Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Comisión de Urbanismo reúnese de novo o 25 de setembro para comezar a traballar nas propostas para modificar o PXOM

OS GRUPOS ANALIZARON O DOCUMENTO CO EQUIPO REDACTOR

A Comisión de Urbanismo reúnese de novo o 25 de setembro para comezar a traballar nas propostas para modificar o PXOM

Venres 7 de setembro do 2012

A Comisión de Urbanismo e Medio Rural vén de manter unha xuntanza na que os distintos representantes dos grupos políticos, acompañados de membros do equipo redactor e de técnicos municipais analizaron a documentación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo despois de que se entregase no Rexistro Municipal o planeamento ao completo a mediados do pasado mes de agosto. Na cita, que estivo presidida polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e que contou coa presenza da Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; do Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo; do Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas; dos concelleiros Alberto Sueiro e Juan Carlos Castro en representación do PP; de Manuel Andrade por TEGA; e de José Antonio Viña polo PSOE, ademais dos técnicos, acordouse manter unha nova reunión o martes 25 de setembro para comezar a estudar as propostas dos distintos grupos políticos e decidir cales serán incluídas no documento e cales serán desbotadas antes de proceder á aprobación inicial do PXOM no pleno da corporación. O plan de traballo acordado implica comenzar polo núcleo urbano para despois abordar o medio rural e poder incluír as modificacións que acorde a comisión, coas achegas de todos os partidos da corporación e mantendo as reunións que sexan necesarias.

Un total de 25 pilotos participan no II Dirt Track de Carballo que se converterá nunha homenaxe a Óscar da Beos

SÁBADO 15 DE SETEMBRO ÁS 20.30 HORAS NA CONTORNA DO CCB-GADIS

Un total de 25 pilotos participan no II Dirt Track de Carballo que se converterá nunha homenaxe a Óscar da Beos

Venres 7 de setembro do 2012

Unha pista situada nun circuíto pechado de 250 metros de lonxitude situada na contorna do Centro Comercial Bergantiños -CCB-Gadis- acolle o sábado 15 de setembro o II Dirt Track de Carballo que este ano estará dedicado ao recentemente falecido Óscar Martínez Díaz, Óscar da Beos, unha persoa "que vivía e sentía o mundo das dúas rodas", en verbas do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo. Está previsto que un total de 25 pilotos tomen parte nesta carreira nocturna, entre os que destacan o campión do ano pasado, Óscar Pérez, o campión de España de Supercross, Román Pérez, o Campión de España Cadete, Rubén Fernández, ou o actual campión portugués de Supermotor, Nuno González. Tamén hai que subliñar a presenza dos competidores locais: Juan Puga, Miguel García, Dani Carracedo e Sergio Castro. Despois do éxito e a espectacularidade da proba do ano pasado, dende a organización, un equipo de 20 persoas da escudaría Motor Bergantiños e a empresa Creativa Digital, teñen o obxectivo de superar as expectativas e que a cita sexa unha referencia a nivel galego e acabe consolidándose como unha carreira habitual no calendario. O Dirt Track comeza ás 20.30 horas e contará con atractivos para o público, como a participación dos asistentes nunha carreira de carretillos con premio, ou unha exhibición de pilotos de kart-cross.

O Conservatorio Profesional de Música abre o prazo de matrícula entre o venres 7 e o venres 14 de setembro

PARA TRÁMITES E MÁIS INFORMACIÓN: 1º ANDAR DO PAZO DA CULTURA

O Conservatorio Profesional de Música abre o prazo de matrícula entre o venres 7 e o venres 14 de setembro

Xoves 6 de setembro do 2012

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Educación e Cultura, informa de que todo o alumnado que rematara os seus estudos en xuño -ou na proba extraordinaria de setembro- e queira matricularse para o curso 2012-2013 no Conservatorio Profesional de Música, debe facelo entre o venres 7 e o venres 14 de setembro. Como este ano entran en vigor as novas taxas que rexen os servizos do Conservatorio, as cifras poden consultarse no BOP nº 161 de 24 de agosto de 2012, no que se publica a aprobación da Ordenanza Fiscal número 18 reguladora das taxas pola prestación de servizos no Conservatorio Municipal de Música de Carballo. Para realizar o trámite de matrícula ou calquera outro relacionado co centro, os interesados e interesadas poden dirixirse ao Pazo da Cultura (1º andar) nas oficinas de Cultura/Conservatorio. O horario de atención ao público é de 10.30 a 13.30 horas. Tamén poden chamar por teléfono ao número de teléfono 981 704 300 ou enviar un correo electrónico a <miguel@carballo.org>. Todo o alumnado preinscrito para entrar este ano no Conservatorio deberá agardar ao remate das matrículas. Unha vez finalizado este trámite, citarase telefonicamente aos interesados/as para manter unha xuntanza na que se tratará sobre o tema da elección de instrumento e dos prazos de nova matrícula.

Talía Teatro ultima o proceso creativo de  "O método Grönholm", estrea no Festival Outono de Teatro 2012

XOVES 11 E VENRES 12 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

Talía Teatro ultima o proceso creativo de "O método Grönholm", estrea no Festival Outono de Teatro 2012

Mércores 5 de setembro do 2012

A compañía Talía Teatro ultima estes días, a tan só uns días da estrea de "O método Grönholm" no FIOT 2012, a posta en escena desta coprodución que se creou integramente no escenario do Pazo da Cultura de Carballo. Esta semana organizáronse dous pases privados para ultimar detalles de escenografía e de iluminación, entre outros aspectos, ante un público reducido. En concreto, o venres 5 de outubro os elixidos foron 70 rapaces de 2º de Bacharelato dos tres institutos de Carballo: Monte Neme, Isidro Parga Pondal e Alfredo Brañas. A estrea de "O método Grönholm" está prevista para o 11 de outubro (reservada a abonados e a convidados), realizándose unha segunda función o venres 12, ambas ás 21.00 horas. Baixo a dirección do dramaturgo galego Xulio Lago, o elenco da compañía fundada por Artur Trillo e un axudante de dirección iniciaron os ensaios de "O método Grönholm" a mediados de agosto no Pazo da Cultura. Pouco a pouco fóronlle dando forma a este texto que se representa por primeira vez en galego. "O método Grönholm" comezou como obra teatral representada en catalán, escrita por Jordi Galcerán. Posteriormente, foi adaptada ao castelán, e tivo grande éxito en España e en Arxentina, ademais de representarse en Portugal. En 2005 dou nome a unha película coral cun reparto de luxo formado por Carmelo Gómez, Eduard Fernández, Adriana Ozores, Natalia Verbeke, Nawja Nimri, Eduardo Noriega, Ernesto Alterio e Pablo Echarri.

A Xunta Electoral vén de notificar a supresión da mesa da parroquia de Vilela por non chegar ao mínimo de 200 votantes

IMPUXÉRONSE MULTAS DE TRÁFICO POR 230.000 EUROS ENTRE 2011 E 2012

A Xunta Electoral vén de notificar a supresión da mesa da parroquia de Vilela por non chegar ao mínimo de 200 votantes

Martes 4 de setembro do 2012

A corporación carballesa celebrou o luns 3 de setembro o pleno correspondente ao mes de agosto, que contaba con tan só tres asuntos na orde do día, ademais da aprobación da acta da sesión anterior e os rogos e preguntas. Porén, fóra da orde do día, deuse a coñecer durante a sesión que a Xunta Electoral vén de notificarlle ao Concello a supresión da mesa 21B, correspondente á parroquia de Vilela, para as eleccións ao Parlamento Galego que se celebran o 21 de outubro. O motivo é que a mesa non conta co mínimo esixido de 200 electores -tendo xa tan só 209 nos pasados comicios municipais- polo que os votantes serán transferidos á mesa 21A de Centeás (Lema) que conta nestes momentos con 425 electores. Hai que lembrar que a decisión de suprimir a mesa recae na Xunta Electoral Central, o organismo competente nestes casos. Durante o apartado de rogos e preguntas o Concelleiro de Seguridade e Tráfico, Xosé Regueira, deu a coñecer, a petición do voceiro do PSOE, José Antonio Viña, -que se interesou polo estado da delegación da xestión dos expedientes sancionadores de tráfico á Deputación- que se teñen imposto sancións de tráfico por un importe de 229.675 euros entre 2011 e o que vai de 2012. Desa cantidade téñense recadado 109.569 euros a través do pago voluntario das multas.

A Brigada de Obras ten atendido más de 350 demandas dos veciños e veciñas no último trimestre, e máis de 1.000 no que vai de 2012

EXISTE UN SERVIZO DE ATENCIÓN PERMANENTE PARA A CIDADANÍA

A Brigada de Obras ten atendido más de 350 demandas dos veciños e veciñas no último trimestre, e máis de 1.000 no que vai de 2012

Martes 4 de setembro do 2012

O Concello de Carballo, a través das concellarías de Obras e Servizos -que dirixe Luís Lamas- e de Medio Ambiente -que dirixe Marcos Trigo-, quere lembrarlle aos veciños e veciñas que existe á súa disposición un servizo permanente de atención a través do que poden expresar as demandas que consideren oportunas en materias como o programa Carballo Limpo, o alumeado público, a limpeza de espazos públicos, a reparación de mobiliario urbano, o mantemento de edificios e instalacións deportivas, problemas cos servizos de auga, luz ou saneamentos ou a reparación e substitución de sinais de tráfico e indicadores ou arranxo de baches. Calquera veciño ou veciña pode formalizar as súas peticións a través do 981 704 700 ou ben no correo <infocarballo@carballo.org>. As Brigadas de Obras e Medio Ambiente solucionarán as demandas coa maior celeridade que sexa posible e dependendo da súa carga de traballo. No terceiro trimestre do ano, correspondente aos meses de xullo, agosto e setembro, o Concello ten atendido e solucionado un total de 358 pedimentos da cidadanía, dos que un total de 214 se refiren ao alumeado público, unha vez máis un dos servizos máis solicitados, especialmente no mes de agosto con 85 peticións. En segundo lugar o Concello rexistrou un total de 87 peticións referentes aos servizos incluídos no programa Carballo Limpo. No que vai de 2012 os cidadáns teñen realizado 1036 peticións de arranxos en todo o municipio.

Os actores Alberto San Juan e Willy Toledo visitan o FIOT 2012 da man da compañía Animalario e a obra "El Montaplatos"

O PREMIADO ANDRÉS LIMA DIRIXE A PROPOSTA

Os actores Alberto San Juan e Willy Toledo visitan o FIOT 2012 da man da compañía Animalario e a obra "El Montaplatos"

Luns 3 de setembro do 2012

O Concello de Carballo e a Asociación Cultural Telón e Aparte veñen de anunciar a presenza na XXI edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Animalario, unha das compañías contemporáneas máis reputadas da escena nacional, que ofrecerá na capital de Bergantiños unha das poucas actuacións que ten previstas en Galicia. Así, presentarán no auditorio carballés a súa última produción, "El montaplatos", unha adaptación libre de "El camarero tonto" do dramaturgo e Nobel británico Harold Pinter, realizada polo actor Alberto San Juan, que é, ademais, coprotagonista xunto a Guillermo "Willy" Toledo. Neste cara a cara están dirixidos por Andrés Lima, que recibiu no 2001 o Premio Max Revelación por "El fin de los sueños" e que a día de hoxe acumula xa máis de 15 destes galardóns. "A elección do Pazo da Cultura como lugar de representación desta montaxe de alto nivel confirma a boa reputación que o Outono de Teatro ten entre as compañías profesionais españolas", subliñan dende a organización. Respecto da compañía, hai que mencionar que a historia deste grupo teatral xorde en 1996, cando os actores Alberto San Juan, Guillermo Toledo, Nathalie Poza e Ernesto Alterio forman a compañía Ración de Oreja, coa que presentan a montaxe "Animalario", que sería o primeiro texto como autor de Alberto San Juan. Máis adiante a compañía adoptaría o nome da súa primeira produción.

O Concello e Reave emprenden unha campaña de reparto de funís para facilitar a recollida e reciclaxe de aceite de cociña usado

HABERÁ UN STAND PROMOCIONAL NA FEIRA DO 9 DE SETEMBRO

O Concello e Reave emprenden unha campaña de reparto de funís para facilitar a recollida e reciclaxe de aceite de cociña usado

Venres 31 de agosto do 2012

A empresa Reave, Recollidas de Aceite Vexetal SL, e o Concello de Carballo emprenden nos próximos días unha campaña para repartir arredor de 2.000 embudes ou funís de plástico co obxecto de facilitar a recollida e reciclaxe de aceite de cociña usado. Os interesados e interesadas tan só teñen que achegarse ao stand que a empresa colocará na feira do domingo 9 de setembro levando unha botella de aceite usado, aínda que non estea chea por completo. A cambio recibirán un funil como agasallo e recibirán explicacións sobre o seu funcionamento. Os embudes son perfectamente adaptables cunha rosca ás botellas de plástico de auga e de refrescos de dous litros nas que se pode verter o aceite usado (de xirasol, de oliva, de millo, de soia, etc.) ou o aceite das conservas. O único que hai que facer é retirar o tapón da botella de plástico e enroscar o funil, que ademais conta cunha tapa para evitar olores e fugas. Unha vez chea a botella (que non pode ser de lata, nin de vidro, nin de ningún material que non sexa plástico) péchase co seu propio tapón e deposítase nos diferentes colectores de cor laranxa que están situados dende o mes de xullo en varios edificios de titularidade municipal: Casa do Concello, Mercado Municipal, Pazo da Cultura, Fórum Carballo, Ambulatorio Vello, Piscinas Vila de Noia e Carballo Calero.

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o V Autocross Bergantiños, proba puntuable para o Campionato Galego

SÁBADO 1 DE SETEMBRO A PARTIRES DAS 9.00 HORAS

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o V Autocross Bergantiños, proba puntuable para o Campionato Galego

Xoves 30 de agosto do 2012

O Circuíto Municipal de Motor de Bértoa acolle o sábado 1 de setembro o V Autocross Bergantiños, proba puntuable para o Campionato Galego de Autocross na que participan arredor de 70 pilotos. Kiko Rojo, presidente da Escudaría Bergantiños Motor, organizadora da cita, explica que ao quedar tan só dúas probas para a finalización da competición galega, os favoritos xa están nas primeiras posicións e por iso a participación non é tan elevada como desexarían. Aínda así, a emoción estará en que 19 dos 70 pilotos da cita son carballeses, e algúns deles ocupan os primeiros postos nas clasificacións. A proba conta con tres categorías: en -1.600 c.c. o local Alfonso Álvarez ocupa a segunda posición, a tan só catro puntos do primeiro clasificado; os carballeses Sergio Cancela e Manuel Caamaño ocupan o 1º e 2º posto, respectivamente, en categoría +1.600 c.c.;por último, en Kart-cross, Javier Ramilo "Covas", de Sofán, ocupa o terceiro posto, moi cerca do segundo clasificado e con posibilidades de victoria, xa que foi o gañador na anterior edición desta proba. Rojo resalta que, debido á escasa diferenza de puntos, probablemente a proba de Carballo acabe sendo decisiva nalgunha categoría, o que a fai especialmente atractiva para o público.

A Praza dos Libros mantén o nivel de vendas e aumenta a participación con respecto a edicións anteriores

OS LIBREIROS RECADARON ARREDOR DE 16.000 EUROS

A Praza dos Libros mantén o nivel de vendas e aumenta a participación con respecto a edicións anteriores

Martes 28 de agosto do 2012

O Concello de Carballo realiza un balance positivo da Praza dos Libros 2012, que tivo lugar entre o xoves 23 e o domingo 26 de agosto no Xardín Municipal da capital bergantiñá. Así, nesta edición aumentou a participación de público e visitantes con respecto a anos anteriores, e practicamente se mantiveron as vendas, cun descenso de arredor do 5 por cento con respecto á edición do pasado ano. Ao longo dos catro días de feira pasaron pola Praza dos Libros miles de persoas e máis 1.500 participaron nas case 20 actividades programadas, entre presentacións de libros, actos de sinatura por parte dos/as autores/as, actividades de animación, concertos, etc. Con respecto ao nivel de vendas, houbo uns ingresos por adquisición de libros de 16.000 euros. Esta cifra é similar ás das edicións de 2009 e 2010, supera os 15.000 euros de ingresos da edición de 2008 e supón un descenso de arredor do 5 por cento con respecto aos 17.000 euros recadados en 2011. Así, na Praza dos Libros vendéronse uns 1.500 volumes, o 60 por cento en galego e o 40 por cen en castelán. Por tanto, por segundo ano consecutivo, na feira literaria de Carballo vendéronse máis títulos en galego ca en castelán. Un dos máis vendidos foi "Esperando o leiteiro", de Xosé Neira Vilas.

O Alcalde recibe aos participantes no encontro do proxecto europeo "Práctica deportiva e inclusión social"

COn ENTIDADES DE CARBALLO, ITALIA, ESLOVAQUIA, FRANCIA E GRECIA

O Alcalde recibe aos participantes no encontro do proxecto europeo "Práctica deportiva e inclusión social"

Luns 27 de agosto do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, vén de recibir na Casa do Concello aos participantes no encontro do proxecto europeo "Práctica deportiva e inclusión social" que se desenvolve entre o domingo 26 e o mércores 29 de Agosto. Este encontro, organizado polas Escolas de Balonmán Xiria, é o terceiro dos cinco nos que se divide esta iniciativa que trata de poñer en común as boas prácticas deportivas que funcionan de xeito particular en cada país, e que están relacionadas coa procura do xogo limpo, da igualdade de oportunidades e de xénero e da interacción entre diferentes xeracións. Desta volta teñen participado representantes de entidades de Italia, Francia, Grecia e Eslovaquia, ademais de das Escolas de Xiria, todos eles presentes na Alcaldía. Durante a recepción, na que unha das responsables do proxecto tivo que ir traducindo as verbas dos protagonistas, Ferrero desexou que a estadía sexa proveitosa e útil "para coñecer a nosa realidade" e que "a experiencia nos axude a nós nas nosas actividades e ás vosas asociacións". Así mesmo, subliñou a importancia destes intercambios entre países "para construír unha Europa dos cidadáns" e para axudar a crear "a sociedade carballesa do futuro".

Aprobado en Xunta de Goberno o expediente de contratación para a creación dunha "Rede de saneamento na parroquia de Artes"

LUZ VERDE PARA O PROGRAMA DE EXERCICIO FÍSICO PARA MAIORES

Aprobado en Xunta de Goberno o expediente de contratación para a creación dunha "Rede de saneamento na parroquia de Artes"

Luns 27 de agosto do 2012

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o expediente de contratación para a construción dunha "Rede de saneamento na parroquia de Artes", un proxecto incluído no Plan Provincial de Cooperación de Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS) 2012. A actuación conta cun orzamento de contrata de 68.312,67 euros e o proxecto foi aprobado polo pleno municipal nunha sesión ordinaria en novembro de 2011. Os criterios de adxudicación son o programa de traballo e de actuación medioambiental, o plan de control de calidade, o esquema do plan de seguridade e saúde e a oferta económica, tendo esta última unha puntuación máxima de 40 puntos. Así mesmo, a orde do día da Xunta de Goberno inclúe a solicitude dunha subvención para desenvolver o proxecto de obradoiro de emprego "Obradoiro de Hostalería" ao abeiro da Orde do 27 de xullo de 2012 da Consellería de Traballo e Benestar para programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia. As accións formativas incluídas na iniciativa serían: operacións básicas de cociña e operacións básicas de restaurante e bar para un total de 24 alumnos maiores de 25 anos e cunha duración de seis meses e 960 horas formativas. O orzamento previsto para desenvolver o obradoiro é de 220.597, 92 euros.

Compartir: