Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello e a Consellería de Traballo continúan cos contactos para axilizar a posta en marcha do Fórum Carballo

TRAMITACIÓN PARA HOMOLOGAR 15 NOVAS ESPECIALIDADES

O Concello e a Consellería de Traballo continúan cos contactos para axilizar a posta en marcha do Fórum Carballo

Mércores 23 de maio do 2012

O Concello de Carballo e a Consellería de Traballo seguen a manter conversacións para materializar o traslado das oficinas do Servizo Galego de Colocación á nave 2 do complexo Fórum Carballo no barrio da Milagrosa, así como para a homologación das especialidades formativas que se impartirán no recinto, para centralizar todos os servizos relacionados coa formación e o emprego nas novas instalacións e iniciar a actividade o antes posible. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado do Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, vén de manter unha entrevista coa Directora Xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz Lopez, na que tamén estivo presente a Subdirectora xeral de Formación para o Emprego, María Jesús Budiño, na que se avanzou de cara á consecución deste obxectivo. Nestes momentos o Concello está tramitando a homologación de 15 especialidades formativas para o Fórum, ademais das oito xa concedidas hai dúas semanas, e durante a entrevista, de preto dunha hora de duración, tamén se falou dos detalles deste proceso e dos requisitos que se precisan. Concello e Consellería comparten a idea de que é necesario crear grandes centros de referencia, polo que o goberno carballés seguirá traballando e colaborando coas institucións autonómicas para converter o Fórum nun gran centro formativo.

O Descenso do Anllóns e o Concurso de Cachelas 2012 reparten máis de 3.000 euros entre premios e subvencións

INSCRICIÓNS: ATÉ O 20 DE XUÑO NO MUSEO DE BERGANTIÑOS

O Descenso do Anllóns e o Concurso de Cachelas 2012 reparten máis de 3.000 euros entre premios e subvencións

Martes 22 de maio do 2012

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Mar Eirís, informa de que está aberto o prazo para anotarse na XXV edición do Concurso de Cachelas de San Xoán 2012. Poderán concorrer todos os grupos que o desexen, que deberán inscribirse no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 981 702 077) antes das 13.00 horas do mércores 20 de xuño de 2012. Así mesmo, está aberto o prazo para inscribirse no XV Descenso do Anllóns de San Xoán 2012. Poderán concorrer os equipos compostos por 3 ou máis membros que se inscriban no Museo de Bergantiños tamén antes das 13.00 horas do día 20 de xuño. Coa inscrición, cada equipo deberá entregar unha declaración na que farán constar que coñecen o percorrido, que aceptan as bases deste concurso e que eximen de responsabilidades á organización polos accidentes ou danos que puideran ocasionar e/ou sufrir os membros da embarcación. Os menores de idade entregarán tamén unha declaración asinada polo pai, nai, titor/a, autorizándolles a participar. Estes impresos facilítanse coa inscrición. Os interesados e interesadas en consultar as bases ao completo, poden facelo nesta mesma nova en sendos documentos en pdf.

Formación, innovación e venta online: os retos do sector turístico en Carballo e comarca segundo a Cámara de Comercio

O TURISMO ACTIVO: A ÁREA CON MAIOR POTENCIALIDADE

Formación, innovación e venta online: os retos do sector turístico en Carballo e comarca segundo a Cámara de Comercio

Martes 22 de maio do 2012

A formación, a mellora dos procesos de innovación e a aposta polos canais de comercialización online son algúns dos retos que deberá afrontar o sector turístico da Costa da Morte nos próximos anos para adaptarse ao novo modelo económico e aos cambios nos hábitos de consumo. Estas son algunhas das conclusións do estudo "Aproximación dos produtos turísticos emerxentes en Carballo e a súa área de influencia" elaborado en 2011 pola Cámara de Comercio da Coruña a través da Antena Local de Carballo (que conta coa colaboración do Concello) e a través do Observatorio Económico Local. Esta análise vén de ser presentada no Viveiro de Empresas do Polígono Industrial de Bértoa polo presidente da Cámara da Coruña, Marcelo Castro-Rial Schuler; o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e Ángel Noguerol Urrutia, técnico da Antena Local. A presentación tivo lugar despois da reunión mensual do Comité Executivo da Cámara, que por vez primeira se celebrou en Carballo. Durante o acto, Ferrero agradeceu a colaboración da institución cameral e desexou que, coa colaboración de traballadores, empresarios e institucións, "superemos estas circunstancias adversas" e se constitúa, a través do porto exterior, o eixo industrial Arteixo-A Laracha-Carballo, porque "só con proxectos comúns seremos quen de remontar".

Os cativos e cativas do CEIP Fogar abren a semana de actividades do 25 aniversario dos Voluntarios de Protección Civil

AS XORNADAS CONTINÚAN ATÉ O SÁBADO 26 DE MAIO

Os cativos e cativas do CEIP Fogar abren a semana de actividades do 25 aniversario dos Voluntarios de Protección Civil

Luns 21 de maio do 2012

Arredor dun centenar de cativos e cativas do CEIP Fogar de Carballo abriron hoxe a semana de actividades que a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil ten organizado para celebrar o seu 25 aniversario. Despois de ver un vídeo no que se resume a historia da agrupación, os nenos e nenas recibiron unha breve clase teórica no auditorio da nave 1 do Fórum Carballo, para logo percorrer unha exposición na que se exhiben imaxes, vídeos e, sobre todo, grande parte do material que emprega Protección Civil nos seus labores de rescate. Así, hai dende unha zodiac e unha moto de auga, ata material para apagar lumes no monte ou para axudar en toda clase de accidentes. Por último, en grupos de 15, o alumnado asistiu a obradoiros prácticos sobre cómo enfrontarse a lumes en situacións cotiás, dende un incendio nunha tixola ata nun ordenador. Neste último caso, moitos dos rapaces e rapazas tiveron a oportunidade de empregar un extintor para apagar un pequeno incendio. Así mesmo, aprenderon as claves da RCP (reanimación cardio pulmonar) ou as precaucións que deben tomar para non provocar un lume. Este programa repetirase ao longo da semana non só con alumnado doutros centros, senón tamén con colectivos como os maiores dos centros da terceira idade carballeses, a Asociación de Amas de Casa ou Aspaber.

A Xunta de Goberno adxudica a redacción do Proxecto Anllóns-Bardoso de mellora do subministro de auga potable

LUZ VERDE A CONVENIOS PARA A REALIZACIÓN DE PRÁCTICAS LABORAIS

A Xunta de Goberno adxudica a redacción do Proxecto Anllóns-Bardoso de mellora do subministro de auga potable

Luns 21 de maio do 2012

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar fóra da orde do día a adxudicación da "Redacción do proxecto de mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)" cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Será elaborado pola empresa Egis Eyser por un importe total de 73.573,78 euros, cunha baixa de máis de 20.000 euros sobre o prezo de licitación (de 94.362,24 euros). O "Proxecto Anllóns-Bardoso. Posta en valor dos ríos" ten un orzamento global de 4.145.796,5 euros, dos cales 2.902.057,59 euros serán achegados polos fondos europeos. Supón o desenvolvemento de actuacións para repartir a presión da auga entre os ríos Anllóns e Bardoso, facendo a captación dende dúas canles. Estaría prevista a creación dunha nova ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) no río Bardoso e a construción dun depósito regulador intermedio entre o actual depósito do Paraíso (en Berdillo) e o situado na rúa Vila de Corcubión da capital municipal. Esta iniciativa mellorará considerablemente o subministro e a calidade das augas na capital carballesa, ademais da protección do Anllóns en situacións de seca. O seguinte paso, unha vez redactado o proxecto, será a licitación dos traballos, que deben comezar no ano 2012.

A maioría das demandas de veciños e veciñas nos catro primeiros meses de 2012 refírense a actuacións de Carballo Limpo

REXISTRÁRONSE PRETO DE 500 AVISOS NO CONCELLO

A maioría das demandas de veciños e veciñas nos catro primeiros meses de 2012 refírense a actuacións de Carballo Limpo

Venres 18 de maio do 2012

As Brigadas de Obras e Medio Ambiente do Concello de Carballo teñen atendido e solucionado un total de 485 demandas realizadas por veciños e veciñas do municipio durante os catro primeiros meses do ano 2012. Por primeira vez nos últimos anos a maioría destas peticións non se refiren a arranxos no alumeado público, senón que están centradas nas actuacións incluídas dentro do programa Carballo Limpo, con 217 peticións fronte ás 214 de puntos de luz. Carballo Limpo comprende diversas accións destinadas a conservar o medio ambiente grazas á colaboración da veciñanza, e dentro das súas funcións inclúense, por exemplo, os labores de desratización ou os de mantemento dos colectores de recollida de lixo e de recollida selectiva. Inclúe, así mesmo, os servizos do Punto Limpo e o Punto Limpo Móbil, ademais da recollida de cartón pregado a pé de porta. Outras peticións dos veciños e veciñas durante o primeiro cuadrimestre de 2012 céntranse en arranxos e melloras nos sinais informativos e de tráfico (2 avisos), nos servizos de auga, luz ou teléfono (38), no deterioro de equipamentos e mobiliario urbano municipal (5) e en arranxos no sistema viario (9). Os veciños e veciñas poden denunciar as deficiencias ou demandar os arranxos que consideren oportunos a través do número de teléfono 981 704 700 ou ben no correo electrónico <infocarballo@carballo.org>.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil celebra o seu 25 aniversario cunha semana de obradoiros e actividades

ENTRE O DOMINGO 20 E O SABADO 26 DE MAIO NO FÓRUM CARBALLO

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil celebra o seu 25 aniversario cunha semana de obradoiros e actividades

Martes 15 de maio do 2012

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo celebra os seus 25 anos de vida cunha semana chea de obradoiros, prácticas, simulacros e incluso una exposición no recinto Fórum Carballo do barrio da Milagrosa. Entre o domingo 20 e o sábado 26 de maio o alumnado dos centros de ensino do municipio, os maiores dos centros da terceira idade carballeses, a Asociación de Amas de Casa, Aspaber e o público en xeral poderán coñecer de primeira man o traballo da agrupación durante os seus 25 anos de historia, aprender as claves dos primeiros auxilios ou realizar prácticas relacionadas con accidentes e incendios domésticos. Nas actividades programadas está previsto que participen máis de 1.200 persoas da vila, sen contabilizar ao público en xeral, durante os sete días de actos, que principian o domingo 20 de maio coa apertura dunha mostra fotográfica e de material da Agrupación que poderá visitarse na entrada da nave 1 do Fórum. O aniversario péchase o sábado 26 de maio entre as 12.00 e as 14.00 horas cun simulacro no que se realizará o rescate de persoas atrapadas nun vehículo así como a extinción dunha fuga de gas. O presidente da agrupación, José Luis Barca Añón, quixo agradecer a colaboración da Xunta e a Deputación na celebración do aniversario, e especialmente a do Concello de Carballo, que a pesares da situación económica "este ano non recortou nin un so euro" para este departamento.

O Concello recibe un vehículo para o departamento de Servizos Sociais que proporcionará transporte gratuíto a quen o precise

O FINANCIAMENTO CORRE A CARGO DE EMPRESAS DO MUNICIPIO

O Concello recibe un vehículo para o departamento de Servizos Sociais que proporcionará transporte gratuíto a quen o precise

Martes 15 de maio do 2012

O Concello de Carballo vén de recibir de mans da empresa Vehículos Sociales Móviles SL un medio de transporte con capacidade para 9 persoas que aproveitará o departamento de Servizos Sociais. A empresa cede o vehículo para uso municipal durante cinco anos a cambio de insercións publicitarias por parte de negocios do municipio no propio vehículo. Neste caso teñen colaborado un total de 19 empresas. O novo medio de transporte será empregado para proporcionar desprazamentos gratuítos a aqueles que máis o precisen, con especial atención aos beneficiarios/as do Servizo de Axuda no Fogar. Así, esta axuda proporciona coidados de carácter persoal, psicosocial, doméstico e técnico a aqueles/as cidadáns que presenten disfuncións ou discapacidades que lles limiten a súa autonomía persoal e a súa capacidade de relación social, e que teñan dificultades para procurar o seu benestar físico, social e psicolóxico. O Alcalde, Evencio Ferrero, explicou que o proxecto "lévase xestionando durante moito tempo", aínda que a crise atrasou a súa posta en marcha. Agradeceu a participación das empresas porque "nos tempos nos que estamos é difícil, pero tamén é cando a solidariedade se fai máis necesaria". A cita contou coa presenza de representantes das empresas colaboradoras e da Concelleira de Benestar, Silvana Castro.

Carballo festexa o Día das Letras co maratón "As Letras en Voces" e coa música de Sés e "Vitaminas para o galego"

MÉRCORES 16 E XOVES 17 DE MAIO

Carballo festexa o Día das Letras co maratón "As Letras en Voces" e coa música de Sés e "Vitaminas para o galego"

Luns 14 de maio do 2012

O Concello carballés festexa un ano máis o Día das Letras cunha serie de citas arredor da promoción da lingua, o libro e a lectura durante todo o mes de maio. Porén, un dos actos máis tradicionais do Programa das Letras celébrase precisamente o día 17, en que se ten lugar o maratón "As letras en voces", unha lectura pública e colectiva dos autores homenaxeados no Día das Letras na que cada participante le un fragmento literario de calquera dos cincuenta autores que teñen sido recoñecidos este día, con especial atención ao escollido de 2012, o pontevedrés Valentín Paz-Andrade. Paz-Andrade foi un activista na procura do progreso de Galicia e exerceu ese compromiso dende as súas múltiples facianas: político, xornalista, avogado, economista, escritor e empresario. Fundou e dirixiu o xornal de Galicia e dirixiu tamén a revista Industrias Pesqueras. Co maratón de lectura, o Concello homenaxea á lingua galega, un dos expoñentes da nosa cultura, como vehículo de expresión e creación, involucrando aos cidadáns e aos seus representantes educativos, políticos, culturais, sociais e económicos. A cita está aberta á cidadanía, e os interesados e interesadas en reservar horario (dispoñible entre as 11.00 e as 13.30 horas) poden facelo no teléfono 981 704 300; no fax 981 704 302 ou solicitándoo no correo electrónico <cultura@carballo.org>.

O Concello lembra aos veciños e veciñas que a normativa municipal prohibe deixar as deposicións dos cans na rúa

A POLICÍA LOCAL VIXIARÁ O CUMPRIMENTO DA ORDENANZA

O Concello lembra aos veciños e veciñas que a normativa municipal prohibe deixar as deposicións dos cans na rúa

Venres 11 de maio do 2012

O Concello de Carballo solicita aos veciños e veciñas que cumpran coa Ordenanza municipal que regula a protección e tenencia de animais e non deixen os excrementos dos seus cans nas rúas da vila. Así, segundo a norma "queda absolutamente prohibido que os propietarios ou posuidores de cans deixen as deposicións dos seus animais en parques infantís ou xardíns de uso frecuente por parte dos nenos, así coma nas beirarrúas e zonas de paso de peóns, e en xeral, en toda a vía pública". Ademais "as deposicións que se produzan serán recollidas polos propietarios ou posuidores dos cans e colocaranse de maneira hixienicamente aceptable nos colectores de recollida de lixo nos lugares destinados expresamente ao devandito efecto". Por último, "queda prohibido depositalos en papeleiras públicas ou nas entradas das cloacas da rede de sumidoiros". Neste caso as sancións están tipificadas como leves, e poden ir dende os 150 aos 300 euros. Así mesmo, a administración local lembra que hai habilitados no Parque do San Martiño e no Parque do Anllóns espazos especiais para que os cans fagan as súas necesidades para facilitarlle aos veciños e veciñas o cumprimento da Ordenanza. Dende o Concello informan de que a Policía Local vixiará especialmente o cumprimento da norma.

Nenos e nenas de Guadalaxara e Alacante coñecen Carballo e a comarca nun intercambio co CEIP Gándara-Sofán

TRÁTASE DUNHA INICIATIVA ENMARCADA NO PROGRAMA ARCE

Nenos e nenas de Guadalaxara e Alacante coñecen Carballo e a comarca nun intercambio co CEIP Gándara-Sofán

Xoves 10 de maio do 2012

Un grupo de preto de 80 persoas -entre alumnado, nais e pais e profesorado- do CRA (Colexio Rural Agrupado) El Rincón de Castilla de Guadalaxara e do CRA L'Encantada de Alacante están visitando estes días Carballo e a súa contorna no marco dun intercambio co CEIP Gándara-Sofán. Trátase dunha iniciativa incluída dentro do programa ARCE do Ministerio de Educación que ten como obxectivo favorecer a colaboración entre centros para establecer redes ou proxectos comúns que se leven a cabo en equipo entre todas as institucións participantes, así como o coñecemento doutros lugares e culturas. Os nenos e nenas desprazados teñen entre 3 e 12 anos e levan dende o luns realizando actividades como visitas a Santiago de Compostela e A Coruña, á praia de Cabanas e especialmente ás Fragas do Eume, xa que, dentro do programa ARCE, estes tres centros desenvolven o proxecto "Cando os bosques falaban". Hoxe a delegación foi recibida no CEIP Gándara-Sofán polo Alcalde, Evencio Ferrero, e pola Concelleira de Cultura, Mar Eirís, para despois realizar actividades e xogos durante toda a mañá. O centro carballés decorouse coma se dun bosque se tratase e ademais os cativos e cativas celebraron a Festa dos Maios, para exaltar a natureza, a primavera e o mes das flores. Xa pola tarde, desprazaranse ata A Coruña para poder coñecer o Aquarium Finisterrae e a Domus.

O pianista carballés Iago Franqueira participa na III Mostra Musical Eixo Atlántico 2012 en Vilagarcía de Arousa

SÁBADO 12 E DOMINGO 13 DE MAIO

O pianista carballés Iago Franqueira participa na III Mostra Musical Eixo Atlántico 2012 en Vilagarcía de Arousa

Xoves 10 de maio do 2012

O pianista carballés Iago Franqueira, que cursa estudos musicais no Conservatorio Profesional de Música de Carballo dende os 8 anos participa o sábado 12 e o domingo 13 de maio na III Mostra Musical Eixo Atlántico 2012, que se celebra en Vilagarcía de Arousa. Trátase dun certame de carácter bienal que ten o obxectivo de recoñecer, promover, premiar e difundir a práctica da música, apoiando a aqueles músicos intérpretes que polo seu valor e interese poidan contribuír á difusión do gusto pola música de Galicia e do Norte de Portugal, favorecendo a innovación, a calidade, a interacción e a renovación no panorama musical do Eixo Atlántico. A cita xira arredor da música clásica e conta con tres categorías: agrupacións de cámara -de 2 a 6 integrantes-; agrupacións maiores (orquestras, bandas, ensembles, etc.) -a partir de 7 integrantes-; e solistas, categoría na que participa Iago Franqueira no grupo B, de 14 a 18 anos e que ofrece un premio en metálico de 750 euros. Os participantes deben interpretar unha ou varias obras de libre elección cunha duración máxima de 10 minutos, no caso dos solistas, e de 15, nas agrupacións. O sábado 12 desenvólvese a fase previa e as finais son o domingo 13, con 15 participantes (3 por categoría e grupo).

Compartir: