Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Primavera enDanza remata con "Río de Luna", un espectáculo infantil que mestura tenrura e imaxinación

DOMINGO 29 DE ABRIL ÁS 18.00 HORAS

Primavera enDanza remata con "Río de Luna", un espectáculo infantil que mestura tenrura e imaxinación

Venres 27 de abril do 2012

A X edición de Primavera enDanza finaliza o domingo 29 de abril coa compañía andaluza Da.Te Danza que presenta o seu último espectáculo "Río de Luna", unha magnífica coreografía que foi premiada en Fetén 2011 como mellor espectáculo de danza. A compañía Da.Te Danza creouse no ano 1999 baixo a dirección artística de Omar Meza coa intención de achegar a danza contemporánea a todos os públicos, considerándoa como un instrumento para contar historias capaces de influír no público e tendo moi presente o seu valor educativo. "Río de Luna" é un espectáculo sobre como xurde unha nova vida. Un río nace, ou tamén pode ser un bebé. A complicidade coa nai, os primeiros pasos, os xogos coa natureza, o recoñecemento entre bebés, o seu contorno e o seu crecemento. Dous bailaríns utilizarán a tenrura e a imaxinación por descubrirnos que todo é novo e que pode transformarse nunha marabillosa historia. Obxectos simples énchense de luz e movemento e convértense en fantástico. O baile descobre novos elementos, novas cores e novos sons, e todo é un xogo. Este espectáculo está destinado a público familiar, en especial a nenos e nenas entre 3 e 8 anos. Comeza ás 18.00 horas e o prezo da entrada é de 2,5 € e o prezo reducido de 2 €.

A primeira proba do Campionato Galego de Motocross abre a tempada 2012 no Circuíto de Motor de Bértoa

MARTES 1 DE MAIO A PARTIRES DAS 9.00 HORAS

A primeira proba do Campionato Galego de Motocross abre a tempada 2012 no Circuíto de Motor de Bértoa

Venres 27 de abril do 2012

O martes 1 de maio o Circuíto de Motor de Bértoa acolle a celebración da primeira proba do Campionato Galego de Motocross, IV Memorial Manuel Rega Morales e XI Motocross Concello de Carballo. A cita serve para inaugurar a tempada de 2012 no circuíto e está prevista a presenza de arredor de 90 pilotos, non só galegos, senón de todos os puntos de España desde lugares como Cataluña, País Vasco ou Castela e León. Segundo explica Juan Fernández Puga, de Moto Club Motor Bergantiños, responsable da organización, a de Carballo será "a carreira con máis pilotos de todo o campionato galego" aproveitando o tirón dunhas instalacións que "cada vez están mellor" e o compromiso adquirido por moitos pilotos de non faltar á cita. Así, está prevista a presenza de Rubén Fernández, campión de España Promesas 2011; ou de Jon Idiaquez, do País Vasco, e Ander Valentín de las Heras, de Navarra. Por parte do club anfitrión participarán Guillermo Loureiro, en categoría alevín; e Miguel García, Sergio Castro, Iván Moscoso, Jonathan Vázquez ou Óscar Rego en Afeccionados. A competición comeza ás 9.00 horas coas verificacións administrativas e técnicas, os adestramentos libres son ás 11.00 horas e está previsto disputar as mangas a partires das 16.00 horas.

Tiana, establecemento gañador do II Concurso de Escaparatismo do Plan de Mellora da Imaxe Comercial

AS PLATEIRAS E MÓNICA VECINO ACADARON O 2º E 3º PREMIO

Tiana, establecemento gañador do II Concurso de Escaparatismo do Plan de Mellora da Imaxe Comercial

Venres 27 de abril do 2012

O xurado do Concurso de Escaparatismo incluído no II Plan de Mellora da Imaxe Comercial de Carballo vén de dar a coñecer os premiados deste certame, celebrado no marco do Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial que se está a desenvolver dentro do proxecto Fórum Carballo. Así, de entre os 21 participantes, o primeiro premio recaeu na tenda de roupa infantil Tiana (na imaxe), que poderá contar coa elaboración especializada de tres escaparates ao longo da tempada, elixindo as épocas máis propicias, como poden ser Rebaixas ou Nadal; o segundo foi para As Plateiras, que obtén dous escaparates; e o terceiro premio recaeu en Mónica Vecino, que disporá dun escaparate ao longo da tempada. O xurado estivo formado, por parte do Concello, polo Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, pola Axente de emprego e Desenvolvemento Local e pola Técnica de Turismo; por parte do tecido comercial por un representante do Centro Comercial Aberto (CCA), e por parte dos expertos por un representante da consultora I2Estudio. Á hora de conceder os galardóns, tívose en conta non só a vistosidade dos escaparates, senón tamén o aproveitamento do espazo ou a adopción das recomendacións realizadas pola consultora.

Carlos Callón gaña o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo dotado con 1.000 euros

ACCÉSIT: PARA ALBA CID FERNÁNDEZ

Carlos Callón gaña o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo dotado con 1.000 euros

Venres 27 de abril do 2012

O xurado do VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse hoxe, venres 27 de abril, para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 37 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en A Nosa Costa, De Luns a Venres, Diario de Bergantiños, El Periódico de Carballo, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos ao artigo titulado «Fai teu o galego», de Carlos M. Callón Torres. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á súa capacidade para chegar a públicos amplos e incidir neles cunha linguaxe clara e sinxela, convidando aos lectores a lectoras a utilizar a lingua galega e facéndolles ver que é sinxelo e só é necesario querer. Destaca a enerxía, positividade e entusiasmo do artigo, que presenta a lingua como unha oportunidade, e apela ao compromiso individual das persoas para falaren galego. Carlos Callón (Ribeira, 1978) é profesor de lingua e literatura galegas, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da plataforma Queremos Galego. Publicou ensaios como «En castellano no hay problema» (Xerais 2010) ou «Como defenderes os teus dereitos lingüísticos» (Xerais 2011).

Carballo acolle o Sector zonal do Campionato de España de Balonmán en categoría Xuvenil Masculina

VENRES 27, SÁBADO 28 E DOMINGO 29 DE ABRIL

Carballo acolle o Sector zonal do Campionato de España de Balonmán en categoría Xuvenil Masculina

Xoves 26 de abril do 2012

O Pavillón Vila de Noia da capital municipal acolle a celebración, coa participación do Xiria como anfitrión, do Sector zonal do Campionato de España de Balonmán en categoría Xuvenil Masculina. A cita desenvólvese entre o venres 27 e o domingo 29 de abril e abre a posibilidade de que o Ifecgás Pereira Xiria poida estar entre os oito mellores equipos de España. Así, a competición está dividida en oito sectores zonais distribuídos por toda España nos que se enfrontan catro equipos e os vencedores gañan o dereito de estar na seguinte fase entre os oito mellores. Xunto co Xiria, pelexan pola victoria o Bidasoa Irún, o Cuatro Rayas Valladolid e o Dosa Salesianos de Santander, que durante a fin de semana disputan seis encontros cruzándose todos contra todos. Os partidos do Ifecgás Pereira Xiria son o venres ás 20.30 horas, o sábado ás 18.30 horas e o domingo ás 12.30 horas e o adestrador Fernando Vázquez desexou que "neste último encontro esteamos loitando por estar entre os mellores", xa que considera que "cabe a posibilidade de gañar" ao tratarse dun grupo bastante igualado. Vázquez subliña que os rapaces, que veñen de gañar o título de Campión Galego Xuvenil, están motivados e especialmente "ilusionados" ao celebrarse a eliminatoria en Carballo.

O Pequebasket propón unha xornada lúdica e para desfrutar do baloncesto dirixida a nenos e nenas de 4 a 7 anos

SÁBADO 28 DE ABRIL NO PAVILLÓN CARBALLO CALERO

O Pequebasket propón unha xornada lúdica e para desfrutar do baloncesto dirixida a nenos e nenas de 4 a 7 anos

Mércores 25 de abril do 2012

Carballo Basket organiza coa colaboración do Concello de Carballo o torneo Pequebasket, unha cita que pretende unir a competición e o aspecto lúdico do deporte e que está dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 7 anos. O Pavillón Carballo Calero da capital municipal acolle o torneo o sábado 28 de abril a partires das 16.00 horas e nel participan, ademais de dous equipos do Carballo Basket, o Club Baloncesto Artai, dous equipos do Club Basquet Coruña, o Club baloncesto Laracha, o Santo Domingo de Betanzos e o Club baloncesto Culleredo. Está previsto dividir as instalacións en dúas zonas, unha na que se celebrarán os enfrontamentos entre os equipos e outra destinada a zona de xogos na que poderán estar tanto os grupos que non estean competindo nese momento como os nenos e nenas que queiran asistir de balde a desfrutar dunha xornada lúdica e de deporte. Así mesmo, os asistentes recibirán ao longo da tarde bebidas e unha merenda e haberá un agasallo conmemorativo para os equipos. Segundo explica o responsable deportivo do Carballo Basket, Arturo Ferraces, un dos obxectivos desta cita, que se celebra por primeira vez pero que a organización espera que poida ter continuidade, é o de que "os rapaces, dende moi pequenos, se relacionen co deporte".

O Concello formaliza coa Deputación da Coruña un convenio para o mantemento do Grumir (Grupo Municipal de Intervención Rápida)

O ALCALDE, EVENCIO FERRERO, ASISTIU Á SINATURA NA CORUÑA

O Concello formaliza coa Deputación da Coruña un convenio para o mantemento do Grumir (Grupo Municipal de Intervención Rápida)

Martes 24 de abril do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asistir na sede da Deputación da Coruña á sinatura co seu presidente, Diego Calvo, dun convenio entre o Concello e o organismo provincial polo que se realiza unha achega económica de 45.000 euros para o mantemento do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir). Este acordo formaliza a axuda económica anual da Deputación con un total de 16 concellos da provincia, incluído o de Carballo, que contan con estes grupos de intervención. A achega económica destínase fundamentalmente a sufragar os gastos de material e persoal. O total da achega provincial é de 720.000 euros, 45.000 euros por cada un dos concellos, cifra que, a pesar da redución do orzamento provincial, mantívose con respecto ao ano pasado. Os Grumir da provincia dan traballo a 224 persoas. Debido á seca que sufriu a provincia durante este ano, a Deputación decidiu adiantar a sinatura dos convenios e, ademais, como novidade, permitirá afrontar con estas cantidades gastos que se efectuaron dende o 1 de xaneiro deste ano. A finalidade dos Grumir é dar respostas inmediatas a situacións de emerxencia como incendios forestais ou urbanos, accidentes de tráfico, inundacións, primeiros auxilios, asistencias domiciliarias ou apoio en materia de seguridade viaria.

Catro compañías galegas únense para propoñer o espectáculo "Seisdecatro" no marco de Primavera enDanza

VENRES 27 DE ABRIL ÁS 21.00 HORAS

Catro compañías galegas únense para propoñer o espectáculo "Seisdecatro" no marco de Primavera enDanza

Martes 24 de abril do 2012

Catro compañías galegas, Sólodos, La Macana, Pisando ovos e Quique Peón Cía, únense para propoñer "Seisdecatro", un espectáculo que mestura planos de realidade e fantasía, momentos cotiáns que se insiren nun mundo irreal e que nos conducen por camiños inesperados. Os feitos son reais, pero teñen unha connotación fantástica, xa que algúns, ou non teñen explicación ou son moi improbables: Seisdecatro, diferentes raíces nun mesmo lugar nun mundo no que a verdade non é verdade simplemente por ser a verdade, senón pola forma en que se diga. Este proxecto foi creado por seis artistas e catro compañías e conta con músixa de Soyuz e Teresa dos Cucos, iluminación de Rubén Rayán e vestiario de Psicodelia Coruña. Erick Jiménez e Maruxa Salas (Sólodos); Rut Balbís (Pisando ovos); Alexis Fernández e Caterina Varela (La Macana); e Henrique Peón (Quique Peón Cía) conforman esta fantasía na que conflúen algúns dos bailaríns e coreógrafos máis destacados da danza contemporánea en Galicia. Todos eles aparecen en escena nesta proposta que é a última dirixida específicamente a público adulto de Primavera enDanza 2012. A duración prevista aproximada do espectáculo é de 60 minutos. O prezo da entrada é de 3,5 euros; 2,5 euros con desconto.

Luz verde para o contrato de servizos de Mantemento das portas automáticas dos edificios de titularidade municipal do Concello

APROBACIÓN INICIAL DO PLAN ESPECIAL PARA ASPABER

Luz verde para o contrato de servizos de Mantemento das portas automáticas dos edificios de titularidade municipal do Concello

Luns 23 de abril do 2012

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o expediente de contratación para o servizo de "Mantemento das portas automáticas dos edificios de titularidade municipal do Concello de Carballo e dos edificios xestionados polo Padroado Deportivo Municipal". O sistema de adxudicación é o de procedemento aberto con varios criterios e suporá o mantemento das portas do Mercado de abastos municipal, da Casa do Concello, do edificio do antigo Ambulatorio e do Pazo da Cultura, así como da Piscina Carballo Calero. O prezo do contrato é de 360 euros ao ano por cada porta automática (sendo un total de nove) o que supón un total anual de 3.240 euros. Está previsto que o acordo teña un período de vixencia de catro anos, prorrogable por outros dous máis. A orde do día supuxo tamén a aprobación inicial do Plan Especial de dotacións en solo rústico cuxo obxectivo é a regularización e ampliación das instalacións da Asociación de pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños (Aspaber), situadas no lugar da Brea. O acordo será sometido ao trámite de información do pública durante dous meses no DOG (Diario Oficial de Galicia) e en dous xornais da provincia; a administración local solicitará os informes sectoriais necesarios da Consellería de Medio Rural e da Consellería de Medio Ambiente.

A organización espera que arredor de mil corredores participen na II Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo

INSCRICIÓNS: ATÉ O 11 DE XUÑO

A organización espera que arredor de mil corredores participen na II Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo

Venres 20 de abril do 2012

A administración local, a través do Padroado Deportivo Municipal organiza a II Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo, proba oficial e homologada da Federación Galega de Atletismo. Segundo explica o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, a iniciativa xorde do éxito que tivo a cita do ano pasado, tanto a nivel organizativo como de participación e de público. O obxectivo este ano é darlle continuidade á proba para que se converta nunha cita deportiva anual habitual no calendario tanto no municipio como na comarca. A organización espera que, fronte aos 750 corredores do ano pasado, en 2012 cheguen a participar arredor de 1.000, con 750 atletas en categoría absoluta e 250 en categorías inferiores. Entre as novidades desta segunda edición, hai que subliñar a incorporación da categoría junior, ou a separación en tres da dos veteranos. Está previsto entregar un total de 58 trofeos, entre os que destacan o 1º Premio para os participantes carballeses, tanto masculino como feminino; un galardón para o atleta de maior idade ou un para quen acade o récord da proba, que o ano pasado estableceu Manuel Oliver, Manute, gañador da carreira. Os interesados e interesadas en inscribirse de xeito gratuíto, ou en obter máis información sobre o regulamento da proba, poden facelo premendo aquí.

A Comisión Especial de Seguridade realiza un balance das principais incidencias e sucesos rexistrados durante o ano 2011

A POLICÍA LOCAL CONTARÁ CON 25 AXENTES A FINAIS DE 2012

A Comisión Especial de Seguridade realiza un balance das principais incidencias e sucesos rexistrados durante o ano 2011

Xoves 19 de abril do 2012

A Casa do Concello acolleu o xoves 18 de marzo unha xuntanza da Comisión Especial de Seguridade na que se dou conta do informe da Policía Local sobre as incidencias rexistradas ao longo do ano 2011. Unha das principais conclusións é que se ten producido unha tendencia á alza nos delictos contra o patrimonio, o que se achaca especialmente á situación actual de crise. Pola contra, rexistrouse un descenso nos delictos de faltas contra as persoas e nas faltas de tráfico, así como nos actos vandálicos, que teñen unha incidencia moi baixa. Así o expuxo o Inspector Xefe da Policía Local, Constantino Vázquez, nunha xuntanza na que tamén estiveron o Alcalde, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Seguridade, Xosé Regueira; e os concelleiros de PP, TEGA e PSOE José Lado, Manuel Andrade e José Antonio Viña. Entre os feitos concretos máis destacados, subliñáronse as substraccións de cable do tendido eléctrico, polo que se fixo fincapé na necesidade de seguir realizando labores de vixilancia nas parroquias de xeito regular. Unha das principais conclusións da xuntanza é a de continuar coas reunións entre os responsables da Garda Civil e da Policía Local para coordinar actuacións e marcar estratexias co obxecto de redundar nun labor o máis eficaz posible das forzas de seguridade.

"La Cenicienta" chega a Primavera enDanza da man da compañía aragonesa La Mov Cía de Danza

EN FAMILIA: SÁBADO 21 DE ABRIL ÁS 20.00 HORAS

"La Cenicienta" chega a Primavera enDanza da man da compañía aragonesa La Mov Cía de Danza

Xoves 19 de abril do 2012

O sábado 21 de abril o programa Primavera enDanza céntrase nos máis cativos e cativas no ciclo En Familia coa compañía aragonesa La Mov Cia Danza que presenta "La Cenicienta", a súa última creación. Esta formación, que visita por primeira vez Carballo, ten un corte neoclásico e é a primeira vez que se enfronta a un ballet puramente clásico que conta con música de Prokofiev. Neste caso, aposta polo lado máis humano dos personaxes e por achegalos aos nosos días, o que tamén se traduce no uso de estilos que van desde o ballet clásico ata as linguaxes máis innovadoras e contemporáneas. A proposta de La Mov é unha renovada versión do conto clásico de Perrault. A través de cada un dos seus protagonistas, seres actuais e próximos á realidade, iremos coñecendo o argumento, con toda a temática que engloba este clásico: igualdade, amor, solidariedade, envexa, celos, pero tamén ilusión, soños, moralexas e toda a fantasía dos contos clásicos. Este espectáculo está destinado a cativos e cativas, aínda que tamén pode estar dirixido a todos os públicos. A cita comeza ás 20.00 horas e o prezo da entrada é de 5 € e o prezo reducido (estudantes, maiores de 65 e menores de 12) de 3,50 €.

Compartir: