Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o IV Autocross Bergantiños, cuarta proba incluída no Campionato Galego 2012

SÁBADO 16 DE XUÑO A PARTIRES DAS 9.00 HORAS

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o IV Autocross Bergantiños, cuarta proba incluída no Campionato Galego 2012

Mércores 13 de xuño do 2012

O Circuíto de Motor de Bértoa é o escenario no que se celebra o sábado 16 de xuño o IV Autocross Bergantiños, unha cita organizada por Escudaría Bergantiños Motor coa colaboración da Federación Galega de Automobilismo, o Concello de Carballo a través de Carballo Deporte e a Fundación Deporte Galego da Xunta. Cúmprense catro anos dende a recuperación do circuíto para a competición e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, subliña a satisfacción de que "cada primavera comecen a ruxir o motores en Bértoa". Francisco Rojo, de Bergantiños Motor, informa de que están inscritos xa máis de 50 pilotos nesta proba puntuable para o Campionato Galego, aínda que a organización espera unha participación duns 80 corredores, xa que continúa aberto o prazoaté o 14 de xuño. Unha das novidades desta edición é a presenza da categoría SuperCrossCar, con vehículos de moitos cabalos e grande envergadura. Rojo subliña que hai posibilidade de que pilotos carballeses poidan subir ao podio en todas as categorías (-1600, +1600, CarCross e SuperCrossCar) xa que hai un total de 19 participantes locais que incluso teñen opcións de gañar. Engade que por primeira vez a proba conta con presenza internacional, coa participación de cinco pilotos portugueses. Por último, Rojo resalta que a única "preocupación" da organización é que o tempo acompañe, xa que a pista está nun estado "inmellorable".

A Aula Municipal de Teatro representa dúas pezas teatrais: "A herdanza" e "Pequeno retablo de verdades e mentiras"

SÁBADO 16 E DOMINGO 17 DE XUÑO NO PAZO DA CULTURA

A Aula Municipal de Teatro representa dúas pezas teatrais: "A herdanza" e "Pequeno retablo de verdades e mentiras"

Luns 11 de xuño do 2012

Dentro do programa de actividades das festas de San Xoán 2012, os dous grupos da Aula Municipal de Teatro de Carballo propoñen dúas representacións ben diferentes para animar a fin de semana do 16 e 17 de xuño. Baixo a batuta de Artur Trillo, coñecido director e actor da compañía ceense Talía Teatro, os veciños e veciñas que se acheguen ao auditorio do Pazo da Cultura poderán desfrutar o sábado con "A herdanza", do grupo de segundo ano; e o domingo con "Pequeno retablo de verdades e mentiras", do grupo de terceiro ano (na imaxe). Estas dúas pezas teatrais son unha oportunidade para entreterse e divertirse con textos con plantexamentos totalmente opostos, xa que "A herdanza" conta unha historia actual sobre as dificultades e situacións cómicas que se producen nunha familia a raíz do legado dun testamento; mentres que "Pequeno retablo de verdades e mentiras" é un espectáculo construído con tres entremeses ambientados no Século de Ouro nos que se xoga coa confusión, os enganos, as sorpresas e o humor. O costumbrismo da época reflicte en situacións inesperadas, nas que os personaxes deben afrontar conflitos e tentar saír con ben de toda clase de leas. Ámbalas dúas citas son ás 21.00 horas e a entrada é de balde con invitación ata completar o aforo.

Pastora Soler protagoniza o San Xoán 2012 xunto coas cachelas, o Rockin, o Descenso do Anllóns e a Festa do Bosque

ACTIVIDADES ENTRE O VENRES 15 DE XUÑO E O DOMINGO 1 DE XULLO

Pastora Soler protagoniza o San Xoán 2012 xunto coas cachelas, o Rockin, o Descenso do Anllóns e a Festa do Bosque

Venres 8 de xuño do 2012

Un ano máis o San Xoán chega a Carballo para conmemorar o solsticio de verán e honrar ao patrón da parroquia, unha tradición que se remonta ao século XVII. Segundo explica a Concelleira de Festas, Belén Lendoiro, trátase dunha cita "moi necesaria para manter a ilusión nestes difíciles momentos". Desta volta o programa inclúe citas habituais dende hai moitos anos, como o Concurso de Cachelas e o Descenso do Anllóns; tradicións recuperadas que cada vez teñen máis peso, como a Festa do Bosque; concertos que regresan tras un pequeno paréntese coma o Rockin; e numerosas citas culturais e deportivas. A presentación principiou coa entrega do premio do Concurso do Cartel de San Xoán 2012. Trátase dunha proposta chea de cor e de animación que representa o máis característico do San Xoán: a cachela. O premio recaeu na pontevedresa María Novas Ferradás, licenciada en arquitectura e afeccionada ao debuxo, ao deseño e á fotografía. Dotado con 450 €, foi entregado por Belén Enríquez como representante de Óptica Enríquez, patrocinadora do concurso dende hai sete anos. A recén estreada presidenta da Comisión de Festas, María José Souto, manifestou a grande "responsabilidade" coa que afrontaron o seu labor, tentando "facelo o mellor que podemos" e "co obxecto de atraer moita xente a Carballo". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, agradeceu á comisión que asumise o labor de programar os actos "no contexto en que nos movemos", cheo de "axustes". Porén, o San Xoán é tempo de celebracións polo que a presentación rematou co desexo do Alcalde de que "non nos falte o humor e que sempre teñamos un molete na mesa".

A organización ADEAC concede o distintivo de Bandeira Azul ás praias carballesas das Saíñas e Pedra do Sal

O SERVIZO DE SOCORRISMO ENTRA EN FUNCIONAMENTO O 11 DE XUÑO

A organización ADEAC concede o distintivo de Bandeira Azul ás praias carballesas das Saíñas e Pedra do Sal

Xoves 7 de xuño do 2012

O Concello de Carballo contará este verán con dúas Bandeiras Azuis nos areais das Saíñas e Pedra do Sal. Trátase dun distintivo que concede a ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) e que recoñece a calidade das praias, así como das súas augas, ademais dos servizos que ten dispoñibles, como o de duchas, áreas de estacionamento, limpeza ou socorrismo. O símbolo da Bandeira Azul recoñece non só a calidade das augas, senón tamén a calidade dos servizos, da xestión ambiental, da seguridade e en xeral das instalacións das que dispoñen as praias, atendendo á accesibilidade, ao feito de que exista recollida selectiva, ao servizo de salvamento e socorrismo, etc. Para conseguir a Bandeira Azul é preciso realizar numerosos controis, entre os que destacan as análises periódicas das augas dos areais. O Concello de Carballo tamén quere aclarar que, aínda que a praia de Razo non obtivo a Bandeira Azul este ano, as súas augas son perfectamente aptas para o baño, estando a súa cualificación entre boa e excelente segundo a normativa europea e estatal de calidade das augas. Así mesmo, Razo destaca pola excelencia dos seus servizos (como a accesibilidade, a limpeza, a seguridade, etc.) e os veciños e veciñas poderán disfrutar do baño e do areal este verán.

Os protagonistas de "Vilamor" promocionan a película na feira e nos centros de ensino antes da estrea: o venres 8 de xuño

A CITA É NOS MULTICINES BERGANTIÑOS ÁS 20.30 HORAS

Os protagonistas de "Vilamor" promocionan a película na feira e nos centros de ensino antes da estrea: o venres 8 de xuño

Xoves 7 de xuño do 2012

O equipo da película "Vilamor", que vén de ser proxectada no festival de Cannes (Francia) e mais no de Cans (O Porriño) está de visita en Carballo até o venres 8 de xuño para promocionar o filme e manter encontros cos veciños e veciñas da vila. Así, están programadas unha serie de charlas tanto nos IES Parga Pondal e Alfredo Brañas como no Colexio Artai, ademais dun encontro cos espectadores que ten lugar o xoves ás 21.00 horas no salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura. O Alcalde, Evencio Ferrero, tamén quixo recibir ao equipo na Casa do Concello, onde estiveron presentes o director Ignacio Vilar, a actriz Sabela Arán e o actor Xoel Yáñez. Tamén falaron coa Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, co Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, e coa Concelleira de Benestar, Silvana Castro. Despois de asinar no libro de honra, os valedores de "Vilamor" deron un paseo pola feira onde estacionaron un vehículo promocional. Ignacio Vilar quixo agradecer a colaboración do Concello para dar a coñecer o filme, que está ambientado na década de 1970. Segundo explica Vilar, a película pode ser atractiva para varias xeracións xa que "acolle aos que eran novos nos 70" e que agora lembran vellos tempos, "e aos que son novos agora". Para os interesados en vela, a estrea en Carballo (con photocall dende as 20.00 horas) é o venres 8 de xuño ás 20.30 horas nos Multicines Bergantiños.

Carballo acolle o 9 e 10 de xuño o III Batizado e Troca de cordas Abadá Capoeira

EXHIBICIÓNS NO PAZO DA CULTURA E NA PRAZA DO CONCELLO

Carballo acolle o 9 e 10 de xuño o III Batizado e Troca de cordas Abadá Capoeira

Xoves 7 de xuño do 2012

O sábado 9 e o domingo 10 de xuño Carballo acolle a celebración do III Batizado e Troca de cordas Abadá Capoeira, unha festa na que se lle da un apelido (alcume) aos capoeiristas noveles, ademais de realizarse a troca de cordas: o cambio de graduación (cinto) dos capoeiristas. Estes eventos soen ir acompañados de cursos impartidos por un capoeirista de sona internacional, e neste caso un dos convidados máis recoñecido é Rogerio Araujo de Barros (Profesor Teco), que comezou a practicar esta disciplina en 1987. Os encargados de organizar esta cita, coa colaboración do Concello de Carballo, son Africa Alberti (Graduada África) e Alejandro Pensado (Graduado Patas), que levan dende 2009 impartindo clases en Don Ximnasio e que colaboraron co Padroado Deportivo Municipal nas tres últimas edicións de Xogar na Rúa, sempre con gran atención por parte dos cativos e cativas. Ademais, a súa roda de capoeira formou parte, nos tres últimos anos, do programa de festas de San Xoán, incluso coincidindo en 2011 coa Festa do Bosque. Alejandro Pensado explica que tentan dirixir a actividade a todos os públicos e o obxectivo desta terceira edición do evento é "consolidar a actividade" e abrila para animar á xente a practicar esta disciplina. Está previsto que na celebración da fin de semana participen uns 35 capoeiristas.

O Concello e o CCA Carballo asinan un convenio de colaboración para dinamizar a actividade comercial da vila

SUBSCRIBIRON O ACORDO O PRESIDENTE DO CCA E O ALCALDE

O Concello e o CCA Carballo asinan un convenio de colaboración para dinamizar a actividade comercial da vila

Mércores 6 de xuño do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o presidente do Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo, Xaime Viqueira, veñen de asinar un convenio de colaboración que ten por obxecto desenvolver medidas de potenciación e posterior execución de actividades para a consolidación dun centro comercial aberto na vila e, como consecuencia, para a dinamización da actividade comercial. Trátase dun acordo con vixencia até o 31 de decembro de 2012 que ten como finalidade establecer un marco de colaboración para a modernización do centro urbano de Carballo en aras de conseguir unha contorna de calidade, na que o urbanismo, o comercio e a hostalería teñen a máxima importancia. Algúns dos obxectivos do convenio son a optimización das prazas de estacionamento; a peonalización e semi peonalización de rúas do centro de Carballo; a dotación de mobiliario urbano e sinalización coherente co proxecto Centro Comercial Aberto; ou a promoción e innovación en xeral do comercio local. Entre as actuacións concretas previstas no acordo, hai que subliñar a organización de Xornadas de sensibilización, formación e reciclaxe, a elaboración do Catálogo do CCA, a realización de enquisas sobre a actividade comercial, o desenvolvemento de medidas que contribúan a mellorar o servizo ao cliente e a imaxe comercial, ou accións publicitarias e de promoción.

O Concello despexa as marxes do Anllóns, acondiciona o Bosque e emprende a limpeza das cunetas do municipio

RETÍRASE O EXCESO DE VEXETACIÓN E LIBÉRASE A CANLE DO RÍO

O Concello despexa as marxes do Anllóns, acondiciona o Bosque e emprende a limpeza das cunetas do municipio

Martes 5 de xuño do 2012

O Concello de Carballo a través da Concellaría de Obras e Servizos, que dirixe Luís Lamas, e da de Medio Ambiente, que dirixe Marcos Trigo, informa de que principiaron esta semana os traballos de limpeza das marxes do río Anllóns nos máis de sete quilómetros que suman as dúas beiras do Paseo que transcorre entre o Muíño do Quinto e o cemiterio de Bértoa. Os traballos, realizados pola Brigada de Obras e Medio Ambiente, céntranse en despexar a canle e en retirar a maleza na zona exterior en tres metros a cada marxe da corrente. Así mesmo, e de cara ás festas de San Xoán, procederase a limpar a contorna do Bosque do Añón. Deste xeito, a zona estará lista para as diferentes actividades que aí se celebran durante os días do patrón, dende o Descenso do Anllóns ata a Festa do Bosque. Por outra banda, a administración local prega aos veciños e veciñas que fagan bo uso do Paseo e que respecten a vexetación, absténdose de arrincar as pequenas plantas que se poden atopar na súa contorna. A Concellaría de Servizos tamén informa de que a Brigada principiou esta semana cos traballos para despexar as cunetas das estradas de acceso aos núcleos do municipio e para limpar as beirarrúas da capital municipal, uns labores que se repiten habitualmente a primeiros do mes de xuño e que se prolongan até o mes de setembro. Estas dúas actuacións están incluídas dentro do programa de mantemento de espazos públicos do Concello.

Os protagonistas da película Vilamor, proxectada no festival de Cannes, visitan Carballo para participar en numerosos actos

XOVES 7 E VENRES 8 DE XUÑO

Os protagonistas da película Vilamor, proxectada no festival de Cannes, visitan Carballo para participar en numerosos actos

Luns 4 de xuño do 2012

Os días 7 e 8 de xuño Carballo encherase de actividades arredor do cine en galego. Ignacio Vilar (director), Rubén Riós (actor), Sabela Arán (actriz) e Xoel Yáñez (actor) estarán na capital bergantiñá participando en diversos actos para facer ver que en Galicia se fai cine, en galego, de calidade e exitoso. É o caso de Vilamor, a película na que eles participan e que se proxectará nos Multicines Bergantiños a partir do venres 8 de xuño. Xa foi vista por miles de persoas en toda Galicia, converténdose nunha das máis exitosas nos cines galegos no que vai de ano, e vén de ser proxectada a pasada semana no festival de Cannes (Francia) e mais no de Cans (O Porriño). As diversas actividades, organizadas en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística municipal para contribuír á difusión do galego no cine, desenvolveranse o xoves 7 e o venres 8 durante todo o día. Nese período, director e protagonistas participarán en charlas co alumnado do IES Parga Pondal, do IES Alfredo Brañas, do Colexio Artai e do CPI Xosé Pichel de Coristanco. Ademais, levarán a caravana Vilamor á feira de Carballo e serán recibidos polo alcalde carballés, Evencio Ferrero, o xoves 7 de xuño ás 12.00 horas, na Alcaldía do Concello.

A Xunta de Goberno aproba dous convenios de colaboración co CCA e Axober para potenciar a actividade económica

LUZ VERDE PARA O PROGRAMA DAS FESTAS DE SAN XOÁN 2012

A Xunta de Goberno aproba dous convenios de colaboración co CCA e Axober para potenciar a actividade económica

Luns 4 de xuño do 2012

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar dous convenios de colaboración co Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo e coa Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) destinados á dinamización da actividade económica. No primeiro caso trátase dun acordo con vixencia até o 31 de decembro de 2012 para o desenvolvemento de medidas de potenciación e posterior execución de actividades para a consolidación dun centro comercial aberto na vila, co desenvolvemento de accións de modernización, innovación e dinamización do comercio local. Entre estas accións hai que subliñar a organización de Xornadas de sensibilización, formación e reciclaxe, a elaboración do Catálogo do CCA, a realización de enquisas sobre a actividade comercial ou accións publicitarias e de promoción. No caso de Axober, o convenio persegue o desenvolvemento de medidas de dinamización empresarial, fomento da emprendeduría e do asociacionismo e consolidación de empresas con actuacións como a celebración de eventos dinamizadores, de formación, información ou promoción. Entre as actividades coas que colabora o Concello a través do convenio están as Xornadas de Enerxías Renovables, ou a elaboración de guías, webs ou catálogos, entre outras. A vixencia estipulada tamén é a até o 31 de decembro de 2012.

A xustiza social que supón a normalización linguística analízase no marco do curso de verán da Universidade da Coruña

NO FÓRUM CARBALLO OS DÍAS 18, 19 E 20 DE XULLO

A xustiza social que supón a normalización linguística analízase no marco do curso de verán da Universidade da Coruña

Luns 4 de xuño do 2012

A Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organizan a oitava edición (a quinta que se celebra en Carballo) do Curso de verán sobre Normalización Lingüística que ten lugar no Fórum Carballo os días 18, 19 e 20 de xullo e que se centra na xustiza social e a normalización da lingua galega. Así, o obxectivo xeral do curso é o e fortalecer a idea de normalización lingüística como causa de xustiza social, de xeito que se procurará amosar a oportunidade e necesidade de conectar e crear vínculos entre diferentes espazos e colectivos que procuran unha maior xustiza social, como os vencellados ao ecoloxismo, o feminismo, a cooperación, a defensa das persoas desfavorecidas, etc. O Reitor da Universidade da Coruña (UDC) Xosé Luís Armesto, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, veñen de asinar o convenio de colaboración entre as dúas entidades para desenvolver este curso. No mesmo acto tamén se presentou o programa da acción formativa, na que poden participar un máximo de 70 persoas. O custo da matrícula é de 70 euros para público en xeral e 30 euros para persoas desempregadas, estudantes ou socias da CTNL, e a inscrición pode formalizarse a través do sitio web da Universidade da Coruña <www.udc.es>.

As rúas Coruña e Hórreo da capital carballesa acollen a exposición "130 anos de Voz" que amosa 60 planas históricas do xornal

PODERÁ VISITARSE ATÉ O 11 DE XUÑO

As rúas Coruña e Hórreo da capital carballesa acollen a exposición "130 anos de Voz" que amosa 60 planas históricas do xornal

Venres 1 de xuño do 2012

A capital municipal carballesa é o escenario até o luns 11 de xuño da mostra "130 anos de Voz" organizada polo xornal La Voz de Galicia con motivo dos seus 130 anos de historia e os 25 anos de La Voz de Carballo. Nela recóllense un total de 60 planas que representan momentos clave na historia da comarca, de Galicia, España e incluso a nivel mundial. Representantes de todos os concellos da Costa da Morte, deputados da bisbarra e a maioría da corporación carballesa incluíndo ao Alcalde, Evencio Ferrero e aos líderes do PP, Alberto Sueiro, de TEGA, Manuel Andrade, e do PSOE, José Antonio Viña -na foto de grupo-, realizaron un percorrido pola mostra, na que se reflicten sucesos de tanta relevancia como as coronacións de Alfonso XIII e Juan Carlos I, o falecemento de Franco, o asasinato de John Fitzgerald Kennedy ou o afundimento do Prestige, sendo unha das portadas máis comentadas durante a inauguración a que recolle o momento en que o buque era engulido polas augas. Porén, as planas que máis chamaron a atención son aquelas máis antigas, remontándose a historia do diario até o 4 de xaneiro de 1882. Ademais, na mostra estiveron representados os integrantes do equipo de La Voz de Carballo co delegado da corporación Voz, Xosé Ameixeiras, como anfitrión.

Compartir: