LUZ VERDE AO INCREMENTO DAS TAXAS DO CONSERVATORIO
Martes 3 de xullo do 2012
A sesión plenaria extraordinaria celebrada o luns 2 de xullo supuxo a aprobación por unanimidade dos membros da corporación de tres mocións, unha presentada na pasada sesión polo PSOE e agora asumida de forma conxunta por todos os grupos políticos con representación, e outras dúas do PP. Entre estas últimas encóntrase unha proposta que solicita a mellora da travesía de Bértoa, con especial atención á seguridade vial e ao pintado dos pasos de peóns na AC-552 Carballo-A Coruña. A moción tamén suxire a elaboración por parte do Concello dun proxecto técnico de mellora da seguridade viaria e de dotación de servizos, beirarrúas e iluminación. O Concello ten elaborado dende o ano 2004 un proxecto para a mellora da travesía de Bértoa que ascende a 1,3 millóns de euros e o goberno local espera que o organismo titular da vía, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, asuma o seu arranxo e mellora. Co apoio de todos os concelleiros saíu tamén adiante a proposta conxunta para solicitar que non se modifiquen as plantas e as taxas xudiciais e evitar un prexuízo para veciños e veciñas. O texto insta ao Goberno de España para que non dea validez algunha á proposta de reforma da planta elaborada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, mantendo as demarcacións que existen na actualidade.
O FÓRUM ACOLLE ATÉ O VENRES 6 UN CURSO DE VERÁN DA UDC
Luns 2 de xullo do 2012
Máis de 35 alumnos e alumnas da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA) da Universidade da Coruña (UDC) reflexionan sobre a forma de "mellorar Carballo", en verbas do profesor da ETSA Cristóbal Crespo, analizando a vila a través da arquitectura, pero tamén a través doutras disciplinas para tentar "propoñer unha reconversión de espazos" e mellorar o "crecemento desordenado" da capital municipal. Así resume Crespo os obxectivos do curso de verán da UDC "Estratexias cidadás para os tempos da crise", que se desenvolve no auditorio da nave 1 do Fórum Carballo e que tamén percorrerá as rúas de Carballo até o venres 6 de xullo. O Alcalde, Evencio Ferrero, lembra que nos últimos meses se veñen realizando estudos e propostas sobre a vila grazas a un acordo coa ETSA para que "durante un curso académico se fixeran reflexións sobre este Concello no que eliximos vivir", ademais de ser un exercicio interesante para "unha xeración que vimos ir caendo un a un todos os símbolos de Carballo", alomenos no que a urbanismo se refire. Ferrero doulles a benvida aos estudantes e desexou "que se saquen conclusións importantes e útiles para a sociedade nun momento coma este, que nos tocou vivir e padecer". Hai que subliñar que, ademais de centrarse nas conferencias, o curso inclúe traballo de campo e a presentación dunhas conclusións como peche.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 2 de xullo do 2012
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adhesión a un convenio de colaboración subscrito entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a actuación en emerxencias e tarefas de Protección Civil e prevención e extinción de incendios forestais. Mediante este acordo a consellería colabora no financiamento dos custos que supoñan a operatividade dun Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) a través dunha achega económica única. A Fegamp é a entidade que recibe os fondos e os transfire ao concello destinatario. O Grumir intervirá en incendios urbanos, en situacións derivadas de riscos naturais, como temporais, sismos ou inundacións, colaborará en situacións de risco provocadas polo home, coordinarase coas autoridades competentes en aglomeracións de persoas ou en temas de seguridade viaria, intervirá en incendios forestais no seu concello e limítrofes, realizará actividades que constitúan medidas preventivas e, en xeral, colaborará con calquera actuación que implique accións de protección civil, medio ambiente, servizos sociais, sanidade, cultura, educación ou deporte. O Concello será o responsable do Grumir, así como da súa organización e coordinación, e deberá dotalo das ferramentas necesarias para o seu labor.
VENRES 3 ÁS 22.30 HORAS NA PRAZA DO CONCELLO
Luns 2 de xullo do 2012
Os Venres Culturais abren a programación do mes de agosto coa actuación do Mago Rafa, que presenta na Praza do Concello o espectáculo "Imaxinarte", no que a ilusión do escenario trasládase ao patio de butacas. A maxia é unha das actividades do Verán Cultural que máis público congrega, xa que atrae aos cativos e cativas pero tamén aos adultos. Neste caso, o Mago Rafa utiliza a maxia como un instrumento entre a imaxinación e a realidade. A proposta mestura estes elementos con soños, creatividade e sentimentos, construíndo un espectáculo no que os xogos de cartas, a adiviñación de obxectos, os mentalismos ou as desaparicións fan as delicias do público asistente. Este mago lucense conta cunha dilatada experiencia como profesional de ilusionismo e como produtor de festivais e espectáculos, e as súas propostas fan que o público de todas as idades sexa partícipe en todo momento. Un dos seus números máis coñecidos "A arte do imposible", está en xira dende o ano 2006. Agora aposta por "Imaxinarte": "Imaxina que podo ler a túa mente. Imaxina un soño de liberdade. Imaxina que podemos cambiar a realidade coas nosas mans. Se es capaz de imaxinar todo isto, deberías acudir". A cita é de balde a partires das 22.30 horas e conta coa colaboración da Deputación.
MOCIÓN DE TODOS OS GRUPOS SOBRE AS PLANTAS XUDICIAIS
Venres 29 de xuño do 2012
A sesión plenaria extraordinaria que se celebra o luns 2 de xullo inclúe entre os asuntos da orde do día a modificación da Ordenanza fiscal nº 18: Taxas do Conservatorio Profesional de Música. O centro conta nestes momentos con 97 alumnos de Grao Elemental e 78 de Grao Profesional e dende 2008 as achegas da Xunta para o mantemento do servizo baixaron de 33.999 euros aos 7.406 recibidos polo Concello en 2011. Nestes momentos, a administración local mantén un déficil de 200.000 euros derivado dos gastos do mantemento do Conservatorio. Por este motivo, defende a necesidade de modificar as taxas incrementando o seu importe, aínda que os usuarios e usuarias contarán coa opción de realizar o pago repartido en trimestres. Así mesmo, o Conservatorio incluirase a partir de agora nas bolsas de estudo que concede o Concello, ás que tan só poderán optar aqueles alumnos e alumnas do municipio, dado que o centro conta con estudantes carballeses, pero tamén cunha importante porcentaxe de alumnado doutros concellos, especialmente en Grao Profesional. As taxas serían, para grao elemental: 285 euros para o curso completo; 50 euros para as probas de acceso; e 70 euros para materias pendentes. Para Grao Profesional serían: 335 euros para o curso completo en 1º e 2º curso, 385 euros en 3º e 4º e 440 euros para 5º e 6º curso; 80 euros para as probas de acceso; e unha taxa de 100 euros para materias pendentes.
HABERÁ COLECTORES EN SETE EDIFICIOS PÚBLICOS DA VILA
Xoves 28 de xuño do 2012
A empresa Reave, Recollidas de Aceite Vexetal SL, e o Concello de Carballo poñen en marcha no municipio un servizo de recollida de aceite de cociña usado que estará a disposición de todos os veciños e veciñas. O aceite vexetal producido durante a preparación dos alimentos ou presente nas conservas vexetais non se debe tirar polos desaugadoiros, xa que obstrúe as canalizacións provocando graves avarías, contamina a auga prexudicando o medio ambiente e ademais pode dificultar o funcionamento das depuradoras. Por iso, é necesario reciclalo para darlle unha nova vida e reconvertelo, principalmente en produtos cosméticos ou incluso para xerar combustible biodiésel. "Dando un paso máis dentro do programa Carballo Limpo", en verbas do Concelleiro de Servizos, Luís Lamas, o Concello facilita a posta en marcha dun sistema moi sinxelo, no que o único que ten que facer a cidadanía é verter o aceite de cociña usado (de xirasol, de oliva, de millo, de soia, etc.) ou o aceite das conservas nun recipiente de plástico. Non deben depositalo nin en latas, nin en vidro, nin en ningún outro tipo de recipiente que non sexa plástico. Logo, deben levar o envase perfectamente pechado aos diferentes colectores de cor laranxa que están situados dende hoxe en varios edificios de titularidade municipal: Casa do Concello, Mercado Municipal, Pazo da Cultura, Fórum Carballo, Ambulatorio Vello, Piscina Vila de Noia e Piscina Carballo Calero.
SÁBADO 30 DE XUÑO E DOMINGO 1 DE XULLO
Xoves 28 de xuño do 2012
As festas de San Xoán 2012 pechan cunha das súas citas máis importantes, unha romaría de veciños e veciñas que dende hai uns anos marca sempre o final das celebracións: a Festa do Bosque. O Bosque do Añón convértese o domingo 1 de xullo no espazo onde os carballeses e carballesas desfrutan coa familia e os amigos dun amplo programa de actividades para todas as idades. A cita principia oficialmente ás 12.30 horas, aínda que a primeira das actuacións musicais está programada na sesión Vermú co Dúo Época, ás 13.00 horas; pola tarde, toca o Grupo de Gaitas de San Cristovo; e a partir das 20.00 horas haberá un concerto de música tradicional. Ás 22.00 horas é a quenda da música de Versión Imposible e pechan a festa a partires das 23.00 horas Lobishome e Metralletas Lecheras. Ademais da música, non hai que esquecer o tradicional Concurso de Sobremesas, patrocinado por Pastelaría San Luís a partires das 16.30 horas; e a 116ª edición do Campionato Mundial de baixada de augas doces de barcos de papel, ás 18.30 horas. Tamén haberá xogos populares ás 17.30 horas. Un programa moi completo que este ano verase lixeiramente alterado pola instalación dunha pantalla xigante para retransmitir ás 20.45 horas a final da Eurocopa 2012, na que compite a selección española despois de clasificarse vencendo a Portugal.
DOAZÓN DO PADROADO DA CULTURA GALEGA DE MONTEVIDEO
Martes 26 de xuño do 2012
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de recibir en representación do Concello tres tomos da primeira edición da obra "Historia de Galiza", coordinada por Ramón Otero Pedrayo, que se publicou entre os anos 1943 e 1956 e da que non hai moitos exemplares. Recolleu estas "xoias", como así as denominou, da man de Ana Lorenzo, presidenta do Padroado da Cultura Galega de Montevideo, e de Antonio García de Seárez, director do programa radiofónico de gran sona "Sempre en Galiza". Foi un "acto simbólico", en verbas de Ana Lorenzo, xa que "esta obra foi feita na emigración e volve como unha forma de unir ás dúas Galicias: a da terra e a que está espallada polo mundo e que é parte desta Galicia tamén". Para Toni de Seárez esta "Historia de Galiza" constitúe un traballo "emotivo", porque "foi feita con moito sacrificio e amor á terra", cando na época franquista "un grupo de bos e xenerosos pensaron que a mellor defensa da nosa terra era a cultura". O traballo comezou a elaborarse en Bos Aires, e debido a súa prolixidade (só o prólogo de Vicente Risco ocupa 135 follas) unicamente se conservan tres tomos, aínda que de tamaño considerable, como chanceaba a bibliotecaria municipal ao collelos para trasladalos ao Arquivo. Ferrero expresou o agradecemento do pobo carballés por esta doazón. "Sentímonos moi honrados e privilexiados", rematou.
ESTAS ENSEÑAS SON CONCEDIDAS POLA ASOCIACIÓN ADEAC
Martes 26 de xuño do 2012
A Bandeira Azul, un distintivo que concede a ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), ondea dende o venres 22 de xuño nos areais de Pedra do Sal e As Saíñas do municipio carballés. Este símbolo recoñece a calidade das praias, así como das súas augas, ademais dos servizos que ten dispoñibles, como o de duchas, áreas de estacionamento, xestión ambiental, seguridade e en xeral as instalacións das que dispoñen os areais, atendendo á accesibilidade, ao feito de que exista recollida selectiva, ao servizo de salvamento e socorrismo, etc. As enseñas foron recollidas o mesmo venres na Rapadoira (Foz) polo Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, nun acto no que estivo presente o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Unha vez en Carballo, o Alcalde, Evencio Ferrero, foi o encargado de proceder ao izado das enseñas acompañado do propio Marcos Trigo e de socorristas e membros de Protección Civil, nunha tarde na que o sol foi o protagonista para acompañar ao segundo día do verán. Para que un areal poida conseguir a Bandeira Azul é preciso realizar numerosos controis, entre os que destacan as análises periódicas das augas. Hoxe en día a campaña da Bandeira Azul desenvólvese anualmente en máis de 40 estados de cinco continentes, incluíndo a práctica totalidade dos estados da Unión Europea.
LEVOUSE A CABO O PULIDO, VERNIZADO E PINTADO DA CANCHA
Venres 22 de xuño do 2012
O Concello de Carballo informa de que veñen de rematarse os traballos para reformar o Pavillón Vila de Noia da capital municipal, que se centraron na renovación da cancha de xogo. Dende a inauguración do edificio, no ano 1988, non se teñen realizado nigún tipo de melloras na pista, que se atopaba bastante deteriorada polo intenso uso das instalacións a pesares da boa calidade do material. Os labores principiaron co lixado e pulido do antigo pavimento, para despois prodecerse á redistribución das liñas de todos os campos (de baloncesto, balonmán, fútbol sala e voleibol) para delimitar as dimensións dos terreos de xogo segundo a normativa que marca o regulamento específico de cada disciplina deportiva. Despois realizouse o vernizado da superficie da cancha, de 42 por 25 metros, na que tamén se incluíu no centro o logotipo de Carballo Deporte. Finalmente, realizouse un novo pulido superficial para despois botar unha última capa de verniz. As características do parqué da pista do pavillón favoreceron a calidade do acabado. Os traballos duraron preto de dúas semanas, e escolléronse as datas por ser unha época na que xa están rematadas as competicións deportivas oficiais e na que aínda non principiaron nos pavillóns as actividades propias do verán, a piques de botar a andar.
SERÁN DO 2 DE XULLO AO 31 DE AGOSTO NO CEIP A CRISTINA
Venres 22 de xuño do 2012
O programa Concilia, unha iniciativa que pretende favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais dos alumnos e alumnas dos centros escolares carballeses de Infantil e Primaria, ofrece por terceiro ano consecutivo a posibilidade durante os meses de xullo e agosto de que os rapaces e rapazas estean atendidos polas mañás, entre as 10.00 e as 14.00 horas, grazas á colaboración coa empresa Axiña Servizos Deportivos. Así, do 2 ao 31 de xullo e do 1 ao 31 de agosto de luns a venres, os cativos e cativas inscritos terán a posibilidade de realizar actividades físicas e deportivas e culturais, con xogos populares, de psicomotricidade, deportes alternativos, tiro con arco, pirámide multideportiva, actividades de orientación ou contacontos motores. Tamén poderán participar en obradoiros de debuxo ou de reciclaxe, así como afondar nas novas tecnoloxías e recibir nocións de inglés. As actividades desenvolveranse nas instalacións do CEIP A Cristina da capital municipal e o Concilia ofrece a posibilidade de que os cativos e cativas tamén estean antendidos entre as 7.30 e 10.00 horas como ocorre durante o trancurso do curso escolar. As Actividades de Verán do programa Concilia están organizadas polo Concello, a través do Departamento de Servizos Sociais, coa colaboración da Deputación provincial e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta.
DOMINGO 24 E LUNS 25 DE XUÑO
Venres 22 de xuño do 2012
O domingo 24 é o día grande das festas de San Xoán, e para ese día está reservado un dos principais atractivos do programa, a actuación da artista Pastora Soler. Despois da tradicional misa solemne e procesión da mañá, chega o igualmente tradicional concerto central das festas. Pastora Soler é unha artista sevillana que comezou a súa carreira en 1994 coa copla, un xénero que aínda lle segue influíndo nas súas cancións e interpretacións. Porén, hoxe en día céntrase máis no pop e nas baladas, pero sen esquecer as súas orixes flamencas. En 2010 celebrou os seus 15 anos no mundo da música cun álbum recopilatorio e obtivo varias nominacións aos Grammy Latinos. En 2011 saca o seu undécimo disco, "Una mujer como yo", co que todavía está de xira e xa en 2012 acadou grandes cotas de popularidade ao participar no festival de Eurovisión e conseguir unha meritoria décima posición. Ademais dos seus grandes éxitos, de seguro que durante a súa actuación volverá a cantar a canción que tan ben interpretou en Baku (Azerbaián) e que foi moi aplaudida polo público do festival e escoitada por 9 millóns de españoles na televisión pública: "Quédate conmigo". A cita é no palco da praza do Concello a partires das 23.00 horas. Cando remate o concerto, sobre as 00.30 horas, continuará a música coa verbena a cargo da osquestra Los Trovadores.