SUBVENCIÓNS PARA ENTIDADES QUE TRABALLEN NOS SERVIZOS SOCIAIS
Luns 16 de xullo do 2012
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar -fóra da orde do día- a licenza para desenvolver as obras de ampliación do CEIP Bergantiños da capital municipal. O seguinte paso é remitirlle a documentación á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para que poida axilizarse o inicio dos traballos. O Concello de Carballo recibiu o luns 9 de xullo no Rexistro de Entrada o proxecto básico e de execución da ampliación tanto en papel como en formato dixital, así como o cuestionario de estatística de edificación e vivenda. Despois de que a Oficina Técnica Municipal analizase a documentación, facilitouse a aprobación da licenza na primeira Xunta de Goberno celebrada dende esa data, unha semana despois. A ampliación do CEIP Bergantiños é unha actuación especialmente necesaria e urxente polos problemas de escolarización experimentados nos centros de ensino do casco urbano previstos para os próximos anos. Así, xa para o presente curso foi preciso incluír nas aulas a arredor de 300 nenos e nenas nacidos en 2008, unha cifra moi elevada, e as ratios para os próximos cursos manteñen parámetros similares. As melloras suporán a creación de 225 novas prazas repartidas en nove unidades de Educación Infantil que contarán con servizos integrados e estarán totalmente equipadas.
A SEGUNDA REUNIÓN SERÁ NO MES DE OUTUBRO
Luns 16 de xullo do 2012
O Fórum Carballo vén de acoller a primeira reunión de traballo do proxecto Rede Xiana 2 cos responsables municipais da comarca e Santa Comba e os representantes da Deputación da Coruña. O proxecto Rede Xiana 2 é unha iniciativa para o fomento do emprego promovida pola Deputación da Coruña e cofinanciada polo Fondo Social Europeo e supón unha axuda para as persoas desempregadas da provincia da Coruña, un compromiso asumido de forma conxunta pola Deputación e os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, unha aposta firme pola creación de emprego e por incrementar as posibilidades de inserción das persoas desempregadas nun panorama laboral actual adverso e combater así de forma coordinada dende o ámbito local o crecente problema do paro. O Concello de Carballo sitúase na Zona 6 do proxecto, xunto con A Laracha, Coristanco, Cabana, Malpica, Ponteceso e Santa Comba. E pretende ser una continuidade do proxecto Rede Xiana 1 en canto a finalidade e obxectivos. A partires do 30 de xullo e até o 28 de setembro os concellos participantes poderán solicitar á Deputación provincial ser entidade sede para impartir os cursos formativos que están incluídos na iniciativa.
VENRES 13 DE XULLO ÁS 20.00 HORAS NO XARDÍN MUNICIPAL
Xoves 12 de xullo do 2012
O programa do Verán Cultural 2012 arrinca cun espectáculo especialmente dedicado aos cativos e cativas a cargo da compañía Pés Ceibes. Así, "Pim pam" conta unha conmovedora historia de amor entre dous monicreques xigantes e moi humanos que conseguirán romper os fíos que os manexan e enfrontarse aos seus manipuladores. Trátase dunha comedia de pantomima e clown que recrea un mundo máxico e evocador no que o público infantil goza dunha historia de humor e fantasía e no que calquera detalle pode converterse nunha metáfora dunha realidade máis próxima. Pés Ceibes nace no ano 2008 amosando o seu teatro polas rúas das principais vilas galegas, e atendendo tamén aspectos escénicos como os monicreques, a pantomima e o clown. A compañía defende o teatro de rúa coma canle de comunicación e expresión e deixando a súa humilde pegada nese xeito especial de achegar o teatro ao público. A cita é no Xardín Municipal a partires das 20.00 horas e está dirixida especialmente ao público infantil, aínda que chega a todos os públicos. Como todas as citas do Verán Cultural, a entrada é de balde. Debido a que neste momento as previsións son de choiva é posible que esta actuación sexa trasladada á Ludoteca Municipal.
COMISIÓN PARA COORDINAR AS ACTUACIÓNS DE TRÁFICO
Martes 10 de xullo do 2012
Os índices de seguridade cidadá recollidos no Concello de Carballo no primeiro semestre de 2012 veñen de experimentar unha tendencia positiva. Así transcendeu na reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade celebrada o martes 10 de xullo na Casa no Concello que foi copresidida polo Subdelegado do Goberno, Jorge Atán Castro, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Así, durante a xuntanza realizouse unha valoración de todos os aspectos que inciden na seguridade cidadá segundo datos estatísticos achegados pola Garda Civil, a Unidade da Policía Autonómica e a Policía Local, datos que manteñen unha comparativa positiva respecto do mesmo período de 2011. Durante a Xunta acordouse continuar na mesma liña de traballo que até o de agora e seguir coordinando a actuación dos corpos de seguridade e, así mesmo, estipulouse a creación dunha comisión específica para coordinar as actuacións da Agrupación de Tráfico e a Policía Local no termo municipal. Ademais do Alcalde e o Subdelegado do Goberno, estiveron presentes na xuntanza a Vicesecretaria Xeral da Delegación do Goberno, Eva Vázquez, o Coronel da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Benedicto González, o Xefe da Policía Local, Constantino Vázquez, o responsable de Protección Civil de Carballo, Javier Souto Facal, a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, e o Concelleiro do PP, José Lado.
NO FÓRUM CARBALLO ENTRE O MARTES 10 E O VENRES 13 DE XULLO
Martes 10 de xullo do 2012
O II Curso de Verán da Universidade da Coruña (UDC) "A evolución do turismo no marco da sociedade global: retos para a súa planificación e xestión" ten o obxectivo de xerar "un grupo de traballo dinámico no ámbito municipal carballés e da Costa da Morte" que teña continuidade no tempo e que, coa colaboración do Concello de Carballo e dos profesionais -con entidades como Aptcm (Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte)- poida servir para "beneficiar ao sector turístico" e que "reverta nalgún pequeno proxecto para dinamizar a zona". Así resume Antón Álvarez Sousa, da Facultade de Socioloxía da UDC e co organizador do curso, as principais arelas desta actividade dirixida tanto ao alumnado da Universidade como aos profesionais do turismo. Para Sousa, o Concello e a UDC queren, con esta iniciativa, "prestar axuda" para contribuír a "que haxa un grupo de poboación interesada no turismo" e a poñer en contacto a alumnos e alumnas, profesionais e institucións cun obxectivo común. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, agradeceu a confianza depositada pola Universidade no Concello, xa que o Curso de Turismo é tan só un dos tres da UDC que o auditorio do Fórum acolle durante o verán, despois da celebración dun sobre Arquitectura a principios de mes e do VIII Curso de Verán sobre Normalización Lingüística que ten lugar a partires do 18 de xullo.
ENTRE O MARTES 10 E O VENRES 13 DE XULLO
Luns 9 de xullo do 2012
A nave 1 do Fórum Carballo acolle a partires do martes 10 de xullo e até o venres 13 o II Curso de Verán da Universidade da Coruña (UDC) "A evolución do turismo no marco da sociedade global: retos para a súa planificación e xestión", dándolle así continuidade á colaboración existente entre a Universidade e o Concello de Carballo, unha colaboración que principiou hai cinco anos coa celebracion na vila do Curso de Verán sobre Normalización Lingüística, que este ano tamén visita Carballo. A iniciativa busca formar tanto a empresarios como a estudantes no campo do turismo, xa que é necesaria a permanente e constante actualización de profesionais que saiban como planificar os nosos recursos e servizos para construír produtos turísticos atractivos, como sector clave no desenvolvemento socioeconómico da zona. O curso está especialmente dirixido a alumnado da UDC ou a titulados en Turismo, ADE, Economía, Xeografía, Historia, Socioloxía, etc., así como a profesionais do turismo, tanto dende o punto de vista da planificación e xestión de destinos, como das empresas relacionadas coa investigación do mercado, marketing, servizos de consultoría, axencias de viaxes, etc. As persoas interesadas aínda poden inscribirse até o luns 9 de xullo ás 14.00 horas na páxina web da UDC (<www.udc.es/occ>), ou no teléfono 981 167 000; extensión: 1963.
A ADMINISTRACIÓN LOCAL AXILIZARÁ OS TRÁMITES NECESARIOS
Luns 9 de xullo do 2012
O Concello de Carballo vén de recibir da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral Técnica que dirixe Jesús Oitavén Barcala, o proxecto básico e de execución dos traballos de ampliación do CEIP Bergantiños da capital municipal co obxecto de que se tramite e conceda a licenza de obra no prazo máis breve posible. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou a vontade da administración local de axilizar os trámites para facilitar que a mellora principie canto antes. Así, a documentación recibida (a través de Rexistro de Entrada do Concello con data do luns 9 de xullo) tanto en papel como en formato dixital, así como o cuestionario de estatística de edificación e vivenda, xa está en poder da Oficina Técnica Municipal para que se analice o proxecto e poida concederse a licenza, sempre cumprindo con todas as garantías técnicas, o antes posible. A ampliación do CEIP Bergantiños é unha actuación especialmente necesaria e urxente polos problemas de escolarización experimentados nos centros de ensino do casco urbano previstos para os próximos anos. Así, xa para o presente curso foi preciso incluír nas aulas a arredor de 300 nenos e nenas nacidos en 2008, unha cifra moi elevada, e as ratios para os próximos cursos manteñen parámetros similares. O proxecto leva enriba da mesa dende o ano 2010.
HORARIOS: DE LUNS A DOMINGO DE 16.00 A 20.00 HORAS
Sábado 7 de xullo do 2012
Un ano máis a explanada do areal de Razo transfórmase nunha pista de volei praia para acoller as Escolas de Verán que organiza o Concello de Carballo xunto coa Asociación Cultural e Deportiva Volei Praia Costa da Morte. Esta iniciativa gratuíta, destinada a favorecer a práctica deste deporte, especialmente entre os máis cativos e cativas coas Pequescolas, complétase coa celebración de dous torneos de volei praia: o 20 e 21 de xullo o Sereas e Piratas; e o V Torneo Concello de Carballo o 19 de agosto. As Escolas desenvólvense cada día entre o 1 de xullo e o 31 de agosto nas pistas habilitadas na explanada de Razo de 16.00 a 20.00 horas (dependendo da afluencia incluso ata as 21.00 horas). Para participar, tan só hai que inscribirse na explanada e seguir as indicacións do persoal responsable da actividade. No caso das Pequescolas, que teñen lugar por segundo ano consecutivo, desenvólvense de 17.00 a 18.30 horas, e están destinadas a nenos e nenas de ata 9 anos que deberán contar coa supervisión dalgún adulto. O obxectivo é inicialos na práctica do volei ademais de fomentar o coidado da praia, e tamén se inclúen outros xogos como carreiras de relevos ou futvólei. Os adultos tamén terán a oportunidade de practicar actividades paralelas, como o mesmo futvólei, frisbee ou palas.
NOITES DE CINE: 16 PROXECCIÓNS NA VILA E NAS PARROQUIAS
Venres 6 de xullo do 2012
O Verán Cultural 2012 ten a vontade de encadrar "unha oferta estable e de calidade" que atenda "os diferentes intereses culturais" dos veciños e veciñas para "enriquecer o tempo de lecer do verán", en verbas da Concelleira de Cultura, Mar Eirís. Un total de once citas nas fins de semana, a maioría no Xardín Municipal e na Praza do Concello, con eventos tan sinalados como o Festival Sereas e Piratas e a Praza dos Libros, conforman un programa no que hai teatro, música, maxia, festivais, exposicións e incluso cursos de verán. Eirís recoñece que desta volta o Verán Cultural é "un pouco máis modesto", aínda que "polo seu volume de espectáculos, segue a ser un referente na comarca" e, a pesares do "descenso nas achegas doutras administracións e os axustes económicos, seguimos apostando polo programa", subliña. As citas desenvólvense entre o venres 13 de xullo e o venres 24 de agosto, a excepción das Noites de Cine, que ofrecen un total de 16 sesións na capital municipal e nas parroquias entre o mércores 11 de xullo e o mércores 22 de agosto, sendo sempre a cita dos mércores no casco urbano. O Concello quere agradecer a colaboración dos patrocinadores como son Ifecgás Pereira, Conservas Calvo, La Caixa, La Voz de Galicia ou a Deputación da Coruña.
CURSO "ESTRATEXIAS CIDADÁS PARA OS TEMPOS DA CRISE"
Venres 6 de xullo do 2012
Máis de 35 alumnos e alumnas da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA) da Universidade da Coruña (UDC) estiveron analizando o casco urbano carballés durante a última semana co obxecto de propoñer solucións para mellorar a capital municipal no marco do curso "Estratexias cidadás para os tempos da crise". Divididos en seis grupos, non só recibiron unha serie de conferencias sobre socioloxía, economía, arte, paisaxe, medios produtivos e arquitectura, senón que realizaron un interesante traballo de campo movéndose pola vila e intercambiando impresións cos veciños e veciñas para ofrecer propostas e solucións que se plasmaron en forma de conclusións en outros seis traballos: "Invasión", "Carballando", "Espazos mixtos", "Quedamos na lembranza", "Ocúpame" e "Outra realidade". Así, analizáronse seis zonas de Carballo que xiran arredor das principais vías que atravesan a vila, con atención ao eixo Carballo-A Coruña, Carballo-Fisterra, Carballo-Santiago, Carballo-Malpica, e ao centro carballés, que se dividiu en dúas zonas nas contornas do Xardín Municipal e do Pazo da Cultura. Cristóbal Crespo, profesor da ETSA e coordinador do curso subliñou que a experiencia serviu para que xurdiran "oportunidades divertidas" para transformar Carballo nunha vila "diferente e orixinal" e con propostas concretas que poden servir para converter no futuro as eivas do casco urbano "en espazos de oportunidade".
EN DÚAS QUENDAS: DO 2 AO 7 E DO 9 AO 13 DE XULLO
Mércores 4 de xullo do 2012
O complexo deportivo As Eiroas acolle en dúas quendas do 2 ao 7 e do 9 ao 13 de xullo o III Campus de Fútbol Base Concello de Carballo que contará en total con máis de 250 participantes chegados de todos os puntos de España e incluso do mundo. Así, xa hai nenos de Suiza, Polonia ou Puerto Rico, así como de Madrid, Murcia ou Toledo, e espérase a chegada na segunda quenda de xogadores de Canadá. A presenza internacional vese favorecida porque por primeira vez o campus ofrece réxime de interinidade, con aloxamento en Carballo. José Ramón Torres Pichel, director das Escolas Luís Calvo, organizadoras da cita, subliña a elevada participación, que duplica a rexistrada en 2010, cando se puxo en marcha a iniciativa por primeira vez. Entre as novidades desta edición, Juan Antonio Ramos e Armando de la Morena, coordinador e director do campus, respectivamente, subliñan a presenza de catro nenas, así como a posibilidade para os participantes, de entre 4 e 16 anos, de ver as súas evolucións en vídeo para poder realizar as correccións. Así, durante as xornadas os cativos realizan rotacións de exercicios nos dous campos de fútbol das Eiroas, abordando diferentes metodoloxías que tamén inclúen unha parte lúdica. Despois, observan unha filmación do seu traballo, detectan os seus erros e fan por mellorar nas seguintes sesións.
VENRES 6, SÁBADO 7 E DOMINGO 8 DE XULLO
Martes 3 de xullo do 2012
O Circuíto de Motor de Bértoa acolle por cuarto ano consecutivo unha proba do Campionato de España de Autocross, o IV Autocross Carballo que se celebra o venres 6, sábado 7 e domingo 8 de xullo. O director da carreira, Ernesto Rumbo, quixo subliñar que a proba "será espectacular", xa que están confirmados un total de 82 participantes, con 40 deles na categoría Car Cross, e figuran "os mellores pilotos". Rumbo quixo destacar as características do circuíto, que mellora ano a ano sendo "cada vez máis rápido" e tendo un elevado nivel de esixencia técnica. Respecto das novidades, o comité organizador, encabezado por Escudería Coruña, quixo subliñar a presenza da RTVG, que a través da canle TVG2 retransmitirá en directo a proba, xa que quedaron moi satisfeitos despois de retransmitir o 16 de xuño dende Carballo o Campionato Galego de Autocross, tendo "todo tipo de facilidades", en verbas de Rumbo. Outra medida que se toma este ano é a de reducir nun 20 por cento o prezo das entradas, para facilitar a asistencia nun lugar de grande afección no mundo do motor como é Carballo. Por último, Rumbo manifestou que a organización será moi estrita con respecto das bebidas alcohólicas, prohibíndose o acceso ao recinto con alcohol ou envases de metal ou vidro. Os interesados/as en consultar os horarios, poden premer aquí.