previsto, polo que o edificio estará rematado antes de que acabe o ano. Así trascendeu durante o percorrido que o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; o Concelleiro de Obras, Luís Lamas; e o arquitecto responsable do proxecto, Óscar Pedrós, realizaron polo novo equipamento. Estiveron acompañados, así mesmo, polo arquitecto municipal, Alfredo Garrote, e por responsables da empresa encargada dos traballos, Ogmios. É a primeira vez que os membros do goberno municipal teñen a oportunidade de inspeccionar o edificio por dentro, cando xa se pode ver o deseño básico da construción, que contará con soto, baixo e un andar, ademais de cun patio interior. O acceso principal realizarase pola rúa Pontevedra e terá un total de 1.500 metros cadrados construídos. Hai que lembrar que o proxecto foi adxudicado por 1.199.588 euros, incluíndo melloras sen custo adicional que están valoradas en aproximadamente 150.000 euros. O financiamento necesario achégao o Ministerio de Cultura.
VENRES 23 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA
Xoves 22 de marzo do 2012
O programa dos Venres Culturais completa este 23 de marzo a súa oferta musical coa celebración do segundo dos dous concertos previstos de RockCarballo. A Concellaría de Cultura organiza esta iniciativa cos grupos de música electrónica/pop/rock/heavy que están a ensaiar nos locais do Pazo da Cultura, nunha actividade que ten o obxectivo de promocionar a estes artistas do municipio, integrándoos na programación xeral da Concellaría e que no seu momento asinaron o Convenio Musical co Concello de Carballo. Nesta segunda quenda actúan Lowcos, Refugio, Versión Imposible e Killer Cats. O concerto comeza ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e a entrada é libre e gratuíta ata completar aforo. A idea de crear Lowcos nace no ano 2010 en Londres onde se coñecen Suso -vocalista e guitarra- e Conrado -teclados, sintetizadores vento e demais intrumentos-. Desde ese momento fóronse engadindo o resto de membros do grupo, Diego -guitarra-, Pedrín -baixo- e Adrián -batería-, todos eles procedentes de estilos musicais moi variados. O resultado desta mestura é un estilo con sons que van dende a música electrónica ao rock mais clásico. Na actualidade Lowcos está autoeditando o seu primeiro traballo "7 pecados" coa produción de Niki García.
ESTARÁN NA VILA ATÉ O 5 DE ABRIL
Xoves 22 de marzo do 2012
Un grupo de voluntarios e voluntarias do programa Senior BoT -Banco Europeo de Tempo de Voluntarios Sénior- estiveron repartindo na feira de Carballo información sobre esta iniciativa europea (cofinanciada polo Programa de Aprendizaxe permanente Grundtvig da Comisión Europea) que ten como obxectivo desenvolver as competencias persoais, sociais e interculturais das persoas que participen, ofrecendo novas oportunidades de aprendizaxe a persoas maiores e fomentando o concepto de "envellecemento activo". Así, 3 integrantes da Asociación italiana Sud-Est Donne maiores de 50 anos e procedentes de Martina Franca están de visita en Carballo até o 5 de abril para coñecer durante unha estadía de 3 semanas a cultura, a historia, as tradicións e a realidade da vila e do país a través da realización de actividades relacionadas con servizos da vida cotiá. O proceso repetirase con outros tres visitantes no mes de setembro. O programa inclúe tamén a visita dun máximo de 6 veciños e veciñas de Carballo a Italia, repartidos tamén en dúas estadías de igual duración que se desenvolverán nos meses de maio e outubro. Xunto cos voluntarios, que recibiron a visita do Alcalde, Evencio Ferrero, estiveron difundindo a iniciativa a Concelleira de Igualdade e Benestar, Silvana Castro; e a responsable do CIM (Centro de Información á Muller), Nieves Castañón.
PRIMEIRA CITA: SÁBADO 24 DE MARZO
Xoves 22 de marzo do 2012
O Club Ciclista Carballo realiza por segundo ano consecutivo e coa colaboración da administración local o ciclo de rutas en bicicleta "Coñece o teu Concello", que ten por obxectivo "poñer en valor o patrimonio cultural e artístico" do municipio, así como fomentar o ciclismo, en verbas do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo. Son catro rutas gratuítas que percorren a maioría das parroquias carballesas e que son "sinxelas de facer" e "abertas a todo o mundo", segundo explica Juan Seoane, director deportivo do Club Ciclista Carballo. Seoane subliña que o ano pasado a iniciativa tivo un grande éxito, cunha media de 50 persoas en cada percorrido, polo que o Club decidiu repetir a experiencia. As rutas, que transcorren entre o sábado 24 de marzo e o 28 de abril son as mesmas de 2011 en parte porque se persegue manter percorridos en zonas "fáciles e accesibles", que non teñan grandes desniveis nin moito tráfico para que sexa máis sinxelo e axeitado para toda a familia. Cada unha das rutas conta con paradas programadas en monumentos ou espazos de relevancia do municipio, como cruceiros, castros, igrexas ou espazos naturais. A Ruta 1, de 19 quilómetros e de baixa dificultade, transcorre por Sísamo, Goiáns, Cances e Oza e celébrase o sábado 24 de abril a partires das 16.00 horas.
CARBALLO CONTARÁ EN ABRIL CON 8 NOVOS SEMÁFOROS INTELIXENTES
Mércores 21 de marzo do 2012
O Concello de Carballo e a Xefatura Provincial de Tráfico veñen de asinar de man do Alcalde, Evencio Ferrero e do Xefe Provincial, Pedro Pastor, un convenio de colaboración polo que a administración local poderá tramitar o cambio de domicilio no Rexistro de Condutores da DXT (Dirección Xeral de Tráfico) así como realizar duplicados do permiso de circulación de vehículos polo cambio de domicilio do seu titular. Os dous trámites son gratuítos para os veciños e veciñas e o Concello adquire a obriga de enviar, alomenos quincenalmente, as solicitudes presentadas por correo ordinario ou remitilas telematicamente á Xefatura Provincial. A adhesión ao acordo supón que o Concello oferta un novo servizo para os cidadáns e a administración local asegúrase, así mesmo, de que os veciños e veciñas empadronados do Concello manteñen o mesmo domicilio no permiso de circulación, polo que tributarán o Imposto de vehículos de tracción mecánica no municipio carballés. Outro dos obxectivos do convenio é que Tráfico manteña unha maior actualizacion da súa base de datos. Hai que aclarar que a notificación de cambio de domicilio no Rexistro de Condutores da DXT é obrigatoria, aínda que o Concello só notificará esta modificación a Tráfico se conta coa solicitude previa do condutor/a afectado.