Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Os concellos de Carballo e Coristanco formalizan a recepción da obra Colectores xerais e Estación Depuradora (EDAR) de Ardaña

A EDAR DE NOVÍ TEN CAPACIDADE PARA 4.000 HABITANTES

Os concellos de Carballo e Coristanco formalizan a recepción da obra Colectores xerais e Estación Depuradora (EDAR) de Ardaña

Mércores 18 de abril do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o de Coristanco, Antonio Pensado, veñen de formalizar a recepción da obra Colectores xerais e Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Ardaña, situada en Noví. A partir de agora, e despois da sinatura da acta, as instalacións pasan a ser de titularidade municipal, aínda que o relevo na xestión do servizo da depuradora xa se fixera a principios deste ano. Porén, a partir de hoxe a recepción da obra completa, incluíndo a rede de colectores, é definitiva. O custe foi de 2.731.570,64 euros, financiados cunha achega dun 70 por cento por fondos europeos FEDER. As instalacións outorgan servizo ás parroquias de Ardaña, Rus e Entrecruces no Concello carballés, e á de Erbecedo no Concello de Coristanco. Aínda que a EDAR foi pensada nun principio para 2.000 habitantes, unha mellora no proxecto fai que agora teña capacidade para 4.000 habitantes equivalentes. Segundo explican os técnicos, a auga dos colectores elévase por gravidade e a partir de aí realízase na EDAR a separación de sólidos e de elementos en suspensión para proceder finalmente ao tratamento co reactor biolóxico. Os alcaldes estiveron acompañados durante o acto por representantes de CRC, empresa responsable dos traballos; de Augas de Galicia; e dos Concelleiros Luís Lamas, de Carballo, e Clarisa Couto, de Coristanco.

A compañía de Natxo Montero visita por primeira vez Primavera enDanza con "Carni de primà qualitá"

VENRES 20 DE ABRIL A PARTIRES DAS 21.00 HORAS

A compañía de Natxo Montero visita por primeira vez Primavera enDanza con "Carni de primà qualitá"

Martes 17 de abril do 2012

O venres 20 de abril continúa a programación de Primavera enDanza coa compañía vasca de Natxo Montero, que presenta "Carni di primà qualitá", unha proposta arriscada e sen artificios, de corpos en disputa permanente que, a través dunha técnica poderosa, mostran a contundencia da linguaxe física como vehículo para expresar unha realidade implacable. Un espectáculo único con dous bailaríns excepcionais no que o público nunca queda indiferente e que plasma momentos e situacións desexadas e non desexadas que nos suceden a todos na vida. Natxo Montero_Danza é unha nova compañía que nace en Bilbao en 2008. Esta é a súa segunda creación, coa que participou en importantes festivais de danza e coa que gañou o 2º premio no Certame Coreográfico de Madrid do ano 2009. Nesta peza o corpo (des)organízase doutro xeito xa que a pel, a carne e o movemento son os elementos que interactúan. Non hai xénero, só hai choques, rozamentos, contacto, escorregamentos de pel a velocidades e intensidades distintas, que xeran movemento e producen o son a través do contacto. Este espectáculo comeza ás 21.00 horas e o prezo da entrada é de 3,50 €, mentres que o prezo reducido é de 2,50 €.

Un total de 36 novos lugares do municipio contan xa con infraestrutura de telefonía e banda ampla móbil 3G

EN NOVE PARROQUIAS DO CONCELLO

Un total de 36 novos lugares do municipio contan xa con infraestrutura de telefonía e banda ampla móbil 3G

Venres 13 de abril do 2012

A empresa Telefónica-Movistar informa de que vén de poñerse en servizo unha nova infraestrutura de telefonía e banda ampla móbil 3G no Concello de Carballo que dará cobertura, de forma adicional ás que xa están en funcionamento, aos núcleos de poboación de Altiboa, Barreiro, Bas, Bouzas, Castro, Ceide, Chacin, Constenla, Fraga, Garrida, Goiáns de Arriba, Igrexa, Longras, Loureiro, Maroas, Noví, Oza da Estrada, Pallas, Pedra Furada, Picho, Picoto, Piñeiro, Pontenova, Ramil, Reboredo, Regueira de Abaixo, Regueira de Arriba, Saíñas, San Mamede, Telleira, Torre, Troián de Arriba, Troián do Medio, Vilanova, Vilardefrancos e Vivente (parroquias de Ardaña, Goiáns, Sofán, Sísamo, Berdillo, Artes, Noicela, Rus e Oza). Esta actuación foi realizada por Telefónica-Movistar dentro do Plan de Banda Ampla 2010-2013 da Xunta de Galicia e ofrece acceso inmediato a un amplo conxunto de servizos de Internet, ademais de servir para acometer a modernización empresarial dos negocios da zona e mellorar as súas plataformas tecnolóxicas. Os interesados e interesadas en contratar a conexión, poden facelo en calquera punto de venda de Telefónica-Movistar de Carballo onde poderán obter información polo miúdo sobre a conexión e resolver calquera dúbida que poidan ter.

O gaiteiro bretón Patrick Molard recala en Carballo dentro da súa xira de concertos en Galicia

O XOVES 19 DE ABRIL NO PAZO DA CULTURA

O gaiteiro bretón Patrick Molard recala en Carballo dentro da súa xira de concertos en Galicia

Venres 13 de abril do 2012

A Concellaría de Cultura que dirixe Mar Eirís informa de que o xoves 19 de abril o público carballés terá a oportunidade de gozar da música dun dos meirandes gaiteiros do mundo, o bretón Patrick Molard que, aproveitando unha pequena xira que está a facer por Galicia, recala en Carballo despois das xestións realizadas dende o Concello. Este mestre da gaita escocesa, irlandesa e bretona ofrece nos seus recitais unha fusión arredor da música destes países e de Galicia, nutríndose o seu repertorio de temas tanto tradicionais como de autor e, cando a ocasión o permite, de piobaireachd, un xénero musical das Highlands escocesas, de longa duración. Trátase dunha música sabia, de tradición oral, elaborada hai catro séculos nas illas Hébridas. É o son ancestral de Escocia nunha música envolvente e fascinante que a miúdo se compara ao Raga hindú, esquemas melódicos de improvisación, baseados nunha colección dada de notas e patróns rítmicos característicos. Patrick Molard é un artista que ten participado, xa como compoñente de diferentes formacións, xa como músico en solitario, na gravación de máis de 50 discos e CDs. O concerto é no auditorio do Pazo da Cultura e a entrada é de balde. A cita é a partir das 21.00 horas.

Carballo multiplica a súa oferta de prazas públicas para cativos de 0 a 3 anos coa posta en marcha da Escola Infantil A Braña

O PRÓXIMO CURSO TERÁ CAPACIDADE PARA 164 NENOS E NENAS

Carballo multiplica a súa oferta de prazas públicas para cativos de 0 a 3 anos coa posta en marcha da Escola Infantil A Braña

Venres 13 de abril do 2012

A nova Escola Infantil A Braña da capital municipal carballesa incrementa nun 160 por cento a oferta de prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos no municipio de Carballo coa creación de 103 novas matrículas para o curso 2012-2013. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez; o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo; e a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, coñeceron e visitaron hoxe as instalacións durante o acto de inauguración do novo servizo, que entrou en funcionamento o 20 de marzo deste ano. O Alcalde de Carballo quixo agradecer a presenza das autoridades e especialmente a colaboración da Deputación, que achegou preto de 500.000 euros dos aproximadamente 700.000 que custou a obra. Subliñou o feito de que "nun ano de altísimas dificultades seguimos poñendo servizos en funcionamento como o Centro de Día e agora a nova Escola Infantil". Por último, Ferrero lembrou a importancia de que se sigan a dar pasos "para contribuír á conciliación da vida laboral e familiar". Á súa vez, Beatriz Mato amosou a súa satisfacción por "ter a oportunidade de facilitarlle a vida a moitas familias" e resaltou que "a cooperación e a coordinación das distintas administracións é máis importante que nunca na actual conxuntura para garantir o funcionamento dos servizos".

A Comisión de deslinde de Carballo e A Laracha avanza nos traballos para fixar as delimitacións dos municipios

FORON IDENTIFICADOS 23 DOS 30 MARCOS ESTUDADOS

A Comisión de deslinde de Carballo e A Laracha avanza nos traballos para fixar as delimitacións dos municipios

Mércores 11 de abril do 2012

A Casa do Concello de Carballo vén de acoller unha xuntanza da Comisión de deslinde dos municipios de Carballo e A Laracha, a terceira despois de dúas celebradas nas dependencias larachesas, na que se avanzou notablemente nos traballos para establecer as fronteiras entre ambos concellos. Hai varios anos que os representantes municipais de ambas partes acordaron poñerse a traballar para chegar a un acordo que está cada vez máis próximo. Así, na reunión celebrada hoxe, de más de dúas horas de duración, repasáronse os documentos que marcan os límites dos municipios e lograron identificarse 23 dos 30 marcos nos que existían dúbidas, despois de que se traballase para recoñecer cada punto. Para identificar definitivamente os sete que faltan, a comisión acordou manter unha nova xuntanza o mércores 25 de abril, neste caso realizando traballo de campo nos mesmos lugares onde están situados os marcos. Segundo informa o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, os marcos que non están claros están situados nas parroquias de Sofán (3), Bértoa (2), Berdillo (1) e Noicela (1). Unha vez aclarados estes puntos, manterase unha última reunión na que se fará efectivo o acordo e a partir da que se elaborará unha Acta de deslinde de mutuo acordo.

A compañía galega Entremáns abre os espectáculos para adultos de Primavera enDanza con "Blondy's Coffee"

SÁBADO 14 DE ABRIL ÁS 21.00 HORAS

A compañía galega Entremáns abre os espectáculos para adultos de Primavera enDanza con "Blondy's Coffee"

Martes 10 de abril do 2012

O sábado 14 de abril a compañía galega Entremáns chega a Carballo para presentar "Blondy's Coffee", primeira actuación para publico adulto do programa Primavera enDanza 2012. Trátase dunha peza soa para dúas mulleres, un espectáculo no que dúas bailarinas recrean nove escenas acompañadas de imaxes audiovisuais que axudan a afondar na historia e descubrir os personaxes, a coñecer as súas intrigas e viaxar ao interior que as habita. Son dúas persoas sumidas no tedio e que se refuxan en pasatempos na procura de novas emocións que lle devolvan a súa propia natureza. Un hábitat no que atoparse elas mesmas coas súas miserias e as súas grandezas. "Blondy's Coffee" ten o seu xerme na exposición "Evanescencias" de Román Montesinos e Kirenia Martínez. As texturas, posturas e símbolos que se engaden ao corpo feminino espido convértense en movemento na peza coreográfica. Entremáns é unha compañía de pequeno formato, residente en Galicia e que conta xa con cinco anos de traxectoria. A cita é no auditorio do Pazo da Cultura ás 21.00 horas. A duración prevista do espectáculo é de 50 minutos e o prezo da entrada 2,5 euros (2 € prezo reducido).

A proposta para o novo Regulamento Municipal do Mercado establece unha sinalización e un vestiario unificado por gremios

A NORMATIVA DEBE DE SER APROBADA EN PLENO

A proposta para o novo Regulamento Municipal do Mercado establece unha sinalización e un vestiario unificado por gremios

Mércores 4 de abril do 2012

Os voceiros dos grupos políticos municipais de Carballo mantiveron hoxe unha xuntanza para expoñer os principais puntos do novo Regulamento Municipal do Mercado de Carballo. Segundo explica a Concelleira de Feiras e Mercados, Milagros Lantes, trátase dunha norma tipo que recolle moitos dos puntos do anterior, aínda que actualizando certos elementos como o canon ou as taxas. Así mesmo, a normativa conta con algunhas novidades, como o establecemento dunha sinalización e un equipamento común por gremios nos postos da praza de abastos. Así, no caso das carnicerías os carteis irían en vermello, nas peixerías en azul, nas panaderías e queixerías en amarelo ou nas froitarías en verde. A sinalización estaría complementada cun vestiario para os praceiros acorde, nas mesmas cores que a sinaléctica. Outra das novidades refírese ao apartado de promoción e publicidade. Así, recóllese a creación dun apartado na páxina web municipal debidamente sinalizado con información relativa aos postos, como por exemplo os produtos que teñen á venda, se realizan reparto a domicilio, promocións que queiran poñer en marcha, etc. Despois de ser exposto ante todos os grupos municipais, o novo regulamento deberá ser aprobado nunha sesión do pleno da corporación.

Primavera enDanza cumpre dez anos de fomento da danza contemporánea ofrecendo seis espectáculos no Pazo da Cultura

ENTRE O 14 E O 29 DE ABRIL

Primavera enDanza cumpre dez anos de fomento da danza contemporánea ofrecendo seis espectáculos no Pazo da Cultura

Martes 3 de abril do 2012

O ciclo Primavera enDanza cumpre este ano unha década facéndose un oco na programación cultural estable do Concello de Carballo e sendo unha cita "relevante non só pola calidade, senón tamén pola escaseza deste tipo de propostas na escea galega", segundo explica a Concelleira de Cultura, Mar Eirís. É un dos programas de danza contemporánea máis antigo de Galicia e tamén un dos poucos que existen máis aló das grandes cidades. Ten lugar habitualmente en abril coincidindo coa celebración, o 29 deste mes, do Día Mundial da Danza. Dende a Concellaría de Cultura queren subliñar que este tipo de espectáculos é recomendable para persoas interesadas, non só na danza, senón tamén nas artes escénicas en xeral e no mundo audiovisual, o teatro ou a música. Mar Eirís tamén sinala que non se trata de espectáculos "minoritarios" ou "exclusivos", senón dirixidos a todos os públicos co obxectivo de achegar a danza contemporánea aos espectadores e co desexo de que estes primeiros dez anos sexan só o xerme doutras moitas primaveras en danza. A cita conta con seis espectáculos que se representan no auditorio do Pazo da Cultura entre o 13 e o 29 de abril. A venda de bonos e reserva de entradas pode realizarse a partires do luns 9 de abril.

O Alcalde transmítelle á Subdelegación do Goberno as principais incidencias no municipio en materia de seguridade

A XUNTA LOCAL CELEBRARASE NO MES DE MAIO

O Alcalde transmítelle á Subdelegación do Goberno as principais incidencias no municipio en materia de seguridade

Luns 2 de abril do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de entrevistarse co Subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán Castro, nunha xuntanza na que tamén estiveron presentes o Concelleiro de Xestión Municipal e Seguridade, Xosé Regueira, e o Sarxento da Policía Local, Constantino Vázquez. Durante a reunión, falouse das principais problemáticas que existen no municipio en materia de seguridade. Entre elas, hai que subliñar os esforzos para reducir os roubos de cable de cobre, os últimos nas parroquias de Ardaña ou Rus, que teñen experimentado un repunte nas últimas semanas. Así mesmo, expúxose a posibilidade de incrementar a vixilancia na zona costeira durante o período estival, para aumentar a seguridade das persoas que adoitan veranear en Razo e Baldaio. Outro dos asuntos abordados refírese a reforzar no futuro aínda máis a colaboración que existe entre a Policía Local e a Garda Civil, e incluso cos axentes da Policía Nacional. Regueira informa de que está previsto celebrar a próxima Xunta Local de Seguridade a mediados do mes de maio, á que é moi probable que asista por primeira vez o Comisario da Policía Nacional precisamente para redundar nas políticas de colaboración das forzas de seguridade.

As praias do municipio límpanse e acondiciónanse estes días con motivo das vacacións de Semana Santa

PROTECCIÓN CIVIL ADVIRTE DA AUSENCIA DO SERVIZO DE SOCORRISMO

As praias do municipio límpanse e acondiciónanse estes días con motivo das vacacións de Semana Santa

Venres 30 de marzo do 2012

A empresa concesionaria do servizo de 'Limpeza de praias do municipio de Carballo', Eulen SA, está realizando estes días labores de limpeza e acondicionamento dos areais do municipio con motivo das vacacións de Semana Santa. Xa se tiña realizado unha limpeza durante o inverno para eliminar as consecuencias dos temporais, e agora está traballando de novo unha máquina cribadora para recoller os residuos sólidos e deixar a area de Razo, Baldaio e Pedra do Sal en perfecto estado. As prediccións de MeteoGalicia indican que, a pesares de que descenderán un pouco as temperaturas, as probabilidades de que faga sol nos primeiros días de Semana Santa son dun 70 por cento, polo que se espera unha elevada afluencia ás praias. Porén, os responsables de Protección Civil de Carballo queren lembrar aos veciños e veciñas que nestas datas non está dispoñible o servizo de socorrismo e vixilancia nos areais do Concello, polo que reiteran que o baño non é recomendable. Ademais, tampouco están habilitadas e sinalizadas as zonas aptas para o baño en cada praia. Por estes motivos, Protección Civil recomenda que os usuarios e usuarias dos areais teñan a máxima precaución á hora de meterse na auga.

Carballo colabora coa celebración da "Hora do Planeta" cun apagón no alumeado da Praza do Concello o sábado 31 de marzo

ENTRE AS 20.30 E AS 21.30 HORAS NO MARCO DUNHA CAMPAÑA MUNDIAL

Carballo colabora coa celebración da "Hora do Planeta" cun apagón no alumeado da Praza do Concello o sábado 31 de marzo

Mércores 28 de marzo do 2012

O Concello de Carballo vén de adherirse á campaña da "Hora do planeta", promovida por WWF/Adena, unha entidade creada en 1968 que traballa a prol da conservación da natureza. Esta iniciativa xorde como unha chamada á acción cidadá que ten o obxectivo de demostrar que a actuación conxunta de persoas de todo o mundo pode server para ofrecer alternativas ao cambio climático. Dende hai seis anos, centos de millóns de persoas de todo o globo, empresas, gobernos e centros educativos loitan a prol do aforro enerxético a través desta iniciativa. A cita é o sábado 31 de marzo entre as 20.30 e as 21.30 horas, cando se apagarán as luces de monumentos, rúas, empresas e fogares por todo o planeta para tratar de concienciar sobre a conservación do medio ambiente. No caso de Carballo, está previsto apagar o alumeado público na contorna da Praza do Concello e anímase aos veciños e veciñas a que colaboren dende as súas vivendas reducindo o consumo enerxético durante esa hora. O ano pasado, máis de 5.000 cidades de 135 países apagaron as súas luces, enviando unha clara mensaxe: os xestos simbólicos poden xerar grandes cambios na busca de que o compromiso global se manteña ao longo de todo o ano.

Compartir: