Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo rexistra en 2011 máis de 1.200 doazóns de sangue, cun incremento dun 10 por cento respecto do ano anterior

CAMPAÑA NA PRAZA DO CONCELLO ENTRE O 2 E O 4 DE AGOSTO

Carballo rexistra en 2011 máis de 1.200 doazóns de sangue, cun incremento dun 10 por cento respecto do ano anterior

Luns 30 de xullo do 2012

O Concello de Carballo rexistrou durante o ano 2011 un total de 1.242 doazóns de sangue, o que supuxo acadar unha taxa de 40 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cifra que se atopa dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). O incremento respecto a 2010 foi dun dez por cento, crebándose así a tendencia no conxunto de Galicia, en que as doazóns descenderon nun 1 por cento. Son datos expostos pola representante do Centro de Transfusión de Galicia, Ángeles Pazos, que quixo agradecer o labor do Concello nas tarefas de chamamento cidadá que se realizan cada ano e que se intensifican especialmente no verán. Así, baixo o lema "Este verán salva vidas. O teu sangue é vida. Compártea", o xoves 2, venres 3 e sábado 4 de agosto unha Unidade Móbil do CTG estará situada na Praza do Concello para contribuír a manter o número de doazóns en 2012. Esta presenza verase complementada por unha campaña coordinada polo Concello, Protección Civil e socorristas pola que se repartirán 500 tarxetóns informativos, ademais de que se usarán as megafonías das praias do municipio para informar do desenvolvemento desta iniciativa e que a veciñanza poidan contribuír a que moitos enfermos recuperen a súa saúde. O Alcalde, Evencio Ferrero, manifestou a súa satisfacción por "comprobar que Carballo é un concello solidario".

Máis de 65 carballeses e carballesas maiores de 60 anos participan en actividades lúdicas na Universidade do Minho

ENTRE O 30 DE XULLO DE 0 31 DE AGOSTO

Máis de 65 carballeses e carballesas maiores de 60 anos participan en actividades lúdicas na Universidade do Minho

Sábado 28 de xullo do 2012

O Concello de Carballo a través do departamento de Servizos Sociais, informa de que un total de 67 veciños e veciñas maiores de 60 anos participan en Portugal durante o mes de agosto nunhas sesións lúdicas e charlas informativas transfronteirizas sobre hábitos de vida saudables. A actividade enmárcase no Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal a través da iniciativa "Envellecemento + Activo" e está financiada con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) da Unión Europea. Neste programa, os Servizos Sociais da Universidade do Minho levarán a cabo a organización de programas semanais para grupos de 100 persoas durante o mes de agosto de 2012. O programa de traballo consiste en: "Mañás activas" con conferencias sobre a "vida activa", "a saúde e a actividade física" e "a saúde e a nutrición"; "Tardes culturais" con visitas guiadas a diferentes lugares das cidades de Braga, Guimarães e Esposende; e "Noites libres", con paseos curtos, actividades de socialización e de ocio. Cada grupo componse de 50 persoas maiores de 60 anos da rexión de Galicia e técnicos acompañantes e 50 do norte de Portugal, que foron seleccionados de entre os concellos asociados involucrados no programa "Envellecemento + Activo", selección realizada en Carballo coa axuda do departamento de Servizos Sociais.

O pleno da corporación aborda a supresión da paga extraordinaria de decembro de 2012 para os cargos electos con retribución

DEBATERASE UNHA MOCIÓN SOBRE OS RECORTES NO RÉXIME LOCAL

O pleno da corporación aborda a supresión da paga extraordinaria de decembro de 2012 para os cargos electos con retribución

Venres 27 de xullo do 2012

A sesión plenaria ordinaria do mes de xullo, que se celebra o luns 30, conta entre os asuntos da orde do día coa supresión da paga extraordinaria do mes de decembro de 2012 aos cargos electos do Concello de Carballo que contan con retribución pola súa dedicación exclusiva, que son o Alcalde, Evencio Ferrero, a Tenente de Alcalde e Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; o Concelleiro de Obras, Servizos e Medio Rural, Luís Lamas; e o Concelleiro de Deporte, Medio Ambiente, Promoción e Emprego, Marcos Trigo. Aínda que a supresión da paga aos traballadores da administración corre a cargo do Estado, dado que as retribucións dos concelleiros reciben a súa aprobación no pleno da corporación, debe ser o mesmo organismo o que dea luz verde á resolución sobre a paga extraordinaria. A medida supón unha redución dun 7,14 por cento nos ingresos anuais para os catro membros da corporación con dedicación exclusiva. Outro dos puntos da orde do día supón a modificación dos integrantes da Mesa Local de Comercio para adaptar a súa composición ás novas directrices establecidas pola Xunta. Así, a representación municipal recollía a presenza de dous membros do grupo de goberno e un do grupo maioritario da oposición. A partir de agora haberá un de cada grupo: o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, polo BNG; e o concelleiro Miguel Ángel Ferreiro, polo PP.

O Fórum estrea a súa oferta formativa desenvolvendo dous cursos de Soldador de Estruturas Metálicas Lixeiras para desempregados

ESTÁN INCLUÍDOS NO PLAN AFD DA XUNTA DE GALICIA

O Fórum estrea a súa oferta formativa desenvolvendo dous cursos de Soldador de Estruturas Metálicas Lixeiras para desempregados

Xoves 26 de xullo do 2012

O Concello de Carballo vén de recibir a notificación da Consellería de Traballo e Benestar pola que se aproba o desenvolvemento de dous cursos de formación ocupacional incluídos no Plan AFD (Accións Formativas para Desempregados) da Xunta de Galicia. Trátase de dous accións formativas de Soldador de Estruturas Metálixas Lixeiras de 653 e 458 horas de duración que se desenvolverán no Fórum Carballo a partires do mes de agosto. Así, a administración local axilizará os cursos o máximo posible xa que deben estar rematados no mes de decembro. Entre o orzamento de formación e o módulo de axudas as actividades teñen unha subvención de 168.461,65 euros. Hai que lembrar que na programación do Fórum xa se tiña concretado a celebración o luns 6 de agosto dun Curso de formación inicial en prevención de riscos laborais do sector da construción, do metal e do vidro, cunha duración de 8 horas presenciais e nun horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas. Organizado polo Concello carballés, en colaboración coa empresa Bergantiños Solucións Laborais SL, o curso está dirixido a persoas desempregadas ou ben traballadores en activo, principalmente nestes sectores, que desexen tramitar, unha vez finalizada a formación, a tarxeta profesional da construción (TPC).

The Cerne e a Orquestra Sinfónica de Melide compoñen na Praza do Concello a "banda sonora" do Verán Cultural

VENRES 27 DE XULLO ÁS 22.30 HORAS

The Cerne e a Orquestra Sinfónica de Melide compoñen na Praza do Concello a "banda sonora" do Verán Cultural

Martes 24 de xullo do 2012

A programación do Verán Cultural no mes de xullo remata co concerto da Orquestra Sinfónica de Melide e o grupo de rock carballés The Cerne que presentan "Bandas Sonoras", unha proposta na que o público gozará das melodías máis célebres do cine. Apoiados polo Ballet Atlántico e os solistas Susana de Lorenzo, Alberto Cunha, Irene Ruiz e Belén Rey e dirixidos por Fernando V. Arias poñerán en escena un entretido programa para todos os públicos. Con esta atractiva proposta musical, que combina a música clásica co rock e coa danza, o Concello de Carballo contribúe á celebración dos 25 anos da creación da edición en Carballo de La Voz de Galicia, que colabora coa organización deste concerto. The Cerne e a Orquestra Sinfónica de Melide xa visitaron o ano pasado o Pazo da Cultura coa súa "Gala Americana", que tivo grande éxito entre o público asistente debido á animada combinación entre gospel, rock e unha selección de cancións e temas de musicais moi coñecidos. Neste caso, o concerto trasládase á Praza do Concello e ten lugar o venres 27 de xullo ás 22.30 horas. A cita é de balde, como todas as incluídas do Verán Cultural 2012, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña, da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e da Xunta de Galicia, ademais do Concello carballés e La Voz de Carballo.

Veciños e veciñas de Carballo acollen a cinco nenos e nenas saharauis durante o verán a través do programa "Vacacións en paz"

RECEPCIÓN DO ALCALDE NA CASA DO CONCELLO

Veciños e veciñas de Carballo acollen a cinco nenos e nenas saharauis durante o verán a través do programa "Vacacións en paz"

Venres 20 de xullo do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recibiu na Casa do Concello a un grupo de cinco nenos e nenas saharauis que a través do programa "Vacacións en paz" están pasando os meses de xullo e agosto con familias de acollida do municipio. A iniciativa desenvólvese a través dun convenio entre a ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e o Concello de Carballo. Mediante este acordo, a administración local selecciona as casas de acollida entre quen o solicite a través do departamento de Servizos Sociais e abona o billete de ida e volta dende Tindouf (Alxeria) a Santiago de Compostela, así como o traslado dende o aeroporto e o seguro de responsabilidade civil, colectivo e de repatriación de tres dos cativos e cativas. O convenio establece que de haber máis beneficiarios -como neste caso, con dous máis- é a ONG quen asume os seus gastos. O programa "Vacacións en paz" preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estadía agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauis. Trátase, xa que logo, de ofrecerlles a estas nenas e nenos nados no medio dun clima de guerra e sometidos ás súas dúbidas, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non so na súa formación, senón tamén a mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento co Pobo Saharaui.

O VIII Curso de Verán "Traballando en lingua" conclúe que cómpre consolidar a normalización lingüística como causa xusta

UN DOS OBXECTIVOS SERÁ APOSTAR POLAS INICIATIVAS LOCAIS

O VIII Curso de Verán "Traballando en lingua" conclúe que cómpre consolidar a normalización lingüística como causa xusta

Venres 20 de xullo do 2012

O Fórum Carballo vén de acoller o peche do VIII Curso de verán da Universidade da Coruña (UDC) sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua", que este ano, no que visita Carballo por quinta vez, centrouse na Xustiza social e a normalización do galego. Durante a última xornada expuxéronse algunhas das conclusións que se tiraron non só durante os relatorios do curso, senón tamén nas mesas redondas e grupos de traballo levados a cabo entre o mércores 18 e o venres 20 de xullo. Entre as ideas, entresacáronse algunhas fundamentais, como o feito de que cómpre consolidar a normalización lingüística como unha causa xusta, ou a necesidade de coidar aos falantes de galego existentes, e non só desenvolver campañas para captar falantes novos. Así, os asistentes subliñan que é necesario crear un discurso positivo de defensa da lingua se renunciar a defender a súa igualdade e afondaron en temas como as novas tecnoloxías, xa que hai que loitar para que o uso de programas informáticos e software en galego non supoña un sobre esforzo para o usuario. Así mesmo, Goretti Sanmartín, directora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC e coordinadora do curso, subliñou a necesidade de "apostar polas pequenas, moitas e moi diversas iniciativas locais" a prol do galego para intentar tecer "unha rede".

Mais de 130 deportistas participan en Razo no Campionato Galego de Salvamento Deportivo - Memorial Carlos Servando

NA EXPLANADA: SÁBADO 21 E DOMINGO 22 DE XULLO

Mais de 130 deportistas participan en Razo no Campionato Galego de Salvamento Deportivo - Memorial Carlos Servando

Xoves 19 de xullo do 2012

A explanada da praia de Razo acolle o sábado 21 e o domingo 22 de xullo o Campionato Galego absoluto de Salvamento Deportivo - Memorial Carlos Servando que reunirá en Carballo a máis de 130 deportistas de oito clubes de toda Galicia. Deles, 80 están inscritos en categoría masculina e 50 en categoría feminina, sendo o club que máis competidores achega o SAPO de Pontevedra e con arredor de 30 participantes procedentes dos clubs de Carballo: o SAL e o SYSCA. Precisamente SYSCA (Salvamento e Socorrismo Carballo) é a entidade encargada da organización coa colaboración do Concello. A proba desenvólvese o sábado e o domingo a partires das 9.00 horas, alternando o sábado probas masculinas e femininas e deixando para a segunda xornada unha das probas máis espectaculares, o taplin, na que se realizan relevos de nado, táboa, ski e unha carreira final para entrar na meta. A entrega de premios está prevista para o domingo ao mediodía. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou a confluencia na mesma fin de semana de espectáculos como o Festival Sereas e Piratas ou de deportes como o volei-praia, o surf e o salvamento. Quixo pedir desculpas por adiantado polas posibles molestias para os usuarios/as do areal.

A Concelleira de Desenvolvemento Urbano inspecciona as obras da nova Biblioteca, que abordan o revestimento da fachada

OS PRAZOS DE EXECUCIÓN MARCHAN SEGUNDO O PREVISTO

A Concelleira de Desenvolvemento Urbano inspecciona as obras da nova Biblioteca, que abordan o revestimento da fachada

Xoves 19 de xullo do 2012

A Concelleira de Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, acompañada do arquitecto municipal, Alfredo Garrote, vén de visitar e supervisar os traballos para a construción da nova Biblioteca, que estará situada entre as rúas Pontevedra e Bos Aires da capital carballesa. As obras marchan segundo o previsto e non debería haber problemas para cumprir co prazo de execución, que finaliza o 31 de decembro deste ano. Nestes momentos, os operarios están realizando o revestimento da fachada con dobres pranchas de cerámica e o seguinte paso será a colocación das carpinterías. Así, nos últimos días tense modificado substancialmente a traza do edificio, aproximándose cada vez máis ao aspecto final previsto no proxecto. A Biblioteca ocupa unha parcela de 1.500 metros cadrados e contará con soto, planta baixa e un andar, ademais dun amplo patio interior. Os traballos foron adxudicados na Xunta de Goberno Local do 6 de xuño de 2011. Un total de 42 compañías optaron á execución do proxecto, que finalmente está levando a cabo Ogmios cun orzamento de adxudicación de 1.199.588 euros. A empresa adquiriu o compromiso de acometer as melloras sen custo adicional que recolle o prego de condicións e que están valoradas en aproximadamente 150.000 euros. O financiamento necesario está sendo achegado na súa totalidade polo Ministerio de Cultura.

A música de Xoán Curiel e as aulas de teatro das universidades de Sevilla e Jaén enchen as citas do Verán Cultural

XOVES 19 E VENRES 20 DE XULLO

A música de Xoán Curiel e as aulas de teatro das universidades de Sevilla e Jaén enchen as citas do Verán Cultural

Mércores 18 de xullo do 2012

O programa do Verán Cultural 2012 continúa a súa andaina con música e teatro. No primeiro caso, trátase do artista Xoán Curiel, que presenta o seu novo disco "Magnético Zen" o xoves 19 de xullo na Cervexaría Dublín a partires das 22.30 horas. Esta actuación está incluída dentro do programa do VIII Curso de verán sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua", que nesta a súa quinta edición en Carballo aborda a temática da Dinamización lingüística e a xustiza social. Así, o concerto está aberto ao público en xeral e ás persoas que participan nesta actividade da Universidade da Coruña (UDC). Xoán Curiel é un dos grandes valores da música galega actual. Mistura pop con influencias de world music, con cancións que agochan sorpresas, cálidas instrumentacións, arranxos atrevidos, influencias da música étnica e letras conectadas co presente. Na súa traxectoria artística destaca a súa versatilidade, xa que participou coma actor, músico, director, cantante ou bailarín en varios proxectos vinculados á música, o teatro, o teatro infantil ou a danza. "Magnétizo Zen" é o seu último disco, no que ofrece a súa particular visión crítica do caos no que se atopa inmersa a sociedade actual. Como todas das citas enmarcadas dentro do Verán Cultural, a entrada é de balde.

A UDC reflexiona sobre dinamización lingüística e xustiza social xa que "coa lingua podemos cambiar aspectos da sociedade"

CURSO DE VERÁN: 18, 19 E 20 DE XULLO NO FÓRUM CARBALLO

A UDC reflexiona sobre dinamización lingüística e xustiza social xa que "coa lingua podemos cambiar aspectos da sociedade"

Mércores 18 de xullo do 2012

"A lingua ten que estar sempre a carón da evolución social", xa que "a partir dela podemos cambiar aspectos concretos da nosa sociedade". Así resumía o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, un dos aspectos do VIII Curso de verán da Universidade da Coruña (UDC) sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua", que este ano, no que visita Carballo por quinta vez, se centra na Xustiza social e a normalización do idioma galego. García Gómez desexou que as sesións que se desenvolven no Fórum entre o 18 e o 20 de xullo "sexan proveitosas" e felicitou ao Concello por terse convertido "nunha referencia inescusable en materia lingüística". Xosé Luís Armesto, Reitor da UDC -organismo organizador do curso xunto coa CTNL (Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua), o Concello de Carballo e a Xunta de Galicia- quixo "alentar ás persoas que decidiron dedicar unhas horas deste 'presunto' verán á reflexionar sobre a dinamización lingüística e a xustiza social", xa que "temos moitas angustias enriba", pero non se debe esquecer o compromiso de "sacar a lingua da discriminación que sofre". O Alcalde, Evencio Ferrero, encargado de pechar a inauguración do curso, desexou que a iniciativa sirva "un ano máis para ofrecer claves sobre a penetración do uso do idioma".

Representantes dos sindicatos agrarios piden en Carballo o apoio dos concellos da comarca para acadar un prezo xusto para o leite

XUNTANZA CON XÓVENES AGRICULTORES, UNIÓNS AGRARIAS E O SLG

Representantes dos sindicatos agrarios piden en Carballo o apoio dos concellos da comarca para acadar un prezo xusto para o leite

Mércores 18 de xullo do 2012

Os secretarios xerais do Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores -Isabel Vilalba, Roberto García e Francisco Bello, respectivamente- veñen de reunirse no salón de plenos da Casa do Concello de Carballo coa maioría dos alcaldes ou tenentes de alcalde dos municipios da Costa da Morte -entre os que se atopaba o anfitrión, o rexedor carballés Evencio Ferrero- para expoñerlles a difícil situación pola que atravesa o sector lácteo galego. Así, e dado que o problema afecta á ampla maioría dos municipios de Galicia e que pode ter consecuencias negativas para o emprego, as organizacións sindicais están poñendo en marcha unha campaña de sensibilización, da que a xuntanza cos rexedores de Bergantiños e a Costa da Morte forma parte. Entre as medidas que solicitan os sindicatos, está a de acadar o apoio institucional dos concellos para reivindicar ante a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente un prezo do leite igual ao do resto das comunidades autónomas, xa que en Galicia é o máis baixo de todo o Estado e incluso da Unión Europea, tendo o produto a mesma calidade, ou incluso superior. Este apoio plasmaríase na aprobación de mocións a prol do sector leiteiro nos plenos municipais. Hai que lembrar na Costa da Morte hai rexistradas arredor de 600 explotacións que están padecendo esta situación.

Compartir: