Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Máis de 240 xogadores disputan o VI Torneo Escola Lubiáns de Hóckey a Patíns no Pavillón Bergantiños

VENRES 8 E SÁBADO 9 DE XUÑO DE 2012

Máis de 240 xogadores disputan o VI Torneo Escola Lubiáns de Hóckey a Patíns no Pavillón Bergantiños

Venres 1 de xuño do 2012

Arredor de 240 xogadores de once clubs diferentes, ademais da propia Escola Lubiáns como anfitriona e a Selección Galega Sub-16 de hóckey como invitada, participan o venres 8 e sábado 9 de xuño no VI Torneo Escola Lubiáns de Hóckey a Patíns Concello de Carballo que se celebra no Pavillón Carballo Calero (zona Bergantiños) da capital municipal. A cita conta coa colaboración do Concello de Carballo e o patrocinio de numerosas firmas da comarca e a organización, representada polo presidente de Escola Lubiáns, Fernando Fidalgo, subliñou a axuda recibida por parte dos equipos de base, o que permite contar cunha ampla variedade de clubs. Así mesmo, Fidalgo anunciou que para o próximo ano a cita poderá contar cun equipo da Escola en categoría alevín por primeira vez en moito tempo, e tamén resaltou a importancia especial que se lle quere dar este ano ás Escolas de Patinaxe, coa presenza dunha exhibición das de Coristanco, A Laracha e o CEIP Fogar o sábado 9 ás 18.00 horas e como introducción á entrega de trofeos. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo agradecer o traballo de Escola Lubiáns e "o esforzo que require soportar un club que está indo a máis dende abaixo". Os interesados e interesadas en acudir ao Torneo poden facelo o venres 8 a partires das 16.30 horas até as 22.00 e o sábado 9 de 10.00 a 20.00 horas. Para obter máis información, poden facelo na web de Escola Lubiáns: <www.escolalubians.com>.

O FIOT 2012 aposta de novo pola coprodución con Talía Teatro, o director Xulio Lago e a obra  "O método Grönholm"

ESTREA NO FESTIVAL O XOVES 11 E VENRES 12 DE OUTUBRO

O FIOT 2012 aposta de novo pola coprodución con Talía Teatro, o director Xulio Lago e a obra "O método Grönholm"

Venres 1 de xuño do 2012

A XXI edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo chega no mes de outubro como unha das citas culturais máis relevantes do ano en Bergantiños. Desta volta, o FIOT reserva unha sorpresa coa estrea da súa segunda coprodución teatral, neste caso cunha das compañías máis importantes do panorama escénico galego e coa que o festival ten unha relación moi especial dende o seu comezo: Talía Teatro. O Presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, explica que despois da primeira experiencia de coprodución do Festival con "Un cranio furado" de Producións Teatrais Excéntricas, a idea con Talía é "repetila, ampliala e mellorala" traballando "co mellor e maior representante do teatro da Costa da Morte". O texto é "O método Grönholm" de Jordi Galcerán, "un dos autores máis recoñecidos da escena teatral actual" e a dirección recae en Xulio Lago, un dos nomes de maior prestixio en Galicia, caracterizado pola sua coidada posta en escena. Ademais, Talía estrea a produción no FIOT para recibir o Premio do Público que gañou en 2010 por "Volpone" e que, ademais da distinción, inclúe unha invitación da organización para participar de novo no Festival. A estrea está prevista para o xoves 11 e venres 12 de outubro e Talía abre con esta produción, coa que queren agradecer a fidelidade do público, a celebración dos seus 25 anos, que cumpren en 2013.

O coñecido dúo uruguaio formado por Washington Carrasco e Cristina Fernández actúa o sábado 2 de xuño no Pazo da Cultura

NO AUDITORIO A PARTIRES DAS 21.30 HORAS

O coñecido dúo uruguaio formado por Washington Carrasco e Cristina Fernández actúa o sábado 2 de xuño no Pazo da Cultura

Xoves 31 de maio do 2012

O Pazo da Cultura acolle o sábado 2 de xuño a actuación do coñecido dúo uruguaio formado por Washington Carrasco e Cristina Fernández e por ese motivo foron recibidos na Casa do Concello polo Alcalde carballés, Evencio Ferrero. A idea de realizar este concerto xurdiu nun encontro de asociacións uruguaias na Embaixada en Madrid á que acudiron representantes da entidade carballesa Casa del Uruguay El Ceibo e na que estaba presente o Director Xeral de Vinculación. Así, acordouse que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte xunto co Ministerio de Relacións Exteriores de Uruguay financiasen o desprazamento dos artistas dende Uruguay, mentres que El Ceibo encargaríase dos gastos durante a estadía en Carballo. Carrasco e Fernández, artistas consagrados no seu país e cunha carreira de máis de 35 anos, ofrecerán durante o concerto e baixo o título "El poema y la canción" un repertorio de poesía musicalizada con textos de autores tan coñecidos como Pablo Neruda, poemas como o "Romance del enamorado y la muerte" ou temas como "La era está pariendo un corazón" dun artista como Silvio Rodríguez. Completan o repertorio con poemas e temas galegos como "Negra sombra" de Rosalía de Castro ou "En pé" de Ramón Cabanillas. A cita é a partires das 21.30 horas e a entrada é de balde ata completar o aforo.

O programa de Deporte na Escola contou con preto de 2.000 participantes e pecha coa 21 edición de Xogar na Rúa

SÁBADO 2 DE XUÑO NA PRAZA DO CONCELLO DE 17.00 A 19.30 HORAS

O programa de Deporte na Escola contou con preto de 2.000 participantes e pecha coa 21 edición de Xogar na Rúa

Mércores 30 de maio do 2012

O sábado 2 de xuño a Praza do Concello acolle a 21 edición de Xogar na Rúa, o peche oficial das actividades de deporte municipal en idade escolar 2011-2012 que se agrupan baixo o programa Deporte na Escola. Esa iniciativa pretende fomentar a práctica do deporte entre os nenos e nenas dos centros de ensino do municipio e teñen participado un total de 784 rapaces e rapazas, manténdose a cifra do ano anterior. Así mesmo, desenvolvéronse outras actividades como a celebración da fase local da carreira Campo a Través, a fase final de Natación Escolar, a fase final de Balonmán benxamín, alevín e infantil ou a Liga Escolar Multideporte, acumulándose a participación no curso que agora remata de 1.125 nenos e nenas. Un total de 1.909 cativos e cativas dos que moitos asistirán á Praza do Concello para participar en Xogar na Rúa e nalgunha das 16 actividades que ofrece, como mini basket, xadrez, pista americana, hockey, xogos autóctonos, búfalo mecánico, atletismo ou capoeira. Arredor de 50 monitores e coordinadores velarán porque Xogar na Rúa, que transcorrerá entre as 17.00 e as 19.30 horas, sexa un ano máis un exemplo de convivencia lúdica e participación. O Alcalde, Evencio Ferrero, asegura que lle ten unha lembranza especial de Xogar na Rúa porque o seu primeiro acto oficial como rexedor foi acudir a esta cita e desexou que o tempo acompañe e "que un ano máis sexa un éxito".

O pleno aproba un Plan Económico Financeiro para o Concello que estará vixente durante o período 2013-2015

LUZ VERDE PARA A CREACIÓN DE 64 NOVAS PRAZAS DE ZONA AZUL

O pleno aproba un Plan Económico Financeiro para o Concello que estará vixente durante o período 2013-2015

Martes 29 de maio do 2012

O pleno da corporación vén de aprobar, cos votos a favor de BNG e PSOE e a abstención de PP e TEGA a creación dun Plan Económico Financeiro para o Concello de Carballo que estará vixente durante o período 2013-2015. Trátase dunha medida que marca a Lei para corrixir o resultado da liquidación orzamentaria do ano 2011, que achega un remanente de tesourería negativo para gastos xerais de 1.801.326,58 euros, o que incumpre o obxectivo de estabilidade. Este importe xorde porque o Concello está pendente, entre outros, do ingreso de preto de dous millóns de euros de fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) correspondentes aos traballos do Fórum Carballo, xa rematados e abonados pola administración local. Para corrixir a situación debe elaborarse un plan cunha vixencia de tres anos que servirá de marco referencial e que recolle como única condición que neses tres exercicios o Concello debe contar con 982.131 euros máis de ingresos que de gastos non financeiros no balance orzamentario e recolle a posibilidade de recorrer a un crédito para manter a estabilidade. O pleno tamén supuxo a aprobación por unanimidade da Ordenanza fiscal nº 13 reguladora das taxas pola retirada de vehículos para axustar as sancións ao prezo real do servizo. Até o de agora, o Concello financiaba boa parte do custo da grúa, mentres que con esta modificación os infractores financian o custo íntegro do servizo.

O alumnado da Escola de Arquitectura da Coruña propón solucións urbanísticas para catro espazos do municipio

ÁMBITOS: RÍO ANLLÓNS, A MILAGROSA, LUDOTECA E RAZO-BALDAIO

O alumnado da Escola de Arquitectura da Coruña propón solucións urbanísticas para catro espazos do municipio

Martes 29 de maio do 2012

O alumnado de terceiro curso da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSA) vén de presentar no marco do Fórum Carballo as súas propostas para a remodelación e mellora da contorna urbanística de catro espazos do municipio: tres na capital municipal e un cuarto nas proximidades do espazo natural de Razo-Baldaio. Varios profesores da ETSA falaron dos traballos en nome dos máis de 300 alumnos e alumnas que cursan Proxectos e Urbanismo e que levan traballando todo o curso na creación de solucións e reflexionando sobre as características da vila, as súas problemáticas e as súas potencialidades. Baixo o epígrafe "A maxia e a cidade", o profesorado suxeriu os proxectos de traballo: un arredor do aproveitamento do río Anllóns e a súa conexión co centro carballés; outro sobre a mellora do barrio da Milagrosa coa creación dun centro ecuménico na contorna da Igrexa; un terceiro sobre a ampliación da Ludoteca coa creación dunha Mediateca; e o cuarto sobre a creación dunha vivenda para un mago na contorna do espazo natural de Razo-Baldaio, en concreto nunha parcela situada na vía que une Santa Mariña co peirao de Razo. Segundo explica Felipe Peña, profesor da ETSA coordinador desta iniciativa, o obxectivo foi ofrecerlle ao alumnado "unha realidade estimulante e complexa sobre a que reflexionar" e fomentar, ao mesmo tempo, a posibilidade de que "xurdan ideas para levar a cabo proxectos municipais".

O Quinteto Cimarrón pecha o Programa das Letras 2012 presentando o seu traballo "Vinte cordas"

XOVES 31 DE MAIO ÁS 20.30 HORAS

O Quinteto Cimarrón pecha o Programa das Letras 2012 presentando o seu traballo "Vinte cordas"

Luns 28 de maio do 2012

O Programa das Letras 2012 que organiza a Concellaría de Cultura, remata esta semana cun concerto do Quinteto Cimarrón que ademais, aproveitará a ocasión para presentar o seu traballo discográfico "Vinte Cordas". O Quinteto de cordas Cimarrón, que naceu en 2008, está integrado na súa totalidade por músicos cubanos graduados no Instituto Superior de Música de La Habana e que na actualidade residen en Galicia dedicándose á docencia, e a traballar en orquestras como a Sinfónica de Galicia ou en agrupacións tan coñecidas e exitosas como Luar na Lubre. O concerto deste xoves realizará un percorrido pola música clásica e popular cubana do século XIX e principios do XX. Poderemos escoitar os xéneros máis importantes da música cubana como son a contradanza, o danzón, o son ou a guarija. As obras escollidas mesturan, maxistralmente, tradición e modernidade, unha combinación máxica que se percibe gracias ao tratamento armónico que, o arranxista Eduardo Cana, acadou para cada un deles. Un concerto moi recomendable para todos os públicos que gusten da embelesadora música cubana e, para todos os públicos que queiran descubrir unha nova forma de sentir a música do país que un día foi a nosa segunda patria. Está previsto que o concerto teña lugar no Pazo da Cultura o xoves 31 de maio ás 20.30 horas. A entrada é libre ata completar aforo.

Máis de 80 alumnos e alumnas do CEIP Fogar coñecen de primeira man o funcionamento do Concello e da corporación carballesa

PERCORRERON A CASA CONSISTORIAL E FALARON CO ALCALDE

Máis de 80 alumnos e alumnas do CEIP Fogar coñecen de primeira man o funcionamento do Concello e da corporación carballesa

Venres 25 de maio do 2012

Máis de 80 alumnos e alumnas de 2º de Primaria do CEIP Fogar da capital carballesa veñen de visitar a Casa do Concello e de coñecer in situ o funcionamento do pleno da corporación e dos principais servizos municipais. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, solucionou as principais dúbidas dos nenos e nenas durante preto dunha hora no salón de plenos e despois, en grupos, o alumnado visitou o Rexistro Municipal, a comisaría da Policía Local e as dependencias de Servizos Sociais acompañados dos concelleiros de Obras, Servizos e Medio Rural, Luís Lamas; Medio Ambiente, Deporte, Formación e Emprego, Marcos Trigo; Igualdade e Benestar, Silvana Castro; e de Planificación e Desenvolvemento Urbano e Contratación, Milagros Lantes. O Alcalde contestou a moitas preguntas e curiosidades, moitas delas relacionadas coa súa persoa e referentes á súa idade, ao tempo que leva exercendo de rexedor e nomeadamente referidas á súa laboura como profesor de matemáticas. Especialmente sorprendidos quedaron os rapaces e rapazas ao saber datos como que o Concello carballés conta con 31.500 habitantes, ou que na administración local traballan máis de 200 persoas. Ferrero tamén tivo tempo para darlles algún pequeno consello. "Estudiade ben e sede responsables", recomendou, e "portádeos ben que estades todos fichados", rematou entre risas.

O pleno aborda a aprobación dun Plan Económico Financeiro para o Concello vixente durante o período 2013-2015

CRÉANSE 64 NOVAS PRAZAS DE ZONA AZUL

O pleno aborda a aprobación dun Plan Económico Financeiro para o Concello vixente durante o período 2013-2015

Venres 25 de maio do 2012

A sesión plenaria ordinaria do mes de maio que se celebra o luns 28 inclúe como un dos principais asuntos a aprobación do Plan Económico Financeiro do Concello de Carballo para o período 2013-2015. Trátase dunha medida que marca a Lei para corrixir o resultado da liquidación orzamentaria do ano 2011, que achega un remanente de tesourería negativo de 349.501,10 euros e un remanente de tesourería negativo para gastos xerais de 1.801.326,58 euros, o que incumpre o obxectivo de estabilidade. Este importe xorde porque o Concello está pendente de ingresos de elevada contía por parte doutras administracións, entre os que hai que subliñar preto de dous millóns de euros de fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) correspondentes aos traballos do Fórum Carballo, xa rematados e abonados polo Concello. Para corrixir a situación debe elaborarse un plan cunha vixencia de tres anos que servirá de marco referencial e que recolle como única condición que neses tres exercicios o Concello debe contar con 982.131 euros máis de ingresos que de gastos non financeiros no balance orzamentario e recolle a posibilidade de recorrer a un crédito para manter a estabilidade. O Alcalde, Evencio Ferrero, explica que esta medida non é un plan de axuste dado que o Concello está ao día co pago cos provedores e subliña que a administración local espera consignar o ingreso dos fondos Feder en 2012 e así mellorar as finanzas. A previsión de ingresos do Concello para 2013 é de 19,5 millóns de euros.

O Festival Sereas e Piratas cumpre sete anos mesturando deporte, música e diversión durante dous días na praia de Razo

VENRES 20 E SÁBADO 21 DE XULLO

O Festival Sereas e Piratas cumpre sete anos mesturando deporte, música e diversión durante dous días na praia de Razo

Venres 25 de maio do 2012

O Festival Sereas e Piratas colle novos pulos no seu sétimo aniversario e coa incorporación de novos membros na organización, que recae na asociación 13 Lagartos, desafía á crise ampliando a dous días a súa duración, engadindo un festival diúrno e actividades deportivas e incrementando as actuacións nunha aposta pola promoción da praia de Razo e a súa contorna. A cita é os días 20 e 21 de xullo e conta no cartel con grupos de renome como Triángulo de Amor Bizarro, que actuaron na primeira edición do Sereas e Piratas sendo uns descoñecidos e que agora están na primeira liña da música nacional. O Festival de día terá lugar nunha Terraza-Bar a pé de praia de acceso gratuíto situada a carón do recinto dos concertos nocturnos. O programa recolle a actuación de dj's e de bandas seleccionadas no I Festival online Sereas e Piratas, a primeira edición dun concurso que quere darlle a oportunidade a grupos emerxentes que queiran tocar no festival e que serán elixidos a través de votacións en Facebook. Tamén estarán nesta terraza Perrito Diablo y Los Cadáveras, os carballeses Tínperis ou Dj Teresa da Praia. No caso dos concertos nocturnos, mestúranse grupos galegos con madrileños ou andaluces, buscando a calidade. O venres 20 tocan: Lobishome, Fantasmage, Tora! Tora! Tora!, La Débil e Joe Crepúsculo co peche de Lagartija Dj. O domingo 21 é a quenda de: Los Árboles, Pastillas Mamut, Pony Bravo e Triángulo de Amor Bizarro. Pecha Yo+Yo Dj.

O Trofeo Ciclista Concello de Carballo regresa ás rúas da vila e contará coa participación de 150 corredores

SÁBADO 26 DE MAIO A PARTIRES DAS 15.30 HORAS

O Trofeo Ciclista Concello de Carballo regresa ás rúas da vila e contará coa participación de 150 corredores

Xoves 24 de maio do 2012

O Club Ciclista Carballo Placasa, co patrocinio da administración local, organiza un ano máis o Trofeo Ciclista Concello de Carballo, que se celebra o sábado 26 de maio a partires das 15.30 horas. Está previsto que arredor de 150 corredores chegados de toda Galicia participen nesta cita que este ano regresa ás rúas do centro da capital municipal. Así, e segundo explicaron o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e a presidenta do Club Ciclista, Vanessa Loureiro, decidiuse adiantar a proba e sacala do programa das Festas de San Xoán precisamente para poder desenvolver a proba nas rúas da vila -que nas datas do patrón están ocupadas polos festexos- e para evitar que "quedara diluída no medio das festas", en verbas de Trigo. Loureiro subliña que dende a organización "estamos moi contentos de que a carreira volva a ser no centro do pobo, como hai moitos anos" e desexou que esta circunstancia mobilice a moito público. A cita está dirixida a categorías escolas, cadetes, femias e júnior, sendo o Club Ciclista Carballo Placasa un dos dous únicos clubs de Galicia (xunto con Porriño) que conta con sección feminina. Precisamente o Alcalde, Evencio Ferrero, manifestou a importancia de "apoiar e primar" as iniciativas deportivas para mulleres e agradeceu o labor do Club organizando o trofeo e creando "novos valores do deporte da bicicleta".

O Programa das Letras entra na súa recta final con música de violíns, contacontos e encontros culturais

MÉRCORES 23, VENRES 25 E SÁBADO 26 DE MAIO

O Programa das Letras entra na súa recta final con música de violíns, contacontos e encontros culturais

Mércores 23 de maio do 2012

O Programa das Letras 2012 ofrece, na recta final da súa andaina, varias actividades relacionadas coa música, os libros o teatro e o baile tradicional. A primeira delas é o concerto "Violíns de remate" o mércores 23 de maio. A cita percence ao ciclo de Novos Intérpretes do Conservatorio Profesional de Música de Carballo e ten como finalidade presentar unha mostra de violín de tres rapazas que remataron o sexto curso de Grao Profesional, é dicir, os seus estudos neste centro. No recital interpretarán un variado repertorio de temas e obras que foron aprendendo ao longo destes anos, aínda que se centrarán máis nas dos últimos cursos. As concertistas son Julia Arca, Patricia Fuentes e Nerea Lema, alumnas todas elas de Eduardo Coma, o profesor titular de violín deste centro e violinista de Luar na Lubre. Acompañará a estas tres alumnas a pianista Liutmila Scheviakova. O concerto celébrase no Salón de Actos do segundo andar do Pazo da Cultura a partir das 19.00 horas (non das 20.00 horas como figura no programa de man). A entrada é libre ata completar aforo. A outra cita musical destes días é o sábado 26 cos Encontros Culturais Arume, un festival de música e baile tradicional no Local Social de Berdillo ás 18.30 horas. Organiza a Asociación Xuvenil Arume e a entrada tamén é libre.

Compartir: