VENRES 22 E SÁBADO 23 DE XUÑO
Xoves 21 de xuño do 2012
O autor, director de escena, narrador oral, e actor galego Cándido Pazó é o encargado este ano de marcar o comezo das Festas de San Xoán coa lectura do pregón. Recoñecido polo FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) como Xograr de Outono, ten unha estreita relación con Carballo, ademais de ter actuado na vila en numerosas ocasións. A última vez este mesmo ano coa excelente peza "Memorias das memorias dun neno labrego", moi aplaudida polo público. A cita é hoxe, martes 21 de xuño a partires das 21.00 horas, despois do tradicional concerto da Banda Municipal. A orquestra D'Tacon pecha a noite coa primeira verbena das festas. Porén, o primeiro prato forte musical do programa é o festival Rockin, unha das citas que máis público xuvenil ten congregado en anteriores edicións e que regresa este 2012 despois de estar ausente do cartel. Están convidados os grupos carballeses Lowcos e Franc3s, e os ourensáns Burgas Beat. A organización lamenta a baixa de última hora dos cabeza de cartel, os estadounidenses The Blasters, que xustifican a súa ausencia por unha enfermidade do seu vocalista, Phil Alvin, que provocou a súa hospitalización. Porén, estase tentando cubrir esta baixa, aínda que de non ser así, o festival seguirá a súa andaina como estaba previsto. A cita é o venres 22 no Rego da Balsa (nunha carpa situada detrás da antiga estación de autobuses) a partires das 22.00 horas.
A ACTIVIDADE PECHOUSE O SÁBADO 16 CUNHA EXHIBICIÓN
Mércores 20 de xuño do 2012
Boa parte dos participantes no "Programa de Exercicio Físico para Maiores" do Concello de Carballo veñen de pechar o curso nunha sesión dirixida de exercicios físicos no Pavillón Carballo Calero celebrada o sábado 16 de xuño. Esta actividade está organizada polo Concello de Carballo a través das concellarías de Deporte e Terceira Idade e conta coa colaboración da Deputación da Coruña a través de programas de subvencións para proxectos de envellecemento activo. Ao longo do presente curso 2011-12 realizáronse dúas sesións semanais de exercicio físico cos obxectivos xerais de influír na poboación maior conseguindo estilos de vida activos e saudables e manter ou mellorar a calidade de vida da poboación maior mediante a actividade física e a inserción social actuando sobre o proceso natural de envellecemento. Os participantes totais foron 481 o que supón un incremento da participación dun 5 por cento con respecto ao curso anterior. Distribúense en 18 grupos de actividade, estando no pavillón Vila de Noia sete grupos cun total de 231 usuarios. Os restantes 11 lugares de actividade están nas parroquias de Berdillo, Cances, Entrecruces, Imende, Noicela, Oza, Razo, Rus-Outón, Rus-Ramil e Sofán, acudindo 250 alumnos, de xeito que a participación distribuíuse case ao cincuenta por cento entre o medio rural o núcleo urbano.
NO ANDAR -1 ATÉ O 30 DE XUÑO
Mércores 20 de xuño do 2012
A contorna e as paisaxes da comarca -que lle serven de inspiración-, a amizade e contactos que mantén na zona a través da Coral Polifónica de Bergantiños e a boa comida son os tres motivos principais esgrimidos polo artista catalán Francesc Aloy para presentar no Pazo da Cultura a exposición "Rincóns de Carballo e Costa da Morte". Trátase dunha mostra composta por unha serie de pinturas cunha temática realista, impresionista e figurativa na que se recollen procedementos ao óleo, acuarela e cerámica e na que o público poderá desfrutar de diferentes paisaxes da nosa bisbarra cun particular tratamento da cor e a luz. Francesc Aloy coñece Carballo mediante un intercambio coa Coral Polifónica de Bergantiños, colaboradora desta exposición, e dende ese momento comeza a súa relación co municipio. Este autor, que posúe un amplo currículo as súas espaldas, comeza a súa carreira artística nos anos 70 e a partir de entón realiza máis de 140 exposicións en distintos lugares de España e países como: Italia, Inglaterra, Portugal, Rumania, Canadá, Uruguai, Arxentina ou Francia. Os interesados e interesadas en visitar a mostra ou incluso en adquirir algunha das obras colgadas dos muros da sala de exposicións do andar -1 do Pazo, poden facelo no horario habitual de 18.00 a 21.00 horas até o sábado 30 de xuño.
A CAPACIDADE RESIDENCIAL PREVISTA ACADARÍA AS 26.400 VIVENDAS
Mércores 20 de xuño do 2012
A Comisión de Urbanismo vén de manter unha xuntanza na que se estableceron os criterios cos que se vai a traballar para adaptar o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo ao informe previo á aprobación inicial realizado pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, o organismo responsable, en última instancia, da ratificación do documento. O equipo redactor do PXOM informou destas directrices entre as que se atopa a de non renunciar a un concepto de cidade e a de tratar de manter un equipamento mínimo de futuro, así como establecer unha rede viaria estruturada e respectar e delimitar as zonas verdes e espazos de ocio. Mantendo estas pautas, acordouse a redución da capacidade residencial inicial, prevista en 30.000 vivendas, a 26.400, aínda que a rebaixa non chega ás 20.000 propostas polo informe previo da Xunta. Segundo explica a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, os técnicos consideran que unha redución maior no número de vivendas non sería sostible, xa que o número acordado de 26.400 xorde tan só de consolidar os proxectos existentes e completar zonas de espazos urbanizables que están a medias. Engade que se elaborará unha xustificación acerca desta decisión porque o obxectivo é "non crear un PXOM incoherente".
OS FEITOS FORON POSTOS EN COÑECEMENTO DO SEPRONA
Martes 19 de xuño do 2012
O Concello de Carballo, a través das concellarías de Servizos e de Medio Ambiente, vén de denunciar un delicto ecolóxico producido na contorna do Paseo do Anllóns. Así, algunha persoa ou persoas sen ningún tipo de conciencia cívica veñen de crebar arredor de 20 árbores que a Brigada de Medio Ambiente e a Sociedade Venatoria de Bergantiños viñan de plantar recentemente de forma conxunta nas marxes do río para rehabilitar a canle e loitar contra unha praga que estaba afectando aos ameneiros e minguando ás árbores de ribeira. Hai que subliñar que o Concello carballés realiza de forma cotiá labores de mantemento, conservación e posta en valor da ribeira do río Anllóns e do seu paseo e colabora con asociacións de carácter ecolóxico, ademais de por iniciativa propia, no repoboamento e ornamentación destas zonas coa plantación de árbores autóctonas. A administración local quere denunciar este ataque a un ben colectivo e a un recurso natural e vén de poñer os feitos en coñecemento da Policía Local, do Servizo de Medio Ambiente da Consellería de Medio Rural e do Seprona (Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil). O Concello pide a colaboración dos veciños e veciñas para perseguir este tipo de accións e informa de que se porán en marcha todos os medios necesarios para atrapar aos culpables e sancionalos por incorrer nun delicto ecolóxico.
ANÁLISE DA SITUACIÓN DO SECTOR
Luns 18 de xuño do 2012
A Mesa Local de Comercio de Carballo vén de manter unha xuntanza na que un dos puntos da orde do día foi a aprobación do calendario de actividades de promoción do Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo. A reunión enmárcase dentro do compromiso adquirido na anterior sesión, celebrada en febreiro deste ano, de manter citas periódicas, alomenos cada tres meses, co obxectivo de manter informados aos comerciantes sobre temas municipais que poden ter incidencia na súa actividade, como as reformas incluídas no plan de tráfico do Concello ou as medidas adoptadas para mellorar a mobilidade. De feito, outro dos asuntos abordados na reunión foi o de dar conta da recente ampliación da Zona Azul, que recibiu luz verde no pleno do mes de maio. Así, incorpóranse a marxe esquerda impar da rúa Álvarez de Sotomaior; a marxe dereita par da rúa Gravador Manuel Facal; toda a rúa Barcelona até o cruce coa rúa Luís Calvo; e a rúa Luís Calvo na marxe esquerda dos números 11 (intersección coa rúa Saúde) ao 23, ata un total de 64 novas prazas. Por último, un dos obxectivos da Mesa é o de facer un seguimento da situación do comercio local da vila, especialmente nos momentos actuais de crise, como así se fixo durante a xuntanza, na que se analizaron as circunstancias que vive o sector.
SOLICITUDE DE SUBVENCIÓN PARA A ÁREA DE SERVIZOS SOCIAIS
Luns 18 de xuño do 2012
A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar a adxudicación do Convenio Musical 2012, un acordo marco de actuacións musicais a favor de grupos de música e danza tradicional, masas corais, orquestras, conxuntos e bandas de música para o ano 2012, que ten por obxecto contribuír á promoción da música e o folclore que se desenvolve no Concello de Carballo e a difundir o labor que realizan as agrupacións musicais do municipio. Mediante este acordo, o Concello abóalles ás agrupacións asinantes do convenio, que desta volta serán un total de 32, un máximo de dúas actuacións musicais públicas e gratuítas no termo municipal de Carballo durante o ano 2012. O cachet estipulado é de 260 euros para grupos de gaitas (seis), grupos de cantareiras (catro) e masas corais de ata 29 compoñentes (cinco); de 350 euros para grupos de música e danza tradicional (cinco) e para orquestras, conxuntos e bandas de música (sete); e de 425 euros para as masas corais de máis de 30 compoñentes (cinco). O total do gasto previsto é de 19.930 euros. Así mesmo, a sesión supuxo o visto e prace para un convenio entre a Universidade da Coruña (UDC) e o Concello para o desenvolvemento do II Curso de Verán "A evolución do turismo no marco da sociedade global: retos para a súa planificación e xestión", que terá lugar os días 10, 11, 12 e 13 de xullo de 2012 no Fórum Carballo.
PRESENZA DE EQUIPOS COMA O RAYO VALLECANO OU A REAL SOCIEDAD
Sábado 16 de xuño do 2012
As categorías inferiores de oito clubs de renome de España, pero tamén chegados de lugares como Brasil, compiten no VIII Torneo Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo - IV Memorial José Luis Vara Olveira. Rapaces do Deportivo da Coruña, o Celta de Vigo, o Fútbol Club Barcelona, o Rayo Vallecano, a Real Sociedade e o Gomes da Costa -que participan mediante invitación directa- ademais dos anfitrións, as Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz, e o coruñés Victoria CF, gañador da fase previa do torneo, serán os protagonistas dos cruces que terán lugar na fin de semana do venres 22, sábado 23 e domingo 24 de xuño no campo sintético municipal de As Eiroas. Nesta edición hai que apuntar que o Rayo Vallecano e a Real Sociedad visitan o torneo por primeira vez ou a presenza dun equipo brasileiro, o Gómez da Costa, grazas ás xestións de Conservas Calvo. Tamén hai que mencionar a ausencia do Atlético de Madrid, presente nas últimas edicións, ou a consolidación do FC Barcelona, que visita Carballo por terceiro ano consecutivo. Como cada edición, a fase final decídese coa disputa dunha liguilla de 8 equipos todos contra todos entre o venres 22 dende as 18.30 horas e o sábado 23, dende as 10.00 horas e durante todo o día. Está previsto que o domingo 24 se disputen as semifinais e a final, prevista para as 13.10 horas.
O OBXECTIVO É ACADAR A DINAMIZACIÓN ECONÓMICA
Venres 15 de xuño do 2012
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o presidente da Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober), Isidro Varela Bardanca, veñen de asinar un convenio de colaboración para o desenvolvemento de medidas de dinamización empresarial, fomento da emprendeduría e consolidación de empresas no municipio. A finalidade do acordo é a de establecer un marco de colaboración entre as entidades para o desenvolvemento da cultura emprendedora; de accións comunicativas conxuntas; de accións de asesoramento, formación, información, organización e promoción; de dinamización da actividade asociativa, coa colaboración e cooperación empresarial así como de coordinación institucional e empresarial; e para a celebración de eventos dinamizadores. A vixencia do convenio é até o 31 de decembro de 2012, e entre as actividades concretas especificadas que se desenvolverán entre as dúas partes destaca a celebración das Xornadas de Enerxías Renovables, a organización de eventos dinamizadores e publicitarios ou a elaboración de guías, webs, sinalizacion e catálogos xunto co Concello, ata un máximo de 10.000 euros. O acordo implica, así mesmo, a creación dunha Comisión de seguimento que estará formada polo presidente e o vicepresidente de Axober, polo Concelleiro delegado de Promoción Económica e polo Alcalde de Carballo
AS OBRAS COMEZARON A PRIMEIROS DE 2012
Venres 15 de xuño do 2012
O Concello de Carballo informa de que están rematados os traballos para crear unha praza pública en Sofán e ampliar o espazo do adro da igrexa para poder celebrar as actividades parroquiais. Tan só resta a eliminación dun poste do tendido eléctrico por parte de Unión Fenosa -xa que, despois da obra, o servizo estará soterrado- así como a retirada da caseta de obra. O novo espazo conta con máis de 900 metros cadrados e as obras comezaron a principios de 2012 da man da empresa adxudicataria, Decoraciones J. Bello, que asumiu o proxecto por un importe de 160.219 euros. Os traballos sufriron un lixero atraso no mes de abril debido ás abundantes choivas, pero os veciños e veciñas xa desfrutan dende hai uns días de actividades neste espazo, como durante a celebración das festas do Corpus coa procesión e a elaboración da alfombra floral. En todo caso, a praza estará en perfectas condicións para a celebración das festas de San Salvador a primeiros de agosto. Tamén hai que lembrar que este proxecto está incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal da Deputación da Coruña (POS) de 2011, do que xa están rematadas todas as actuacións, un total de catro.
NA SALA DA BAIXOCUBERTA DO 3º ANDAR
Venres 15 de xuño do 2012
A sala da baixocuberta do terceiro andar do Pazo da Cultura de Carballo acolle até o 30 de xullo a exposición "Obras por descubrir", unha mostra colectiva de artistas vinculados con Carballo, incluída no programa das festas de San Xoán, coa que se pretende dar a coñecer os traballos que están a desenvolver. Este grupo aglutina a autores de traxectorias moi distintas e de modalidades artísticas que van dende a pintura á escultura pasando pola fotografía ou o gravado. Esta exposición cumpre cinco anos e xa "é unha cita obrigada no programa das festas", en verbas da Concelleira de Cultura, Mar Eirís. Este ano, a mostra está dedicada ao artista recentemente falecido Alberto Gende, un deseñador gráfico que deixou un legado artístico inesquecible en Carballo producindo a imaxe de campañas comerciais e eventos culturais de diversas entidades, entre elas, do Concello de Carballo, como o Antroido, Venres Culturais, Primavera enDanza, e especialmente o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), para o que traballou realizando os carteis durante 20 anos. O irmán do falecido, Juan Félix Gende, quixo agradecer en nome da familia a lembranza que o Concello e os artistas renden a Alberto, especialmente recordando a súa exposición "Pinturas ocultas", "pola que fixo un esforzo moi grande que ao final pagou a pena". "Obras por descubrir" pode visitarse no horario habitual de 18.00 a 21.00 horas.
DOMINGO 17 DE XUÑO A PARTIRES DAS 10.00 HORAS
Xoves 14 de xuño do 2012
A II Carreira Popular Concello de Carballo que se celebra o domingo 17 de xuño conta cun total de 1.164 persoas inscritas, das que 971 pertencen á categoría absoluta. Así, 75 dos anotados son alevíns, 62 están en categoría infantil, 36 en cadete e 20 en xuvenil, mentres que os 971 restantes compiten con chip no percorrido completo de 10 quilómetros. Estes datos cumpren as expectativas da organización e superan amplamente as cifras da primeira edición celebrada o ano pasado, na que se contou con arredor de 750 corredores. Durante a cita, que principia ás 10.00 horas, está previsto entregar un total de 58 trofeos, entre os que destacan un premio para os primeiros clasificados de Carballo, tanto masculino como feminino; un galardón para o atleta de maior idade ou un para quen acade o récord da proba, que o ano pasado estableceu Manuel Oliver, 'Manute', gañador da carreira e protagonista do cartel deste ano. O Concello de Carballo pide a colaboración expresa do público para facilitar o labor dos 60 voluntarios que coordinan a proba, así como da Policía Local, xa que a cita conta con moitos corredores. Así mesmo, prégase aos participantes que retiren os dorsais con 45 minutos de adianto sobre o horario da carreira para evitar aglomeracións. Os corredores que o desexen, poden consultar o seu número de dorsal premendo aquí.