Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello solicita un obradoiro de emprego de hostalería ao abeiro dos programas de formación da Xunta para 2012

O FÓRUM XA ACOLLE AS PRÁCTICAS DO CURSO DE SOLDADURA

O Concello solicita un obradoiro de emprego de hostalería ao abeiro dos programas de formación da Xunta para 2012

Venres 24 de agosto do 2012

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Formación e Emprego que dirixe Marcos Trigo, informa de que a administración local ten previsto solicitar un Obradoiro de emprego de Hostalería ao abeiro da Orde do 27 de xullo de 2012 da Consellería de Traballo e Benestar pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia. Os obradoiros de emprego están dirixidos a persoas maiores de 25 anos que estean inscritas no Servizo Público de Emprego. O obxectivo destas iniciativas é o de procurar a inserción laboral posterior dos seus participantes, cun obxectivo mínimo dun dez por cento das persoas desempregadas participantes. Os obradoiros de emprego teñen unha duración de seis meses, así como unha única etapa de formación en alternancia coa práctica profesional, que tamén está dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional. Finalizada a súa participación na iniciativa, os alumnos e alumnas recibiren un certificado en que consta a duración en horas da súa participación no programa, así como o nivel de formación teórico-práctica adquirido e os módulos formativos cursados. A Consellería de Traballo e Benestar fará pública a súa resolución nos seis meses seguinte á presentación da solicitude, que debe formalizarse antes de primeiros de setembro.

Máis de 500 persoas participaron na xornada lúdica do V Torneo de Volei Praia Concello de Carballo

HOUBO ARREDOR DE 200 XOGADORES E XOGADORAS EN COMPETICIÓN

Máis de 500 persoas participaron na xornada lúdica do V Torneo de Volei Praia Concello de Carballo

Xoves 23 de agosto do 2012

Máis de 500 persoas participaron o domingo 19 de agosto na xornada lúdico deportiva do V Torneo de Volei Praia Concello de Carballo. En competición houbo 200 xogadores e xogadoras e máis de 300 veciños e veciñas se involucraron nas actividades paralelas, como lanzamento de ósos de ciruela e de pedras, frisbee-gol, tiro da corda, trueirocesto ou os concursos de Miss bikini ou Míster bañata. A cita desenvolveuse durante toda a xornada -de 11.00 a 20.00 horas cun descanso para comer- no areal de Razo, baixo a organización da Asociación Deportiva Cultural de Volei Praia Costa da Morte. As categorías máis desputadas foron as sénior. Na masculina participaron oito parellas. A final gañárona Manuel Seoane e Rubén Rodríguez (A Coruña) ante Cristian Pallas e José Manuel Paradelo (Carballo), por 2-1 (21-16, 15-21 e 15-11), e estes eliminaron a outra parella favorita formada por David Rodríguez e David González (A Coruña). En sénior mixto competiron dezaseis parellas. A final foi entre Rubén Rodríguez e Marta González, (A Coruña) que se impuxeron a David e Olga (A Coruña), por 2-1. En categoría súper 80 masculina participaron 12 parellas. Os campións foron Alfonso Paradelo e Juan Gende (Carballo) ante José Liboreiro e Rosalino Mariño (Noia-Carballo), por 21-16.

O Parque de Rego da Balsa acolle o 25 e 26 de agosto Berocasión, a feira de vehículos de ocasión de Carballo

EN HORARIO DE 10.00 A 22.00 HORAS

O Parque de Rego da Balsa acolle o 25 e 26 de agosto Berocasión, a feira de vehículos de ocasión de Carballo

Xoves 23 de agosto do 2012

Un ano máis un grupo de profesionais do automóbil de Carballo (Automóviles Dimolk, Gonzacar, Automóviles Vilas Rama, Motor Carballo e Talleres J. Lema) coa colaboración do Concello de Carballo únense para organizar a feira de vehículos de ocasión da capital de Bergantiños. Esta cita supera cada ano as expectativas en canto a número de visitantes e vendas realizadas. Esta nova edición celébrase o sábado 25 e o domingo 26 de agosto en horario de 10.00 a 22.00 horas no Parque de Rego da Balsa do centro carballés nas rúas Ánxel Fole, Enrique Sánchez e Avilés de Taramancos. Vehículos seleccionados de todas as marcas nacionais e de importación teñen cabida en Berocasión, que prevé que sexan expostos entre 200 e 300 coches, entre kilómetro 0, seminovos, furgonetas, turismos, todoterreos e outros. Este ano a feira tamén se deixa ver polas redes sociais, coma por exemplo Facebook en facebook.com/berocasion. O evento xa ten máis de 1000 persoas invitadas, e preto de 100 xa confirmaron a súa asistencia. O máis destacado desta nova cita de Berocasión é que coincide cunha data clave no calendario. Trátase do último fin de semana de agosto, e, polo tanto o último no que o IVE do sector tributa ao 18 por cento, xa que a partir do 1 de setembro pasará ao 21. Este factor permitirá aos visitantes que decidan realizar a súa compra aforrar entre 300 e 600 euros.

Do rap aos arrolos, da literatura ao pan, na Praza dos Libros de Carballo: entre o 23 e o 26 de agosto

FEIRA LITERARIA NO XARDÍN MUNICIPAL

Do rap aos arrolos, da literatura ao pan, na Praza dos Libros de Carballo: entre o 23 e o 26 de agosto

Venres 17 de agosto do 2012

O Concello de Carballo, desde a Concellaría de Cultura, organiza un ano máis a Praza dos Libros, unha feira literaria que ten lugar entre o xoves 23 e o domingo 26 de agosto no Xardín Municipal da capital bergantiñá. Ao longo dos catro días de feira haberá un intenso programa de actividades de difusión da creatividade cultural galega para todos os públicos, e serán presentadas catorce novidades. Na Praza dos Libros haberá nove stands. Un do Concello de Carballo e oito librarías: Brañas e Trasgo (de Carballo), Como unha novela (da Laracha), Roget (de Vimianzo), Couceiro (da Coruña) e Editores de Compostela e Pedreira (de Santiago de Compostela). Durante os catro días, todos os libros terán un desconto do 10 por cento sobre o seu prezo habitual. Ademais, todas as persoas que merquen na feira participarán en sorteos diarios de lotes de libros. Ao lado das creacións culturais estarán os mellores produtos da zona, pois o xoves 23 e o domingo 26 pola mañá a Praza dos Libros convive coa Feira Tradicional de Carballo e durante toda a mañá do domingo 26 todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pan da marca Pan de Carballo. A Praza dos Libros, que se desenvolve desde o ano 2006, está organizada polo Concello de Carballo, coa colaboración de Conservas Calvo. O horario de apertura das casetas é de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 21.30 horas.

O polígono de Bértoa carballés acolle o 25 de agosto o cuarto circuíto BTT (Bibicleta Todo Terreo) 12 horas

INSCRICIÓNS ATÉ O 15 DE AGOSTO

O polígono de Bértoa carballés acolle o 25 de agosto o cuarto circuíto BTT (Bibicleta Todo Terreo) 12 horas

Martes 14 de agosto do 2012

A Asociación Deportiva Media Ducia organiza, coa colaboración do Concello de Carballo, a carreira "IV Circuíto BTT 12 horas", unha marcha cicloturista de velocidade libre de carácter lúdico dirixida a todo aquel deportista sub-23 con ou sen licenza. A proba ten lugar o domingo 25 de agosto entre as 10.00 e as 22.00 horas e acolle a participación individual ou por equipos formados por entre un e catro corredores. A proba disputarase por relevos sobre un circuíto de arredor de 10 quilómetros con saída e chegada no Polígono de Bértoa de Carballo. Por ser unha proba de carácter "non competitivo" non se realizan clasificacións, pero si está prevista a entrega de diplomas, camiseta conmemorativa e agasallos. Así, a cita contara co atractivo de que na entrega de diplomas estará presente o Campión do mundo de Raid de 2010 Fran López Costoya. As inscripcións deberán realizarse de forma online, a través da página web <www.magmasports.es> cubrindo o boletín unha vez efectuado o pago nunha conta do Banco Pastor. O prezo de inscrición, que inclúe almorzo, comida, cea e avituallamento, é de 30 euros para ciclistas federados, e de 42 euros para non federados, aínda que tamén é posible a inscrición só con almorzo e avituallamentos por 20 euros para federados e 32 para non federados.

A parroquia de Sofán estrea a súa nova Praza pública coa celebración das festas de San Salvador

LUNS 6, MARTES 7 E MÉRCORES 8 DE AGOSTO

A parroquia de Sofán estrea a súa nova Praza pública coa celebración das festas de San Salvador

Luns 6 de agosto do 2012

A parroquia de Sofán estrea a súa nova Praza pública situada no adro da Igrexa coa celebración das festas do seu patrón, San Salvador, que teñen lugar entre o luns 6 e o mércores 8 de agosto. Este novo espazo de lecer xa ten acollido varias celebracións dende o seu remate, a mediados de xuño, como a celebración das festas do Corpus coa procesión e a elaboración da alfombra floral. Porén, as festas máis importantes da parroquia serven como improvisada inauguración para esta praza, de máis de 900 metros cadrados, na que durante estes días pasarán orquestras como Ciclón, Madeira, Panorama, Metrópolis, Diamante, Palladium ou incluso a disco móbil Factory. O fútbol, as exhibicións de bailes de salón, a caza ou o Día do neno tamén forman parte do programa. As obras comezaron a principios de 2012 da man da empresa adxudicataria, Decoraciones J. Bello, que asumiu o proxecto por un importe de 160.219 euros. Este proxecto estivo incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal da Deputación da Coruña (POS) de 2011, do que xa están rematadas todas as actuacións, un total de catro, que supuxeron a mellora de vías e a creación de redes de saneamento.

O Concello lembra que está prohibida a permanencia de cans e outros animais nas praias do municipio durante o período estival

AS INFRACCIÓNS VAN DOS 150 AOS 300 EUROS

O Concello lembra que está prohibida a permanencia de cans e outros animais nas praias do municipio durante o período estival

Sábado 4 de agosto do 2012

Ante as infraccións detectadas nos últimos días nalgúns dos areais do municipio, o Concello carballés quere lembrar aos veciños e veciñas que, segundo a Ordenanza reguladora da limpeza, salubridade e hixiene, está prohibida a circulación ou permanencia de cans e outros animais nas praias durante o período estival, comprendido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro. Así, o incumprimento desta normativa supón sancións por infracción leve que van dende os 150 ata os 300 euros. A administración local lembra que as praias son espazos públicos e de lecer que deben poder desfrutar todos os veciños e veciñas, especialmente durante o verán. Ademais, a ordenanza determina que, con carácter xeral, nos espazos públicos do municipio os animais deberán circular suxeitos con correa ou cadea, e con colar con identificación do propietario, sendo recomendable o uso do bozo ou bocal. Así mesmo, no caso de cans potencialmente perigosos será obrigatoria a utilización de correa ou cadea de menos de dous metros de lonxitude, así como un bocal homologado e axeitado para a súa raza, e en ningún caso poderán ser conducidos por un menor de dezaseis anos. O Concello solicita a colaboración dos veciños e veciñas para axudar ao cumprimento da normativa e prega a quen detecte este tipo de infraccións que o poña en coñecemento da Policía Local no 981 701 722.

O Concello pasa o ecuador dos labores de desbroce das vías do municipio, nos que se percorre o casco urbano e as parroquias

A BRIGADA DE OBRAS TEN ATENDIDO 768 AVISOS NO QUE VAI DE 2012

O Concello pasa o ecuador dos labores de desbroce das vías do municipio, nos que se percorre o casco urbano e as parroquias

Venres 3 de agosto do 2012

O Concello, a través da Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas, e da de Medio Ambiente que dirixe Marcos Trigo, informa de que se están realizando nestes momentos os labores de desbroce das vías e a limpeza de beirarrúas do municipio, sobrepasándose nestes momentos o ecuador dos traballos, seguindo unha ruta que inclúe todas as parroquias de Carballo. Comezouse no casco urbano e arredores, onde xa se rematou, e nestes momentos xa se finalizou tamén en parroquias como Rus, Ardaña, Aldemunde, Razo, Lema ou Sofán, entre outros puntos. Hai dous tractores realizando o desbroce, estando o primeiro deles -contratado ex profeso para este labor- casi rematando a limpeza en Oza e principiando en Cances, mentres que o da Brigada de Obras xa está en Bértoa. Hai que lembrar que o Concello carballés realiza cada ano traballos de mantemento das vías, beirarrúas e espazos públicos na tempada de verán en todos os puntos do municipio. Respecto dos labores da Brigada de obras, hai que mencionar que tamén son os responsables de atender as demandas dos veciños e veciñas, que no que vai de ano ascenden a un total de 768. A maioría delas refírense a arranxos no alumeado público, con un total de 362. No que vai de período estival, nos meses de xuño e xullo téñense rexistrado 178 avisos, cun lixeiro descenso respecto de meses anteriores.

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o 5 de agosto a segunda proba do Campionato Galego de Quadcross

A PARTIRES DAS 15.30 HORAS ADESTRAMENTOS E CARREIRAS

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o 5 de agosto a segunda proba do Campionato Galego de Quadcross

Mércores 1 de agosto do 2012

Un total de 17 pilotos compiten o domingo 5 de agosto na segunda proba do Campionato Galego de Quadcross que se celebra no Circuíto de Motor de Bértoa. Daniel Remuiñán e Alejandro Barca, dous pilotos da escudaría organizadora, Norte Motor, conforman a participación local nunha cita na que o primeiro é o favorito para a victoria, xa que, aos seus 16 anos, está clasificado en primeiro lugar tanto no Campionato Galego como no Campionato de España. A cita conta con dúas categorías Q1 e Q2, ademais de iniciación, e comeza ás 11.30 horas coas verificacións técnicas. Porén, até as 15.30 horas non principian os adestramentos cronometrados, aos que seguirán as carreiras. A entrega de premios está prevista para as 18.00 horas. Luís Remuiñán, de Norte Motor, quixo invitar a todos os veciños e veciñas a que asistan á proba, xa que, como chanceaba, non está previsto que faga demasiado sol durante a fin de semana, co cal o Quadcross pode ser unha alternativa perfecta para a praia. Tamén quixo subliñar o feito de que a organización, para favorecer a asistencia, ten previsto permitir a entrada gratuíta para nenos e nenas menores de 12 anos. A entrada para o público en xeral ten un custe de 5 euros e na cita colabora o Concello a través de Carballo Deporte.

A mesa de contratación propón á empresa Urbaser para asumir a concesión do servizo de recollida de lixo do Concello

O IMPORTE ANUALE É DE 740.000 EUROS CON IVE

A mesa de contratación propón á empresa Urbaser para asumir a concesión do servizo de recollida de lixo do Concello

Martes 31 de xullo do 2012

A mesa de contratación que rexe o Concurso para a Concesión do servizo de recollida de lixo do Concello de Carballo mantivo unha xuntanza o luns 30 de xullo trala que se propón á empresa Urbaser para asumir a xestión do servizo durante os próximos 16 anos. Unha vez coñecida a resolución da mesa de contratación, despois de varias horas de xuntanza e unha vez comprobada toda a documentación, será o pleno da corporación o que ratifique a adxudicación, que tería un importe anual de 740.746,57 euros, IVE incluído, o que supón unha baixa de 31.000 euros sobre o prezo de licitación, de 771.992,36 euros. Entre as melloras ofertadas por Urbaser, hai que subliñar o aumento do horario do Punto Limpo e a Canceira Municipal; a creación de accesos para minusválidos en determinados colectores; un incremento no número de colectores obrigatorios que esixe o prego de condicións; o incremento nos tempos de recollida de envases, papel e vidro na zona rural; e unha mellora tecnolóxica coa presenza dun camión bicompartimentado, que permite recoller á vez envases e papel na zona rural. O proceso para a adxudicación do servizo de recollida de lixo principiou en xaneiro de 2012 con varias reunións dos voceiros municipais cos técnicos para analizar as principais claves da documentación, que conta con máis de 230 páxinas. O contrato foi aprobado nun pleno en marzo deste ano.

Felicitación aos dous axentes da Policía Local que colaboraron nas detencións por un intento de roubo na Horta do Casino

SUBLÍÑANSE OS SEUS DOTES PROFESIONAIS E POLICIAIS

Felicitación aos dous axentes da Policía Local que colaboraron nas detencións por un intento de roubo na Horta do Casino

Martes 31 de xullo do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de recibir unha comunicación do Ministerio do Interior, a través da Comandancia da Coruña da Dirección Xeral da Garda Civil e asinada polo Tenente Coronel Xefe Accidental, Jorge González Veiga, na que se felicita aos dous axentes da Policía Local que colaboraron nas investigacións e na detención de tres dos presuntos autores dunha tentativa de roubo dun vehículo e agresión no aparcadoiro público da Horta do Casino da capital municipal o pasado mes de marzo. As persoas detidas foron acusadas dun presunto delicto de roubo con violencia en grado de tentativa, dun suposto delicto de atentado a un axente e doutro de resistencia grave a axentes. Segundo a misiva, os dous axentes prestaron durante as investigacións realizadas nos días seguintes ao suceso "unha activa e valiosa colaboración", poñendo de manifesto os seus "dotes policiais e alto espírito profesional". Así, a Garda Civil desexa facer chegar a estes axentes a súa felicitación, "pola encomiable dedicación e espírito de cooperación demostrados, virtudes que contribuíron ao éxito do servizo, prestixiando, ao mesmo tempo, á Unidade á que pertencen". O Concelleiro de Seguridade, Xosé Regueira, xa ten remitido aos interesados esta felicitación oficial da Dirección Xeral da Garda Civil.

Unanimidade do pleno para dúas mocións: unha suprime a paga extra dos concelleiros con dedicación e outra apoia aos gandeiros

LUZ VERDE AO CONTRATO DO ENSINO DE VIOLÍN PARA O CONSERVATORIO

Unanimidade do pleno para dúas mocións: unha suprime a paga extra dos concelleiros con dedicación e outra apoia aos gandeiros

Martes 31 de xullo do 2012

A sesión plenaria ordinaria do mes de xullo celebrada o luns 30 supuxo a aprobación por unanimidade do pleno da corporación da supresión da paga extraordinaria do mes de decembro de 2012 aos cargos electos do Concello de Carballo que contan con retribución pola súa dedicación exclusiva, que son o Alcalde, Evencio Ferrero, a Tenente de Alcalde e Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; o Concelleiro de Obras, Servizos e Medio Rural, Luís Lamas; e o Concelleiro de Deporte, Medio Ambiente, Promoción e Emprego, Marcos Trigo. A medida supón unha redución dun 7,14 por cento nos ingresos anuais para estes catro membros da corporación. Tamén por unanimidade aprobouse unha moción presentada en nome dos sindicatos agrarios (Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores) para reivindicar ante a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura un prezo do leite igual ao do resto das comunidades autónomas, xa que en Galicia é o máis baixo de todo o Estado e incluso da Unión Europea. Así, en abril de 2012 os gandeiros galegos recibiron 29,9 euros por cada 100 litros, que está un 5,68 por cento por baixo do prezo medio estatal e un 15,06 por cento por baixo do que perciben os produtores andaluces.

Compartir: